Manierismo

O manierismo é un estilo artístico que predominou en Italia dende o final do Alto Renacemento (cara a 1520) ata os comezos do período Barroco, cara ó ano 1590.

Giorgio Vasari Selbstporträt
Giorgio Vasari

Historia e características

O manierismo orixinouse en Florencia e Roma, pero finalmente se estendeu ata España, Europa central e do norte. Tratábase dunha reacción ao clacisismo que cuestionaba a validez do ideal de beleza defendido no Alto Renacemento, inda que na práctica a transformación dos presupostos clasicismos foi violenta, alteráronse as proporcións, descontextualizaron os elementos típicos do clasicismo: a serenidade fíxose tensión, a severidade tolerancia creativa dando lugar a unha expresión máis dramática na cal predominaban os elementos de sorpresa, as formas helicoidais, as figuras alongadas, o efectismo lumínico como manifestación da crise reinante e da arte elegante e refinada que requería a aristocracia.
O maneirismo preocupábase por solucionar problemas artísticos intricados, como espidos retratados en posturas complicadas. As figuras nas obras manieristas teñen frecuentemente extremidades graciosas pero raramente alongadas, cabezas pequenas e aparencia estilizada, mentres as súas posturas parecen difíciles ou artificiais é dicir alla maniera.

A súa orixe etimolóxica provén da definición que certos escritores do século XVI, como Giorgio Vasari, asignaban a aqueles artistas que pintaban "á maneira de...", é dicir, seguindo a liña de Miguel Anxo, Leonardo ou Rafael, pero mantendo, en principio, unha clara personalidade artística. O significado pexorativo do termo utilizarase máis adiante, cando esa "maniera" foi entendida como unha fría técnica imitativa dos grandes mestres.

As cores non remiten á natureza, senón que son estrañas, frías, artificiais, violentamente enfrontadas entre si, en vez de apoiarse en gammas. O propio Miguel Anxo ou o académico Rafael experimentaron nas súas últimas obras o pracer da transgresión, desdebuxando as súas figuras ou deixando inacabadas as súas obras. Tiziano, Correggio ou Giorgione someten algunhas das súas pinturas a complicados simbolismos que inda non foron descifrados, como intuímos en A Tempestade, deste último.

Giorgio Vasari 001
Giorgio Vasari.

A ourivaría foi un dos ámbitos máis beneficiados por esta complexa arte, que afectou tardiamente, pero de forma xenial, ó Greco.

Despois de ser substituído polo barroquismo, foi visto como algo decadente e dexenerativo. No século XX volveuse apreciar novamente pola súa elegancia e bravura especializada. Entre os artistas que practicaron este estilo están Parmigianino,Beccafumi, Benvenuto Cellini, Giulio Romano, Rosso Fiorentino, Bronzino, Tintoretto, Hans von Aachen, El Greco e Federico Zuccaro.

Obras manieristas

Véxase tamén

Bibliografía

  • Varios (1995). Do Tardogótico ó Manierismo. Galicia e Portugal. A Coruña. Fundación Pedro Barrié de la Maza - Fundação Calouste Gulbenkian. ISBN 84-87819-84-2.

Outros artigos

Alonso Berruguete

Alonso Berruguete, nado en Paredes de Nava, Palencia en 1490 e finado en Toledo en 1561, foi un escultor castelán do manierismo, fillo do pintor Pedro Berruguete. Tamén fixo obras pictóricas.

Aprendeu pintura e escultura no taller familiar; as súas obras de entón evidencian o contacto cos escultores activos en Castela, fundamentalmente en Burgos, Ávila, Valladolid e Palencia. Desde 1507 estivo en Italia ampliando os seus coñecementos de pintura, principalmente en Florencia, onde debeu chegar cara a 1512. Alí é citado varias veces por Vasari, quen constata os seus contactos con Bramante, Michelangelo e Leonardo da Vinci. Estivo entre os manieristas toscanos discípulos de Andrea do Sarto e hai quen afirma que participou activamente na xénese do manierismo pictórico florentino. Copiou o Laocoonte recentemente descuberto en Roma por encargo de Bramante, e iso fai supor que se aliñaba no grupo rival de Michelangelo Buonarrotti.

Os longos anos de estancia en Italia permitíronlle coñecer profundamente aos mestres do Quattrocento e os modelos da escultura grecolatina clásica; na súa obra hai unha admiración profunda pola obra de Donatello, quen lle inspira algúns tipos, e, desde logo, Miguel Anxo, polos seus volumes rotundos e a atormentada terribilitá da súa obra final. De Leonardo da Vinci aprendeu a individualizar os rostros, a pesar do cal todas influencias confluíron nun estilo moi persoal e un temperamento fortemente expresivo, que se reflicte nas súas figuras dun contorno llameante e anguloso que revive a estética do Gótico. Vasari considera que en Florencia copiou os cartóns de Michelangelo realizados para a decoración da sala do Gran Consello.

Arquitectura do Barroco

A arquitectura do Barroco, tamén coñecida como arquitectura barroca, é un período da historia da arquitectura que veu precedida do Renacemento e do Manierismo; xerouse en Roma durante o século XVII e estendeuse até mediados do século XVIII polos Estados absolutistas europeos.

O termo Barroco, derivado do portugués "barru", "perla de forma diferente ou irregular", utilizouse nun primeiro momento de forma despectiva para indicar a falta de regularidade e orde do novo estilo. A característica principal da arquitectura barroca foi a utilización de composicións baseadas en puntos,curvas, elipses e espirais, así como figuras policéntricas complexas compostas de motivos que se intercalaban uns con outros. A arquitectura valeuse da pintura, a escultura e os estucados para crear conxuntos artísticos teatrais e exuberantes que servisen para enxalzar aos monarcas que os encargaron.

Nalgúns países europeos como Francia e Inglaterra e noutras rexións da Europa setentrional produciuse un movemento máis racionalista derivado directamente do Renacemento que se denominou Clasicismo barroco. Ao longo do século XVIII foise desenvolvendo en Francia un movemento derivado do Barroco que multiplicaba o seu exuberancia e baseábase fundamentalmente nas artes decorativas que se denominou Rococó e acabouse exportando a boa parte de Europa.

Contrariamente ás teorías segundo as cales o movemento barroco xurdiu a partir do Manierismo, foi o Renacemento tardío o movemento que acabou desencadeando en último termo o Barroco. De feito, a arquitectura manierista non foi suficientemente revolucionaria para evolucionar radicalmente, nun sentido espacial e non só superficial, a partir dos estilos da antigüidade aos novos fins populares e retóricos da época do contrarreformismo.

Xa no século XVI, Miguel Anxo Buonarroti anunciara o Barroco dunha forma colosal e masiva na cúpula da Basílica de San Pedro de Roma, así como as alteracións nas proporcións e as tensións das ordes clásicas expresados na escaleira de acceso á Biblioteca Laurenciana de Florencia, do mesmo autor, e a enorme cornixa engadida ao Palacio Farnese. Estas intervencións suscitaran diversos comentarios na súa época pola súa brusca alteración das proporcións clásicas canónicas. Non obstante, noutras obras Miguel Anxo cedera á influencia manierista, polo que foi só tras o fin do Manierismo cando redescubriuse a Miguel Anxo como o pai do Barroco.

O novo estilo desenvolveuse en Roma, e alcanzou o seu momento álxido entre 1630 e 1670; a partir de entón o Barroco estendeuse polo resto de Italia e de Europa, mentres que no século XVIII Roma volveu de novo ao Clasicismo seguindo o exemplo de París.

A influencia do Barroco non se limitou ao século XVII; a principios do século XVIII desenvolveuse o estilo denominado Rococó, que non sendo unha pura continuación do primeiro podería ser considerado como a última fase do Barroco.

Arte da Idade Media

A Arte Medieval ocupou unha basta extensión de tempo da historia da arte, uns 1000 anos, así como amplos territorios, como o oeste de Europa e o norte de África.

Os historiadores clasifican á arte medieval como un gran período artístico, aínda que dentro deste poderíanse facer varias subdivisións das que son exemplo: Arte paleocristiá, Arte prerrománica, Arte románica, Arte gótica, Arte bizantina, Arte Islámica etc. Ademais cada "pobo" ou cultura da Idade Media tivo o seu propio estilo como a Arte anglosaxoa ou a Arte viquinga.

Arte da Idade Moderna

Arte da Idade Moderna é o período ou subdivisión temporal da historia da arte que corresponde á Idade Moderna. Non se ha de confundir co concepto de arte moderna, que non é cronolóxico senón estético, e que corresponde a determinadas manifestacións da arte contemporánea.

O período cronolóxico da Idade Moderna corresponde cos séculos XV ao XVIII (con distintos fitos iniciais e finais, como a imprenta ou o descubrimento de América, e as revolucións francesa ou industrial), e significou historicamente en Europa a conformación e posterior crise do Antigo Réxime (concepto que inclúe a transición do feudalismo ao capitalismo, unha sociedade estamental e preindustrial e unha monarquía autoritaria ou absoluta desafiada polas primeiras revolucións burguesas). Desde a era dos descubrimentos os cambios históricos aceleráronse, co xurdimento do estado moderno, a teoría do sistema-mundo e a revolución científica; no marco do inicio dunha decisiva expansión europea a través da economía, a sociedade, a política, a técnica, a guerra, a relixión e a cultura. Durante ese período, os europeos estendéronse fundamentalmente por América e os espazos oceánicos. Co tempo, xa ao final do período, estes procesos terminaron por facer dominante a civilización occidental sobre o resto das civilizacións do mundo, e con iso determinaron a imposición dos modelos propios da arte occidental, concretamente da arte europea occidental, que desde o Renacemento italiano identificouse cun ideal estético formado a partir da reelaboración dos elementos recuperados da arte clásica greco-romano, aínda que sometidos a unha sucesión pendular de estilos (renacemento, manierismo, barroco, rococó, neoclasicismo, prerromanticismo) que, ben optaban por unha maior liberdade artística ou ben por un maior sometemento ás regras da arte institucionalizadas na denominada arte académica. A función social do artista comezou a superar a do mero artesán para converterse nunha personalidade individualista, que destacaba na corte, ou nunha figura de éxito no mercado libre da arte. Do mesmo xeito que nos demais ámbitos da cultura, a modernidade aplicada á arte significou unha progresiva secularización ou emancipación do relixioso que chegou ao seu punto culminante coa Ilustración; aínda que a arte relixiosa continuou sendo unha das máis encargadas, se non o que máis, xa non dispuxo da abafadora presenza que había ter na arte medieval.

No entanto, durante todo o período da Idade Moderna as principais civilizacións do mundo mantivéronse pouco influídas, ou ata case do todo alleas aos cambios experimentados polas sociedades e a arte europea, mantendo esencialmente os trazos culturais e artísticos propios (arte da India, arte chinesa, arte xaponesa, arte africana).

A civilización islámica, definida pola súa posición xeoestratéxica intermedia, e principal competidora histórica da civilización cristiá occidental, á que disputou secularmente o espazo mediterráneo e balcánico, desenvolveu distintas modalidades locais de arte islámica nas que poden verse influencias tanto da arte occidental como do das civilizacións orientais.

Para o caso da arte americana, a colonización europea supuxo, especialmente para zonas como México e Perú, a formación dunha arte colonial con algunhas características sincréticas.

En Europa oriental a arte bizantina continuou pervivindo coa arte rusa ou con algunhas manifestacións da arte otomá.

Ademais das artes plásticas, outras belas artes como a música, as artes escénicas e a literatura tiveron desenvolvementos paralelos, analoxías formais e unha maior ou menor coincidencia estética e, sobre todo, intelectual, ideolóxica e social; o que permitiu á historiografía etiquetar a súa periodización con denominacións similares (música renacentista, música barroca, música do clasicismo; literatura do renacemento, literatura do barroco, literatura ilustrada ou neoclásica etc.) O mesmo pode dicirse das denominadas artes menores, decorativas ou industriais, que foron un fiel reflexo do gusto artístico de determinadas épocas (como os denominados estilos Henrique II, Luís XIII, Luís XIV, Rexencia, Luís XV, Luís XVI, Directorio e Imperio, convencionalmente denominados a partir da historia do mobiliario francés.

Arte islámica

O termo arte islámica designa a produción artística que se desenvolveu entre a héxira (622) e o século XIX no territorio habitado por poboacións de cultura islámica que se estendía no momento de máximo esplendor desde España ata Indonesia. A fe nun Deus único, Alá, e no seu profeta, Mahoma, creou uns lazos culturais e relixiosos que se reflectiron tamén na arte.

A orixe nómade do pobo árabe, primeiro en converterse ó islam, determinou que a arte estivese centrada nas artes decorativas e industriais: ourivaría, marfís, cerámica mentres que a arquitectura, carente en orixe dunha organización no construtivo e no ubanístico vai derivar nunhas estruturas arquitectónicas abertas con patios e pórticos cubertos xeralmente con terrazas. O material de construción habitualmente utilizado foi o ladrillo, as naves realízanse mediante o arco de medio punto, o arco apuntado, o arco peraltado e sobre todo polo arco de ferradura e o arco polilobulado, os edificios estaban cubertos por bóvedas de canón e a partir do século X por bóvedas de aresta formando arcos que se cruzan deixando un polígono central. O edificio máis característico da arte islámica é a mesquita, a súa orixe está na casa de Mahomed e a súa tipoloxía non mudou ata a época actual, consta de haram, sala de piares orientada cara A Meca cun nicho aberto no muro do fondo, diante do que está a macsura (palco) e o mimbar (púlpito), esta sala dá ao sahn, patio porticado no que está o sabil (fonte de ablucións).

A decoración da arte islámica é plana, sen eixo de simetría e con tendencia á repetición indefinida de motivos xeométricos e vexetais estilizados que se mesturan entre si e con outros motivos epigráficos.

Barroco

O Barroco é un movemento cultural e artístico que tivo lugar principalmente durante o século XVII. O termo provén do francés baroque, de barocco, figura de siloxismo que os renacentistas aplicaban aos razoamentos absurdos, cruzado co portugués barroco, perla irregular ou, por extensión, xoia falsa.A cultura barroca nace dunha situación histórica concreta, que é a crise económica e social que as monarquías absolutistas e a Contrarreforma non puideron ocultar. Por esa razón, o home desa época refuxiouse nos avances da ciencia e na expresión artística e literaria. O Barroco caracterízase tanto polo esplendor artístico e cultural como pola decadencia social e económica.

O Barroco é unha reacción fronte ao manierismo, movemento elitista, complicado e intelectual e, en xeral, á orde estética renacentista, de beleza equilibrada e razoable. O Barroco non cifra o seu ideal na proporción bela, máis ben procura a realidade cotiá, con frecuencia tratada con extrema crueza. Á vez mostra gusto polo aparatoso e monumental, empregado como instrumento propagandístico tanto da monarquía como da Igrexa católica.

Cinquecento

O cinquecento representa a segunda fase do Renacemento italiano, a súa culminación e a súa crise, e tamén o comezo da súa difusión por Europa. A fins do século XIV e comezos do XV na corte dos Sforza de Milán revisáronse os presupostos estéticos do Quattrocento que conduciu a unha linguaxe severa e monumental sen os adobíos da etapa anterior. A conquista de Milán polos franceses provocou a fuxida dos artistas que alí traballaban e que as súas concepcións artísticas se esparexesen polo territorio italiano e sobre todo en Roma tras a volta da corte papal desde Aviñón e o mecenado exercido por unha nova xeración de papas.

Comprende dúas fases: comeza co denominado Alto Renacemento (últimos anos do século XV e primeiras décadas do século XVI), e remata co denominado Baixo Renacemento ou Manierismo.

Construtivismo (arte)

O construtivismo é un movemento artístico e arquitectónico de orixe rusa que se pode encadrar dentro das vangardas ou "ismos" xurdido en Europa durante as primeiras décadas do século XX.

A súa denominación procede dun crítico que a utilizou en 1913 para se referir a uns relevos de Vladimir Tatlin, pero como movemento non xurdiu até 1920, apoiado polo Manifesto realista dos irmáns Pevsner e Gabo. Fai fincapé no abstracto, relacionado coa industria e a técnica, e é xeométrico e funcional. Ten moitos puntos de contacto co cubismo, o futurismo, o suprematismo e o Dadaísmo. Entre outros autores construtivistas destacan Vladimir Tatlin, Pevsner e o seu irmán N. Gabo, Alexander Rodchenko, A. Vesnin e László Moholy-Nagy

El Greco

Doménikos Theotokópoulos (do grego Δομήνικος Θεοτοκόπουλος), coñecido universalmente como El Greco ("O Grego"), naceu en Candia (Creta) en 1541 e finado en Toledo o 7 de abril de 1614, foi un pintor, escultor e arquitecto do final do Renacemento que desenvolveu un estilo moi persoal nas súas obras de madurez, de orixe grega e que traballou principalmente en España. As súas obras, xunto coas de Velázquez, Goya, Picasso e Dalí constitúen o epítome da pintura española de tódolos tempos.

Ata os 26 anos viviu en Creta (Creta formaba parte naquel tempo da República de Venecia), onde foi un apreciado mestre de iconas no estilo posbizantino vixente na illa. Despois residiu dez anos en Italia, onde se transformou nun pintor renacentista, primeiro en Venecia, asumindo plenamente o estilo de Tiziano e Tintoretto, e despois en Roma, estudando o manierismo de Michelangelo. En 1577 estableceuse en Toledo (España), onde viviu e traballou o resto da súa vida.

A súa formación pictórica foi complexa, obtida en tres focos culturais moi distintos: a súa primeira formación bizantina foi a causante de importantes aspectos do seu estilo que floreceron na súa madurez; a segunda obtívoa en Venecia dos pintores do alto renacemento, especialmente de Tiziano, aprendendo a pintura ó óleo e a súa gama de cores –el sempre se considerou parte da escola veneciana–; para rematar, a súa estancia en Roma permitiulle coñecer a obra de Michelangelo e o manierismo, que se converteu no seu estilo vital, interpretado dunha forma autónoma.A súa obra componse de grandes lenzos para retablos de igrexas, numerosos cadros de devoción para institucións relixiosas –nos que a miúdo participou o seu taller– e un grupo de retratos considerados do máximo nivel. Nas súas primeiras obras mestras españolas apréciase a influencia dos seus mestres italianos. Con todo, pronto evolucionou cara a un estilo persoal caracterizado polas súas figuras manieristas extraordinariamente alargadas con iluminación propia, delgadas, fantasmais, moi expresivas, en ambientes indefinidos e unha gama de cores buscando os contrastes, casando as tradicións bizantinas coas da civilización occidental. Este estilo identificouse co espírito da Contrarreforma e foise extremando nos seus últimos anos.

Actualmente está considerado un dos artistas máis grandes da civilización occidental. Esta alta consideración é recente e foise formando nos últimos cen anos, cambiando a apreciación sobre a súa pintura formada nos dous séculos e medio que seguiron á súa morte, en que chegou a considerarse un pintor excéntrico e marxinal na historia da arte.El Greco adoitaba asinar as súas pinturas con letras gregas co seu nome completo, Doménicos Theotokópoulos subliñando así a súa ascendencia grega.

Gaspar Becerra

Gaspar Becerra, tamén chamado Gaspar de Becerra, nado en Baeza (Xaén) en 1520 e finado en Madrid en 1570, foi un pintor, escultor e arquitecto español, un dos máis notábeis do século XVI.

Historia da arte

A historia da arte é unha disciplina que estuda a evolución das expresións artísticas, a constitución e a variación das formas, dos estilos, dos conceptos transmitidos a través das obras de arte ao longo do tempo.

O termo historia da arte acostuma a designar o conxunto das obras dunha época, país ou escola das artes visuais. A arte é a expresión do momento, sexa histórico ou persoal. Os historiadores de arte procuran determinar os períodos que empregan un certo estilo estético por 'movementos'. A arte rexistra as ideas e os ideais das culturas e etnias, sendo, así, importante para a comprensión da historia da humanidade e do mundo.

Na linguaxe común, o termo historia da arte acostuma a referirse á historia das artes visuais. Se ben as ideas sobre a definición de arte sufriron mudanzas ao longo do tempo, o campo da historia da arte tenta categorizar as mudanzas na arte ao longo do tempo e comprender mellor a forma como a arte modela e é modelada polas perspectivas e impulsos creativos dos seus practicantes. Aínda que moitos pensen na historia da arte simplemente como o estudo da a súa evolución occidental, o asunto inclúe toda a arte, dos megálitos da Europa Occidental ás pinturas da dinastía Tang, na China.

(Á dereita, detalle d'A Gioconda de Leonardo da Vinci)

Juan de Herrera

Juan de Herrera (Mobellán (Cantabria), 1530 — Madrid, 1593) foi un arquitecto español, considerado o creador do estilo arquitectónico, sobrio e severo, renacentista español, denominado estilo herreriano.

Juan de Herrera recórdase sobre todo pola súa participación en El Escorial, aínda que tamén é o responsable da Catedral de Valladolid. Comenzou a traballar no Escorial en 1563 baixo a dirección de Juan Bautista e desde 1572 foi el o que dirixiu os labores ata que se concluiu definitivamente en 1584. Formalmente acentuou o seu manierismo ó elevar a fachada principal e construír unha portada sen fondo, xa que tras ela non está o templo, senón un patio que dá á igrexa

Land art

O Land Art non é unha corrente, nin un estilo, nin un movemento artístico, é só unha actividade circunstancial. Non se escribiu moito sobre o Land Art xa que o seu termo é moi vago. Walter de Maria foi quen inventou o termo americano de Land Art que en galego podería traducirse como arte da terra. Este termo empregouno para poder describir as súas primeiras intervencións na natureza que se levaron a cabo a finais dos anos sesenta.

O seu comezo orixinouse cando un grupo de artistas ecolóxicos, especialmente artistas europeos e americanos, interviñeron o contorno natural deixando a súa pegada, a súa arte na natureza co propósito de lograr unha arte non comercial, unha arte que non se puidese vender xa que sendo unha arte efémera as obras non logran sobrevivir co paso do tempo. Actualmente este propósito non se acada de todo xa que o Land Art caeu no mundo da comercialización coas fotografías, planos e proxectos das obras.

Música renacentista

A música renacentista é a música clásica europea escrita durante o Renacemento, entre os anos 1400 a 1600 aproximadamente. Definir o inicio de éraa é difícil, dada a falta de grandes cambios no pensamento musical do século XV. Ademais, o proceso polo cal a música adquiriu as súas características renacentistas foi gradual.

O Escorial, Madrid

O Escorial (en castelán e oficialmente El Escorial) é un concello da Comunidade de Madrid, pertencente á comarca de Cuenca del Guadarrama.

Praxíteles

Praxíteles (grego antigo: Πραξιτέλης) de Atenas, fillo de Cefisodoto o Vello, foi o máis renomeado escultor clásico ático do século IV adC. Coa obra de Praxíteles a escultura grega evolucionou dende o clasicismo cara a unha especie de cedo manierismo, ao acentuar o sensualismo. As súas obras están caracterizadas pola chamada karis (graza) ática e a chamada «curva praxiteliana» consistente nun elegante contrapposto.

Foi o primeiro en esculpir a forma feminina espida nunha estatua a tamaño natural. Aínda que non queda ningunha escultura que sexa atribuíble sen dúbidas a Praxíteles, numerosas copias das súas obras sobreviviron; autores contemporáneos, incluíndo a Plinio o Vello, escribiron sobre as súas obras; e sobreviviron moedas gravadas con siluetas de varios dos seus modelos estatuarios.

Unha suposta relación entre Praxíteles e a súa fermosa modelo, a cortesá tespia Friné, inspirou especulación e interpretación en obras de arte que van dende a pintura (Gérôme) á ópera cómica (Saint-Saëns) ou as marionetas (Charles Maurice Donnay).

Algúns escritores sostiveron que houbo dous escultores co nome de Praxíteles. Un sería contemporáneo de Fidias e o outro o seu máis coñecido neto. Aínda que a repetición do mesmo nome en xeracións sucesivas é habitual en Grecia, non hai evidencia certa para ningunha das posicións.

Puntillismo

O puntillismo é un estilo pictórico no que se empregan pequenos puntos de cores primarias creando a impresión dunha ampla gama de diversos contrastes de cores. A técnica recala na habilidade do ollo e da mente do espectador para mestura-las cores vendo así cores secundarias. A técnica está relacionada co Divisionismo, unha variante máis desenvolvida. É un estilo con poucos pero importantes seguidores como Seurat, Signac, e Cross.

O termo foi creado por críticos de arte de finais da década de 1880 para critica-los traballos destes pintores. Hoxe en día emprégase sen matiz despectivo.

Renacemento

O concepto Renacemento aplícase á época artística que dá comezo á Idade Moderna en Europa (finais do século XV e todo o século XVI).

Chamouse "Renacemento" en virtude da redescuberta e revalorización das referencias culturais da antigüidade clásica, que orientaron as mudanzas deste período en dirección a un ideal humanista e naturalista. O termo foi rexistrado por primeira vez por Giorgio Vasari xa no século XVI, mais a noción de Renacemento tal e como hoxe o entendemos xurdiu a partir da publicación do libro de Jacob Burckhardt A cultura do Renacemento en Italia (1867), onde el definía o período como unha época de "descubrimento do mundo e do home"..

De feito o Renacemento racha, conscientemente, coa tradición artística da Idade Media, á que cualifica, con desprezo, como un estilo de bárbaros ou de godos. E coa mesma consciencia oponse á arte contemporánea da Europa do norte.

O Renacemento cultural manifestouse primeiro na rexión italiana da Toscana, tendo como principais centros as cidades de Florencia e Siena, de onde se espallou cara ó resto de Italia e despois cara a practicamente todos os países da Europa occidental. Italia permaneceu sempre como o lugar onde o movemento presentou un maior apoxeo, porén manifestacións renacentistas de grande importancia tamén terían lugar en Inglaterra, Alemaña, Países Baixos e, menos intensamente, en Portugal e España, e nas súas colonias americanas.

Dende unha perspectiva da evolución artística xeral de Europa, o Renacemento significa unha separación da unidade estilística que ata ese momento fora supranacional.

(Á dereita, O home de Vitruvio de Leonardo da Vinci. Aprox. 1492.)

Simbolismo

O simbolismo é un movemento literario e artístico aparecido en Francia e en Bélxica cara a 1870, en reacción ao naturalismo e en reacción ao movemento parnasiano. Foi un dos movementos artísticos máis importantes de finais do século XIX. Nun Un manifeste littéraire ("Un manifesto literario"), publicado en 1886, Jean Moréas definiu este novo estilo: "Inimigo do ensino, a declamación, a falsa sensibilidade, a descrición obxectiva". A literatura simbolista ten intencións metafísicas, intenta utilizar a linguaxe literaria como instrumento cognoscitivo, polo cal atópase impregnada de misterio e misticismo. Intentaba atopar o que Charles Baudelaire, gran poeta deste movemento, denominou "correspondencias", as secretas afinidades entre o mundo sensible e o mundo espiritual. Para iso utilizaban determinados mecanismos estéticos, como a sinestesia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.