Marea

O termo marea refírese ao movemento periódico do nivel das augas dos mares e océanos, que soben e baixan alternadamente dúas veces por día, provocado pola interferencia da Lúa e do Sol sobre o campo gravitatorio da Terra. Nun senso xeral, marea pode definirse como os fenómenos experimentados nun corpo debido á perturbación do campo gravitatorio causado pola interferencia dun ou máis corpos externos.

Bay of Fundy High Tide
A baía de Fundy de preamar
Bay of Fundy Low Tide
A baía de Fundy de marea baixa

Ocorrencia das mareas

Cando a marea está no seu cumio chámase marea alta, marea chea, abalo ou preamar; cando está no seu menor nivel chámase marea baixa, devalo ou baixamar. De media, as mareas oscilan nun período de 12 horas e 24 minutos, doce horas debido á rotación da Terra e 24 minutos debido ao movemento orbital lunar.

Física das mareas

A forza da marea producida por un obxecto masivo (a Lúa) sobre unha pequena partícula situada nunha masa extensa (Terra) é o vector diferencial entre a forza gravitatoria exercida pola Lúa sobre a partícula e a forza gravitatoria que se exercería sobre tal partícula se estivese situada no centro de masa da Terra. Deste xeito, a forza da marea depende non da forza do campo gravitatorio da Lúa senón do seu gradiente. A forza de gravidade exercida polo Sol sobre a Terra é de media unhas 179 veces maior que a exercida pola Lúa, pero, debido a que o Sol está de media unhas 389 veces máis afastado da Terra, o gradiente do seu campo é máis débil. A forza de marea producida polo Sol é por tanto un 46% da que produce a Lúa.

Nun campo gravitatorio terrestre ideal, ou sexa, sen interferencias, as augas na superficie da Terra sufrirían unha aceleración idéntica na dirección do centro de masa terrestre, encontrándose así nunha situación isopotencial. Mais os campos gravitacionais da Lúa e do Sol interfiren significativamente co da Terra e provocan aceleracións que actúan na masa terrestre con intensidades diferentes. Como os campos gravitacionais actúan cunha intensidade inversamente proporcional á distancia, as aceleracións sentidas nos diversos puntos da Terra non son as mesmas. Así a aceleración provocada pola Lúa ten intensidades significativamente diferentes entre os puntos máis próximos e máis afastados da Lúa. Desta forma, as masas oceánicas que están mais próximas da Lúa sofren unha aceleración de intensidade superior ás masas oceánicas mais afastadas. É este diferencial o que provoca as alteracións da altura das masas de auga na superficie da Terra.

A altura da preamar e da baixamar (relativa ao nivel medio do mar) tamén varía. Nas lúas nova e chea, as forzas gravitacionais do Sol están na mesma dirección das da Lúa, producindo mareas máis altas, chamadas mareas de sicixia (de conxunción ou vivas). Nas lúas minguante e crecente as forzas gravitacionais do Sol están en direccións diferentes das da Lúa, co que anulan parte delas e prodúcense mareas máis baixas chamadas mareas de cuadratura.

Amplitude das mareas

A amplitude teórica das mareas dos océanos debido á Lúa é duns 54 cm no punto máis alto, que corresponde á amplitude que acadaría se o océano posuíse unha profundidade uniforme, non houbese masas de terra (continentes, illas) e a Terra non estivese a rotar. O Sol tamén causa mareas, para as que a súa amplitude teórica é duns 25 cm (46% da da Lúa) nun ciclo de 12 horas. Cando os dous efectos se suman de modo positivo, a altura teórica sería duns 79 cm e, inversamente, cando o fan subtraéndose, o nivel teórico é duns 29 cm. Debido a que as órbitas da Terra sobre o Sol e da Lúa sobre a Terra son elípticas, as amplitudes das mareas varían dependendo das distancias Terra-Sol e Terra-Lúa; isto causa unha variación da forza da marea nunha amplitude teórica dun ±18% no caso da Lúa e dun ±5% no caso do Sol. Se a Lúa e o Sol estivesen na posición máis próxima á Terra, a amplitude chegaría a uns 93 cm.

Porén, as amplitudes reais difiren notablemente, non soamente debido as variacións da profundidade dos océanos e dos obstáculos que representan os continentes e as illas, senón tamén debido ao período natural de propagación da onda (dunhas 30 horas) que é da mesmo orde de magnitude que o período de rotación terrestre. Se non houbese continentes e illas, levaríalle unhas 30 horas a unha onda oceánica propagarse ao longo do ecuador.

Amplitude das mareas nas costas

A amplitude das mareas en alta mar é de menos de 1 metro. Porén, preto das costas a amplitude é xeralmente maior, e chega a superar os 10 metros nalgúns casos. Na seguinte táboa figuran algúns dos lugares onde se producen as máis grandes mareas.[1] Púxose un só lugar por zona.

Grandes mareas
Localidade Amplitude
(en metros)
Burntcoat Head, Minas Basin, Baía de Fundy, Nova Escocia, Canadá 11,7
Lago Leaf , Baía Ungava, Quebec, Canadá 9,8
Newport, Canal de Bristol, Inglaterra 9,2
Sunrise, Turnagain Arm, Cook Inlet, Alasca 9,2
Río Gallegos (Redución Beacon), Arxentina 8,8
Entrada do Río Koksoak, Baía de Hudson, Groenlandia 8,7
Granville, Baía do Monte Saint Michel, Francia 8,6
Banco Dirección, Estreito de Magalláns, Chile 8,5

O efecto resonancia

A razón de que unha marea de menos dun metro en alta mar poida crear unha marea de varios metros na costa é debida á resonancia do movemento da capa de auga localizada sobre a plataforma continental. Esta capa é pouco fonda (menos de 200 m) e, por veces, ten unha grande extensión ata o talude continental. Por exemplo, o Canal da Mancha é unha capa de agua duns 500 km de longo (desde a entrada ata o paso de Calais), 150 km de largo e soamente 100 m de profundidade. A escala, correspóndese cunha masa de auga de 15 metros de longo e de 1 cm de profundidade. Cando o nivel do mar aumenta na entrada, a agua entra polo canal da Mancha. Sendo a extensión grande e a profundidade pequena, a velocidade da agua aumenta ata uns 2 a 2,5 m/s. Acadar esa velocidade leva tempo (unhas tres horas neste caso), pero deterse tamén require un período similar. Unha vez lanzada, a agua segue avanzando, e transcorren outras tres horas ata que para e inverte a dirección. Este comportamento oscilatorio débese polo tanto á inercia e ao retardo da capa de agua en responder á excitación: a variación de altura do océano alén do talude continental. A marea será máis grande en función se o período de oscilación propio da zona é máis próximo ao período da excitación externa, que é de 12 horas e 24 minutos.

O período de oscilación propio depende da forma da costa e da profundidade e lonxitude da plataforma continental. O período de oscilación propio da baía de Fundy en Canadá é de 13 horas. Como é moi próximo ao período de excitación, as mareas son moi grandes. Pola contra, cando o período propio se afasta das 12,4 horas, as amplitudes das mareas son menores.

Outros factores

Existen outros fenómenos que poden producir variacións do nivel do mar: a variación da presión atmosférica entre 990 e 1040 hectopascais pode provocar unha diferenza no nivel do mar duns 50 cm. Outros fenómenos ocasionais, como os ventos, as chuvias ou as tsunamis provocan variacións do nivel do mar, aínda que non poden ser cualificados de mareas.

Terminoloxía

  • Preamar: Nivel máximo dunha marea alta.
  • Baixamar: Nivel mínimo dunha marea baixa.
  • Repunte da marea: Ocorre entre mareas, cando remata de encher e comeza a baixar ou ao revés; neste curto período non ocorre ningunha alteración de nivel.
  • Amplitude de mareas: Variación do nivel das augas, entre unha preamar e unha baixamar inmediatamente anterior ou posterior.
  • Cuadratura: O sol e a lúa forman ángulo de 90º graos en relación á Terra.
  • Mareas mortas ou marea de cuadratura: Marea de pequena amplitude, marea que segue ao día de cuarto crecente ou minguante.
  • Mareas vivas ou marea de sicixia (de conxunción): Nas lúas nova e chea, as mareas lunares e solares reforzan unha a outra, producindo as maiores mareas altas e as menores mareas baixas.

Outras mareas

Á parte das mareas oceánicas, existen tamén as mareas atmosféricas e as mareas da terra sólida.

As mareas atmosféricas son apreciables entre os 80 e os 120 km de altura. Por debaixo dos 80 km de altura hai outros fenómenos que eclipsan a súa influencia, tales como os efectos climáticos.

As mareas da Terra sólida afectan a masa rochosa da Terra. A codia terrestre desprázase en resposta ao influxo gravitatorio da Lúa e do Sol, das mareas oceánicas e da carga da atmosfera. Aínda que é desprezable o seu efecto para a maior parte das actividades humanas, a amplitude destas mareas sólidas pode chegar a uns 55 cm no ecuador terrestre, o que é importante de cara á calibración de GPS e de VLBI.

Notas

  1. National Oceanic & Atmospheric Administration, Departamento de Comercio dos Estados Unidos

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Baía de Fundy

A baía de Fundy é un brazo de mar situado sobre a costa atlántica do Canadá, no extremo norte do golfo de Maine, entre as provincias canadenses de Novo Brunswick e Nova Escocia. Ten 270 km de lonxitude e unha media de 80 km de anchura.

Cerna (organización política)

Cerna é unha organización nacionalista galega de esquerda escindida de Anova - Irmandade Nacionalista, da cal foi unha corrente crítica. Está composta por uns 200 ex-militantes de Anova-IN. Os seus máximos dirixentes son Mario López Rico, Luís Eyré e Consuelo Martínez García.

Posteriormente, uniuse ao partido instrumental En Marea, no que confluíron Anova-IN, Esquerda Unida, Podemos e diversos colectivos locais co propósito de participar nas eleccións xerais.

Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016

As eleccións autonómicas de Galicia de 2016 foron as décimas eleccións ao Parlamento de Galicia dende a súa constitución e celebráronse o 25 de setembro de 2016, data en que se fan catro anos desde a celebración dos comicios anteriores.

Eleccións xerais de España de 2015

O domingo 20 de decembro de 2015 celebráronse eleccións a Cortes Xerais en España. Foron as duodécimas desde a transición á democracia e as primeiras con Filipe VI como Rei de España.

Os 36.510.952 cidadáns con dereito a voto, 34.635.680 residentes no país e 1.875.272 no estranxeiro, decidiron a renovación de 558 dos 616 escanos que conforman as Cortes Xerais: os 350 do Congreso dos Deputados e os 208 de elección directa do Senado. Tras estas eleccións comenzará a XI lexislatura das Cortes Xerais.

Foron convocadas polo Rei, a proposta do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e previa deliberación do Consello de Ministros, mediante a expedición do real decreto de disolución das Cortes Xerais e convocatoria de eleccións, que entrou en vigor un día despois mediante a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, en cumprimento do artigo 115 da Constitución e do 42, apartado primeiro, da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeneral.Ese mesmo día celebráronse eleccións locais parciais en 30 municipios e en 113 entidades de ámbito territorial inferior al municipio que tralas eleccións do 24 de maio tiveron que ser repetidas pola falta de candidatos.O vencedor das eleccións foi o Partido Popular, presidido e liderado polo presidente Mariano Rajoy, que obtivo no Congreso dos Deputados unha maioría simple de 123 escanos (63 menos que en 2011) e un 28,72 % dos sufraxios, seguido do Partido Socialista Obrero Español de Pedro Sánchez, que obtivo o 22,01 % dos votos, o que se traduciu en 90 deputados (20 menos que nos anteriores comicios, o seu peor resultado na actual democracia). O partido liderado por Pablo Iglesias, Podemos, presentouse por primeira vez a unhas xerais e obtivo 42 deputados (un 12,76% dos votos), que sumado ás coalicións electorais autonómicas En Comú Podem (12 parlamentarios, 3,72 % dos votos), Compromís-Podemos-És el moment (9, 2,69 %) e En Marea (6, 1,64 %), todas elas vinculadas a Podemos e outras formacións de esquerda, deron un total de 69 deputados e o 20,66 % dos votos. O outro partido emerxente, Cidadáns - Partido da Cidadanía, con Albert Rivera á fronte, obtivo 40 deputados (un 13,93 % dos votos). O resto do arco parlamentario quedou configurado por Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí (9, 2,39 %), Democràcia i Llibertat (8, 2,25 %), o Partido Nacionalista Vasco (6, 1,20 %), Unidad Popular: Izquierda Unida, Unidad Popular en Común (2, 3,67 %), Euskal Herria Bildu (2, 0,87 %) e Coalición Canaria-Partido Nacionalista Canario (1, 0,33 %). Unión Progreso y Democracia, Unión Democrática de Cataluña, o Bloque Nacionalista Galego —que se presentaba na candidatura Nós— e a coalición Geroa Bai, que tiveron representación na x lexislatura, non obtiveron ningún escano.No Senado, o Partido Popular mantivo a maioría absoluta, con 124 escanos dos 208 de designación libre en xogo, aínda que perdeu 12. O Partido Socialista Obrero Español perdeu uno, obtendo 47, seguido de Podemos (9), Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí (6, seis máis que en 2011), Democràcia i Llibertat (6), o Partido Nacionalista Vasco (6), En Comú Podem (4), En Marea (2) e Compromís-Podemos-És el moment, Cambio-Aldaketa, Coalición Canaria-Partido Nacionalista Canario e a Agrupación Socialista Gomera (todos eles cun representante).

En Marea

En Marea é un partido galego que xurdiu como unha candidatura para se presentar ás eleccións xerais de 2015 e ás eleccións autonómicas en 2016. A candidatura está inspirada nas candidaturas unitarias nas eleccións municipais de 2015 en Galicia. O nome da coalición nas papeletas era "En Marea (Podemos-En Marea-Anova-EU)".

Trátase dunha coalición conformada por diversos partidos e plataformas:

Marea Atlántica

Compostela Aberta

Marea Pontevedra

Ferrol en Común

Encontro por unha Marea Galega

Ourense en ComúnHistoricamente tamén formaron parte de En Marea os partidos políticos Podemos, Esquerda Unida e Anova-Irmandade Nacionalista, ata que se retiraron en xaneiro de 2019.

Esquerda Unida

Esquerda Unida é unha forza política que constitúe a federación galega de Izquierda Unida.

Estuario

Os estuarios ou esteiros son rexións de costa entrantes, polo xeral longas e estreitas mais sempre cunha saída aberta ao mar, que decorren por unha chaira fluvial ou entran na terra ata o máximo do nivel da marea na boca dun río. Son zonas de transición de augas fluviais, doces, dun ou máis ríos e as augas mariñas, e salgadas.Neles dominan tanto os procesos mariños, como as mareas ou as ondas que lles traen augas salobres do océano, e as descargas de auga doce e sedimentación dos ríos. As entradas tanto do mar como das augas fluviais son unha fonte de entrada de nutrientes ao ecosistema que fan que sexan dos hábitats do planeta máis produtivos.Os estuarios formáronse en zonas de erosión fluvial ou glacial que se viron anegadas por augas no período de subida do nivel do mar do Holoceno, hai entre 10.000–12.000 anos. Nos primeiros estados da súa evolución os estuarios teñen unha forma determinada pola topografía costeira. Despois progresan a estados onde a erosión e a deposición de sedimentos se contrarrestan.Os estuarios clasifícanse polo xeral segundo a súa xeomorfoloxía e polos patróns de circulación das augas. Algún autores só usan estuario para referirse a vales somerxidos, mais algunhas outras definicións danlle o nome de esteiro incluso a formacións como as baías, as docas, os fiordes e as rías; aínda que nalgunhas desas augas só hai auga salgadas e non hai unha mestura coa auga doce. Así, as rías son esteiros formados por vales somerxidos, dun perfil transversal en forma de "V", mais nos que domina por completo unha circulación de auga salgada, agás nas súas zonas interiores de esteiro.Os bancos dos esteiros son das áreas máis poboadas do planeta. A presión antrópica supuxo a degradación do 60% dos hábitats do litoral dos esteiros. A degradación dos hábitats provén de factores como a traída de solo erosionado por deforestación, a chegada de sedimento grazas a eliminación da flora, a agricultura intensiva, a sobrepesca, a drenaxe de augas e ao recheo das zonas húmidas, aos procesos de eutrofización por un exceso de aporte de nutrientes que chegan cos desperdicios e o lixo de animais domésticos, a polución de ata mesmo metais pesados ou a contaminación por uso de produtos sanitarios para augas de espazos recreativos, entre outros.

Mar

O mar é un gran corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade. Máis amplamente, mar - como un artigo definido - é o sistema interconectado de augas dos océanos, considerando estes un océano global e o conxunto das varias divisións oceánicas principais. O mar modera o clima da Terra e desempeña importante papel nos ciclos da auga, do carbono e do nitróxeno. Aínda que foi canle para viaxes e exploracións desde a prehistoria, o seu estudio científico contemporáneo, a oceanografía, data da expedición Challenger británica, durante a década de 1870. O mar está, por convención, dividido en cinco grandes seccións oceánicas, entre elas as catro instituídas pola OHI, que son o Atlántico, Pacífico, Índico e Ártico, máis o Antártico, seccións menores de segunda orde, como o Mediterráneo, son coñecidos como mares, así mesmo o termo tamén se usa para grandes lagos salinos que non teñen saída natural, como o mar Caspio, o mar de Aral e máis o mar Morto.

Debido o actual estado da deriva continental, o hemisferio norte configúrase cunha división equitativa entre a terra e o mar (con unha proporción de 2:3), mentres que no hemisferio sur é predominantemente oceánico (1:4,7). A salinidade en alta mar é, en xeral, de aproximadamente o 3.5% da masa, non obstante iso varia en augas pechadas, na proximidade da desembocadura de grandes ríos ou a grandes profundidades. Preto do 85% dos sólidos en mar aberto son cloruro de sodio. As correntes de augas profundas xorden a partir de diferenzas salinas e de temperatura; as correntes de superficie, á súa vez, están formadas polo rozamento das ondas producidas polos ventos e mareas. Os cambios na altura do nivel do mar orixínanse a partir da gravidade da Lúa e do Sol. As correntes mariñas son atribuída ás masas de terra de superficie e submarinas así como a rotación da Terra (Forza de Coriolis).

Antigos cambios nos niveis mariños provocaron a formación de plataformas continentais, áreas planas próximas á terra. Estas augas son ricas en nutrientes, e abundantes en vida, provendo aos humanos de materias esenciais para a súa alimentación -sobre todo peixes, pero tamén mariscos, mamíferos e macroalgas, por exemplo- que se recollen tanto en estado salvaxe como cultivados en viveiros. En áreas tropicais moi diversas os mares rodean grandes arrecifes de coral. A caza de baleas foi unha actividade moi común, pero a redución das cifras destes animais induciu a aparición de esforzos internacionais de conservación e unha consecuente moratoria á maior parte da caza comercial. A oceanografía estableceu que non toda a forma de vida marítima está restrinxida a augas de superficie iluminada polo Sol; mesmo a grandes profundidades e presión, os nutrientes que flúen de fontes hidrotermais manteñen o seu propio e único ecosistema. A vida pode que comezara alí neses lugares, xa que os microorganismos acuáticos están xeralmente acreditados como o grande evento de osixenación da atmosfera terrestre. Crese que tanto vexetais como animais terían evolucionado a partir dos mares.

O mar é un dos elementos esenciais do comercio, do transporte, da extracción mineral, de xeración de enerxía. Isto tamén fai que sexa esencial para as guerras, ademais, e é un factor determinante na exposición de grandes cidades e poboacións a terremotos e volcáns debido a fallas xeolóxicas próximas que poden producir grandes ondas e tsunamis; así como dos ciclóns e furacáns producidos nas zonas tropicais.

Mar Negro

O mar Negro (en abkhaza: Амшын Еиқәа, xeorxiano: შავი ზღვა, turco: Karadeniz, en póntico: Μαύρον Θάλασσα, Εύξεινος Πόντος, búlgaro: Черно море, romanés: Marea Neagră, ruso: Чёрное море, ucraíno: Чорне море, en tártaro de Crimea: Qara deñiz) é un mar que posúe unha saída moi angosta ao Mar Mediterráneo e que separa Europa Oriental de Asia Occidental e esta limitado polos montes Pónticos, ao sur, e polo Cáucaso a leste. Este mar está, en última instancia, relacionado a través de varios estreitos co océano Atlántico, vía mar Mediterráneo e mar Exeo: o estreito do Bósforo conéctao ao mar de Mármara e o estreito dos Dardanelos ao mar Exeo (parte do mar Mediterráneo); ademais, outro estreito, o de Kerch, úneo ao mar de Azov.

Mar de Camotes

O Mar de Camotes é un pequeno mar dentro do arquipélago das Filipinas, situado entre as Visayas orientais e a rexión das Visayas centrais. Está rodeada polas illas de Leyte ao norte e leste, Bohol ao sur e Cebu ao oeste. O mar está conectado ao Mar de Visayas ao noroeste e ao Mar de Bohol (tamén chamado o Mar de Mindanao) e a canle Canigao que se atopa no lado sueste do Mar de Camotes. Contén as Illas Camotes, Illa Lapinig, Illa Olango, Illa Mactan, e outros pequenos illotes.

O mar de Camotes tamén contén o Banco Danajon, que é unha dobre barreira de coral en Filipinas, é unha formación xeolóxica moi rara e só hai 6 arrecifes de dobre barreira no mundo. Comprende dous conxuntos de grandes arrecifes de coral que se formaron nun costado submarino debido a unha combinación de correntes de marea favorables e crecemento de coral na zona.

As principais cidades da rexión son Ormoc & Baybay na provincia de Leyte, Talibon & Ubay, na provincia de Bohol, e Cebu City, na provincia de Cebú.

Mar de Wadden

O mar de Wadden (Wattenmeer en alemán, Waddenzee en neerlandés, Waadsee en frisón, Wattensee en baixo alemán e Vadehavet en danés) é un mar situado entre as illas Frisias e o mar do Norte por unha banda e as costas neerlandesa, alemá e danesa por outra. Ten uns 450 km de longo e entre 5 e 30 de largo, cunha superficie duns 10.000 km². Está formado por unha chaira de marea, é moi pouco profundo, mesmo durante a marea baixa consiste en grarenosas interrompidas por canles de drenaxe que evacúan a auga (de feito, é posible atravesalo a pé, chegando do continente ás illas). Danse tamén grandes correntes.

Marea Atlántica

Marea Atlántica é un movemento cidadán e político de esquerdas creado na cidade da Coruña cuxo primeiro obxectivo foi construír unha proposta política de converxencia de cara ás eleccións municipais de maio de 2015.

Gobernou en solitario o concello da Coruña entre xuño de 2015 e xuño de 2019, con Xulio Ferreiro como alcalde.

Miguel Anxo Fernán-Vello

Miguel Anxo Fernán Vello, nado en Cospeito o 8 de outubro de 1958, é un escritor, editor e político galego.

Porto (comunicacións)

Dentro da cadea do transporte, o porto é o elo que permite o intercambio comercial entre o mar e a terra.

Defínese o porto como o conxunto de obras, instalacións e servizos que proporcionan o espazo de augas tranquilas necesarias para a estancia segura dos buques, mentres se realizan as operacións de carga, descarga e almacenaxe das mercancías e o tránsito de viaxeiros..

En xeral, as funcións dun porto son: comercial, intercambio modal do transporte marítimo e terrestre, base do barco e fonte de desenvolvemento rexional. Entre as funcións de índole específica temos: actividade pesqueira, de recreo e de defensa.

Desde o punto de vista funcional, a obras e as instalacións dun porto pódense clasificar pola súa localización.

Así, na zona marítima, destinada ao barco, dispóñense as obras de abrigo que protexen a zona de atracadas da ondada exterior, constituídas fundamentalmente polos diques; as obras de acceso que facilitan o acceso do barco ao porto en condicións de seguridade, garantindo a súa maniobrabilidade, anchura e calado adecuados. Entre elas temos a sinalización (radar, faros, balizas, radiofaros, boias etcétera), os diques de encanamento, canles dragados, esclusas; as obras de fondeo coa función de manter o barco amarrado en augas tranquilas á espera da súa quenda de atracada nos peiraos; e as dársenas que constitúen a superficie de augas abrigadas aptas para a permanencia e operación dos barcos (de marea ou de flotación, segundo estean ou non sometidas á acción das mareas).

Na zona terrestre, destinada fundamentalmente á mercancía, atopámonos coa superficie de operación terrestre constituída polos peiraos, que ademais de facilitar a atracada e amarre dos barcos, serven de soporte ao utillaxe e de provisión provisional de mercancías; e os depósitos que ademais de adecuar un espazo ás mercancías, serven de regulación dos fluxos marítimo-terrestres.

Na zona de evacuación, destinada ao transporte terrestre, debemos diferenciar as vías de acceso ao porto desde a Rede de estradas xeral, as de circunvalación ou repartición e as de penetración á zona de operación terrestre, coas súas áreas de manobra e estacionamento.

Ocasionalmente pódense situar nos portos unha zona de asentamento de industrias básicas: siderurxias, estaleiros, petroquímicas, refinarías etc. Nalgúns casos foi necesario crear portos exclusivamente para o seu servizo.O conxunto de servizos que presta un porto pódense clasificar en función do ámbito ao que van destinados.

Entre os servizos ao barco temos a consígna, o practicaxe, o remolque, o avituallamento e o mantemento.

Para os servizos á mercancía temos a consigna, o estibaxe, a aduana, a sanidade, a vixilancia e os servizos comerciais.

Os servizos ao transporte terrestre son os de representación, reparación e estacións de servizo.

Para rematar, o apartado de servizos varios, entre os que se atopan os seguros, os bancarios, os mercantís, os de comunicación etc.

Praia

Unha praia é unha forma xeolóxica consistente na acumulación de sedimentos, por efecto da dinámica local das ondadas. Estes sedimentos son normalmente areas pero tamén hai praias de gravas ou grixos e de croios, seixos ou bolos, chamadas coídos. Existen moitas clases de praias podendo existir varios tipos sobre un mesmo banco de sedimentos, por mor a que nuns metros o tipo de rompente pode variar dando orixe a un tipo de praia distinta.

Unha praia fórmase cando as ondas e as correntes do mar propician a chegada de sedimento á beiramar. Logo unha praia fórmase baixo dous supostos: o primeiro, que a forma da costa sexa tal que haxa unha zona onde se deposite unha determinada cantidade de sedimento e que sexa estábel cos diferentes estados do clima marítimo. O segundo, que exista unha zona na que se ben o sedimento vaise perdendo por algures, haxa unha achega de sedimento por outro que o poida compensar. Unha vez que foron depositados os sedimentos, a praia é modelada segundo o tipo de rompente que lle afecta.

A praia é unha xeoforma dinámica pola cal está en permanente cambio, suxeita en todo momento a acción que cada onda, cada marea e cada temporal lle provoca, con grandes e importantes transportes de propio sedimento que a compoñen.

O termo "praia" tamén ten unha acepción a miúdo empregada nos textos de xeografía e xeoloxía para designar os bordos flutuantes de lagos salobres, salinos ou de "salgares" propiamente ditos. Estes lagos salinos ou "salgares" acostuman presentarse en cuncas endorreicas ou depresións de escasa profundidade onde a evaporación é moi intensa, polo que se van acumulando os sales, ao precipitarse, no fondo das mesmas.

Praia do Matadoiro

A praia do Matadoiro, antigamente chamada Berbiriana ou Birbiriana, é unha pequena praia urbana da Coruña situada ó norte da praia do Orzán. Dispón de aseos, duchas, aparcadoiro, servizo de vixilancia, socorrismo e primeiros auxilios.

É habitual a práctica do surf, bodyboard e longboard cando as condicións meteorolóxicas son as adecuadas, marea baixa e vento do suroeste ou nordés. Celébrase un campionato anual de longboard, o Matadero Longboard Festival, de participación nacional e internacional.

Nesta praia está prohibida a entrada de animais.

Prestige

O Prestige foi un buque petroleiro monocasco construído no Xapón en 1976 que afundiu fronte ás costas galegas o 19 de novembro de 2002, producindo unha inmensa marea negra que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée, en Francia, provocando a maior catástrofe ecolóxica na historia de Galicia e unha mobilización social e política. Desta mobilización xurdiu a plataforma Nunca Máis.

Serres, Muros

San Xoán de Serres é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Muros. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 2.088 habitantes (1.091 mulleres e 997 homes) distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.494 habitantes.

Xulio Ferreiro

Xulio Xosé Ferreiro Baamonde, nado na Coruña o 18 de outubro de 1974, é un xuíz, profesor e político galego. Foi o alcalde da cidade da Coruña entre 2015 e 2019.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.