Mérida, España

Mérida (en estremeño: Méria) é unha cidade e concello do suroeste de España, situada na provincia de Badaxoz. É a capital da comunidade autónoma de Estremadura e sede das súas institucións de goberno. Cunha poboación de 57.797 habitantes (2011) é a terceira cidade máis poboada da rexión por detrás das capitais provinciais, Badaxoz e Cáceres.

Foi unha importante colonia romana, fundada no ano 25 aC polo emperador Augusto baixo o nome de Augusta Emerita, que exerceu de capital da provincia de Lusitania. Foi tamén capital do Reino Visigodo de España no século VI. En recoñecemento ao seu esplendor pasado, é a capital de Estremadura dende 1983. O seu importante conxunto arqueolóxico e monumental foi declarado pola UNESCO, en 1993, Patrimonio da Humanidade.

Coordenadas: 38°54′N 6°20′O / 38.900, -6.333

Mérida
Bandera de Mérida
Escudo de Mérida
Collage de Mérida
Collage.
Localización
Mérida en España

Mérida
Mérida
Mérida en Provincia de Badaxoz

Mérida
Mérida
PaísEspaña España
Comunidade AutónomaEstremadura Estremadura
ProvinciaBadaxoz
ComarcaTierra de Mérida - Vegas Bajas
Xeografía
Altitude217 msnm
Superficie865,6 km²
Demografía
Poboación57.797 hab. (2011)
Densidade66,77 hab./km²
Xentilicioemeritense
Outros datos
Código postal06800
AlcaldePedro Acedo Penco (PP)
www.merida.es

Etimoloxía

O topónimo de Mérida deriva do latín Emerita, que significa "xubilada" ou "veterana". É parte do nome que recibiu a cidade tras a súa fundación polo emperador Augusto no 25 aC, Augusta Emerita, colonia na que se instalaron soldados veteranos ou eméritos.

Posteriormente, na época na que a cidade estivo baixo dominio musulmán, o nome da cidade en árabe foi ماردة, Mārida.

Xeografía

Mérida sitúase xeograficamente case no centro da rexión, e está atravesada polos ríos Guadiana e o Albarregas, a 217 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Limita cos concellos de Esparragalejo, Aljucén, El Carrascalejo e Mirandilla ao norte, Trujillanos e San Pedro de Mérida ao leste, Villagonzalo, Don Álvaro, Torremejía e Calamonte ao sur, e La Garrovilla ao oeste.

Clima

Mérida ten un clima mediterráneo, semi-continental con influencia atlántica, debido á proximidade da costa portuguesa. Os invernos son suaves, con mínimas que de cando en cando baixan dos 0 °C, e os veráns son calorosos, con máximas que en ocasións exceden os 40 °C. En canto ás precipitacións, o habitual é que se recollan anualmente entre 450 e 500 mm. Os meses que rexistran máis precipitacións son os últimos do ano: novembro e decembro. Os veráns son secos, con todo, hai que sinalar que en Mérida, do mesmo xeito que no resto do sur de España, son habituais os ciclos de seca, que oscilan na súa duración entre os 2 e os 5 anos. No outono o clima é máis inestable que no resto do ano, producíndose con certa frecuencia tormentas, a miúdo secas. Tanto a humidade como os ventos son reducidos. Con todo, é frecuente a aparición de néboas, sobre todo nos meses centrais de outono e inverno.

Historia

Foi fundada no ano 25 a.C., co nome de Emerita Augusta, con veteranos (o latín emeritus significa "licenciado") das guerras cántabras, que formaban parte das lexións V Alaudae e X Gemina, por orde do emperador Augusto, e co obxectivo de formar unha retagarda pronta a intervir nun posíbel levantamento nas zonas mineiras do peninsular e de protexer o paso sobre o Guadiana. A cidade converteuse ademais na capital da provincia da Lusitania, chegando a ser unha das cidades máis importantes do Imperio romano. Mérida, cuxo nome é unha derivación de Emerita, conserva aínda un importante legado monumental da época romana, polo que foi proclamada Patrimonio da Humanidade.

O cristianismo prendeu con forza en Mérida, sobresaíndo durante o século VI a figura do bispo Mausona. Desa fe popular foi mostra a mártir Santa Eulalia, padroeira da cidade.

No ano 713, o xeneral árabe Muza-ib-Nusair conquistou a cidade, e as súas tropas arrasárona.

Mérida foi sede Metropolitana até 1119, ano en que tal dignidade foi transferida para Santiago de Compostela. No primeiro terzo do século XIII , en 1230, as tropas cristiás de Afonso IX conquistaron Mérida, converténdoa en sede do Priorato de San Marcos de León da Orde de Santiago.

A invasión napoleónica, a comezos do século XIX, supuxo para Mérida, igual que para o resto de Estremadura, unha lamentábel perda de parte do seu patrimonio histórico artístico. Posteriormente , a posición como nó ferroviario, converteu a cidade nun núcleo industrial e de servizos en alza. Ese desenvolvemento veuse definitivamente impulsado coa designación de Mérida, en 1983, como capital da Comunidade Autónoma de Estremadura.

En 1994 constituíuse o Arcebispado Mérida-Badaxoz, recuperándose, así, a antiquísima sede metropolitana emeritense, retornándolle a dignidade catedralicia ao templo de Santa María la Mayor, herdeiro da igrexa arcebispal de Emerita. As orixes deste Arcebispado remontan á época romana, na que tivo doce bispados sufragáneos (Edicto de Milán).

Cada período histórico deixou impresa a súa pegada en edificios e monumentos, que hoxe en día supoñen a súa grande riqueza arqueolóxica para gozo das actuais e vindeiras xeracións que a visiten.

Poboación

Fonte: INE

Monumentos

Puente romano mérida
A ponte romana
MeridaAnfiteatro
O anfiteatro romano
Teatro de Mérida
Teatro romano
  • Ponte Romana, sobre o río Guadiana, remonta ao século I. Ten 762 metros de longo por 5 m de ancho, cunha altura de 11 m e largo. Posúe 60 arcos de bloques de granito.
  • Teatro romano, erguido por Agripa, xenro de Augusto, no 16-15 a.C. Ten unha capacidade de 6.000 persoas. Restaurado, foi utilizado, desde 1933, para espectáculos a aire aberto.
  • Templo de Diana, no centro da cidade. O seu espazo foi utilizado, para construción do pazo do conde de Corbos, o que o preservou da ruína.
  • Anfiteatro, construído tamén por Agripa no 8 a.C., tiña capacidade para 15.000 espectadores, cunhas dimensións de 126 X 102 metros. Está bastante ben conservado.
  • Casa do Mitreo, casa patricia da segunda metade do I século, contén fermoso mosaico, con alegorías do río Nilo e do Éufrates.
  • Casa patricia, é outra casa señorial da mesma época con magnífico pavimento de mosaico.
  • Lago de Proserpina ou Encoro de Proserpina, a 4 Km. do centro urbano, é un estanque artificial, de obra romana, que almacenaba a auga para servizo da cidade.
  • Acueduto dos Milagros, era o acueduto romano, que transportaba á cidade, a auga depositada na encoro de Proserpina. Fican restos en pé nun percorrido de 827 metros, con arcos de até 25 metros de alto. A súa técnica construtiva puido inspirar á das arquerías sustentantes da mesquita de Córdoba.
  • Arco de Traxano, un arco triunfal, romano, de 13 metros de altura e 11 de anchura.
  • Ponte do río Albarregas, é unha pequena ponte de catro arcadas, tamén de orixe romana, que se sitúa sobre a Vía da prata, antiga calzada romana que unía Gades con Asturica Augusta.
  • Museo Nacional de Arte Romana, creado en 1838, recolle o material arqueolóxico proveniente das escavacións locais. Antes situado no Convento de Santa Clara, ten a súa sede actual nun moderno edificio de 1984, proxectado polo arquitecto Rafael Moneo. Xorde directamente na área arqueolóxica, englobando tamén algúns restos arqueolóxicos.
  • Museo de Arte Visigoda, acolle restos de monumentos arquitectónicos e de esculturas da época visigoda, do século V ao VIII.
  • Alcazaba situada no inicio da grande ponte romana, foi construída polo califa de Córdoba Abd-el-Rahman II, no ano 835, sobre a muralla romana, e utilizando materiais de edificios romanos e visigodos. No patio hai mosaicos romanos e no subsolo unha cisterna visigoda.
  • Santa Eulalia, é unha pequena igrexa do século IV, edificada sobre o templo romano de Marte; foi reconstruída no século XIII, con materiais reutilizados. Diante da igrexa está o denominado, localmente, 'Hornito', un forno onde, consonte a tradición, foi queimada Santa Eulalia.
  • Concello, sede municipal, neorrenacentista, na Praza Maior.
  • Casa solariega, na mesma Praza Maior, é unha casa aristocrática, neorrenacentista, hoxe utilizada como albergue.
  • Catedral de Santa María la Mayor, igrexa dos séculos XIII-XV.

Cidades irmandadas

  • Flag of Mexico.svg Mérida (México)
  • Flag of Venezuela.svg Mérida (Venezuela)

Véxase tamén

Ligazóns externas

Ceres (deusa)

Na mitoloxía romana Ceres (da raíz protoindoeuropea *ker, «crecer, crear»)

era a deusa da agricultura, as colleitas e a fecundidade . O seu equivalente na mitoloxía grega era Deméter. Dela reciben o seu nome os cereais.

Club Polideportivo Mérida

O Club Polideportivo Mérida foi un club de fútbol español da cidade de Mérida, en Estremadura. Foi fundado en 1912 e desapareceu no ano 2000. O seu sucesor actualmente é o seu antigo filial, o Mérida Unión Deportiva.

Estadio Romano

O estadio Romano é un estadio de fútbol de propiedade municipal localizado en Mérida, España. Construíuse en 1954 e reconstruíuse na súa totalidade en 1995, con motivo do ascenso do Club Polideportivo Mérida a Primeira División. En setembro de 1997 bautizouse como Estadio Romano José Fouto, en homenaxe a José Fouto Carvajal, presidente que levou ao club de Terceira a Primeira División. Tras a desaparición deste equipo, a finais do ano 2000, recuperou o seu nome orixinal. Ten capacidade para 14.600 espectadores.

Lusitania (provincia)

Lusitania (/ˌluːsɪˈteɪniə/; portugués: Lusitânia; galego: Lusitania) ou Hispania Lusitana foi unha antiga provincia romana na península ibérica onde se atopa o moderno Portugal (ao sur do río Douro) e parte do oeste de España (a actual comunidade autónoma de Estremadura) e unha parte da provincia de Salamanca. Foi nomeado así polos Lusitani ou lusitanos (un pobo protoindoeuropeo).

A súa capital foi Emerita Augusta (actualmente Mérida, España), e foi inicialmente parte da provincia romana de Hispania Ulterior, antes de converterse en provincia independente. Os romanos chegaron por primeira vez ao territorio a mediados do século II a.C. Seguiu unha guerra con tribos lusitanas do 155 ao 139 a.C. No 27 a.C., creouse a provincia.

Mérida Asociación Deportiva

O Mérida Asociación Deportiva é un club de fútbol español da cidade de Mérida, en Estremadura. Foi fundado en 2013 despois da desaparición do Mérida Unión Deportiva, e actualmente xoga na Segunda División B Española.

Mérida Unión Deportiva

O Mérida Unión Deportiva foi un club de fútbol de España, da cidade de Mérida, en Estremadura. Foi fundado en 1990 e foi o sucesor do Club Polideportivo Mérida, do que era filial. Desapareceu en 2013 e os seus dereitos foron adquiridos polo Mérida Asociación Deportiva.

Ponte

Neste artigo fálase da construción. Para outros significados, véxase Ponte (homónimos).

Unha ponte ( pronunciación ) é unha construción, normalmente artificial, que se precisa para salvar un accidente xeográfico, por exemplo un río ou un canón. Permiten, polo tanto, o paso sobre o obstáculo natural ou artificial, de persoas, automóbiles, trens, canalizacións ou condutos de auga (acuedutos).

O seu proxecto e o seu cálculo pertencen á enxeñaría, sendo numerosos os tipos de deseño que se aplicaron ao longo da historia, influídos polos materiais dispoñíbeis, as técnicas desenvolvidas e as consideracións económicas, entre outros factores.

Cando é construída sobre un curso de auga, o taboleiro é frecuentemente situado á altura calculada de xeito que posibilite o paso de embarcacións con seguridade baixo a súa estrutura. Cando é construída sobre un medio seco acostúmase chamar viaduto.

Teatro romano de Mérida

O Teatro romano de Mérida é un teatro histórico levantado pola Antiga Roma na colonia Emerita Augusta, actual Mérida (España). A súa creación foi promovida polo cónsul Marco Vipsanio Agripa e, segundo unha data inscrita no propio teatro, a súa inauguración produciuse cara aos anos 16-15 a. C. «Príncipe entre os monumentos emeritenses», como o denominou José Menéndez-Pidal, arquitecto que dirixiu a súa reconstrución desde 1964, o teatro é Patrimonio da Humanidade desde 1993 como parte do Conxunto arqueolóxico de Mérida.

O teatro sufriu varias remodelacións, a máis importante cara ao ano 105, en época do emperador Traxano, ao erguerse a fronte escénica actual, e outra en época de Constantino I, entre os anos 333 e 335. O teatro foi abandonado no século IV d. C. tras a oficialización no Imperio romano do cristianismo, que consideraba inmorais as representacións teatrais. O edificio foi cuberto de terra e durante séculos a súa única parte visible foi a summa cavea, as bancadas superiores, que foron bautizadas polos emeritenses «As sete cadeiras». As escavacións arqueolóxicas no edificio comezaron a principios do século XX e desde 1933 o teatro alberga a celebración do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida. En 2007 o teatro foi nomeado un dos 12 Tesouros de España.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.