Manuel Portela Valladares

Manuel Portela Valladares, nado en Pontevedra o 31 de xaneiro de 1867 e finado en Bandol (Francia) o 29 de abril de 1952, foi un político liberal de ideoloxía centrista. Foi ministro durante o reinado de Afonso XIII e chegou a ser presidente do goberno durante a II República Española.

Manuel Portela Valladares
Manuel Portela
Manuel Portela Valladares (1912).
Nacemento31 de xaneiro de 1867
 Pontevedra
Falecemento29 de abril de 1952
 Bandol
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónhistoriador, político e xurista
CónxuxeClotilde Puig i Mir
EstudosDereito

Traxectoria

Fillo de Juan Portela Dios e Teresa Valladares Rial, quedou orfo de pai con só dez anos. Foi porfillado pola súa tía, Juana Portela Dios, muller do impresor José Vilas García. Este matrimonio gozaba dunha situación económica desafogada, o que lle permitiu estudar no colexio dos xesuítas de Camposancos na Guarda, para posteriormente seguir a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa etapa universitaria faleceu o seu tío José Vilas, e herdou unha parte importante da súa fortuna. Graduouse en 1889 na universidade compostelá. Ata 1899 residiu na súa vila natal, onde traballou como redactor do Diario de Pontevedra, exerceu de xuíz municipal e foi decano do Colexio de Avogados.

En 1898, con 31 anos, conseguiu praza como rexistrador da propiedade en Madrid. Instalado en Madrid, entrou no mundo da política da man de Montero Ríos sendo elixido deputado a Cortes polo distrito de Fonsagrada nas eleccións de 1905. Volveu ser elixido en 1907 e 1910 polo mesmo distrito. En 1909 foi fundador, xunto con outros intelectuais e políticos, da Liga Agraria de Acción Gallega que liderou Basilio Álvarez, con quen o uniu unha grande amizade.

Home de confianza de José Canalejas, foi nomeado en 1910 Gobernador Civil de Barcelona e dous anos máis tarde fiscal do Tribunal Supremo. En 1913 contraeu matrimonio coa aristócrata catalá Clotilde Puig i Mir, que lle deu o título de Conde de Brías e lle proporcionou unha importante fortuna. O matrimonio separouse en 1937 cando Clotilde Puig renegou do enlace na prensa franquista[1].

Despois de concentrarse nos negocios particulares, a comezos da década de 1920 volveu impulsar a súa carreira política posicionándose a favor do abolicionismo dos foros gañando gran popularidade. Paralelamente comezou o seu achegamento ás posicións do galeguismo. En 1923 exerceu como ministro de Fomento do último gabinete liberal de García Prieto anterior á ditadura de Primo de Rivera. Apartado da política, xubilouse como rexistrador da propiedade e chegou durante os anos 20 ao cumio na súa carreira dentro da masonería. Doutra banda, en 1924 fundou en Vigo El Pueblo Gallego[2], periódico democrático que abriu as portas a intelectuais republicanos e galeguistas e fixo campaña a prol dunha rexeneración da vida política española.

En 1930, Portela Valladares foi un dos asinantes do chamado Pacto de Barrantes, no que participaron os máis destacados líderes republicanos e nacionalistas do momento, entre eles Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con quen compartía a necesidade de autonomía para Galicia e a quen o uniría unha mutua relación de amizade e confianza.

Durante a República foi elixido parlamentario por Lugo nas eleccións de 1931 e nas eleccións de febreiro de 1936 saíu elixido pola provincia de Pontevedra.

En 1935, baixo o goberno dereitista de Alejandro Lerroux, foi gobernador xeral de Cataluña (entre marzo e abril de 1935) e ministro da Gobernación en dúas ocasións. A finais de ano, o presidente da república Alcalá Zamora encomendoulle a presidencia do Goberno. O goberno centrista que presidiu exerceu as súas funcións ata a toma de posesión en febreiro de 1936 do goberno resultante das eleccións xerais. Consciente da polarización política en dous bloques, tentou artellar unha alternativa centrista co Partido do Centro Democrático que acadou o 3,5% dos sufraxios. Coñecido o escrutinio e a pesar das presións golpistas dos grupos dereitistas recoñeceu a vitoria da Fronte Popular e entregou o poder ós vencedores lexítimos o 19 de febreiro.

Tras estalar ese mesmo ano a guerra civil, Portela Valladares permaneceu leal á República, sendo fiel á súa ideoloxía liberal e reformista. Dende Barcelona, onde o colleu a sublevación do 18 de xullo de 1936, retirouse a Niza, para posteriormente retornar a España e ofrecer os seus servizos ó goberno republicano de Juan Negrín. Participou nas cortes de Valencia reunidas en outubro de 1937. Durante a guerra sufriu unha campaña de desprestixio mediático por parte dos sublevados: durante as alocucións radiofónicas de Queipo de Llano foi vítima de duros e reiterados ataques, en xullo de 1936 foille expropiado El Pueblo Gallego (do que era propietario) e, por non ceder o poder aos militares tras as eleccións gañadas pola Fronte Popular, foi cualificado de "traidor" e "covarde" na prensa franquista[3].

Finalizada a contenda en 1939, viuse obrigado a saír de novo para Francia residindo ata a invasión alemá en Neuilly-sur-Seine, na área metropolitana de París. Logo da ocupación trasladouse a Marsella e Cassis (Bocas do Ródano) onde foi rexistrado e interrogado varias veces pola Gestapo a partir de 1943, e foi detido durante unha semana. Aínda que o réxime franquista instalado en España solicitou a súa extradición en 1941 alegando delitos económicos, esta non foi concedida. Finalizada a Segunda Guerra Mundial, retomou o seu labor político adheríndose ao Consello de Galiza fundado por Castelao en 1945. Ademais, dende 1939 e ata a súa morte, actuou como presidente do trust (fideicomiso) domiciliado en Londres que xestionaba os haberes do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles, por decisión de Negrín. Pasou os seus derradeiros anos de vida en Bandol (Var), onde en 1947 foi visitado por Castelao e mantivo unha relación epistolar con diferentes políticos e persoeiros galegos e republicanos españois. Faleceu o 29 de abril de 1952, sendo, por expreso desexo, incinerado e enterrado en Bandol, no seu testamento reafírmase na súa ideoloxía liberal e amor por Galicia, deixando como herdeiro dos seus bens ao Museo de Pontevedra[4].

Escudo de la Segunda República Española.svg
Segunda República española

Segue a:
Joaquín Chapaprieta
Manuel Portela Valladares
Precede a:
Manuel Azaña
Presidente do Goberno de España

Obra

  • Ante el estatuto. Unificación y diversificación de las nacionalidades Edición do resumo da conferencia de 1932 por Manoel Carrete en Vento do Leste. Barcelona: Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya.
  • Dietario (1936-1950). Edición de Jose Antonio Durán (1988): Dietario de dos guerras (1936-1950) : notas, polémicas y correspondencia de un centrista español. Sada, A Coruña: Edicións do Castro.
  • Memorias (1952). Edición de Jose Antonio Durán (1988): Memorias dentro del drama español. Madrid: Alianza Editorial.
  • A Nosa Terra e Nós. Escritos en galego. Edición de Xosé Enrique Acuña (1992). Pontevedra: Casal.

Notas

  1. El Pueblo Gallego, 15-XII-1937, p. 10.
  2. Sarille, Xosé Manuel (2000). "Arximiro Rico, luz dos humildes". Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación (Nº 4): 39–47. ISSN 1138-5863.
  3. M. Pilar Mera Costas: Portela Valladares, el traidor. La imagen de un político liberal en la mitología del franquismo.
  4. "Je declare que mon espirit se maintient fidèle à la idéologie liberal, humaine, tolerante que je doit à la Galicie, mon pays bien aimée. [...] Je nome le Museo de Pontevedra, ma ville natale, mon legataire por tous les biens, titres, droites et actions civiles et criminelles a reclamer ou exercer dedans l'Espagne" Recollido por J.A. Durán en Dietario de dos guerras (1988), páxina 235.

Véxase tamén

Ligazóns externas

29 de abril

O 29 de abril é o 119º día do ano do calendario gregoriano (120º nos anos bisestos). Quedan 246 días para finalizar o ano.

31 de xaneiro

O 31 de xaneiro é o 31º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 334 días para finalizar o ano, 335 nos anos bisestos.

Acción Gallega

Acción Gallega (ou Acción Galega) foi o nome dun dos mais importantes movementos agrarios e anticaciquís na Galiza do século XX. De carácter decididamente antiforal, redencionista, na súa primeira formulación, constituíu a variante radical do agrarismo galego na década de 1910.

Alejandro Mon Landa Landa

Alejandro Mon-Landa Landa, nado en Pontevedra o 16 de febreiro de 1886 e finado na mesma cidade o 7 de novembro de 1957, foi un político conservador galego.

Bonome

Santiago Rodríguez Bonome, chamado Bonome de nome artístico, nado en Santiago de Compostela en 1901 e falecido en Francia en 1995, foi un escultor en madeira e ceramista.

El Pueblo Gallego

El Pueblo Gallego, subtitulado Diario de la mañana e posteriormente Al servicio de los intereses de Galicia, foi un xornal que se editou en Vigo entre 1924 e 1979.

Eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 en Galicia

Tras a proclamación da República en España o 14 de abril de 1931 como consecuencia dos resultados favorables aos candidatos republicanos nas eleccións municipais do 12 de abril, o goberno provisorio convocou eleccións a Cortes Constituíntes para o 28 de xuño de 1931.

O sistema electoral rexíase polo decreto do 8 de maio de 1931, que establecía un sistema maioritario de listas abertas, a lista maioritaria obtiña o 80% dos escanos por circunscrición e reservábase para as minorías o outro 20%. As circunscricións electorais eran as provincias e as cidades con máis de 100.000 habitantes e tiñan dereito ao voto con homes maiores de 25 anos. O control do proceso estaba en mans das xuntas municipais, que presidía o xuíz municipal e que formaban persoas prominentes do concello, e as xuntas provinciais do censo, que presidía o presidente da Audiencia Territorial ou da Audiencia Provincial.

A circunscrición electoral da Coruña elixía 16 deputados, a de Lugo 10 deputados, a de Ourense 9 deputados e a de Pontevedra 13 deputados, en total en Galicia elixíanse 47 deputados.

Para concorreren ás eleccións os principais partidos republicanos e os de esquerda coaligáronse para obteren os deputados reservados ás maiorías, mentres polo bando da dereita formaban candidaturas de independentes que posteriormente acabarían integrándose na CEDA.

Eleccións a Cortes de 1936 en Galicia

As terceiras eleccións ás Cortes españolas da II República celebráronse o 16 de febreiro de 1936. A lei electoral establecía un sistema maioritario de listas abertas, a lista maioritaria obtiña o 80% dos escanos por circunscrición e reservábase para as minorías o outro 20%. Tiñan dereito ao voto os maiores de 23 anos.

A da Coruña elixía 17 deputados, a de Lugo 10 deputados, a de Ourense 9 deputados e a de Pontevedra 13 deputados, en total en Galicia elixíanse 49 deputados.

Eleccións xerais de España de 1905

As Eleccións Xerais de 10 de setembro de 1905 en España foron as segundas convocadas na maioría de idade de Afonso XIII. A súa base legal foi a Constitución española de 1876, que o monarca xurara e que estivo vixente ata 1931 na época coñecida como Restauración borbónica en España.

Guerra civil española

A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948.

O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.

Joaquín Chapaprieta

Joaquín Chapaprieta y Torregrosa, nado en Torrevieja (provincia de Alacant) o 26 de outubro de 1871 e finado e Madrid o 29 de abril de 1951, foi un político español.

Joaquín Urzáiz Cadaval

Joaquín Urzáiz Cadaval, nado en Nigrán o 15 de setembro de 1887 e finado en Madrid o 11 de outubro de 1957, foi un funcionario, político e diplomático galego.

La Lealtad (A Guarda)

La Lealtad foi un semanario editado en Guarda en 1923.

Pacto de Barrantes

O pacto de Barrantes ou compromiso de Barrantes fai referencia ó acordo concertado o 25 de setembro de 1930 entre varias figuras do galeguismo (Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón Otero Pedrayo) e do republicanismo da época (Santiago Casares Quiroga, Antón Villar Ponte, Manuel Portela Valladares) no pazo de Barrantes (Ribadumia, Pontevedra).

Pedro Varela Castro

Pedro Varela Castro, nado en Lema (Arzúa) en agosto de 1879 e finado na Estrada o 6 de xuño de 1958, foi un xornalista e político galego.

Santiago Casares Quiroga

Santiago Casares Quiroga, nado na Coruña o 8 de maio de 1884 e finado en París o 17 de febreiro de 1950, foi un político e avogado galego. Foi un dos signatarios do Pacto de San Sebastián (1930) e deputado a Cortes da ORGA (Organización Republicana Autónoma Galega), un partido que dirixiu e fusionou en 1936 coa Izquierda Republicana. Ocupou varias carteiras ministeriais e chegou a ser presidente do goberno de España durante a Segunda República.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.