Marxismo-leninismo

O marxismo-leninismo é unha corrente ideolóxica do marxismo que xurdiu como tendencia principal entre os partidos comunistas na década de 1920, cando foi adoptada como fundamento ideolóxico da Internacional Comunista durante a época de Stalin. Porén, en diversos contextos, grupos políticos diferentes e ás veces opostos teñen utilizado o termo "marxismo-leninismo" para describir a ideoloxía que din publicamente defender.

Marx Engels Lenin
Marx, Engels e Lenin.

Historia do termo e uso

Segundo G. Lisichkin[1], a concepción do marxismo-leninismo como unha ideoloxía separadamente do marxismo ten a súa orixe na obra de Stalin "As cuestións do leninismo". Durante o período do goberno stalinista, o marxismo-leninismo foi proclamado como a ideoloxía oficial do Estado[2], aínda cando científicos políticos e historiadores continúan hoxe a discutir en que medida Stalin seguiu o modelo e os principios de Karl Marx e de Lenin. En particular, os trotskistas consideran que, de feito, Stalin contradixo o auténtico "marxismo-leninismo", e utilizan o termo bolxevismo-leninismo para describir a súa propia ideoloxía comunista antistalinista. E os comunistas de esquerda rexeitaron o marxismo-leninismo como corrente antimarxista.

Despois da ruptura sino-soviética, os partidos comunistas da Unión Soviética e da República Popular da China reclamaron ser os herdeiros intelectuais do marxismo-leninismo. Na China, o discurso foi que Mao Tse Tung tiña adaptado do marxismo-leninismo ás condicións chinesas, dando orixe ao termo "marxismo-leninismo-maoísmo" como ideoloxía de Estado, así como base ideolóxica daqueles partidos que, a nivel internacional, simpatizan co Partido Comunista da China, como, por exemplo, o Partido Comunista de Filipinas ou o Partido Comunista de Perú (Sendero Luminoso), que defendeu o marxismo-leninismo-maoísmo co argumento de que constitúe un estadio mais avanzado do marxismo. Fronte a isto, despois da ruptura sino-albanesa, un pequeno grupo de marxistas-leninistas comezaron a rexeitar o papel de Mao Tse Tung no movemento comunista internacional en favor do Partido do Traballo de Albania e da súa adherencia estrita ao stalinismo.

En Corea do Norte, o marxismo-leninismo foi oficialmente substituído polo Juche en 1977, en cuxa concepción de clase e de loita de clases o marxismo-leninismo non xoga un papel significativo. Porén, o goberno norcoreano é a miúdo referido como marxista-leninista -ou máis comunmente como stalinista- debido á súa política e á súa estrutura económica.

Na actualidade, nos outros tres Estados considerados comunistas (Cuba, Laos e Vietnam), os partidos gobernantes sosteñen o marxismo-leninismo como a súa ideoloxía oficial, mesmo cando, na realidade, teñen distintas prácticas. Fora deses países, algúns partidos comunistas actuais continúan a considerar o marxismo-leninismo como a súa ideoloxía básica, modificada para se adaptar ás novas circunstancias locais.

En calquera caso, existe unha ampla confusión popular derivada da complexidade terminolóxica para denominar os sistemas de pensamento derivados do marxismo, o que, pola súa vez, se ve ampliado na medida en que o termo marxismo-leninismo é a miúdo utilizado (por exemplo, por multitude de xornais e outros medios de comunicación) para denominar calquera tipo de marxismo.

Escolas filosófico-políticas denominadas marxistas-leninistas

Tal como se ten referido, existen diversas correntes de pensamento marxista que reclamaron seguir as liñas políticas do marxismo-leninismo ou ás que se lle impuxo esta terminoloxía. Entre elas, están:

Notas

  1. Г. Лисичкин, Мифы и реальность, Новый мир, 1989, № 3, с. 59 (en ruso)
  2. Александр Бутенко, Социализм сегодня: опыт и новая теория// Журнал Альтернативы, №1, 1996, с. 3-4 (en ruso)
Anticapitalismo

O anticapitalista refírese á oposición, total ou parcialmente, ó capitalismo. O termo abrangue unha extensa colección de ideoloxías. En xeral, algúns anticapitalistas poden estar a favor dalgún tipo de colectivismo ou comunitarismo económico ou social, mais non todos e non necesariamente (existen anticapitalistas que defenden diferentes niveis de propiedade privada).

Antiimperialismo

O antiimperialismo é unha posición política xurdida a finais do século XIX que se caracteriza por unha categórica oposición ó imperialismo. O pensamento antiimperialista está estreitamente vinculado ó cuestionamento dos mecanismos de dependencia neocolonial caracterizados por mecanismos de suxeición económicos e financeiros, así como os chamados procesos de liberación nacional.

Comunismo

O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado.O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa. O ideario comunista converteuse a comezos do século XIX nun complexo proxecto económico industrial grazas ás diferentes correntes do chamado socialismo utópico, do anarcocomunismo e as ramas obreiras do comunismo cristián. O actualmente máis coñecido destes movementos foi o que adoptou a escola do denominado socialismo científico dos pensadores alemáns Karl Marx e Friedrich Engels, baixo a cal sería rebautizado como Liga dos Comunistas. Pola influencia da súa obra, o movemento comunista adoptou unha interpretación revolucionaria da historia e a forma de partido político, converténdose logo nunha organización internacional unificada baixo a doutrina marxista.

Segundo o marxismo, a historia é entendida como un permanente conflito polo excedente material, cuxo inicio se debe á aparición da propiedade. As diferentes formas de propiedade poñen fin ao comunismo primitivo e estratifican á sociedade en clases de acordo ás súas relacións de produción. As diferentes relacións de produción que vinculan aos homes e mulleres requiren da explotación, e estas relacións xeran co tempo as condicións para ser substituídas por outras formas de explotación superiores, nunha secuencia revolucionaria de modos de produción. En cada un destes modos desenvólvese unha loita de clases interna entre os diferentes tipos de traballadores e explotadores que os integran, e que se resolve co xurdimento de novas clases dominantes. Con todo, a sociedade capitalista xera unha serie crecente de crises internas e cíclicas que só poden ser resoltas polos seus traballadores asalariados nunha revolución proletaria, que require á súa vez da construción do comunismo. Para chegar a este fin debe organizarse un partido comunista que conquiste o poder político liderando unha fase de transición na que o Estado funcione como unha ditadura do proletariado. Este período termina cando desaparecen as clases sociais, o cal leva a que o Estado, de acordo á súa concepción como ferramenta de dominación dunha clase sobre a outra, deba extinguirse. A esta transición séguenlle inmediatamente dous períodos no desenvolvemento do comunismo: unha primeira fase e unha fase superior. Existen discrepancias cruciais entre as diferentes correntes do marxismo sobre cal debería ser a natureza de cada unha destas tres fases.

Cuarta Internacional

A Cuarta Internacional foi unha organización de diversos partidos comunistas arredor do mundo, que traballaba en oposición ó stalinismo e o capitalismo. Os integrantes seguían as ideas do revolucionario Lev Trotski, e traballaban a prol do proletariado para acadar o socialismo.

Economía marxista

A economía marxista é a escola de pensamento económico inspirada na obra de Karl Marx. Malia que existe unha gran variedade de autores de diferentes correntes que utilizan en maior ou en menor medida as categorías económicas elaboradas por Marx na súa obra principal O Capital como forza de traballo, plusvalía, explotación ou exército industrial de reserva entre outras, a escola marxista propiamente dita estaría integrada por aqueles autores que se caracterizan por unha análise crítica do capitalismo como modo de produción e suscitan a necesidade da

superación deste.

Enver Hoxha

Enver Halil Hoxha (ɛnˈvɛɾ ˈhɔdʒa (Escuchar) ), nado en Gjirokastra o 16 de outubro de 1908 e finado en Tirana o 11 de abril de 1985, foi un xefe de Estado e ditador albanés, dirixente da República Popular de Albania dende 1944 ata a súa morte. Desempeñou as funcións de secretario xeral do Partido do Traballo de Albania (PPSH) entre 1941 e 1985, así como o cargo de primeiro ministro de Albania entre 1944 e 1955.

Completou a educación secundaria no Liceo Nacional de Albania (Korçë) e máis tarde obtivo unha bolsa para estudar na universidade de Montpellier. Aínda que de novo xa mostraba interese pola política, a súa experiencia en Francia foi a que o levou a militar en organizacións comunistas. En 1941, durante a segunda guerra mundial, foi un dos fundadores do Partido Comunista de Albania e combateu cos partisanos albaneses que liberaron o país en 1944, primeiro dos invasores italianos e despois do exército alemán. A través do Consello Antifascista de Liberación Nacional, presidido por el, o novo goberno derrogou o réxime monárquico de Zog I para establecer a República Popular de Albania.

Os 41 anos de mandato ininterrompido de Hoxha divídense en dúas etapas: a primeira (1944-1976) caracterizada por alianzas temporais con potencias socialistas —Iugoslavia, a Unión Soviética e a República Popular da China—, e unha segunda (1976-1985) marcada polo isolacionismo, o antirrevisionismo e o seguimento ortodoxo do marxismo-leninismo. Do seu goberno destacouse a defensa do stalinismo, a eliminación de todo tipo de oposición a través de métodos que incluían a pena de morte a transformación do país cara a unha economía industrializada e autoabastecida, o ateísmo de Estado o establecemento dunha policía secreta para a represión política da poboación (Sigurimi) e, nos seus últimos anos, o illamento internacional en que quedou sumida Albania.

Logo da súa ruptura coa URSS, varias organizacións internacionais declaráronse hoxhaístas. A máis importante foi a Conferencia Internacional de Partidos e Organizacións Marxista-Leninistas.

Esquerda política

Esquerda, en política, é un termo referido (sen precisión particular) ó segmento do espectro político tipicamente asociado a calquera clase de socialismo ou socialdemocracia, en oposición á dereita política e ó liberalismo.

Estado socialista

Denomínase Estado socialista (ou república socialista) a aquel que se proclama pertencente ao socialismo, como sistema económico e social, incluíndo a propiedade estatal ou cooperativa dos medios de produción e do chan, aínda que existiron grandes diferenzas de concepto entre estados caracterizados por si mesmos como socialistas, os cales, por razóns xeopolíticas (ou no caso da Unión Soviética de loitas polo poder), terminaron por adoptar na súa gran maioría o sistema coñecido como socialismo nun só país, segundo as ideas e prácticas políticas defendidas por Stalin e outros seguidores. Adóitase falar de estados nominalmente socialistas en referencia ás chamadas democracias populares que teñen ao marxismo-leninismo ou algunha das súas interpretacións como ideoloxía oficial, e nunca de países capitalistas gobernados por partidos socialdemócratas, aínda que estes en moitos casos se autodenominen socialistas.

Foron así mesmo cualificados co nome de socialismo real ou socialismo realmente existente co fin de diferencialos das construcións teóricas e xustificar as diferenzas con estas e con partidos ou grupos que puidesen considerarse socialistas pero opostos a este tipo de réximes. Outras denominacións que tamén se empregaron para referirse a eles a tal fin, en especial en círculos trotskistas, comunistas e libertarios, son as de Estado obreiro con deformacións burocráticas e, en termos máis estritamente económicos, capitalismo de Estado. Tampouco é raro velos englobados dentro conceptos como o de stalinismo ou maoísmo.

Ás veces tamén se emprega o nome Estado comunista, usado pola prensa capitalista durante a guerra fría en referencia ao sistema de partido único e o goberno do Partido Comunista. Esta denominación é en realidade un oxímoro, posto que a teoría marxista expón ao socialismo como fase seguinte ao capitalismo e previa ao comunismo, en que o Estado deixaría de existir. Case todos estes estados destacaron o seu carácter socialista no seu nome oficial e catro do cinco que hoxe existen ségueno facendo. Así é que moitos destes estados conteñen os adxectivos popular, socialista e democrático na súa denominación. Existen tamén estados que conteñen estes termos no seu nome aínda que non adopten ese sistema, como a República Democrática Socialista de Sri Lanka ou a República Democrática Popular de Alxeria.

Frente Popular Galega

A Frente Popular Galega é unha organización política galega situada ideoloxicamente no marxismo-leninismo e no independentismo, que traballa pola consecución dunha República Galega.

A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización.

Leninismo

Coñécese como leninismo o conxunto de teorías políticas, económicas e filosóficas desenvolvidas polo líder bolxevique Vladimir Ilich Lenin dentro do marxismo.

Liga dos Comunistas

A Liga dos Comunistas ou Liga Comunista foi unha organización revolucionaria nada en Londres no ano 1847. Formado despois dun congreso da Liga dos Xustos, organización de obreiros alemáns desterrados que se formou en París en 1836, dirixida por Wilhem Weitling, a cal mudou de nome despois do congreso. En 1847 Marx entrou na organización e deseguida produciuse un desencontro con Weitling.

En 1847 faráse público o seu programa, escrito por Karl Marx e Friedrich Engels, baixo o nome de Manifesto do Partido Comunista.

Maoísmo

O Maoísmo ou Pensamento de Mao Zedong (chinés simplificado: 毛泽东思想, chinés tradicional: 毛澤東思想, pinyin: Máo Zédōng Sīxiǎng), tamén chamado Marxismo-Leninismo-Maoísmo (MLM), é unha variante do comunismo (máis concretamente do leninismo) derivada das ensinanzas de Mao Zedong (1893-1976).

Marxismo

O marxismo é o conxunto de doutrinas políticas e filosóficas derivadas da obra de Karl Marx, filósofo, economista, xornalista e revolucionario do século XIX e do seu amigo Friedrich Engels. Marx e Engels baseáronse na filosofía de Friedrich Hegel e de Feuerbach, ambos alemáns, a economía política de Adam Smith, a economía ricardiana e o socialismo francés do século XIX para desenvolver unha crítica da sociedade que é tanto científica como revolucionaria. Esta crítica alcanzou a súa expresión máis sistemática na súa obra máis importante, O capital: crítica da economía política.

Porén, o marxismo traspasou as ideas dos seus precursores, tornándose unha corrente política-teórica que abrangue unha ampla gama de pensadores e militantes, non sempre coincidentes e asumindo posicións teóricas e políticas ás veces antagónicas.

O marxismo aséntase sobre 3 grandes eixes: a análise do pasado, a crítica do presente e o proxecto de futuro.[Cómpre referencia]

Primeira Internacional

A Asociación Internacional de Traballadores, máis coñecida historicamente como Primeira Internacional, foi a primeira organización internacional dos traballadores. Fundada en Londres en 1864 logo dalgunhas xuntanzas o ano anterior entre obreiros franceses e organizacións sindicais británicas, agrupou inicialmente os sindicalistas ingleses, anarquistas, socialistas franceses e italianos republicanos.

Os seus fins eran a organización política do proletariado en Europa e o resto do mundo para estender internacionalmente a loita contra o capitalismo xa que, como este tiña carácter mundial, a revolución que pretendese destruílo tamén tiña que ter ese carácter, así coma un foro para examinar problemas en común e propoñer liñas de acción. Colaboraron nela Karl Marx e Friedrich Engels. A AIT financiou folgas en toda Europa que provocaron o pánico e obsesión en diferentes gobernos europeos pensando que tiña un poder maior do que tiña en realidade, sobre todo despois dos sucesos da Comuna de París en 1871. Houbo tensións grandes entre Marx, sobre todo seguido polos obreiros industriais, e Mikhail Bakunin, que atraía sobre todo a xornaleiros do campo; diferenciábanse nos métodos para acadar a meta final: os marxistas eran partidarios de organizarse nun partido para conquistar o Estado e Bakunin era partidario dunha revolución inmediata contra todas as institucións estatais. As diferenzas levaron á escisión entre marxistas e anarquistas, tralo cal os partidarios de Bakunin foron expulsados.

En 1872 a organización trasladouse aos Estados Unidos de América, disolvéndose oficialmente en 1876. En 1889 estableceuse a Segunda Internacional como a sucesora nos seus fins políticos.

Proletarios de todos os países, xuntádevos!

Proletarios de todos os países, xuntádevos! (en alemán: Proletarier aller Länder, vereinigt euch!) é un slogan político creado por Karl Marx e Friedrich Engels ao redactar O manifesto comunista.

Foi o lema da URSS, en ruso: Пролетарии всех стран, соединяйтесь!, que o tiña inscrito no seu escudo.

República do Congo

A República do Congo (en francés: République du Congo; en congo: Repubilika ya Kongo; en lingala: Republiki ya Kongó), tamén chamado Congo-Brazzaville para distinguilo da veciña República Democrática do Congo, é un país africano. Limita ao norte con Camerún e a República Centroafricana, ao leste e sur coa República Democrática do Congo, ao sur con Cabinda e ao oeste co océano Atlántico e Gabón. A súa capital é Brazzaville.

Socialismo democrático

O socialismo democrático, ou democracia socialista, é unha variante do marxismo que rexeita os métodos autoritarios de transición do capitalismo ao socialismo en favor dos movementos de base co obxectivo da creación inmediata de descentralización e democracia económica. O termo é de uso frecuente polos socialistas para clarificar que a súa posición é tanto o socialismo como a democracia. Os socialistas democráticos están a favor xa sexa de transición electoral ao socialismo ou a revolución espontánea das masas desde abaixo para distinguirse dos socialistas autoritarios que requiren un estado de partido único, a posición do marxismo-leninismo.

Stalinismo

O Stalinismo ou tamén chamado estalinismo, é un termo utilizado habitualmente no contexto da política imposta polo presidente da URSS Iosif Stalin. O uso do termo comezou cos rivales e contrarios á súa política de centralización do poder totalitario en mans do goberno e concentrado na súa persoa. O stalinismo defendeu a idea do "socialismo nun só país", contrario á idea trotskista. Stalin emprendeu o reforzamento do sistema de policíaco para silenciar calquera oposición ao seu sistema de goberno, tamén producíanse as grandes purgas de oficiais e políticos críticos do seu goberno. Durante a guerra fría, os países situados na órbita da URSS adoptaron réximes stalinistas.

Trotskismo

O trotskismo é unha tendencia dentro do marxismo desenvolvida en gran parte polo revolucionario ruso León Trotski que, en termos xerais, representa unha contraposición á visión que aplicou Stalin do marxismo-leninismo e ás teorías do mesmo sobre o "socialismo nun só país". Buscaba canalizar o proceso revolucionario da URSS mediante a profundización da ditadura do proletariado. Trotski chamaba á revolución política da Unión Soviética fronte á dexeneración stalinista, constituíndose xunto con outros revolucionarios rusos como a Oposición da Esquerda dentro do Partido Comunista da Unión Soviética entre 1923 e 1927.

Un dos seus piares fundamentais é a teoría da "revolución permanente", descrita no seu libro do mesmo nome, cuxo concepto empregan primeiro Marx e Engels en 1848 e 1850. Outro dos documentos fundamentais é o Programa de Transición, escrito tamén por Trotski, como base programática da nacente IV Internacional, fundada en 1938. Unha das súas análises para entender a evolución capitalista nos países coloniais e semicoloniais foi a teoría do desenvolvemento desigual e combinado.

Trotski defendeu as medidas que buscaban acabar co burocratismo levado a cabo pola nomenclatura do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), como a rotación de cargos e unha maior concreción das teses leninistas do centralismo democrático, aplicadas á estrutura e organización internas do partido. Fixo achegas teóricas sobre o feminismo e a arte, defendeu a profundización económica no socialismo a través de plans quinquenais, posteriormente unha versión variada por Stalin sería aplicada mentres dirixía a URSS. Trotski organizou a "Oposición de Esquerda internacional" que, ata o ascenso de Adolf Hitler ao poder en Alemaña en 1933, considerouse unha facción da Internacional Comunista, pese á persecución que os seus militantes sufrían por parte do estalinismo. Foi a partir da vitoria do nazismo en Alemaña e a caracterización da III Internacional (dirixida polo stalinismo) como "contrarrevolucionaria", que Trotski chamou a construír a Cuarta Internacional e partidos revolucionarios independentes en cada país.

Na década de 1930 postulou o entrismo en organizacións de masas socialdemócratas como forma de facilitar a inserción dos partidos adheridos á IV Internacional no movemento obreiro, atraendo o sector máis avanzado ao seu programa. Este traballo debía facerse sempre abertamente e por un espazo breve de tempo, xa que logo os trotskistas debían fundar os seus propios partidos e organizacións. Con ese método foi posíbel construír o Partido Socialista Obreiro, sección máis grande da nova organización alternativa ao Komitern. Actualmente existen ao redor do mundo un número elevado de organizacións trotskistas que proveñen das agrupadas na IV Internacional. Por exemplo en países como Alxeria, Arxentina, Bolivia, Chile, Brasil, Costa Rica, Perú, Honduras, México, Reino Unido, España, Portugal, Francia, Uruguai, Turquía, Venezuela, as organizacións trotskistas adquiriron maior influencia que en outros, porén, sen lograr un peso decisivo.

Conceptos básicos
Aspectos
Variantes
Internacionais
Líderes individuais
Temas relacionados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.