Marxismo

O marxismo é o conxunto de doutrinas políticas e filosóficas derivadas da obra de Karl Marx, filósofo, economista, xornalista e revolucionario do século XIX e do seu amigo Friedrich Engels. Marx e Engels baseáronse na filosofía de Friedrich Hegel e de Feuerbach, ambos alemáns, a economía política de Adam Smith, a economía ricardiana e o socialismo francés do século XIX para desenvolver unha crítica da sociedade que é tanto científica como revolucionaria. Esta crítica alcanzou a súa expresión máis sistemática na súa obra máis importante, O capital: crítica da economía política.

Porén, o marxismo traspasou as ideas dos seus precursores, tornándose unha corrente política-teórica que abrangue unha ampla gama de pensadores e militantes, non sempre coincidentes e asumindo posicións teóricas e políticas ás veces antagónicas.

O marxismo aséntase sobre 3 grandes eixes: a análise do pasado, a crítica do presente e o proxecto de futuro.[Cómpre referencia]

Parte da serie sobre
Marxismo
Karl Marx
Conceptos fundamentais
Alienación
Burguesía
Comunismo
Explotación
Forzas produtivas
Hexemonía cultural
Loita de clases
Materialismo dialéctico
Materialismo histórico
Medios de produción
Modo de produción
Plusvalía
Proletariado
Relacións de produción
Teoría do valor-traballo
Outras ligazóns
Marxismo
Economía marxista
Karl Marx
Karl Marx (1875)

Orixe

Os puntos de partida do marxismo son a dialéctica de Hegel, a filosofía materialista de Ludwig Feuerbach e dos socialistas utópicos franceses e as teorías económicas dos ingleses Adam Smith e David Ricardo. Máis que filosofía, o marxismo é a crítica radical da filosofía, principalmente do sistema filosófico idealista de Hegel. Mentres para Hegel a realidade faise filosofía, para Marx a filosofía precisa incidir sobre a realidade. O núcleo do pensamento de Marx é súa interpretación do home, que comeza coa necesidade humana. A historia iníciase co propio home que, na busca da satisfacción de necesidades, traballa sobre a natureza. A medida que realiza este traballo, o home se descobre como ser produtivo e pasa a ter consciencia de si e do mundo. Percibe entón que "a historia é o proceso de creación do home polo traballo humano".

Segundo algúns, os dous elementos principais do marxismo son o materialismo dialéctico, para o cal a natureza, a vida e a consciencia constitúense de materia en movemento e evolución permanente, e o materialismo histórico, para o cal o modo de produción é base determinante dos fenómenos históricos e sociais, inclusive as institucións xurídicas e políticas, a moralidade, a relixión e as artes. Para outros, non existe o materialismo dialéctico esbozado por Engels e desenvolvido por Lenin e Stalin, mais é unha expresión inexistente en Marx, que falaba de dialéctica e método dialéctico e non de "materialismo dialéctico".

A teoría marxista desenvólvese en catro niveis de análise -- filosófico, económico, político e sociolóxico—en torno da idea central de mudanza. Nas súas Thesen über Feuerbach (1845, publicadas en 1888; Teses sobre Feuerbach), Marx escribiu: "Até o momento, os filósofos apenas interpretaron o mundo; o fundamental agora é transformalo." Para transformar o mundo é necesario vincular o pensamento á práctica revolucionaria. Interpretada por diversos seguidores, a teoría tornouse unha ideoloxía que se estendeu a rexións de todo o mundo e lle foi engadida características nacionais. Xurdiron así versións como as dos partidos comunistas francés e italiano, o marxismo-leninismo na Unión Soviética, as experiencias no leste europeo, o maoísmo na China e Albania e as interpretacións de Corea do Norte, de Cuba e dos partidos únicos africanos, nos que se mestura até con ritos tribais. As principais correntes do marxismo foron a social-democracia, o bolquevismo e o esquerdismo.

Practicamente todas as artes recibiron influencia do Marxismo a través de teóricos que buscaron importar as ideas da loita de clases e da importancia da inclusión dos intelectuais en estas discusións.

Na literatura, por exemplo, nos anos 70, a chamada 'crítica marxista' pregaba que a análise de textos literarios debería desconsiderar o estudo biográfico do autor e se fixar na análise dos acontecementos ficcionais a partir da visión da loita de clases.

Esa perspectiva, en todas as artes, desenvolveuse nun cerco da liberdade de moitos artistas que se viron desprestixiados por críticos e pola clase artística, en caso de non abordaren nas súas obras unha "temática social".

Na súa concepción máis recente, a crítica marxista procura intertextualizar a arte coa historia, a socioloxía e outras áreas do saber científico social.

Análise de clases

Os marxistas consideran que a sociedade capitalista divídese en clases sociais, das que toman en consideración principalmente dúas:

  • A clase traballadora ou proletariado: Marx definiu a esta clase como «os individuos que venden a súa man de obra e non posúen os medios de produción», a quen consideraba responsables de crear a riqueza dunha sociedade (edificios, pontes e mobiliario, por exemplo, son construídos fisicamente por membros desta clase; tamén os servizos son prestados por asalariados). O proletariado pode dividirse, á súa vez, en proletariado ordinario e lumpemproletariado, os que viven en pobreza extrema e non poden achar traballo lícito con regularidade. Estes poden ser prostitutas, esmoleiros ou indixentes.
  • A burguesía: quen «posúen os medios de produción» e empregan ao proletariado. A burguesía pode dividirse, á súa vez, na burguesía moi rica e a pequena burguesía: quen empregan a man de obra, pero que tamén traballan. Estes poden ser pequenos propietarios, campesiños terratenentes ou comerciantes.

Para Marx, o comunismo sería unha forma social na que a división en clases terminaría e a estrutura económica sería produto da «asociación dos produtores libres», e o produto social distribuiríase segundo o criterio «de cada cal segundo a súa capacidade; para cada cal segundo as súas necesidades».

Algúns pensadores socialistas opinaban que a clase traballadora debía apropiarse do Estado capitalista existente e convertelo nun Estado revolucionario obreiro que implantaría as estruturas democráticas necesarias para logo marchitarse. Pola outra banda, outros pensadores socialistas como Mikhail Bakunin e Piotr Kropotkin, compartindo a idea da loita de clases, afirmaron que o Estado ou calquera forma de autoridade e centralización de poder, per se, era o problema (político-económico), e que destruílo debía ser o obxectivo de toda actividade revolucionaria. Esta ditomía fronte ao Estado marcou a división definitiva entre marxistas e anarquistas.

Moitos gobernos, partidos políticos, movementos sociais e teóricos académicos afirmaron fundamentarse en principios marxistas. Exemplos particularmente importantes son os movementos socialdemócratas da Europa do século XX, o bolquevismo ruso, a Unión Soviética e outros países do bloque oriental, Mao, Fidel Castro, Ernesto "Che" Guevara, Santucho e outros revolucionarios en países agrarios en desenvolvemento. Estas loitas agregaron novas ideas a Marx e, polo demais, transmutaron tanto o marxismo que resulta difícil especificar o núcleo deste. Actualmente as transformacións socioeconómicas obrigaron a repensar ao marxismo nunha liña chamada posmarxismo na cal atópanse autores como Ernesto Laclau e Chantal Mouffe. Acostúmase a falar de teoría marxista cando se fai referencia á aplicación de formulacións marxistas a diversas cuestións non estritamente económicas ou políticas, como a relixión, a arte, a relación entre sexos ou razas etc., sen necesidade de asumir a totalidade das ideas marxistas.

Pensadores marxistas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bourne, Peter G. (1986). Fidel: A Biography of Fidel Castro. New York: Dodd, Mead & Company.
  • Callinicos, Alex (2010 [1983]). The Revolutionary Ideas of Karl Marx. Bloomsbury, London: Bookmarks. ISBN 978-1-905192-68-7.
  • Coltman, Leycester (2003). The Real Fidel Castro. New Haven and London: Yale University Press. ISBN 978-0-300-10760-9.
  • Green, Sally (1981). Prehistorian: A Biography of V. Gordon Childe. Bradford-on-Avon, Wiltshire: Moonraker Press. ISBN 0-239-00206-7.

Outros artigos

Ligazóns externas

A Trabe de Ouro (revista)

A Trabe de Ouro é unha revista galega de pensamento crítico, publicada por Sotelo Blanco Edicións desde 1990 con periodicidade trimestral.Nas súas páxinas hai artigos de análise sociopolítica e pensamento, textos literarios inéditos, crítica de libros, e actualidade cultural. O seu director é o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, e no seu Consello de Redacción aparecen profesores, novelistas, poetas e xornalistas de diferentes xeracións e intereses, como Xosé Manuel Beiras, Olegario Sotelo Blanco ou Antón Figueroa.

Anticomunismo

O Anticomunismo é a oposición ao comunismo. Historicamente, a palabra comunismo foi empregada para referirse a varios tipos de organización social e os seus partidarios, mais, dende mediados do século XIX, a corrente dominante do comunismo no mundo foi o marxismo. O comunismo marxista conseguiu moitos máis seguidores e opoñentes que todas as demais formas de comunismo xuntas. Así mesmo, o termo anticomunismo emprégase principalmente para referirse á oposición activa ao comunismo marxista.

O marxismo, e a forma de comunismo asociado a el, acadou a súa notoriedade no século XX. O anticomunismo organizado desenvolveuse como reacción á crecente popularidade do movemento comunista, e adoptou moitas formas ao longo do século XX. Os monárquicos conservadores europeos loitaron contra a primeira onda de revolucións comunistas dende 1917 a 1922. O fascismo e o nazismo baseáronse nunha forma violenta de anticomunismo; incitaban o medo á revolución comunista para obter poder político, e tentaron destruír o comunismo na segunda guerra mundial. Os nacionalistas loitaron contra os comunistas en numerosas guerras civís por todo o mundo. Tanto o conservadorismo como o liberalismo clásico conformasen gran parte das políticas exteriores anticomunistas das potencias occidentais, e dominaron o pensamento intelectual anticomunista na segunda metade do século XX.

Trala Revolución de Outubro en Rusia, o comunismo marxista quedou principalmente vencellado á Unión Soviética na imaxinación pública (aínda que había moitos marxistas e comunistas que non apoiaban á Unión Soviética e as súas políticas). Como resultado, o anticomunismo e a oposición á Unión Soviética fixéronse practicamente indistinguibles, especialmente en política exterior. O anticomunismo foi un elemento importante na política exterior das Potencias do Eixo durante os anos 30 (Pacto Antikomintern) e dos Estados Unidos, o Reino Unido, o Xapón, Corea do Sur, Australia, o Canadá, Israel, e outros países capitalistas durante a guerra fría.

Capitalismo

O capitalismo é unha orde ou sistema social e económico que deriva do usufruto da propiedade privada sobre o capital como ferramenta de produción, que se atopa maiormente constituído por relacións empresariais vinculadas ás actividades de investimento e obtención de beneficios, así como de relacións laborais tanto autónomas como asalariadas subordinadas a fins mercantis. Máis especificamente o capitalismo é un sistema económico dominado polo capital e non polo traballo.

O termo foi introducido pola economía marxista para referirse ós sistemas económicos modernos nos que os medios de produción pertencían ó capital, mentres os traballadores foran "expropiados" deles e non tiñan a súa propiedade. O sistema capitalista, segundo o marxismo, baséase na apropiación da plusvalía xerada polos traballadores por parte dos capitalistas, grazas precisamente ó seu control dos medios de produción. A plusvalía, na terminoloxía marxista, non debe ser confundida co beneficio. A plusvalía é o valor producido polos traballadores e que non se aplica á reprodución do sistema económica, isto é, a manter activos ós traballadores, a manter os procesos produtivos en marcha e a garantir a súa mellora no tempo. A plusvalía pertence ó traballador porque a "creou" co seu traballo. Porén, no capitalismo pasa ás mans dos empresarios.

Comunismo

O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado.O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa. O ideario comunista converteuse a comezos do século XIX nun complexo proxecto económico industrial grazas ás diferentes correntes do chamado socialismo utópico, do anarcocomunismo e as ramas obreiras do comunismo cristián. O actualmente máis coñecido destes movementos foi o que adoptou a escola do denominado socialismo científico dos pensadores alemáns Karl Marx e Friedrich Engels, baixo a cal sería rebautizado como Liga dos Comunistas. Pola influencia da súa obra, o movemento comunista adoptou unha interpretación revolucionaria da historia e a forma de partido político, converténdose logo nunha organización internacional unificada baixo a doutrina marxista.

Segundo o marxismo, a historia é entendida como un permanente conflito polo excedente material, cuxo inicio se debe á aparición da propiedade. As diferentes formas de propiedade poñen fin ao comunismo primitivo e estratifican á sociedade en clases de acordo ás súas relacións de produción. As diferentes relacións de produción que vinculan aos homes e mulleres requiren da explotación, e estas relacións xeran co tempo as condicións para ser substituídas por outras formas de explotación superiores, nunha secuencia revolucionaria de modos de produción. En cada un destes modos desenvólvese unha loita de clases interna entre os diferentes tipos de traballadores e explotadores que os integran, e que se resolve co xurdimento de novas clases dominantes. Con todo, a sociedade capitalista xera unha serie crecente de crises internas e cíclicas que só poden ser resoltas polos seus traballadores asalariados nunha revolución proletaria, que require á súa vez da construción do comunismo. Para chegar a este fin debe organizarse un partido comunista que conquiste o poder político liderando unha fase de transición na que o Estado funcione como unha ditadura do proletariado. Este período termina cando desaparecen as clases sociais, o cal leva a que o Estado, de acordo á súa concepción como ferramenta de dominación dunha clase sobre a outra, deba extinguirse. A esta transición séguenlle inmediatamente dous períodos no desenvolvemento do comunismo: unha primeira fase e unha fase superior. Existen discrepancias cruciais entre as diferentes correntes do marxismo sobre cal debería ser a natureza de cada unha destas tres fases.

Ditadura do proletariado

A ditadura do proletariado é un termo empregado polos postulado polo marxismo para referirse ó estado de transición revolucionaria entre o capitalismo e a sociedade comunista. O termo non se refire a unha concentración de poder nun ditador, senón a unha situación na que o proletariado ten o poder e substitúe o sistema político controlado pola burguesía (ditadura da burguesía). Esta etapa de transición é denominada tamén por moitos marxistas como socialismo.

Economía marxista

A economía marxista é a escola de pensamento económico inspirada na obra de Karl Marx. Malia que existe unha gran variedade de autores de diferentes correntes que utilizan en maior ou en menor medida as categorías económicas elaboradas por Marx na súa obra principal O Capital como forza de traballo, plusvalía, explotación ou exército industrial de reserva entre outras, a escola marxista propiamente dita estaría integrada por aqueles autores que se caracterizan por unha análise crítica do capitalismo como modo de produción e suscitan a necesidade da

superación deste.

Esquerda política

Esquerda, en política, é un termo referido (sen precisión particular) ó segmento do espectro político tipicamente asociado a calquera clase de socialismo ou socialdemocracia, en oposición á dereita política e ó liberalismo.

Estado

O Estado é un concepto político que se refire a unha forma de organización social soberana e coercitiva, formada por un conxunto de institucións involuntarias, que teñen o poder de regulamentar a vida nun territorio determinado.

Frente Popular Galega

A Frente Popular Galega é unha organización política galega situada ideoloxicamente no marxismo-leninismo e no independentismo, que traballa pola consecución dunha República Galega.

A súa acción política guíase polos principios de: independencia nacional, socialismo, anticolonialismo, democracia popular, anti-imperialismo, solidariedade internacionalista e auto-organización.

Friedrich Engels

Friedrich Engels, nado en Barmen (Prusia) o 28 de novembro de 1820 e finado en Londres o 5 de agosto de 1895, foi un economista e pensador alemán, principal colaborador e coautor da maioría das obras de Karl Marx, xunto co que desenvolveu a teoría comunista.

Karl Marx

Karl Heinrich Marx (pronunciado: [kaːɐ̯l ˈhaɪnʀɪç ˈmaːɐ̯ks]), nado en Tréveris o 5 de maio de 1818 e falecido en Londres o 14 de marzo de 1883, foi un filósofo, economista, politicólogo, sociólogo, xornalista e socialista revolucionario prusiano. Procedente dunha familia de clase media, estudou economía política e a filosofía hegeliana. Como adulto, Marx volveuse apátrida e pasou a maior parte da súa vida en Londres onde continuou a desenvolver o seu pensamento en colaboración co alemán Friedrich Engels e publicou varias obras, a máis coñecida sendo o panfleto de 1848 O manifesto comunista. O seu traballo dende entón influíu a historia intelectual, económica e política subseguinte.

As teorías de Marx sobre a sociedade, a economía e a política —colectivamente coñecidas como marxismo— sosteñen que as sociedades humanas se desenvolven a través da loita de clases; no capitalismo, esta maniféstase no conflito entre a clase dominante (coñecida como burguesía) que controla os medios de produción e a clase obreira (coñecida como proletariado) que activa eses medios de produción vendendo a súa forza de traballo por un salario. Empregando un enfoque crítico denominado materialismo histórico, Marx prediciu que, ao igual que os sistemas socioeconómicos anteriores, o capitalismo producía tensións internas que o conducirían á súa autodestrución e á substitución por un novo sistema: o socialismo. Para Marx, a loita de clases baixo o capitalismo, debido en parte á súa inestabilidade e a súa natureza propensa á crise, podería acabar no desenvolvemento da conciencia de clase por parte da clase obreira, conducindo á súa conquista do poder político e finalmente o establecemento dunha sociedade sen clases e comunista constituída por unha asociación libre de produtores. Marx loitou activamente pola súa introdución, argumentando que a clase obreira debería levar a cabo unha acción revolucionaria organizada para derrocar o capitalismo e traer consigo a emancipación socioeconómica.Marx foi descrito como unha das figuras máis influentes da historia humana e o seu traballo foi tanto gabado coma criticado. A súa obra sobre economía estableceu a base para a meirande parte do coñecemento actual sobre a forza de traballo e a súa relación co capital, e o pensamento económico posterior. Moitos intelectuais, sindicatos obreiros, artistas e partidos políticos mundiais foron influenciados polo traballo de Marx, con moitas ideas modificadas ou adaptadas. Marx é tipicamente citada como un dos principais arquitectos da ciencia social moderna.

Leninismo

Coñécese como leninismo o conxunto de teorías políticas, económicas e filosóficas desenvolvidas polo líder bolxevique Vladimir Ilich Lenin dentro do marxismo.

Liga dos Comunistas

A Liga dos Comunistas ou Liga Comunista foi unha organización revolucionaria nada en Londres no ano 1847. Formado despois dun congreso da Liga dos Xustos, organización de obreiros alemáns desterrados que se formou en París en 1836, dirixida por Wilhem Weitling, a cal mudou de nome despois do congreso. En 1847 Marx entrou na organización e deseguida produciuse un desencontro con Weitling.

En 1847 faráse público o seu programa, escrito por Karl Marx e Friedrich Engels, baixo o nome de Manifesto do Partido Comunista.

Loita de clases

A loita de clases é unha teoría clasista proveniente do marxismo que tenta explicar a existencia de conflitos sociais como o resultado dun suposto conflito central ou antagonismo inherente entre os intereses de diferentes clases sociais. O concepto foi introducido na vida política moderna polo influente sociólogo alemán de tendencias conservadoras Lorenz von Stein, para quen se deriva da división da sociedade producida pola aparición de clases, o que ocasiona que os individuos busquen acceder ao poder político co fin de favorecer os seus intereses tanto sociais coma económicos e políticos. Na súa visión, esa loita de clases dá orixe aos movementos sociais.

Segundo Karl Marx a loita entre as clases sociais é o motor da historia. É dicir, que o conflito entre clases sociais foi a base sobre a que se produciron os feitos que dan forma ás sociedades. Esta loita dáse entre dúas clases sociais antagónicas características de cada modo de produción.

Maoísmo

O Maoísmo ou Pensamento de Mao Zedong (chinés simplificado: 毛泽东思想, chinés tradicional: 毛澤東思想, pinyin: Máo Zédōng Sīxiǎng), tamén chamado Marxismo-Leninismo-Maoísmo (MLM), é unha variante do comunismo (máis concretamente do leninismo) derivada das ensinanzas de Mao Zedong (1893-1976).

Marxismo-leninismo

O marxismo-leninismo é unha corrente ideolóxica do marxismo que xurdiu como tendencia principal entre os partidos comunistas na década de 1920, cando foi adoptada como fundamento ideolóxico da Internacional Comunista durante a época de Stalin. Porén, en diversos contextos, grupos políticos diferentes e ás veces opostos teñen utilizado o termo "marxismo-leninismo" para describir a ideoloxía que din publicamente defender.

Materialismo histórico

No marxismo e no estudo da historia, o termo materialismo histórico (ou o que o mesmo Karl Marx chama a concepción materialista da historia) é un marco teórico para explicar desenvolvementos e cambios na historia humana a partir de factores prácticos, tecnolóxicos ou materiais, en especial o modo de produción e as limitacións que este impón ao resto de aspectos organizativos (aspecto económico, xurídico, ideolóxico, político, cultural etc.). Para o materialismo histórico son os cambios tecnolóxicos e do modo de produción os factores principais de cambio social, xurídico e político, e é nos factores materiais dese tipo onde deben buscarse as causas últimas dos cambios.

Plusvalía

Plusvalía, de acordo co marxismo, é a diferenza entre o valor de produción da forza de traballo do traballador e o valor xerado por esta forza de traballo. No capitalismo este excedente é apropiado polo capitalista e forma a base da acumulación capitalista.

Proletarios de todos os países, xuntádevos!

Proletarios de todos os países, xuntádevos! (en alemán: Proletarier aller Länder, vereinigt euch!) é un slogan político creado por Karl Marx e Friedrich Engels ao redactar O manifesto comunista.

Foi o lema da URSS, en ruso: Пролетарии всех стран, соединяйтесь!, que o tiña inscrito no seu escudo.

Conceptos básicos
Aspectos
Variantes
Internacionais
Líderes individuais
Temas relacionados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.