Música folk

A música folk é un termo de orixe anglosaxoa empregado xeralmente para referirse á "música folclórica" moderna. Nalgúns contextos, por influencia do sentido en lingua inglesa da "folk music", o seu significado esténdese a toda a música folclórica, tanto á tradicional como á máis moderna baseada naquela.

Os artistas de folk poden empregar temas musicais folclóricos xa existentes facéndolles un arranxo musical ou ben tomar simplemente o estilo e crear os seus propios temas orixinais. É tamén característico da música folk empregar instrumentos típicos de cada rexión, como pode ser a zampoña e a quena en varios países de América do Sur, o bombo legüero na Arxentina, o birimbao en Brasil, o banjo, o violín ou a harmónica en Estados Unidos, o violín, a marimba en Guatemala, bodhrán e o tin whistle en Irlanda, a gaita en Escocia, Galicia ou Asturias, o acordeón en Francia, Italia, Panamá ou a música litoraleña arxentina, a dulzaina e a dulzaina en Valencia e Cataluña, a trikitixa no País Vasco, a arpa paraguaia en Paraguai etc.

Etimoloxía

O termo folk, así como música folk ou danza folk, é un termo máis ben recente. Algúns informes falan de “folclore” como un termo que o inglés William Thoms utilizou, en 1846, para describir as tradicións, costumes e supersticións das clases incultas. O termo derivaría da expresión alemá "Volk", que significa “o pobo como un todo”. Foi aplicado por Johann Gottfried Herder á música popular e nacional un século antes.

Orixes e desenvolvemento

Atahualpa Yupanqui en Cosquín
Atahualpa Yupanqui, máximo representante do boom do folclore e do novo cancionero latinoamericano.
Joan Baez Bob Dylan
Joan Baez e Bob Dylan durante unha marcha polos dereitos civís en Washington en 1963.

Na década de 1940 a música folk xurdiu en Arxentina como movemento autónomo dentro da música popular moderna, superando en popularidade ao tango desde 1949 co tema "O rancho'e a Cambicha". Logo xurdiu nos Estados Unidos nos anos 1950 e 1960, tomando como base a música tradicional (música folclórica) que fora traída ao novo continente polos inmigrantes europeos. Posteriormente este movemento tivo lugar tamén noutros países.

Cuns contidos a miúdo sociais e de protesta política nas súas cancións, a música folk arxentina e norteamericana tocouse nos seus primeiros tempos con instrumentos acústicos, como fixo Atahualpa Yupanqui. Nos Estados Unidos, a partir dos anos 1960 incorporáronse con frecuencia instrumentos eléctricos no que se coñece como folk rock. Representantes destacados desta corrente son Bob Dylan e Joan Baez. Na Arxentina, tamén na década de 1960, a música folk desenvolveu o movemento do Novo Cancioneiro, que desencadeou o movemento da Nueva canción en América Latina e España, con expresións como Mercedes Sosa, Soledad Bravo, Víctor Jara, Rubén Blades, Caetano Veloso, Silvio Rodríguez e Alfredo Zitarrosa, entre moitos outros.

A música folk tivo o seu eco en Europa a partir de finais dos anos 1960, en dúas correntes claramente diferenciadas:

  • a canción de autor, afín ás correntes folclóricas arxentina e norteamericana, neste último caso da canción protesta.
  • a música folclórica contemporánea, enfocada en recuperar e adaptar a música tradicional folclórica aos novos tempos, con especial atención á música instrumental. Esta corrente é a que máis se asocia na actualidade co concepto de música folk.

Entre as diferentes vertentes da música folk segundo países e rexións, teñen ampla repercusión e alcance internacional a chamada música latina e a chamada música celta, ás veces adornada con influencias new age.

O concepto de música folk asóciase principalmente cos países occidentais (Europa e América). Cando se quere facer referencia ao conxunto de músicas folk de distintos lugares do mundo emprégase normalmente o nome xenérico de «world music» ou «músicas do mundo».

23 de decembro

O 23 de decembro é o 357º día do ano do calendario gregoriano e o 358º nos anos bisestos. Quedan 8 días para finalizar o ano.

Altan

Altan é un grupo musical irlandés de música folk creado no Condado de Donegal en 1987 pola líder vocalista Mairéad Ní Mhaonaigh e polo seu home xa finado, Frankie Kennedy. O grupo levou o rico patrimonio musical de Donegal en lingua irlandesa a audiencias de todo o mundo, e convertéronse nun dos máis coñecidos grupos tradicionais irlandeses con máis dun millón de discos vendidos. Foron o primeiro grupo tradicional en asinar cun gran selo discográfico cando anunciaron a súa colaboración con Virgin Records en 1994.

Berrogüetto

Berrogüetto foi un grupo galego, de música folk moderno, activo entre 1996 e 2014. Algúns dos compoñentes de Berrogüeto formaron parte anteriormente do grupo Matto Congrio, xunto a outros artistas como Carlos Núñez. O seu primeiro disco, Navicularia, supuxo unha gran revolución no panorama da música folk, polo seu innovador estilo partindo de melodías tradicionais.

No ano 2002 foron nomeados aos premios musicais Grammy Latino 2002 na categoría de "Mellor álbum folk".

Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), tamén coñecida como Universidade Popular, é un organismo autónomo dependente do Concello de Vigo, adicado a formación gratuíta disciplinas e oficios artísticos.

Fender Stratocaster

A Fender Stratocaster é unha guitarra eléctrica da marca americana Fender. A súa silueta volveuse a icona mesmo da guitarra eléctrica e é un dos modelos máis difundidos no mundo. Naceu das impresións dos primeiros guitarristas que utilizaron Telecaster, moitos deles desexaban unha guitarra máis elaborada utilizable en blues ou para a música folk, cun segundo lado cortado, unha pastilla suplementaria en posición media, unha pastilla aguda que "renxe" menos e un brazo de vibrato para dispor un efecto "guitarra hawaiana".

Deseñada en 1954 Leo Fender, Freddie Tavares e George Fullerton, a Stratocaster adopta unha forma vangardista para a época. Non sendo guitarrista el mesmo, Leo Fender acudiu a profesionais de música country, tales como Bill Carson e Rex Gallion, para validar as opcións elixidas en cada etapa da concepción e asegurarse de que o modelo correspondía ás súas necesidades.

Unha vez lanzada, a guitarra foi concibida para a produción en serie. De feito, a invención e logo a fabricación da guitarra eléctrica, todos os deseñadores e modelos confundidos, pasou moi rapidamente do estadio experimental ao estadio de produción en masa. Participou amplamente na evolución da música popular occidental dende os anos 1950.

Festival Internacional do Mundo Celta

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira é un festival de música folk tradicional das nacións celtas que en 2018 cumpriu 40 anos. Celébrase cada verán na segunda fin de semana de xullo na vila costeira de Ortigueira, situada no norte da provincia da Coruña. O evento está declarado festa de interese turístico internacional.

O escenario principal sitúase no porto, con actuacións de grupos de música celta de gran nivel e fama internacional, coma Alan Stivell ou The Chieftains, entre moitos outros. Así mesmo, ata a edición do ano 2010 nos arredores do porto situábase un escenario menor no que se daban cita grupos noveis, chamado Proxecto Runas, na actualidade o proxecto de novos grupos ten lugar no escenario principal na noite do xoves. Na praia de Morouzos e no piñeiral habilítase o espazo para que acampe a xente que acode ao festival.

É o maior festival celta canto a número de asistentes de toda a Península Ibérica (con miles de asistentes en cada edición).

Folk metal

O folk metal é un xénero de fusión do heavy metal e a música folk tradicional xurdido en Europa nos anos 1990. A música deste xénero caracterízase pola mestura de diversos estilos de heavy metal coa música folk, sendo habitual o uso de instrumentos folclóricos xunto aos tradicionais do heavy metal, en ocasións incluíndo estilos de canto tradicionais. Algúns grupos tamén empregan teclados para simular o son dos instrumentos tradicionais. As letras das cancións neste xénero adoitan tratar sobre temas como a fantasía, mitoloxía, paganismo, historia e natureza.Considérase aos grupos Skyclad, Moonspell e Amorphis como os pioneiros deste xénero. A mediados dos anos 1990 outros grupos comezaron a xurdir en diversas zonas de Europa, como por exemplo os irlandeses Cruachan e os alemáns Subway to Sally, cada un deles encabezando as variacións de estilo que serían denominadas celtic metal e medieval metal respectivamente. Malia as contribucións destes primeiros grupos, non foi ata comezos dos anos 2000 que o xénero acadou unha gran popularidade, particularmente en Finlandia con grupos como Finntroll, Ensiferum, Korpiklaani, Turisas e Moonsorrow.

Folk punk

O folk punk é un xénero musical que fusiona música folk e punk rock. Popularizouse a comezos dos 80 grazas a The Pogues no Reino Unido e a Violent Femmes nos Estados Unidos. O folk punk chegou a conseguir algún éxito entre o grande público durante esa década. En anos recentes os seus subxéneros celtic punk e gypsy punk experimentaron algún éxito comercial.

Milladoiro

Milladoiro (do latín humiliatorium) pode facer referencia a:

Amilladoiro, un túmulo artificial;

Milladoiro, grupo galego de música folk;

O Milladoiro, lugar da parroquia de Biduído, no concello de Ames.

Milladoiro, lugar da parroquia da Proba de Burón, no concello da Fonsagrada.

Música celta

Música celta é un termo popular que fai referencia á música tradicional dos pobos do Atlántico Europeo: Irlanda (Éire), Escocia (Alba), Gales (Cymru), Cornualles (Kernow), Illa de Mann, Bretaña (Breizh), Asturias e Galiza; mesturada en ocasións con patróns de música medieval.

Os instrumentos musicais que a caracterizan son o acordeón, a concertina a arpa, a guitarra acústica, o bouzouki irlandés a frauta traveseira irlandesa o violino, o bodhrán os whistles a bombarda bretoa e especialmente a sempre protagonista gaita de fol.

Existen diversos sub-tipos de "música celta".

O termo "música celta" pode referirse ás composicións musicais baseadas en patróns medievais dos pobos da fachada atlántica europea (dentro da música folk galega destacaría neste sub-tipo o gaiteiro Carlos Núñez ou Luar na Lubre), tamén pode referirse á música popular e aos cánticos populares deses pobos (no caso galego a mellor representante é Mercedes Peón), ou pode referirse a música espiritual (a irlandesa Enya é a representante deste estilo que goza do máis recoñecemento internacional).

Pete Seeger

Peter Seeger, universalmente coñecido como Pete Seeger, nado en Nova York o 3 de maio de 1919 e falecido o 27 de xaneiro de 2014 en Beacon (estado de Nova York), foi un cantante folk norteamericano. Considerado un dos pioneiros da música folk e tamén da música protesta nos anos cincuenta e sesenta, pertenceu ós Almanac Singers e máis tarde ó cuarteto The Weavers, que conseguiu facer popular a música folk nos circuítos comerciais.

Radio 3

Radio 3 é unha emisora de radio española de ámbito nacional pertencente á cadea pública Radio Nacional de España (RNE). Os contidos da cadea céntranse fundamentalmente na actualidade dos xéneros de pop e rock afastados do mainstream e das listas de éxitos, tales como o indie, o rock alternativo, a música electrónica ou o hip hop. Tamén conta con programas temáticos doutras músicas que non teñen cabida nas radios comerciais, como a música folk española, o flamenco, as músicas do mundo, o jazz, o country, o blues, a música brasileira, o heavy metal, ou a new age.

Ademais de música, Radio 3 tamén conta con seriais de radioteatro e recolle as novidades de diferentes expresións culturais: literatura, cine, teatro e artes plásticas, apoiando as propostas máis innovadoras e inquedas de cada disciplina.

Rock alternativo

O rock alternativo (tamén chamado música alternativa ou sinxelamente alternativo) é un xénero do rock que apareceu nos anos 80 e fíxose moi popular na década dos 90.

O nome "alternativo" foi usado nos 80 para describir a bandas de punk rock de selos discográficos independentes que non encaixaban dentro dos xéneros do mainstream da época.

Como un xénero específico de música, o rock alternativo está formado por varios subxéneros que emerxeron dende a escena musical indie dende os anos 80, así como grunge, indie rock, britpop, rock gótico e indie pop tamén son considerados rock alternativo.

A pesar de que o xénero é considerado de rock, algúns dos seus subxéneros están influenciados pola música folk, o reggae, a música electrónica ou o jazz á parte doutros xéneros. Ás veces o termo rock alternativo foi usado como unha etiqueta para designar ao rock de todos os artistas underground dos anos 80, a todos os descendentes do punk rock (incluíndo ao punk mesmo, ao New Wave e ao post-punk), e, ironicamente, a toda a música rock en xeral dos anos 90 e 2000.

Mentres que un feixe de artistas coma R.E.M. e The Cure acadaron o éxito comercial, a meirande parte dos artistas de rock alternativo dos 80 foron obxecto de culto, eran bandas que gravaban con selos independentes e eran coñecidos só a través dos programas das college radios ou polo "boca a boca". Coa irrupción de Nirvana e coa popularidade dos movementos grunge e britpop a principios dos 90, o rock alternativo entrou no mainstream, e moitas bandas alternativas conseguirían acadar un certo éxito comercial.

Rockabilly

O rockabilly é un dos primeiros estilos da música rock and roll, cunhas orixes datadas a principios da década dos 50 nos Estados Unidos, principalmente no sur do país.

O termo "rockabilly" é un acrónimo de "rock" (procedente de "rock 'n' roll") e "hillbilly", esta última palabra é unha referencia á música country (chamada a miúdo "hillbilly music" nos anos 40 e 50) que contribuiu fortemente ao desenvolvemento do estilo. Outras importantes influencias no rockabilly con o western swing, boogie woogie e rhythm and blues.

A influencia e popularidade do estilo diminuíu nos anos 60, pero durante os últimos anos dos 70 e os primeiros dos 80, o rockabilly gozou dun gran rexurdimento que durou ata a actualidade.

Skiffle

A música skiffle é un tipo de música folk influenciada por xéneros como o jazz e o blues. Utilizan instrumentos como guitarra acústica e banjo, aínda que utilizan tamén instrumentos improvisados ou caseros como peites, un kazoo, un folio, unha táboa de lavar, papeles etc. O skiffle e os jug bands están estreitamente relacionados.

SonDeSeu

SonDeSeu é a primeira orquestra de música folk e tradicional de Galiza, considerada como unha das primeiras orquestras folk de Europa, formada por 67 membros e dirixida por Rodrigo Romaní. É tamén unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galiza, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.

Viking metal

O viking metal é un estilo con orixes no black metal e a música folk nórdica, caracterizado polas súas letras e temáticas centradas na mitoloxía nórdica, o paganismo nórdico e a era viquinga. Algunhas das características musicais comúns nos grupos incluídos neste xénero son os estilos pesados e lentos de guitarra, os coros en forma de himno, uso conxunto de voces limpas e gritos, uso de instrumentos propios da música folk e inclusión de teclados para xerar un efecto musical atmosférico. Este xénero comezou a desenvolverse nos anos 1980 e 1990 como forma de rexeitar o satanismo e ocultismo propios do black metal, acollendo no seu lugar a mitoloxía nórdica dos viquingos e o paganismo como forma de oposición ao cristianismo. Presenta similitudes na lírica, sons e temática ao pagan metal, aínda que este último presenta un rango mitolóxico máis amplo e un uso máis extensivo da instrumentación folk.O grupo sueco Bathory acredítase como o pioneiro deste estilo cos seus álbums Blood Fire Death de 1988 e Hammerheart de 1990. Os noruegueses Enslaved seguiron estes pasos cos álbums Hordanes Land de 1993 e Vikingligr Veldi de 1994. Burzum, Emperor, Einherjer, e Helheim, entre outros grupos, continuaron desenvolvendo o xénero a comezos e mediados dos anos 1990. Os grupos de death metal Unleashed e Amon Amarth tamén adoptaron estas temáticas viquingas, ampliando o estilo dende a súa orixe no black metal cara outros xéneros.

Vilariño, O Hío, Cangas

Vilariño é un lugar da parroquia do Hío no concello pontevedrés de Cangas na comarca do Morrazo. Segundo o IGE, en 2011 tiña 564 habitantes (274 homes e 290 mulleres).

Nela celébrase tódolos anos un concerto de música folk-rock bastante coñecido. Neste lugar naceu o gran piragüista David Cal.

Xera

Xera é un grupo asturiano de música folk electrónica. Combina enxeñaría de son con propostas musicais sinfónicas baseadas no folk. Presentan un abano de estilos dentro da electrónica máis minimalista. Conviven teclados e piano con instrumentos tradicionais.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.