Londres

Coordenadas: 51°30′26″N 0°7′39″O / 51.50722, -0.12750

Londres
London
Greater London collage 2013
Dende arriba e pola esquerda: Palacio de Buckingham, Estación de St. Pancras, The Shard, Canary Wharf, St. James's Park e Palacio de Westminster.
Localización
Londres en Inglaterra

Londres
Londres
PaísFlag of the United Kingdom.svg Reino Unido
Nación constituínteInglaterra Inglaterra
CondadoGran Londres
DistritoCidade de Londres e 32 barrios
Xeografía
Altitude24 msnm
Superficie1.572,00 km²
Demografía
Poboación8 308 369 hab. (2012)
Densidade5.285 hab./km²
XentilicioLondiniense[1]
Outros datos
Código postalE, EC, N, NW, SE, SW, W, WC, BR, CM, CR, DA, EN, HA, IG, KT, RM, SM, TN, TW, UB, WD
AlcaldeBoris Johnson (Partido Conservador)
london.gov.uk

Londres (en inglésLondon[ˈlʌndən] (AFI) escoitar) é a capital de Inglaterra e do Reino Unido; atópase ás beiras do río Támese na illa de Gran Bretaña. Segundo os datos do censo do 2012, viven 8 173 194 habitantes na división administrativa do Gran Londres, composta por 32 distritos municipais (boroughs) e mais pola Cidade de Londres propiamente dita (City of London), nunha área de 1579 km². A aglomeración urbana ten preto de 11,3 millóns de habitantes.[2]

Dunha cidade romana chamada Londinium, a capital da rexión administrativa romana Britannia, a cidade acabou por se tornar o centro do imperio británico, contribuíndo hoxe en día co 17% do PNB dun país que é a cuarta maior economía do mundo.

Londres ten sido un dos máis importantes centros da política e do comercio mundiais por case dous milenios (a pesar de ter sido Winchester a capital de Inglaterra durante gran parte da Idade Media).[3]

Etimoloxía

London-Roman-model
Modelo de Londinio entre 85 e 90 d.C., no Museo de Londres, mostrando a primeira ponte construída sobre o río Támese.

A etimoloxía de Londres é incerta.[4] É un topónimo moi antigo que aparece en fontes do século II d. C. Cara ao 121 d. C. apareceu citada como Londinium, termo que apunta a un orixe britanorromano do asentamento.[4] O primeiro intento de aclaración, hoxe descartado, atribúeselle a Godofredo de Monmouth, que no seu libro Historia Regum Britanniae[4] sostiña que o topónimo proviña dun tal rei Lud que en principio tomou a cidade e a nomeou Kaerlud.[5]

Dende 1898 aceptouse comunmente que o topónimo teña unha orixe celta e significaba lugar pertencente a un home chamado *Londinos, pero esta explicación foi rexeitada igualmente.[4] En 1998 Richard Coates propuxo a explicación de que o nome tiña a súa orixe no hidrónimo antigo europeo *(p)lowonida, que significa «río demasiado ancho para vadealo», e suxeriu que era un nome que se daba ao tramo do río Támese ao seu paso por Londres. Deste topónimo derivaría a súa forma céltica, *Lowonidonjon,[6] aínda que a transformación da palabra é demasiado grande. A dificultade é conciliar o nome latino, Londinium, co que se lle da na lingua galesa moderna, Llundain. Non se pode descartar a posibilidade de que este nome galés se tomara prestado do inglés en épocas posteriores e por tanto non poida ser tomado como referencia para a reconstrución do nome orixinal da cidade. Oficialmente, ata 1889 o nome Londres só se lle aplicou á City londiniense, pero dende entón, refírese tamén ao condado de Londres e ao Gran Londres.[4]

Historia

Artigo principal: Historia de Londres.

O Londres Romano

Artigo principal: Londinium.

A pesar das evidencias de pequenos asentamentos bretóns dispersos pola área, o primeiro asentamento maior na cidade de Londres data do ano 43 d. C., cando os romanos, aproveitando a conquista da illa, fundaron o asentamento de Londinium na beira norte do río Támese. A antiga vila desenvolveuse preto da primeira ponte de Londres feita de madeira polos romanos e que lles permitía atravesar o río.

O primeiro asentamento de Londres durou preto de dezasete anos. Ao redor do ano 61 d. C., a tribo celta dos icenos dirixida pola raíña Boadicea asaltou o poboado, reducíndoo a cinzas. A seguinte reencarnación da cidade prosperou e substituíu a Colchester como a capital da provincia romana de Britania ao redor do ano 100 d. C. No cumio do seu apoxeo, no século II, Londres tiña unha poboación de 60.000 habitantes. Porén, no século III, a poboación da cidade comezou a minguar debido a que as tropas asentadas na cidade foran enviadas ao continente para atallar os problemas do Imperio Romano. Nos seguintes séculos o descenso da poboación foi continuado, ficando a cidade abandonada no século V[7].

Os Anglosaxóns

No ano 600 os Anglosaxóns volveron crear un novo asentamento chamado Lundenwic a 1 km da antiga cidade romana, preto do que hoxe é Covent Garden[8]. Probablemente houbo un porto dedicado á pesca e ao comercio na foz do río Fleet. O comercio da cidade medrou paseniñamente ata o ataque do 851, cando as defensas da cidade foron apancadas por unha grande invasión viquinga que destruíu a cidade. Trala ocupación viquinga, o novo rei Alfredo o Grande, estableceu a paz e mudou a vila para dentro das murallas da antiga Londres romana sendo chamada Ealdwic ("old city" ou "cidade vella"), nome que sobreviviu ata a actualidade como Aldwych.

Máis adiante, baixo o control de varios reis ingleses, volveu prosperar como centro político e comercial. Porén, as invasións dos viquingos volveron a finais do século X, chegando ao seu máximo no ano 1013 cando a cidade foi sitiada polo rei Canuto de Dinamarca quen forzou ao rei Ethelred o Indeciso a deixar o trono. Nun ataque de represalia, as tropas de Ethelred conseguiron a vitoria botando abaixo a Ponte de Londres e restablecendo de novo o control inglés.

O rei Canuto II volveu ter o control do trono inglés en 1017, controlando a cidade de Londres e o país ata 1042, ano no que a súa morte devolveu o trono aos anglosaxóns baixo o goberno de Eduardo o Confesor, quen refundou a Abadía de Westminster e o adxacente Palacio de Westminster. Nese tempo, London convertérase na maior e máis próspera cidade de Inglaterra, a pesar de que a sede oficial do goberno seguía atopándose en Winchester[9].

O Londres normando e medieval

Tower of london from swissre
Torre de Londres dende o ceo ao carón da ponte do mesmo nome.
Great Fire London
O grande lume de 1666 destruíu unha grande parte da cidade.
LondonBombedWWII full
Rúa atacada polo Blitz durante a Segunda Guerra Mundial.

Logo do triunfo na batalla de Hastings, Guillerme I, naquel tempo Duque de Normandía, foi coroado rei de Inglaterra na recentemente inaugurada Abadía de Westminster o día do Nadal do ano 1066. Guillerme garantiu aos cidadáns de Londres especiais privilexios, ao mesmo tempo que construíu un castelo no sueste da cidade para mantelos baixo control. Este castelo sería ampliado e modificado por reis vindeiros ata dar o que hoxe é coñecido como Torre de Londres, servindo primeiro como residencia real e máis adiante como cárcere.

No ano 1097, Guillerme II comezou a construción do Westminster Hall, preto da abadía do mesmo nome. A residencia serviu de base ao futuro Palacio de Westminster, a que foi a principal residencia da monarquía durante a Idade Media. Westminster converteuse na sede da corte real e do goberno (persistindo na actualidade), mentres a súa veciña, a cidade de Londres, era o centro da industria e do comercio, xermolando baixo a súa propia administración, a Corporación de Londres. Continxentemente, as vilas adxacentes medraron xuntas ata formar as bases do actual centro de Londres, a pesar de que Winchester seguiu persistindo como capital de Inglaterra ata o século XII.

Londres continuou medrando en riqueza e poboación durante a Idade Media. No ano 1100 a poboación da cidade roldaba os 18.000 habitantes, no ano 1300 a cidade xa chegara aos 100.000[7]. Con todo, a peste negra devastou preto dun terzo da poboación de Londres a mediados do século XIV. Sen contar a revolta campesiña de 1381, Londres permaneceu relativamente en paz durante as guerras civís acontecidas en Inglaterra ao longo da Idade Media, coma a Guerra das dúas rosas.

Tralo exitoso triunfo contra a Armada Invencible en 1588, a estabilidade política en Inglaterra, permitiu a Londres medrar aínda máis. En 1603, Xacobe VI de Escocia converteuse no rei de Inglaterra, unindo esencialmente os dous países. A súa promulgación de leis anticatólicas fixérono impopular ata o punto de que o 5 de novembro de 1605 produciuse un intento de asasinato na capital inglesa, a famosa Conspiración da pólvora.

Durante o século XVII as pragas causaron moitos problemas en Londres, culminando coa Gran praga acontecida entre 1665 e 1666 e que matou a máis de 75.000 persoas. Este foi o derradeiro brote que tivo lugar en Europa, posiblemente grazas ao gran lume de 1666. O gran lume de Londres orixinouse na cidade antiga, espallándose ao resto da cidade e queimando centos de vivendas feitas de madeira. As tarefas de reconstrución da cidade levaron máis de dez anos.

O Londres moderno

Co seu gran crecemento ao longo do século XVIII, Londres converteuse na maior cidade do mundo, posto que ocupou entre 1831 e 1925[10]. Este crecemento viuse en gran parte axudado pola creación en 1836 do primeiro ferrocarril, o que puxo en contacto Londres coas vilas do campo. A rede do ferrocarril espallouse rapidamente, axudando á cidade a medrar cara aos campos que a rodeaban, fusionándose á súa vez con vilas situadas preto de Londres como Kensington. O crecente tráfico que conxestionaba o centro da cidade fixo que se crease en 1863 o primeiro sistema de metro do mundo, que levou á cidade a unha maior expansión e urbanización. Grazas ao rápido crecemento, London converteuse nunha das primeiras cidades na historia en chegar ao millón de habitantes, e a primeira en chegar aos 5 millóns.

O goberno local de Londres tivo que loitar contra o rápido crecemento para ofrecer á cidade as infraestruturas axeitadas. Entre 1855 e 1889, a Metropolitan Board of Works supervisou os traballos de expansión, foi entón substituído polo County of London, o cal foi á súa vez substituído polo London County Council, a primeira administración da cidade elixida pola poboación.

O Blitz e outros bombardeos da Luftwaffe alemá durante a Segunda Guerra Mundial asasinaron a máis de 30.000 londinienses e esnaquizaron boa parte da paisaxe urbana de Londres[11]. Os traballos de reconstrución tiveron lugar nas décadas de 1950, 1960 e 1970, estes traballos caracterizáronse pola súa diversidade de estilos, consecuencia do cal Londres non posúe un estilo arquitectónico unido. En 1965 as fronteiras políticas de Londres espalláronse para incluír as crecentes áreas urbanas fóra do distrito de Londres. A nova área foi chamada Greater London ou Gran Londres e pasou a ser administrada polo Greater London Council.

Nas décadas vindeiras á Segunda Guerra Mundial, a cidade de Londres recibiu unha grande ondada de inmigrantes dos países da Commonwealth converténdose nunha das cidades máis diversas e multiculturais do continente europeo. A integración de todos estes novos habitantes non foi sempre doada, producíndose liortas, sobre todo nos distritos de Notting Hill e Brixton, aínda que estes enfrontamentos foron moito menores a outros acontecidos noutras cidades inglesas e doutras partes de Europa e de América.

Durante a década de 1980 e en diante produciuse unha reactivación de Londres como centro económico mundial. Con todo, como capital e maior cidade do Reino Unido, a cidade de Londres converteuse en obxectivo do terrorismo. Ata o cesamento do fogo en 1997, Londres foi obxectivo cotián das bombas do IRA que deste xeito buscaba amedrentar ao goberno británico co Sinn Féin para negociar na Irlanda do Norte.

Máis recentemente, unha serie de ataques bomba coordinados foron levados a cabo por extremistas islámicos suicidas na rede de transportes da cidade o 7 de xullo do 2005, tan só 24 horas despois de que Londres fora elixida sede dos Xogos Olímpicos do 2012[12]. Cos Xogos Olímpicos do 2012, Londres converteuse na primeira cidade do mundo en hospedar tres edicións dos xogos, despois da IV edición de 1908 e a XIV no ano 1948, e logo de que a XIII edición, que tamén se ía celebrar en Londres, fose suspendida debido á Segunda Guerra Mundial.

Demografía

Coa industrialización, a poboación de Londres medrou axiña entre os séculos XIX e XX, chegando a ser a cidade máis poboada da terra ata que Nova York a superou en 1925. Londres acadou o seu cumio de poboación no ano 1939 ao chegar aos 8 615 245 habitantes.

No ano 2005 segundo estimacións a cidade tiña unha poboación de 7 517 700 habitantes na súa área. Porén, a cidade expándese cara aos seus bordos (Gran Londres) chegando aos 8 278 251 habitantes. Londres é a maior cidade da Unión Europea e tamén posúe a maior área metropolitana.

Grupos étnicos

Habitantes segundo país
Reino Unido Reino Unido 5 230 155
India India 172.162
Irlanda Irlanda 157.285
Flag of Pakistan.svg Paquistán 120.900
Flag of Bangladesh.svg Bangladesh 84.565
Xamaica Xamaica 68.907
Níxer Níxer 66.311
Quenia Kenya 49.933
Flag of Sri Lanka.svg Sri Lanka 49.932
Ghana Ghana 46.513
Chipre Chipre 45.888
Sudáfrica Suráfrica 45.506
Estados Unidos de América Estados Unidos 44.622
Australia Australia 41.488
Alemaña Alemaña 39.818
Turquía Turquía 39.128
Italia Italia 38.694
Flag of France.svg Francia 38.130
Somalia Somalia 33.831
Uganda Uganda 32.082
Nova Zelandia Nova Zelandia 27.494
Neasden Temple - Shree Swaminarayan Hindu Mandir - Power Plant
Templo hindú en Londres.

No censo do 2001 preguntouse aos cidadáns londinienses polo seu grupo étnico, o 71,15%, dos sete millóns e medio de persoas que habitan a cidade, clasificaron a súa raza como branca. Neste grupo atópanse os White British ou británicos brancos (59,79%), White Irish ou irlandeses brancos (3,07%) or Other White ou outros brancos (8,29%) —grupo no que se inclúen 180.000 gregos,[13] 100.000 italianos[14], ao redor de 300.000 polacos, uns 100.000 españois e outros individuos brancos de orixe europea, americana, suramericana, australiana, neozelandesa ou surafricana—. Un 12,09% dos londinienses clasifícase como British Asian ou asiático-británico, grupo nos que se atopan as persoas de orixe hindú, paquistaní, bangladeshí e Other Asian ou outros asiáticos (a maioría proveniente de países árabes ou do sueste asiático). Un 10,91 % da poboación de Londres clasificouse no censo como Black British ou negro británico (ao redor do 7 % de orixe africana, o 4,79 % de orixe caribeña, e o 0,84 % como Other Black ou outros negros). A poboación restante do censo clasificouse como de raza mixta nun 3,15 %; un 1,12% de raza chinesa, e un 1,58 % doutras razas (a maioría ten a súa orixe na América latina —estímase que 60.000 brasileiros residen en Londres[15], amais das nacionalidades filipina, xaponesa, coreana, vietnamita e ou doutras nacionalidades asiáticas). Aproximadamente un 21,8 % dos habitantes de Londres naceron fóra da Unión Europea. Os irlandeses da República de Irlanda e da Irlanda do Norte que habitan na cidade forman unha comunidade de 200.000 individuos, case o mesmo número que os escoceses e galeses que teñen a súa residencia na cidade.

En xaneiro do 2005, unha enquisa sobre a diversidade étnica e relixiosa de Londres amosou que na cidade se falaban máis de 300 linguas e que existían máis de 50 comunidades non indíxenas con máis de 10.000 individuos[16] A Office for National Statistics (Oficina para as estatísticas nacionais) publicou que no ano 2006 que 2 288 000 (31 %) dos habitantes da cidade non naceran nela, cifra moito maior cós 1 630 000 de 1997[17]. O censo do 2001 amosou que o 27,1 % da poboación do Gran Londres nacera fóra do Reino Unido, dos que unha gran parte non eran de raza branca[18].

Londres foi un foco de inmigración durante séculos, xa sexa pola busca de asilo ou por razóns económicas. Hugonotes, xudeus da Europa oriental e chipriotas son exemplos da primeira; irlandeses, hindús e bangladesís son exemplos das segundas.

Relixión

A principal relixión de Londres é o cristianismo, segundo o censo do 2001 o 58,2 % da poboación profésaa, principalmente pertencentes á Igrexa de Inglaterra e á Igrexa católica. Mais tamén, en termos relixiosos, Londres é fogar de numerosas comunidades musulmás, hindús, sikh, e xudías. Moitos musulmáns viven en Tower Hamlets e Newham; o edificio musulmán máis importante é a London Central Mosque no Regent's Park. A comunidade hindú máis importante atopase no noroeste en Harrow e Brent; na última atópase un dos maiores templos hindús de Europa o Neasden Temple. As comunidades Sikh localízanse no Oeste e Leste de Londres , que é o fogar dun dos maiores templos Sikh do mundo. A maioría dos Xudeus Británicos viven en Londres, con grandes comunidades xudías en Stamford Hill (a maior área Xudía Ortodoxa fóra de Nova York e Israel), e Golders Green no norte da cidade.

Economía

London.bankofengland.arp
O Banco de Inglaterra, é o banco central do Reino Unido
Canary.wharf.from.thames.arp
Rañaceos do distrito financeiro de Canary Wharf na Illa de Dogs
Bishopsgate2
Distrito financeiro de Londres

Londres é un dos principais centros de negocios internacionais, sendo considerado un dos catro "centros do mando" da economía mundial (detrás de Nova York, Tokio e París).

Como a segunda maior cidade económica europea, ano por ano, a economía de Londres xera aproximadamente o 19% do GDP do Reino Unido (IB). A área metropolitana de Londres xerou aproximadamente o 30% do PIB do Reino Unido no ano 2005.

O éxito de Londres como unha industria de servizo e centro de negocios pode ser atribuído a múltiples factores. O feito de que o inglés sexa a nova lingua franca, a súa posición como a capital do Imperio Británico, a súa relación próxima cos Estados Unidos e varios países de Asia. A lei inglesa é a máis importante e a máis empregada nos negocios internacionais, a infraestrutura multicultural (colexios, lugares de traballo, organizacións culturais e sociais), relativamente baixos impostos, particularmente para estranxeiros, un ambiente de negocios amigable (por exemplo, na Cidade de Londres o goberno local non é elixido pola poboación residente senón polos negocios, a Cidade de Londres é logo, unha especie de Democracia Financeira), tamén inflúen a súa boa infraestrutura de transporte, á súa industria aérea e á economía regulada con pouca intervención do goberno.

Sobre o 85% (3,2 millóns) da poboación empregada no Gran Londres traballa en servizos de industrias. Outro medio millón de empregados residentes na zona traballan no mantemento e a construción, case divididos igualitariamente entre os dous.

Londres ten cinco distritos financeiros principais, The City, Westminster, Canary Wharf, Camden, Islington, Lamberth e Southwark.

As exportacións financeiras fan un gran favor á balanza de pagamentos do Reino Unido, unhas 300.000 persoas están empregadas en servizos financeiros en Londres. Londres ten máis de 480 bancos, máis que ningunha outra cidade no mundo. A Stock Exchange é a maior do mundo en intercambio de accións, máis grande que Nova York e Tokio unidos. Ten unha transferencia diaria que supera os 683 billóns de dólares.

O turismo é unha das principais fontes e os empregados chegaron a ser 35.000 con xornada completa en Londres no 2003. Londres é un destino popular para os turistas, atraendo 27 millóns cada ano, só excedido por París no continente europeo.

Monumentos de Londres

Noria en Londres
London Eye á beira do río, en Londres

Cidades irmás

Cidades socias (en inglés Partner cities)

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para londiniense.
  2. Elcock, Howard (1994). Local Government: Policy and Management in Local Authorities. Routledge. p. 368. ISBN 978-0-415-10167-7.
  3. Jones, Bill; Kavanagh, Dennis; Moran, Michael; Norton, Philip (2007). Politics UK. Pearson Education. p. 868. ISBN 978-1-4058-2411-8.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Mills, David (22 de febreiro de 2001). Dictionary of London Place Names. Oxford Paperbacks. ISBN 978-0192801067. OCLC 45406491.
  5. Ackroyd, Peter (2 de decembro de 2001). "'London'". New York Times. ISBN 978-0-7011-7279-4. Consultado o 2 de febreiro de 2013.
  6. Coates, Richard (1998). "A new explanation of the name of London". Transactions of the Philological Society 96 (2): 203–229. doi:10.1111/1467-968X.00027. Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2011. Consultado o 17 de maio de 2013.
  7. 7,0 7,1 "Historical Overview of London Population", en London Online (en inglés).
  8. "Moving to London Relocation Guide" Arquivado 23 de febreiro de 2008 en Wayback Machine., artigo en Gateways Moving (en inglés).
  9. http://www.gatewaysmoving.com/about_moving_to_london_england_uk.htm Arquivado 23 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. en inglés
  10. "Largest Cities Through History ", artigo de Matt T. Rosenberg en About.com (en inglés).
  11. "The Blitz", artigo de Peter N. Risbey (2002) (en inglés).
  12. "Londres acaba co soño olímpico de Madrid 2012" Arquivado 12/03/2016, en Wayback Machine., artigo de Alejandro Posilio en La Voz de Galicia, 6 de xullo de 2005.
  13. "Greek London", artigo da BBC, xullo de 2008 (en inglés).
  14. "Italy", apartado en Born Abroad. An inmigration map of Britain, na web da BBC (en inglés).
  15. "Brazilian London", artigo da BBC, maio de 2008 (en inglés).
  16. http://www.guardian.co.uk/britain/article/0,2763,1395534,00.html en inglés
  17. http://www.thisislondon.co.uk/news/article-23374397-details/%27One-third+of+Londoners+born+outside+Britain%27/article.do Arquivado 09 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine. en inglés
  18. http://www.statistics.gov.uk/census2001/profiles/H-A.asp Office for national Statistics en inglés

Véxase tamén

Bibliografía

  • Ackroyd, Peter (2001). London: The Biography. London: Vintage. p. 880. ISBN 978-0-09-942258-7.
  • Mills, David (2001). Dictionary of London Place Names. Oxford Paperbacks. ISBN 978-0-19-280106-7. OCLC 45406491.

Ligazóns externas

Actor

Un actor ou unha actriz, é unha persoa que representa un papel nunha obra teatral, cinematográfica, radiofónica ou televisiva. O primeiro actor do que se ten noticias foi o grego Tespo que actuou no Teatro Dionisio no 534 a.C. e que narrou a historia en primeira persoa, ata entón as historias que se narraban contábanse en terceira persoa.

No século XX, os actores eran professionais da súa materia e formados en arte dramática. Coa aparición do cinema, o número de actores de sona multiplicouse.

Aeroporto de Londres-Gatwick

O Aeroporto de Londres–Gatwick (IATA: LGW, OACI: EGKK) é un aeroporto internacional situado a 5 km do centro de Crawley, no condado de West Sussex, e a 47,5 km do centro de Londres. Trátase do segundo aeroporto máis grande de Londres e o segundo máis ocupado (por tráfico aéreo) do Reino Unido (logo de Heathrow). Gatwick é o principal aeroporto europeo para os voos de punto-a-punto e ten a pista dun só uso máis activa do mundo, cun máximo de 55 movementos de aeronaves por hora. As súas dúas terminais (Norte e Sur) ocupan unha superficie de 98 000 m² e 16 000 m² respectivamente. En 2013, 35,4 millóns de pasaxeiros pasaron polo aeroporto.

Aeroporto de Londres-Heathrow

O Aeroporto Internacional de Heathrow (IATA: LHR, OACI: EGLL), comunmente coñecido só como Heathrow, é o aeroporto con maior actividade e conexións no Reino Unido.

No ano 2003, recibiu máis tráfico internacional de pasaxeiros que calquera outro aeroporto no mundo. Ademais, ese mesmo ano, foi o aeroporto con maior actividade en Europa respecto ao tráfico total de pasaxeiros (un 31,5% máis de pasaxeiros que o Aeroporto Charles de Gaulle de París ou o Aeroporto de Frankfurt), pero estivo en segundo lugar (tras o Aeroporto Charles de Gaulle) respecto dos movementos de aeronaves (un 10% menos que o aeroporto francés) e foi terceiro respecto ao tráfico de carga.

O Aeroporto de Heathrow atópase en Heathrow, no distrito de Hillingdon, na área oeste de Londres.

Aeroporto de Londres-Stansted

O Aeroporto de Londres–Stansted (IATA: STN, OACI: EGSS) é un aeroporto internacional situado en Stansted Mountfitchet, no distrito de Uttlesford do condado de Essex, en Inglaterra. Está a 48 km do centro de Londres e a 1,5 km do límite con Hertfordshire.

Stansted é unha base para un gran número de compañías de baixo custo europeas, sendo a maior base para a compañía de baixo custo Ryanair, con máis de 100 destinos operados pola aeroliña. En 2013 foi o cuarto aeroporto máis ocupado do Reino Unido, despois de Heathrow, Gatwick e Manchester. A pista de Stansted é tamén utilizada por empresas privadas, como a terminal de Harrods Aviation que se atopa fronte ao edificio principal da terminal e ocúpase de jets privados e algunhas visitas de estado.

O aeroporto é propiedade e está operado por Manchester Airports Group (MAG), que tamén é propietaria e opera outros tres aeroportos no Reino Unido.

Aeroporto de Ámsterdam-Schiphol

O aeroporto de Ámsterdam-Shiphol (IATA: AMS, ICAO: EHAM), en neerlandés Luchthaven Schiphol e en inglés Amsterdam Airport Schiphol (pronuncia [ˈsxɪpɦɔl]) é o maior aeroporto de Holanda e o quinto da Unión Europea por número de viaxeiros, 54 millóns en 2014. Shiphol está situado a 15 km de Ámsterdam e comunicado coa cidade por autoestrada (E19), trens rexionais (baixo o aeroporto está a estación de tren con ligazón coa estación de Amsterdam Centraal), autobuses e taxis. Ten vos directos dende o Aeroporto da Lavacolla.

Schiphol é centro de conexión para KLM e a súa afiliada rexional KLM Cityhopper, ademais de para Corendon Dutch Airlines, Martinair, Transavia e TUI fly Netherlands. O aeroporto tamén serve como centro de conexións europeo para Delta Air Lines e como base para easyJet, Small Planet Airlines e Vueling.

Cidade

A cidade é actualmente considerada como unha entidade urbana con alta densidade de poboación na que predominan fundamentalmente a industria e os servizos. Diferénciase doutras entidades urbanas por diversos criterios, entre os que se inclúen poboación, densidade de poboación ou estatuto legal, aínda que a súa distinción varía entre países.

Historicamente os habitantes das cidades foron unha proporción pequena da humanidade en xeral, mais hoxe, despois de varios séculos de urbanización sen precedentes e acelerada, a metade da poboación mundial vive nas cidades. As cidades actuais normalmente forman o núcleo de grandes áreas metropolitanas e áreas urbanas, creando numerosos desprazamentos diarios cara ó centro das cidades para traballar, divertirse, ou estudar.

A cidade máis poboada é Shanghai mentres que as áreas metropolitanas máis grandes tamén inclúen a Área do Gran Tokio e Iabotabek (Jakarta). As cidades de Faiyum, Damasco, e Varanasi son das cidades habitadas máis continuamente no mundo.

Coordenadas xeográficas

O Sistema de Coordenadas Xeográficas expresa todas as posicións sobre a Terra usando dúas das tres coordenadas dun sistema de coordenadas esféricas que está aliñado co eixo de rotación da Terra. Este define dous ángulos medidos desde o centro da Terra:

A latitude mide o ángulo entre calquera punto e o ecuador. As liñas de latitude chámanse paralelos e son círculos paralelos ao ecuador na superficie da Terra.

A lonxitude mide o ángulo ao longo do ecuador desde calquera punto da Terra. Acéptase que Greenwich en Londres é a lonxitude 0 na maioría das sociedades modernas. As liñas de lonxitude son círculos máximos que pasan polos polos e chámanse meridianos.O ecuador é un elemento importante deste sistema de coordenadas; representa o cero dos ángulos de latitude e o punto medio entre os polos. É o plano fundamental do sistema de coordenadas xeográficas.

Gran Bretaña

Gran Bretaña é a maior illa de Europa, situada no noroeste deste continente, entre o mar do Norte, o Golfo de Irlanda e o Canal da Mancha.

Inglaterra

Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda. A súa capital é Londres, a maior área urbana do Reino Unido e unha das maiores da Unión Europea.

Inglaterra converteuse nun estado unificado no ano 927 e toma o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas asentadas no sur da illa durante os séculos quinto e sexto. Inglaterra tivo, e segue a ter, un impacto cultural e legal ao redor de todo o mundo, sendo o lugar de orixe da lingua inglesa, da Igrexa Anglicana e do Dereito Inglés, o cal puxo as bases do Dereito nos sistemas legais da maioría dos países do mundo. Ademais, en Inglaterra naceu a Revolución Industrial sendo o primeiro país do mundo en acadar a industrialización.

Nela atópase a Royal Society, a cal mantén fundacións da ciencia moderna experimental. Inglaterra ten a democracia parlamentaria máis antiga do mundo, polo tanto, moitas innovacións constitucionais, gobernamentais e legais, que teñen a súa orixe en Inglaterra, foron posteriormente adoitadas por outras nacións.

O Reino de Inglaterra (incluíndo Gales) continuou como un estado independente ate o 1 de maio de 1707, cando mediante a Lei de Unión, levando a cabo os termos acordados no Tratado de Unión o ano anterior, rematou en unión política co Reino de Escocia para crearen o Reino Unido de Gran Bretaña.

John Edward Gray

John Edward Gray, nado en Walsall o 12 de febreiro de 1800 e finado en Londres o 7 de marzo de 1875, foi un importante naturalista, botánico, zoólogo e micólogo inglés.

Madrid

Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.233.527 habitantes (INE 2012) é a cidade máis grande e poboada do país e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea. A súa área metropolitana, de 6.043.031 habitantes, é a terceira área urbana máis poboada da Unión Europea, por detrás das de Londres e Berlín.

Como capital do Estado, Madrid alberga as sedes do Goberno, Cortes Xerais, Ministerios, Institucións e Organismos asociados, así como a residencia oficial dos reis de España. No plano económico, Madrid é a cuarta cidade máis rica de Europa, tras Londres, París e Moscova. É o principal centro financeiro e empresarial de España, actualmente, o 50,1% dos ingresos das 5.000 principais empresas españolas son xerados por sociedades con sede social en Madrid, as cales representan o 31,8% delas. É sede do principal mercado de valores do país, e de varias das máis grandes corporacións do mundo.

Nacida a partir do asentamento fortificado hispanomusulmán de Maǧrīţ, conquistado por Afonso VI de León e Castela en 1083, a vila foi designada en 1561 como sede da corte de Filipe II, sendo a primeira capital permanente da monarquía española. Desde entón, salvo un breve intervalo de tempo entre 1601 e 1606 no que a capitalidade pasou temporalmente a Valladolid, Madrid foi a capital de España e sede do Goberno da Nación.

Museo Británico

O Museo Británico (en inglés: British Museum) é un museo sobre a cultura e historia humana situado en de Londres (Inglaterra). A súas coleccións, constituídas por máis de 13 millóns de obxectos, atópanse entre as maiores e máis detalladas do mundo, formadas por obxectos de tódolos continentes que ilustran e documentan a historia da cultura dende a os seus comezos ata a actualidade.

O Museo Británico foi inaugurado en 1753. Nun primeiro momento, o museo estaba formado principalmente polas coleccións do físico e científico británico Sir Hans Sloane. O museo abriu por primeira vez ao público o 15 de xaneiro de 1759 na Casa Montagu (Montagu House), Bloomsbury, no mesmo emprazamento no que se atopa hoxe en día o museo. A expansión do museo ao longo do tempo deu lugar á creación de diferentes institucións relacionadas co Museo Británico como son o Museo Británico de Historia Natural (British Museum of Natural History) creado en South Kensington en 1887. Ata 1997, cando a actual edificio da Biblioteca Británica (British Library) abriu ao público, O Museo Británico era o único museo do mundo que posuía unha biblioteca e un museo nacional de antigüidades nun só edificio. Dende o 2001 o director do museo é Neil MacGregor.

Coma outros museos nacionais e galerías de arte do Reino Unido, a entrado do museo é de balde, aínda que hai que pagar por algunhas exposicións temporais.

National Portrait Gallery

A National Portrait Gallery (en galego: Galería Nacional de Retratos) é un dos museos máis famosos de Londres. Non debe confundirse coa National Portrait Gallery de Washington, Estados Unidos.

A súa colección está formada por retratos de personaxes destacados da historia; o edificio está construído xusto detrás da National Gallery.

Reino Unido

O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda. Á parte desta fronteira, o Reino Unido está rodeado ao norte e ao oeste polo océano Atlántico, ao leste polo Mar do Norte, ao sur polo Canle da Mancha e ao oeste polo mar de Irlanda. A illa máis grande, Gran Bretaña, está unida a Francia polo Eurotúnel.

O Reino Unido é unha monarquía parlamentaria comprendida por catro países constituíntes; Escocia, Inglaterra, Irlanda do Norte e Gales; que teñen como xefe de Estado á raíña Sabela II. As Dependencias da Coroa das Illas da Canle e a Illa de Man non forman parte do Reino Unido, pero si forman unha federación con el. O Reino Unido ten catorce Territorios de Ultramar, todos eles vestixios do que foi o Imperio Británico, que na súa cúspide territorial chegou a abranguer preto dun cuarto da superficie terrestre do planeta. É un país desenvolvido e polo volume neto do seu produto interno bruto é considerado como a quinta economía a nivel mundial.

O país foi a principal potencia mundial durante o século XIX e o comezo do século XX, pero o custo económico das dúas guerras mundiais e o declive do seu imperio na segunda parte do século XX diminuíron o seu rol de líder nas relacións internacionais. Con todo, o Reino Unido mantén unha significativa influencia económica, cultural, militar e política e é unha potencia nuclear. Ademais, é un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas con dereito a veto, e é membro do G8, a OTAN, a Unión Europea (agora en proceso de saída. Véxase: Brexit) e a Mancomunidade Británica de Nacións.

Tate

Tate é o museo nacional de arte moderna do Reino Unido acollido principalmente na cidade de Londres. Comprende catro galerías: Tate Britain (aberta en 1897), Tate Liverpool (1988), Tate St Ives (1993) e Tate Modern (2000), coa aínda a galería online, Tate Online (1998). Foi fundada orixinalmente co nome de National Gallery of British Art e renomeada tras Henry Tate fundar un edificio especialmente para ela en Millbank, Londres.

The Guardian

The Guardian é un xornal británico propiedade de Guardian Media Group. Publícase de luns a sábado en formato Berliner. Ata 1959 foi chamado The Manchester Guardian, reflectindo as súas orixes locais. O xornal aínda segue sendo coñecido por este nome especialmente en América do Norte, aínda que ten a súa base en Londres desde 1964 (con servizos de imprenta tanto en Manchester como en Londres).

As editorais deste xornal adoitan ser normalmente de tendencias esquerdistas. Unha enquisa feita polo grupo MORI entre abril e xuño do 2000 mostrou que o 80% dos lectores de The Guardian eran votantes do partido Laborista. De acordo con outra enquisa feita en 2004, o 44% dos lectores deste xornal votaron ao partido laborista e un 37% aos liberal demócratasFoi o primeiro xornal británico en imprimir en formato Berliner. En novembro de 2005 The Guardian tivo unha media de 378.618 exemplares vendidos, comparado cos 904.955 exemplares de Daily Telegraph, os 692.581 de The Times e 261.193 de The Independent

O xornal coñécese ás veces como "The Grauniad" como resultado de frecuentes erros tipográficos.

William Bradford Shockley

William Bradford Shockley, nado en Londres o 13 de febreiro de 1910 e finado en Stanford (California) o 12 de agosto de 1989, foi un físico estadounidense, galardoado co Premio Nobel de Física no ano 1956.

William Shakespeare

William Shakesperare, nado en Stratford-upon-Avon, bautizado o 26 de abril de 1564, e finado o 23 de abril de 1616, foi un poeta e dramaturgo inglés, considerado desde hai tempo por moitos como o meirande escritor en lingua inglesa e un dos máis célebres da literatura universal. A súa obra é tal que moitas das súas personaxes aínda son obxecto de cuantiosos estudos. Unha das características máis salientables da mesma é a profunda e complexa definición psicolóxica das súas personaxes.

Xogos Olímpicos de 2012

Os Xogos Olímpicos de 2012, correspondentes aos Xogos da XXX Olimpíada, tiveron lugar en Londres entre o 27 de xullo e o 12 de agosto de 2012.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.