Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851[1] e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.[2]

Manuel Curros Enríquez
Curros - henriquez
AlcumeSebastián Zurita
Nacemento15 de setembro de 1851
 Celanova
Falecemento7 de marzo de 1908
 A Habana
SoterradoCemiterio de Santo Amaro da Coruña
NacionalidadeEspaña e Cuba
Ocupaciónescritor, xornalista e poeta
CónxuxeModesta Luisa Polonia Vázquez Rodríguez
FillosAdelardo Curros Vázquez
XénerosPoesía, novela, teatro
Firmacurrosenriquez

Biografía

Véxase tamén: Cronobiografía de Manuel Curros Enríquez.

Curros Enríquez naceu en Celanova no 1851, na casa número 14 da rúa de San Roque. Era fillo do escribán Xosé María de Curros Vázquez (de Santiso) e de Petra Enríquez (de Vilanova dos Infantes). O pai de Curros era un home autoritario e de ideas tradicionalistas[3] que sometía o seu fillo a malleiras frecuentes, malia que, de acordo con outras fontes, [Cómpre referencia] Xosé María de Curros defendeu sempre as ideas liberais. Asistiu á escola de Manuel Rebollo e cando estivo preparado tivo que axudar o seu pai como escribente. En 1866 marchou cara a Madrid, á casa do seu irmán Ricardo, onde cursou o bacharelato e comezou estudos de Dereito, carreira que non rematou. En Madrid, Curros atopará tamén a protección de Modesto Fernández González, quen desempeñará un papel fundamental na súa vida, como se verá máis adiante[3].

A mis queridas sobrinas... Manolo
Retrato de Manuel Curros Enríquez.

Participa na Revolución de 1868 que derroca a Isabel II o cal fai que asuma os ideais democráticos. Ingresa de escribente no Concello de Madrid e visita os círculos literarios coa intención de facer alí carreira literaria, desa época é a lenda en castelán El Maestre de Santiago. Ós vinte anos casou polo civil con Modesta Luisa Polonia Vázquez Rodríguez,[3] natural de Pobra de Seabra, sete anos máis vella ca el,[4] coa que tivo un fillo en 1873. En 1873 comezou a súa carreira xornalística ao ingresar na Gaceta de Madrid e ao ano seguinte entra en El Imparcial, para o que cubriu, entre decembro de 1875 e febreiro de 1876, a Terceira Guerra Carlista escribindo as Cartas del norte. Sucedeuno na tarefa outro correspondente, Fauró, tras ser ferido de bala por un axudante do brigadier Mariné con quen compartía habitación segundo relata no tomo III o recompilador das súas obras completas para a Casa editorial Perlado, Páez y C.ª, Sucesores de Hernando (Madrid, 1910).

No 1876 o seu protector, Modesto Fernández, convoca un certame poético en Ourense. Curros inicialmente négase a participar, pois as bases impoñían presentar textos de carácter costumista, temática que se opoñía aos seus gustos e aos seus ideais. Con todo, finalmente accede a participar e obtén a vitoria cos poemas «Unha boda en Einibó», «O Gueiteiro» e «A Virxe do Cristal»,[3] vitoria que o determinou como poeta galego. Curros establécese en Ourense e traballa na Intervención da Administración Económica (Facenda). Colabora no xornal El Trabajo.

Aires d'a miña terra

Artigo principal: Aires da miña terra.

En 1880 publicou Aires d'a miña terra,[5] libro de poemas no que pon de manifesto o seu anticlericalismo ó considerar que a Igrexa non se achega ós pobres e necesitados senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra publica o poema "Mirand’ó chau" no que, entre outras cousas escribe o celebre verso S’eu fixen tal mundo, que o demo me leve. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano, 1880, o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo Rodríguez condena e reproba o libro por conter "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”. Prohíbese ós fieis a lectura e posesión do libro e remátase excomungando a Curros. Simultaneamente, o bispo de Ourense denuncia diante das autoridades xudiciais o libro de Curros. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor e destrución dos moldes de copia, mentres que Curros foi condenado a dous anos e catro meses de cadea e ó pago dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, foi absolto na Audiencia da Coruña.[6]

CurrosAsorey
Como bardo no monumento da Coruña, de Asorey, inaugurado en 1934.[7]

Perdido o posto de traballo en facenda, volta a Madrid en 1883 e ingresa na redacción de El Porvenir, xornal republicano, e en 1887 accedeu ao posto de redactor xefe de El País e en agosto de 1888 apareceu O divino sainete, que pasou desapercibido para a crítica galega polo seu ton anticlerical.

Curros na emigración

En 1894 decide emigrar cara a América. Acollido con entusiasmo á súa chegada, na Habana dirixe un xornal, La Tierra Gallega e cando se suspendeu a súa publicación ingresou na redacción de El diario de las Familias e despois na do Diario de la Marina, no que apoia os autonomistas cubanos, o que lle causou problemas coas autoridades e acabou indispoñéndose coa maioría dos seus paisanos. En 1904 viaxa á Coruña, onde foi agasallado polos rexionalistas e inicia xunto con Manuel Murguía a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, base da futura Real Academia Galega e da que será nomeado presidente ó ano seguinte. De volta á Habana, retoma as súas actividades no Diario de la Marina.

Curros Enríquez, xa moi enfermo, ingresou no hospital do Centro Asturiano ao negarse a facelo no do Centro Galego e alí morreu o 7 de marzo de 1908. Os seus restos mortais foron embarcados para Galicia onde chegaron o 31 de marzo á cidade da Coruña, quedando instalada a capela ardente nos baixos do concello.[8] Foi enterrado no Cemiterio de San Amaro, non sen polémica entre os que querían unha cerimonia relixiosa e outros que querían un enterro civil. Segundo as crónicas da época, unhas corenta mil persoas ateigaron as rúas da Coruña o 2 de abril de 1908 para acompañaren o cortexo fúnebre nunha expresión multitudinaria de afecto popular sen antecedentes na historia de Galicia.[8][9][10]

Obras

Hai tamén unha antoloxía da súa obra en ruso.[16]

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Curros Enríquez.
Monumento de Asorey nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, inaugurado en 1934.
Monumento de Asorey nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, inaugurado en 1934.[7] 
Placa en Lugo, con versos dedicados a Rosalía.
Placa en Lugo, con versos dedicados a Rosalía
Cortexo fúnebre.
Cortexo fúnebre. 

Notas

  1. "Fundación Curros Enríquez". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2017. Consultado o 15 de setembro de 2017.
  2. Figuras homenaxeadas Real Academia Galega.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Carballo Calero, Ricardo (1981). Historia da literatura galega contemporánea (3ª ed.). Galaxia. ISBN 84-7154-391-5.
  4. Casares Mouriño 1992, p. 17.
  5. Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
  6. Segunda edición Arquivado 12 de decembro de 2018 en Wayback Machine. en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  7. 7,0 7,1 F.M.M (1934). Inauguración del monumento a Curros Enríquez. Academia Gallega (en castelán).
  8. 8,0 8,1 Reiriz Rey, Jesús María; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2004). Tiempos republicanos (en castelán). A Coruña: Ateneo Republicano de Galicia. ISBN 84-933103-2-8.
  9. "O enterro de Curros segundo Galo Salinas" RAG.
  10. "Féretro de Curros". Almanaque das Irmandades. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2017. Consultado o 20 de decembro de 2017.
  11. "Aires da miña terra". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-17.
  12. "Aires de mi tierra". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-17.
  13. "El divino sainete: poema en ocho cantos". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2018. Consultado o 2019-07-17.
  14. "El divino sainete". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2018. Consultado o 2019-07-17.
  15. "Jostirudi jaikotarra". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2018. Consultado o 2019-07-17.
  16. "Антология галицкой литературы.Мануэль Кm". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 2019-07-17.[Ligazón morta]

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

15 de setembro

O 15 de setembro é o 258º día do ano do calendario gregoriano e o 259º nos anos bisestos. Quedan 107 días para finalizar o ano.

7 de marzo

7 de marzo é o 66º día do ano no calendario gregoriano e o 67º nos anos bisestos. Quedan 299 días para acabar o ano.

A Virxe do Cristal

A Virxe do Cristal é un poema de máis de mil versos escrito por Manuel Curros Enríquez que relata unha historia de base popular. En 1877 gañou un certame poético en Ourense con este poema xunto coas obras "Unha boda en Einibó" e "O Gaiteiro de Penalta". Debe o seu nome ao Santuario da Virxe do Cristal, en Vilanova dos Infantes.

Aires da miña terra

Aires da miña terra (orixinalmente Aires d'a miña terra) é un poemario de Manuel Curros Enríquez publicado en 1880.

Aires d’a Miña Terra

Aires d’a Miña Terra pode referirse a:

Aires d’a miña terra, poemario de Manuel Curros Enríquez publicado en 1880.

Aires d’a Miña Terra, periódico editado na Habana en 1892.

Aires d’a Miña Terra, periódico editado en Buenos Aires entre 1908 e 1909.

Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega

A Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega foi unha asociación fundada co obxectivo de crear unha Academia Galega para promocionar a lingua galega. Fundouse en xuño de 1905 na Habana por iniciativa de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal a raíz da reprodución dun artigo de Manuel Murguía, "Diccionario de la lengua gallega (Necesidad de su formación y publicación)" na revista Galicia o 2 de abril de 1905 e a réplica de Nan de Allariz afirmando que non existía un patriotismo galego pola falta de fervor rexionalista do pobo galego o que produciu unha reacción na emigración galega que fixo que nese mes se constituíse unha xestora para fundar un órgano que codificase a lingua e na que participaban os máximos dirixentes do Centro Gallego, do orfeón Ecos de Galicia, da Beneficiencia de Naturales de Galicia e membros da xa desaparecida La Peña Gallega.

En 1917 tiña 433 socios e en 1923 tiña 120 asociados.

Curros

O topónimo galego Curros pode referirse a:

Curros, lugar da parroquia de Mabegondo, no concello de Abegondo;

Curros, lugar da parroquia da Ponte do Porto, no concello de Camariñas;

Curros, lugar da parroquia de Soandres, no concello da Laracha;

Curros, lugar da parroquia de Santa María Maior, no concello de Mondoñedo;

Curros, lugar da parroquia de Bravos, no concello de Ourol;

Curros, lugar da parroquia de Lavadores, no concello de Vigo;

Os Curros, lugar da parroquia de Cortiñán, no concello de Bergondo;

Os Curros, lugar da parroquia do Alto de Xestoso, no concello de Monfero;

Os Curros, lugar da parroquia de Senra, no concello de Oroso;

Os Curros, lugar da parroquia de Filgueira, no concello de Palas de Rei;

Os Curros, lugar da parroquia de Castiñeiras, no concello de Ribeira;

Os Curros, lugar da parroquia da Capela, no concello de Toques;

Os Curros, lugar da parroquia de Mourence, no concello de Vilalba.Amais, como apelido Curros pode referirse a:

Manuel Curros Enríquez, escritor galego (1851-1908).

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Eduardo Pondal

Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 8 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Galería de imaxes de escritores en lingua galega

Galería de imaxes de escritores en lingua galega.

José Ogea

José Ogea Otero, as veces José Ojea Otero, nado en Cortegada o 16 de agosto de 1845 e finado no mesmo concello o 3 de decembro de 1909, foi un político e escritor galego, membro numerario da Real Academia Galega desde a súa fundación.

Literatura galega do Rexurdimento

O Rexurdimento foi un movemento social, literario e intelectual, localizado no tempo na segunda metade do século XIX. Vería o seu inicio este período da literatura galega en 1863, coa publicación do poemario de Rosalía de Castro Cantares Gallegos. O seu final, porén, habería que situalo en 1890 coa publicación da obra de Valentín Lamas Carvajal A musa das aldeas.

Cando falamos do Rexurdimento literario, estámonos a referir sobre todo a un movemento poético, posto que a prosa e o teatro participarán del tardiamente.

No bico un cantar

No bico un cantar, subtitulado Letras e melodías gravadas no noso corazón, é un programa da Televisión de Galicia sobre cancións populares galegas, feito por un equipo de profesionais que xa traballaran xuntos no programa Alalá, dirixido por Senén Bernárdez Ferrán. O título está tirado da cantiga "A Rosalía", que Manuel Curros Enríquez lle adicara a Rosalía de Castro.

O divino sainete

O divino sainete é unha obra de Manuel Curros Enríquez aparecida en agosto de 1888. É un longo poema de carácter satírico-burlesco ("ladrade, mordede, ride" indicará Curros referíndose a función dos versos da súa obra). Composto por 512 unidades de versos octosílabos con rima consonante, que parodia unha das obras cume da literatura occidental, a Divina Comedia de Dante.

Rexurdimento

Rexurdimento (do verbo rexurdir formado sobre xurdir que procede do termo latino surgere 'erguer') é o nome co que se coñece o século XIX (ou a segunda metade do mesmo) na historia de Galiza e expresa unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. A publicación en 1863 de Cantares gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento Pleno, e as obras anteriores a esta data acostuman clasificarse como pertencentes aos precursores. A Rosalía hai que engadir a Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e mais Manuel Curros Enríquez como os principais escritores en galego desta época.

Rima

A rima, en poesía, é o feito da concordancia total ou parcial dos fonemas dunha ou máis palabras a partir da última vogal acentuada. Isto produce unha igualdade total ou parcial de certos sons entre dous ou máis versos.

Hai dúas clases de rimas:

A rima consonante ou total dáse cando a partir da última vogal tónica de cada verso son iguais os sons vocálicos e consonánticos.

Mais dorme, Rosalía, mentras tanto

N-as almas mingoa a fe y-a duda medra

¡Quén sabe si d'este recinto santo

Non quedará maña pedra con pedra!

Manuel Curros Enríquez, "N-a tumba de Rosalía".A rima asonante ou parcial dáse cando a partir da última vogal tónica son iguais soamente os sons vocálicos.

Nasin cand' as prantas nasen,

No mes das froles nasin,

Nunh' alborada mainíña,

Nunh' alborada d' abril.

Rosalía de Castro, Cantares gallegos.

Seis poemas galegos

Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936), unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.

Membros de honra da Real Academia Galega

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.