Lobo

O lobo gris (Canis lupus), coñecido sinxelamente como lobo, é o maior membro en liberdade pertencente á familia dos Cánidos. É un supervivente da idade de xeo orixinada durante o Plistoceno superior, hai uns 300.000 anos.[3] A súa secuencia de ADN e máis os estudos sobre deriva xenética indican que o lobo gris comparte un devanceiro común co can doméstico (Canis lupus familiaris), sendo o seu parente máis achegado,[4] malia ser esta afirmación rexeitada por algúns expertos, que sinalan grandes diferenzas no tocante á súa morfoloxía e comportamento. En liberdade foron identificadas un gran número de subespecies de lobo, aínda que o seu número exacto segue a ser un tema de debate. Os lobos son tipicamente superdepredadores nos ecosistemas nos que moran. Malia non seren tan adaptábeis como o son algúns dos seus parentes cánidos, os lobos lograron prosperar en fragas temperadas, desertos, montañas, tundra, taiga, pradeiras, e incluso zonas urbanas ou intensamente humanizadas,[5] como é o caso de Galicia.

Canis lupus laying
Lobo.

Tendo sido abondoso noutras épocas ao correr de Europa, Asia e Norteamérica, na actualidade a distribución do lobo no mundo minguou notabelmente por mor da destrución dos seus hábitats e da persecución sufrida polo ser humano. A pesar desta persecución, o estado do lobo no mundo é considerado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) como pouco preocupante. A día de hoxe, os lobos son unha especie protexida en moitos lugares, aínda que segue a ser cazada como especie cinexética ou daniña noutros.

Nalgunhas culturas, como a galega, o lobo está moi presente na súa etnografía, debido ao vencello que une á presenza do lobo nas áreas rurais nas que até hai pouco vivía a meirande parte da poboación galega. A especie de lobo que habita en Galicia é o lobo ibérico.

Lobo
Rango fósil: Plistoceno–Actualidade
Canis lupus lupus

Canis lupus lupus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)

Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Subfamilia: Caninae
Tribo: Canini
Xénero: Canis
Especie: C. lupus
Nome binomial
Canis lupus
Linnaeus, 1758 [2]
Distribución. Verde, actual; vermello, antiga.

Distribución. Verde, actual; vermello, antiga.
Subespecies

39 ssp., ver subespecies de lobo

Canis lupus (Lobo Gris)

O lobo gris é a especie que habita en Galicia; atópase tamén en case toda Europa e Asia, así como en América do Norte.

Un lobo gris adulto pode chegar a medir 1,6 m de longo (incluíndo o rabo) e pode pesar ata 80 kg. A cor da pelaxe adoita ser negra, marrón e agrisada polo lombo e branca no peito. Os lobos que habitan preto do ártico adoitan ser completamente brancos. Todos os lobos posúen uns dentes moi poderosos, cola peluda, pupilas redondas e un potente olfacto. O lobo pode habitar en áreas moi distintas, pradeiras, bosques e tundras, pero nunca en montañas moi elevadas.

Canis rufus (Lobo vermello)

Artigo principal: Lobo vermello.

O lobo vermello habitaba antes na metade leste de Norteamérica, mais hoxe vive só en parques naturais de Carolina do Norte e Carolina do Sur, onde foi reintroducido despois dun programa de crianza controlado ao extinguirse na natureza. Esta especie é un pouco máis pequena que o lobo gris e a súa pelaxe ten uns tons máis escuros e avermellados.

Hábitos alimenticios

Os lobos aliméntanse principalmente de ungulados de medio e gran tamaño, incluíndo ovellas, cabras, rebezos, porcos, cervos, corzos, antílopes, renos, cabalos, alces, iaks e bisontes. Outras presas inclúen mamíferos mariños, como as focas[6] e baleas varadas.[7] O canibalismo entre os lobos foi documentado en tempos de escaseza de alimentos.[8] Os lobos solitarios dependen máis de animais pequenos que poidan cazar chimpando enriba deles, suxeitándoos coas súas poutas dianteiras, malia documentárense casos de lobos solitarios que cazaron animais de gran tamaño sen axuda ningunha.[9] Algunhas mandas de Alasca e do oeste do Canadá víronse alimentándose de salmón.[10][11]

Tamén cazan roedores, paxaros e outros pequenos animais. Un só lobo pode comer entre 3,2-3,5 quilos de comida dunha vez, aínda que poden chegar a comer 13–15 kg cando están moi esfameados.[12] O alimento anual requirido é de ao redor de 1,5 toneladas de carne.[12] Os lobos poden sobrevivir longos períodos sen probar ren. O caso extremo amosouno un rexistro ruso que afirmou que un exemplar sobreviviu 17 días sen alimento.[13] Hai estudos que demostran que dúas semanas sen alimento non debilitan a actividade muscular do lobo.[12] Despois de comer, os lobos inxiren copiosas cantidades de auga co fin de previr problemas urémicos.[13] O estómago dun lobo pode albergar 7,5 litros de auga.[12]

Canis lupus pack surrounding Bison
Lobos acurralando un bisonte.

Os lobos evitarán unha presa potencial que non se axuste ao que experimentaron durante as súas vidas. Xeralmente canta maior discrepancia haxa respecto do que están afeitos, maior será a súa reticencia a exploralo. O devandito comportamento intensifícase se a nova présa actúa con valentía, de forma asertiva e sen temor. Porén, mesmo cando non hai escaseza de alimento, os lobos explorarán unha presa alternativa se interactúan con frecuencia e se habitúan un ao outro.[14] As mandas amosan pouca estratexia de cooperación ao cazar, a diferenza dos leóns, aínda que parellas de lobos mostraron un comportamento estratéxico cando atacan presas de gran tamaño.[9] Ao cazar presas grandes, normalmente intentarán ocultarse a medida que se aproximan ao animal elixido. Por norma xeral, agardarán a que a presa paste, momento no cal está distraída. Non gustan de longas persecucións, deténdose tras unha persecución de 10-180 metros, aínda que hai casos documentados de seguimentos de máis de 36 km.[12] Usualmente os lobos adoitan matar ás presas grandes lanzándose sobre a zona traseira e a área do perineo, provocando un desangramento.[12] En ocasións, atacan á gorxa, danando severamente a xugular e a traquea.[15]

Unha única trabada pode causar unha fenda de entre 10–15 cm de lonxitude. Un gran cervo que goce dunha óptima saúde sucumbirá en tres trabadas na zona do perineo despois de sufrir unha persecución de 150 metros. Unha vez que a presa se esboroa, os lobos abrirán a cavidade abdominal e comezarán a devorar ao animal, as veces cando a presa se atopa aínda viva.[12] Nalgunhas ocasións non acosarán á presa, senón que agardarán a que morra por mor das feridas para comezar a alimentarse.[16] O status da manda refórzase durante a alimentación. A parella reprodutora adoita comer primeiro, comezando polo corazón, fígado e mais pulmóns. Os lobos dun rango intermedio previrán aos lobos de status inferior a que se absteñan de alimentarse ata que a parella dominante non remate.[17] Comen o estómago, deixando o contido intacto. Os músculos das coxas son os seguintes, sendo os ósos o derradeiro en ser comido.[9] Existen excepcións, documentándose a preferencia dalgunhas mandas polos depósitos de graxa da presa por riba dos órganos internos.[18]

Wolves Kill
Lobos comendo un cervo

Malia amosar que os lobos adoitan alimentarse de animais enfermos,[19] existen poucas evidencias que amosen que se limitan a esa clase de brancos. Máis ao contrario, a evidencia asevera que os lobos se centrarán nas opcións máis accesibles e máis válidas. Deste xeito, se ben se supón que animais enfermos sexan presas potenciais, tamén inclúe a animais novos e femias preñadas.[12] As investigacións levadas a cabo pola antiga URSS amosaron que, nalgúns casos, o 93% de tódalas presas se atopan en bo estado de saúde, sen ningún tipo de enfermidade ou incapacidade.[12] En Nenetsia observouse que os lobos seleccionaban renos domesticados encinta antes que exemplares enfermos, e algúns estudos mostran que sorteaban aos animais convalecentes por preferiren exemplares sans.[12]

Porén, os animais en forma non fuxirán do ataque dos lobos, senón que elixirán ficar na súa posición, medrando así a posibilidade de danar aos atacantes. Os lobos adoitan recuar cando se enfrontan a unha presa valente. Usualmente son ineficientes dando caza a presas de grande tamaño, con taxas de éxito do 20%, o cal é debido, en parte, polo grande tamaño e mailas capacidades defensivas da súa presa.[20] Nalgunha ocasión observouse como os lobos se adican a cazar para teren un excedente. Un exemplo disto foi documentado polo Conservation Officer for the Minnesota Department of Natural Resources, que declarou que durante unha treboada de neve primaveral, dous lobos mataron 21 cervos, consumindo só dous.[21] A caza excedentaria acontece nos meses invernais, cando a densa neve impide o movemento das presas de gran tamaño.[12] En ocasións atacan a ungulados preñados para alimentarse do feto, deixando á nai intacta.[22] Ocasionalmente complementan a súa dieta con vexetación. Nalgunhas zonas da antiga URSS documentáronse danos que os lobos causaran a plantacións de sandía.[12]

Reprodución e sociabilidade

O tobo dun lobo pode ser unha cova, un tronco dunha árbore oca, unha zona de vexetación espesa ou un burato na terra feito por el. A reprodución dos lobos ocorre na primavera, pero aparéanse no inverno. A femia prepara a gorida para parir a súa camada, que adoita estar entre un e once lobetos. Os pais coidan as crías durante un ano, e estes constitúen un grupo que se establece nunha zona e a defende, marcando o seu territorio con excrementos e ouriños. Nalgunhas ocasións (sobre todo no inverno) os lobos forman grupos máis numerosos, de varias familias; é o que se chama unha manda, aínda que esta non adoita ter máis de dez membros.

Os lobos teñen unha estrutura social moi xerarquizada, amosan modelos de comportamento para informar da súa posición social de dominio ou submisión. Cada manda está liderada por un macho que copula coa femia dominante.

O ouveo do lobo é moi característico, e escoitase máis durante o inverno, cando se aparean. O seu ouveo serve para se manter en contacto cos distintos membros da manda, delimitar territorio e para advertir a presenza de mandas "estranxeiras" no seu territorio.

En perigo

O lobo é unha especie en perigo de extinción; aínda que nos últimos anos se recuperou un pouco, segue a estar ameazada. As batidas, a delimitación do seu espazo pola construción de estradas, os atropelos e a escaseza dos seus alimentos son as causas principais.[Cómpre referencia]

Subespecies do lobo

Gray Wolf Distribution
Distribución antiga (vermello) e actual (verde) do lobo no mundo.
Present distribution of gray wolf (canis lupus) subspecies
Distribución actual do lobo no mundo.
Canis Lupus Signatus
Lobo ibérico (Canis Lupus Signatus).

Os lobos (Canis lupus) son aínda, malia a persecución da que foron obxecto, os cánidos coa distribución máis ampla. Estes mamíferos espállanse ao longo de toda Eurasia e Norteamérica, e foron introducidos en Australia. O seu hábitat varía dende os xeos de Groenlandia aos desertos de Arabia ou as selvas da India. Tan vasta distribución permitiu a aparición de distintas subespecies, que se diferencian no tamaño, cor e lonxitude da pelaxe ou proporcións do fociño ou as orellas. Describíronse máis de 50 subespecies de lobo. Porén, revisións posteriores foron condensando a lista de subespecies, reducíndoas nalgún caso ata 13 (unha cifra máis realista), 15 se se inclúen ao can e ao dingo e 17 contando dúas subespecies recentemente extinguidas (ver mapa).

O can considérase unha subespecie doméstica do lobo baixo o nome de Canis lupus familiaris, malia as múltiples formas domésticas existentes. Aquí dáse unha curta descrición das subespecies salvaxes e o seu estado actual:

Lobos de Europa, Asia e Oceanía

  • Lobo europeo (Canis lupus lupus): O lobo máis típico, de tamaño medio e pelaxe agrisada e escura. Habita nos bosques de Europa e Rusia, aínda que desapareceu de moitos lugares onde habitaba antigamente. En ocasións divídese en varias subespecies:
  • Lobo ibérico (Canis lupus signatus): Outrora presente en toda a Península Ibérica, estivo a piques de extinguirse nos anos 70, aínda que puido ser salvado grazas ao labor de varios naturalistas e divulgadores, como Félix Rodríguez de la Fuente. Hoxe é un animal protexido e atópase en expansión: tense noticia de que as poboacións asentadas en Castela e León están avanzando cara Estremadura, Madrid e Guadalaxara. As poboacións andaluzas tiveron menos sorte e parece que os derradeiros lobos de Serra Morena desapareceron nos últimos anos. Abunda ao noroeste da Península, especialmente en Galicia. O tamaño é medio, algo máis pequeno que outros lobos europeos, cunha cor pardo-agrisada e manchas negras nos pés (de aí o nome signatus).
  • Lobo levantino (Canis lupus deitanus): Do mesmo xeito que o lobo ibérico, foi nomeada por Cabrera en 1907, pero neste caso sempre houbo moitas dúbidas da súa autenticidade, pois foi descrito a partir de varios animais que estaban cativos en Murcia e non se observaron en estado salvaxe. Os lobos levantinos eran bastante máis pequenos que os ibéricos, de pelo avermellado e curto. Probablemente os exemplares de Cabrera fosen só individuos aberrantes de lobo ibérico. En calquera caso, non se ten noticias deles dende comezos do século XX.
  • Lobo italiano (Canis lupus italicus): De aspecto intermedio entre o lobo ibérico e o típico de Europa central e do leste, hoxe en día illado en distintas zonas protexidas dos Montes Apeninos e próximo á extinción.
  • Lobo romanés (Canis lupus minor): Presente en Europa central é hoxe en día bastante escaso, aínda que segue estando ben representado nos Balcáns.
  • Lobo ruso (Canis lupus communis): O máis abondoso dos lobos europeos e o de máis ampla distribución, presente en Europa do leste e Rusia, así como no sur de Siberia ata o Océano Pacífico.
  • Lobo da tundra asiático (Canis lupus albus): Lobo de gran tamaño e pelo longo e claro, co que fai fronte ao clima frío das tundras eurasiáticas, dende Finlandia ao estreito de Bering e Kamchatka. A súa distribución superponse ocasionalmente coa do lobo ruso, aínda que non frecuenta tanto os bosques como este.
  • Lobo estepario (Canis lupus campestris): En ocasións divídese en dúas variedades, desertorum e cubanensis (aínda que esta se considera outras veces como variedade do lobo tibetano). En ambos casos, trátase de lobos pequenos pero robustos, de pelo gris curto, adaptados á vida nas estepas e desertos de Rusia meridional e Asia central.
  • Lobo tibetano (Canis lupus laniger): De tamaño medio a grande, esta subespecie non defende un territorio como as outras, senón que leva unha vida nómade. O pelo é hirsuto, cunha coloración que vai do pardo a agrisado e negro. Habita nos desertos fríos de China, Mongolia e manchuria.
  • Lobo árabe (Canis lupus arabs): Lobo pequeno (só 66 cm na cruz) e delgado, de orellas máis desenvolvidas que os demais e pelaxe moi curta, de cor agrisada a amarelenta, máis escura no dorso. Lembra vagamente a un chacal. Habita nas zonas menos extremas do suroeste da península Arábiga, por onde vaga en pequenos grupos.
  • Lobo indio (Canis lupus pallipes): Semellante ao lobo árabe, tamén de orellas desenvolvidas e pelo curto, aínda que máis escuro e de tamaño maior. Crese que foi un dos primeiros lobos domesticados e "pai" de varias razas de cans asiáticos actuais. Difundido dende o Irán á India central, hoxe está en franca regresión debido á caza e a mestizaxe con cans asilvestrados.
  • Lobo de Hokkaido (Canis lupus hattai = Canis lupus rex): Raza de lobo difundida antigamente na illa xaponesa de Hokkaido e talvez na illa de Sakhalin, de tamaño medio e pelo pardo claro a gris-esbrancuxado. Considérase extinta na actualidade.
Dingo2
Dingo.
  • Dingo (Canis lupus dingo): Debido ao seu illamento reprodutivo respecto de calquera raza de cans domésticos dende que foi introducido en Australia fai 3.500 anos, o dingo considérase unha subespecie de lobo aparte. Semellante na cabeza e proporcións aos cans do sueste asiático, aínda que máis grande e robusto, habita en pequenos grupos en toda Australia, onde se alimenta preferentemente de canguros e (dende o século XIX) de ovellas que rouba nas granxas, o que lle fixo impopular e polo que foi perseguido noutros tempos.
  • Lobo de Honshu (Canis lupus hodophilax): Pequeno lobo de cor parda que habitaba en zonas montañosas das illas xaponesas de Honshu, Shikoku e Kyūshū. As orellas e o fociño curto fano semellante a un can da raza Akita Inu, o seu probable descendente doméstico. Tradicionalmente considerado como un deus protector pola relixión xintoísta, foi tolerado e alimentado dende a antigüidade polos campesiños xaponeses, polo que esta subespecie se volveu bastante dócil co tempo. Todo cambiou coa chegada da Era Meiji, que considerou este animal como un perigo para as novas granxas e plantacións ao estilo occidental que se construíron durante a modernización do país. A caza e o corte masivo de bosques levouno ao bordo da extinción. Unha epidemia de rabia deulle o golpe de graza en 1905.
  • Can cantor de Nova Guinea (Canis lupus hallstromi): É un parente do Dingo australiano nativo de Nova Guinea. Permaneceu illado dos outros cánidos durante polo menos 6.000 anos, converténdose posiblemente no máis antigo dos cans paria. É único na súa habilidade para ouvear de forma similar ao lobo, pero ao contrario que este, o Canis hallstromi é capaz de modular o ton, de forma que parece cantar cando ouvea, polo que lle vén o nome. O seu aspecto é semellante ao do raposo, cunha dobre pelaxe que varía en cor do vermello ao marrón, e ten unhas caracteristicamente moas carniceiras. Os adultos son duns 36 a 46 centímetros:cm de alto, e pesan de 8 a 14 quilogramos.

Lobos de América

  • Lobo de tundra americano (Canis lupus tundrarum): De gran tamaño e cor clara, moi semellante ao lobo de tundra asiático, pero de pelo máis curto. Habita nas tundras do norte de Alasca.
Canis lupus portrait
Lobo de Alasca
Polarwolf004
Lobo Ártico.
  • Lobo de Alasca (Canis lupus pambasileus): Espallado polos bosques de Alasca e o noroeste de Canadá, de cor gris, case negro no dorso e fronte, similar a un can de raza Husky. Actualmente, é o lobo máis grande de América e probablemente do mundo.
  • Lobo xigante de Kenai (Canis lupus alces`): Gran lobo, maior que calquera das subespecies vivas na actualidade, que habitaba na Península de Kenai, ao sur de Alasca. O nome deste lobo provén da súa presa máis frecuente, o alce (Alces alces). Foi cazado ata a súa extinción en 1935.
  • Lobo do Mackenzie (Canis lupus occidentalis): Outro lobo de gran tamaño de cor variable entre o negro e o gris esbrancuxado. Foi descuberto no val do Río Mackenzie, de onde recibiu o nome. A súa área de distribución espállase dende o Océano Glacial Ártico ata o norte de Alberta.
  • Lobo da Baía de Hudson (Canis lupus hudsonicus): Lobo de tamaño medio e pelaxe longa e clara, nómade. Desprázase seguindo as migracións de caribús e pódeselle atopar en Alasca, Canadá e oeste de Estados Unidos. Confúndese en ocasións co lobo de tundra americano.
  • Lobo de Bernard (Canis lupus bernardi): Lobo de pelo longo esbrancuxado, pardo no lombo e cunha raia negra ao longo do dorso. Antigamente difundido no arquipélago Vitoria, extinguiuse como consecuencia da caza en 1952.
  • Lobo de Baffin (Canis lupus manningi): O máis pequeno dos lobos árticos, non recoñecido como subespecie independente ata 1943. Habita na illa de Baffin e outras illas menores adxacentes.
  • Lobo Ártico (Canis lupus arctos): Rivaliza en tamaño co lobo de Alasca. Presenta unha capa de pelo longo e totalmente branca, en ocasións rota por unha leve tonalidade agrisada no dorso. Habita nas illas máis septentrionales e banquisas de xeo do ártico canadense.
    • Lobo de Groenlandia (Canis lupus orion): Subespecie de dubidosa identidade, outrora difundida ao noroeste de Groenlandia. Moitos biólogos considérana unha variedade do lobo ártico. Actualmente extinta ou próxima á extinción.
  • Lobo de Labrador (Canis lupus labradorius): Lobo de coloración gris en todo o corpo, salpicada de branco nalgúns exemplares. Habita na Península do Labrador e norte de Québec.
  • Lobo do leste dos EEUU (Canis lupus lycaon): Lobo de tamaño medio e coloración variable, antigamente presente ao leste de Norteamérica, desde o sueste de Canadá a Florida, aínda que hoxe descendeu moito debido á presión humana. Esta especie foi a primeira que se describiu en América do Norte (1775) e algúns autores considérana unha especie diferente, Canis lycaon.
  • Lobo de Manitoba (Canis lupus griseoalbus): Probablemente extinto, aínda que ás veces se producen avistamentos. Antes difundido en Manitoba central e o norte de Saskatchewan.
  • Lobo de pradeira (Canis lupus nubilus): Lobo de tamaño medio e pelo de cor pardo claro, tinguido de gris na cabeza e dorso, que usaba para camuflarse entre as herbas das grandes chairas dos EEUU, dende o sur de Manitoba e Saskatchewan ao norte de Texas. Considérase extinto desde 1925, aínda que existe a posibilidade de que queden algúns individuos en áreas remotas do estado de Minnesota.
  • Lobo texano (Canis lupus monstrabilis): Lobo de pequeno tamaño e pelo escuro, aínda que algúns exemplares presentaban ocasionalmente coloración branca. Antigamente difundido ao oeste de Texas e Novo México, extinguiuse en 1942.
Canis lupus baileyi running
Lobo mexicano
  • Lobo mexicano (Canis lupus baileyi): Comunmente chamado Coyote, único lobo presente nas terras altas mexicanas, chegando polo norte ata Novo México e Arizona, típico dos bosques de folla perenne da zona. O manto de pelo é claro nas patas e a parte inferior do corpo, e escuro en dorso e fronte. No pescozo hai unha banda de pelo claro e máis longo. Na actualidade sobreviven pouco máis de 600 exemplares en zonas protexidas e parques zoolóxicos.
  • Lobo mogollón (Canis lupus mogollonensis): Chamado así polos indios mogollón de Arizona e Novo México, en cuxas terras habitaba. De pelaxe normalmente escuro, extinguiuse en 1935.
  • Lobo do sur das Montañas Rochosas (Canis lupus youngi): De pelo claro, tamén se extinguiu cara 1935. Atopábase difundido en Utah, Arizona, Novo México, Colorado e Wyoming.
  • Lobo do norte das Montañas Rochosas (Canis lupus irremotus): Outrora distribuído nas Rochosas e o sur de Alberta, considérase extinto na actualidade, aínda que en ocasións se producen avistamentos en Montana.
  • Lobo das Montañas Cascade (Canis lupus fuscus): De pelaxe marrón escuro salpicado de negro, extinto cara 1940. Antes atopábase ao longo da costa do Pacífico, dende o suroeste de Canadá ata o norte de California.
  • Lobo de Vancúver (Canis lupus crassodon): Lobo de coloración gris-negra salpicada ocasionalmente de marrón, e tamaño medio. Atópase na illa canadense de Vancúver.
  • Lobo do Arquipélago Alexander (Canis lupus ligoni): Lobo pequeno de pelo curto e escuro (xeralmente negro), natural das illas do Arquipélago Alexander, no extremo sueste de Alasca.
  • Lobo da Columbia Británica (Canis lupus columbianus): Lobo de gran tamaño e pelo longo, de cor marrón escuro ou negro. Hoxe en día extinto, antigamente estaba presente na Columbia Británica, Alberta e o curso do Yukón.

Notas

  1. Mech, L.D., Boitani, L. (IUCN SSC Wolf Specialist Group) (2010). "Canis lupus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza.
  2. Linnæus, Carl (1758). Laurentius Salvius, ed. Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I (en latín) (10 ed.). Holmiæ (Estocolmo). pp. 39–40. Consultado o 23 de novembro de 2012.
  3. Nowak, R. 1992. Wolves: The great travelers of evolution. International Wolf 2(4):3 - 7.
  4. Lindblad-Toh, K; et al. (2005). "Genome sequence, comparative analysis and haplotype structure of the domestic dog". Nature 438: 803–819. doi:10.1038/nature04338.
  5. Wolves: From Brink of Extinction to the Edge of the City
  6. Rumyantsev, V. D. and L. S. Khuraskin. 1978. New data on the mortality of the Caspian seal due to wolves. Page 187 in Congress of the All-Union Theriological Society, 2nd (P. A. Panteleev, et. al. eds.). Nauka, Moscow, USSR. ZR 116(19):5669
  7. a b c Walker, Brett L. (2005). The Lost Wolves Of Japan, pp.331. ISBN 0-295-98492-9."
  8. "When Biologists Stocked Alaska with Wolves, Alaska Science Forum, 5 de febreiro de 2004". Arquivado dende o orixinal o 31 de decembro de 2008. Consultado o 02 de decembro de 2008.
  9. 9,0 9,1 9,2 a b c d e f g h i j k l m n o p q L. David Mech & Luigi Boitani (2001). Wolves: Behaviour, Ecology and Conservation, p 448. ISBN 0-226-51696-2.
  10. Alaska’s Salmon-Eating Wolves
  11. Wolves prefer fishing to hunting
  12. 12,00 12,01 12,02 12,03 12,04 12,05 12,06 12,07 12,08 12,09 12,10 12,11 Graves, Will (2007). Wolves in Russia: Anxiety throughout the ages, pp.222. ISBN 1-55059-332-3.
  13. 13,0 13,1 a b c d e f g h i j k Lopez, Barry (1978). Of wolves and men, pp.320. ISBN 0-7432-4936-4
  14. a b "When do Wolves Become Dangerous to Humans?" (PDF). Valerius Geist, Professor Emeritus of Environmental Science, The University of Calgary, Calgary, Alberta, Canada. Retrieved on 2008-09-30.
  15. Abundant Wildlife Society of North America (ed.). "Wolf Predation on Sheep in Alaska". Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2008. Consultado o 2008-07-10.
  16. a b c d e "The Wolf: Myth, Legend and Misconception". Abundant Wildlife Society of North America. Retrieved on 2008-07-10
  17. a b c Shaun Ellis. (2007). A Man Among Wolves [DVD]. National Geographic.
  18. Wolf Crossing (ed.). "Statement by Valerius Geist pertaining to the death of Kenton Carnegie, Part II" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de setembro de 2008. Consultado o 2008-08-29.
  19. a b "Gray Wolf Biology and Status". Wolf Basics (March 2005). Retrieved on 2006-08-23.
  20. Science Daily, ed. (31 de agosto de 2007). "Wolves Find Happy Hunting Grounds In Yellowstone National Park". Consultado o 2007-09-17.
  21. Abundant Wildlife Society of North America (ed.). "Wolves and Hunting". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2012. Consultado o 2008-07-10.
  22. The Outdoorsman (ed.). "We'll, Be Quiet No More" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de outubro de 2008. Consultado o 2008-09-20.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Outros artigos

Alcubilla de Avellaneda

Alcubilla de Avellaneda é un concello español da provincia de Soria (Castela e León). A súa poboación é de 161 habitantes (INE 2012).

Ten 176 habitantes e a súa economía baséase no cultivo de trigo, cebada, centeo, avea e xirasol; o gando lanar e porcino (once naves) e as colmeas e viñas.

Flora: Enciñeira, xenebreiro, carballo e té.

Fauna: Corzo, xabaril, lobo, charrela.Festas principales: 3 de febreiro "As Candelas" e 22 de xullo Santa María Madalena, patroa da vila.

Outras festas e tradicións: 14 de setembro, Exaltación da Santa Cruz.

O 17 de agosto Festa de Verán. O 11 de xuño, San Bernabé. O 13 de setembro, Festa do Prado. O 10 de xullo, San Cristóbal e o 17 de xaneiro, san Antonio. O 25 de abril, San Marcos.

Can

O can (Canis lupus familiaris) é un mamífero carnívoro que pertence á familia Canidae, ao igual que os lobos, raposos e coiotes. En xeral, o termo 'can' emprégase para referirse á raza doméstica (Canis familiaris), a cal crese que descende dun antergo similar ó lobo, segundo distintos indicios, a secuencia do ADN e outros estudos xenéticos.. Con todo, algúns científicos sosteñen que o can é unha subespecie de lobo.

As probas arqueolóxicas demostran que o can estivo en convivencia próxima cos humanos desde hai polo menos 9.000 anos, pero posiblemente desde hai 14.000 anos. As probas fósiles demostran que os antepasados dos cans modernos xa estaban asociados cos humanos hai 100.000 anos.

Neste tempo o can desenvolveu diferentes razas que poden variar moito en tamaño e cor. Por exemplo, están os cans chihuahuas, que miden apenas unhas polgadas, en oposición aos grandes cans San Bernardo ou ao mastín. As cores dos cans varían de branco a negro, con vermello, café ou gris. De igual xeito que os humanos, son unha especie moi sociable e cazan en grupo.

A media de vida é de 12 anos, cada ano do can semella uns sete anos humanos, aínda que non é unha fórmula exacta.

Cerebro

O cerebro (do latín cerebrum, coa súa raíz indoeuropea «ker» 'cabeza, no alto da cabeza' e «brum» 'levar'; tendo o significado arcaico de 'o que se leva na cabeza') é o centro de supervisión, de centralización e de cefalización do sistema nervioso, o de maior complexidade do reino animal.O cerebro encóntrase situado na cabeza, protexido polo cranio. Polo xeral, preto dos principais órganos dos sentidos como a visión, a audición, o equilibrio, o gusto e o olfacto. Corresponde, por tanto, á parte antesuperior do encéfalo dos humanos e outros vertebrados e se subdivide en cerebro anterior, cerebro medio e cerebro posterior. Noutros animais, como os invertebrados bilaterais, enténdese por cerebro unha serie de ganglios arredor do esófago na parte anterior do corpo, comprendidos polo protocerebro, deutocerebro e tritocerebro nos artrópodos; ganglios cerebral, pleural e pedial nos moluscos gasterópodos; e masas supraesofágica e subesofágica en moluscos cefalópodos. Tamén posúen cerebros moi arcaicos ou simples bilaterais, os platihelmintos, os nematodos e os hemicordados. Porén, hai bilaterais que mostran moi poucos aspectos distintivos de cefalización como os bivalvos ou os briozoos. Nalgunhas especies de invertebrados non existe un cerebro por carecer completamente de sistema nervioso, como nos poríferos, nos placozoos ou nos mesozoos. Outros posúen un sistema nervioso, pero carecen de trazos definidos de centralización ou cefalización ao mostrar simetrías non bilaterais como os cnidarios, os ctenóforos ou os equinodermos.

Desde un punto de vista evolutivo e biolóxico, a función do cerebro como órgano, é exercer un control centralizado sobre os demais órganos do corpo. O cerebro actúa sobre o resto do organismo pola xeración de patróns de actividade muscular ou pola produción e secreción de substancias químicas chamadas hormonas. Este control centralizado permite respostas rápidas e coordinadas ante os cambios que se presentan no ambiente. Algúns tipos básicos de resposta tales como os reflexos poden estar mediados pola medula espiñal ou os ganglios periféricos, pero un sofisticado control intencional da conduta sobre a base da información sensorial complexa require a capacidade de integrar a información dun cerebro centralizado. Controla e coordina o comportamento, a homeostase (funcións corporais coma o latexo do corazón, a presión do sangue, o balance de fluídos e a temperatura do corpo) e as funcións mentais (a emoción, a memoria, a aprendizaxe etc.).

O cerebro dos vertebrados é o órgano máis complexo do corpo. Nun humano típico, a córtex cerebral (a parte máis grande) estímase que contén entre 15 e 33 mil millóns de neuronas, transmitindo as súas mensaxes a outras neuronas mediante a sinapse. Estas neuronas comunícanse con outras a través de fibras largas de protoplasma chamadas axóns, as cales levan trens de impulsos eléctricos denominados potenciais de acción a partes distantes do cerebro ou do corpo, tendo como branco receptores específicos.

Desde unha perspectiva filosófica, o que fai ao cerebro especial en comparación cos outros órganos, é que forma a estrutura física que xera a mente. Como Hipócrates argumentaba: «Os homes deberían saber que do cerebro e nada máis que do cerebro veñen as alegrías, o placer, a risa, o ocio, as penas, a dor, o abatemento e as lamentacións». Porén, do corazón figurado e das súas emocións proceden certas sensacións concretas como o gozo, o amor e o contentamento.

Durante as primeiras etapas da psicoloxía, creuse que a mente debía separarse do cerebro. Pero posteriormente os científicos realizaron experimentos que chegaron a determinar que a mente era un compoñente no funcionamento cerebral pola expresión de certos comportamentos baseados no seu ambiente externo e o desenvolvemento do seu organismo. Os mecanismos polos cales a actividade cerebral dá lugar á conciencia e ao pensamento son moi díficiles de comprender: a pesar dos múltiples e rápidos avances científicos, segue habendo moitos misterios acerca de cómo funciona o cerebro. Na actualidade, as operacións das células cerebrais individuais son comprendidas con máis detalle, pero a forma en que cooperan entre os conxuntos de millóns foi moi difícil de descifrar. Así mesmo, os enfoques máis prometedores tratan ao cerebro coma unha «computadora biolóxica», totalmente diferente do mecanismo das computadoras electrónicas, pero similar no sentido que adquiren a información do mundo circundante, almacenándoa e procesándoa de múltiples formas.

Así a todo, pese a ser un dos órganos máis estudados, desenvolvéronse unha serie de conceptos erróneos que chegaron a ser asimilados pola sociedade como correctos, como é o caso da lenda que di que os humanos só utilizamos un 10 % do cerebro.

Corredoira, Cerdedo-Cotobade

San Gregorio de Corredoira é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cerdedo-Cotobade. Segundo o IGE, en 2015 tiña 127 habitantes (64 homes e 63 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón un descenso en relación co ano 2005 cando tiña 166 habitantes.

Cánidos

Os cánidos (Canidae) son unha familia de mamíferos da orde Carnivora, de réxime carnívoro ou omnívoro. Inclúe a cans, lobos, raposos, coiotes, e chacais. Estes animais son todos dixitígrados.

Fenrir

Fenrir, tamén chamado Fenris é un lobo monstruoso da mitoloxía nórdica, irmán da serpe Jörmungandr e da deusa Hela. Fillo do deus Loki e a xigante Angur. Vivía cos Æsir e tan só Týr se atrevía a alimentalo. Os deuses, vendo como día a día medraba e se facía máis temíbel, tentaron encadealo con diversas cadeas (coma Loeding e Drómi) que a besta rompía sen dificultade.

Odín ordenou ós gnomos que fabricasen unha cadea irrompíbel. Estes forxaron a Gleipnir. Fenrir dixo que só se deixaría encadear con Gleipnir se, coma garantía, un dos deuses puña unha man entre as súas fauces. Só Týr tivo valor para facelo. Pero cando o lobo se viu atrapado e incapaz de rachar a Gleipnir arrancou dunha trabadela a man de Týr.

Entón os Æsir colleron o extremo da cadea e asegurárona a unha gran rocha do fondo da terra chamada Þviti e cravaron unha espada ata o mango atraveso da boca de Fenrir. Así permanecerá o lobo berrando e botando escuma pola boca (ca que se forma o río Vón) ata o Ragnarök, momento no que se soltará das súas ataduras e matará a Odín, sendo a continuación matado polo fillo deste, Víðarr.

Fociño

O fociño é, nalgúns animais (incluídos seres humanos), a parte baixa da cara (queixo), a boca e as fazulas. Nalgúns animais, se o nariz está moi xunta á boca, considérase parte do fociño, entre eles, os gatos, cans, seres humanos etc.

Jörmungandr

Na mitoloxía nórdica, Jörmungandr é unha gran serpe filla do deus Loki e a xigante Angur. Era irmá do lobo Fenrir e da deusa Hela. Os Æsir comprenderon que Jörmungandr sería moi perigosa para a humanidade así que foi guindada nas augas que rodean Midgar. A serpe creceu tanto que era capaz de rodear a Terra e agarrar a súa propia cola (ver Uróboros). Durante o Ragnarök morrerá a mans de Thor, non sen antes envelenar ó deus do trono que morrerá instantes despois.

Lingua checa

O checo é unha das linguas eslavas do oeste de Europa, xunto co polaco, eslovaco e o sorabo. Falado por un total duns 12 millóns de persoas, principalmente na República Checa (nas dúas provincias da Bohemia e Moravia e na parte meridional da Silesia) por cerca de 9,5 millóns de persoas. Hai tamén comunidades illadas nos países veciños: en Austria hai unha comunidade de 20.000 falantes en Viena, en Romanía hai seis lugares onde o checo é a lingua propia como resultado dunha inimigración no século XIX, en 2002 eran case 4000, na Voivodina o checo é oficial no concello de Bela Crkva, onde se sitúa a pequena aldea de Češko Selo, na cal a maioría dos seus 46 habitantes son de lingua checa. Existen importantes minorías formadas por inmigrantes en Alemaña, Estados Unidos, Eslovaquia e outros países.

O checo utiliza o alfabeto latino con sinais diacríticas para a súa escrita. A fonoloxía do checo pode ser difícil para falantes doutras linguas. Por exemplo, algunhas palabras non parecen ter vogais: ztvrdl (endurecido), scvrkl (afondado), blb (bobo), vlk (lobo), e smrt (morte). Hai un exemplo popular disto na frase "strč prst skrz krk" que significa "meter un dedo na túa gorxa".

As linguas checa e eslovaca son mutuamente intelixíbeis e próximas na escrita, mais difiren fonética e gramaticalmente. A maioría dos adultos eslovacos e checos son capaces de comprenderse mutuamente sen dificultade, tendo estado en contacto coas dúas linguas por medio da radio e da televisión nacionais, ata a partición de Checoslovaquia no 1993. Aqueles que non viviron esta situación, en particular os máis novos, poden experimentar dificultades de comprensión.

Lobishome

Un lobishome ou licántropo (en grego: λυκάνθρωπος, lykánthropos: do grego: λύκος, lykos, "lobo", e en grego: ἄνθρωπος, anthrōpos, "humano") é un home que se cre convertido en lobo e se comporta como tal. Os lobishomes son os protagonistas de moitas lendas populares galegas e de fóra.

Lobo (arquitectura)

En arquitectura o termo lobo fai referencia a un elemento decorativo formado por un segmento de círculo que se multiplica formando un conxunto ornamental. Estes conxuntos poden ser de 3 arcos (Trilobo), 4 arcos (Cuadrilobo ou Cuadrifolio), ou tamén polilobados cando presentan máis de 4 arcos de círculo.

A utilización de este elemento en forma de trevo é variada podendo aparecer inscrito nunha circunferencia en óculos propios da arquitectura románica, en rectángulos ou outras formas poligonais. Na arquitectura gótica o seu uso multiplícase e evolucionan utilizándose lóbulos en decoracións con trazaría, revestindo as catedrais, aplicados a gabletes, nos intradorso de arcos, vitrais etc. Tamén no portugués estilo manuelino obsérvase unha ampla aplicación de lobos con 4 follas.

Lupus (constelación)

Lupus ou Lobo é unha constelación do hemisferio sur situada entre as constelacións de Centaurus e Scorpius. Atopase entre as patas do escorpión e case unida a centauro. Dende Galicia (incluíndo Europa central) só se pode ve-la parte máis setentrional da constelación, no momento do tránsito polo meridiano, a comezos do verán.

O lobo na cultura popular galega

A seguir recóllese a pegada do lobo na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Orella

A orella (do diminutivo latino de auris, auricula) ( pronunciación ) é a parte visible do órgano do sentido do oído, e está formada polo pavillón auricular ou pavillón auditivo externo que, canda o conduto auditivo externo, constitúe o chamado oído externo.

É unha estrutura cartilaxinosa (composta por cartilaxe e pel) que ten como función captar as vibracións sonoras e dirixilas cara ao interior do oído.

Moitos animais son capaces de mover a vontade o pavillón auricular cara a dirección da que procede o son (por exemplo, os cans). En cambio, a orella humana é moito menos direccional, pois non posuímos este control voluntario sobre a súa orientación.

Na especie humana, é unha lámina pregada sobre ela mesma en diverso sentidos, oval, cunha grosa extremidade superior, e tendo no seu conxunto aparencia dunha corneta acústica.

O pavillón ten un esqueleto de cartilaxe elástica que lle permite volver á súa posición normal despois dunha deformación. Cuberto de pel, non existe tecido celular subcutáneo. A parte inferior é o lobo (ou lóbulo) da orella, na que a parte central é adiposa, pouco inervada e ricamente vascularizada.

Peido de lobo

Os peidos de lobo, tamén coñecidos coma fungos de sapo e bufos de vella son nomes comúns de varios fungos (basidomicetos) da familia das licoperdáceas de corpo frutífero globoso, abrancazados por fóra e que poden chegar aos 24 cm de diámetro, ao principio cheos dunha gleba branca, maciza (comestíbel) que ao madurecer se transforma nun po pardo formado polas esporas.

En inglés coñécense co nome de puffball. Inclúen os xéneros Calvatia, Calbovista e mais Lycoperdon. Todas os falsos peidos de lobo son tóxicos, ademais de xotos e de gusto amargo. Cómpre evitar o xénero Scleroderma, que ten unha gleba purpúrea.

Refraneiro galego sobre o lobo

A muller e a loba do máis feo se namora .

Alégrase o lobo cos couces da ovella.

Avisade ó lobo e deixade o gando soilo.

Ben parva é a ovella que co lobo se confesa.

Ben se aleda o lobo do que come o zorro .

Ben se alegra o lobo do que come o zorro.

Ben vai a ovella coxa, coma o lobo non a colla.

Burro de moitos cómeno os lobos.

Cabalo que ha de ir á guerra, nin o come o lobo, nin o malpare a égoa .

Can que lobos mata, lobos o matan .

Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.

Cando mata o lobo, mata pra todos.

Cando o lobo non vai polo seu pé, non come do que quer.

Cando o lobo vai roubar, lonxe das casas vaino buscar.

Cando un lobo come a outro, non hai que comer no souto.

Coa auga en san Xoán xa se revolve o lobo ó can.

Come o lobo de toda a carne, menos da súa, que a lambe.

Con un lobo non se mata outro.

Cousa de moitos cómena os lobos.

Cousa de moitos, cousa de lobos.

Da conta que saca o pegureiro, o lobo / monte sábelle sabe o erro .

Día da Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado .

Dios nos libre da boca do lobo.

Do contado come o lobo.

Do lobo, un pelo.

Do lobo un pelo, e ese no medio do lombo.

Dou ó demo todos, dixo o que araba cos lobos .

Dous lobos a un can, ben o comerán .

En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo galo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.

En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.

En maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo ben empolado.

En terra de lobos ouvear coma todos.

En xaneiro, sete lobos no carreiro.

En xaneiro, sete lobos polo carreiro.

Faite ovella e comerate o lobo.

Gárdate de home mal barbado e de lobo esfameado .

Lobo famento non ten asento.

Lobo tardeiro non volve baleiro.

Mal lle vai á ovella que co lobo se aconsella.

Marzo marzán, á noite cara de lobo e a mañán cara de can.

Mentras o can dorme, o lobo mata e come .

Muda o lobo os dentes, mais non as mentres.

Na terra dos lobos ouvear coma eles .

Na terra dos lobos, ouvear coma todos .

Non come o lobo besta branca.

Non soilo o lobo come carne crúa.

Nunca o lobo mata ó lobo.

Nunca un lobo come a outro.

O fillo do lobo lobiño é .

O fillo do lobo logo adeprende a ouvear .

O fillo do lobo tira sempre ao monte.

O lobo e o raposo non son bos compañeiros.

O lobo famento non pode estar contento.

O lobo farto de carne, meteuse frade.

O lobo muda de pelo pero non de condición.

O lobo non come da carne que quer, senón da que houber.

O lobo non ve todo o que queda no monte.

O lobo, onde cría, non é donde fai a matanza.

O lobo perde do pelo pero das mañas.

O lobo vello caza á espera.

O lobo vello de noite oubea.

O porco que é pró lobo non hai san Antón que o garde .

O que entre lobos se mete, gandido sai.

Ó que se fai ovella, cómeno os lobos.

Onde non ves lobo, cata o lobo.

Os fillos do lobo, lobos serán.

Ovella de moitos cómena os lobos.

Palabra, díxolle o lobo á cabra.

Pola Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.

¿Qué lle importa ó lobo o que come o zorro?

Quen con lobos anda, oubear deprende.

¡Quen o collera onde o lobo mata á ovella!

Santa Cruz de maio, o lobo e o corvo nado, e o raposo medio criado.

Se marzo marcea non queda can nin ovella, nin pastor coa súa pelexa, nin o can coa súa carranca, nin o lobo coa súa zanca.

Son lobos dunha camada: se algún non esfola é que mata.

Toda carne come o lobo, agás a súa que a delambe.

Un bo día de xaneiro é un lobo no quinteiro.

Un lobo a outro lobo non se comen nin se morden.

Vaca de moitos, cómena os lobos .

Týr

Týr é o Deus do ceo e da guerra e, así mesmo, rei de Asgard. Tamén se lle chama Tyr.

Perdeu unha man para poder atar o lobo Fenrir e conseguir así salvar os demais deuses. Tras iso, o deus do ceo pasou a ser Odín e o da guerra Tiw.

Vicente Risco

Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX, membro da xeración Nós e considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega. Home procedente dunha familia acomodada, dun gran nivel cultural, contribuíu na literatura galega asentando as bases do nacionalismo galego e renovando a narrativa galega do primeiro terzo do século XX.

Víðarr

Na mitoloxía nórdica, Víðarr (tamén chamado Vidar, Vithar, Vidarr, e Vitharr) é un dos Æsir, un deus asociado coa vinganza. Víðarr é descrito como un dos fillos de Odín e a Jotun Gríðr. Vinga a morte do seu pai matando ó lobo monstro Fenrir no Ragnarök, un conflito do que é un dos superviventes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.