Maniqueísmo

O maniqueísmo foi unha seita filosófica e relixiosa fundada polo sabio persa Mani (ou Manes) (c. 215-275), considerado polos seus seguidores como divinamente inspirado.

Manicheans
Maniqueos

Historia

A comezos do século III estendeuse a través de oriente e en moitas partes do Imperio Romano.

Os maniqueos -a semellanza dos gnósticos e os mandeos— eran dualistas, crían que había unha eterna loita entre dous principios opostos e irredutíbeis, o ben e o mal, que eran asociados á luz (Ormuz) e ás tebras (Ahrimán). Segundo eles, Deus é o creador de todo o bo e Ahrimán o creador de todo o malo. Posteriormente algúns maniqueos dualizaban a natureza do deus e outorgáronlle a calidade de conter todo o bo e todo o malo.

Doutrina

O maniqueismo é un sincretismo que combina elementos do Zoroastrismo, Cristianismo e Gnosticismo.

Os maniqueos cren que o espírito do home é de Deus pero o corpo do home é do demo. No home, o espírito ou luz está cativo por causa da materia corporal; polo tanto, cren que é necesario practicar un estrito ascetismo para iniciar o proceso de liberación da luz atrapada. Desprezan por iso a materia, incluso o corpo. Os «ouvintes» aspiraban a reencarnarse como «elixidos», os cales xa non necesitarían reencarnarse máis.

Buda e outras moitas figuras relixiosas foron enviadas á humanidade para axudala na súa liberación espiritual.

Na práctica, o maniqueísmo nega a responsabilidade humana polos males cometidos porque cre que non son produto da libre vontade senón do dominio do mal sobre a nosa vida.

A igrexa maniquea

A igrexa cristiá de Mani estaba estruturada a partir dos diversos graos de desenvolvemento interior. El mesmo a encabezaba como apostol de Xesucristo. Xunto a el estaban doce instrutores ou fillos da misericordia. Seis fillos iluminados polo sol do coñecemento asistían a cada un deles. Eses "epíscopos" (bispos) eran auxiliados por seis presbíteros ou fillos da intelixencia. O cuarto círculo comprendía inumerábeis electos chamados fillos e fillas da verdade ou dos misterios. A súa tarefa era rezar, cantar, escribir e traducir. O quinto círculo estaba formado polos auditores ou fillos e fillas da comprensión. Para ese último grupo, as esixencias eran menores.

Os mandamentos

Debían seguir sobre todo os dez mandamentos seguintes como fío condutor da súa vida cotiá:

  1. Non adorar ningún ídolo;
  2. Purificar o que sae da boca: non maldicir, non mentir, non levantar falso testemuño ou calumniar;
  3. Purificar o que entra pola boca: non comer carne, nin inxerir alcohol;
  4. Venerar as mensaxes divinas;
  5. Ser fiel ao seu cónxuxe e manter a continencia sexual durante os xaxúns;
  6. Auxiliar e consolar aqueles que sofren;
  7. Evitar os falsos profetas;
  8. Non asustar, ferir, atormentar ou matar animais;
  9. Non roubar nin cometer fraude;
  10. Non practicar ningunha maxia ou feiticería;

Véxase tamén

Bibliografía

  • Puech, Henri-Charles (2006). Sobre el maniqueísmo y otros ensayos. Madrid: Siruela. ISBN 978-84-7844-977-4.

Outros artigos

Ligazóns externas

Agostiño de Hipona

Santo Agostiño, Aurelius Augustinus, nado en Tagaste (Numidia) o 13 de novembro de 354 e finado en Hipona o 28 de agosto de 430, foi un teólogo, filósofo e doutor da Igrexa. Na súa obra incorpora a filosofía clásica á doutrina cristiá; exerceu grande influencia no pensamento cristián.

Década de 690

A década de 690 abrangue o período que empeza o 1 de xaneiro de 690 e remata o 31 de decembro de 699.

Encarnación

A encarnación é unha crenza común á maioría das confesións do cristianismo, que sosteñen que Deus se fixo home en Xesús de Nazaret. Trátase dun dogma fundamental que foi obxecto de enormes disputas no seu xeito de ser entendido. Dende o adopcionismo ata o monofisismo, pasando polo arianismo, o nestorianismo e o monotelismo.

Evanxeos apócrifos

Os evanxeos apócrifos son escritos redactados e recompilados nos primeiros séculos do cristianismo que recollen ditos e feitos de Xesús de Nazaret, as súas ensinanzas, a natureza de Deus ou as ensinanzas dos Apóstolos e as súas vidas. Estes escritos non foron recoñecidos pola Igrexa Ortodoxa, a Igrexa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Apostólica Asiria, a Igrexa Apostólica Armenia, a Igrexa Etíope Tewahedo e a Igrexa Católica nin polo protestantismo como expresión da fe.

Herexía

No cristianismo, a herexía, é unha opinión ou doutrina mantida en oposición ao dogma de calquera igrexa ou credo considerado ortodoxo.

Hunerico

Hunerico (antes de 430 – 23 de decembro de 484), rei de vándalos e alanos entre 477 e 484, fillo e sucesor de Xenserico. Aínda príncipe, casa por primeira vez (antes de 451) cunha princesa visigoda, filla do rei Teodorico, que será pouco despois devolta á Galia co nariz cortado e o rostro salvaxemente mutilado. En 455, ou pouco despois, desposa pola forza a Eudoxia, filla do emperador Valentiniano III, que fora levada como refén a Cartago e mantida durante sete anos como prisioneira de Xenserico, á que repudiará no ano 472. Desta unión nacerá o futuro rei Hilderico.En xaneiro de 477, Xenserico morre octoxenario logo dun reinado de medio século. Tan pronto como Hunerico accede ao trono, fai asasinar ou executar a dous dos seus irmáns aínda vivos, Teuderico e Teoderico, así como ás súas esposas e fillos.

Malia profesar o arianismo, ao comezo do seu reinado mostrouse tolerante cos católicos, perseguindo en cambio aos seguidores do maniqueísmo que se instalaron con puxanza no norte de África. A requirimento do emperador Zenón chega a permitir en 481 a elección dun novo bispo católico de Cartago, vinte e catro anos logo da supresión do bispado por Xenserico. En 483, con todo, prohibe novamente a sede católica de Cartago e desterra ao bispo Uxío ao sur de Tunisia. A súa política relixiosa foi contraditoria, ata o punto de que, tras permitir o 1 de febreiro de 484 un encontro entre bispos arianos e católicos, o 24 de febreiro do mesmo ano promulga un edicto polo que se declara a estes últimos herexes en caso de non abrazaren a doutrina ariana. Numerosos clérigos parten ao exilio, mentres que outros son confinados no sur do seu reino, torturados ou mortos na fogueira.No relativo á política exterior, logrou manter o control vándalo sobre as illas do Mediterráneo Occidental, fortalecendo a súa armada. No interior de África, en cambio, os bérberes iniciaron as súas conquistas en territorio alxeriano, creando aos vándalos grandes problemas loxísticos por mor dos continuos ataques que obstaculizaban a comunicación entre os seus asentamentos de Cartago e Tánxer.

Alcanzado pola peste a finais do ano 484 (un castigo divino, segundo os católicos), morreu o 23 de decembro do mesmo ano, sendo sucedido polo seu sobriño Guntamundo.

León I, papa

Morto en 461. Procedía da rexión italiana da Toscana. Sendo diácono foi designado polo emperador Valentiniano III para difíciles tarefas de mediación nas Galias. Foi elixido Papa no ano 440, nun momento en que a cristiandade estaba dividida en materia de fe e o Imperio Romano nunha crise sen retorno.

Literatura copta

A literatura copta é unha das literaturas cristiás de Oriente, escrita en copto, lingua que é a fase máis recente do antigo exipcio.

Mal (filosofía)

O mal (do latín malu[m], "mal", "desgraza", "calamidade", "pena") considerase que é todo aquilo que é obxecto dun xuízo de desaprobación, ou o que obstaculiza a propia perfección do home, aquilo que non é desexábel ou que debe ser destruído.

Oriente Medio

Coñécese como Oriente Medio (en árabe: الشرق الأوسط) unha rexión do suroeste de Asia que vai dende Siria ata a fronteira irano-afgá, pasando pola península de Arabia.

Historicamente foi o nome con que os primeiros xeográfos europeos modernos designaron os territorios situados na beira leste do mar Mediterráneo. Coincidía aproximadamente cos fronteiras occidentais do Imperio Otomán, e por este motivo as veces incluía a península dos Balcáns. A comezos do século XX, faciase un uso máis restrinxido desta denominación, comprendendo os actuais estados de Turquía, Siria, o Líbano, Israel, Palestina e Exipto. Pero a evolució política posterior á segunda guerra mundial fixo que na actualidade abrangue tamén outros estados de maioría musulmá, desde o Magreb até Iraq e Sudán, así como Irán e mesmo Afganistán e Paquistán. Con todo, os estados incluídos varían segundo o contexto de referencia, o punto de vista utilizado, etc.O nome de Oriente Medio utilízase por medio da expresión inglesa Middle East, que se refire a unha división do Oriente anticuada, pero que trala caída do imperio Otomán se fixo máis usada en inglés e traducida a numerosas linguas. O uso da expresión Oriente Medio recibiu críticas polo seu eurocentrismo implícito Algúns medios de comunicación contemporáneos utilizan esta expresión tanto para os países europeos como non europeos, o que contrasta coa designación similar, Mashreq, que se utilita especialmente en contextos de lingua árabe.

Por diversos motivos esta é unha das zonas con máis conflitos xeopolíticos do mundo. Moitos autores destacan que o factor causante da conflictividade foi a repartición das posesións otomás despois da primeira guerra mundial, cando se predeterminou o trazado das fronteiras e o nacemento do estado de Israel. Outro factor é a cantidade de recursos naturais, como o petróleo. Durante o século XX Oriente Medio viviu varios conflitos de relevancia: catro guerras árabe-israelís, a guerra entre Iraq e Irán, a guerra do Golfo nas súas diferentes etapas, a guerra civil do Líbano, e a revolución islámica de Khomeini en Irán, con importantes repercusións para todo o mundo musulmán. A relixión islámica é na actualidade maioritaria na rexión.

Pesimismo

Pesimismo (do latín pessimum, "o peor"), doutrina filosófica que sostén (invertendo a tese leibniziana) que vivimos no peor dos mundos posibles.

Dentro do contexto do pensamento occidental, esta idea xorde co chamado "pesimismo grego" ou coa doutrina do filósofo cirenaico Hexesias. Xa Plutarco refire, tomándoa de Aristóteles, a famosa lenda do Sileno, quen declara:

Con todo, a fundamentación máis ou menos sistemática do pesimismo ten lugar cos filósofos do irracionalismo do século XIX, tales como Schopenhauer, Mainländer, Eduard von Hartmann e Søren Kierkegaard, e algúns grandes poetas asumírono, como Giacomo Leopardi. Xa no século XX, enrólanse tamén nesta corrente de pensamento Martin Heidegger, Jean-Paul Sartre e Emil Cioran.

É posible referirse tamén a certo contexto pesimista inherente ás relixións (particularmente o budismo), aínda que todas tenden, en maior ou menor medida, a garantir algún tipo de redención. Para o cristianismo, por exemplo, a esperanza é unha das chamadas virtudes teologales.

O pesimismo adhire, en consonancia co espírito de certas eséxesis bíblicas, á noción de que este mundo é a morada do mal. Por iso é polo que este concepto se relaciona, bastante frecuentemente, con doutrinas tales como o escepticismo, o nihilismo, o maniqueísmo, o ascetismo e ata o misticismo, entre outras.

Polo demais, a noción de pesimismo oponse ao concepto filosófico de optimismo.

Priscilianismo

O priscilianismo foi unha corrente relixiosa cristiá, difundida polas prédicas de Prisciliano no século IV en Hispania, e sobre todo na Gallaecia.

Prisciliano

Prisciliano, nado no ano 340 e axustizado en Tréveris en 385, foi un relixioso heresiarca galaico-romano, aínda que non se coñece exactamente se naceu na Gallaecia ou noutro lugar. En todo caso, é considerado galaico pola exitosa propagación da súa herexía e persistencia adeptos neste territorio.

Shapur I

Shapur I, fillo de Ardashir I (226 – 241), foi rei de Persia do 241 ó 272.

Proclamado rei, Shapur retomou inmediatamente a loita con Roma. Foi derrotado polas tropas do emperador Gordiano III, un dos varios soberanos e candidatos a soberano que se disputaban o poder no longo período revolto que seguiu á morte de Alexandre Severo.

Conquistou Armenia (expulsando a Tirídates II), invadiu Siria e saqueou Antioquía. O emperador Valeriano decidiuse a marchar contra el, pero foi feito prisioneiro cando intentaba negociar con el (260). Shapur entrou en Asia Menor, pero foi rexeitado por Ballista. Entón entrou en liza Septimio Odenato, príncipe de Palmira, que derrotou ó exército persa, reconquistou Carrhae e Nisibis, chegando mesmo a capturar o harén real.

Shapur non puido recuperarse e perdeu Armenia de novo. Pero segundo a tradición persa e árabe, que parece baseada en feitos reais, conseguiu recuperar a fortaleza de Hatra, no deserto de Mesopotamia, e sobre todo, alcanzou a gloria de ter como refén ó emperador de Roma, feito que non ocorrera nunca ata entón.

No val de Istakhr (preto de Persépole), baixo as tumbas dos aqueménidas en Nakshi Rustam, Shapur aparece representado dacabalo, coa armadura real e a coroa, con Valeriano de xeonllos suplicando a súa compaixón. A mesma escena pódese ver nas ruínas das cidades de Darabjird e Sapor, no actual Irán.

Shapur construíu a gran cidade de Gundev-Sapor, preto da capital aqueménida, Susa, incrementando a fertilidade desta rexión con canles desde o río Karun e muros que construíron escravos romanos que aínda na actualidade se coñecen como a mole do césar.

Baixo o seu reinado o profeta Mani, fundador do maniqueísmo, empezou a predicar en Persia, e pénsase que o mesmo Shapur era favorable ás súas ideas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.