Manuel Antonio

Manuel Antonio Pérez Sánchez, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego.

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1979.

Manuel Antonio
Manuel Antonio Pérez Sánchez
Nome completoManuel Antonio Pérez Sánchez
Nacemento12 de xullo de 1900
 Rianxo, Rianxo, Rianxo
Falecemento28 de xaneiro de 1930
 Asados
Causatuberculose
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
XénerosPoesía
Coñecido/a porDe catro a catro e Máis alá!
PremiosDía das Letras Galegas

Traxectoria

Manuel Antonio naceu no seo dunha familia conservadora, fillo de Ramón Pérez e Purificación Sánchez Vázquez. Os seus avós maternos foron Gregorio Sánchez Triñanes (natural de Boiro) e María Vázquez Seco, tíos e padriños do crego Valentín Losada Vázquez. Aos dous anos foi vivir a Padrón por causa da tuberculose que padecía seu pai, e da que morrería cando Manuel Antonio só tiña catro anos. Viviu primeiro na casa da avoa materna e despois co seu tío crego José Sánchez Vázquez, sochantre na igrexa de Iria Flavia.

As primeiras ensinanzas recibiunas neste ambiente dominado polo conservadorismo e a relixiosidade, contra o que xa dende ben novo combatería o seu espírito inquedo. Con só once anos, durante unha estancia en Cangas co seu parente Valentín Losada, escribiulle unha carta á súa nai na que lle comunicaba a decisión de non seguir a carreira eclesiástica, e matriculouse en 1913 no Instituto de Santiago para estudar o bacharelato. Alí viviu a partir do 1914 durante os meses que duraba o curso escolar. Santiago de Compostela quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comeza, xunto algúns compañeiros, a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estadías en Rianxo relacionouse con Rafael Dieste, un rapaz do seu tempo co que houbo de compartir o interese pola literatura e o nacionalismo, e mais co seu curmán Roxelio, que o animou a participar na vida literaria e política dende os anos mozos.

Manuel Antonio Pérez Sánchez e a súa nai
Manuel Antonio coa nai, Pura.

Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde que se opuña frontalmente ao ambiente no que pasou a infancia, vivindo e participando con intensidade o momento social e político, xa que Manuel Antonio non se limitou nunca a ser un simple espectador. A súa primeira rebeldía é contra o conservadorismo carlista e, por extensión, a xermanofilia. Cando en 1918, durante a primeira guerra mundial, os alemáns atacaron barcos franceses, Manuel Antonio e mailo seu curmán Roxelio pedíronlle ao embaixador francés na Coruña que os alistase na Lexión Estranxeira. Diante da imposibilidade de facelo na embaixada, decidiu ir el mesmo a Francia, pero detivérono na fronteira e botou uns días no cárcere. Posteriormente tentou, tamén sen éxito, participar na Revolución Rusa de Outubro e mais nas guerrillas sandinistas, en Nicaragua.

Tamén no ano 1918, con só dezasete anos, enviou os seus primeiros poemas a revistas e xornais, e chegou a manter unha polémica co director da revista Suevia sobre a calidade das súas composicións. Pouco a pouco comezou a concienciarse na loita anticaciquil que ían espallando os movementos agraristas e fixo dos seus poemas unha arma de loita, mesmo en contra da ideoloxía da súa familia; por iso, algunha vez solicitaba que ao pé do poema só constasen as iniciais. En 1919 envía un soneto a La Redención, "O sol d'a liberdade". O seu director rexeitouno porque os versos empregados non eran hendecasílabos, como marcaban os canons clásicos; non obstante, aconselloulle que seguise escribindo textos en prosa (sic) de contido civil e animouno no seu interese polo movemento agrarista. A partir dese momento as súas preocupacións vanse centrar na loita anticaciquil, no nacionalismo e mais na súa produción literaria, que, agás algúns poucos poemas iniciáticos, está escrita integramente en galego.

En 1919, Rafael Dieste e Manuel Antonio escribíronlle a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para que actuase como intermediario entre eles e Vicente Risco, recoñecido como o guieiro teórico dos membros do grupo Nós e máis daqueles mozos que tiñan inquedanzas nacionalistas e literarias, pois era, sen dúbida ningunha, a persoa máis informada das novidades artísticas que estaban a aparecer en Europa. Foi ser tamén o ourensán quen lle enviase noticia a Manuel Antonio dos movementos de vangarda en Europa e en España; pero Vicente Risco, pouco convencido do interese destas correntes para a literatura galega, malia escribir o primeiro poema futurista na nosa lingua no ano 1920, recoméndalle a Manuel Antonio que repare nalgúns aspectos que son, ao seu ver, importantes para a nova literatura galega, como o folclore (aspecto sobre o que Manuel Antonio había de manter máis tarde longas discusións epistolares con Castelao, tentando ver cal sería a maneira máis axeitada de incluír os elementos populares na creación artística sen caer no ruralismo); o saudosismo portugués (este sentimento, extrapolable á mentalidade galega, tiña como máximo representante a Teixeira de Pascoais, autor moi relacionado cos intelectuais e mais cos artistas de vangarda galegos, entre eles, Álvaro Cebreiro; os haiku xaponeses (composicións de tres versos nas que se capta o instante e que procuran provocar emocións no lector por medio da xustaposición de imaxes) e, sobre todo, recomendoulle a procura dun estilo de seu, sinxelo, non marcado por escolas literarias.

A súa información literaria e política procedía, ademais das informacións dos mestres, dun amplo abano de lecturas. Recibía case todas as publicacións literarias e galeguistas do momento (A Nosa Terra, Nós, Céltiga, La Centuria, Alfar...) e intercambia recomendacións e libros cos seus amigos, combinando os clásicos cos autores máis modernos. Especial importancia, desde o punto de vista das influencias, amosa a lectura do libro de Jean Epstein, La poésie d'aujourd'hui, un nouvel état d'intelligence (1921), que se manifesta singularmente no proceso de supresión da secuencia espazo-temporal que o poeta leva adiante nas páxinas de De catro a catro.

Manuel Antonio Rianxo Galicia 060521 40
Estatua de Ramón Conde a Manuel Antonio en Rianxo.

No ano 1919, seguindo os consellos do seu curmán Roxelio, comezou os seus estudos de náutica en Vigo, unha cidade que describe parodicamente ("Eu en Vigo estou nun deserto: un deserto poboado de pantallas cinematográficas") e na que non se daba. Porén, vai ser nesta cidade onde terá ocasión de participar na II Asemblea Nacionalista (celebrada en 1921) e de coñecer persoalmente os membros máis sobranceiros do galeguismo, entre eles, Risco, co que mantivera só trato epistolar. Dela saíu un Manuel Antonio fortemente convencido polo ideario nacionalista e moi combativo, o que lle provocou discusións cos seus amigos de infancia (Roxelio e mais Rafael Dieste) por non adoptaren un compromiso tan radical coma o seu co galeguismo. Comezou a cartearse con Victoriano Taibo, esteticamente continuador da liña tradicional de Cabanillas, pero que soubo recoñecer e admirar o facer poético do rianxeiro e a súa novidade, como demostra unha carta na que lle pide información sobre a poesía moderna.

Cadro de persoal da revista Ronsel. 1924
Cadro de persoal de Ronsel

A partir de 1921 Manuel Antonio comezou unha intensa actividade literaria. Colaborou en revistas (entre elas Alfar, da Coruña, na que participan importantes vangardistas da literatura española) e xornais, e mesmo formou parte do consello de redacción dunha delas, Ronsel, de Lugo. En 1922 publicou, xunto o debutante Álvaro Cebreiro, o manifesto Máis alá!, que eles mesmos se encargaron de espallar por Galicia e o estranxeiro. Este manifesto, o único que aparece como tal na literatura galega da época -se ben que, en realidade, outros artigos asinados polo autor, tal é o caso de "Fatiguémonos" ou "Prólogo pra un libro de poemas que ninguén escrebeu" (aparecidos no diario vigués Galicia)-, foi un auténtico revulsivo para o sector máis conservador do galeguismo, coma o que daquela leva as rédeas das Irmandades da Fala, que viu nel un ataque político concibido por Antón Villar Ponte, pero non desatou unha polémica da intensidade que esperaban os autores.

No 1923 rematou os estudos de náutica e aínda se matriculou en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, levado pola atracción que sobre el exerceu sempre Compostela, mais nunca chegaría a rematar estes estudos.

Casa museo de Manuel Antonio. Rianxo. Galiza
Entrada da casa museo de Manuel Antonio.

Á espera de facer as prácticas de piloto, seguía a actualidade literaria a través da prensa (lía case todas as revistas publicadas en Galicia e mais algunhas estranxeiras) e do intercambio de lecturas cos seus amigos, pois non formou parte activa dos parladoiros literarios, máis propios da cidade ca dunha vila mariñeira coma Rianxo, onde non tiña xa con quen compartir as inquedanzas artísticas (dille a Dieste nunha carta que Rianxo segue a disputarlle a Roma o nome de Cidade Eterna). A soidade vital foise acentuando cada vez máis. Xa non enviaba tan a miúdo poemas á prensa e a súa produción literaria foise construíndo con máis vagar, máis coidada e persoal. Intensificouse o individualismo na obra e na súa vida, e cultivaba a súa particular imaxe externa, arredada dos convencionalismos burgueses, máis achegada ao mariñeiro que ao literato de cenáculo.

Entre 1926 e 1927 fixo as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do pailebote Constantino Candeira, do que é capitán Augusto Lustres Rivas, a quen lle dedica De catro a catro, o poemario concibido durante as travesías nese barco. Na publicación do libro participaron Dieste, xestionando as cuestións editoriais, e mais Maside, que o ilustraría. Nos anos 1928 e 1929 fixo tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria e en 1929 desembarcou en Cádiz por mor do agravamento da tuberculose que padecía, e da que só sabían uns poucos amigos. O 28 de xaneiro do 1930 faleceu na aldea de Asados (Rianxo).

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1979.[1] En 2011 inaugurouse a súa casa-museo en Rianxo.

Foulas (poema limiar) Manoel Antonio
Foulas.

Obra

A produción poética de Manuel Antonio é breve, arredor de 120 poesías clasificadas nos seguintes poemarios ou grupos de composicións:

  • Con anacos do meu interior; 18 poemas; escrito entre 1920-1922.
  • Foulas; 28 poemas; escrito entre 1922-1925.
  • De catro a catro; 19 poemas; escrito entre 1926-1927.
  • Sempre e mais despois; 8 poemas; escrito con posterioridade a De catro a catro.
  • Viladomar; 6 poemas; escrito en 1928.
  • Poemas soltos datados; 27 poemas escritos entre 1918-1928.
  • Poemas soltos non datados; 15 poemas, algúns deles aparecen escritos nos últimos tempos da vida do autor.

Notas

  1. El Día das Letras Galegas, dedicado este año al escritor Manuel Antonio (en castelán)

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

11 de febreiro

O 11 de febreiro é o 42º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 323 días para finalizar o ano, 324 nos anos bisestos.

12 de xullo

O 12 de xullo é o 193º día do ano do calendario gregoriano e o 194º nos anos bisestos. Quedan 172 días para finalizar o ano.

1900

1900 foi o último ano do século XIX e o primeiro da década de 1900.

28 de xaneiro

O 28 de xaneiro é o 28º día do ano do calendario gregoriano. Quedan 337 días para finalizar o ano, 338 nos anos bisestos.

A Nosa Terra (1916)

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

Aquilino Iglesia Alvariño

Aquilino Iglesia Alvariño, nado na Pedrosa (Seivane de Vilarente, Abadín) o 12 de xuño de 1909 e finado en Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1961, foi un dos poetas máis significativos do século XX en lingua galega. No ano 1986 adicóuselle o Día das Letras Galegas.

Ausejo de la Sierra

Ausejo de la Sierra é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). A súa poboación é de 69 habitantes (INE 2012) e ocupa unha superficie de 20,12 km².

Día das Letras Galegas

O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.

Ata 2019, ano dedicado a Antón Fraguas, 59 autores (4 mulleres e 55 homes) foron homenaxeados nas 57 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).

Luís Amado Carballo

Luís Gustavo Amado Carballo, nado en Pontevedra o 2 de maio de 1901. e finado na mesma cidade o 3 de setembro de 1927, foi un escritor galego en lingua galega, cofundador da revista Alborada e pai do hilozoísmo ou animismo. Moi relixioso, interesado pola teosofía, militou como galeguista e pertenceu ás Irmandades da Fala. Foi, xunto con Manuel Antonio, un dos poetas máis destacados do seu tempo, pertencentes ambos a xeración de 1922 (ou de 1925). Morreu prematuramente por causa dunha tuberculose. No ano 1982 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Manuel Antonio Campos

Manuel Antonio Campos García, coñecido como Tono Campos, nado no Grove o 15 de xullo de 1985, é un deportista galego que compite en piragüismo nas modalidades de augas tranquilas e maratón.

En maratón foi cinco veces campión do mundo e nove subcampión, seis veces campión de Europa e dúas subcampión; e en augas tranquilas foi subcampión do mundo e de Europa.

Manuel Lustres Rivas

José Manuel Antonio Lustres Rivas, nado en Ribeira o 14 de xaneiro de 1888 e asasinado en Redondela o 10 de novembro de 1936, foi un xornalista e escritor galego.

Manuel Martínez Randulfe

Manuel Martínez Randulfe, nado en Ourense o 13 de xuño de 1936, é un avogado, empresario e político galego do PPdeG.

Manuel Murguía

Manuel Antonio Martínez Murguía, nado no Froxel (Oseiro, Arteixo), o 17 de maio de 1833 e finado na Coruña o 1 de febreiro de 1923, foi un historiador galego que impulsou o Rexurdimento e creou a Real Academia Galega. No ano 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Rafael Dieste

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.

Tono

Manuel Antonio Insúa Fernández máis coñecido como Tono, nado o 8 de outubro de 1961 en Noia é un ex-futbolista galego que xogaba na demarcación de defensa.

Xosé Luís Axeitos

Xosé Luís Axeitos Agrelo, nado en Asados (Rianxo) en 1945, é un escritor e investigador galego. É membro da Real Academia Galega desde 2004.

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena Sánchez, nado en Betanzos o 27 de setembro de 1956, é un profesor e escritor en lingua galega.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.