Luís Porteiro Garea

Luís Porteiro Garea, nado en Lugo o 16 de novembro de 1889 e finado en Frades o 27 de outubro 1918, foi un avogado e político galego, fundador das Irmandades da Fala.

Luís Porteiro Garea
Porteiro Garea.jpeg
Nacemento16 de novembro de 1889
 Lugo
Falecementooutubro de 1918
 Frades
CausaGripe
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónavogado e político

Traxectoria

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse en Madrid en 1914 coa tese El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo. Foi catedrático na USC, concelleiro agrarista e presidente das Irmandades da Fala desta cidade. En febreiro de 1918 presentouse como candidato rexionalista a deputado en Cortes polo distrito de Celanova, pero foi derrotado polo candidato conservador Senén Canido Pardo. Colaborou en diversas publicacións como El Radical, Gaceta de Madrid, Estudios Gallegos e A Nosa Terra.

Discurso de Porteiro Garea ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago no ano 1917, Nós 1932.pdf
Discurso de Porteiro Garea ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago no ano 1917 (PDF).

Morreu prematuramente en 1918, vítima da pandemia da gripe e os seus restos descansan en Ponte Carreira, Gafoi.

Pensamento

Foi un dos creadores do nacionalismo na súa vertente política, pois apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara a creación dunha organización política. Tamén foi un acérrimo defensor da lingua galega, sen esquecer a europeización da cultura e rexeitou o separatismo. Considerou a Galicia e a España como dous entes diferenciados pero cunha estreita interrelación.

Os seus escritos atenderon a un dobre núcleo temático: definiu a España cono unha organización defectuosa que se fundou na oligarquía e o caciquismo e responsabilizou aos galegos e aos factores endóxenos de Galicia dos seus propios problemas. Defendeu o establecemento dunha república presidencialista e progresista.

Recoñecemento

A Universidade de Santiago de Compostela convocou o Premio Luís Porteiro Garea.[1]

Obras

  • A los gallegos emigrados, 1918.
  • Un mensaxe a García, 1919.
  • A fala galega, 1936.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

  1. "II Premio “Luís Porteiro Garea” á promoción e uso do galego na USC". USC. Consultado o 9 de outubro de 2018.
16 de novembro

O 16 de novembro é o 320º día do ano no Calendario Gregoriano e o 321º nos anos bisestos. Quedan 45 días para rematar o ano.

A Nosa Terra (1916)

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

Antón Losada Diéguez

Antón Losada Diéguez, nado en Moldes (Boborás) o 22 de decembro de 1884 e finado en Pontevedra o 15 de outubro de 1929, foi un filósofo, escritor e político galego. A súa familia procedía da fidalguía e da nobreza galega do Antigo Réxime, o carlismo e o tradicionalismo, tendencias que influíron na súa traxectoria no nacionalismo galego. Integrante da Irmandade da Fala de Ourense, impulsor da revista Nós e ideólogo do artellamento do grupo Nós e correspondente da Real Academia Galega, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista, exercendo sobre eles un labor socrático, cunha extraordinaria capacidade de espertar conciencias e estimular talentos. De obra relativamente escasa e en gran parte inédita ata 1985, foi autor, entre outras, de media ducia de poesías, sete contos, dous escritos políticos, a obra teatral incompleta A domeadora e os discursos "Os problemas do idioma e a cultura no rexionalismo galego" (1918) e "Encol da prosa galega" (1924), co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Morreu prematuramente aos 44 anos de idade. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1985.

Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.Na súa traxectoria política foi un dos fundadores, en 1929, da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, se ben non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.

Baldomero Cores

Baldomero Cores Trasmonte, nado en Cee o 14 de outubro de 1929 e finado en Santiago de Compostela o 24 de decembro de 2014, foi un avogado, xornalista, sociólogo, catedrático e escritor galego.

Estudios Gallegos

Estudios Gallegos foi unha revista editada en Madrid entre 1915 e 1916.

Francisco Tettamancy

Francisco Tettamancy Gastón, nado na Coruña o 10 de outubro de 1854 e finado na mesma vila o 15 de maio de 1921, foi un escritor en lingua galega e castelá.

Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.

Luís Antón del Olmet

Luis Antón del Olmet López, nado en Bilbao o 17 de xaneiro de 1886 e finado en Madrid o 2 de marzo de 1923, foi un avogado, xornalista e escritor español.

Premio Luís Porteiro Garea

O Premio Luís Porteiro Garea está convocado pola Universidade de Santiago de Compostela para recoñecer o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización lingüística do galego na universidade e a figura de Luís Porteiro Garea.

A súa segunda edición convocouse no ano 2018.

Ramiro Isla Couto

Ramiro Isla Couto, nado en Arnois (A Estrada) o 8 de marzo de 1896 e falecido en Vigo o 5 de decembro de 1987, foi un empresario e dinamizador cultural da emigración galega.

Ramón Otero Pedrayo

Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas. Traballou na aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. Fiel á causa galeguista durante a Guerra civil española, foi expedientado. Foi membro da Real Academia Galega e presidiu a Editorial Galaxia. Participou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. É autor dunha ampla obra narrativa, ensaística e dramática.

A Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Penzol conservan a súa biblioteca e arquivo. En 1988 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Victoriano Taibo

Victoriano Taibo García, nado en Santiago de Compostela o 22 de abril de 1885 e finado en Vigo o 13 de marzo de 1966, foi un mestre, poeta e narrador galego, discípulo literario de Ramón Cabanillas, galeguista, de esquerdas, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega.

Xavier Pardo

Xavier Pardo Bedía, nado en Santiago de Compostela o 1 de decembro de 1903, e finado na Coruña o 3 de xullo de 1969, foi un óptico, xornalista e escritor galego.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.