Lumbrigante

O lumbrigante[2] (Homarus gammarus, Linné 1758), tamén chamado cereixo,[3] é un crustáceo mariño decápodo macruro (de abdome ben desenvolvido), moi apreciado pola calidade da súa carne. Caracterízase polo seu primeiro par de patas rematado en grandes pinzas.

Lumbrigante
KreeftbijDenOsse

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Familia: Nephropidae
Xénero: Homarus
Especie: H. gammarus
Nome binomial
Homarus gammarus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
  • Cancer gammarus Linnaeus, 1758
  • Astacus marinus Fabricius, 1775
  • Astacus gammarus Pennant, 1777
  • Homarus marinus Weber, 1795
  • Astacus europaeus Couch, 1837
  • Homarus vulgaris H. Milne-Edwards, 1837

Descrición

Casca de cor negra azulada, con manchas máis pálidas; de cor amarelada na cara inferior. O bordo lateral dos segmentos do abdome é brancuxa ou vermella. Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecémo-lo lumbrigante no prato, cociñado, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

Cornelis de Heem 02
Cadro de Cornelis de Heem (1631-1695).

A casca do cefalotórax é de forma subcilíndrica, comprimida dorsoventalmente, coa superficie lisa, a diferenza do da lagosta, na que é espiñenta.

Primeiro par de antenas (anténulas) curtas e divididas en dous flaxelos. Segundo par de antenas longo, da mesma lonxitude có corpo, que nacen dunha base pequena e cunha espiña ben visible.

Posúe cinco pares de patas, coma tódolos crustáceos decápodos. O primeiro par é robusto e carácterístico, moito máis grandes cás outras, e remata nunha forte pinza formada por dúas pezas (quelas) desiguais e provistas de varios dentes romos na marxe interna. Estes avultamentos adoitan ser de cor castaña ou avermellada. Normalmente, unha das pinzas -as máis veces, a esquerda- é claramente maior cá outra, sendo a menor máis rápida e cos dentes máis agudos e aserrados. O lumbrigante utiliza a pinza maior para suxeita-las preas e a menor para esgazala en pequenos anacos.

O segundo e terceiro par de patas tamén rematan en pinzas, moito menores cás anteriores. O cuarto e quinto par de patas rematan nunha uña única.

O abdome está formado por seis segmentos ou aneis, que se sobrepoñen ó dobrarse baixo o cefalotórax. Cada segmento posúe dun par de pequenas patas (pleópodos) de función copuladora e ovíxena. Nos machos, os dous primeiros pelópodos están modificados para trasladar os espermatozoides á femia no momento da cópula.

O abdome remata nun último segmento, que forma o telson, plano e rematando nun peite de sedas amarelas ou castañas, tamén presentes nos urópodos que conforman a aleta caudal.

O tamaño medio do lumbrigante oscila entre os 35 e os 50 cm, chegando a tallas superiores.

Hábitat

O lumbrigante, coma outros crustáceos superiores, é unisexual. O apareamento ten lugar a finais do verán. A femia garda os ovos pegados ó abdome durante 10-12 meses, ata que se produce a eclosión. As larvas pasan por unha primeira fase natatoria ata que alcanzan un talle duns 3 cm, momento no que pasan a unha vida bentónica, para chegar á madurez ó cabo duns 4 anos, cuns 20 cm de lonxitude. Durante o desenvolvemento sofre numerosas mudas da casca, varias ó ano ó principio, que se van reducindo a unha cada dous anos, cando adultas.

Aliméntase de noite, a base de moluscos, vermes e peixes mortos.

Vive en augas pouco profundas, entre fondos rochosos de 2 a 40 m de profundidade. Atópase no Atlántico oriental, desde a altura do norte de Noruega ata as Azores e Marrocos. Tamén está presente no Mediterráneo, ata o Mar Negro.

Pesca

Captúrase con nasas especiais, engadadas con peixes ou crustáceos mortos. Ocasionalmente tamén ven enleado nos trasmallos e raeiras.

O talle mínimo autorizado en Galicia é de 25 cm, medidos desde o extremo anterior da espiña infraorbitaria ata o extremo da aleta caudal ou telson.

Adoita comercializarse en fresco, vivo, pero tamén pode atoparse conxelado. Boa parte dos exemplares que se poñen á venda nos nosos mercados ou que se serven nos restaurantes galegos proceden do Reino Unido.

Consómese cocido e con diversas salsas, e tamén simplemente á prancha. Desde hai anos estase estendendo o "arroz con lumbrigante", prato que parece ser orixinal das illas Baleares.

Denominacións antigas

  • Cancer gamarus (Linne, 1758)
  • Astacus marinus (Fabricius, 1798)
  • Homarus vulgaris (H. Milne Edwards, 1837)

Sinonimia

Nos distintos portos galegos recibe tamén os seguintes nomes:

  • bugre.
  • cereixo (por similitude con certas cereixas de cor vinoso, escuro).
  • labagante, lobagante, lombrigante, lubigante, lubrigante.
  • lagosta francesa (segundo Cornide e o padre Crespo. O adxectivo francés utilízase moito para designar variedades de inferior calidade).

Antón Santamarina supón que a denominación castelá bogavante é unha deformación popular de lobagante.

  • castelán: bogavante.
  • catalán: llamàntol.
  • vasco: abakandoa.
  • Santander: lubricante, ollocántaro, abacanto.
  • Asturias: llocántaro.
  • Baleares: grimalt, llomanto.
  • inglés: lobster, common lobster, European lobster.
  • francés: homard breton (o europeo); homard américain (o canadense).
  • portugués: lavagante.
  • italiano: astice.
  • alemán: Hummer.

Especies semellantes

Lobster NSRW
Lagosta americana.

No mercado pode atoparse outra especie semellante, o lumbrigante americano (Homarus americanus), máis comunmente denominado canadense, máis grande e de cor máis avermellada. Os gastrónomos aseguran que a súa carne é menos fina e saborosa cá da especie europea.

Estes lumbrigantes canadenses poden alcanzar tallas enormes: segundo o Libro Guinness dos Récords, o exemplar máis grande foi capturado en Nova Escocia (Canadá), cun peso de 20,14 kg.

Ás veces podemos atopar textos que describen esta especie baixo a denominación castelá de lagosta (ou lagosta americana). A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de lumbrigantes de Galicia.
Salpicón de lumbrigante

Salpicón de lumbrigante.

Lumbrigante cocido 1

Cocido.

Lumbrigante vivo 1

Vivo.

Lumbrigantes 1

Notas

  1. M. Butler, A. Cockcroft, A. MacDiarmid & R. Wahle (2011). "Homarus gammarus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2010 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o January 1, 2012.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lumbrigante.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cereixo.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Arroz

O arroz ([aˈrɔθ]; en gran parte do territorio pronunciado con seseo como [aˈrɔs] (arrós)) é o gran da planta do arroz (Oryza sativa), unha planta da familia das gramíneas que alimenta máis da metade da poboación humana do mundo.

O arroz necesita de auga en abundancia e man de obra intensiva. Dáse ben mesmo en terreos moi inclinados e é costume, nos países do sueste asiático encontrárense socalcos onde se cultiva.

É o terceiro maior cultivo cerealista do mundo, só superado polo millo e o trigo.

Carcinoloxía

A carcinoloxía, dos elementos carcino- e -loxía, do grego καρκινο-, de καρκίνοσ karkínos, "cangrexo" (e tamén "cácer") e -λογια, de λόγοσ logos, "palabra", "explicación", "tatado", é a rama da zooloxía que estuda aos crustáceos.

Debido ao duplo significado que en grego ten a palabra καρκίνοσ, carcinoloxía é tamén o nome da especialidade da medicina que estuda os cancros ou tumores malignos.

Por iso algúns prefiren usar o pouco estendido termo malacostracoloxía, de malaco-, tirado do grego μαλακο-, de μαλακός malakós, "brando" e -loxía (etimoloxía pouco afortunada, pero que se usa en malacostráceos (Malacostraca), nome do grupo que comprende os crustáceos máis coñecidos) e que, por inapropiado, non debe confundirse con malacoloxía, ou parte da zooloxía que estuda os moluscos, animais "de corpo brando"·

Un biólogo que traballa en carcinoloxía é un carcinólogo.

Cereixo

Un cereixo é un crustáceo tamén coñecido como lumbrigante, de nome científico Homarus gammarus. Amais, como topónimo, Cereixo pode referirse a:

Cereixo, parroquia do concello da Estrada;

Cereixo, parroquia do concello de Vimianzo;

Río Cereixo, afluente do Miño.

Ciclióforos

Os ciclióforos (Cycliophora, do grego κύκλος kýklos, "círculo", "roda" e φορός phorós "portador", é dicir, "os que levan rodas", debido a unha pequena coroa que rodea a boca de ditos organismos) son un filo de animais descuberto en 1995 por Reinhardt Kristensen e Peter Funch da Universidade de Copenhaguen na boca de Nephrops norvegicus (a cigala).Trátase dun grupo de seres mariños, triblásticos, acelomados, con simetría bilateral, que inclúe un único xénero, Symbion, con dúas especies descritas Symbion pandora e Symbion americanus. A segunda das especies encontrouse na boca de Homarus americanus (o lumbrigante americano)

e aínda hai outras, de momento sen describir, encontradas na boca de Homarus gammarus (o lumbrigante).

Crustáceos

Os crustáceos (Crustacea) son un extenso subfilo de artrópodos, con máis de 67 000 especies (e sen dúbida aínda faltan por descubrir até cinco ou dez veces este número).O subfilo inclúe varios grupos de animais tan coñecidos como as lagostas, as centolas, os camaróns, os cangrexos, as nécoras e os percebes.

Os crustáceos son fundamentalmente acuáticos e habitan en todas as profundidades, tanto no medio mariño, como nas augas salobres e doces; uns poucos colonizaron o medio terrestre, como as cochinillas da humidade (isópodos) e certos cangrexos.

Constitúen un dos grupos zoolóxicos con maior éxito biolóxico, tanto polo número de especies viventes como pola diversidade de hábitats que colonizan; dominan os mares, como os insectos dominan a terra.

A ciencia que estuda os crustáceos coñécese como carcinoloxía.

Eucáridos

A dos eucáridos (Eucarida) é unha superorde de crustáceos da clase dos malacostráceos, subclase dos eumalacostráceos, que inclúe case todas as especies máis coñecidas destes animais, como os decápodos (lagosta, lumbrigante, cigala, centola, nécora etc.) e o krill (da orde dos eufausiáceos, principal alimento das baleas). Ademais, tamén comprende os membros da pouco coñecida orde dos anfionidáceos.

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia

Galería de imaxes de gastronomía en Galicia.

Galería de imaxes de lumbrigantes de Galicia

Galería de imaxes de lumbrigantes de Galicia.

O lumbrigante (Homarus gammarus, Linne 1758) é un crustáceo mariño decápodo macruro.

Galería de imaxes de mariscos de Galicia

Galería de imaxes de mariscos de Galicia.

Gastronomía de Galicia

A gastronomía de Galicia ten unha gran tradición e variedade, sendo un dos aspectos de maior importancia na cultura e sociedade galegas.

Está moi establecida a celebración de grandes comidas, ben en familia, ben en eventos, actos ou encontros. En Galiza teñen lugar gran número de festas gastronómicas, a maioría delas no verán. Un dos seus maiores estudosos foi o escritor Álvaro Cunqueiro.

Os petiscos, a diferenza doutros lugares, son consistentes e non se reducen a unhas simples olivas ou patacas; adoitan ser gratuítos ou de moi baixo prezo, sobre todo na provincia de Lugo, onde a súa gratuidade, ao ser acompañados por un viño ou unha cervexa, é unha tradición convertida xa nun reclamo turístico. Ademais dos petiscos, tamén son frecuentes as tapas.

Gonóporo

O gonóporo ou gonoporo, ás veces chamado gonadóporo, e un poro ou orificio xenital presente na maioría dos invertebrados, especialmente nos artrópodos. Os hexápodos teñen un só, a excepción dos efemerópteros, que teñen dous. No caso das femiss deste grupo, os gonóporos son a abertura dos ovidutos, mentres que nos machos é un conduto exaculador.

Lagosta (crustáceo)

A lagosta común (Palinurus elephas, Fabricius 1787) é un crustáceo macruro (de abdome ben desenvolvido), un dos mariscos máis valorados, tanto en Galicia como no resto do Estado. Tamén se denomina lagosta europea ou lagosta vermella.

Macruros

Os macruros eran os membros dunha antiga subdivisión dos crustáceos decápodos (Macrura), fundada por Milne-Edwards e hoxe sen validez taxonómica, en oposición á outra, a dos braquiúros (Brachyura), esta si válida na actualidade: é unha infraorde da suborde dos pleociemados (Pleocyemata) dos crustáceos.

A orde dos crustáceos, da clase dos malacostráceos (Malacostraca), "os de cuncha branda" (o nome engañoso, xa que a cuncha ou casca destes animais é só branda inmediatamente despois da muda ou écdise, e o resto do tempo é xeralmente dura. Foi creada por Pierre André Latreille (1762-1833) en 1802.

Tradicionalmente dividíase nos dous grupos antecitados, macruros, que comprendía as especies caracterizadas por teren o abdome alongado, ben desenvolvido, rematado nunha peza caudal formada á súa vez por unha central denominada telson e dous urópdos, como o lumbrigante, a lagosta ou a cigala, e braquiúros, que recollía os individuos de abdome curto e a miúdo pregado baixo o cefalotórax, como a centola, o boi ou a nécora.

Tamén noutros tempos os decápodos clasificáronse en dúas subordes chamadas Natantia, ou decápodos nadadores, e Reptantia, ou decápodos marchadores (Boas).

Pero na acualidade divídense noutras dúas subordes, baseadas na morfoloxía das branquias:

Dendrobranchiata Bate, 1888

Pleocyemata Burkenroad, 1963cun xénero incertae sedis, Charassocarcinus Van Straelen, 1925.

Malacostráceos

A dos malacostráceos (Malacostraca) é unha subclase de crustáceos que inclúe a case todas as especies máis coñecidas destes animais, como os decápodos (lagosta, lumbrigante, cigala, centola, nécora etc.) os estomatópodos (como Squilla mantis) e o krill. Así mesmo comprende tamén os grupos dos anfípodos e os isópodos (cochinillas da humidade).

Describíronse máis de 42.000 especies de malacostráceos, case as dúas terceiras partes de todas as especies de crustáceos.A súa taxonomía é obxecto de controversia: existen varias escolas que disputan as categorías dos subgrupos.

Marisco

O marisco inclúe unha ampla variedade de crustáceos, moluscos e equinodermos especialmente valorados para o seu consumo. Non se trata, realmente, dun concepto biolóxico senón gastronómico, e carece de calquera validez na taxonomía.

Nasa

Este artigo trata sobre a arte de pesca; se anda á procura da páxina dedicada á National Aeronautics and Space Administration, vexa NASA.

A nasa é unha arte de pesca na que se emprega unha armazón de forma cilíndrica ou troncocónica, de madeira ou metal, recuberta por un pano de rede, cunha boca en forma de funil pola que entra marisco ou peixes, que se deposita no mar para posteriormente recollela. Utilízase en Galiza e no Cantábrico.

As nasas somérxense prendidas dun cabo e cébanse con calquera tipo de carnada de peixe ou vísceras de animais. As nasas arríanse dúas veces ao día para retirar as posíbeis capturas. Os crustáceos máis pescados son a centola, o lumbrigante, a nécora, o santiaguiño e a lagosta. Úsase tamén para o polbo.

No Uruguai tamén se utilizan nasas para a pesca de peixes (ollomol). Teñen forma de campá con dúas bocas. Pola inferior entra a captura e pola superior retírase.

Nefrópidos

A dos nefrópidos (Nephropidae) é unha familia de crustáceos malacostráceos da orde dos decápodos, e infraorde dos astacideos, mariños, moitas de cuxas especies son moi apreciadas en gastronomía. Habitan en fondos oceánicos de boa parte del mundo.

Dentro desta familia están a cigala (Nephrops norvegicus), o lumbrigante (Homarus gammarus) e o lumbrigante americano (Homarus americanus).

Cómpre non confundilos coas lagostas, que pertencena á familia dos palinúridos.

Río Nervión

O Nervión (en éuscaro: Nerbioi) é un río da Península Ibérica, que discorre polo norte de España.

Nace no límite das provincias de Burgos e Áraba, das augas que baixan dos Altos do Curral, Bagate e Urkabustaitz por unha banda e a serra de Garobel ou Salvada pola outra, na cordilleira Cantábrica.

A poucos quilómetros do seu nacemento, forma un impoñente salto de 270 metros, para continuar logo polo val de Délica en dirección nordés. Baixa polo chamado val do Nervión ou Alto Nervión ata entrar á provincia de Biscaia, cerca do pobo de Orduña.

No concello de Basauri, conflúe co Ibaizabal, río de caudal e lonxitude semellantes, e xuntos dividen o resto da comarca do Gran Bilbao, cruzando Bilbao baixo o nome de Ría de Bilbao (tamén coñecida como Ría do Nervión ou do Ibaizabal), ata chegar á súa desembocadura no mar Cantábrico, entre os concellos de Portugalete e Getxo.

Nos seus primeiros tramos, durante as épocas estivais ao non ser tempada de choivas nin haber neve sobre as serras, a súa curta e imprecisa canle vese ausente de auga.

Tayvallich

Tayvallich é unha pequena aldea turística de Knapdale (Argyll and Bute), en Escocia.

O lugar, dunhas cen casas e unha poboación de menos de 250 persoas, está construído ao redor dun pequeno porto de lecer no Loch A Bhealaich, unha baía do Loch Sween. Ten a súa escola, a súa tenda e un parque de caravanas e casas de madeira, posto que o turismo de verán é, co marisqueo (lagostiño, vieira, lumbrigante...), a súa principal fonte de recursos. Nas súas proximidades, seguindo a corredoira que avanza cara ao sur, está a península Taynish, unha reserva natural que conserva unha das maiores carballeiras de Gran Bretaña e un reservoiro de máis de vinte especies distintas de bolboretas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.