Magreb

O Magreb,[1] identificado xeralmente coa África do Norte, engloba a rexión deste continente por riba do deserto do Sáhara. Na época do Imperio Romano, era coñecido como África menor. A palabra provén do vocábulo árabe Mahrib que significa "lugar do pór do sol" ou sexa, a rexión que, na altura en que o vocábulo terá nacido, estaba máis a occidente do mundo islámico, opóndose ao Iemen, que significa "dereita".

Ao longo do mar Mediterráneo, inclúe, hoxe en día, Marrocos, Alxeria e Tunicia. Algunhas veces, ao incluírse Mauritania e mais Libia, tamén se chama Maghreb ao que, para ser máis específico, se designa por Grande Magreb.

Maghreb
Países considerados como parte do Magreb.

Xeografía física

O Magreb está limitado polo Mar Mediterráneo a norte, polo Océano Atlántico a oeste, polo Golfo de Gabes a leste e polo deserto do Sáhara a sur. A grande cordilleira do Atlas, coas súas ramificacións separadas por planaltos con preto de 1000 metros de altitude, esténdese na súa parte occidental. É unha zona de clima mediterráneo, con precipitacións escasas, salvo en zonas montañosas viradas para a zona litoral. Aliás, sen as condicións proporcionadas polo mediterráneo (clima, agricultura, transportes) dificilmente se imaxinarían as zonas máis poboadas: Orán, Bona, Alxer e as planicies do Gharb e do Sahel.

Xeografía humana

Os habitantes do Magreb son basicamente, árabes e bérberes.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para magrebí.

Véxase tamén

Outros artigos

Alxer

Alxer (en árabe: الجزائر‎, al-Jazā’ir; no dialecto árabe falado en Alxeria: دزاير, en bérber Dzayer tamaneɣt) é a capital e cidade máis importante de Alxeria. Situada no norte do país, na ribeira do Mar Mediterráneo, no oeste da baía do seu nome, Alxer é o principal porto do noroeste de África. Se facemos coincidir a cidade coa daira de Sidi M'Hamed, que abrangue a maior parte do núcleo urbano, a poboación superaría lixeiramente os 250.000 habitantes, pero na aglomeración viven case sete millóns de habitantes, o que converte Alxer na cidade máis importante do Magreb.

De fundación fenicia, denominada Icosium polos romanos, foron os bérberes a partir do ano 950 os que lle deron o seu aspecto actual, o da cidade alta ou Casbah que ascende por un outeiro coa configuración labiríntica habitual do urbanismo árabe. Posteriormente, a ocupación francesa a partir do século XIX estendeu unha cidade moderna de corte europeo na parte baixa en torno ao porto e a baía.

Alxeria

Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país máis grande da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe. Fai fronteira terrestre con Tunisia ao nordés, Libia ao leste, Níxer e Mali ao sur, Mauritania e o territorio en disputa do Sahara Occidental ao suroeste e Marrocos ao oeste.

Despois de 132 anos de colonización francesa, Alxeria obtivo a súa independencia o 5 de xullo de 1962. Alxeria fíxose membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da Unión Africana (UA) e da Liga de Estados Árabes dende practicamente da súa independencia, en 1962. Tamén é integrante da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) dende 1969. En febreiro de 1989 Alxeria participou xunto a outros estados da África magrebí na creación da Unión do Magreb Árabe (UMA), sendo tamén o país membro da Unión para o Mediterráneo dende 2008. A constitución alxeriana define "o islam, o arabismo e o berberismo" como "compoñentes fundamentais" da identidade do pobo alxeriano e ao país como "terra do Islam, parte integrante do Gran Magreb, mediterráneo e africano".

O 2 de abril de 2019, o presidente Abdelaziz Bouteflika abandonou o cargo por mor da presión do exército do país, logo de protestas masivas contra un quinto mandato de Abdelaziz Bouteflika.

Bruxelas-Capital

A Rexión de Bruxelas-Capital (francés: Région de Bruxelles-Capitale, neerlandés: Brussels Hoofdstedelijk Gewest) ou ben Rexión de Bruxelas (francés: Région Bruxelloise, neerlandés: Brusselse Gewest) é unha das tres Rexións que compoñen Bélxica. Esta rexión, bilingüe segundo os estatutos municipais, está habitada por belgas que pertencen ás dúas principais comunidades lingüísticas do país: a comunidade francesa e a comunidade flamenga. Estímase que 50% da poboación bruxelense é francófona pola orixe da súa lingua materna, 10% flamenga e 40 % falan outras linguas (empregando case exclusivamente como lingua franca o francés), no seu conxunto o francés é empregado polo 95,55% da poboación de xeito habitual. Por mor da presenza no seu territorio de numerosas institucións internacionais, atópase igualmente entre as concentracións máis importantes de habitantes nados doutros países da Unión Europea. A isto súmanse numerosos inmigrantes procedentes do Magreb (especialmente de Marrocos) de Turquía, de América, de África (especialmente da República Democrática do Congo, antiga colonia belga) e da Europa central, facendo da Rexión un conxunto cosmopolita e multicultural.

Cervo común

O cervo común ou cervo vermello (Cervus elaphus) é unha especie de cérvido amplamente espallada polo Hemisferio Norte. Documentáronse unhas 27 subespecies distintas cunha área de distribución que se estende dende o Magreb, a Península Ibérica e Gran Bretaña ata gran parte de América do Norte, que se diferencian entre si polo tamaño, lonxitude e cor da pelaxe e forma das cornas. As seis subespecies de uapitís norteamericanos, outrora clasificados na especie propia Cervus canadensis, clasifícanse actualmente como subespecies de Cervus elaphus. Os cervos chegan á puberdade ao ano de naceren.

Dinastía merínida

Os Merínidas ou benimeríns foron unha dinastía bérber do grupo Zenata que reinou en Magreb tras a caída dos almohades entre os séculos XIII e XV, gobernando nos territorios dos actuais Marrocos e sur de España, ademais da maioría do Magreb. Os benimeríns interviñeron de maneira decisiva na política do reino nazarí de Granada, onde tiñan un exército permanente. Ademais, foron un soporte fundamental da resistencia contra os reinos cristiáns. O reino de Granada foi a última fortaleza marínida na Península Ibérica, que pasa para Castela en 1340, e ademais esta dinastía foi substituída pola dinastía Hafsid en 1465.

Golfo da Guinea

O golfo da Guinea é parte do suroeste Atlántico de África. A costa sur de África occidental, ao norte deste golfo, foi chamada historicamente como Alta Guinea. A costa occidental da parte máis ao sur de África, é historicamente, a Baixa Guinea. Hoxe, o nome da Guinea só se mantén nos nomes de tres países: Guinea, Guinea-Bisau e Guinea Ecuatorial. E nalgúns países americanos úsase o nome de "guineo" para designar unha variedade de bananas, o que demostra a orixe africana do termo.

No golfo da Guinea desembocan os ríos Níxer, Volta, Congo e Cross. A costa do golfo inclúe o golfo de Benin e o Golfo de Biafra.

Libia

Libia (en árabe: ‏ليبيا‎ Lībiyā, en bérber: Libya), é un país situado na rexión do Magreb no Norte de África. Ás beiras do mar Mediterráneo ao norte, Libia limita con Exipto ao leste, Sudán ao sueste, Chad e Níxer ao sur, e Alxeria e Tunisia ao oeste. Na Grecia antiga, o termo Libia era utilizado nun senso máis amplo, comprendendo toda África do Norte ao oeste de Exipto.

Cunha área de ao redor de 1 800 000 quilómetros cadrados, Libia é o cuarto país máis grande de África por área e o décimo sétimo do mundo. A súa capital, Trípoli, acolle a 1,7 millóns dos 6,4 millón de cidadáns libios. As tres partes tradicionais do país son Tripolitania, Fezzan e a Cirenaica. Libia posúe ademais o moior Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) e o cuarto maior PIB per capita de África en 2009, só detrás das Seychelles, Guinea Ecuatorial e Gabón. Isto é debido principalmente ás súas reservas petrolíferas e á súa baixa poboación. Libia é un dos dez maiores produtores de petróleo mundiais. Conseguindo a súa independencia como Reino de Libia en 1951, o estado estibo gobernado dende 1969 até 2011 por Muammar al-Gaddafi, que chegara ao poder nun golpe militar e instaurara a Jamahiriya, teorizada polo propio Gaddafi.

A mediados de febreiro de 2011, protestas e manifestacións masivas estouparon en Libia contra o goberno de Gaddafi, estourando unha guerra civil. O 26 dese mesmo mes, as forzas Anti-Gaddafi informaron que tiñan baixo o seu control varias vilas costeiras e cidades e o día seguinte, o 27 de febreiro, crearíase un organismo coñecido como Consello Nacional Libio para actuar como o "rostro político da revolución", o cal foi recoñecido o 16 de setembro do mesmo ano como único representante legal do estado.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Linguas iberorrománicas

As linguas iberorrománicas son un subgrupo de linguas románicas que se desenvolveron en territorios ocupados polos romanos cara ao ano 415[Cómpre referencia], é dicir, a Península ibérica e o norte do Magreb e as súas posteriores conquistas (Suevia).

Linguas consideradas universalmente dentro do grupo iberorrománico son o galaico-portugués (e os seus modernos descendentes, galego e portugués), o asturleonés, o castelán e o aragonés. Todas estas linguas forman un continuum geolectal con alta intelixibilidade entre linguas adxacentes.

Linguas románicas

As linguas románicas son o conxunto de linguas indoeuropeas procedentes do latín. O seu nome tamén é neolatinas ou romances e esta denominación procede de que eran as linguas nas que se escribían os textos literarios medievais ou romances (novelas, “romans” como aínda se di en francés) en contraposición cos textos relixiosos (daquela con maior consideración).

Todas as linguas romances descenden do latín vulgar, a lingua dos soldados, colonos e mercadores do Imperio, o cal difería significativamente do latín clásico dos literatos romanos. Entre o -200 e o 150, a expansión do Imperio xunto coas súas políticas administrativas e educativas, fixeron do latín a lingua dominante na área que se estendía entre a Península Ibérica á costa do Mar Negro, e do Magreb ata a Britannia. No declive do Imperio e despois da súa fragmentación e colapso no século V, acelérase a evolución do latín dentro de cada área; finalmente os dialectos diverxen en miríadas de variantes distintas, algunhas delas sobrevivindo ata hoxe en día. Os imperios de ultramar establecidos por España, Portugal e Francia fan que na actualidade o 70% de todos os falantes de linguas de orixe latina fálano fóra de Europa.

Minarete

O minarete, ou alminar, é o nome co que se coñecen ás torres das mesquitas, procede do árabe منار minār ou manār, o segundo directamente con adición do artigo árabe al- e o primeiro do francés minaret, tomado do turco, minare, que á vez tomouno do árabe. A verba árabe minar significa en realidade «faro», xa que no pasado adoitábase pendurar luces nos minaretes para orientar aos viaxeiros cara a cidade. En árabe a palabra que designa máis axeitadamente ao minarete é مئذنة mi'dhana, é dicir, lugar dende onde realízase o أَذَان adhan ou chamada da oración.

O seu principal labor é, polo tanto, facilitar que a máxima cantidade de xente posible oia cada unha das cinco chamadas diarias á oración. Para iso adoita ter na súa parte máis alta un balcón que o rodea, dende o cal o muecín ou almuédano (مُؤَذِّن mu'aḏḏin -"gritador"-) realizaba tradicionalmente a chamada á oración (صلاة salat) mediante a voz. Na actualidade, o almuédano foi substituído con frecuencia por un megáfono.

A forma dos minaretes varía segundo as zonas. No Magreb, as mesquitas adoitan ter só un, de planta cadrada, o exemplo máis fermoso é o antigo minarete da Gran Mesquita de Kairuán en Tunes. No oriente musulmán son habituais as mesquitas con máis dun, xeralmente dous ou catro, e de forma variable. Son característicos nos lugares de influencia otomá os esveltos minaretes de sección circular, cun balcón sobresaínte e un tellado cónico.

Muamar al-Qadafi

Muamar Abu Miniar al-Qadafi, nado en Sirte o 7 de xuño de 1942 e morto na mesma localidade o 20 de outubro de 2011, foi o xefe de Estado de Libia dende 1969 até 2011. En calidade de presidente do consello da revolución, nacionalizou a industria do petróleo e converteuse no primeiro representante da Unión do Magreb Árabe. Nas décadas de 1970 e 1980 apoiou diversos grupos islámicos de liberación nacional no Terceiro Mundo. Foi un personaxe polémico que mantiña un réxime de democracia popular.

Oriente Medio

Coñécese como Oriente Medio (en árabe: الشرق الأوسط) unha rexión do suroeste de Asia que vai dende Siria ata a fronteira irano-afgá, pasando pola península de Arabia.

Historicamente foi o nome con que os primeiros xeográfos europeos modernos designaron os territorios situados na beira leste do mar Mediterráneo. Coincidía aproximadamente cos fronteiras occidentais do Imperio Otomán, e por este motivo as veces incluía a península dos Balcáns. A comezos do século XX, faciase un uso máis restrinxido desta denominación, comprendendo os actuais estados de Turquía, Siria, o Líbano, Israel, Palestina e Exipto. Pero a evolució política posterior á segunda guerra mundial fixo que na actualidade abrangue tamén outros estados de maioría musulmá, desde o Magreb até Iraq e Sudán, así como Irán e mesmo Afganistán e Paquistán. Con todo, os estados incluídos varían segundo o contexto de referencia, o punto de vista utilizado, etc.O nome de Oriente Medio utilízase por medio da expresión inglesa Middle East, que se refire a unha división do Oriente anticuada, pero que trala caída do imperio Otomán se fixo máis usada en inglés e traducida a numerosas linguas. O uso da expresión Oriente Medio recibiu críticas polo seu eurocentrismo implícito Algúns medios de comunicación contemporáneos utilizan esta expresión tanto para os países europeos como non europeos, o que contrasta coa designación similar, Mashreq, que se utilita especialmente en contextos de lingua árabe.

Por diversos motivos esta é unha das zonas con máis conflitos xeopolíticos do mundo. Moitos autores destacan que o factor causante da conflictividade foi a repartición das posesións otomás despois da primeira guerra mundial, cando se predeterminou o trazado das fronteiras e o nacemento do estado de Israel. Outro factor é a cantidade de recursos naturais, como o petróleo. Durante o século XX Oriente Medio viviu varios conflitos de relevancia: catro guerras árabe-israelís, a guerra entre Iraq e Irán, a guerra do Golfo nas súas diferentes etapas, a guerra civil do Líbano, e a revolución islámica de Khomeini en Irán, con importantes repercusións para todo o mundo musulmán. A relixión islámica é na actualidade maioritaria na rexión.

Tunisia

Tunisia (en árabe : al-Jamhuriya at-Tunisia, الجمهورية التونسية), é un país árabe de África do norte, limitado polo Mediterráneo. É un país do Magreb, coma Marrocos, Mauritania, Alxeria e Libia. Situada no norte do país, a súa capital é Tunes.

Coa independencia o 20 de marzo do 1956, unha asemblea constituínte foi elixida, que aboliu a monarquía bey da dinastía huseinita no poder desde 1705 e proclamou a república o 25 de xullo do 1957 con Habib Bourguiba coma presidente.

Tunisia é un destino popular dos turistas europeos que visitan Hamamato, Monastir, Souse e o Porto El-Kantaoui, o deserto do Sahara no sur, e os sitios arqueolóxicos coma Cartago ou Dougga.

Unión do Magreb Árabe

A Unión do Magreb Árabe (en árabe: اتحاد المغرب العربي, Ittiḥād al-Magrib al-ʿArabī) é un acordo de interacción comercial asinado o 17 de febreiro de 1989 en Marrakech polos xefes de Estado de Marrocos, Alxeria, Tunisia, Mauritania e Libia.

Xeque

Xeque (en árabe: شيخ‎ šayḫ [ʃajx], habitualmente pronunciado [ʃeːx], plural شيوخ šuyūḫ [ʃuju:x]), é un título honorífico en lingua árabe. Xeralmente designa ao gobernante dunha tribo, que herdou o título de seu pai. Un varón da familia real recibe o título de xeque ao nacer, e unha muller da familia real recibe o de xeica.

África Occidental

África Occidental é unha rexión xeográfica que abrangue o oeste de África. Adoita incluírse nela os seguintes países:

Benín

Burkina Faso

Camerún

Cabo Verde

Costa do Marfil

Gabón

Gambia

Ghana

Guinea

Guinea-Bissau

Liberia

Mali

Níxer

Nixeria

República do Congo (Congo-Brazzaville)

Senegal

Serra Leoa

TogoChad, e parte do Magreb (Mauritania e Sahara Occidental, pero tamén Marrocos, Tunisia e Alxeria) son, en ocasións, tamén considerados como parte de África occidental.

África occidental é unha área con gran diversidade de paisaxes, biorrexións e culturas. Limita ao oeste e ao sur co Océano Atlántico e ao norte co deserto do Sahara. Ao leste o límite é menos preciso; xeralmente considérase a liña entre o monte Camerún e o lago Chad.

Os límites coloniais transformáronse nos límites de países contemporáneos da rexión. Nalgúns casos estes límites dividen grupos étnicos entre diferentes países.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.