Linguas célticas

As linguas célticas son as linguas que descenden do protocéltico, ou "céltico común", unha rama da gran familia lingüística indoeuropea. Durante o primeiro milenio antes de Cristo, faláronse ao longo de toda Europa, dende a baía de Biscaia e o mar do Norte, entre o Rin e o Danubio ata o Mar Negro e a parte alta da península dos Balcáns, e mesmo Asia Menor (Galacia).

Hoxe en día, as linguas célticas ven limitada a súa extensión a algunhas áreas das Illas Británicas, ao leste do Canadá, a Patagonia, algúns grupos nos Estados Unidos e Australia, e na península de Bretaña. Actualmente fálanse en Europa seis linguas célticas, dúas delas "recuperadas" despois de desapareceren completamente. Das seis só o gaélico irlandés é oficial en Irlanda. O gaélico escocés e, máis ca ningún o galés posúen certo status legal e protección. O bretón continental fica desprotexido mentres perde falantes e o córnico e o manés están rexurdindo despois de se daren por extintos.

Clasificación das linguas célticas

Hai dúas tendencias de clasificación. Unha delas relaciona ao galo co britónico nun nodo Celta P, deixando ao goidélico como Celta Q. A diferenza entre as linguas P e Q é o modo de tratar o son protocéltico *kw, que se converte en *p nas linguas celtas P e en *k no goidélico. Un exemplo atopámolo na raíz verbal *kwrin- "mercar", que se converte en pryn- no galés e en cren- no irlandés antigo.

A outra tendencia, defendida por exemplo por McCone (1996), relaciona o goidélico e o britónico coma unha rama céltica insular, mentres que se refire ao galo e ao celtibero como céltico continental. Segundo esta teoría, o cambio de son do celta P ocorreu de xeito independente.

Referíndose só ás linguas célticas modernas, xa que non existe actualmente ningún idioma que descenda do céltico continental, o "celta Q" é equivalente ao "Goidélico" e o "Celta P" é equivalente ao "Britónico".

Celta continental e celta insular

Segundo un factor á vez xeográfico (segundo sexan faladas no continente europeo ou nas Illas Británicas) e temporal (segundo se testemuñen na antigüidade ou ata os nosos días), adóitanse dividir as linguas celtas en:

  1. Celta continental.
  2. Celta insular.

Céltico continental

As linguas deste grupo falábanse no continente europeo. Todas están hoxe extintas. O grupo comprendía:

Céltico insular

Chwe Chenedl Geltaidd syml
As Nacións celtas que aínda conservan a súa lingua.

As linguas deste grupo proveñen todas de Gran Bretaña e de Irlanda. A este grupo pertencen todas as linguas celtas modernas.

Distínguense dous subgrupos:

Celta P e celta Q

O anterior esquema so é unha das posibilidades taxonómicas que existen. A división das linguas célticas modernas en dúas categorías, gaélico et britónico, é segura. Pero un grupo de celticistas defende unha hipótese segundo a que o britónico e o galo constituirían un grupo á parte (as linguas célticas P), deixando o celtibérico e o gaélico nun grupo céltico Q. Esta clasificación baséase esencialmente no tratamento do *kw herdado do indoeuropeo: en celta P este fonema convértese en /p/, mentres que en celta Q fica / kw/, con posterior perda do elemento labial, en irlandés. Pódese ilustrar esta diferenza mediante as palabras para «cabeza»: penn en bretón, ceann en irlandés (onde c nota /k/).

Os opostos á hipótese do céltico insular responden que a evolución do kw en /p/ é bastante superficial e non impediría en todo caso a intercomprensión. Consideran coma máis profundas as particularidades do céltico insular: as preposicións flexionadas, as mutacións consonánticas ou mesmo a orde sintáctica VSO (ver máis abaixo).

Segundo a hipótese Celta P/ Celta Q, a familia organizaríase así:

A teoría italo-céltica

Outrora chegáronse a clasificar as linguas célticas coas linguas itálicas nunha familia chamada italo-céltica por razóns de proximidade lingüística diversas (utilización de desinencias pronominais nas flexións nominais temáticas, por exemplo). Esta taxonomía está hoxe en desuso. Só se trata de coincidencias ou de efectos de interferencia lingüística.

Particularidades das linguas célticas modernas

Map of Celtic Nations
As 7 nacións celtas.

Malia existir unha diversidade considerábel dentro das linguas célticas, nótanse moitos trazos comúns que as distinguen das linguas veciñas:

  • a mutación consonántica (por lenición, eclipsis, sonorización etc.) que afecta a algunhas consoantes iniciais que sigan a determinadas palabras ou partículas.
  • preposicións flexionadas.
  • a orde sintáctica verbo suxeito obxecto non marcada (sobre todo nas linguas gaélicas e nas formas antigas das linguas britónicas).
  • partículas preverbais (nas linguas britónicas).
  • a existencia de dous xéneros gramaticais (había tres en britónico e en antigo irlandés).
  • a determinación nome-nome mediante aposición.
  • un artigo definido sen artigo indefinido (agás en bretón).
  • unha numeración en parte vixesimal (con base 20).

Por exemplo:

Ná bac le mac an bhacaigh is ní bhacfaidh mac an bhacaigh leat (esta frase en irlandés é tamén un trabalinguas).

Literalmente: non molestes con fillo o mendigo e non molestará o mendigo contigo.

Tradución: «Non molestes o fillo do mendigo e o fillo do mendigo non te atacará.»

Notas:

  • bhacaigh /waki/ (xenitivo de bacach) é o resultado da lenición de bacaigh.
  • leat é a segunda persoa en singular da preposición le.
  • remarcar a orde VSO da segunda parte da frase, coas partículas negativas e .
Pedwar ar bymtheg ar bedwar hugain (galés).

Literalmente: catro sobre quince sobre catro vintes.

Tradución: «noventa e nove».

Notas:

  • remarcar o sistema vixesimal;
  • bymtheg é a forma con lenición de pymtheg, como bedwar de pedwar.

As linguas célticas hoxe

Entre as linguas célticas faladas hoxe, e tras o recoñecemento en xullo de 2002 do córnico como lingua minoritaria polas autoridades do Reino Unido, a lingua bretoa, falada en Francia por 300.000 falantes, é a única lingua céltica que queda sen estatuto oficial na súa zona cultural.

Notas

  1. Prósper, B. M. (2002). Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la península ibérica. Ediciones Universidad de Salamanca. pp. 422–427. ISBN 84-7800-818-7.
  2. Villar F., B. M. Prósper. (2005). Vascos, Celtas e Indoeuropeos: genes y lenguas. Ediciones Universidad de Salamanca. pp. 333–350. ISBN 84-7800-530-7.

Véxase tamén

Bibliografía

  • R. Gray e Q. Atkinson, «Language-tree divergence times support the Anatolian theory of Indo-European origin », na revista Nature do 27 de novembro de 2003.
  • J. Markale, «La femme celte», Petite Bibliothèque Payot, Paris, 1989.
  • D. B. Gregor, «Celtic, a comparative study», The Oleander Press, Cambridge, 1980.

Outros artigos

Celta

Certos grupos étnicos da Idade de Ferro e da Idade Media en Europa foran denominados celtas (latín Celtae ou Galli, grego Κέλτοι Keltoi ou Γαλάται Galatai) desde a antigüidade. O nome procede probabelmente das raíces indoeuropeas *kel-1 'protruir, alto' e *g[h]al- 'poder' e vén significando 'os poderosos, sublimes, fortes'.Eran pobos da Idade de Ferro en Europa que falaban linguas célticas e tiñan semellanzas culturais. Porén, o relacionamento entre os factores étnicos, lingüísticos e culturais no mundo celta permanece incerto e controvertido. A dispersión xeográfica exacta dos antigos celtas tamén é contestada; en particular, a maneira en que os habitantes da Idade de Ferro de Britania e de Irlanda deben ser considerados como celtas tornouse unha materia de controversia.A historia da Europa precéltica é moi incerta. De acordo cunha teoría, a raíz común das linguas célticas, unha lingua coñecida coma protocelta, aparece nun período tardío da Idade de Ferro na Europa central, que floreceu ao redor de 1200 a. C. Amais, de acordo a unha teoría proposta no século XIX, as primeiras persoas en adoptar as características coñecidas coma celtas era xente da Idade de Ferro pertencente á cultura Hallstatt (c. 800-450 a. C.), chamada así por unha tumba atopada en Hallstatt, Austria. Esta área é ás veces chamada a "Casa celta". Durante o período La Tène (c. 450 a. C. até a conquista romana) esta cultura celta expandiuse por unha difusión de migración ás Illas Británicas (celtas insulares), Francia e os Países Baixos (galos), Bohemia, Polonia e a maioría de Europa central, a Península Ibérica (celtiberos, celtici, lusitanos e gallaeci) e o norte de I

As primeiras lembranzas da lingua celta foron inscricións lepónticas que pertencen ao comezo do século VI a. C. As linguas celtas continentais atestíguanse case exclusivamente a través de inscricións e topónimos. As linguas celtas insulares atestíguanse empezando o século IV d. C. a través das inscricións Ogham, aínda que claramente empezáronse a falar moito antes. A tradición literaria celta comeza cos textos do irlandés antigo que datan do século VIII.

A súa chegada á península Ibérica estaría cerca de 1200 a. C.

Celta P

Chámase celta P a un número de linguas célticas faladas na antigüidade e na actualidade que presentan como trazo característico a evolución do fonema indoeuropeo *kw a p:

Así do indoeuropeo *kwetwor temos o galés antigo petguar, o córnico peswar, feminino peder, o bretón pevar, feminino peder e o galo petorritum ‘carro de catro rodas’.

Así, entre as linguas faladas hoxe, formarían parte deste grupo as linguas britónicas das linguas célticas insulares: bretón, galés e córnico. Entre as linguas xa extintas estarían o galo e o lepóntico.

Celta Q

Chámase celta Q a un número de linguas célticas faladas na antigüidade e na actualidade que presentan como trazo característico a conservación do fonema indoeuropeo *kw como tal (aínda que despois se deron procesos de deslabialización nas linguas particulares):

Así do indoeuropeo *kwetwor temos o irlandés antigo ceth(a)ir, feminino cethéoir.

Así, entre as linguas faladas hoxe, formarían parte deste grupo as linguas goidélicas das linguas célticas insulares: irlandés, gaélico escocés e manx. Entre as linguas xa extintas estarían o celtibérico e o galaico

O feito da conservación do arcaísmo non evidencia unha particular relación entre estas linguas, non sendo polo feito de seren todas elas célticas.

Congreso celta

O Congreso Internacional Celta é unha organización cultural cuxo obxectivo é promocionar as linguas célticas faladas nas nacións de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e na Illa de Man. Non se trata dunha organización política, senón cultural, xa que o seu propósito é "... perpetuar a cultura, os ideais e a lingua dos pobos celtas, e manter un contacto intelectual e forte cooperación entre as respectivas comunidades celtas". O Congreso celta non debe ser confundido con outra organización semellante, a Liga Céltica, que trata asuntos políticos.

Cada ano celébrase un Congreso Internacional Celta nunha das nacións celtas, cuxa localización decídese en quendas previamente acordadas. O congreso do ano 2014 celebrouse na cidade galesa de Cardiff.

Estudos celtas

Os estudos celtas son unha disciplina académica que se ocupa do estudo de calquera aspecto cultural relacionado co pobo celta. Aínda que abrangue estudos sobre literatura, arte, arqueoloxía e historia, focalízase no estudo das linguas célticas vivas e extintas. As principais áreas de atención son as seis linguas celtas que aínda existen: o irlandés, o galés, o gaélico escocés, o manx, o córnico e o bretón.

Como materia universitaria, é impartida en numerosas universidades arredor do mundo, a maioría delas en Irlanda, o Reino Unido e Francia, pero tamén nos Estados Unidos, Canadá, Australia, Alemaña, Polonia, Austria e os Países Baixos. Por outra banda, os estudos celtas son impartidos na Universidade da Coruña e Galiza conta co seu propio Instituto Galego de Estudos Célticos.

Gaels

Gaels (á veces designados por Goidels ou Goidélicos) é un termo que designa aos falantes das linguas célticas gaélicas: irlandés, gaélico escocés e lingua manx. O dialecto gaélico ten orixe en Irlanda, tendo rapidamente unha expansión cara ao oeste e o norte de Escocia e á Illa de Man. Actualmente, como as linguas gaélicas foron significativamente substituídas polo inglés, o termo Gael tamén é empregado polos irlandeses ou polos celtas escoceses, independentemente da súa lingua.

As linguas gaélicas son unha das dúas vertentes das linguas célticas insulares, sendo o outro o das linguas britónicas.

Hadrián

Hadrián é un antropónimo galego masculino. Variedades recoñecidas do nome son Hadriano, Hadrán e Hadrao e (ou Adrián, Adriano, Adrán ou Adrao se non conservan o H orixinario). As variantes rematadas en -ano e con -i- son máis cultas, mentres que as variantes sen -i- son máis coloquiais e evolucionadas. A forma feminina é Hadriana ou Adriana. Procede do latín Hadrianus, sobrenome da estirpe romana do emperador Hadriano, derivado á súa vez do topónimo Adria ou de Atri ou Hatria que á súa vez podería ter a súa orixe no etrusco ou podería estar tamén ligada a un Ariainn das linguas célticas (divindade relacionada co pastoreo e a agricultura). Adrián foi o antropónimo máis usado para nomear os bebés na derradeira década do século XX.

Idade de Ferro británica

A Idade de Ferro británica é o nome convencional usado na arqueoloxía da illa de Gran Bretaña, para referirse ás fases da Prehistoria e Protohistoria da cultura da Idade de Ferro, excluíndo tradicionalmente a Prehistoria de Irlanda que tivo unha cultura da Idade de Ferro de seu.A Idade de Ferro británica durou teoricamente dende o primeiro uso importante do ferro para facer ferramentas e armas en Gran Bretaña ata a romanización da metade sur da illa. Esta cultura romanizada da chamada Gran Bretaña romana foi a que suplantou á Idade de Ferro británica. A Idade de Ferro irlandesa rematou coa chegada do cristianismo.

As tribos que poboaban a illa pertencían a ampla cultura celta, máis especificamente á chamada cultura celta insular (en contraste coa cultura celta non insular propia dos pobos do continente como os galos e os celtiberos).

As linguas britónicas e goidélicas forman parte do subgrupo celta insular que está dentro das linguas célticas. O termo lingüístico "celta" non ten unha implicación de unidade cultural sostible que conecte a Galia coas Illas Británicas ó longo da Idade de Ferro.

Kenneth H. Jackson

Kenneth Hurlstone Jackson, nado en Beddington (Surrey) o 1 de novembro de 1909 e morto o 20 de febreiro de 1991, foi un lingüista e tradutor inglés, especializado nas linguas célticas.

Deu demostrado que os contos do ciclo do Ulster, escritos contra o 1100 preservan unha tradición oral que se orixinou arredor de seis séculos antes e reflicten a sociedade céltica irlandesa dos séculos III e IV. A súa obra Celtic Miscellany é un libro de grande uso nos estudos célticos.

Casou con Janet Dall Galloway o 12 de agosto de 1936. Os seus dous nenos, Alaster e Stephenie, naceron nos Estados Unidos pero criáronse en Escocia. Cando se retirou, Jackson continuou a súa obra sobre toponimia e as linguas goidélicas. Porén sufriu un ataque en 1984 que fixo que reducise o seu traballo.

Publicouse un obituario en The Times o 8 de marzo de 1991 e en Nomina 15.

Liga Céltica

A Liga Céltica é unha organización non gobernamental que promove o dereito de autodeterminación e a identidade e cultura celta en Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles e a Illa de Man, as coñecidas como nacións celtas. Tamén fai bastante fincapé na promoción das linguas célticas propias. Está recoñecida polas Nacións Unidas como unha organización non gobernamental con "status consultivo" e é parte do "Consello económico e social".

Lingua celtibérica

A lingua celtibera é unha lingua celta paleohispánica falada no centro da Península ibérica ata polo menos o século I da nosa era nas actuais provincias españolas de Zaragoza, Teruel, Soria, Burgos e Palencia polos celtiberos.

De entre as linguas célticas continentais, o celtibero está peor documentado có galo, pero mellor có lepóntico e o gálata. Á parte de moitas moedas inscritas, foron sobre todo os bronces de Botorrita (ver máis adiante) os que posibilitaron a reconstrución da lingua. Ademais, como en todas as linguas paleohispánicas, existen outras pequenas inscricións e abundantes teónimos, antropónimos e topónimos.

Mallory (1989, p. 106) clasifica o celtibero como unha lingua "celta Q" (coma o goidélico) e non como unha lingua "celta P" (coma o galés). A diferenza baseábase na conservación ou evolución a /p/ do fonema labiovelar xordo /kw/ do indoeuropeo. Actualmente a maioría dos lingüistas refugan esta clasificación.

O celtibero presenta un pronome relativo ios case completamente declinado, que non se conserva en ningunha das outras linguas célticas, e as partículas kue “e”, nekue “nin”, ue “ou”. Coma no galés, existe un subxuntivo en s, gabiseti (antigo irlandés gabid), robiseti, auseti (comparar co umbro ferest).

Lingua nórica

A lingua nórica era unha das linguas célticas continentais. Suponse que se falaba na rexión do que posteriormente constituíu a provincia romana de Noricum. Só está testemuñada por dúas inscricións fragmentarias que non ofrecen suficiente información para tirar delas demasiadas conclusións sobre a natureza e características desta lingua.

Lingua protocéltica

O protocéltico ou protocelta, tamén chamado celta común, é o suposto devanceiro de todas as linguas celtas coñecidas. Falado probabelmente por volta de -800, o seu léxico pode ser seguramente reconstruído coa axuda do método comparativo da lingüística histórica. O protocelta é unha lingua descendente directa do protoindoeuropeo e é amplamente considerada como a primeira das linguas indoeuropeas en se espallar na Europa noroccidental e atlántica. A área onde a lingua parece que se tornou primeiro perceptibelmente en protocelta, en oposición ao dialecto centum anterior, corresponde á cultura de Hallstatt, nas extremidades occidentais do Urnfield.

A partir de aproximadamente 800, esa cultura por influencia de elementos traco-cimerios introduciu a Idade de ferro en Europa. Os contemporáneos cimerios son de maneira diversa indicados como os devanceiros dos cimbrios, dos francos sicambres e de Cymru, a pesar de outras etimoloxías explicaren mellor o último termo.

A reconstrución do protocelta está actualmente sendo feita. O céltico continental presenta moitas evidencias fonolóxicas e algunhas morfolóxicas, e o material catalogado é aínda moi escaso para permitir unha reconstrución segura da sintaxe. Malia algunhas frases completas estaren escritas en galo e celtibero, a literatura celta substancialmente mais antiga é encontrada no irlandés antigo, a máis antiga lingua céltica insular rexistrada.

Linguas britónicas

As linguas britónicas son linguas indoeuropeas, do grupo das linguas célticas xunto coas linguas goidélicas.

Linguas célticas continentais

As Linguas célticas continentais son as linguas célticas, todas extintas hoxe, que se orixinaron e se falaron no continente europeo (en oposición ao celta insular, que tivo orixe nas illas británicas (das que aínda hoxe se falan seis). Malia que é probábel que os celtas falase ducias de linguas e dialectos diferentes por toda Europa en época prerromana, hoxe só están testemuñados cinco destas linguas:

lepóntico (entre o século -VII e o -III; adoita considerarse un dialecto do galo).

galo (entre o século -III e o II).

galaico.

gálata (entre o século -III e o IV; adoita considerarse un dialecto do galo).

celtibérico (século -I).

nórico (século I ou século II? Consérvanse só dous fragmentos).A expresión celta continental úsase en contraste con céltico insular. Mentres a maioría dos investigadores concordan en que o celta insular é unha rama distinta do celta, que sufriu innovacións lingüísticas comúns, non hai evidencia de que as linguas célticas continentais poidan ser clasificadas deste xeito. De feito, o termo celta continental só se refire ás linguas célticas non insulares: é, xa que logo, unha definición negativa. Como conservamos pouco material desta slinguas celtas continentais a análise da lingüística histórica baseada no método comparativo é difícil de realizar.

Linguas célticas insulares

O céltico insular é unha das dúas grandes ramas das linguas célticas. Comprende as linguas celtas faladas nas Illas Británicas e tamén o bretón. Algúns considerarán que o bretón, que aínda se fala en Bretaña (norte de Francia), debería ser considerado unha lingua continental. Pero a súa orixe é insular, como se verá despois.

O céltico insular divídese en dous grupos: o irlandés ou goidélico e o británico ou britónico.

Linguas goidélicas

As linguas goidélicas ou gaélicas forman unha familia de linguas célticas, distinta do grupo das linguas britónicas. Cando falamos só de gaélico, adoitamos referirnos ao gaélico irlandés ou lingua irlandesa (Gaeilge), para falarmos do gaélico de Escocia dicimos gaélico escocés (Gàidhlig). Estas linguas comprenden:

o irlandés (así como o antigo irlandés)

o escocés

o manxEntre as linguas xa extintas estarían o celtibérico e o galaico.

Tamén pode aparecer a palabra gaélico para referirise ao grupo de linguas celtas que teñen como trazo distintivo o feito de non teren pasado a labiovelar herdada do indoeuropeo a /p/: tamén se poden denominar linguas goidélicas ou linguas celtas Q. Serían o irlandés, o gaélico escocés e o manx. As outras linguas conforman o linguas celtas P ou britónicas.

O caso do shelta está suxeito a discusión: malia que polo léxico a lingua se aproxima ao irlandés, trátase no fondo dunha lingua sintacticamente xermánica.

Pobo galés

Os galeses (galés: cymry), son unha nación e grupo étnico nativo de Gales. A súa lingua nativa é o galés, que pertence á familia de linguas célticas insulares, e foi historicamente falada en toda Gales. O seu devanceiro, o britano foi falada en toda a illa de Gran Bretaña. Antes do século XX, unha gran cantidades de galeses falaban só galés, con escasos ou nulos coñecementos do inglés. Malia que o galés se mantivo como a lingua predominante nalgunhas áreas do país de Gales, particularmente no norte e no oeste, o inglés é a lingua predominante en case todo o país. Porén, un número significativo de galeses, mesmo os que viven en áreas predominantemente de fala inglesa son falantes de galés en diversos graos.

Mesmo que a lingua galesa e os seus devanceiros foron falados na actual Gales dende antes da incursión romana en Britania, o historiador John Davies suxire que a orixe da "nación galesa" procede dos séculos IV e V, após a marcha dos romanos. O termo "pobo galés" aplícase ós habitantes de Gales e á xente con devanceiros galeses que se identifican cunha orixe e unha herdanza cultural.No 2016, unha análise xeográfica dos apelidos galeses levada a cabo polo Goberno Galés descubriu que unhas 718 000 persoas (arredor do 35% da poboación galesa) ten un apelido de orixe galesa, comparado co 5,3% no resto do Reino Unido, o 4,7% en Nova Zelandia, o 4,1% en Australia e o 3,8% nos Estados Unidos, o cal representan 16,3 millóns de persoas neses países que teñen cando menos algún devanceiro galés.

Linguas celtas
Céltico continental
Céltico insular
Mesturadas
Áreas celta-falantes
Educación inmersiva
Reconstrución
Linguas indoeuropeas
Pobos indoeuropeos
Protoindoeuropeos
Hipóteses Urheimat
Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.