Lingua materna

Unha lingua materna,[1] tamén chamada lingua nativa ou primeira lingua,[2] é a primeira lingua que aprende unha persoa dende o seu nacemento[3] e que xeralmente corresponde ó grupo étnico-lingüístico co que o individuo se identifica culturalmente. En certos casos, cando a persoa é educada por pais (ou outras pessoas) que falan linguas diferentes, é posíbel adquirir o dominio de dúas linguas ó mesmo tempo, cada unha delas podendo ser considerada lingua materna, creándose entón unha situación de bilingüismo.[4]

A expresión lingua materna provén do costume pola que as nais eran as únicas que educaban os nenos na primeira infancia, facendo que a lingua da nai sexa a primeira en ser asimilada polo neno, condicionando o seu aparello fonador ó sistema lingüístico. A adquisición da lingua materna ocorre en varias fases. Inicialmente, o neno rexista literalmente os fonemas e as entoacións da lingua, sen aínda ser quen de os reproducir. Despois, comeza a producir sons e entoacións até que o seu aparello fonador lle permita articular palabras e organiza frases, asimilando o léxico. A sintaxe e a gramática son integradas pouco a pouco dentro deste proceso de aprendizaxe.[5]

O Día Internacional da Lingua Materna conmemórase internacionalmene o 21 de febreiro.

Kituwah Academy
Unha clase da Academia Kituwah de Qualla Boundary, en Carolina do Norte. A inmersión lingüística neste colexio ensina o mesmo currículo que outras escolas primarias dos Estados Unidos, pero o cherokee é o medio de instrución dende preescolar, e os seus estudantes apréndena como lingua materna.

Importancia

Int-mother-lang-day-monument
Monumento adicado á lingua materna en Sydney.

A lingua materna dun neno forma parte da súa identidade persoal, social e cultural. Ademais, a lingua materna achega a reflexión e a aprendizaxe de patróns sociais exitosos de actuación e fala.[6] É basicamente responsable de diferenciar a competencia lingüística da actuación. Mentres existen estudosos que argumentan que non existe tal cousa como a "lingua nativa" ou "lingua nai," é importante comprender os termos clave e entender o que significa ser un falabte "non nativo" e as implicacións que pode ter na vida. As investigacións suxiren que, aínda que un orador non nativo poida desenvolver fluidez nunha lingua específica despois de dous anos de inmersión, pode levar entre cinco e sete anos que un neno teña o mesmo nivel de fala que os seus homólogos. Isto ten implicacións na educación dos falantes non nativos.[7]

O tema do falante nativo tamén dá lugar a unha discusión sobre o que é exactamente o bilingüismo. Unha definición é que unha persoa é bilingüe por ser igualmente competente en ámbalas linguas. Unha persoa que crece falando inglés e comeza a aprender francés por catro anos non é necesariamente bilingüe, a menos que fale as dúas linguas con igual fluidez. Pearl e Lambert foron os primeiros en estudar os bilingües “equilibrados”, o que quere dicir que un neno é competente nas dúas linguas e sente que ningunha delas é “nativa” porque entenden perfectamente as dúas. Este estudo descubriu o seguinte: os bilingües equilibrados funcionan de xeito significativamente mellor en tarefas que requiren flexibilidade (cambian constantemente entre as dúas linguas coñecidos en función da situación / require un malabarismo constante) e son máis conscientes da natureza arbitraria da lingua e elixen asociacións de palabras baseadas en preferencias lóxicas e non fonéticas.[8][9]

Aprendizaxe

Tódolos fonemas non asimilados nesta primeira etapa da vida producen unha xordeira lingüística aos termos en linguas estrañas. Xeralmente, un pícaro aprende o fundamental do seu idioma materno a través da súa familia.

A habilidade no idioma materno é esencial para a aprendizaxe posterior, xa que se cre que a lingua materna é a base do pensamento. Unha habilidade incompleta no idioma materno case sempre dificulta a aprendizaxe de segundas linguas. Polo tanto, a lingua materna ten un papel primordial na educación.

Bilingüismo

Cando alguén ten dúas ou máis linguas como idioma materno, dise que é unha persoa bilingüe. A orde en que se aprenderon ditas linguas non é necesariamente a orde de mestría destas. Por exemplo, unha parella francófona pode ter un fillo que aprendeu antes o francés ca outros idiomas, pero se creceu en Galicia é probable que acabe tendo unha maior competencia na lingua galega.

O bilingüismo é moi común nalgunhas rexións e países que teñen máis dunha lingua oficial, como España, Bélxica ou Suíza entre outros. Tamén é común entre aqueles países que reciben unha forte inmigración como Estados Unidos. Porén, na actualidade o termo bilingüísmo non se considera apropiado para falar de sociedades pois o habitual é que as linguas que conviven nunha comunidade estean en conflito ou manteñan unha relación desigual.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para materno.
  2. Davies (2003)
  3. Bloomfield (1996)
  4. Bloomfield (1996)
  5. Davies (2003)
  6. Boroditsky, Lena (Decembro 2001). "Does Language Shape Thought?: Mandarin and English Speakers' Conceptions of Time" (PDF). Cognitive Psychology (43): 1–22. ISSN 0010-0285. doi:10.1006/cogp.2001.0748.
  7. Cummins, J. "Second language acquisition - essential information". esl.fis.edu. Consultado o 02-03-2019.
  8. Alison. "Defining Levels of Language Proficiency Avoids Confusion". Accredited Language Services. Consultado o 13-11-2013.
  9. Hakuta & Díaz (2005)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Bloomfield, Leonard (1996). Language (en inglés). (1ª edición en Londres 1935; 6ª reimpr. 1996). Delhi: Motilal Banrsidass Publishers. ISBN 81-208-1196-8.
  • Davies, Alan (2003). The Native Speaker: Myth and Reality. Col. Bilingual education and bilingualism (nº 38). Clevedon/Buffalo/Toronto/Sydney: Multilingual Matters. ISBN 9781853596223.
  • Hakuta, Kenji; Díaz, Rafael M. (1985). "The Relationship Between Degree of Bilingualism and Cognitive Ability: A Critical Discussion and Some New Longitudinal Data" (PDF). En Nelson, Keith. E. Children's Language (en inglés) V. Nova Jersey: Lawrence Erlbaum Associates. pp. 319–344. ISBN 9780470993859.
  • Torres, J. (coord.) (2005). Estadística sobre els usos lingüístics a Catalunya 2003. Llengua i societat a Catalunya en els inicis del segle XXI (en catalán). Barcelona: Generalitat de Catalunya. Secretaria de Política Lingüística.

Outros artigos

Aranés

O aranés é o nome que se lle dá ao occitano no Val de Arán. Constitúe unha variedade do dialecto gascón da lingua occitana chamado gascón pirenaico, falada no Val de Arán, no noroeste de Cataluña. Desde 2006 é unha das tres linguas oficiais desta comunidade autónoma alén do catalán e do castelán.

Considerada unha vez como "lingua en perigo", e falada maioritariamente por xente maior, está agora a experimentar un rexurdimento, sendo ensinada dende o 1984 nas escolas e gozando dun status de cooficialide na Comunidade Autónoma de Cataluña.

Preto do 90% dos habitantes do Val de Arán pódena entender, e un 65% poden falala. Grazas ao seu status de cooficialidade, e malia ter só uns 5.000 falantes, converteuse nunha referencia dentro do reivindicativo mundo occitano. No ano 2006 saíu á luz unha Gramática aranesa e no 2007 foi publicado un dicionario Aranés-Inglés/Inglés-Aranés.

Bruxelas-Capital

A Rexión de Bruxelas-Capital (francés: Région de Bruxelles-Capitale, neerlandés: Brussels Hoofdstedelijk Gewest) ou ben Rexión de Bruxelas (francés: Région Bruxelloise, neerlandés: Brusselse Gewest) é unha das tres Rexións que compoñen Bélxica. Esta rexión, bilingüe segundo os estatutos municipais, está habitada por belgas que pertencen ás dúas principais comunidades lingüísticas do país: a comunidade francesa e a comunidade flamenga. Estímase que 50% da poboación bruxelense é francófona pola orixe da súa lingua materna, 10% flamenga e 40 % falan outras linguas (empregando case exclusivamente como lingua franca o francés), no seu conxunto o francés é empregado polo 95,55% da poboación de xeito habitual. Por mor da presenza no seu territorio de numerosas institucións internacionais, atópase igualmente entre as concentracións máis importantes de habitantes nados doutros países da Unión Europea. A isto súmanse numerosos inmigrantes procedentes do Magreb (especialmente de Marrocos) de Turquía, de América, de África (especialmente da República Democrática do Congo, antiga colonia belga) e da Europa central, facendo da Rexión un conxunto cosmopolita e multicultural.

Burkina Faso

Burkina Faso, ás veces escrito Burquina Faso, é un país de África occidental, no Sahel, que limita ó noroeste con Malí, ó noroeste con Níxer e ó sur con Costa do Marfil, Ghana, Togo e Benín. Antes de 1984 era coñecido como o Alto Volta.

Anteriormente coñecido como Alto Volta por estar no curso alto de tres ríos que no seu momento se chamaron Volta (Mouhoun, antes o Volta negro; Nakambé, antes o Volta branco; e Nazinon, antes o Volta vermello), Burkina Faso foi renomeada en 1984 polo presidente Thomas Sankara para significar "a terra dos homes íntegros" en diula, principal lingua materna do país. Non ten acceso ó mar. Pertenceu a Francia ata a independencia en 1960.

A inestabilidade política durante as décadas de 1970 e 1980, foi seguida polas eleccións de 1987, o gañador Blaise Compaoré deu un golpe de Estado en 1991. Foi reelixido nunhas eleccións amañadas en 1998.

Día Internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna celébrase anualmente o 21 de febreiro para promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta. Foi establecido pola UNESCO o 17 de novembro de 1999. A súa celebración tamén foi recoñecida formalmente pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na resolución que establecía 2008 como Ano Internacional das Linguas.O Día Internacional da Lingua Materna ten a súa orixe no recoñecemento internacional do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes da Universidade de Dacca morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas do Movemento pola Lingua Bengalí.

Finlandia

Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación )), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia. A capital e maior cidade do país é Helsinqui.

No ano 2009, Finlandia tiña unha poboación de 5,3 millóns de habitantes nunha área de 338.145 quilómetros cadrados. A meirande parte da poboación do país atópase no extremo sur, na costa do golfo de Finlandia e proximidades. Finlandia é o sexto país máis grande de Europa en termos de área, e conta cunha baixa densidade de poboación de 15,5 habitantes por quilómetro cadrado, o que o converte no país menos densamente poboado dentro da Unión Europea. A maioría dos finlandeses falan o finés como a súa lingua materna, a cal é unha das poucas linguas oficiais da Unión Europea que non descenden da familia indoeuropea. A segunda lingua oficial de Finlandia é o sueco, o cal é lingua materna dun 5,5% da poboación nacional.

Previamente Finlandia foi parte de Suecia e dende 1809 a 1917, cando obtivo a súa independencia, o país foi o autónomo Gran Ducado de Finlandia como parte da Rusia Imperial. Hoxe en día, Finlandia é unha república, parlamentaria e democrática. O país é membro das Nacións Unidas e da Unión Europea dende 1995. A economía de Finlandia é unha das máis prosperas do continente, baseándose nos importantes sectores de servizos así como de manufactura. No país existe un estado de benestar así como unha política altamente democrática e con niveis sumamente baixos de corrupción. O país conta co euro como moeda oficial dende o 28 de febreiro de 2002, substituído ao marco finlandés.

Kiev

Kiev (en ucraíno: Київ, tr. "Kyiv", [ˈkɪjiw] (AFI), escoitar; en ruso: Киев, tr. "Kiev"), é a capital e maior cidade da Ucraína, cunha poboación de máis de 2.6 millóns de habitantes. Segundo o censo de 2001 a maioría da poboación é de nacionalidade ucraína, concretamente o 82.2%, a principal minoría é a rusa co 13.1% seguido da xudía (0.7%), bielorrusa (0.6%), polaca (0.3%) e armenia (0.2%). A maioría da poboación, un 75%, declara no censo que o ucraíno é a súa lingua materna pero segundo unha enquisa sociolingüísta realizada en 2003 o ruso é a lingua que fala a maioría da poboación, un 52% fala habitualmente principalmente ruso, 32% ruso e ucraíno, 14% principalmente ucraíno e só o 4.3% só ucraíno.

Administrativamente, Kiev é unha cidade cun status especial, independente do oblast (rexión) de Kiev que a arrodea. Kiev constitúe un centro industrial, científico, educativo e cultural importante no leste de Europa.

Lingua afrikaans

O afrikaans é unha lingua xermánica occidental que se fala principalmente en Suráfrica e Namibia.

Lingua casaca

A lingua casaca ou casaco é unha lingua turca da familia altaica, con grafía ben árabe en China, Irán ou Afganistán; ben cirílica. Durante a década de 1930 experimentouse coa latina en Turquía. É idioma oficial xunto coa lingua rusa de Casaquistán; fálase nos territorios do que foi o amplo imperio mongol: a provincia china de Xinjiang, Mongolia, Quirguistán, Uzbekistán, Turkmenistán, Ucraína e Rusia. No 2000 era lingua materna de 11 000 000 de falantes aproximadamente, aínda que segundo outras fontes hai aproximadamente 8,5 millóns de falantes. Dende a segunda metade do século XX, Alemaña ten unha comunidade de falantes de casaco. Esta comunidade está constituída principalmente polos descendentes de alemáns do Volga que foron deportados a campos de concentración e Gulags en Casaquistán desde 1941 por decreto de Stalin e que, podendo sobrevivir, mesturáronse coa poboación local ou adoptaron a súa cultura, e máis tarde volveron a Alemaña.

Qazak significa vagabundo; o pobo casaco que fala este idioma foi historicamente nómade.

Lingua castelá

O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.

Lingua francesa

O francés (français) é a terceira das linguas románicas en número de falantes, despois do castelán e do portugués. En 1999, o francés era a 11a lingua máis falada no mundo, con uns 77 millóns de falantes como lingua materna (chamados francófonos) e uns 128 millóns no total, incluíndo os que a usan como segunda lingua.É unha lingua administrativa ou oficial en moitas comunidades e organizacións (como a Unión Europea, ONU, Unión Postal Universal, Unión Africana etc). Antes da Segunda Guerra Mundial o francés era considerado a lingua internacional por excelencia, particularmente na diplomacia, e unha lingua franca no comercio, navegación e transporte.

Lingua grega

A lingua grega (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, ou ελληνική γλώσσα, ellinikí glóssa, "lingua grega") é a lingua materna de 12 millóns de falantes, dos cales 11 millóns viven en Grecia onde é lingua oficial, como en Chipre. Tamén se fala en comunidades illadas de Albania, Turquía e Italia. É lingua oficial na Unión Europea. É a lingua viva con historia documentada máis longa, con 34 séculos de fontes escritas. O seu sistema de escrita foi o alfabeto grego durante a meirande parte da súa historia; outros sistemas como o Lineal B e o silabario chipriota, foron usados anteriormente. O alfabeto xurdiu a partir do alfabeto fenicio e foi a base do latino, do cirílico, do armenio, do copto, do gótico e moitos outros sistemas de escrita.

Lingua manx

A lingua manx (tamén coñecida como gaélico manx, Yn Ghaelg en manx) é unha lingua celta que se fala na illa de Man, unha pequena illa do Mar de Irlanda que constitúe unha dependencia autogobernada da coroa británica e que non pertence ao Reino Unido.

No século V, os goidélicos ou gaélicos, procedentes de Irlanda invaden a illa, traendo a súa lingua céltica, que, cos séculos, evolucionaría ata se converter na actual lingua manx, a cal tamén ten préstamos nórdicos, froito das sucesivas invasións viquingas: primeiro no século IX e logo unha segunda invasión viquinga procedente de Irlanda no século XI. A illa mantívose baixo dominación norueguesa ata a segunda metade do século XIII.

O illamento da illa e a súa dependencia da coroa inglesa (logo británica) a partir do século XIV fixeron que o manx adoptase unha grafía baseada no inglés e non noutros idiomas celtas.

A poboación conservou o seu idioma ata o século XVII, comezando a declinar no século XVIII cando comezou a súa decadencia. En 1831 falábao regularmente o 30% da poboación; en 1901 só o falaban 970 persoas e o último falante nativo de manx, Ned Maddrell, morreu o 27 de decembro de 1974 á idade de 97 anos.

Hoxe en día, o manx sobrevive grazas a un pequeno número de persoas que o aprenderon como segunda lingua e que intentan potencialo fronte ao inglés, a súa lingua materna. En 2001 un 2.2% da poboación da Illa de Man, 1.689 de 76.315 habitantes, aseguraba poder desenvolverse en manés, aínda que en graos diversos. Non foi até 2003 cando o goberno pasou a introducilo oficialmente na escola. Actualmente, o manés é segunda lingua nas escolas primarias e secundarias, na universidade da Illa e no centro de estudos de manés. Alén diso, unha escola privada, o Bunscoill Ghaelgagh, ten o manés como lingua principal. Ademais, xa hai dúas ducias de rapazas e rapaces que teñen o manés como lingua materna.

Lingua romanche

A lingua romanche é unha lingua romance falada no cantón suízo de Grisóns. Está emparentada con outras linguas que se falan en Italia, Suíza e Francia. Os cinco dialectos retorrománicos máis falados son sursilvan, sutsilvan, surmiran, puter e vallader. Puter e vallader, en ocasións, considéranse un só subgrupo: romanche ladino.

É falada por arredor dunhas 35.000 persoas como lingua materna e por outras 40.000 como segunda lingua. A maioría dos falantes tamén utilizan o alemán. É unha lingua considerada en risco de extinción, falada por menos do 1% dos 7,4 millóns de habitantes da Suíza. É a lingua oficial menos falada do país e sofre as consecuencias da concorrencia co alemán, falado maioritariamente pola poboación en xeral.

Lingua suahili

O suahili, tamén chamado swahili ou kiswahili, é unha lingua africana que pertence ao subgrupo sabaki das bantú. Dentro das bantú, é a que conta co número maior de falantes. É unha das linguas oficiais do Quenia, da Tanzania e de Uganda, aínda que os seus falantes nativos, os pobos Suahili, sexan orixinarios só das rexións costeiras.

É falada por uns cincuenta millóns persoas no mundo, incluíndo, alén dos países que a teñen como lingua non oficial, Uganda e a República Democrática do Congo. É tamén falado con algunha frecuencia nas áreas urbanas do Burundi e de Ruanda, no sur da Somalia ata ao norte de Mozambique (ao longo do litoral de África oriental), na Zambia e no sur da Etiopía. Existen tamén algunhas comunidades de falantes de suahili en Madagascar e nas illas Comores. Con todo, a maior parte dos seus falantes non a usan como lingua materna. De feito, crese que só dous a tres millóns, dos cincuenta millóns están nesta situación, o que significa que a gran maioría fala como lingua materna outro idioma níxer-congolés (por exemplo, bantú) ou cuxítico (somalí, por exemplo).

Lingua wolof

O wolof é unha lingua da familia das linguas níxer-congo. É o idioma máis falado no Senegal e no grupo étnico dos wolof.

No Senegal, un 40% da poboación ten a lingua wolof como lingua materna e o outro 40% como segunda lingua. En Gambia, aproximadamente un 15% da poboación (unhas 200.000 persoas) tena como lingua materna, pero na capital, Banjul, un 50% emprégaa como primeira lingua. En Mauritania, aproximadamente un 7% (185.000 persoas) da poboación fala wolof, sobre todo nas zonas costeiras do leste.

Pequeno vocabulario en wolof

Ola - nagalef

Que tal? - numu demé

Moi ben - mangui fi

Como te chamas? - no tu du ?

Chámome… - … la tu du

Es xenial - da ga ma neh

Quérote - da ma la buge

Dáme un bico - fone ma

Adeus - magedem

Lingua xeorxiana

O xeorxiano (ქართული Kartuli) é a lingua oficial de Xeorxia, unha república do Cáucaso. O xeorxiano é a lingua materna duns catro millóns de xeorxianos, aproximadamente o 70% da poboación do país, e outros dous millóns de persoas no estranxeiro (principalmente Turquía e Rusia, con comunidades máis pequenas en Irán, Acerbaixán etc.). É a principal lingua escrita para todos os grupos étnicos xeorxianos, incluso para os falantes das outras linguas caucásicas do sur (svanuri, mingreliano e laz).

Lingua xudeoportuguesa

O xudeoportugués é unha lingua morta, que era falada polos xudeus sefardís de Portugal. Esa forma lingüística era vernacular dos xudeus de Portugal antes do século XVI e sobreviviu en moitas comunidades da diáspora dos Judeus da Nação Portuguesa. Os seus textos eran escritos no alfabeto hebreo ou latino. Poderían terse escrito tamén en alxamía.En relación á lingua materna, o xudeoportugués garda grandes similitudes, o que fixo ser pronto asimilada cando o número de falantes xudeus escaseou na Península Ibérica. O seu léxico é composto basicamente polas palabras portuguesas, agregándose a este conxunto palabras prestadas do hebraico mais tamén do ladino. Existe um pequeno testemuño desa variante lingüística na obra de Gil Vicente, o Auto da Barca do Inferno. Tamén foi influenciada pola lingua dos xudeus españois, o ladino, mais era distinta desa, xa que os xudeus lusos nunca foron expulsados do seu país, senón que foron forzados a conversión.

Moitos dos cristiáns novos continuaron a secretamente observar o xudaísmo e preservar a lingua até que inquisición se estabeleceu en Portugal en 1536, producindo unha onda migratoria dos conversos cara a Francia, Holanda, Inglaterra e Américas.

Por mor das súas semellanzas, o xudeoportugués morreu axiña en Portugal, mais sobreviviu na diáspora como lingua do día a día até comezos do século XIX. Tamén sobrevive en forma de substrato no papiamento.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Xava

Xava (En indonesio: Jawa), é unha illa de Indonesia. Cunha poboación de 135 millóns (excluíndo os 3´6 millóns de Madura, que se administra como parte de Xava), é a illa máis poboada do mundo, e unha das rexións máis densamente poboadas do mundo. É a residencia do 60% da poboación de Indonesia. A capital de Indonesia, Iacarta, está no oeste de Xava. Gran parte da historia de Indonesia levouse a cabo en Xava, que foi o centro de poderosos imperios hindú- budistas, sultanatos islámicos, o centro colonial das Indias Orientais Neerlandesas, e foi o centro da campaña pola independencia Indonesia. A illa domina a vida social, política e económica indonesia.

Conta con tres linguas principais, aínda que o xavanés é dominante e é a lingua materna de 60 millóns de persoas en Indonesia, a maioría dos cales viven en Xava. A maioría dos residentes son bilingüe, co Indonesio como a súa primeira ou segunda lingua. Aínda que a maioría da poboación de Xava é musulmá, Xava ten unha mestura diversa de crenzas relixiosas, etnias e culturas.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.