Logos

Logos (en grego λóγος -lôgos- ) significa: a palabra en canto meditada, reflexionada ou razoada, é dicir: "razoamento", "argumentación", "fala" ou "discurso". Tamén pode ser entendido como: "intelixencia", "pensamento", "senso", a palabra grega λóγος -lôgos- foi e adoita ser traducida en linguas romances como Verbo (do latín : Verbum).

É un dos tres modos de persuasión na retórica (xunto co ethos e o pathos), segundo a filosofía de Aristóteles.

Logos

Definicións

Significado filosófico

Heráclito utiliza esta palabra na súa teoría do ser, dicindo: "Non a min, senón escoitando ao logos, é sabio dicir xunto a el que todo é un." Tomando logos como a grande unidade da realidade, seica O real, Heráclito pide que a escoitemos, é dicir, que esperemos que ela se manifeste soa en lugar de oprimir.

O ser de Heráclito, entendido como logos, é a Intelixencia que dirixe, ordena e dá harmonía ao devir dos cambios que se producen na guerra que é a existencia mesma. Trátase dunha intelixencia substancial, presente en todas as cousas. Cando un ente perde o sentido da súa existencia apártase do Logos.

Significado psicolóxico

En logoterapia, a terceira escola vienesa de psicoloxía -despois do psicanálise de Sigmund Freud e da Psicoloxía Individual de Adler- desenvolvida por Frankl, a procura do logos (neste caso: "sentido da existencia") é o centro do traballo existencial e terapéutico para atopar o senso e o significado que orientan a praxe do ser humano.

Significado teolóxico

No prólogo do Evanxeo de Xoán, menciónase ao Λóγος, identificándoo como á persoa espiritual con Deus no principio da creación. Xoán 1:1 di:

Moitas interpretacións xurdiron en torno ao significado do Logos neste versículo. Algúns relacionárono co Logos da filosofía grega e a xudeohelenística de Filón de Alexandría quen precisamente utiliza -antes do século I- a palabra grega Λógos para significar a sabedoría e, especialmente, a razón inherente a Deus, logo do século I e a partir do Evanxeo segundo Xoán Λóγος (traducido ao latín como Verbum) obtén unha significación cristiá. Os gnósticos inclináronse máis polo primeiro compoñente. Os cristiáns apoloxistas do século II, vían nel ao Fillo de Deus, pero algúns como Tertuliano, diferenciaban entre o Logos como atributo interno en Deus, e outro o Logos que procreou Deus, que se tornaría nunha persoa. Outros teólogos entendíano ontoloxicamente como "a razón de Deus" e inseparable del. Os que se opuñan a esta visión alegaban que ao Logos predícaselle sen artigo definido en grego, e isto indicaría para algunhas opinións que este Logos era un "segundo Deus"(δευτερος θεος) (véxase Oríxenes de Alexandría[1]), pero non o Deus Todopoderoso, O Deus (ou θεος), que leva artigo definido.

O Logos é interpretado como aquilo que existía desde o principio (αρχη/arkhé) con Deus (con maiúscula, porque é o nome propio). A palabra admite máis de trinta acepcións, no entanto e segundo santo Agostiño antes da existencia da creación non existía o tempo, o que converte á Razón na enerxía do Universo.

Notas

  1. Soler, Fernando (2014). "Acercamientos al vocablo λόγος en el Comentario a Juan de Orígenes". Teología y Vida 55 (2): 287–299.
Antropoloxía

A antropoloxía (do grego ἄνθρωπος e λόγος, anthropos logos, «coñecemento do ser humano») é a ciencia social que estuda todas as dimensións do ser humano de forma similar á socioloxía, pero holisticamente. Principalmente enfocada desde a cultura e por medio do método etnográfico como expoñente clásico.

A antropoloxía nace coma unha rama da filosofía que nas súas orixes se dedicaba ao estudo científico da historia. Ao impoñerse na cultura occidental o método científico, diversos autores pensaron que os fenómenos históricos tamén podían acharse gobernados por leis que podían pescudarse, enunciarse e ser utilizadas para a predición de resultados. Así mesmo coincide o seu desenvolvemento inicial co proceso de colonización europeo e a necesidade do estudo e descrición das sociedades non occidentais en América, Asia, Oceanía e África. Esta concepción abandónase durante o século XX, entendéndose actualmente por antropoloxía, segundo Marvin Harris, "o estudo da humanidade, dos pobos antigos e modernos e dos seus estilos de vida".

Arqueoloxía

A arqueoloxía é a ciencia que estuda as artes, monumentos e obxectos da antigüidade, especialmente a través dos seus restos. O nome ven do grego ἀρχαιολογία (transliteración: archaios), "vello" ou "antigo", e logos, "ciencia", "saber".

A arqueoloxía é unha disciplina dedicada ó estudo de culturas humanas pasadas. A maioría dos primeiros arqueólogos, que aplicaron a orixe da súa disciplina ós estudos dos anticuarios, definiron a arqueoloxía como o "estudo sistemático dos restos materiais da vida humana xa desaparecida"; outros arqueólogos fixeron énfase en aspectos psicolóxico-condutistas e definiron a arqueoloxía como "a reconstrución da vida dos pobos antigos".

Nalgúns países a arqueoloxía ten sido considerada sempre como unha disciplina pertencente á antropoloxía; mentres que esta se centraba no estudo das culturas humanas, a arqueoloxía dedicábase ó estudo das manifestacións materiais destas. Deste xeito, en tanto que as antigas xeracións de arqueólogos estudaban un antigo instrumento de cerámica como un elemento cronolóxico que axudaría a poñerlle unha data á cultura que era obxecto de estudo, ou sinxelamente como un obxecto cun certo valor estético, os antropólogos verían o mesmo obxecto como un instrumento que lles serviría para comprender o pensamento, os valores e a cultura de quen o fabricou.

A investigación arqueolóxica estivo relacionada fundamentalmente á idade de pedra e á antigüidade; non obstante, durante as últimas décadas a metodoloxía arqueolóxica aplicouse a etapas máis recentes, como a Idade Media ou ó período industrial. Na actualidade, os arqueólogos dedican ocasionalmente a súa atención a materiais actuais, investigan residuos urbanos, o que se coñece como arqueoloxía industrial.

Sendo a un tempo tanto humanística como científica, a arqueoloxía é unha disciplina académica realmente interdisciplinar. Entre as técnicas analíticas empregadas destacan aquelas que buscan datar os restos do pasado, como a datación por Carbono-14 ou a datación por termoluminiscencia.

Astrobioloxía

A astrobioloxía é un campo de estudo interdisciplinar que combina aspectos da astronomía, bioloxía e xeoloxía, e que está enfocado principalmente ao estudo da orixe, distribución e evolución da vida en astros diferentes da Terra e no espazo en xeral. Provén das palabras gregas astron = estrela, bios =vida e logos= palabra/ciencia, e é tamén coñecido como exobioloxía (grego: exo = fóra) ou xenobioloxía (grego: xenos = foráneo).

Algúns dos máis importantes temas de investigación astrobiolóxica inclúen:

Que é a vida?

Como apareceu a vida na Terra?

Que clase de medio pode tolerar a vida?

Como podemos determinar se a vida existe noutros planetas?Pouco a pouco, tense comprobado que determinados organismos poden resistir as condicións ambientais no medio interplanetario, facendo máis verosímil a teoría da panspermia.Exobioloxía e xenobioloxía son termos tamén habituais na ciencia ficción, aínda que tipicamente eses termos refírense á bioloxía especulativa dun extraterrestre.

Epistemoloxía

A epistemoloxía (do grego, ἐπιστήμη (epistéme), "coñecemento"; λόγος (logos) , "teoría") é unha rama da filosofía que trata sobre os problemas filosóficos relacionados coa teoría do coñecemento.

Etoloxía

A etoloxía (do grego ήθος, ēthos, "temperamento", "carácter", "costume" e λόγος, logos, "tratado") é a rama da bioloxía que estuda o comportamento dos animais no medio natural.

Aínda que moitos naturalistas estudaron diversos aspectos do comportamento animal a través dos séculos, considérase que a disciplina moderna da etoloxía se presentou co traballo nos anos 60 do biólogo holandés Nikolaas Tinbergen e do biólogo austríaco Konrad Lorenz, ambos gañadores do Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1973. A etoloxía combina a investigación de laboratorio e a de campo, con estreitos lazos a outras disciplinas - por exemplo, neuroanatomía, ecoloxía, evolución. Os etólogos amosan un maior interese por un determinado proceso de comportamento que nun grupo animal en particular e a miúdo adoitan estudar un tipo de comportamento (por exemplo, a agresividade) en diversidade de animais sen relación.

Filoloxía

Denomínase filoloxía á parte da lingüística dedicada ó estudo dos textos, tanto na súa vertente etimolóxica, lexicolóxica, gramática histórica e literaria coma de conservación e restauración física das obras (inda que agora se adoita utilizar para este eido o nome de Biblioteconomía e Restauración). Se ben a súa etimoloxía indica que debería significar "afección ó coñecemento" en xeral (de filo- e mais -logos), en realidade redúcese ó coñecemento lingüístico. Aplícase por extensión a todo o coñecemento lingüístico, e polo tanto as carreiras chamadas antigamente de "Filosofía e Letras" e logo "Lingua e Literatura" dunha determinada lingua véñense chamando "Filoloxía" desa lingua.

Hidroloxía

Denomínase hidroloxía (do grego ὕδωρ (hidro): auga, e λόγos (logos): estudo) á ciencia xeográfica que se dedica ó estudo da distribución, espacial e temporal, e as propiedades da auga presente na atmosfera e na codia terrestre. Isto inclúe as precipitacións, as escorras, a humidade do solo, a evapotranspiración e o equilibrio das masas glaciares. Por outra banda, o estudo das augas subterráneas corresponde á hidroxeoloxía.

Logorama

Logorama é unha curtametraxe francés de animación escrita e dirixida por H5/François Alaux, Hervé de Crécy e Ludovic Houplain, e producida por Autour de Minuit. O filme representa unha historia ambientada nos Ánxeles, e faino a través de máis de 2,500 logos e mascotas de marcas contemporáneos e históricos. Gañou o Prix Kodak no Festival de Cine de Cannes de 2009 e o Oscar á mellor curtametraxe animada na 82ª edición dos premios.

Logos (revista)

Logos, subtitulada Boletín católico mensual, foi unha revista mensual editada en Pontevedra entre 1931 e 1936.

Meteoroloxía

A meteoroloxía (do grego μετέωρο, meteoro, "partículas en suspensión no alto do ceo" e λόγος, logos, "coñecemento, discurso") é unha ciencia de tipo interdisciplinar que parte da física, da química e da matemática para estudar o clima e os fenómenos atmosféricos, tales como as nubes, as depresións e as precipitacións, para comprender como se forman e evolucionan.

A meteoroloxía é unha disciplina que utiliza principalmente a mecánica dos fluídos, aplicada ó aire, pero tamén outras ramas da física, así como da química e a matemática.

Mitoloxía

A mitoloxía é o conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión, e que explican a súa natureza, a súa historia e os seus costumes.Como unha colección de historias, a mitoloxía é unha parte vital de calquera cultura. Existen varias orixes dos mitos, como a personificación da natureza, a personificación e explicación de fenómenos ou a esaxeración de feitos históricos. Malia que o termo é complexo polo seu significado implícito, o proceso de creación dunha mitoloxía non se adscribe só a prácticas primitivas, senón que abrangue tamén historias contemporáneas, lendas urbanas e os mitos ficticios creados por novelas e banda deseñada de fantasía. A mitoloxía dunha cultura colectiva axuda a xerar identidade e pertenza de grupo, compartir experiencias relixiosas, modelos de comportamento e aprender leccións de moral.

O estudo dos mitos data da antigüidade. As clasificacións dos mitos gregos de Evémero, o Fedro de Platón, e Sallustius foron desenvolvidas polos neoplatonistas e revividos polos mitógrafos do Renacemento. A mitoloxía comparada do século XIX reinterpretou o mito como unha contraparte primitiva e errada da ciencia (E. B. Tylor), a "disease of language" (Max Müller), ou unha malinterpretación do rito máxico (James Frazer).

Algunhas teorías actuais rexeitaron o conflito entre o valor do mito e do pensamento racional, vendo os mitos, mais que inexactos feitos históricos, como expresións para un entendemento xeral das verdades psicolóxicas, culturais e sociais.

Oftalmoloxía

A oftalmoloxía (do grego ofthalmos "ollo" e logos "estudo") é a especialidade médica que estuda as enfermidades do ollo e os seus tratamentos, así como ó coidado e mantemento da vista. Como disciplina, tamén é aplicada na veterinaria, xa que as diferenzas entre os ollos humanos e os do resto dos animais adoitan estar relacionadas coa anatomía, non cos procesos patolóxicos.

Os especialistas en oftalmoloxía son os oftalmólogos, que diagnostican as posibles doenzas mediante diferentes probas para poder establecer o tratamento adecuado:

Cirúrxico: en casos como glaucoma, catarata, hipermetropía, miopía...;

Médico: en diferentes procesos infecciosos, alérxicos ou inflamatorios, nos que se utilizan tratamentos farmacolóxicos;

Óptico: consistente na exploración do ollo para determinar a graduación necesaria en lentes.

Oncoloxía

A oncoloxía (do grego onkos, "masa ou tumor"; e -logos-, "estudo de") á a especialidade médica que estuda e trata os tumores, tanto beningnos coma malignos, malia que con especial énfase nos malignos, isto é, o cancro. Os médicos desta especialidade denomínanse oncólogos.A oncoloxía non só se ocupa do diagnóstico e tratamento do cancro, senón que é responsábel do seguimento ou control dos doentes que superaran o cancro, do screening ou cribaxe dos cancros máis frecuentes na poboación ou os coidados paliativos en pacientes con cancro terminal.

Ontoloxía

Ontoloxía (do grego to ón 'o que ten ser' e logos 'pensamento'), é a ciencia ou estudio do ser. Habitualmente considérase que a ontoloxía é unha parte da metafísica, que se subdivide en ontoloxía (estudo do ser como propiedade común a todos os entes) e teoloxía (estudo específico do ser do ente supremo, Deus).

Ornitoloxía

Ornitoloxía (do grego ορνις, ornis, "paxaro"; e λόγος, logos, "coñecemento") é un ramo da zooloxía que se ocupa do estudo das aves.

A ornitoloxía é unha das poucas pólas da ciencia onde aínda hai gran número de afeccionados (2 millóns de británicos adheríronse á Royal Society for the Protection of Birds), que promoven a conservación e protección das aves e dos ambientes naturais nos que habitan.

Persoa

O termo persoa provén do latín persōna, e este probablemente do etrusco phersona ('máscara do actor', 'personaxe'). O concepto de persoa é un concepto principalmente filosófico, que expresa a singularidade de cada individuo da especie humana en contraposición ao concepto filosófico de 'natureza humana' que expresa o común que hai neles.

O significado actual de persoa ten a súa orixe nas controversias cristolóxicas dos séculos IV e V. No transcurso do debate entre as diferentes escolas teolóxicas, desenvolvéronse conceptos até entón non coñecidos. Tratábase de dispor de ferramentas de pensamento filosófico, sobre as que manter un debate intelectual honesto e rigoroso acerca dos dogmas referidos ao Λóγος (Logos: “Palabra”), e que permitisen esclarecer as súas diferenzas ou similitudes con Deus Pai. Para iso a filosofía tomou prestado do teatro grego o termo πρόσωπον [prósôpon], e converteuno nun termo filosófico, definindo ao Λóγος (Logos) como Persoa divina. Por afinidade, o concepto foi posteriormente aplicado ao Espírito Santo, aos anxos e aos homes.

Sismoloxía

A sismoloxía (do grego seísmos = sismo e logos = estudo) é unha rama da xeofísica que se encarga do estudo dos terremotos e a propagación das ondas elásticas (sísmicas) que se xeran no interior e a superficie da Terra.

A sismoloxía, inclúe, entre outros fenómenos, o estudo de maremotos e elementos asociados (tsunamis) e vibración previas a erupcións volcánicas. En xeral, os terremotos orixínanse nos límites de placas tectónicas e son produto da acumulación de tensións por interaccións entre dous ou máis placas.

A interpretación dos sismogramas, que se rexistran ao paso das ondas sísmicas, permiten estudar o interior da Terra.

Topoloxía

A topoloxía (do grego τοπος (topos) = lugar, e λογος (logos) = ciencia) é unha das máis importantes ramas da matemática moderna. Nun principio, a topoloxía investiga cal é a natureza do espazo (conxunto de puntos a estudar, dispostos dun xeito determinado), tanto dende un punto de vista global coma localmente, nunha veciñanza dun dos seus puntos.

A palabra topoloxía emprégase tanto para nomear á disciplina, como para referirse a calquera familia de conxuntos satisfacendo unhas determinadas propiedades e que son empregadas co fin de definir un espazo topolóxico concreto. Así pois, na topoloxía o espazo é formalizado a través da noción de espazo topolóxico. Esta estrutura matemática é a que permite falar de nocións espaciais relacionadas dalgún xeito coa proximidade de puntos, coma as de conexidade, continuidade, compacidade ou converxencia.

De especial importancia para a topoloxía é o estudo de determinadas funcións continuas definidas entre espazos topolóxicos, chamadas homeomorfismos, que intuitivamente establecen unha correspondencia global entre ámbolos dous espazos, indicando que o un pódese obter a partir do outro mediante determinadas deformacións que non inclúen nin cortes no espazo nin operacións de pegado.

Xenealoxía

A xenealoxía é unha das ciencias auxiliares da historia, encargada do estudo e seguimento da ascendencia e descendencia dunha persoa ou familia. O documento que rexistra este estudo adoita ser coñecido como árbore xenealóxica. O termo procede do latín genealogia, á súa vez do grego genea (genos, raza, nacemento, descendencia) + -logia (logos, ciencia, estudo).

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.