Martiño Lutero

Martiño Lutero[1][2] ou Martin Luther, e inicialmente Martin Luder,[3] nado en Eisleben o 10 de novembro de 1483 e finado no mesmo lugar o 18 de febreiro de 1546, foi un teólogo alemán. É o pai espiritual da Reforma protestante e a súa influencia foi enorme nas doutrinas e cultura da tradición luterana e protestante en xeral. Como monxe agostiño tornouse teólogo e quería alcanzar reformas, vistas como necesarias, sen inicialmente pretender dividir a igrexa.

Martiño Lutero
Martin Luther, 1529
Nome completoMartin Luther
Nacemento10 de novembro de 1483
 Eisleben
Falecemento18 de febreiro de 1546
 Eisleben
SoterradoIgreja do Castelo de Wittenberg
NacionalidadeElectorado de Saxonia
EtniaPobo alemán
Relixióncatolicismo, Luteranismo e católico non practicante
Alma máterUniversidade de Erfurt
Ocupaciónlingüista, tradutor, teólogo, letrista, profesor, monxe, avogado, tradutor da Bíblia, hymnwriter, reformador protestante, sacerdote, autor-compositor e filósofo
PaiHans Luther
NaiMargarethe Luthe
CónxuxeCatarina von Bora
FillosElisabeth Luther, Paulo Lutero, Madalena Lutero, Margarete Kunheim, Martin Luther, Jr. e Johannes Luther
IrmánsJacob Luther
Coñecido/a por95 Teses
Martin Luther Signature

Traxectoria

Primeiros anos

Fillo de Margarida Siegler e Hans Luder, mineiro de extracción labrega, en 1484 a súa familia trasladouse a Mansfeld e foi ascendendo de posición social, converténdose o seu pai en propietario dunha mina, o que lle permitiu a Martiño estudar na Universidade de Erfurt e mais na de Wittemberg e a pesar da pretensión do seu pai de estudar leis profesa na orde agostiña en 1505, ordenándose sacerdote en 1507. Foi profesor de filosofía en Erfurt e Wittemberg e desde 1511 profesor das Sagradas Escrituras en Wittemberg. Durante esa época prodúcese unha crise relixiosa e comeza a ensinar que a salvación é un regalo da graza de Deus a través tan só da fe e que proxectou ao exterior a través da loita contra as indulxencias; o 31 de outubro de 1517 escribiulle ao arcebispo de Mainz e Magdeburgo protestanto pola venda de indulxencias no seu arcebispado e invitándoo a discutir sobre o asunto; incluíu unha copia das 95 teses e segundo a tradición cravou outra copia na porta da Igrexa de Wittemberg.

Proceso romano

Luther Cranach the Elder BM 1837-0616.363
Martiño Lutero como monxe agostiño en 1520.

En xuño de 1518 abriuse o proceso contra Lutero, con base na publicación das súas 95 Teses por posible herexía, e rexístranse os seus apuntamentos de clase na procura de comentarios negativos de Lutero sobre a excomuñón. Despois diso, en agosto de 1518, o proceso altérase para herexía notoria. As autoridades eclesiásticas citan en Roma a Lutero para que desminta a súa doutrina.

Lutero recusa desprazarse alegando razóns de saúde e pretende unha audiencia en territorio alemán. O seu pedido baséase no argumento (Gravamina) da nación alemá. O seu pedido foi aceptado e será convidado para unha audiencia co cardeal Caetano durante as cortes (Reichstag) imperiais de Augsburg. Entre o 12 e 14 de outubro de 1518, Lutero fala con Caetano. Este pídelle que revogue a súa doutrina. Lutero non o fará.

Do lado romano, o caso ficou aquí. Por causa da morte do emperador Maximiliano I (xaneiro de 1519), haberá unha pausa de dous anos. O emperador decidira que o seu sucesor sería Carlos (o futuro Carlos V). Por causa das pertenzas de Carlos en Italia, o papa renacentista León X receaba que encerrase os estados da Igrexa e procuraba que os príncipes-electores alemáns (Kurfürsten) renunciasen á elección de Carlos. O papel protector de Lutero de Frederico, o Sabio levou a que Roma pedise a Karl von Miltiz que interferise perante o príncipe por unha solución razoábel. Despois da escolla de Carlos V como emperador (26 de xuño de 1519), o proceso de Lutero volverá a reactivarse.

Lutherrose
O selo de Lutero.

En xuño de 1520 reaparece a ameaza no escrito "Exsurge Domini", en xaneiro de 1521 a bula "Decet Romanum Pontificem". Con ela excomungouse a Lutero. Seguiuse a ameaza oficial do emperador (Reichsacht).

Notábel é no entanto que Lutero terá sido máis unha vez recibido en audiencia, que tamén deixou claras as diferenzas entre o papado e o rei/emperador. Carlos foi o último rei (despois dunha reconciliación) en ser coroado emperador polo papa. O 17 e 18 de abril de 1521 Lutero fala na Dieta de Worms (conferencia gobernativa) e despois de ter negado a revogación da súa doutrina, publícase o Edicto de Worms, proscribindo a Lutero dentro dos límites do Imperio.

Exilio no Castelo de Wartburg

Junker-Jörg-ML
Martiño Lutero en 1522

Frederico, o Sabio ordenou que Lutero fose secuestrado no seu retorno da Dieta de Worms por un grupo de homes mascarados a cabalo, que o levaron para o Castelo de Wartburg, onde permaneceu por cerca dun ano. Deixou crecer a barba e tomou as vestimentas dun cabaleiro, asumindo o pseudónimo de Jörg. Durante este período de retiro forzado, Lutero traballou na súa célebre tradución da biblia para o alemán.

Wittenberg Lutherhaus
Casa de Lutero en Wittenberg

Voda e familia

O 6 de marzo de 1522 volveu a Wittemberg e o 13 de xuño de 1525 casou en segredo con Catarina de Bora, unha monxa que acollera no mosteiro de Wittemberg, con ela tivo seis fillos: Xoán (1526), Elisabeth (1527), Magdalena (1529), Martiño (1531), Paulo (1533) e Margarida (1534).

A Guerra dos Campesiños

A Guerra dos campesiños (1524-1525) foi de moitas maneiras unha resposta aos discursos de Lutero e doutros reformadores. Revoltas de campesiños xa tiñan existido en pequena escala en Flandres (1321-1323), Francia (1358), Inglaterra (1381-1388), durante as guerras husitas do século XV, e moitas outras ata o século XVIII, mais moitos campesiños xulgaron que os ataques verbais de Lutero á Igrexa e a súa xerarquía significaban que os reformadores irían igualmente apoiar un ataque armado á xerarquía social. Por causa dos fortes vencellamentos entre a nobreza hereditaria e os líderes da Igrexa que Lutero condenaba, isto non sería sorprendente.

Xa en 1522, en canto Lutero estaba en Wartburg, colaboradores seus perverteron as súas ensinanzas e pasaron a esparexer mensaxes revolucionarias por toda a Alemaña. Enfatizábase a formación dun grupo de “santos”, coa tarefa de loitar contra a autoridade constituída e promover a aniquilación dos “impíos”. Un deses pregadores foi Tomas Münzer.

A mensaxe escatolóxica de Münzer, na verdade, tiña pouco a ver coa proposta dos campesiños, tanto que el procurou a nobreza da Saxonia para obter apoio. Coa negativa destes e a eclosión dos conflitos campesiños no suroeste alemán, el logo viu o instrumento para a concreción dos seus planos.

Lutero desde cedo previra a nobreza e os propios campesiños sobre a revolta e particularmente sobre Münzer, un dos “profetas do asasinato”, colocándoo como un dos mentores do movemento campesiño. Lutero escribiu a Terríbel Historia e Xuízo de Deus sobre Tomas Münzer, inaugurando esa liña de pensamento.

Na inminencia da revolta (1524), Lutero escribiu a Carta aos Príncipes da Saxonia sobre o Espírito Revoltoso, mostrando a tiranía dos nobres que oprimían o pobo e a loucura dos campesiños en reaccionar a través da forza e a confiar en Münzer como pregador. Houbo pouca repercusión deste escrito.

Aínda en 1524, Münzer mudouse para a cidade imperial de Mühlhausen, ofrecéndose como pregador. Lutero escribiu a Carta Aberta aos Burgomestres, Consello e toda a Comunidade da Cidade de Mühlhausen co propósito de alertar sobre as intencións de Münzer. Tampouco este escrito tivo repercusión, pois o consello da cidade limitouse a pedir informacións sobre Münzer na cidade imperial de Weimar.

O principal escrito dos campesiños eran os Doce Artigos, onde foron expostas as reivindicacións. Neles habían artigos de fondo teolóxico (dereito de ouvir o Evanxeo a través de pregadores chamados por eles propios) e artigos que trataban dos malos tratos (exploración nos impostos etc.). Os artigos eran fundamentados con pasaxes bíblicas e pedíase que se alguén puidese probar polas Escrituras que aquelas reivindicacións eran inxustas, eles as abandonarían, e entre aqueles que se consideraban dignos de facer tal cousa estaba o nome de Lutero.

De feito Lutero escribiu sobre os Doce artigos no seu libro Exhortación á Paz: Resposta aos Doce artigos do Campesinato da Suabia, de 1525. Nel Lutero ataca os príncipes e señores por cometeren inxustizas contra os campesiños e ataca os campesiños pola rebelión e falta de respecto á autoridade.

Infelizmente tampouco ese escrito tivo repercusión e durante unha viaxe de Lutero pola rexión da Turinxia puido testemuñar as atrocidades cometidas polos campesiños, motivándoo a escribir o Addendum: Contra as hordas salteadoras e asasinas dos campesiños. Tratábase dun apéndice de Exhortación á Paz..., mais axiña se tornou un libro separado. O Addendum publicouse cando a revolta campesiña xa estaba no final e os príncipes cometían atrocidades contra os campesiños derrotados, de modo que o escrito causou gran revolta na opinión pública contra Lutero. Nel, Lutero encoraxa os príncipes a castigar os campesiños, ata coa morte.

Tal repercusión negativa obrigou a Lutero a pregar un sermón no día de pentecoste de 1525 que se tornou no libro Posicionamento do Dr. Martiño Lutero Sobre o Libriño Contra os Campesiños Asaltantes e Asasinos, onde o reformador contesta os críticos e reafirma a súa posición anterior.

Como aínda había repercusión negativa, Lutero novamente se posiciona sobre a cuestión na súa Carta Aberta a Respecto do Rigoroso Libriño Contra os Campesiños, onde lamenta e exhorta contra a crueldade que estaba sendo practicada polos príncipes mais reafirma a súa posición anterior.

Por fin, a petición dun amigo, o cabaleiro Asa von Kram, Lutero redacta Acerca da Cuestión, Se Tamén Militares Ocupan unha Función Benaventurada, en 1526, co propósito de esclarecer cuestións sobre consciencia do cristián en caso de guerra e a súa función como militar.

En 1543, escribiu Von den Jüden und iren Lügen (traducible ao galego como Sobre os xudeus e as súas mentiras)[4] un tratado antisemita no que, despois de tentar convertelos á súa fe e non conseguilo, defendeu a persecución aos xudeus.[5]

Significado da tradución da Biblia ao alemán

Lutero foi o autor dunha das primeiras traducións da biblia ao alemán (existían xa traducións máis antigas), algo que na época era considerado herexía polo Vaticano. A tradución de Lutero, con todo, suplantou as anteriores. Alén da calidade da tradución, foi amplamente divulgada por medio do prelo, desenvolvido por Johann Gutenberg en 1453. O latín, a lingua do extinto Imperio Romano, permanecía como lingua franca europea, inmediatamente connotada co pasado romano glorioso, unha era de ciencia, de progreso económico e cultural, sendo tamén a lingua dos textos sagrados tal como estes se transmitiran polas provincias do imperio romano, por máis lonxe que fosen, nos menos de 100 anos que separan a oficialización da relixión cristiá polo emperador romano Teodosio I no ano 380 e a deposición do último emperador de Roma polo xermánico Odoacro no 476, data avanzada por Edward Gibbon e convencionalmente aceptada como ano da caída de Roma (Imperio Occidental). A fin da persecución da relixión cristiá polo imperio romano dérase no ano 313 (Ver: Edicto de Milán, Primeiro Concilio de Nicea, Constantino I, Decadencia do Imperio Romano, Xerome de Estridón).

Porén, o dominio do latín era, no século XVI, no fin da Idade Media e comezo da chamada Idade Moderna, apenas o privilexio dunha porcentaxe ínfima de poboación instruída, entre eles os elementos da propia igrexa. A tradución de Lutero para o alemán foi simultaneamente un acto de herexía e un piar da sistematización do que viría a ser a lingua alemá, ata aí vista como unha lingua inferior, de ignorantes, plebeos. É preciso engadir que Lutero non se opuxo ao latín, e el mesmo publicou unha edición revisada da tradución latina da Biblia (Vulgata). Lutero escribía tanto en latín como en alemán. A tradución da Biblia para o alemán non significou, polo tanto, o rexeitamento do latín como lingua académica.

Notas

  1. Pena Búa, Pilar (1 de xaneiro de 2005). "Martiño Lutero (1483-1545): un bosquexo biográfico". Encrucillada: Revista galega de pensamento cristián 29 (142): 47–60.
  2. "Corpus Paralelo CLUVI - Resultados da consulta". sli.uvigo.es. Consultado o 13 de novembro de 2015.
  3. "Infancia y juventud de Martín Lutero (1483-1501)". luther.de. Consultado o 23-12-2018.
  4. Díaz (Monón), Xosé Ramón (08-07-2012). "Palabras". praza.gal. Consultado o 23-12-2018.
  5. "Luther, Martin", JewishEncyclopedia.com.

Véxase tamén

Ligazóns externas

10 de novembro

O 10 de novembro é o 314º día do ano do calendario gregoriano e 315º nos anos bisestos. Quedan 51 días para rematar o ano.

18 de febreiro

O 18 de febreiro é o 49º día do ano do calendario gregoriano . Quedan 316 días para finalizar o ano, 317 nos anos bisestos.

31 de outubro

O 31 de outubro é o 304º día do ano do calendario gregoriano (305º nos anos bisestos). Quedan 61 días para finalizar o ano.

August Ferdinand Möbius

August Ferdinand Möbius, nado en Schulpforta (Saxonia) o 17 de novembro de 1790 e finado en Leipzig o 26 de setembro de 1868, foi un matemático e astrónomo teórico alemán, coñecido polo descubrimento xunto ao matemático alemán Johann Benedict Listing da banda de Möbius, superficie de dúas dimensións non orientábeis cun só lado cando está somerxido no espazo euclidiano tridimensional.

Möbius foi o primeiro en introducir as coordenadas homoxéneas en xeometría proxectiva. A transformación de Möbius, importante en xeometría proxectiva, non se ha confundir coa transformada de Möbius, usada na teoría de números, que tamén leva o seu nome. Interesouse tamén pola teoría de números, a importante función aritmética de Möbius μ(n) e a fórmula de inversión de Möbius, nomeadas así por el. Era descendente de Martiño Lutero.

Biblioteca Apostólica Vaticana

A Biblioteca Apostólica Vaticana (en latín: Bibliotheca Apostolica Vaticana), máis comunmente coñecida como Biblioteca Vaticana ou simplemente como Vat, é a biblioteca da Santa Sé, situada na Cidade do Vaticano. Leva o nome de "apostólica", porque é unha institución que dende a súa fundación se considera a "Biblioteca do papa", xa que lle pertence directamente. É unha das máis antigas bibliotecas do mundo e custodia unha moi importante colección de textos históricos. Ten arredor de 75 000 códices de tódalas épocas da historia, así como 1,1 millóns de libros impresos, que inclúen 8 500 incunables.

Cristianismo

O cristianismo (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.

Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.

Década de 1520

A década de 1520 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 1520 e remata o 31 de decembro de 1529.

Luteranismo

O luteranismo é o movemento relixioso cristián que comezou coas ensinanzas teolóxicas de Martiño Lutero no século XVI que serviron de base á Reforma protestante que conduciu á súa separación da igrexa católica e a formación do protestantismo. A certeza bíblica que tivo de que Deus non xulga as persoas polas súas obras, boas ou malas, senón máis ben a causa da súa fe, proporciona a Lutero a raiz fundamental do seu pensamento. Así, o luteranismo inspírase en tres principios angulares: a xustificación pola fe, o sacerdocio universal e a autoridade da Biblia.

O ataque comezado por Lutero baséase no concepto de xustificación pola fe, que negaba toda teoría romana sobre os méritos da salvación e a mediación dos santos. Denunciou tamén as que consideraba falsas seguridades de salvación ofrecidas por Roma a través da venda de indulxencias e a obtención dos perdóns.

O luteranismo rexeita a primacía e autoridade romana do papado. Nega a tradición dogmática e a existencia do purgatorio. O movemento protestante iniciado por Lutero afirma o valor único das Escrituras, e a supremacía da fe en Xesucristo. Lutero desenvolve a doutrina do Sacerdocio Universal, onde afirma que as Escrituras son intelixibles para tódolos crentes e que cada un, libremente, pode examinalas. Lutero busca transformar a cada crente no seu propio sacerdote.

A data simbólica da reforma foi o 31 de outubro de 1517 e para 1555 o luteranismo estaba firmemente asentado no norte, centro e leste de Alemaña, en Escandinavia, Letonia, Bohemia e Transilvania e a contrarreforma católica impediu que se establecera ou expulsou o luteranismo de gran parte do leste e o sur de Europa.

No século XVII en paralelo no luteranismo apareceron dúas tendencias contrapostas, o sincretismo que se circunscribía á teoloxía e que avogaba por unha concordia entre as igrexas, distinguindo entre verdades fundamentais que eran patrimonio de todas as confesións e secundarias, a outra tendencia foi o pietismo que avogaba por un reavivamento da relixiosidade popular combinando a énfase luterana na doutrina bíblica coa énfase puritana na piedade individual e unha vida cristiá vigorosa.

Na actualidade hai setenta millóns de fieis membros de igrexas luteranas que se agrupan en tres asociacións de igrexas luteranas, a Federación Luterana Internacional (66 millóns de fieis), o Consello Luterano Internacional e a Conferencia Evanxélica de Confesión Luterana, asemade catrocentos millóns de protestantes teñen a súa orixe na doutrina de Lutero.

Paulo de Tarso

Paulo de Tarso, nado en Tarso cara o ano 10 e finado en Roma arredor do ano 67, foi un predicador, o primeiro gran difusor do cristianismo entre os non xudeus ou xentís. O seu nome xudeu era Saulo. Adoita aparecer representado calvo e coa espada coa que foi decapitado.

Protestantismo

O protestantismo abrangue o conxunto das igrexas e comunidades cristiás xurdidas no século XVI en Europa Occidental, separadas da Igrexa católica a partir do labor reformador do ex-monxe agostiño Martiño Lutero, iniciador do luteranismo.

Reforma protestante

A Reforma protestante, ou simplemente a Reforma, foi un movemento de reforma cristiá no Sacro Imperio Romano Xermánico que xeralmente se considera que comeza a partir da publicación das 95 Teses de Martiño Lutero, en 1517, aínda que existen unha serie de precursores como Jan Hus anteriores a este evento. Como período histórico, a Reforma considérase que termina coa Paz de Westfalia en 1648 dando fin ás guerras de relixión en Europa; con todo, moitas das denominacións que se produciron durante este período seguen existindo e o protestantismo constitúe unha das ramas máis importantes do cristianismo hoxe en día. Aínda que o movemento comezou como unha tentativa de reformar a Igrexa católica, os movementos acabaron coa escisión dos grupos reformistas e co establecemento de novas institucións, principalmente, o luteranismo, o calvinismo e o anabaptismo.

Moitos católicos de Occidente estaban descontentos coas falsas doutrinas e malas prácticas dentro da Igrexa, as cales consideraban impropias, especialmente no caso da venda de indulxencias. Outra controversia importante foi a práctica de compra e venda de posicións de prestixio no seo da Igrexa (simonía), considerada naquel tempo como unha auténtica corrupción na xerarquía eclesiástica. Esta corrupción considerábase sistémica, chegando mesmo á posición do Papa.

A Reforma en xeral considérase que comeza o 31 de outubro de 1517, na actual rexión alemá de Saxonia, cando Martiño Lutero cravou unha copia das súas noventa e cinco teses na porta da igrexa do castelo de Wittenberg, que se empregaba como taboleiro de avisos para a universidade. Nestes noventa e cinco puntos, Lutero expuña as súas críticas á igrexa e ao Papa. Os puntos máis controvertidos centrábanse nas prácticas de venda de indulxencias e na doutrina da igrexa referente ao purgatorio. Os predecesores espirituais de Lutero foron homes como John Wycliffe e Jan Hus. Outros pastores e teólogos de ideas radicais, como Huldrych Zwingli e Jean Calvin, seguiron o camiño iniciado por Lutero. As crenzas e prácticas da igrexa atacadas polos reformistas incluían o purgatorio, o xuízo particular ás almas, a devoción pola Virxe María, a intercesión dos santos, a meirande parte dos sacramentos, o celibato que debían gardar os sacerdotes e os monxes, e maila autoridade do Papa.

O movemento de reforma pronto se dividiu en diferentes liñas doutrinais. Os desacordos entre Lutero e Zwingli, e máis tarde entre Lutero e Jean Calvin, conduciron á aparición das igrexas protestantes rivais. As denominacións cristiás máis importantes que xurdiron directamente da Reforma foron os luteranos, os reformados/calvinistas/presbiterianos e os anabaptistas. A Reforma protestante tamén é coñecida como a Reforma xermánica, a Revolución protestante, a Revolta protestante e, en Alemaña, a Reforma luterana. O proceso de reforma diferenciouse de forma notábel dos acontecementos de Inglaterra, que levarían á formación da Igrexa anglicana. Alí, o período de reforma coñécese como a Reforma inglesa. Asemade, os reformistas tamén aceleraron o proceso de Contrarreforma na Igrexa católica. A Reforma implicou aspectos culturais, económicos políticos e relixiosos

Século XVI

século XV < século XVI > século XVII

Tempo que transcorre entre o 1 de xaneiro de 1501 e o 31 de decembro de 1600.

Weimar

Para o municipio chamado Weimar, véxase Weimar, Lahn.

Para a cidade de Texas, véxase Weimar, Texas.

Weimar é unha cidade de Alemaña. Está situada a beiras do río Ilm e ao pé da montaña Ettersberg, no Bundesland de Turinxia (alemán Thüringen). A súa poboación actual é de 64.594 habitantes (31 de decembro de 2005), o cal convértea na cuarta cidade máis grande de Turinxia, logo de Erfurt, Gera e Jena. Ademais, é unha das poucas cidades grandes deste estado, cuxa poboación aumenta anualmente. O rexistro máis antigo da cidade data do ano 899.

Weimar é un dos lugares con maior riqueza cultural de Europa, xa que foi fogar de grandes personaxes como o pintor Lucas Cranach o Vello, o reformador Martiño Lutero, o compositor Johann Sebastian Bach, os escritores Johann Wolfgang von Goethe, Friedrich Schiller e Christoph Martin Wieland, os filósofos Johann Gottfried von Herder, Friedrich Wilhelm Nietzsche e Arthur Schopenhauer, o músico Franz Liszt e os fundadores da escola de deseño, arte e arquitectura Bauhaus.

Foi un lugar de peregrinación para a intelectualidade alemá, desde que Goethe se trasladou por primeira vez á cidade a finais do século XVIII. Na cidade pódense atopar as tumbas de Goethe, Schiller, e Nietzsche, así como o Arquivo de Goethe e Schiller, o Arquivo Estatal de Turinxia, o Arquivo Musical de Turinxia e a Biblioteca da princesa Anna Amalia.

Durante o período da Historia de Alemaña de 1919-1933 fálase da República de Weimar, pola constitución da República, que foi redactada na cidade, mentres que a capital, Berlín, cos seus disturbios rueiros logo da revolución de 1918, foi considerada demasiado perigosa para convocar á Asemblea Nacional constituínte.

Weimar foi o centro do movemento Bauhaus e actualmente ten diversas galerías de arte, museos, o Teatro Nacional Alemán, e dous institutos de educación superior: a Universidade Bauhaus e a Escola Superior de Música Franz Liszt. Durante a Segunda Guerra Mundial, houbo un campo de concentración ao noroeste da cidade, en Buchenwald, un pequeno bosque ao que Goethe gustáballe frecuentar. Con todo, a diferenza de moitas outras cidades alemás, Weimar non sufriu demasiados danos durante esta guerra, polo que o seu centro antigo consérvase no seu maior parte.

A parte clásica de Weimar é considerada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO desde 1998. Igualmente, a cidade foi seleccionada Capital Europea da Cultura en 1999.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.