Lura

A lura,[1] (Loligo vulgaris) tamén chamada lula nalgunhas partes de Galicia,[2] e tamén lura común,[3] ou lura europea (na bibliografía internacional) é, para moitos autores, un molusco cefalópodo coleoideo da superorde dos decapodiformes. orde dos téutidos e familia dos lolixínidos.[4]

Porén, outros autores sitúana na orde dos miópsidos.[5]

Lura
Loligo vulgaris
Loligo vulgaris

Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
(sen clasif.) Bilateria
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Subclase: Coleoidea
Superorde: Decapodiformes
Orde: Teuthida
Suborde: Myopsina
Familia: Loliginidae
Xénero: Loligo
Especie: L. vulgaris
Nome binomial
Loligo vulgaris
Lamarck, 1798
Fried calamari
Luras á romana.

Características

A lura é mariña e carnívora e se caracteriza por posuír unha cabeza diferenciada, simetría bilateral e dez tentáculos con ventosas, oito curtos para a captura do alimento (tamén chamados brazos), e outros dous longos con función reprodutiva.

A lura ten cromatóforos na súa pel, ou sexa, células que permiten cambios de cor dependendo do ambiente en que se encontran, o que caracteriza a súa capacidade mimetizante. Sendo un coleoideo, ten unha cuncha interna chamada pluma, debido á súa forma similar ás plumas das aves. A lura móvese por medio de retropropulsión, exectando grandes cantidades de auga almacenada na cavidade paleal, a través dun sifón de gran mobilidade e capacidade de direccionamento da auga. Por esta razón, e debido a súa forma altamente hidrodinámica, é un forte rival dos peixes no que se refire á habilidade de natación e manobrabilidade.

Na boca, a lura presenta unha lingua dura, chamada rádula, de constitución quitinosa, que lle permite triturar alimentos e que é a característica común a todos os moluscos, excepto os bivalvos e os aplacóforos.

A lura respira por dúas galas ou branquias, e ten un sistema circulatorio no que o sangue é bombeado por un corazón principal e dous subsidiarios.

É un animal exclusivamente carnívoro, alimentándose de peixes e de invertebrados, que capturan cos brazos.

A maioría das luras non alcanzan máis de 60 cm de lonxitude.

Pesca deportiva da lura

A forma mais habitual de pescar a lura na pesca deportiva realízase de noite cunha liña habitualmente sen cana, empregando un engado artificial, chamado poteira por ser usado tamén para a pesca comercial da pota, de menor calidade culinaria. A poteira é un aparello que consta dun chumbo vernizado cunha luz química e arrodeado de anzois. A técnica de pesca consiste en pendurar a poteira da embarcación por medio da liña, e facela vibrar tirando da liña para arriba e abaixo con movementos curtos e rápidos. A vibración e a luz conseguen enganar a lura, que confunde a poteira cun pequeno peixe, ao que tenta comer.

Gastronomía

As luras son obxecto dunha grande apreciación comercial polos seus usos gastronómicos. Son populares non só na gastronomía galega senón en moitas cociñas do mundo mediterráneo (España, Portugal, Italia, Grecia e Turquía).

Non só o seu corpo é comestible, tamén os brazos e a tinta. De feito, só o bico e a pluma non se comen. Son unha boa fonte de zinc, manganeso, cobre, selenio, vitamina B12 e riboflavina.

Adóitanse preparar guisadas, grelladas, na súa tinta ou fritidas en aneis á romana.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lura.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lula.
  3. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 293.
  4. Loligo vulgaris Lamarck, 1798 no ITIS.
  5. Loligo vulgaris Lamarck, 1798 no WoRMS.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Abbott, N. Joan e Roddy Williamson, Linda Maddock (1995): Cephalopod Neurobiology. Oxford University Press. ISBN 0-19-854790-0.
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 0-87893-097-3.
  • D'Ancona, Humberto (1972): "Moluscos" en Tratado de zoología. Tomo II. Zoología especial. Barcelona: Editorial Labor, S. A., pp. 729–763.
  • Felley, J., Vecchione, M., Roper, C. F. E., Sweeney, M. & Christensen, T. (2001-2003): Current Classification of Recent Cephalopoda. National Museum of Natural History: Department of Systematic Biology: Invertebrate Zoology: Cephalopods
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1). Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hanlon, Roger T. & John B. Messenger (1996): Cephalopod Behaviour. Cambridge University Press. ISBN 0-521-42083-0.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª ed. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Nixon, Marion & John Z. Young (2003): The brains and lives of Cephalopods. Oxford University Press. ISBN 0-19-852761-6.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía de los mariscos de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Rolán, Emilio e Otero-Schmitt, Jorge (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-072-3.
  • Remane, Adolf, Volker Storch & Ulrich Welsch (1980): Zoología sistemática. "Cephalopoda (Cefalópodos)". Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0608-2, pp. 160–169.
  • Stevens, Martin & Sami Merilaita (2011): Animal camouflage: mechanisms and function. Cambridge University Press. ISBN 0-521-19911-5.
  • VV. AA. (1968): "Moluscos" en: Enciclopedia Salvat de las ciencias. Tomo 4. Animales invertebrados. Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 248–293.

Outros artigos

Ligazóns externas

Cefalópodos

A dos cefalópodos (Cephalopoda) é unha clase de invertebrados bilaterais, mariños, do filo dos moluscos.A súa característica máis rechamante é qjue o seu corpo está constituído por unha cabeza prominente e un conxunto de brazos ou tentáculos, que son modificacións do pé de moluscos primitivos.

Actualmente existen entre 700 e 800 especies de cefalópodos, todas elas pertencentes á subclase dos coleoideos, a excepción dos náutilos, que pertencen á subclase dos nautiloideos, e que reciben os nomes comúns de polbos, luras, potas, xibas (chamadas tamén chocos nalgunhas zonas de Galicia) e náutilos, aínda que o seu número se incrementa cada ano, quedando seguramentea algunhas especies vivas por descubrir. Estímase que o número de especies extintas rolda as 11 000.O estudo dos cefalópodos é unha rama da malacoloxía coñecida como teutoloxía.

Fideuá

A fideuá (pronunciación da verba valenciana fideuada -gran cantidade de fideos-) é un prato mariñeiro orixinario das costas da Comunidade Valenciana, concretamentemente da cidade de Gandia, que se elabora de xeito semellante á paella. Os seus ingredientes principais son: fideos de pasta (normalmente, de tipo oco), peixe (pescado de rocha, peixesapo, sepia, lura) e mariscos (galeras, gambas, cigalas). Nisto é semellante ó arroz a banda, pero sustituíndo o arroz polos fideos. Aderézase, principalmente, con limón.

Fotóforo

Un fotóforo é un órgano emisor de luz que ten o aspecto dunha mancha luminosa, que aparece sobre todo en animais mariños, como peixes e cefalópodos. O órgano pode ser simple ou tan complexo como un ollo humano, equipado con lentes, pantallas ou obturadores, filtros de cor e reflectores. A luz poden producirla a partir de compostos químicos durante a dixestión das presas, ou en células especializadas chamadas fotocitos, ou por medio de bacterias simbióticas coas que está asociado o organismo.

O carácter dos fotóforos é importante para a identificación de peixes abisais. Os peixes utilizan os fotóforos principalmente para atraer alimento ou confundir aos depredadores. Os fotóforos atópanse en cefalópodos, como Watasenia scintillans, unha lura que pode orixinar impresionantes emisións luminosas.

Loligo

Loligo é un xénero de moluscos cefalópodos coleoideos decapodiformes miópsidos, o tipo da familia dos lolixínidos.Segundo o World Register of Marine Species e outras autoridades, o xénero está formado por tan só tres especies de luras, amplamente distribuídas por diversos mares e que son obxecto de activa pesca debido á gran calidade da súa carne.

Lura de Humboldt

A lura de Humboldt, pota ou potón do Pacífico (Dosidicus gigas) é un molusco cefalópodo de gran tamaño e abundante nas costas peruanas e mexicanas. Nestes países practícase a pesca industrial deste recurso e actualmente gañou importancia grazas a unha forte demanda internacional.

Lura xigante

Architeuthis dux é unha especie de cefalópodo da orde dos egópsidos e, segundo a maioría dos autores, e do WoRMS, a única da familia dos arquitéutidos e do seu único xénero, Architeuthis, coñecida vulgarmente na bibliografía internacional como lura xigante.

Marisco

O marisco inclúe unha ampla variedade de crustáceos, moluscos e equinodermos especialmente valorados para o seu consumo. Non se trata, realmente, dun concepto biolóxico senón gastronómico, e carece de calquera validez na taxonomía.

Mesonychoteuthis hamiltoni

Mesonychoteuthis hamiltoni é unha especie de molusco cefalópodo da superorde dos decapodiformes, orde dos egópsidos e familia dos cranquíidos, a única do xénero Mesonychoteuthis,

Moluscos

O dos moluscos (Mollusca) constitúe un dos grandes filos do reino animal.Son invertebrados protóstomos, celomados, triblásticos, con simetría bilateral (aínda que algúns poden presentar unha asimetría secundaria) e non segmentados, de corpo brando, espido ou protexido por unha cuncha.

Os moluscos son os invertebrados máis numerosos despois dos artrópodos, e inclúen formas tan coñecidas como as ameixas, ostras, luras, polbos, lesmas e unha gran diversidade de caracois, tanto mariños como terrestres. Calcúlase que poden existir cerca de 100 000 especies viventes, e 35.000 especies extintas, xa que os moluscos teñen unha longa historia xeolóxica, que abarca desde o cámbrico inferior até a actualidade.Os moluscos colonizaronn practicamente todos os ambientes, desde as grandes alturas de até máis de 3 000 m sobre o nivel do mar até profundidades oceánicas de máis de 5 000 m de profundidade, nas augas polares ou tropicais, e adoitan seren elementos comúns dos litorais de todo o mundo. E o filo mariño máis numeroso, e contén un 23 % de todas os organismos mariños descritos.

O filo usualmente divídese en nove ou dez clases, das que dúas están totalmente extintas. Os gasterópodos (caracois e lesmas) son, con diferenza, os moluscos máis numerosos polo que concirne a especies clasificadas, e suman o 80 % do número total de especies de moluscos coñecidas. Os moluscos cefalópodos, como as luras, sepias e polbos, encóntranse entre os invertebrados cun sistema neurolóxico máis avanzado. As luras xigantes (xénero Architeuthis) e as luras colosais (xénero Mesonychoteuthis) disputan o título de invertebrado máis grande coñecido.

O estudo científico dos moluscos denomínase malacoloxía. O termo malacoloxía vén do grego μαλακός malakos, 'brando' e -λογία, de λόγος logos 'estudo', e empezou a usarse en francés en 1814, e do francés pasou ás demais linguas europeas.Falando desta disciplina cómpre dicir que o interese do home polos moluscos é moi grande, e moi antigo, e que durante os séculos XVIII e XIX se formaron importantes coleccións malacolóxicas e conquiliolóxicas (de cunchas) tanto de prestixiosas institucións como museos e academias de ciencias como de coleccionistas privados, e aínda hoxe en día coleccionar cunchas de moluscos é un dos principais pasatempos de moitas persoas en todo o mundo. Debido a esta afección os moluscos son un dos grupos zoolóxicos mellor estudados despois dos vertebrados.

Os moluscos son unha importante fonte de alimentación para a especie humana. Ademais, numerosas enfermidades parasitarias tanto humanas como veterinarias son transmitidas polos moluscos, que actúan como hospedadores intermediarios, sobre todo de platihelmintos trematodos.

Muxe

O nome de muxe, munxe ou muxo designa varias especies de peixe, esencialmente Mugil sp, dentro da familia dos Muxílidos (Mugilidae). Tamén se aplica a outros peixes das familias Cyprinidae, Lebiasinidae ou Polynemidae.

Neurona

Unha neurona (do grego νεῦρον, corda, nervio) ou célula nerviosa é un tipo de célula pertencente ao sistema nervioso cuxa membrana plasmática ten a característica de excitarse con electricidade para procesar e transmitir información por medio de impulsos eléctricos e químicos. Son un tipo de células altamente diferenciadas e non teñen a habilidade de se dividiren, aínda que existan algunhas que o fagan. As neuronas conéctanse unhas coas outras formando enormes redes neuronais. A súa morfoloxía está adaptada ás funcións que realizan: un corpo celular chamado soma; unha ou varias prolongacións curtas que xeralmente transmiten impulsos cara ao soma, denominadas dendritas; e unha prolongación longa que conduce os impulsos desde o soma ata a seguinte neurona, chamada axón.

Ostra

O nome de ostra é usado para grupos diferente de moluscos que medran maiormente en augas mariñas. As ostras verdadeiras pertencen á orde Ostreoida, familia Ostreidae.

Algunhas subespecies son capaces de producir perlas no transcurso do tempo, que se forman a partir de partículas que se sedimentan na ostra. Existen diferentes tipos de perla dependendo do sedimento acumulado.

A ostra é un prato común na cociña litoral galega e doutros sitios da Europa Atlántica, onde se serven crúas cun pouco limón. Salientan Vigo e Arcade (do concello de Soutomaior) como vilas tradicionalmente ostreiras .

Ostricultura

A ostricultura é un tipo de acuicultura (ou maricultura) que cría ostras para o consumo humano. O cultivo da ostra é moi probable que se desenvolvese á vez que o cultuvo das perlas. Xa se practicaba na península itálica polos antigos romanos ao redor do século I a. C. e máis tarde na Britania romana para exportar a Roma.

A industria francesa das ostras leva producíndoas dende finais do século XVIII.

Ourizo de mar

O ourizo do mar ou ourizo mariño é un animal mariño pertencente á clase Echinoidea dos equinodermos (do grego echinos, "espiñas", e derma, "pel"). Existen aproximadamente 940 especies que habitan todos os océanos, ata os 5000 metros de profundidade .

Pescada

"Carioca" remite directamente a este artigo. Para o seu uso como xentilicio, véxase Río de Xaneiro.

A pescada ou pixota son dous dos nomes comúns que recibe máis frecuentemente a especie Merluccius merluccius, peixe da familia dos merlúcidos, da orde dos gadiformes.Presenta un corpo fusiforme, moi alongado e comprimido lateralmente, de 40 a 70 cm de lonxitude, podendo chegar até os 120. Posúe dúas aletas dorsais, a primeira moito máis curta cá segunda. De cor cinsenta no lombo, clareando nos costados e máis prateada pola zona do ventre. Posúe uns ollos de gran tamaño así como unha boca grande, con dentes afiados.

Cando é aínda de pequeno tamaño denomínase carioca, estando prohibida a súa captura e comercialización se non alcanza os 27 cm.

Peteiro

O peteiro ou bico é unha formación córnea nas aves. Está composto polo maxilar superior e o maxilar inferior ou mandíbula.

O peteiro é o único xeito que teñen as aves para consumir alimentos. As aves non teñen dentes, así que engolen o seu alimento enteiro. A forma do pico dunha ave depende da súa dieta. Por exemplo, os papagaios usan os seus peteiros agudos para cascar froitas e noces, os colibrís teñen un peteiro en forma de tubo para extraer o néctar das flores. Noutras aves os machos emprégano para atraer ás femias (como o tucano e cálao). O do pelicano é longo, agudo e recto, para penetrar con pouca resistencia na auga, e cun pregue de pel no maxilar inferior para apañar nel peixes. As aguias e outras aves rapaces posúen o peteiro afiado e en forma de gancho, co fin de desgarrar doadamente a carne dos animais dos que se alimentan.

Os peteiros non son exclusivos das aves, pois estes tamén se atopan nos monotremas (ornitorrinco e equidna), tivérono algúns terápsidos antigos (como o listrosauro) e posúeno algúns moluscos cefalópodos coma as luras. Así mesmo, tamén se lle dá o nome de bico, ao fociño alongado e afiado dalgúns cetáceos, como, por exemplo, os golfiños e os zifios.

Polbo

Os polbos son moluscos mariños cefalópodos, formando a orde Octopoda, que significa "oito pés". Son animais mariños e carnívoros. Carecen de cuncha e a súa característica principal é unha coroa de oito tentáculos ou raxos na cabeza, arredor da boca, provistos de fortes ventosas. Como o resto dos cefalópodos, o polbo ten un corpo mol mais non ten esqueleto interno (como as luras) nin externo (como o náutilo). Como medio de defensa, o polbo posúe a capacidade de botar tinta (conseguida a través dos cromatóforos) e a autonomía dos seus tentáculos.

Sepioteuthis sepioidea

Sepioteuthis sepioidea é unha lura de arrecife caribeña de pequeno tamaño (20 cm) con forma de torpedo e aletas ondulantes que se estenden case por toda a lonxitude do seu corpo. Unha particularidade desta especie é que é unha "lura voadora", como descubriu en 2001 a bióloga mariña Silvia Maciá. A especie pode propulsarse saltando fóra da auga ata unha altura duns 2 m e planar no aire uns 10 m antes de reentrar na auga. Posteriormente identificáronse seis especies de luras voadoras.

Ventosa (zooloxía)

A ventosa é un órgano de certos animais acuáticos ou endoparasitos doutros animais. Nalgúns casos, as ventosas son utilizadas apenas para a fixación do animal a un substrato, como nas rémoras, mentres que noutros son unha adaptación da boca e serven non soamente para a fixación, senón tamén para succión dos fluídos do interior do corpo do hospedeiro, como no caso da lamprea ou da samesuga.

Un caso ben coñecido de endoparasito que usa ventosas localizadas na cabeza para se fixar ás paredes do tubo dixestivo do hospedeiro é a tenia.Aínda máis coñecidas son as dos cefalópodos, especialmente dos polbos e as luras, nos que as ventosas son órganos musculosos de forma circular constituídas por tecido muscular do mesmo tipo que o do resto do corpo (polo que tamén son comestíbeis). Situadas na superficie dos brazos ou raxos, funcionan á perfección como unha ventosa das que se utilizan, por exemplo, para desatascarmos os vertedoiros, é dicir, ao exerceren presión sobre outra superficie, énchese de baleiro a ventosa, expulsando a auga cara ao exterior, o que permite adherirse fortemente ao polbo ou á lura (ou a calquera outro cefalópodo que as utilice).Estas ventosas teñen unha función dupla: non só axudan ao animal na locomoción, como no caso dos polbos e outros moluscos bentónicos, que usan os tentáculos para desprazarse, senón que serven tamén para asegurar as súas presas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.