Maxia

A maxia (do grego μαγεία) é o conxunto de artes, coñecementos e prácticas coas que se pretende producir resultados contrarios ás leis naturais coñecidas, valéndose de certos actos ou palabras, ou ben coa intervención de seres fantásticos.Estes poderes especiais adoitan ser atribuídos a magos, meigas e bruxas. Pode ser usada para facer o ben ou o mal.

A maxia e un fenómeno que existiu primitivamente en todas culturas. Polo tanto é un concepto elaborado en varias teorías intelectuais. Disciplinas como a antropoloxía, a filosofía e a socioloxía vano utilizar sen danlle sempre a mesma función na evolución do pensamento humano e na relación que ten coa relixión e o coñecemento.

Saluzzo-Castello della Manta-mago
Reprodución dun meigo consultando un grimorio.

Véxase tamén

Outros artigos

Albus Dumbledore

Albus Percival Wulfric Brian Dumbledore é un personaxe de ficción da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. Fai a súa primeira aparicion no primeiro libro, Harry Potter e a pedra filosofal, e durante a meirande parte da saga é o director da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Como parte da súa historia, revélase que é o fundador e líder da Orde do Fénix, unha organización dedicada a loitar contra o antagonista principal da serie, Lord Voldemort.

Babidi

Babidi (バビディ) é un personaxe de ficción da serie de manga e anime Dragon Ball. Aínda que a súa raza é descoñecida, sábese que é fillo do mago Bibidi, quen foi o fundador da familia Makai. O seu símbolo é a "M" que levan ambos no cinto dos seus traxes ó igual que a fronte de aqueles que son controlados pola súa maxia.

O seu nome provén dun xogo de palabras entre os nomes "Bibidi Babidi Boo", xa que son parte da letra da canción de Cinsenta, un clásico de Disney.

Este mago chegou á Terra coa intención de sacar a Majin Boo da esfera na que o seu creador, Bibidi, o tiña pechado, para poder dominar o Universo. Babidi ten a capacidade de influír nas mentes de todo aquel que teña un mínimo de maldade. Ó dominalos e pasalos a estado Majin, sae o poder oculto dos seus novos escravos.

Bandua

Bandua foi un dos principais deuses dos galaicos e lusitanos, considerado o deus da guerra e vinculado á tradición céltica centroeuropea. Está encadrado polos investigadores como un deus indoeuropeo da primeira función (segundo estudos de Georges Dumézil). Estes deuses caracterízanse por usar a "maxia dos lazos", pola cal ataba aos seus inimigos ou vinculaban maxicamente aos seus seguidores. A estrutura social de confrarías de guerreiros que vivían no monte adicados ao oficio da guerra e a caza xerou o culto, adoptando actitudes e maneiras que reproducen aspectos da divindade á que se vinculaban maxicamente.

Bruxaría

A bruxaría é o grupo de crenzas, coñecementos prácticos e actividades atribuídos a certas persoas chamadas meigas (existe tamén a forma masculina, bruxos, aínda que é menos frecuente) que están supostamente dotadas de certas habilidades máxicas que empregan coa finalidade de causar dano.

A crenza na bruxaría é común en numerosas culturas dende a máis remota antigüidade, e as interpretacións do fenómeno varían significativamente dunha cultura a outra. No Occidente cristián, a bruxaría relacionouse frecuentemente coa crenza no Diaño, especialmente durante a Idade Moderna, en que se desatou en Europa unha obsesión pola bruxaría que desembocou en numerosos procesos e execucións de meigas (o que se denomina «caza de bruxas»). Algunhas teorías relacionan a bruxaría europea con antigas relixións pagás da fertilidade, aínda que ningunha delas puido ser demostrada. As meigas teñen unha grande importancia no folclore de moitas culturas, e forman parte da cultura popular.

Aínda que este é o concepto máis frecuente do termo «bruxa», dende o século XX o termo foi reivindicado por seitas ocultistas e relixións neopagás, como a Wicca, para designar a todas aquelas persoas que practican certo tipo de maxia, sexa esta maléfica (maxia negra) ou benéfica (maxia branca), ou ben ós adeptos dunha determinada relixión. É considerada a bruxaría, unha forma de espiritismo.

Un uso máis extenso do termo emprégase para designar, en determinadas sociedades, ós magos ou xamáns.

Demo

Un demo é, segundo o cristianismo, un anxo que se rebelou contra Deus e que pasou a loitar pola perdición da humanidade. Na antigüidade, porén, o termo tiña outra connotación, referíase a un xenio que inspiraba os individuos tanto para o ben coma para o mal.Nas relixións do Oriente Medio, así como nas derivadas das tradicións abrahámicas, incluíndo a demonoloxía medieval cristiá, un demo é considerado un "espírito impuro", o cal pode causar unha posesión demoníaca e pode ser expulsado polo ritual do exorcismo. No ocultismo de Occidente e a maxia renacentista (unha mestura de maxia greco-romana, demonoloxía xudía e tradición cristiá), un demo é unha entidade espiritual que pode ser conxurada e controlada. Na literatura moitos dos demos foron anxos caídos.

Devorador da Morte

No mundo de ficción da serie Harry Potter, os Devoradores da Morte constitúen un grupo de meigos e meigas, liderados polo Señor Escuro, Lord Voldemort, principal antagonista dos libros, que procuran a purificación da comunidade máxica mediante a eliminación dos nacidos de muggles. Tamén pretender crear unha nova orde a través do Ministerio de Maxia e causar medo na comunidade asasinando oficiais importantes e outros inimigos, entre os que están os membros da Orde do Fénix.

Os Devoradores da Morte recoñécense pola Marca Escura que teñen no antebrazo, un sinal creado por Lord Voldemort para convocalo a el de xeito inmediato, ou ao revés. Adoitan vestir con máscara e unha túnica negra con carapucha. A primeira aparición dos Devoradores da Morte como grupo é na novela Harry Potter e o Cáliz de fogo, aínda que varios membros, como Lucius Malfoy, Peter Pettigrew e Severus Snape, xa saíran por separado nalgún dos libros anteriores.

Eir

Eir ("axuda" ou "piedade") é, na mitoloxía nórdica, unha Ásynjur. Coñecía as propiedades medicinais das herbas e era capaz da resurrección. Só as mulleres podían aprender a arte da curación en Escandinavia. Era boa amiga de Frigg.

Era unha das deusas na montaña Lyfia ("curar con maxia"). Pódese relacionar cos Vanir polo feito de coñecer as propiedades curativas de plantas e herbas.

É mencionada brevemente nas Eddas de Snorri Sturluson e nalgunhas kenningar.

Filosofía da natureza

A filosofía da natureza, ás veces chamada filosofía natural ou cosmoloxía é o nome que recibiu a rama da ciencia que hoxe coñecemos como física ata mediados do século XIX. Así, o coñecido tratado de Isaac Newton, Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica debería entenderse como Principios Matemáticos da Física.

Harry Potter (personaxe)

Harry James Potter é o personaxe principal e un dos protagonistas da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. A historia principal dos libros cobre sete anos na vida deste mozo orfo que, no seu undécimo aniversario, descobre que é meigo. Asiste á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería para aprender maxia guiado polo director Albus Dumbledore. Harry tamén descobre que é famoso no mundo máxico e que o seu destino está ligado co de Lord Voldemort, o meigo escuro asasino da nai e mais o pai de Harry.

Harry Potter e a Orde do Fénix

Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.Harry Potter e a Orde do Fénix é a quinta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro conta as aventuras do quinto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, que debe enfrontarse ao regreso do seu inimigo Lord Voldemort, os exames E.M.O. e a un Ministrerio de Maxia que pon trabas.

O libro saíu á venda o 21 de xuño de 2003 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de decembro de 2008 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Laura Sáez. O libro gañou varios premios, entre os que destaca o mellor libro para xente nova segundo a American Library Association concedido en 2003. Durante as 24 primeiras horas da posta á venda, a novela vendeu cinco millóns de copias. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2007.

Harry Potter e a Orde do Fénix (filme)

Harry Potter e a Orde do Fénix (en inglés: Harry Potter and the Order of the Phoenix) é un filme de fantasía e drama dirixido por David Yates e baseado na novela homónima escrita por J. K. Rowling. É o quinto filme da serie de filmes de Harry Potter. Foi escrito por Michael Goldenberg e producido por David Heyman e David Barron. A historia céntrase no quinto ano de Harry Potter na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, durante o que o Ministerio de Maxia rexeita a idea do regreso de Lord Voldemort. A película está protagonizada por Daniel Radcliffe como Harry Potter, con Rupert Grint e Emma Watson como os mellores amigos de Harry, Ron Weasley e Hermione Granger. O resto do elenco inclúe a Ralph Fiennes, Michael Gambon, Imelda Staunton, Gary Oldman e Helena Bonham Carter.

O filme tivo a súa estrea nos Estados Unidos o 11 de xullo de 2007 e no Reino Unido e o 12 de xullo de 2007. Foi a primeira película de Harry Potter en proxectarse en cines IMAX 3D, aínda que tamén se estreou en salas convencionais e con IMAX. A recadación nas salas internacionais ascende a 938,2 millóns de dólares estadounidenses.

Harry Potter e o Cáliz de fogo

Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.Harry Potter e o Cáliz de fogo é a cuarta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro narra o acontecido durante o cuarto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, lugar que serve de sede para a celebración do Torneo Tres Meigos que reúne os alumnos de tres escolas de maxia. Harry vese forzado a participar nesta perigosa competición; a novela culmina co regreso de Lord Voldemort.

O libro saíu á venda o 8 de xullo de 2000 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de novembro de 2005 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Eva Almazán. Ao ano seguinte da súa publicación orixinal gañou un Premio Hugo. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2005.

Hogwarts

A Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería ou simplemente Hogwarts é un internado ficticio de maxia para meigos e meigas de entre once e dezasete anos no Reino Unido e Irlanda. Trátase do escenario principal dos primeiros seis libros da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling; as novelas duran o equivalente a un ano escolar. En Harry Potter e as reliquias da morte, porén, a meirande parte do libro sitúase fóra de Hogwarts, xa que os protagonistas, Harry Potter, Ron Weasley e Hermione Granger, non asisten ao seu último ano na escola. No clímax deste último libro, a batalla final prodúcese en Hogwarts.

Rowling indicou que tomou o nome do colexio da planta Croton capitatus (chamada "hogwort", en inglés), que vira no Xardín Botánico Real de Kew algún tempo antes de escribir a serie Harry Potter, aínda que os nomes "The Hogwarts" e "Hoggwart" xa aparecen no libro How To Be Topp escrito por Geoffrey Willans.

Hécate

Hécate (grego antigo Ἑκάτη, Hekátē) é unha deusa da mitoloxía e da antiga relixión grega, que adoita ser representada sostendo dous fachos ou unha chave, e en períodos posteriores na súa forma tripla. Estaba asociada cos cruces de camiños, o lume, a luz, a Lúa, a maxia, a feiticería, o coñecemento das herbas e plantas velenosas e a necromancia. Tiña goberno sobre a terra, o mar e o ceo, así como un papel como salvadora (Soteira), nai de anxos e alma do mundo cósmico. Era unha das principais deidades adoradas nos fogares atenienses como deusa protectora da familia e proporcionadora de properidade.O seu culto puido terse orixinado entre os carianos de Anatolia, onde variantes do seu nome poden atoparse en nomes dados a nenos. Está relacionada coa deusa romana Trivia, coa que é identificada.

Mago

Un mago (do persa antigo magus, por mediación do grego e finalmente do latín magus) adoita referirse en termos modernos a unha especie de astrólogo ou adiviño, que practica maxia ou feiticería ou bruxería. Comunmente, "Mago" refírese a feiticeiro masculino, e "Bruxa" a unha feiticeira. O sentido orixinal da palabra Mago, referíase os integrantes dunha tribo de Media e logo aos sacerdotes persas.

Meiga

Segundo a tradición popular, unha meiga é a muller con coñecementos de maxia e bruxaría, ademais de menciñeira. Entre as súas cualidades figuran a capacidade para facer feitizos e meigallos, males de ollo e adiviñación.

Universo de Harry Potter

O universo ficticio de Harry Potter creado por J. K. Rowling na saga de novelas de fantasía comprende dúas sociedades distintas e separadas: o mundo máxico e mais o mundo dos muggles. Ambos os mundos coexisten na mesma realidade; o primeiro deles, agochado para os habitantes do outro, é onde se sitúa a trama principal da serie, nunha Gran Bretaña contemporánea na que a maxia é real e aqueles que poden empregala viven á parte dos muggles, que a descoñecen; o segundo é o nome outorgado ao mundo habitado pola poboación muggle ou non-máxica.

Wicca

A Wicca é unha relixión neopagá influenciada por crenzas precristiás e prácticas de Europa occidental que afirma a existencia dun poder sobrenatural, como a maxia, e os principios físicos e espirituais masculinos e femeninos que se integran coa natureza, e que celebra os ciclos da vida e os festivais estacionais, coñecidos como Sabbats, os cales ocorren, polo normal, oito veces por ano.

A Wicca é unha relixión politeista, de culto basicamente dualista, que cre tradicionalmente na Mai Tripla e no Deus con Cornos. Estas dúas deidades vense moitas veces como as caras dunha divindade panteísta maior, ou que se manifestan como varias divindades politeístas. A Wicca inclúe a práctica ritual da maxia, en parte influenciada pola maxia cerimonial, moitas veces en conxunto cun código moral coñecido como a "Wiccan Rede", aínda que non é unha regra.

Existen varias tradicións dentro da Wicca. Algunhas, como a Wicca Gadneriana e a Alexandrina, seguen a liñaxe iniciática de Gadner ou Alex Sanders. A ambas denomínaselles Wicca Tradicional Británica, e moitos dos seus practicantes consideran que o termo "wicca" só se lles pode aplicar a eles. Outras, como a Faery Wicca ou as Tradicións diánicas, teñen outras figuras como principais influencias e non se centran tanto na liñaxe da tradición. Algunhas destas tradicións neopagás non usan o termo "Wicca" para referirse a eles mesmos, preferindo "Bruxería", mentres que outros cren que todas estas tradicións poden considerarse wiccanas.

Ásatrú

Ásatrú (Asa-Trú. Literalmente, Fiel ou Lealdade aos Deuses) é a recreación moderna da antiga relixión precristiana do Centro e Norte de Europa. Esta relixión tamén é coñecida como Norsk Sede (Tradición Nórdica), Forn Sede (Antiga Tradición), Vanatrú (o culto a deuses Vanir), Vor Sidr (A nosa tradición), Teodish (Fe Anglosaxoa),ou Odinismo. Formas clásicas destes cultos foron practicadas en Galicia en tempos dos Suevos, sendo a expresión relixiosa pagá da que mais información se conserva das practicadas no norte peninsular.

Ásatrú é un movemento espiritual orixinado o 16 de maio de 1973 en Islandia polo poeta Sveinbjörn Beiteinsson. Este fundou o grupo Ásatrúarmenn ('Os homes que confían nos deuses'), actualmente chamada Ásatrúarfélagið ('Asociación dos que confían nos deuses'). Esta corrente espiritual busca de recuperar as tradicións e relixión de pobos nórdicos.

Esta tradición pagá baséase no culto aos Deuses Æssir e Vanir, os Elfos, Disar e os Devanceiros familiares. As cerimonias practicadas son coñecidas como Blót, unha libación comunitaria en honra dos deuses. Entre o credo relixioso inclúese elementos do folclore dedicado aos cambios e estacións da Natureza, tradicións populares, poesía tradicional, elementos espirituais e algúns de carácter máxico (Maxia Rúnica e xamanismo nórdico coñecido como Seidr).

Entre os seus Deuses máis coñecidos podemos destacar: Odín (O Altísimo), Freyja, Frigga, Loki, Thor e Balder ou Baldr, e a lista pode continuar.

Esta relixión ten diferentes modelos de reconstrución segundo a súa diferentes tendencias. A base adoita ser a partir do modelo viquingo xa que é o que contén máis información. Algúns grupos reconstruíron a partir de antigas tribos como visigodos, anglosaxóns, teutóns, lombardos, burgundios etc.

Un dos termos para chamar a un Ásatrú é Ásatrúarmadr, pero hai un termo xenérico, Heathens (Pagáns). Durante a Cristianización do Norte de Europa, os misioneiros chamaron aos practicantes desta antiga relixión «salvaxes» (inglés moderno: Heathen / inglés medio: Hethen / inglés antigo: Hæthen / antigo alto alemán: Heidan), debido a que os últimos redutos da antiga relixión foron, precisamente, as zonas «non civilizadas», é dicir os brezales ou terras salvaxes.

O termo Ásatrú é un neoloxismo acuñado no contexto do romanticismo nacionalista do século XIX, utilizado por primeira vez por Edvard Grieg na súa ópera Olaf Trygvason, de 1870, a práctica relixiosa en si é unha reconstrución do culto ancestral dos pobos xermánicos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.