Mónaco

Mónaco (en francés: Monaco, en monegasco: Múnegu, en italiano: Monaco, en occitano: Mónegue), oficialmente Principado de Mónaco (en francés: Principauté de Monaco, en monegasco: Principatu de Múnegu, en italiano: Principato di Monaco, en occitano: Principat de Mónegue) é unha cidade-estado situada ao sur de Francia na costa mediterránea, en Europa. Cunha superficie de 1,9 km² é o segundo país máis pequeno do mundo, despois da Cidade do Vaticano. Debido a ese pequeno tamaño posúe soamente pouco máis de catro quilómetros de fronteira, todas con Francia, aínda que se atopa bastante preto de Italia a 11 km. Cos seus máis de 30.000 cidadáns é o estado soberano con maior densidade de poboación do mundo, chegando practicamente aos 17.000 habitantes por km².

Mónaco é unha monarquía constitucional e un Principado gobernado pola Casa de Grimaldi dende o ano 1297, sendo hoxe o Xefe de Estado o Príncipe Alberte II. Con todo, a pesar de ser un estado independente, a defensa do Principado é responsabilidade do Estado francés. Mónaco é o nome do país, así como o nome da súa única cidade e capital. A miúdo é considerado como un paraíso fiscal, sendo a maioría dos seus habitantes xente rica de países estranxeiros, os cales supoñen en torno ao 84% da poboación.

Coordenadas: 43°44′N 7°25′L / 43.733, -7.417

Principado de Mónaco
Principauté de Monaco
Principatu de Múnegu
Principato di Monaco
Principat de Mónegue
Bandeira de Mónaco
Escudo de Mónaco
BandeiraEscudo
Location Monaco Europe
Lema: Deo Juvante
(Latín: Coa axuda de Deus)
Capital
 Poboación
Mónaco1
32 965 (2009)
Linguas oficiaisFrancés2
Forma de gobernoMonarquía constitucional
Alberte II
Serge Telle
 • Data
• Constitución
8 de xaneiro de 1297
17 de dec. de 1962
SuperficiePosto 194º
 • Total2´2 km²
 • % auga0
Fronteiras4,4 km
Costas4,1 km
PoboaciónPosto 217º
 • Total (2016 censo)38.897 hab.
 • Densidade16.818 hab./km²
PIB (nominal)
 • Totaln/d
 • per cápitan/d
PIB (PPA)Posto 181º
 • Total (2008)976 millóns US$
 • per cápita70 670 US$
MoedaEuro3 (€, EUR)
IDH (1997)0,946 (16º) – Alto
XentilicioMonegasco, monegasca
Fuso horarioCET (UTC+1)
 • Horario de veránCEST (UTC+2)
Dominio de Internet.mc
Prefixo telefónico+377
Prefixo radiofónico3AA-3AZ
Código ISO492 / MCO / MC
Membro de: OIF, ONU, OSCE, COE
1 É unha cidade-estado. Monaco-Ville é un distrito histórico.
2 O monegasco non é oficial. Con todo, ensínase nas escolas e pódese atopar sinalización bilingüe xunto co francés na parte vella.
3 Antes de 1999 o franco francés.

Etimoloxía

A orixe do nome de Mónaco non está clara habendo diferentes teorías. Unha delas di que o nome quere dicir "só por se mesmo", debido unha a un suposto antigo templo que estaría na zona chamado "Herakles Monoikos" (do grego antigo: Heracles só), en referencia ao heroe grego Heracles (coñecido na mitoloxía romana como Hércules), ao que se lle rendía culto en dito santuario. Debido a esta última teoría o principal porto monegasco chámase hoxe en día "Porto de Hércules". Outra teoría di que o nome procede dunha antiga tribo ligur que habitou a zona no século VI a.C. chamada "Monoikos".[1]

Historia

Prehistoria

O territorio actual de Mónaco serviu de abrigo aos primeiros habitantes da rexión a partir de finais do Paleolítico inferior, aproximadamente fai 300.000 anos, sendo nunha caverna do Xardín exótico de Mónaco restos óseos de animais, o cales serviron de alimento a estes homes prehistóricos.[2] A presenza humana esta tamén testemuñada no Paleolítico medio e no superior. A partir do ano 1500 a.C. comezan a acharse dentro das covas trazos de obras de arte (gravados e esculturas), volvéndose cada vez máis numerosas as sepulturas funerarias, individuais ou colectivas, entre as que destaca a sepultura do home chamado "de Grimaldi" (non confundir coa familia real), que contén a unha muller e a un adolescente.

Antigüidade

Dominada por diversos pobos da antigüidade, foi colonia dos fenicios, dos cales posuía o templo do deus Melkart. Con todo, segundo Diodoro Sículo e o xeógrafo Estrabón, os primeiros habitantes sedentarios da zona foron os lígures, que emigraron dende a cidade de Xénova en Italia. Con todo, cómpre sinalar a antiga lingua lígur, sen conexión coas linguas indoeuropeas, non ten que ver coa lingua lígur falada hoxe en día no Principado, tamén coñecida como monegasco. Segundo parece a colonia de Mónaco debeuse quizais á apertura cara o mar dun pobo lígur situado no interior.

Logo, no século VI a.C., os gregos de Marsella (entón Massalia), fundarían a colonia de Monoikos (probable asimilación do fenicio "Melkart") no estreito onde actualmente se atopa Mónaco. Monoikos estaba asociada a Heracles (heroe coñecido polos romanos como Hércules), adorado baixo o nome de Herakles Monoikos. Segundo os propios Diodoro Sículo e Estrabón, os gregos e os lígures crían por igual que Hércules pasara pola rexión. Despois da Guerra das Galias, Xulio César instalouse nesta terra, xa abandonada polos gregos, o que significou o paso deste territorio ao control da República Romana como parte da provincia romana da Gallia Narbonensis co nome de Portus Herculis Monæci. Na Eneida é mencionada polo poeta Virxilio.

Idade Media

Véxase tamén: Dinastía Grimaldi e Lista de Príncipes de Mónaco.

Mónaco permaneceu baixo dominio romano até a caída do Imperio Romano de Occidente o 4 de setembro de 476. O estreito foi eventualmente ocupado por sarracenos e diversas tribos xermánicas. Os sarracenos foron expulsados en 975 e no século XI o estreito foi novamente poboado polos lígures, os cales levaron a Mónaco a lingua lígur actual, da que é un dialecto o monegasco actual. En 1191, o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, Henrique VI, concedeu a soberanía sobre Mónaco á cidade de Xénova, de onde eran orixinarios os lígures. O 10 de xuño de 1215, unha comitiva de Xibelinos (os Hohenstaufen, facción que apoiaba ao Sacro Imperio), comandados por Fulco del Cassello, comezou a construción dunha fortaleza sobre Mónaco, que constituía un punto estratéxico para controlar a rexión fronte os seus adversarios, os Güelfos (inimigos do Xibelinos, da casa de Welf), os cales tamén estabeleceron os seus cuarteis a fin de apoiar ás guarnicións.

O 8 de xaneiro de 1297, o Güelfo Francisco Grimaldi, descendente de Otto Canella, cónsul de Xénova en 1133, tomou a fortaleza pola forza. Grimaldi, que non posuía mais que un pequeno exército, disfrazouse de monxe franciscano para penetrar na fortaleza e, unha vez dentro, abriulles aos seus soldados. Con todo, os Güelfos foron finalmente derrotados e Francisco desterrado en 1301. Así, a familia Grimaldi apoiouse entón no Rei de Francia. O curmán de Francisco, Rainiero de Grimaldi, ao servizo de Filipe de Castela, comandou unha frota de galeras vencendo aos neerlandeses na Batalla de Zieriksee en 1304. Foi nomeado entón almirante de Francia e, pai de Carlos de Grimaldi, fundou a dinastía que leva o seu nome, que serviría fielmente á monarquía francesa durante os séculos vindeiros.

Retomando a loita contra Xénova, Carlos de Grimaldi ocupou a cidade o 12 de setembro de 1331, é autoproclamouse Señor de Mónaco en 1342. Mentres que adquiría o señorío de Menton en 1346, Carlos seguía a servir á Coroa Francesa, comandando unha compañía de alabardeiros na batalla de Crécy, en tanto que socorría por mar ao campamento francés tralo sitio de Calais. Logo, en 1355, obtivo o señorío de Roquebrune-Cap-Martin. Con todo, en 1357, faleceu durante o sitio comandando polo xenovés Simone Boccanegra. A totalidade do principado foi entón asimilado por Xénova, fóra de Mentón, defendido por Rainiero II, fillo de Carlos, que rapidamente reconquistou Roquebrune.

Os fillos de Rainiero II, Ambrosio, Antón e Xoán retomaron Le Rocher e convertéronse todos en co-señores (institución pouco frecuente na Idade Media). Xoán conservou pola súa banda só Mónaco e a Condamina, permanecendo en loita continúa contra os xenoveses. O seu fillo, Catalán, só o sucedeu por tres anos, e a súa neta Claudina Grimaldi foi desposada en 1465 por un Grimaldi d'Antibes, Lambert Grimaldi d'Antibes, o cal obtivo en 1489 o recoñecemento da súa independencia polo Rei de Francia e o duque de Savoia. Xénova tentou un último sitio en 1509 sen éxito, renunciando definitivamente a Mónaco .

Idade Moderna

Monte Carlo 1889
Montecarlo en 1889.

O 11 de outubro de 1505, antes do último intento de invasión xenovesa, accedeu ao trono Luciano I de Grimaldi, que morrería asasinado en 1523 polo seu curmán Bartolomeu Doria. Luciano non deixou mais que un fillo de pouca idade, Honorato, cuxa tutela foille confiada ao seu tío Agustiño, bispo de Grasse, que foi recoñecido señor. Agustiño non obtivo de parte de Francisco I de Francia o apoio que posuían os Grimaldi, e colocou a Mónaco baixo protectorado castelán en 1524 durante máis dun século. O neto de Honorato, Honorato II, posto baixo a tutela do príncipe de Valdetare, tomou o título de Príncipe en 1602, título que non foi recoñecido até 1633 por Filipe IV. Ademais retornou á alianza con Francia e expulsou manui militari á gornición castelá, obtendo o ducado de Valentinois. Luís I de Mónaco comandou o seu rexemento de cabalaría e obtivo unha embaixada por parte do Vaticano en 1701.

Coa Revolución francesa, trala noite do 4 de agosto de 1789, cando se aboliron os privilexios feudais pola Asemblea Nacional Constituínte, os príncipes de Mónaco perderon tódalas súas posesións francesas e os ingresos derivados delas. De 1793 a 1814 Mónaco estivo integrado en Francia baixo o nome de Fort d'Hercule, formando parte da rexión dos Alpes Marítimos e asociado a San Remo. O tratado de París de 30 de maio de 1814 volveu colocar ao Principado na órbita anterior a 1789, mais cando Honorato IV arribou a Mónaco en marzo de 1815 para tomar posesión dela, foi detido por Pierre Cambronne. Era o comezo dos Cen Días.

Mónaco colocouse entón baixou protectorado do Reino de Sardeña no segundo tratado de París, asinado o 20 de novembro de 1815 e confirmado polo tratado de Sutpinigi en 1817. Até 1847, o principado de Mónaco ocupaba unha superficie total de 24 km² (dez veces máis co actual Principado) e comprendía tres comunas: Mónaco (1.250 habitantes), Roquebrune (hoxe Roquebrune-Cap-Marin) (850 habitantes) e Menton (4.900 habitantes). A parte máis vasta e rica do principado era a chaira mentonesa, cos seus cultivos de cítricos e oliveiras. Con todo, durante o movemento revolucionario de 1848, Menton e Roquebrune proclamaron a súa revogación da familia Grimaldi e proclamáronse "cidades ceibes" baixo a protección do Reino de Sardeña. En 1869, o Piemonte cedeu Niza a Francia logo do apoio de Napoleón III ao comezo da unificación italiana. Niza, Menton e Roquebrune votaron entón a súa anexión a Francia, que foi ratificada polo tratado franco-monegasco de 1861. Así Mónaco abandonou finalmente o protectorado que tivo dende 1815 e a súa independencia foi formalmente recoñecida, separándose de toda protección de Francia ou Italia.

Idade Contemporánea

Monte Carlo Casino
Casino de Montecarlo.

Este último tratado prevía a axuda de Francia dun paso do ferrocarril francés sobre o territorio monegasco (con dúas estacións). Foi entón que o príncipe Carlos III tivo a idea de crear os xogos do Casino de Montecarlo (o xogo de azar era ilegal nos países veciños), o que permitiu ao principado enriquecerse e desenvolverse rapidamente. En 1863 acordou o privilexio de explotar o casino, os hoteis e o teatro a François Blanc, fundador da Sociedade de Baños e Mar do Círculo de Estranxeiros a fin de achegar ingresos á Corte. En 1866, Carlos III, quen impulsara estes traballos, trocou o nome do barrio dos Spélugues, pasando a ser Montecarlo na súa propia honra. Finalmente, a inauguración do ferrocarril Niza-Vincitimille en 1868 afianzou a prosperidade. Tamén se fundou unha Oficina de Correos, que comezou a editar os seus propios selos postais en 1865 e se obtivo da Santa Sé a creación dun bispado. Ademais o propio Carlos III, en 1869, eliminou os impostos de bens persoais e mobiliarios, feito que conduciu a unha intensa actividade de construción. Construíronse durante esta época unha ópera, numerosos museos e a Fundación do Instituto Oceanográfico.

Mónaco até esa época era unha monarquía absoluta, e príncipe de Mónaco dispoñía de plenos poderes, mais coa reforma da Constitución en 1911, o país pasou a ser unha monarquía constitucional. En xullo de 1918, foi asinado un acordo de protección limitada do Principado por Francia. O tratado formou parte do Tratado de Versalles e estableceu que a política de Mónaco non podería oporse aos intereses políticos, militares nin económicos de Francia. En 1922, o principado perdeu tamén o seu monopolio dos xogos da Costa Azul.

En xuño de 1940, durante a Segunda Guerra Mundial, prodúcese a chegada das tropas italianas, o que inquietou ao Príncipe Luís II, que cría que se produciría unha anexión e a súa posterior destitución, polo que se achegou ao Goberno de Vichy do Mariscal Pétain, ao que pediu, con éxito, axuda. Máis tarde, en setembro de 1943, Hitler ordenou a invasión de Mónaco polo exército alemán, que non opuxo moita resistencia, con todo Mónaco foi finalmente liberado por tropas de Estados Unidos ao final da guerra.

Despois da guerra, en 1949, Rainiero III ascende ao trono e dez anos despois suspende a constitución tras varios desacordos co Consello Nacional. En 1962, promulgase unha nova Constitución e ao ano seguinte, asínase un novo tratado con Francia, do cal se crearon novos acordos de veciñanza e moeda, que se renovaron en 2002 coa posta en circulación do euro en Mónaco, aínda que este estado non é membro da Unión Europea (UE). Mónaco converteuse en membro oficial das Nacións Unidas con plenos dereitos de voto en 1993.

Xeografía

Monaco april 2006
Vista de Mónaco.

O Principado de Mónaco é o segundo Estado independente máis pequeno do mundo despois do Vaticano. Está situado sobre a costa mediterránea a 18 km de Niza e a 12 km da fronteira franco-italiana. Estando, excepto pola súa fachada marítima, rodeado polo territorio francés, máis precisamente no Arrondissement de Nice e por tanto no departamento francés dos Alpes Marítimos e a rexión francesa de Provenza-Alpes-Costa Azul. O principado de Mónaco forma parte da Costa Azul, rexión turística que non ten límites oficiais.

O seu territorio está practicamente urbanizado na súa totalidade, pero comprende de numerosos espazos verdes, sendo o seu punto máis alto atópase a 163 metros por riba do nivel do mar, na vertente sur do Mont Agel, ao final do Chemin des Révoires. O cumio desta montaña, 1.109 m altitude, está en Francia. Non ten recursos naturais.

Clima

Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xun Xul Ago Set Out Nov Dec
Temp. máx. / °C 12,25 12,52 13,97 16,13 19,36 22,98 25,78 25,93 23,81 19,90 16,09 13,41
Temp. mín. / °C 8,08 8,16 9,60 11,62 14,83 18,49 21,18 21,51 19,28 15,57 11,91 9,25
Número de días de choiva 5,9 5,2 6,7 6,0 5,6 2,8 1,3 2,5 4,5 7,5 7,7 6,8
Fonte: Climat de Monaco, www.visitmonaco.com, Moyenne des années 1911 à 1985

Política

Artigos principais: Príncipe de Mónaco e Ministro de Estado de Mónaco.
Palais de Monaco
Palacio do Príncipe de Mónaco sobre "Le Rocher".

Mónaco é gobernado por unha monarquía constitucional dende 1911, co Príncipe como Xefe de Estado. A rama executiva consiste nun Ministro de Estado (Xefe de Goberno), quen preside un gabinete (Consello de Goberno) de seis membros. O Ministro do Estado é un cidadán francés designado polo príncipe, que o elixe entre candidatos propostos polo goberno de Francia, que se encarga dos asuntos de defensa e seguridade do principado. Mónaco é, xunto con Liechtenstein e a Cidade do Vaticano, un dos tres únicos estados en Europa onde o monarca segue tendo un papel activo na política e o goberno.

Baixo a Constitución de 1962, o Príncipe comparte o seu poder cun Parlamento unicameral, o Consello Nacional. Os 24 membros do corpo lexislativo son elixidos por medio de votación directa e democrática, e teñen un período de cinco anos. Eles, cumpren a función de facer as leis e regulamentar os decretos reais. Os principais asuntos locais son dirixidos polo Concilio Comunal, o cal se compón de quince membros elixidos e presididos por un alcalde. O Concilio Comunal fai as veces de concello e cumpre a función de facer as xestións locais para o seu desenvolvemento.

Monarquía

Artigo principal: Dinastía Grimaldi.
Véxase tamén: Lista de Príncipes de Mónaco.

A dinastía Grimaldi é unha casa nobre orixinaria de Italia, fundada por Francisco Grimaldi que tomou en 1099 o señorío de Mónaco xunto aos seus soldados vestidos de franciscanos. Naquel principado reinaron os seus sucesores até a actualidade se exceptuamos varias descontinuidades. A última produciuse co matrimonio da princesa Carlota de Mónaco, nai de Rainiero III, con Pierre de Polignac.

Os seus integrantes máis destacados na actualidade son Alberte II, Príncipe Soberano de Mónaco, fillo e sucesor do príncipe Rainiero III e de Gracia Patricia de Mónaco, Carolina de Mónaco, irmá maior de Alberto e Estefanía, Estefanía de Mónaco, irmá menor de Alberte e Carolina e Andrea, Carlota e Pierre Casiraghi, fillos de Carolina de Mónaco e de Stéfano Casiraghi, que no caso de que Alberte de Mónaco morra sen descendencia lexítima, pasarían a ocupar os primeiros postos da liña sucesoria.

Subdivisións administrativas

Monaco wards color
Barrios de Mónaco.
Monaco City 001
Mónaco e La Condamine.

Mónaco é o segundo país máis pequeno do mundo, só por detrás da Cidade do Vaticano, consistindo o estado consiste nun só concello (commune). Non hai distinción xeográfica entre o Estado e a Cidade de Mónaco, non obstante as responsabilidades do Goberno (nivel estatal) e as do Concello (nivel municipal) son diferentes. De acordo á constitución de 1911, o principado se subdividiría en tres municipalidades:

  • Mónaco (Monaco-Ville). A cidade vella de Mónaco. Está situada nun promontorio rochoso que se estende polo Mediterráneo. Tamén coñecido como a Rocha de Mónaco, ou simplemente A Rocha (Le Rocher). Aquí é onde se localiza o palacio.
  • Monte Carlo. Principal área residencial e hostaleira, onde se atopa situado o Casino Monte Carlo. Esta na zona leste e nordés.
  • La Condamine. Area portuaria situada na parte a sección noroeste.

Estas tres municipalidades foron fusionadas en 1954, despois de varias acusacións que dicían que o Goberno estaba a actuar de acordo coa lema «Divide e vencerás». Máis tarde volvéronse a separar máis tarde, aínda que esta vez coa categoría de barrios, sendo creados ademais outros catro barrios.

  • Fontvieille. Creado como o 4° barrio, foi construído en terras gañadas ao mar na década de 1970.
  • Moneghetti. Converteuse no quinto distrito de Mónaco a partir dunha parte de La Condamine.
  • Larvotto. Segregado de Monte Carlo, foi o sexto distrito do país.
  • Saint Roman. Converteuse no sétimo distrito de Mónaco, creado tamén a partir de Monte Carlo.

Subsecuentemente, creáronse os tres últimos barrios:

  • Saint Michel. Segregado de Monte Carlo.
  • La Colle. Segregado de La Condamine.
  • Les Révoires. Novo distrito monegasco segregado da Condamine. Neste distrito localízase o Xardín Exótico.

Un barrio adicional foi planeado en novas terras obtidas ao mar, que serían rematadas para o 2014. O príncipe Alberte II anunciou no seu discurso de Ano Novo en 2009 que estes plans quedaron en suspenso debido á situación económica actual. Actualmente, o principado está dividido en 10 barrios cos seus respectivos números oficiais. A Le Portier, nome do futuro barrio proposto, foille anticipado o número 11.

Barrios

Barrio Área (m²) Poboación (censo 2000) Densidade (/km²) Îlots Datos de interese
Antigo concello de Mónaco
05 Monaco-Ville 184.750 1.034 5.597 19 Cidade Vella co Palacio
Antigo concello de Monte Carlo
01 Monte Carlo/Spélugues (Bd. Des Moulins-Av. de la Madone) 281.461 3.034 10.779 20 Área do casino e dos hoteis
02 La Rousse/Saint Roman (Annonciade-Château Périgord) 105.215 3.223 30.633 15 Na parte norte atópase Le Ténao
03 Larvotto/Bas Moulins (Larvotto-Bd Psse Grace) 328.479 5.443 16.570 15 Área da praia do leste
10 Saint Michel (Psse Charlotte-Park Palace) 142.223 3.807 26.768 24 Área central residencial
Antigo concello de La Condamine
04 La Condamine 237.283 3.847 16.213 27 El área portuaria, en el noroeste
07 La Colle (Plati-Pasteur-Bd Charles III) 188.073 2.822 15.005 15 Limita no extremo oeste con Cap d'Ail
08 Les Révoires (Hector Otto-Honoré Labande) 75.747 2.515 33.203 11 Contén o Xardín Exótico
09 Moneghetti/Bd. de Belgique (Bd Rainier III-Bd de Belgique) 107.056 3.003 28.051 18  
Novas terras gañadas ao mar
06 Fontvieille 324.157 3.292 10.156 9 Comezado en 1971
11 Le Portier 275.0001 27,50 - - Plans suspendidos polo Príncipe Alberte II en 2009
  Mónaco 1.974.444 32.020 16.217 173  
1Área non incluída no total, xa que polo de agora é tan só unha proposta.

Economía

Real Monte Carlo Casino
Real Casino de Monte Carlo.

Unha das principais fontes de ingresos de Mónaco son os turistas, polo xeral atraídos polo clima e o casino (no cal aos propios monegascos non se lles permite). En 2001, un novo e importante proxecto de construción ampliou o peirao utilizado por cruceiros no porto principal. O Principado tratou de dar un pulo aos servizos e pequenas industrias, e non así a aquelas industrias contaminantes, tales como as de cosméticos e biotérmicas. O estado mantén os monopolios en numerosos sectores, como o tabaco e o servizo postal. A rede telefónica (Monaco Telecom) era propiedade do estado, mais agora este posúe o 45% das súas accións, mentres que o 55% restante perténcelle a Cable and Wireless (49%) e á Compagnie Monégasque de Banque (6%). Con todo, hoxe en día, a telefonía segue sendo un monopolio. Os niveis de vida son altos, comparables aos das áreas metropolitanas prósperas francesas.

Mónaco non é membro da Unión Europea, mais está estreitamente vinculado a ela a través dunha unión aduaneira con Francia. A moeda de uso corrente é o euro con deseños monegascos na súa cara nacional. No ano 2000, un informe dos parlamentarios franceses Arnaud Montebourg e Vincent Peillon, dicía que Mónaco alegara a laxitude das políticas de branqueo de diñeiro, mesmo dentro do seu famoso casino, e que o Goberno de Mónaco exercía presión política sobre o poder xudicial a fin de que os presuntos crimes non foran axeitadamente investigados.

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), publicou no ano 1998 un primeiro informe sobre as consecuencias fiscais dos sistemas financeiros dalgúns países, nos que Mónaco aparecía na lista de países con pouca claridade fiscal. Despois, no ano 2004, a OCDE denunciou no seu último informe a falta de cooperación deste Principado para revelar a información financeira dos seus cidadáns, así tamén como no caso de Andorra, Liechtenstein, Liberia e as Illas Marshall.

Fiscalidade

Dende o ano 2003, o Fondo Monetario Internacional (FMI), determinou que Mónaco, xunto con outros 36 territorios, é un paraíso fiscal. O Principado non aplica gravames sobre a renda aos seus habitantes, o que atraeu a un número considerable de ricos "refuxiados fiscais", residentes de países europeos que obteñen a maioría dos seus ingresos da actividade fóra de Mónaco.

Demografía

MW-monaco7
Mónaco.
Artigo principal: Demografía de Mónaco.

A poboación de Mónaco é inusitada xa que os monegascos son unha minoría no seu propio país. A maior parte dos residentes son cidadáns franceses, seguidos polos italianos (16%) e os monegascos (16%). O restante 21% pertence a outras 125 nacionalidades (entre as que as maioritarias son os británicos, os suízos e alemáns), que fan que a poboación de Mónaco sexa internacional. A relixión oficial do estado estado é o catolicismo.

O país conta con dez barrios, aínda que os tradicionais do país son tres, Monaco-Ville, centro político, turístico e empresarial, La Condamine, distrito económico e industrial de Mónaco e Monte Carlo, onde se atopa o Real Casino. Dos novos barrios o máis poboado é Larvotto, onde se atopa a praia homónima e principal do país, aínda que o máis densamente poboado é Saint Roman. É ademais o país máis edificado de Europa e un dos primeiros do mundo.

Cultura

Monaco BW 2011-06-07 16-07-20
Catedral de San Nicolao.
Fairmont Hairpin Monaco IMG 1012
Curva do Gran Hotel do Circuíto de Mónaco.

En Mónaco prevalecen os estilos arquitectónicos que se deron en Francia. Entre as súas construcións mais significativas atópase a Catedral de Mónaco, adicada a San Nicolao, do ano 1875, construída con pedras brancas da Turbie sobre o emprazamento dunha antiga igrexa do século XII. O edificio presenta un estilo románico bizantino, mentres que o seu interior alberga interesantes pezas. Outra das construcións emblemáticas, ademais do Palacio dos Príncipes, é o edificio que alberga o Museo Oceanográfico e o Acuario. A súa fachada, de cara ao mar, é considerada como unha obra mestra de arquitectura monumental.

Deporte

Véxase tamén: Circuíto de Mónaco e Gran Premio de Mónaco.

No principado de Mónaco dispútase un dos grandes premios máis antigos da Fórmula 1, o Gran Premio de Mónaco, organizado por primeira vez en 1929. A primeira carreira foi gañada por William Grover-Williams (alcumado "Williams") manexando un Bugatti pintado de verde, cor que se convertería co tempo en insignia dos corredores británicos. O Gran Premio de Mónaco dispútase nas rúas de Monte Carlo, coincidindo coa festa do Día da Ascensión. Ten gran cantidade de subidas e baixadas, esquinas pechadas e estreitas vías, polo que probablemente é un dos circuítos máis esgotadores para pilotos e vehículos, sendo un dos máis seguidos polos espectadores na televisión. O Gran Premio de Mónaco formou parte do primeiro campionato de Fórmula 1 en 1950, e a partir de 1955 disputouse todos os anos.

Tamén en Monte Carlo dispútase desde 1969 o Masters de Monte Carlo de Tenis, torneo da "Serie Masters" do tour masculino da ATP. Disputado sobre terra batida, o torneo levase a cabo cada ano no mes de abril ou maio. Antes da creación da Tennis Masters Series a inicios dos 90, o evento levaba o nome de Aberte de Monte Carlo. O torneo de disputouse por primeira vez en 1897, aínda que a era aberta deste evento tivo inicio en 1969.

O principal equipo de fútbol do país é AS Monaco FC, que xoga na Ligue 1 francesa e disputa os seus encontros locais no Stade Louis II. O Club chegou a ser finalista da Liga de Campións da UEFA no ano 2004, na cal perdeu fronte ao FC Porto cun marcador de 0 a 3.

Notas

  1. Monaco on a Budget
  2. "La grotte de l'Observatoire". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2009. Consultado o 17 de xaneiro de 2010.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

.mc

.mc é o Dominio de Nivel Superior xeográfico (ccTLD) para Mónaco.

Circuíto de Mónaco

Circuíto de Mónaco é un circuíto de carreiras urbano situado nas rúas dos barrios de Monte Carlo e La Condamine ao redor do porto do Principado de Mónaco que alberga o Gran Premio de Mónaco de Fórmula 1. Foi fundado en 1920 por Anthony Nogues.

Tamén se coñece como circuíto de Monte Carlo debido a que gran parte do seu percorrido está en "Monte Carlo".

Debido á súa especial configuración con curvas pechadas e rectas curtas, o que prima nel é a habilidade dos pilotos fronte á potencia das máquinas.

Gran Premio de Mónaco

O Gran Premio de Mónaco (francés: Grand Prix de Mónaco) é unha carreira de automóbiles de Fórmula 1 que se celebra anualmente no Circuíto de Mónaco en Montecarlo o último fin de semana de maio. Dende 1929, considérase unha das carreiras de automóbiles máis importantes e prestixiosas do mundo, e é unha das carreiras, xunto coas 500 Millas de Indianápolis e as 24 Horas de Le Mans, que forma a Tripla Coroa do Automobilismo. O circuíto calificouse como "unha situación excepcional de glamour e prestixio".A carreira celébrase nun estreito trazado nas rúas de Mónaco, con moitos cambios de rasante e curvas pechadas, así como un túnel, polo que é unha das pistas máis esixentes na Fórmula Un. Malia as velocidades medias relativamente baixas, é un lugar perigoso para as carreiras e, a miúdo implica a intervención do coche de seguridade. É o único Gran Premio que non cumpre o mandato da FIA de 305 km de distancia mínima de carreira.

Gran Premio de Mónaco de 1955

O Gran Premio de Mónaco de 1955 foi unha carreira de Fórmula Un, celebrada en Mónaco o 22 de maio de 1955. Foi a segunda carreira da tempada de Fórmula Un de 1955 e déuselle o nome honorario de, Gran Premio de Europa.

Gran Premio de Mónaco de 1958

O Gran Premio de Mónaco de 1958 foi unha carreira de Fórmula Un, celebrada o 18 de maio de 1958 en Mónaco. Foi a segunda carreira da tempada de Fórmula Un de 1958.

Gran Premio de Mónaco de 1959

O Gran Premio de Mónaco de 1959 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada no Circuíto de Mónaco o 10 de maio de 1959. Foi a primeira carreira da tempada de Fórmula Un de 1959. Foi o 17º Gran Premio de Mónaco. A carreira tiña máis de 100 voltas ao circuíto de tres quilómetros cunha distancia de 315 quilómetros.

A carreira foi gañada polo piloto australiano Jack Brabham pilotando un Cooper T51 do equipo de fábrica de Cooper Car Company. Foi a primeira vitoria de Brabham, un futuro triplo campión do mundo. Foi a primeira vitoria nun Gran Premio do Campionato Mundial dun piloto australiano. Tamén foi a primeira vitoria para o equipo oficial de Cooper, aínda que Cooper xa gañara carreiras antes baixo a escudería de Rob Walker Racing Team. Brabham terminou 20 segundos por diante do piloto británico Tony Brooks que pilotaba un Ferrari 246. Cunha volta menos foi terceiro o Cooper T51 do piloto francés gañador do Gran Premio de Mónaco de 1958 Maurice Trintignant do equipo Rob Walker Racing.

Gran Premio de Mónaco de 1960

O Gran Premio de Mónaco de 1960 celebrouse o domingo 29 de maio 1960 no Circuíto de Mónaco. A carreira foi gañada por Stirling Moss do equipo Lotus seguido por Bruce McLaren de Cooper e Phil Hill de Ferrari . Foi a primeira vitoria na Fórmula 1 para o equipo fundado por Colin Chapman.

Gran Premio de Mónaco de 1963

O Gran Premio de Mónaco de 1963 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 26 de maio de 1963 no Circuíto de Mónaco en Monte Carlo, Mónaco. Foi a primeira carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1963.

Gran Premio de Mónaco de 1974

O Gran Premio de Mónaco de 1974 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 26 de maio de 1974 no Circuíto de Mónaco en Monte Carlo, Mónaco. Foi a sexta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1974.

Gran Premio de Mónaco de 1975

O Gran Premio de Mónaco de 1975 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 11 de maio de 1975 no Circuíto de Mónaco en Monte Carlo, Mónaco. Foi a quinta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1975.

Foi o 33º Gran Premio de Mónaco, xa que a primeira carreira celebrouse por primeira vez en 1929. levouse a cabo en 75 das 78 voltas programadas ao circuíto, cunha distancia de carreira de 245 quilómetros.

A carreira foi gañada polo piloto austríaco Niki Lauda dando ó novo Ferrari 312T a súa primeira vitoria. A vitoria rompeu unha seca de vitorias de 20 anos de Ferrari no Circuíto de Mónaco. Lauda dominou a carreira, só perdeu o liderado durante unha parada en boxes. Gañou por dous segundos sobre o McLaren M23 de Emerson Fittipaldi. Carlos Pace terminou terceiro no seu Brabham BT44B.

Gran Premio de Mónaco de 1976

O Gran Premio de Mónaco de 1976 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 30 de maio de 1976 no Circuíto de Mónaco en Monte Carlo, Mónaco. Foi a sexta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1976.

Foi o 34º Gran Premio de Mónaco, xa que a primeira carreira celebrouse por primeira vez en 1929. A carreira foi gañada por Niki Lauda piloto de Ferrari que tamén lograra a pole position. Jody Scheckter terminou a carreira en segunda posición co equipo Tyrrell, mentres que o seu compañeiro de equipo, Patrick Depailler, completou o podio en terceira posición. Como consecuencia da carreira, Lauda ampliou a súa vantaxe no Campionato do Mundo de Pilotos a 33 puntos.

Gran Premio de Mónaco de 1977

O Gran Premio de Mónaco de 1977 foi unha carreira de Fórmula Un celebrada o 22 de maio de 1977 no Circuíto de Mónaco en Monte Carlo, Mónaco. Foi a sexta carreira do Campionato do Mundo de pilotos de 1977.

Hymne Monégasque

O Hymne Monégasque (do francés: Himno monegasco) é o himno oficial do Principado de Mónaco. Ten dúas letras, unha en francés, lingua oficial do principado, e outra en monegasco, lingua vernácula local.

Tivo varias versións: unha primeira versión foi composta e escrita en francés por Theophile Bellando en 1841. Foi adoptada como marcha pola Garda Nacional en 1848. En 1896 Charles Albrecht compuxo unha nova versión para piano, da que máis tarde se fixo unha versión para orquestra. Deixou de interpretarse cara a 1900 por ser considerada demasiado longa. A actual versión foi creada por Léon Jehin en 1914 e tocouse por vez primeira nos actos de conmemoración dos 25 anos de reinado do príncipe Alberte. Finalmente, en 1931, Louis Notari escribiu a letra en monegasco. Normalmente, debido á rapidez da música, a segunda estrofa entre os dous refráns non se canta.

Lingua francesa

O francés (français) é a terceira das linguas románicas en número de falantes, despois do castelán e do portugués. En 1999, o francés era a 11a lingua máis falada no mundo, con uns 77 millóns de falantes como lingua materna (chamados francófonos) e uns 128 millóns no total, incluíndo os que a usan como segunda lingua.É unha lingua administrativa ou oficial en moitas comunidades e organizacións (como a Unión Europea, ONU, Unión Postal Universal, Unión Africana etc). Antes da Segunda Guerra Mundial o francés era considerado a lingua internacional por excelencia, particularmente na diplomacia, e unha lingua franca no comercio, navegación e transporte.

Lingua italiana

O italiano ou lingua italiana é unha lingua pertencente ao grupo das linguas romances, da familia das linguas indoeuropeas. Existe un gran número de dialectos neorromances. O italiano é a lingua oficial de Italia, de San Marino, de Suíza e da Cidade do Vaticano. Tamén se fala a distintos niveis en Somalia, Libia, Mónaco, Malta, a illa de Córsega e Albania.

Montecarlo

Montecarlo (en francés: Monte-Carlo, en monegasco: Monte-Carlu) é un barrio do principado de Mónaco, coñecido polo seu casino. Aínda que en moitas ocasións se pense que Montecarlo é a capital de Mónaco, isto non é así, xa que todo o Principado é a súa propia capital ao ser unha cidade-estado.

Tamén é coñecido o barrio por acoller o Circuíto de Mónaco, no que ten lugar o Gran Premio de Mónaco de Fórmula 1.

Tamén é sede desde 1952 do "Reinsurers Rendez-Vous", a reunión anual máis antiga e famosa da industria reaseguradora que se realiza na primeira semana de setembro.

Montecarlo desde fai décadas é un lugar de reunión de membros da realeza, así como de grandes estrelas de cine.

Rexións de Francia

Desde o 1 de xaneiro de 2016 Francia está dividida en 18 rexións administrativas, das que 13 se achan na Francia metropolitana (12 régions de France métropolitaine, ás que se engade Córsega, que non ten a denominación de rexión pero exerce competencias similares), e 5 son rexións de alén mar.Porén a división administrativa realmente importante dende o punto de vista organizativo é a dos departamentos, divisións interiores das rexións.

A administración francesa entende que as rexións son unha zona xeográfica definida ligadas a unha identidade cultural ou social.

As rexións francesas non teñen ningunha capacidade de autonomía, non poden promulgar leis nin teñen capacidade recadatoria propia. Limítanse unicamente a administrar un orzamento que lles concede o estado e que se dirixe fundamentalmente a obras públicas de pequeno investimento, servizos sociais e eventos culturais.

Só unha destas rexións francesas, Córsega, desenvolveu institucións de autogoberno limitadas baixo o nome de colectividade territorial.

Polo demais, cada rexión ten o seu consello rexional, elixido a partir das eleccións municipais, que escolle, á súa vez, un presidente rexional.

Países e territorios do Mediterráneo

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.