Lucas Ferro Caaveiro

Lucas Ferro Caaveiro, nado en 1699 en Santiago da Capela (A Capela) e finado en 1770, foi un arquitecto galego, entre os máis sobresaíntes do Barroco.

Lucas Ferro Caaveiro
Nacemento1699
 A Capela
Falecemento1770
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónarquitecto
FillosMiguel Ferro Caaveiro
PeríodoBarroco
Ferro Caaveiro 01
Casa.do.Concello
Casa do Concello de Lugo, 1735-1744, do arquitecto L. Ferro Caaveiro

Traxectoria

Ferro Caaveiro naceu na provincia de Betanzos. Ignórase todo da súa infancia e con quen se formou. En 1727 actuou como aparellador do mestre de arquitectura Fernando de Casas Novoa nas obras da capela da Virxe dos Ollos Grandes, que forma parte da catedral de Lugo. Esta actividade súa, entre 1727 e 1732, ao que parece, outorgoulle gran prestixio na cidade da muralla, pois moi logo pasaría a ter varias encargos. Así en 1730 realizou o pazo-casa dos Sangro (que sería alterado arredor de 1769). No ano seguinte traballa na capela de San Roque, naquela época sita fóra da muralla, igrexiña simple, de nave única, na que volveu refacer parte das obras en 1734.

En 1735 a corporación municipal da cidade outorgoulle un encargo de maior transcendencia, sendo elixido para realizar as obras do pazo da Casa do Concello. As obras duraron até o ano 1744. O arquitecto mantivo parte das estruturas preexistentes do edificio anterior de Pedro de Artigas, o que sen dúbida debeu limitar o seu traballo. Porén conseguiu erguer un palacete que se converteu nun dos edificios emblemáticos de Galicia, sen dúbida axudado polo espazo da Praza Maior que se lle abre diante, aínda que esta non existía coa amplitude actual. Ferro formou unha edificación de dúas plantas, a inferior, resolta como arcada e a segunda con ocos rectos e dupla balconada. No centro ergueu un ático alzado, coroado con frontón curvo, no que se dispón o escudo de España esculpido en relevo. A cada extremo da fachada situou cadanseu campanario. Entre o ático e as sinetas, varios balaústres moi ornamentados, suxeitos por pequenas volutas, coroan a liña do beiril. Todos estes elementos de remate final rompen a posíbel pesadez horizontal do edificio, que de por si xa estaba alixeirada pola arcada baixa. De abaixo para arriba, o espazo intervanos está ocupado por pilastras en relevo do tipo caixeado, elemento típico do estilo barroco compostelán. O conxunto dota á Casa do Concello lucense de movemento e xogos de luces e sombras. Malfadadamente adosóuselle unha fea torre durante o século XIX, que rompeu a unicidade da obra.

En Santiago

San paio antealtares 3
Vista parcial da Porta dos Carros do convento de Antealtares, na que traballa Ferro desde 1749.

Marchou posteriormente para Santiago de Compostela para traballar na fachada do Obradoiro da súa catedral, que dirixía o seu mestre Casas Novoa, colaborando como axudante deste, xunto con Clemente Fernández Sarela (1716-1765), que era aparellador oficial da dita sé. Cando falece Casas Novoa, a fins do mes de santos de 1749, será Ferro Caaveiro quen dirixa o remate das obras até febreiro de 1750, ao tempo que pasa a ser mestre arquitecto do cabido catedralicio.

Por esa mesma época, as monxas do mosteiro de San Paio de Antealtares, na mesma Compostela, confían nel para completar a fachada dos Carros, dotada dun miradoiro-torreón, obra na que traballa até 1753, resolvendo dignamente o problema para un espazo practicamente esgonzado, que non permitía boas perspectivas.

En 1754, e na mesma cidade, traza a casa do nº 40 da Rúa Nova, de catro plantas.

Igrexa de San Froitoso

San frutuoso compostela xaneiro 2013
Igrexa de San Froitoso.

Nese mesmo ano de 1754, a mediados, proxecta e realiza a última das súas obras importantes, a entón denominada capela das Angustias de Abaixo, actual igrexa de San Froitoso, na traseira do actual Pazo de Raxoi, fronte ó cárcere municipal santiagués. A igrexa foi consagrada en 1756, mais as obras aínda continuaban posteriormente, e, aínda en 1767, o seu fillo Miguel Ferro Caaveiro (ca. 1740-1807) daba as trazas do retablo maior. Trátase dunha das poucas edificacións con planta novidosa dentro, non só do barroco galego senón español, pois fronte ao predominio da planta rectangular, Ferro introduce unha planta central inscrita en cruz grega cuberta por cúpula, con anel decorado. A fachada está elaborada con decoración de placas e pilastras caixeadas, organizada a xeito de retablo, con avance do corpo central e retroceso das laterais, corpo central que se coroa cun frontón rectilíneo, que acolle o escudo de España. Unha soa sineta de corpo realzado coroa toda a fachada, pero a cornixa presenta unha balaustrada con placas e rematada polas figuras das catro virtudes cardinais (para certo vulgo "os catro paus da baralla"). Esta fachada presenta unha perspectiva inversa, pois ao estar nunha situación afundida respecto da Praza do Obradoiro, desde a cal se pode contemplar mellor, os detalles son maiores e monumentais na parte superior, e máis sinxelos na inferior. Pola súa movimentación e decorado, interior e exterior, Ferro anticipa o rococó[1]. Na estatuaría exterior traballou o escultor compostelano José Gambino (1719-1775).

En 1756, actúa na reparación da ponte do Sar e o camiño que conduce a Ourense, practicamente nos extramuros do casco urbano.

Os anos derradeiros

En 1758, o cabido catedralicio compostelán encargoulle as trazas da nova fachada da Acibecharía, que substituía á portada medieval. O 30 de xaneiro de 1759 pasou a dirixir as obras, co aparellador Clemente Fernández Sarela. Porén as obras ficaron paralizadas en 1762, cando estaba xa erguida a primeira planta, parte da segunda e o proxecto de remate, pedindo o cabido un novo proxecto, que presentaron Ferro e Sarela. Despois de diversos informes, o cabido decide buscar un novo arquitecto, prescindindo de ambos os dous mestres. En 1765 a dirección pasou ás mans de Domingo Lois Monteagudo[2].

En 1764, Ferro Caaveiro presentou un proxecto para a Casa do Concello de Santiago, que sería rexeitado, pois a obra sería realizada polo enxeñeiro francés Charles Lemaur. Isto mostraba as dificultades que comezaban a ter os arquitectos barroquistas, pois comezaba a ser preferido o novo estilo neoclásico, alentado pola reinante monarquía borbónica.

A partir dese momento, aínda que estaba a traballar en 1766[3] en reformas nos patios traseiros do Hospital Real, a súa vida pasa ao silencio. É posíbel que mesmo pasase por dificultades, pois logo do seu falecemento ocorrido en 1770, a súa viúva solicita axuda do cabido catedralicio.

Notas

  1. Cfr., Mª del Socorro Ortega Romero, s.v. Ferro Caaveiro, Lucas, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XII, páx. 157
  2. Cfr, Otero Túñez, Ramón, Rajoy. constructor. 2001, pxs. 59-66
  3. Chamoso Lamas, Manuel, Santiago de Compostela, px. 60

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ortega Romero, María del Socorro, s.v. Ferro Caaveiro, Lucas, en Gran Enciclopedia Gallega, t. XII, Silverio Cañada Editor. Santiago de Compostela. 1974.
  • Chamoso Lamas, Manuel, Santiago de Compostela. Imprenta Moret. A Coruña. 1980.
  • Otero Túñez, Ramón, Rajoy, constructor, in Cátedra. Revista eumesa de estudios, nº 8, 2001, páxs. 57-78.
  • Singul, Francisco, Lucas Ferro Caaveiro, en VV. AA., Artistas Galegos Arquitectos: Séculos XVII e XVIII. Vigo. Nova Galicia Edicións. 2004, páx. 354 e ss.
Arquitectura do Barroco

A arquitectura do Barroco, tamén coñecida como arquitectura barroca, é un período da historia da arquitectura que veu precedida do Renacemento e do Manierismo; xerouse en Roma durante o século XVII e estendeuse até mediados do século XVIII polos Estados absolutistas europeos.

O termo Barroco, derivado do portugués "barru", "perla de forma diferente ou irregular", utilizouse nun primeiro momento de forma despectiva para indicar a falta de regularidade e orde do novo estilo. A característica principal da arquitectura barroca foi a utilización de composicións baseadas en puntos,curvas, elipses e espirais, así como figuras policéntricas complexas compostas de motivos que se intercalaban uns con outros. A arquitectura valeuse da pintura, a escultura e os estucados para crear conxuntos artísticos teatrais e exuberantes que servisen para enxalzar aos monarcas que os encargaron.

Nalgúns países europeos como Francia e Inglaterra e noutras rexións da Europa setentrional produciuse un movemento máis racionalista derivado directamente do Renacemento que se denominou Clasicismo barroco. Ao longo do século XVIII foise desenvolvendo en Francia un movemento derivado do Barroco que multiplicaba o seu exuberancia e baseábase fundamentalmente nas artes decorativas que se denominou Rococó e acabouse exportando a boa parte de Europa.

Contrariamente ás teorías segundo as cales o movemento barroco xurdiu a partir do Manierismo, foi o Renacemento tardío o movemento que acabou desencadeando en último termo o Barroco. De feito, a arquitectura manierista non foi suficientemente revolucionaria para evolucionar radicalmente, nun sentido espacial e non só superficial, a partir dos estilos da antigüidade aos novos fins populares e retóricos da época do contrarreformismo.

Xa no século XVI, Miguel Anxo Buonarroti anunciara o Barroco dunha forma colosal e masiva na cúpula da Basílica de San Pedro de Roma, así como as alteracións nas proporcións e as tensións das ordes clásicas expresados na escaleira de acceso á Biblioteca Laurenciana de Florencia, do mesmo autor, e a enorme cornixa engadida ao Palacio Farnese. Estas intervencións suscitaran diversos comentarios na súa época pola súa brusca alteración das proporcións clásicas canónicas. Non obstante, noutras obras Miguel Anxo cedera á influencia manierista, polo que foi só tras o fin do Manierismo cando redescubriuse a Miguel Anxo como o pai do Barroco.

O novo estilo desenvolveuse en Roma, e alcanzou o seu momento álxido entre 1630 e 1670; a partir de entón o Barroco estendeuse polo resto de Italia e de Europa, mentres que no século XVIII Roma volveu de novo ao Clasicismo seguindo o exemplo de París.

A influencia do Barroco non se limitou ao século XVII; a principios do século XVIII desenvolveuse o estilo denominado Rococó, que non sendo unha pura continuación do primeiro podería ser considerado como a última fase do Barroco.

Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela

O Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela é a institución encargada de custodiar o patrimonio documental e bibliográfico do Cabido e a Catedral de Santiago de Compostela, integrado por volumes e documentos dende a Idade Media até a actualidade.

Está situado nun dos brazos do claustro da Catedral, e ofrece servizos de consulta e documentación. É un dos principais centros de investigación xacobea do mundo.

Un grave incendio ocorrido en 1751 afectou seriamente a sala capitular e a biblioteca, estancias que foron reconstruídas por Lucas Ferro Caaveiro (discípulo de Casas Novoa). No teito da biblioteca consérvanse frescos da vida do Apóstolo, realizados por Arias Varela en 1756. O da sala capitular mostra unha policromía de ouros sobre branco.

O arquivo foi construído por Clemente Fernández Sarela.

Caaveiro

O topónimo galego Caaveiro pode referirse a:

Caaveiro, parroquia do concello da Capela;

Caaveiro, lugar da parroquia de Trasancos, no concello de Narón;

Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, na parroquia da Capela, no concello da Capela;

Tombo de Caaveiro, conxunto de documentación dese mosteiro;

Xurisdición de Caaveiro, dependente deste mosteiro durante o Antigo Réxime.Amais, como apelido Caaveiro pode referirse a:

Lucas Ferro Caaveiro, arquitecto galego (1699 - 1770);

Miguel Ferro Caaveiro, arquitecto galego, fillo do anterior (1740 - 1807);

Casa Consistorial de Lugo

A Casa Consistorial do Concello de Lugo é un dos máximos expoñentes do barroco civil galego. Sitúase no centro da cidade de Lugo, na cabeceira da Praza Maior.

Clemente Fernández Sarela

Clemente Fernández Sarela nado en Santiago de Compostela en 1716 e morto en 1765, foi un arquitecto barroco galego.

Convento de San Paio de Antealtares

San Paio de Antealtares é un convento do século IX de monxas beneditinas de clausura. Está situado no casco vello de Santiago de Compostela, fronte á cabeceira da catedral de Santiago de Compostela, pechando a praza da Quintana.

Fachada da Acibecharía

A fachada da Acibecharía é a fachada norte da catedral de Santiago e foi construída por Lucas Ferro Caaveiro, substituíndo á anterior, románica, chamada do Paraíso, que fora construída polo Mestre Bernardo en 1122. É o acceso á catedral dos peregrinos que seguen os camiños Francés, Primitivo e Inglés a través da Porta Francíxena.

Debe o nome ó gremio dos artesáns do acibeche, que traballaban na rúa que accede á praza ante a que se abre a fachada, hoxe chamada praza da Inmaculada.

Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela

A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela foi fundada no ano 1974, a partir da antiga Facultade de Filosofía e Letras na que o peso da licenciatura de Xeografía e Historia era fundamental, por ser a única subtitulación da licenciatura en Filosofía e Letras que se impartía nela desde a súa fundación en 1922 até ben entrados os anos 1970, cando se creou a licenciatura en Filoloxía románica.

Ferro Caaveiro

Os apelidos galegos Ferro Caaveiro poden referirse a:

Lucas Ferro Caaveiro, arquitecto galego (1699 - 1770);

Miguel Ferro Caaveiro, arquitecto galego, fillo do anterior (1740 - 1807).

Igrexa de San Froitoso de Santiago de Compostela

A igrexa das Angustias de Abaixo, igrexa da Real Angustia ou igrexa de San Froitoso, é un templo de estilo churrigueresco localizado en Santiago de Compostela, a rentes da praza do Obradoiro, que foi proxectado por Lucas Ferro Caaveiro no século XVIII.

Lugo

Lugo é unha cidade e concello de Galicia, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.

Miguel Ferro Caaveiro

Miguel Ferro Caaveiro, nado contra 1740 en Santiago de Compostela, e finado na mesma cidade o 1 de xullo de 1807, segundo declaración feita polo seu sobriño o avogado Franciso Ferro Caaveiro de Pazos, foi un arquitecto galego.

Home da Ilustración, con amplos coñecemectos en varias ramas do saber (arquitectura, debuxo, matemáticas, mecánica) e de gran capacidade de traballo, estaba preocupado, como todos os ilustrados, polo atraso económico e social de España.

O seu labor arquitectónico iniciouse, da man do seu pai, no estilo barroco, pero pronto entrou no mundo do neoclasicismo, seguindo as propostas da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (pese á disputa que mantivo, non sendo el académico, con Melchor de Prado, que o era).

Deseñou e dirixiu numerosas obras nas cidades de Santiago, Lugo e A Coruña, e en numerosas vilas de toda Galicia, e foi benefactor da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.

Museo Catedralicio de Santiago de Compostela

O Museo da Catedral de Santiago de Compostela é unha institución que acolle e expón diversas obras artísticas e arqueolóxicas, propiedade da sé compostelá, que abarcan desde a época romana até a actualidade. Foi creado co obxectivo de conservar e expoñer ó público obxectos litúrxicos en desuso, doazóns de peregrinos nobres e os diferentes restos arqueolóxicos que se ían descubrindo nas diferentes intervencións na catedral e a súa contorna. Entre os seus fondos hai mostras arqueolóxicas, pintura, escultura, ourivería, tapices, alfombras, roupa litúrxica, cerámica e mobiliario.Foi fundado en 1928. Unha inscrición a lapis nun dos bancos do museo recolle a data de creación, 11 de xullo de 1928; o impulsor, o fabriqueiro Robustiano Sández; e o construtor, José Lerramendi Rey. O museo localízase na mesma catedral, distribuído en diversos espazos, con diferente situación dentro da fábrica catedralicia. A cripta, tamén coñecida como catedral vella (aínda que nunca cumpriu tal función), foi unha obra comezada antes da intervención do Mestre Mateo, aínda que foi este quen a rematou como paso previo á construción do Pórtico. O Tesouro catedralicio exponse na capela de san Fernando, de estilo gótico, que ata 1677 foi capela de Reliquias. Na catedral románica levantouse tamén un claustro, ó sur da nave principal, cuxo comezo se data en 1124 e que é rematado a mediados do XIII, baixo a iniciativa do arcebispo Xoán Arias.

Pazo de Raxoi

O Pazo de Raxoi é un edificio civil de Santiago de Compostela de estilo neoclásico francés , sede da corporación municipal da cidade, aínda que ao longo da historia ten acollido outros organismos. O seu nome honra ao arcebispo Bartolomé de Raxoi, que foi impulsor principal da edificación, aínda que non o único.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.