Manuel Lugrís Freire

Manuel Lugrís Freire, nado en Sada o 11 de febreiro de 1863[1] e finado na Coruña o 15 de febreiro de 1940, foi un poeta, ensaísta e dramaturgo galeguista, un dos principais animadores da política e da cultura galegas de principios do século XX.[2] Fundou o primeiro periódico americano redactado en lingua galega. Foi director ou cofundador da Escola Rexional de Declamación, da Real Academia Galega, do sindicato Solidaridad Gallega, das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e membro do Seminario de Estudos Galegos. Foi pai do pintor Urbano Lugrís González. En 2006 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Manuel Lugrís Freire
Manuel Lugrís Freire 1934
Retrato en Vida Gallega, 1934
Nacemento11 de febreiro de 1863
 Sada, A Coruña
Falecemento15 de febreiro de 1940 (77 anos)
 A Coruña
SoterradoCemiterio de Santo Amaro da Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor e político
CónxuxeConcepción Orta Iglesias(1896-1898)
Pura González Varela(1902- )
Fillos6 (Socorro; Pilar; Urbano…)
XénerosPoesía, novela, teatro
Sinatura Lugrís Freire

Traxectoria

Foi fillo de Manuel Lugrís e Socorro Freire. O pai de Manuel tiña un almacén de sal no porto, pero perdeuno por problemas administrativos, polo que axiña chegaron as dificultades económicas. Así, ao rematar os estudos primarios, Manuel viuse obrigado a estudar para escribán no concello de Oleiros, ata onde ía andando dende a súa casa en Soñeiro. É daquela cando escribe "Nociones generales de mitología".[3] Emigrou a Cuba aos vinte anos (1883), chamado polo seu irmán maior Plácido, entre as guerras. Alí traballou como contable na firma Otamendi Amiel, formou parte do Centro Galego dende 1884 e foi o director (e fundador) do primeiro xornal americano editado integramente en lingua galega, A Gaita Gallega (1885-1889), tras colaborar con El Eco de Galicia de Waldo Álvarez Insua, no que a súa primeira colaboración fora un poema intitulado "Nostalxia". A declaración de principios aparece no seu artigo "O noso pensamento". N´A Gaita Gallega colaborou durante as primeiras seis entregas pero, pelexado con Ramón Armada Teixeiro, deixouna. Foi un dos fundadores de La Tierra Gallega. Foi tamén vogal da xunta directiva do Centro Gallego de La Habana. En Cuba publicou Soidades (poesías prologadas por Manuel Curros Enríquez), a novela curta O penedo do crime e A costureira da aldea, obra de teatro costumista que tamén se representou. Escribiu tamén a obriña De Galicia a Lavapiés, en resposta a unha obra que pretendía ridiculizar os galegos.

Volveu á Galiza en 1896 acompañado da cubana de ascendencia española Concepción Orta Iglesias, instalouse na Coruña e continuou o seu labor literario, mentres que seguía empregándose como contábel. Ingresou na Sociedad Anónima Aguas de La Coruña, da que foi socio accionista e primeiro empregado. Relacionouse cos rexionalistas coruñeses, tomando parte en todas as actividades galeguistas do momento, como a Cova Céltica, xunto con Murguía, Pondal e outros. En 1897 entrou na directiva da Liga Gallega da Cruña, presidida por Salvador Golpe, como secretario.

Manuel Lugris e dona
Lugrís e Concepción Orta.

En 1898 naceu a súa filla Socorro e morreu a súa muller, o que lle causou unha forte depresión. En 1901 publicou Noitebras, libro de poemas na que mestura pesimismo persoal e composicións de intención social e mítica. Ao ano seguinte casou con Purificación González Varela, irmá do pintor e escritor rexionalista Urbano González, coa que tería cinco fillos.

Pulou pola creación da Escola Rexional de Declamación (1903), que fundou con Galo Salinas e foi presidente dela. Tivo como especial preocupación a de fornecer de textos á nova entidade, teimando retirar a literatura galega do costumismo predominante. Todos os seus textos teñen unha carga reivindicativa forte. A Escola presentouse cunha peza de Galo Salinas e, durante o ano que durou, a totalidade das montaxes foron sobre obras do propio Lugrís Freire: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904). Lugrís Freire foi o primeiro autor teatral galego en utilizar a prosa. É tamén o máximo representante do teatro social ou de tese.

En 1904 participou na fundación da Asociación da Prensa de Coruña e en 1906 da Real Academia Galega. Lugrís Freire foi o primeiro en utilizar o galego nun mitin: foi o 6 de outubro de 1907 en Betanzos, nun acto do sindicato Solidaridad Gallega, do que tamén fora fundador, publicándose o discurso o día 19 de outubro dese mes no xornal A Nosa Terra[4]. Participou noutros moitos actos públicos na comarca da Coruña e tivo un destacado papel dentro da masonería galega. En 1908 pasou a ser membro do Consello Redactor d´A Nosa Terra, publicación na que aparecerían desde o primeiro número (4 de agosto) unha serie de contos populares baixo o título xenérico de A carón do lar.

Irmandades da Fala-excursion
Irmandade da Fala en Pontedeume, 1919.[5]

Abandonado o teatro, retomou a poesía e escribiu tamén numerosos relatos curtos, que reuniu en 1909 en Contos de Asieumedre.

En 1916 participou na creación da Irmandade da Fala da Coruña. En 1919, como suplemento do periódico El Noroeste, publicou Versos de loita, pero o seu mellor libro poético foi Ardencias (1927), que está dedicado á xuventude galega.

En 1922 publicou unha Gramática do idioma galego,[6] seguidora da Gramática de Saco y Arce, pero a primeira nesta lingua, e ao ano seguinte ingresou como socio correspondente no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal. O 5 de maio de 1924 foi nomeado fillo predilecto de Sada.

En 1930 participou na elaboración do programa do Partido Autonomista Republicano Agrario para a campaña electoral e na constitución da Federación Republicana Gallega. Neste ano tamén se lle dedicou unha rúa na súa vila natal. En maio do ano seguinte, participou na redacción do Anteproyeito de Estatuto da Galiza promovido polo Seminario de Estudos Galegos e en decembro na redacción dos estatutos do Partido Galeguista. En 1932, xunto con Alexandre Bóveda, redactou o anteproxecto definitivo do Estatuto, por encarga da Asemblea de Municipios de Galicia.

Otero Pedrayo, Manuel Lugrís ... Eladio Rodríguez, Félix Estrada Catoyra ... Risco ... 9-12-1929
Ingreso de Pedrayo na RAG, 1929. Con Lugrís; Eladio Rodríguez; Estrada Catoyra; Carré; Risco

O 28 de abril de 1934 foi nomeado presidente da Real Academia Galega, mais renunciou o 20 de agosto do ano seguinte por problemas de saúde. Pouco antes participara como orador no acto de inauguración do monumento a Manuel Curros Enríquez na Coruña, xunto do presidente da República Española, Niceto Alcalá-Zamora. Tamén foi nomeado socio de mérito do Instituto Histórico do Minho, de Viana do Castelo.

O seu labor xornalístico foi tamén extenso. Asinou cons pseudónimos de Asieumedre, L.U. Gris, K. Ñoto e Roque das Mariñas.

Lugrís Freire morreu na Coruña ao ano de finalizar a Guerra civil española, no medio da persecución da actividade galeguista e o drama de ver dous fillos en bandos distintos da guerra, debido ás circunstancias: Secundino no Quinto Rexemento en Madrid e Urbano Lugrís, que logo destacaría como pintor, recrutado polo bando nacional. Está enterrado no Cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

O Día das Letras Galegas de 2006 estivo dedicado a Manuel Lugrís Freire.

Obra

Ensaio

Ramón Villar Ponte, Fernández del Riego, Antón Villar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Rodríguez Somoza, Manuel Beiras, Manuel Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Carlos Maside, Alexandre Bóveda
Foto de grupo, en Lugo, o 19 de xuño de 1932.[7]
  • Nociones generales de mitología, 1880.[3]
  • Gramática do idioma galego, 1922 e 1931.[6]
  • As Mariñas de Sada: homenaxe a Sociedade Sada y sus Contornos, 1928

Narrativa

  • Contos de Asieumedre, 1908 (8 contos) , 1909 (28 contos)
  • A carón do lar, contos, 1970, Edicións Castrelos.

Teatro

Recepción de Castelao na Real Academia Galega, A Coruña, 25 de xullo de 1934
Recepción de Castelao na RAG en 1934.[8]
  • A costureira d´aldea, 1884, La Habana.
  • A ponte: drama en dous actos en prosa, 1903.
  • Mareiras: drama en tres actos en prosa, 1904.
  • Minia: drama n-un acto en prosa, 1904.
  • Esclavitú: drama en dous actos en prosa, 1906, Carré.
  • O pazo: comedia en dous actos, en prosa, 1916.
  • Estadeíña: comedia en dúas xornadas en prosa, 1919.

Poesía

  • Soidades: versos en gallego, 1894.[9]
  • Noitegras: poesías, 1901.
  • Versos de loita, 1919.
  • Ardencias, 1927.

Galería de imaxes

Manuel Lugrís Freire.
Manuel Lugrís Freire. 
Manuel Lugrís Freire.
Manuel Lugrís Freire. 
Gramática do idioma galego, 2ª ed., A Cruña, Imprenta Moret, 1931.
Gramática do idioma galego, 2ª ed., A Cruña, Imprenta Moret, 1931. 
Purificación González Varela, segunda muller de Lugrís.
Purificación González Varela, segunda muller de Lugrís. 
Sepultura de Lugrís no Cemiterio de Santo Amaro.
Sepultura de Lugrís no Cemiterio de Santo Amaro

Notas

  1. En Xabier Campos Villar: A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, px. 9, figura coma data de nacemento o día 12, mais trátase dun erro, xa que nese día foi bautizado, tendo nacido o anterior, coma figura nos libros parroquiais
  2. Dicionario biográfico de Galicia.
  3. 3,0 3,1 Lugrís Rodríguez, Manuel "Biografía de Manuel Lugrís Freire". Boletín RAG n.º 367. p. 60
  4. Primeiro discurso político en galego 5/10/2012. RAG.
  5. Xosé A. Fraga Vázquez (6/1/2016). "O galego, tamén idioma da ciencia". Praza Pública.
  6. 6,0 6,1 Facsímile da Gramática do idioma galego Consello da Cultura Galega.
  7. Nesta fotografía aparecen, entre outros: Ramón Villar Ponte, Fernández del Riego, Antón Villar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Ramón Rodríguez Somoza, Manuel Beiras, Manuel Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Carlos Maside e Alexandre Bóveda.[1]
  8. De pé, de esquerda a dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez González, Enrique Peinador, Gonzalo López Abente, Purificación González Varela (muller de Lugrís), Celia Brañas, Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo e Fernando Cortés Bugía. Sentados: Fernando Martínez Morás, Castelao, Lugrís, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra.
  9. Lugrís Freire, Manuel (1894). Soidades. Prólogo de M. Curros Enríquez. Habana: [s.n.]. En Galiciana. Biblioteca de Galicia

Véxase tamén

Bibliografía

Luís Alonso Girgado e María Vilariño Suárez: "Manuel Lugrís Freire (1863-1940), xornalista".
Ernesto González Seoane: "A gramática de Lugrís na tradición lingüística galega".
Xabier Campos Villar: "Aproximación á narrativa de Lugrís Freire".
Manuel Lugrís Rodríguez: "Biografía de Manuel Lugrís Freire".
Iolanda Ogando: "Palabra, construción e transmisión. O teatro de Manuel Lugrís Freire"
Laura Tato Fontaíña: "Manuel Lugrís Freire no teatro galego".

Outros artigos

Ligazóns externas

Predecesor:
Eladio Rodríguez González
 presidente da RAG 
1934-1935
Sucesor:
Manuel Casás Fernández (dende 1942)
A Gaita Gallega (revista)

A Gaita Gallega, subtitulada Repinica muiñeiras, alboradas e fandangos unha vez ó mes, foi unha publicación mensual galega, fundada por Manuel Lugrís Freire e Ramón Armada Teixeiro, editada na Habana dende o 5 de santiago de 1885 ata o 18 de decembro de 1887. Reapareceu o 20 de santiago de 1889 ata decembro dese mesmo ano como suplemento de El Eco de Galicia, revista dirixida por Waldo Álvarez Insua.

A Nosa Terra (1907)

A Nosa Terra foi o voceiro de Solidaridad Gallega que se editaba na Coruña. Fundouse por iniciativa de Rodrigo Sanz, Manuel Murguía, Manuel Lugrís Freire e Florencio Vaamonde Lores. O primeiro número saíu o 4 de agosto de 1907, dirixíao Uxío Carré Aldao. Foi unha publicación bilingüe, na que predomina o uso do castelán e que reserva o galego para os espazos de creación literaria. Mantívose ata outubro de 1908, en total saíron 60 números. Entre os colaboradores estivo Eladio Rodríguez González.

A Nosa Terra (1916)

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.Na súa traxectoria política foi un dos fundadores da ORGA (1929) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, se ben non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.

Asociación de Agricultores de Santa María de Sada

A Asociación de Agricultores de Santa María de Sada é a primeira agrupación agrarista sadense da que se ten coñecemento. Fundada o 12 de setembro do 1908 na casa de Juan Agra, no Tarabelo, estaba ligada ao movemento solidario que, a través de Solidaridad Gallega, impulsaran Manuel Lugrís Freire, Eugenio Carré Aldao ou Juan Vázquez de Mella.

Cova Céltica

A Cova Céltica é o nome que recibía o faladoiro que mantiñan desde 1893 un grupo de intelectuais galegos de ideoloxía rexionalista, quen se reunían na librería de Uxío Carré Aldao na Coruña a fin de debateren sobre temas relacionados con Galiza.

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Eduardo Pondal

Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Eladio Rodríguez González

Eladio Rodríguez González, nado en San Clodio o 24 de xullo de 1864 e finado na Coruña o 14 de abril de 1949, foi un lexicógrafo, xornalista e escritor galego. Foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega, a cal presidiu entre 1926 e 1934; tamén é autor dun dicionario, ó que lle dedicou toda a súa vida, moi valorado polo seu contido etnográfico, que foi editado postumamente.

Escola Rexional de Declamación

A Escola Rexional de Declamación foi un proxecto de consolidación do teatro galego levado a cabo a comezos do século XX.

Fernando Cortés Bugía

Fernando Cortés Bugía, nado en Betanzos o 15 de decembro de 1874 e finado na Coruña o 25 de marzo de 1948, foi un pintor, escultor e debuxante galego.

Fernando Martínez Morás

Fernando Martínez Morás, nado na Coruña o 31 de maio de 1885 e finado na provincia de León o 11 de setembro de 1937, foi un xeógrafo e escritor galego.

Francisco Pillado Mayor

Francisco Pillado Mayor, nado na Coruña o 18 de maio de 1941, é un escritor e persoeiro do mundo do teatro galego.

Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.

Lugrís

O apelido Lugrís pode referirse a:

Manuel Lugrís Freire, poeta, ensaísta e dramaturgo (1863 - 1940).

Urbano Lugrís González, pintor galego, fillo do anterior (1908 - 1973).

Urbano Lugrís Vadillo, pintor galego, fillo do anterior (n. 1942).

Ígor Lugrís Álvarez, escritor, bisneto de Manuel Lugrís Freire (n. 1971).

Ramón Lugrís Pérez, xornalista, tradutor e ensaísta, tío do anterior (1932 - 2015).

Manuel Casás Fernández

Manuel Casás Fernández, nado na Coruña o 17 de agosto de 1867 e finado na mesma cidade o 30 de xullo de 1960, foi un avogado, xornalista e escritor galego.

Real Academia Galega

A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. O seu presidente é Víctor Freixanes, elixido o 28 de marzo de 2017 logo da renuncia de Xesús Alonso Montero tras catro anos no cargo. O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat

Ángel del Castillo

Ángel del Castillo López, nado na Coruña o 24 de xaneiro de 1886 e finado na mesma cidade o 14 de marzo de 1961, foi un historiador e arqueólogo galego, cronista oficial da Coruña. Foi membro de varias academias, fundacións e institucións culturais de diversa índole.

Membros de número da Real Academia Galega
Plenario
actual
Históricos

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.