Magosto

A palabra magosto, ademais doutros significados relacionados, designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas. Aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.

Castañas magosto
Magosto

Localización e características

Cucurucho de castanhas Galicia
Castañas aínda crúas, preparadas para asar.

O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, día de Tódolos Santos, se ben en Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.

O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.

No lugar de Insuela (de Loureiro, Cerdedo-Cotobade) era costume facer o magosto sobre unha pedra do Outeiro de Muimenta que tiña sona de propiciatoria para que as parellas puidesen ter fillos se se deitaban nela.

Hoxe en día ásanse nuns tambores metálicos colocados sobre o lume ou nuns tixolos especiais para este uso.

Orixes

Castañas asadas
Castañas asadas.

Existen varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra. Hai quen a fai vir do latín magnus ustus 'gran fogueira', dentro dos cultos ígneos que, como a noite de san Xoán, marcaban o paso das estacións[1]; outros, de magnus, que significaría ou ben 'magno, grande', ou ben 'mago, maxia'; e outros do celta mag, campo ou mesmo do protocelta *Magon- e *glustu- 'gran luz' ou *Magon- e *ouxto- 'gran frío'[2]. López Gómez ve alusión a ese suposto "mago do lume" nun gran boneco ou espantallo feito entrabando pólas e que simbolicamente presidía a festa e finalmente se chamuscaba, aureolado, adornado de rosarios ensarillados de castañas. Ardía o xigantón entre aturuxos e competitivos brincos, como aínda se fai nalgunhas outras fisterras atlánticas.

Murguía relacionaba esta festa cos defuntos (que se celebraban no día seguinte), considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Mariño Ferro tamén escribiu que a castaña é símbolo de vida que combate á morte: de aí que a castaña apareza nos ritos funerarios (Mariño Ferro: 260). Sexa como for, si se atopou relación da castaña con ritos funerarios e documéntase dende antigo o costume de asar castañas ese día[3].

Outros autores tamén reflicten a relación entre os defuntos e este costume de asar castañas. O historiador Bernardo Barreiro recolle esta descrición das enchentes que se celebraban xa no século XVI para celebra-lo Día de Defuntos:

Mais, a explicación máis repetida lévanos a pór en relación este substantivo co verbo agostar, que significa ‘facer perder a humidade’, o que se pode dar por unha calor excesiva, como a que se lles aplica ás castañas no magosto[3].

En calquera caso existe coincidencia en considerar os magostos como unha festa de orixe pagá, relacionada coa fecundidade e o folclore do lume que marca o paso dos ciclos agrícolas, a modo de simbolismo de peche do ciclo solar. Como aconteceu con outras festividades pagás, terminou sendo cristianizada asociándoa ós Santos e Defuntos ou a san Martiño de Tours. Existe constancia dalgunhas prácticas supersticiosas relacionadas coa crenza de que o lume ten vida propia e un certo carácter sagrado: nunca se debía cuspir sobre o lume, nin botar nel restos de comida ou calquera outra cousa[5]. Non se debía matar o lume senón que cumpría deixar que as brasas se apagasen soas, pouco e pouco: críase que as ánimas viñan quentarse á noite no rescaldo. Outros din que cada castaña comida era unha alma que se sacaba do purgatorio, e para que estas ánimas puidesen comer algo, sempre se deixaba algunha castaña entre as brasas.

O magosto na literatura popular galega

Léxico

A palabra magosto designa tamén a propia fogueira na que se asan as castañas ou o conxunto de castañas que se asan e comen nesta ocasión. Vocabulario derivado son magostar, co significado de asar castañas nun souto para comelas en grupo; e magosteiro, cada un dos participantes nesta comida.

Refráns

  • As castañas do castiñeiro hainas que asar no asadeiro.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai ruín viño.
  • Fíate nas castañas asadas, que se estoupan sairanche á cara.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto.
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e viño ou mosto.
  • Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados.

Cantigas

  • Acabáronse as vendimas/ e veñen as esfolladas,/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas.
  • Con castañas asadas/ foxe o friíño;/ con pescada salpresa/ no hai ruín viño.
  • Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto,/ non chas quero, non chas quero,/ que me cheiran ó chamosco.
  • Non as quero , non as quero/ castañas do teu maghusto/ levo-as na faltriqueira/ para comer a meu gusto.
  • "A castaña no ourizo/eu ben sei o que ela fai/se é pequena ela medra e se é madura ela cae".

Locucións

  • Estralar como unha castaña: facer alguén algo totalmente inesperado.
  • Facer un bo magosto: facer un bo negocio, obter un bo beneficio.
  • Sacar un as castañas do lume con man allea: utilizar a alguén, inadvertidamente, para solucionar un problema.

O magosto na literatura de autor

O magosto fóra de Galicia

Tamén se celebra noutras localidades do noroeste peninsular, como Asturias (baixo o nome de magüestu), Cantabria (Magosta), País Vasco (Gaztainerre ou gaztañarre), León ou Zamora. Mesmo en Cataluña: Castanyada.

Tamén é unha festa moi popular en Portugal, co nome de magusto, ó redor do día de san Simón (18 de outubro), Tódolos Santos ou san Martiño. Na Aldeia Viçosa (do concello da Guarda), celébrase o Magusto da Velha [1].

Segundo Leite de Vasconcelos o magusto é o resto dun antigo sacrificio en honor dos mortos, e recolle a tradición de preparar, na media noite, unha mesa con castañas para que as coman os mortos da familia. Ninguén máis tocaba esas castañas porque se cría que estaban lambidas polos defuntos.

Notas

  1. Aníbal Otero (Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1949-1976)) discrepa desta teoría, e López Témez di que no convence a casi nadie, por la poca base en la que sustenta.
  2. Proto-Celtic ― English
  3. 3,0 3,1 "Do souto ao magosto". Portal das Palabras. Consultado o 12 de novembro de 2016.
  4. "Crónicas da parroquia dos mortos", en La Voz de Galicia, 2.11.2002. Bernardo Barreiro recolle así a testemuña do bispo de Mondoñedo Antonio de Guevara, en 1551.
  5. Hai quen especifica que non se deben botar sementes ou ovos, porque son símbolo de vida.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas

11 de novembro

O 11 de novembro é o tricentésimo décimo quinto (315º) día do ano do calendario gregoriano e número 316 nos anos bisestos. Quedan 50 días para rematar o ano.

A Illa de Arousa

A Illa de Arousa é unha illa e concello da provincia de Pontevedra, situada no interior da ría de Arousa. Segundo o IGE en 2015 tiña 4956 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é arousán/arousana.

A castaña na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se inclúe algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).

O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.

A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.

Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).

As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos. Acostuman cocerse con sal e unhas herbas, normalmente fiúncho e nébeda, para seren máis dixestíbeis.

Outra forma de comer as castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo , que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas

Asociación Cultural O Naranxo

A Asociación Cultural O Naranxo é unha asociación cultural creada en Lalín en 1986.

Os seus fin son a recuperación da cultura popular, a defensa do patrimonio histórico e natural, o impulso e apoio a novos creadores e a cobertura e apoio a iniciativas culturais novidosas na Comarca de Deza.

Entre as súas actividades destaca a organización do Entroido, o San Xoán, o Magosto e a Alagarabía.

Da súa preocupación pola recuperación do patrimonio histórico e cultural nacen as publicacións:

Guía dos Castros de Lalín de Carmen Buxán, 1989.

Razón. Periódico independiente (edición facsímile), 1998.

O Naranxo de Ramón de Valenzuela, 2002.

Castaña

Este artigo trata sobre a castaña europea (xénero "Castanea"), para a castaña brasileira véxase o artigo castiñeiro de Pará.

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagaceae, nativa de climas cálidos do hemisferio norte. Preséntase nunha cápsula espiñenta que ten entre 5 e 11 centímetros de diámetro que contén de 2 a 7 castañas.

As castañas son unha importante fonte de alimentación no sur de Europa, no suroeste e no leste de Asia e tamén no leste de Norteamérica, antes da praga da castaña. Durante a Idade Media, no sur de Europa as comunidades que habitaban cerca de soutos e que tiñan escaseza de acceso á fariña cereal, utilizaban as castañas como a súa principal fonte de carbohidratos.

As castañas pódense comer crúas, fervidas, asadas ou doces. En Galicia ademais de asadas (ver magosto), adoitan comerse cocidas con sal e herbas, coma fiúncho e nébeda, para seren máis dixeríbeis. En Francia a miúdo véndese o doce de castaña coñecido como marron glacé, así como a crema de castañas. Un xeito sinxelo de asalas é cortar unha pequena fenda en cada castaña e quentalas nun contedor metálico a 400ª durante 10 ou 15 minutos. O obxecto da fenda é evitar que estouren mentres se asan.

Outro importante uso das castañas é a fariña, coa que se pode preparar pan, pasteis e pasta.

As receitas gastronómicas de castañas están xurdindo ultimamente coa recuperación de receitas tradicionais, especialmente en Italia.

As castañas para se conservaren teñen que estar completamente secas antes de retirar a cápsula espiñenta que as contén e deixalas nunha caixa ou barril cobertas de area fina. Pódese consumir fresca, seca, cocida e asada, a castaña constituíu unha importante contribución calórica para o home e tamén se utilizou na alimentación dos animais domésticos, xa que son ricos en graxas, proteínas, minerais e en vitamina C.

Castañas con leite

As castañas con leite é un prato de castañas típico dalgúns concellos da provincia de Lugo e Ourense (Galicia). Xa que as castañas participan en diversas celebracións galegas no outono (un exemplo é o magosto), este prato adóitase servir coma sobremesa ou almorzo.

Castiñeiro

O castiñeiro común (Castanea sativa), tamén coñecido popularmente como castiñeiro bravo, castiro, uriceiro ou castieiro, é unha árbore caducifolia da familia Fagaceae apreciada pola súa madeira e os seus froitos comestíbeis, as castañas. Moitos exemplares acadan unha gran lonxevidade e teñen unha longa historia que se pode remontar a varios séculos.

Orixinario do sur de Europa e de Asia Menor, a súa presenza nestas áreas xeográficas débese a que durante a última glaciación, o castiñeiro atopou zonas de refuxio nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica, así como na Península Itálica e na Península de Anatolia, sendo moi común nos montes de Galicia. Contrariamente á crenza popular que di que o seu espallamento data da época romana, é en realidad unha árbore autóctona galega, que xa estaba presente no noroeste da península hai máis de 20.000 anos.

Día dos Fieis Defuntos

O Día dos Fieis Defuntos ou Día de defuntos é o día escollido pola Igrexa Católica para orar polos finados, celébrase o día 2 de novembro. A data escollida relaciónase con festividades pagás europeas coma o Samaín ou o magosto.

Dende o século II, algúns cristiáns pregaban polos falecidos, visitando os túmulos dos mártires para rezar polos que morreran. No século V, a Igrexa dedicaba un día do ano para rezar por todos os mortos, polos cales ninguén rezaba e aos cales ninguén lembraba. Tamén o abade de Cluny, Santo Odilón, en 998 pedía aos monxes que orasen polos mortos. Dende o século XI os Papas Silvestre II (1009), Xoán XVII (1009) e León IX (1015) obrigan á comunidade a dedicar un día aos mortos. No século XIII ese día anual pasa a conmemorarse o 2 de novembro, porque 1º de novembro é a Día de Todos os Santos. A doutrina católica evoca algunhas pasaxes bíblicas para fundamentar a súa posición (cf. Tobías 12,12; Xob 1,18-20; Mt 12,32 e II Macabeos 12,43-46), e apóiase nunha práctica de case dous mil anos.

Segundo León Denis, o estabelecemento dunha data específica para a conmemoración dos mortos é unha iniciativa dos druídas, persoas encargadas das tarefas de aconsellamento, ensino, xurídicas e filosóficas dentro da sociedade celta, que creían na continuación da existencia despois da morte. Reuníanse nos lares, e non nos cemiterios, no primeiro día de novembro, para homenaxear e evocar os mortos.

Festa gastronómica

Unha festa gastronómica é un evento celebrado co gallo de exaltar un determinado produto ou grupo de produtos alimenticios. Algunhas delas están declaradas Festas de interese turístico de Galicia ou de Interese turístico nacional.

As festas gastronómicas foron fomentadas co réxime franquista tras pasaren os efectos de racionamento da guerra civil española, e mesmo se declararon algunhas de interese turístico nacional (a festa do pemento da Arnoia ou a festa do polbo do Carballiño). A Xunta de Galicia seguiu con esta política e popularizáronse festas coma a festa do cocido de Lalín.

Guimarei, A Estrada

San Xiao de Guimarei é unha parroquia que se localiza no concello da Estrada. Segundo o IGE en 2011 tiña 391 habitantes (196 mulleres e 195 homes), distribuídos en 19 entidades, o que supón unha diminución respecto de 1986 cando tiña 589 habitantes. En 1842 tiña unha poboación de feito de 417 persoas.

Halloween

Halloween (AFI: /ֽhæləυ'i:n/, do ing. All Hallows' Evening ou Noite de tódolos Santos) é unha festa anual que se celebra principalmente nos Estados Unidos na noite do día 31 de outubro pero que desde finais do século XX tamén se observa en moitos outros países. A súa orixe é cristiá pero con raíces nas tradicións pagás celtas (Véxase Samaín). Os adultos celébrana con festas de disfraces pero son as mascaradas dos nenos ás que lle dan máis énfase . Os rapaces disfrázanse para a ocasión e paséanse polas rúas pedindo doces de porta en porta. Despois de chamar ás portas os rapaces pronuncian a frase "Truco ou trato" ou "Doce ou trato" (que provén da expresión inglesa "Trick or treat").

Illán, Begonte

Santiago de Illán é unha parroquia que se localiza no concello de Begonte. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 133 habitantes (67 mulleres e 66 homes), distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 128 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 114 habitantes, sendo 56 homes e 58 mulleres.

Insuela, Loureiro, Cerdedo-Cotobade

Insuela é un lugar da parroquia de Loureiro, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2017 tiña 19 habitantes (7 homes e 12 mulleres), o que supón unha diminución respecto ó 2005, cando tiña 20.

Neste lugar a celebración do magosto realízase no Coto do Outeiro de Moimenta, sobre unha pedra de forma especial, estimada como lugar ou cama de matrimonios que buscan un remedio para lograr descendencia.

Novembro na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de novembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Hai varias denominacións populares do mes de novembro. Moi común é a de San Martiño (ou mes de San Martiño). Por celebrarse neste mes o día de defuntos, recibe os nomes de mes dos mortos ou, simplemente, mes morto; tamén mes das ánimas. E, por caer neste mes o día de Santo André, tamén recibe o nome de mes de San Andrés ou, simplemente, San Andrés .

Tan identificado está novembro coas castañas que no Incio e en Quiroga chaman Castañal ó propio mes .

O día 1, día de Tódolos Santos, tamén serve para darlle nome: Santos ou mes de Santos.

O Porto, Rubiá

San Cristovo do Porto é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Rubiá. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 62 habitantes (30 homes e 32 mulleres), distribuídos en 2 entidades de poboación, o que supón diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 102 habitantes.

Orazo, A Estrada

San Pedro de Orazo é unha parroquia que se localiza no concello da Estrada. Segundo o IGE en 2012 tiña unha poboación de 327 persoas (185 mulleres e 165 homes), distribuídos en 11 entidades, o que supón unha diminución respecto de 1986 cando tiña 489 habitantes. En 1842 tiña unha poboación de feito de 407 persoas.

Quintela do Pando, Viana do Bolo

Santa Isabel de Quintela do Pando é unha parroquia e unha aldea que pertence ao concello de Viana do Bolo. En 2011, segundo o IGE, tiña 33 habitantes (13 homes e 20 mulleres).

Samaín

O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. Historicamente, foi amplamente celebrado en Irlanda, Escocia e a Illa de Man. Festividades semellantes celébranse na mesma época do ano noutros territorios celtas, como as britónicas Calan Gaeaf (en Gales), Kalan Gwav (en Cornualles) e Kalan Goañv (na Bretaña), sendo estas dúas pólas da festividade igual de antigas. En Galicia, é unha celebración que se está a recuperar e promocionar dende a década de 1990, que está baseada na tradición do Día dos Fieis Defuntos, na de tallar caveiras en melóns e cabazas e de vestir como espíritos ou pantasmas.Crese que o Samaín ten a súa orixe no politeísmo celta e existen evidencias de que foi unha data de importancia dende a antigüidade. Algunhas tumbas de andadeiro neolíticas de Irlanda están aliñadas co amencer na época do Samaín. É mencionado nalgúns textos irlandeses antigos e moitos eventos importantes da mitoloxía irlandesa ocorren ou comezan no Samaín. Era o momento no que o gando baixaba dos pasteiros de verán e era sacrificado durante o inverno. Ó igual que no Beltane, acendíanse fogueiras especiais. Isto era considerado como formas de protección e limpeza e había rituais específicos que implicaban as fogueiras. Coma no Beltane, o Samaín era considerado como un tempo liminal, cando os límites entre este mundo e o Outro mundo podían cruzarse máis facilmente. Isto significaba que os Aos Sí, os 'espíritos' ou 'fadas', podían chegar máis facilmente ó noso mundo. Moitos estudosos consideran os Aos Sí como restos dos deuses pagáns e espíritos da natureza. No Samaín, críase que os Aos Sí tiñan que ser propicios para asegurar que as persoas e o gando sobrevivisen o inverno. As ofrendas de comida e bebida deixábanse no exterior para eles. Tamén se pensaba que as almas dos mortos volvían para visitar os seus fogares buscando hospitalidade. Celebrábanse banquetes, nos cales as almas dos familiares mortos eran convidadas a asistir e tiñan un lugar na mesa para eles. As carautas e disfraces formaban parte do festival, e implicaba que as persoas ían de porta en porta recitando versos en troques de comida. Os disfraces podían ser un xeito de imitar ou asemellarse ós Aos Sí. Os rituais de adiviñación e os xogos formaban unha parte importante do festival e requirían noces e mazás. A finais do século XIX, John Rhys e James George Frazer suxeriron que era como un "Aninovo celta", e este punto de vista foi repetido por outros estudosos.No século IX, a igrexa cristiá cambiou a data do Día de Tódolos Santos dende o mes de maio até o 1 de novembro, ó tempo que o 2 de novembro se converteu no Día dos Fieis Defuntos. Co tempo, o Samaín e o Día de Tódolos Santos fusionáronse para crear a moderna festa do Halloween. Os historiadores empregaron o termo 'Samaín' para referirse ós costumes celtas do 'Halloween' até o século XIX.Dende finais do século XX, os neopagáns celtas e a Wicca consideran o Samaín, ou algo baseado nel, como unha festividade relixiosa.

Ventosela, Redondela

San Martiño de Ventosela é unha parroquia que se localiza no concello de Redondela. Segundo o IGE en 2014 tiña 750 habitantes (377 homes e 373 mulleres). Están distribuídos en dúas entidades de poboación (355 en Castiñeira e 395 no Vilar do Mato). Ten unha superficie de 8 km².

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.