Lingua galaica

O galaico,[1] tamén coñecido como hispano-celta do noroeste, foi unha lingua celta (do tipo Q)[2][3] ou un grupo de linguas e dialectos, emparentados co celtibérico, falado a comezos da era cristiá no cuadrante noroeste da península Ibérica, máis especificamente entre a costa atlántica do oeste e o norte e unha liña imaxinaria que corta a península de norte a sur, ligando as actuais cidades de Oviedo e Mérida.[4][5] Así como ocorre co ilirio e o lígur, o corpus que se conserva está composto de palabras illadas e frases curtas atopadas en inscricións locais (en latín) ou glosadas por autores clásicos, xuntamente con onomástica (antropónimos, etnónimos, teónimos, topónimos) tamén atopada en inscricións, ou que sobreviviu até o presente en nomes de lugares, ríos ou montes. Diversas palabras de orixe céltica tamén foron preservadas polas linguas románicas locais (entre elas, o galego), e é probable que fosen herdadas destes dialectos celtas-Q.[6]

Galaico
Falado en: Gallaecia
Total de falantes: Lingua morta
Familia: Indoeuropea
 Linguas celtas
  Continental
   Galaico
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: ---
Iberia 300BC-es
Inscrición da estela de Nicer, fillo de Clutoso (Vegadeo). Inscrición da estela de Nicer, fillo de Clutoso (Vegadeo).

Distintividade

Tanto Pomponio Mela coma Plinio o Vello escribiron sobre as poboacións celtas e non celtas de Gallaecia e Lusitania. Algúns autores modernos especularon sobre a posibilidade de que ámbalas rexións compartisen unha mesma lingua céltica, mentres que outros autores sinalan dificultades non resoltas dentro desta hipótese, como as características fonéticas incompatíbeis das dúas rexións, como a preservación de *p- e o reflexo inconsistente das consoantes líquidas silábicas.[7][8][9][10][11] A evidencia filoxenética amosa que a lingua galaica, se ben comparte algunhas características co celtibero, ten evolucións fonéticas que o diferencian do celtibero.

Revitalización

A comezos do século XXI diversos movementos culturais amosaron interese en rescatar a tradición lingüística galaica. Algúns chegaron a propoñer revivir a lingua a través da reconstrución lingüística, baseándose nas evidencias existentes e en linguas celtas como o antigo irlandés ou o reconstruído protocelta. Unha das aspiracións deses movementos culturais é a creación dun dicionario atebivota formado por palabras do galaico. Eses traballos foron apoiados pola Liga Céltiga Galaica, que ademais promove o intercambio con outros movementos pancélticos como a Liga Céltica, aínda que esta última só recoñece movementos ligados a linguas celtas vivas.[12][13][14]

Galería

Latronius Celtiati

Estela antropomórfica de Verín con inscrición en latín e antropónimos locais: LATRONIUS CELTIATI F(ilius) H(ic) S(itus) E(st)

Estela de Crecente. Séc I dC. Museo Provincial de Lugo

Estela de Crecente (Mera, Lugo) con inscrición latina: APANA AMBOLLI F(ilia) CELTICA SVPERTAM(arica) [Castello] MIOBRI AN(norum) XXV H(ic) S(itus) E(st) APANVS FR(ater) F(aciendum) C(uravit).

Lucoubu arquien

Inscrición votiva adicada a Lugh: LUCOUBU ARQUIEN(obu) SILONIUS SILO EX VOTO

Cosou Daviniago

Inscrición votiva adicada a unha divindade local, Cosso, nunha ara de Meirás, Sada: COSOU DAVINIAGO Q(uintus) V() C() EX VOTO

Ara a Coso Udaviniago

A mesma cá anterior

Fonte do Ídolo Braga

Inscricións atopadas en Braga, Portugal: [Ce]LICUS FRONTO ARCOBRIGENSIS AMBIMOGIDUS FECIT; e TONGOE NABIAGOI CELICUS FECIT FRONT[o]

VECIUS VEROBLII

Inscrición latino-galaica: VECIUS VEROBLII F(ilius) PRICE[ps ...] / CIT(...) C(ASTELLO) CIRCINE AN(norum) LX / [...]O VECI F(ilius) PRINCEPS CO[...] / H(ic) S(iti) SVNT HEREDES SIB[i]

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para galaico.
  2. Prósper, B. M. (2002). Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la península ibérica. Ediciones Universidad de Salamanca. pp. 422–427. ISBN 84-7800-818-7.
  3. Villar F., B. M. Prósper. (2005). Vascos, Celtas e Indoeuropeos: genes y lenguas. Ediciones Universidad de Salamanca. pp. 333-350. ISBN 84-7800-530-7.
  4. "The Celts in the Iberian Peninsula: Celtiberian", artigo de Carlos Jordán Cólera en e-Keltoi vol. 6, 16 de marzo de 2007 páx. 749–750 (en inglés).
  5. Koch, John T. (2006). Celtic Culture: A Historical Encyclopedia. ABC-CLIO. p. 481.
  6. Palabras do galego, como crica, do protocelta *kīkwā ("suco"), laxe, do proto-celta *(p)lagēnā ("punta de lanza"), leira, do proto-celta *(p)lāryo- ("piso", "chan"), ou alboio, do proto-celta *(p)are-bowyo-.
  7. Among them the Praestamarci, Supertamarci, Nerii, Artabri, and in general all people living by the seashore except for the Grovi of southern Galicia and northern Portugal: 'Totam Celtici colunt, sed a Durio ad flexum Grovi, fluuntque per eos Avo, Celadus, Nebis, Minius et cui oblivionis cognomen est Limia. Flexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit fluvios Laeron et Ullam. Partem quae prominet Praesamarchi habitant, perque eos Tamaris et Sars flumina non longe orta decurrunt, Tamaris secundum Ebora portum, Sars iuxta turrem Augusti titulo memorabilem. Cetera super Tamarici Nerique incolunt in eo tractu ultimi. Hactenus enim ad occidentem versa litora pertinent. Deinde ad septentriones toto latere terra convertitur a Celtico promunturio ad Pyrenaeum usque. Perpetua eius ora, nisi ubi modici recessus ac parva promunturia sunt, ad Cantabros paene recta est. In ea primum Artabri sunt etiamnum Celticae gentis, deinde Astyres.', Pomponius Mela, Chorographia, III.7-9.
  8. cf. Wodtko 2010: 361-362
  9. Prósper 2002: 422 and 430
  10. Prósper 2005: 336-338
  11. Prósper 2012: 53-55
  12. "Gallaic Revival Movement". Consultado o 11 de maio de 2013.
  13. "Gallaic Revival". Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2013. Consultado o 11 de maio de 2013.
  14. "Old Celtic Dictionary". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2012. Consultado o 09 de xullo de 2015.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Bembibre, León

Bembibre é un concello español da provincia de León, na comarca do Bierzo (Castela e León). A súa poboación é de 9929 habitantes (INE 2012).

Cultura castrexa

A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur.

Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas; as primeiras serían consideradas tradicionalmente celtas e de aí a identificación tanto culta como popular e mítica que deu raíz ao celtismo. No lento período formativo, que duraría ata o século V a.C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior. Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a.C. e continuou na forma de Cultura Galaico-romana despois da invasión romana e ata os séculos III ou mesmo o IV d.C.

Galaicos

Galaico é un termo actual derivado do latino gallaeci ou callaeci e do grego Καλλαϊκοί, que designaba un conxunto de pobos de cultura e lingua celtas ou celtizadas -sen que exista consenso entre os investigadores- do noroeste da Península Ibérica antes e durante o Imperio Romano. O termo gallaecus/gallaeco tamén designou, desde finais do Imperio de Occidente ata entrada a Idade Media, os habitantes de Gallaecia e Galicia, evolucionando lingüisticamente ata o xentilicio actual galego.

Aínda que poidamos falar dos galaicos durante a Idade Media, tradicionalmente o termo aplícase ao período previo á integración destes pobos no Imperio romano, servindo tamén como xentilicio culto para os habitantes da actual Galicia, do mesmo xeito que se empregan os cultismos galo, xermánico, anglosaxón ou luso, aos habitantes de Francia, Alemaña, Inglaterra e Portugal respectivamente.

Instituto Galego de Estudos Célticos

O Instituto Galego de Estudos Célticos (IGEC) é unha asociación cultural creada no ano 2009. O principal obxectivo do Instituto é promover a investigación multidisciplinar no campo dos estudos celtas en Galicia, norte de Portugal e o marco atlántico europeo, con atención especial ás chamadas nacións celtas. O IGEC tamén promove o coñecemento da historia, cultura e sociedade de Galicia, así como o intercambio académico e científico. Ademais, o Instituto ten como obxectivo a recuperación e preservación (a través da educación) dos elementos da cultura celta presentes e visibles na sociedade contemporánea galega.

O IGEC participou nos foros públicos organizados en abril de 2011, The Celts of Atlantic Europe, en Narón. Delegados do IGEC participaron tamén ese mesmo ano no International Congress of Celtic Studies en Maynooth, Irlanda.O Instituto ten autogoberno e é independente, a pesar de que moitos dos seus membros son académicos e traballan en distintas áreas como a arqueoloxía, a historia, a xeografía, a lingüística e as ciencias sociais.

Pobo galego

Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica.Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común co portugués (co que mantén un 85% de intelixibilidade) e semellante a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.

Existiron numerosos persoeiros galegos con relevancia ó longo da historia. O relixioso galaico Prisciliano foi o principal impulsor do priscilianismo, unha corrente relixiosa cristiá, difundida no século IV en Hispania, e sobre todo na Gallaecia. O cristián do século X Paio, foi canonizado pola Igrexa católica. O explorador Joan de Novoa foi un cabaleiro, mariño e explorador descubridor da illa de Ascensión e de Santa Helena, e Luís Vaz de Torres foi un navegante e o primeiro europeo en ver Australia, levando o seu nome o estreito de Torres. Famosos escritores galegos foron Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez e o Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela. O futbolista Luis Suárez Miramontes é considerado un dos mellores xogadores do século XX. Ademais, numerosas personalidades políticas internacionais teñen orixe galega, como o presidente de Cuba, Fidel Castro, o presidente da Arxentina, Raúl Alfonsín e o presidente do Uruguai, Tabaré Vázquez, alén de personalidades do mundo do espectáculo, como A Bela Otero, Julio Iglesias, Manu Chao ou Martin Sheen.

A poboación de Galicia é de 2 718 525 habitantes (2016), pero por mor da emigración de finais do século XIX e comezos do XX, é común atopar descendentes de galegos noutras partes de España, de Europa e de moitos países do continente americano. Historicamente, a emigración do pobo galego debeuse a factores políticos, económicos e sociais. A raíz da diáspora galega, estímase que no presente hai 10 millóns de persoas de ascendencia galega, moitas delas reunidas nos Centros Galegos. O maior grupo de persoas de ascendencia galega reside na Arxentina, con case 150.000 galegos, sendo coñecida polos galegos como a quinta provincia.

Rexurdimento celta

Coñécese como Rexurdimento celta o revivir do interese pola cultura, os mitos, lendas e a literatura dos "pobos celtas" que se produciu en Europa na segunda metade do século XVIII e continuou durante o Romanticismo e parte do século XX.

Topónimos célticos en Galicia

A toponimia céltica de Galicia é a totalidade de topónimos de lugares antigos e actuais, ríos (hidrónimos) ou montañas que se crearon coa lingua céltica e polo tanto teñen etimoloxía céltica, e que están ou estaban situados dentro dos límites da Galicia actual.

Céltico continental
Céltico insular
Mesturadas
Áreas celta-falantes
Educación inmersiva
Reconstrución
Antigos celtas
Estudos celtas
Celtas modernos
Rexurdimento celta
Linguas
Festivais
Listas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.