Lingua estándar

Unha lingua estándar (tamén estándar lingüístico) é unha elaboración artificial e planificada a partir do diasistema dunha lingua, co obxecto de obter un modelo de lingua unitario para o ensino, os usos oficiais e os usos escritos e formais, que á súa vez permita cohesionar política e socialmente o territorio onde é oficial. Outro termo sinónimo de lingua estándar é variedade estándar.

O proceso de estandarización está incluído na parte da política lingüística[1] relativa á modelación formal dunha lingua, á adscrición dun status xurídico e administrativo, e ao fomento da súa adquisición, coñecido en sociolingüística como planificación lingüística.[2][3]

Proceso de estandarización

O proceso de estandarización require seleccionar certos trazos do diasistema que se quere estandarizar, segundo a aplicación de criterios restritivos de criba. Tamén requírese da formalización e consensuación de certas formas que poidan ser empregadas como convención que marca os límites do que se considera e o que non se consideran formas da variedade estándar. Algunhas características non excluíntes que adoitan identificar a unha variedade estándar son:

  • Un sistema de escritura que fixe as convencións ortográficas que se empregarán para escribir a lingua e fixar formas comúns e estables.
  • Un dicionario ou grupo de dicionarios estándar, que corporizan un vocabulario e empregará a ortografía estandarizada definida previamente.
  • Unha gramática prescritiva recoñecida que rexistra as formas, regras e estruturas da linguaxe e que recomenda certas formas e castiga outras.
  • Un sistema de pronunciación estándar, que é considerado como "educado" ou "axeitado" polos falantes e que se considera libre de marcadores rexionais.
  • Unha institución ou persoas que promoven o uso da lingua e que posúen certa autoridade, formal ou informal, na definición das súas normas de uso, como a Real Academia Galega.
  • Un estatuto ou constitución que lle dá un estado oficial no sistema legal dun país.
  • O uso da lingua na vida pública, por exemplo no poder xudicial e o poder lexislativo.
  • Un canon literario.
  • A tradución á lingua de textos sagrados, como a Biblia.
  • O ensino escolar da ortografía e gramática estandarizadas.
  • A preferencia desta variedade particular, por riba doutras variedades mutuamente comprensibles coa anterior, para a aprendizaxe do idioma como unha segunda lingua.

Cando o estándar é lingua oficial do ensino, pode existir unha regulamentación política de tipo coercitivo, que obrigue a aplicalo en exclusiva no terreo educativo. Por exemplo a Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística que regula o uso do galego no ensino.[4]

Tipoloxías de estandarización

Para a estandarización, adoitan seleccionarse unha ou máis dos seguintes tipos de variedades dun diasistema nun determinado intre histórico:

  1. variedades diastráticas;
  2. variedades funcionais;
  3. variedades xeolectais.

De entre as diversas variedades sociolectais ou diastráticas, adóitase seleccionar a variedade das elites culturais, sociais, económicas e políticas, denominadas tamén variedades de prestixio. De entre as diversas variedades funcionais, diafásicas ou de rexistro, para a codificación gramatical e léxica é frecuente seleccionar a variedade máis fixa e tradicionalmente relacionada cos usos das capas sociais cultas (e ao mesmo tempo máis próxima ao estándar): a lingua escrita. De entre as diversas variedades xeolectais ou diatópicas, adóitase seleccionar a variedade da zona xeográfica onde se atopa o poder político ou económico dun país ou rexión lingüística.

Segundo a ou as variedades xeográficas que sirvan de base ao estándar, existen tres tipoloxías de estándar: unitario monocéntrico, unitario policéntrico (ou composicional) e pluricéntrico:

  • Chámase estándar unitario monocéntrico ao elaborado por un só organismo normativo, para o que selecciona unha soa variedade xeográfica.
  • Chámase estándar unitario policéntrico (ou composicional) ao elaborado por un só organismo normativo ou por un corpo coordinado de organismos normativos, no que se seleccionan e fusionan algunhas ou todas as variedades xeográficas dun mesmo diasistema. Este é o caso do galego, formado a partir da selección de variedades cultas e preferentemente de rexistros escritos de todo o eido galegofalante, ou tamén o do éuscaro unificado, ou éuscaro batua.
  • Chámase estándares pluricéntricos aos distintos estándares elaborados por distintos organismos, a partir dun mesmo diasistema lingüístico. Este é o caso da lingua catalá, que suma ao estándar unitario policéntrico orixinal, ou estándar composicional[5](elaborado a partir de todas as variedades xeográficas do catalán), un novo estándar unitario policéntrico elaborado só a partir das variedades cultas faladas na Comunidade Valenciana.[6]

Características dos estándares

Os estándares, como linguas elaboradas, restrinxidas e fixas, non poden considerarse variantes naturais dunha lingua. Ademais, como artificios que son, formados convencionalmente por axentes de planificación lingüística (autoridades lingüísticas: academias -para o galego, a RAG-, ou gramáticos, ortógrafos e lexicógrafos normativistas), non se crean por convención social dunha comunidade de falantes, senón como consecuencia dunha actuación expresa sobre a linguaxe. Como modelos de lingua fixos, teñen unha variación interna mínima e non están suxeitos ás leis naturais do cambio lingüístico. Para mutar, cómpre que un axente normalizador os modifique expresamente, a miúdo para axeitalos aos cambios que se asentaron na lingua natural ou para axeitalos a novas necesidades políticas, educativas, económicas ou sociais. Como modelos de lingua artificiais e elaborados, apréndense tras longos anos de instrución. Así, o estándar do galego non é un dialecto do galego, nin un diasistema. Tampouco é unha norma social ou norma usual, entendendo por norma usual o xeito particular do uso da lingua nun determinado grupo, sexa este social, xeográfico ou funcional. Se fose unha norma usual, habería multitude de estándares, dado que a norma usual implica, a dicir de Luís Fernando Lara (Lingua histórica e normatividad, Barcelona, Ariel, 2004) que «Haberá tantas normas como dialectos e sociolectos se poidan identificar. Posto que tales "normas" son falas de certas colectividades socialmente delimitadas, a cada individuo corresponderalle unha "norma" segundo o enfoque dialectal que se lle aplique».

Á marxe do estándar ou dos estándares oficiais dunha lingua, os medios de difusión masiva (prensa, radio, televisión e editoriais) poden crear os seus propios estándares, de acordo coas súas propias necesidades de comunicación e coas características concretas dos grupos de falantes aos que se dirixen. Estes estándares particulares recóllense nos libros de estilo de cada medio. Nestes estándares poden estar presentes trazos lingüísticos do diasistema que non están recoñecidos no estándar oficial.

Estándar e Conflito lingüístico

Norwegianmalforms
Linguas estándar de Noruega segundo concello.      Nynorsk     Bokmål
Artigo principal: Conflito lingüístico.

A creación dunha lingua estándar representa a miúdo o triunfo dunha certa variedade funcional, xeolectal ou sociolectal. A súa selección adoita ocasionar que outras variedades que difiren da estándar perdan prestixio social. Por iso nalgúns países a selección dunha lingua estándar pode xerar un conflito social e político, ao ser entendida como unha actitude excluínte.[7] No noruegués, por exemplo: existen dous estándares paralelos, o bokmål, baseado parcialmente na pronunciación local do dinamarqués na época na que Dinamarca dominou a Noruega e o nynorsk, baseado en formas dialectais do oeste de Noruega. Pola súa banda, o italiano inclúe dialectos cuxa variación é maior da que exhiben as dúas versións do noruegués.

Variedades estándares das linguas modernas

O italiano estándar deriva da variante xeográfica usada en Florencia e non do dialecto romano. O alemán estándar non se basea nunha cidade ou rexión específicas senón que foi desenvolvido nun proceso que durou varios centos de anos, durante o cal os escritores intentaron expresarse de forma tal de ser comprendidos nunha área o máis extensa posible. Ata comezos do século XIX o alemán estándar era un idioma exclusivamente escrito, aprendido case coma un idioma estranxeiro polos habitantes do norte do país, cuxos dialectos eran moi diferentes. O resultado foi que estes falantes intentaron pronunciar o alemán estándar seguindo coidadosamente a ortografía; esta forma da fala estendeuse máis tarde cara ao sur.

Outras linguas estándar presentan menos complicacións. No inglés británico, a pronunciación estándar (Received Pronunciation) baséase no sociolecto dos internados privados. Nos Estados Unidos, o estándar aproxímase aos dialectos do norte do Medio Oeste.

Notas

  1. [1]
  2. "Política Y Planificación Lingüísticas" (en castelán).
  3. [2]
  4. Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística
  5. "Gabriel Bibiloni: Sobre l'estàndard composicional" (en catalán).
  6. http://www.avl.gva.é/PDF/GNV.pdf[Ligazón morta]
  7. http://www.inadi.gov.ar/uploads/foros/educacion/documentos/lenguaje_como_instrumento.pdf[Ligazón morta]

Véxase tamén

Outros artigos

Alemaña

Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorabo: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorabo: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Alemaña está bordeada polo norte co mar do Norte, Dinamarca, e o mar Báltico, polo leste con Polonia e a República Checa, polo sur con Austria e Suíza, e polo oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio por un clima temperado estacional.

Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, constitúe o país máis poboado entre os membros da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a. C. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano que duraría ata o ano 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a guerra franco-prusiana. Trala segunda guerra mundial, Alemaña foi dividida en dous estados separados polas fronteiras formadas polas tropas aliadas en 1949. Os dous países reunificáronse de novo en 1990. Alemaña foi un membro fundador da Comunidade Económica Europea en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou a moeda da Unión, o Euro, en 1999.

Alemaña é unha república parlamentaria federal constituída por dezaseis estados (en alemán: Bundesländer). A capital e principal cidade do país é Berlín. É membro das Nacións Unidas, OTAN, o G8, e do G4; así mesmo foi un dos países asinantes do protocolo de Quioto. O país constitúe a quinta maior economía por PIB e o principal país exportador no ano 2007. En termos absolutos, é o segundo país do mundo cunha maior dotación orzamentaria á cooperación ao desenvolvemento, e o sexto en gasto militar. O país desenvolveu un alto nivel de vida e estableceu un complexo sistema de seguridade social. Posúe unha posición chave nos asuntos exteriores europeos e mantén diversos acordos de colaboración internacionalmente. Alemaña está recoñecida como un líder científico e tecnolóxico en diversos eidos.

Continuo dialectal

Un continuo dialectal (ou continuum xeolectal ou complexo dialectal) é un conxunto de variedades lingüísticas faladas en terras fronteirizas, con diferenzas lixeiras nas zonas contiguas e con intelixibilidade mutua que mingua ao afastárense, chegando a desaparecer. Deste xeito dúas linguas aceptadas como diferentes poden ter entre si un conxunto de dialectos intermedios sen perderse en ningún caso a intelixibilidade sucesiva. Un continuo dialectal pode desaparecer ao fragmentarse pola extinción dialectal consecuencia do reforzamento dunha ou varias lingua estándar.

Escandinavia

Escandinavia é a rexión cultural e histórica da Península Escandinava. Os países escandinavos son Noruega, Suecia e Dinamarca, que se recoñecen mutuamente como partes da Escandinavia. O rótulo colectivo "Escandinavia" reflicte a similitude cultural, e mailos fortes lazos históricos, entre eses países a pesar da súa independencia política.

O uso e o significado do termo fóra da Escandinavia é un tanto ambiguo, ás veces inclúese Finlandia e Islandia e outras veces exclúese Dinamarca. Eses significados alternativos son considerados incorrectos na Escandinavia, e ocasionalmente algunhas persoas pódense ofender con tal uso.

Para evitar ambigüidades, úsase o termo países nórdicos incluíndo os reinos escandinavos da Noruega, Suecia, Dinamarca e mailas repúblicas da Finlandia e Islandia.

Os termos Fenoscandia e Feno-Escandinavia poden tanto ser usados para incluír á península Escandinava, á península de Kola, Karelia e Finlandia no mesmo termo que alude ao Escudo Fenoscandiano, como se poden usar nun senso máis cultural, máis ou menos como sinónimo de países nórdicos, significando o contacto historicamente estreito entre as culturas e pobos fínicos, saami e escandinavos.

Fóra da Europa, os Países Baixos ás veces tamén se considera, de modo erróneo, Escandinavia. A razón para isto semella ser unha confusión con Dinamarca: ámbolos dous son pequenos países teutónicos con fronteiras no mar do Norte e os adxectivos en inglés Dutch e Danish (neerlandés e dinamarqués, respectivamente) son un pouco semellantes.

Eslovenia

Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Slovenija), oficialmente República de Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Republika Slovenija [rɛˈpùːblika slɔˈʋèːnija] ), é un país do sur da Europa central que fai fronteira con Italia polo oeste, co mar Adriático polo suroeste, con Croacia polo sur e o leste, con Hungría polo nordeste e con Austria polo norte. A principal cidade eslovena e capital do estado é Liubliana.

Durante a súa historia Eslovenia formou parte do Imperio Romano, o Imperio Bizantino, a República de Venecia, o Ducado de Carantania (só o a parte norte do país), o Sacro Imperio Romano Xermánico, a monarquía dos Habsburgo, o Imperio Austríaco (máis tarde chamado Imperio Austrohúngaro), o efémero Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (chamado Reino de Iugoslavia a partir 1929) entre a I e a II Guerra Mundial, e a República Federal Socialista de Iugoslavia dende o ano 1945 até o ano 1991, cando o país obtivo a súa independencia.

Hoxe en día, Eslovenia é o único país do ex-bloque comunista que forma parte da Unión Europea, a Eurozona, a Zona Schengen, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, o Consello de Europa e a OTAN.

Gramática descritiva

No estudo da linguaxe, a descrición, ou lingüística descritiva, é o traballo de analizar e describir obxectivamente como unha lingua é falada (ou como era falada antano) por un grupo de persoas ou unha comunidade. Todo o traballo de investigación no eido da lingüística é descritivo; coma noutras ciencias, o seu obxectivo é observar o mundo lingüístico tal e como é, polo míudo e sen interferencias ou ideas preconcevidas de como debería ser. A lingüística descritiva moderna baséase nun achegamento estrutural á linguaxe, como se exemplifica no traballo de Leonard Bloomfield entre outros. O descritivismo é a a corrente que cre que a descrición é máis significante ou importante para o estudo, a práctica e a ensinanza cá prescrición. A descrición lingüística adoita estar contrarrestada pola prescrición lingüística, a cal atópase principalmente no eido educativo e editorial. A prescrición busca definir as formas da lingua estándar e dar consello no emprego efectivo da lingua.

Indíxena

Indíxena é un termo que, en sentido amplo, aplícase a todo aquilo que é relativo a unha poboación orixinaria do territorio que habita, cuxo establecemento no mesmo precede ao doutros pobos ou cuxa presenza é o suficientemente prolongada e estable como para tela por oriúnda (é dicir, orixinario dun lugar).. Co mesmo sentido utilízase, con maior frecuencia, o termo equivalente nativo, presente en expresións como "idioma nativo". Tamén é habitual utilizar termos como pobos orixinarios, nacións nativas ou aborixes.En sentido estrito e máis habitualmente, aplícase a denominación indíxenas ás etnias que preservan as culturas tradicionais non europeas. Con este alcance, denomínase indíxenas aos grupos humanos que presentan características tales como:

pertencer a tradicións organizativas anteriores á aparición do estado moderno,

pertencer a culturas que sobreviviron a expansión planetaria da civilización europea.Hai que facer notar que este tipo de clasificación é para separar aos pobos que non teñen ascendencia Europea. Con todo, os saami poñen en entre dito o concepto do indíxena para o continente europeo por ser un pobo que ten as mesmas características tribais doutros pobos primitivos do mundo.Os indíxenas frecuentemente constitúen unha minoría (aínda que nalgúns casos son maioría), dentro de estados nacionais de corte europeo, organizados segundo pautas culturais, relixiosas, políticas, económicas, raciais etc., propias dunha contorna maioritariamente europeizada. Deste xeito, no sentido máis restrinxido e utilizado do termo, «o indíxena» fai referencia a un remanente pre-europeo que representa en si mesmo unha antítese da cultura europea.

Seguindo este uso, non é infrecuente falar de pobos indíxenas en distintas partes do mundo. Por exemplo, adoita considerarse que os maorís son un pobo indíxena de Nova Zelandia. Tamén pode falarse de indíxenas en Borneo, en África e noutros lugares.

Con todo, as poboacións nativas de Australia, aínda sendo tamén indíxenas, coñécense baixo a denominación distintiva de aborixes.

Outros pobos que manteñen fortes pautas culturais previas á expansión mundial europea, como os chinéses, hindús, xaponeses, persas, árabes, xudeus, exipcios etc. non adoitan incluírse no termo «indíxena» en sentido estrito.

Cun sentido máis restrinxido aínda, aplícase usualmente o termo «indíxena» aos indíxenas americanos, tamén chamados «amerindios», «indios», «nativos americanos», «pobos orixinarios» ou «primeiras nacións».En Canadá os indíxenas adoptaron a denominación de «primeiras nacións» («first nations») denominando á organización indíxena máis representativa do país como Asemblea das Primeiras Nacións.Os pobos indíxenas organizáronse en movementos e asociacións co obxectivo de defender e promover os dereitos dos indíxenas en todo o mundo.

Lingua abnaki

O abnaki (Wôbanakiôdwawôgan, en abnaki) é unha lingua algonquina oriental falada polo pobo abnaki no Canadá e nos Estados Unidos.

Lingua afrikaans

O afrikaans é unha lingua xermánica occidental que se fala principalmente en Suráfrica e Namibia.

Lingua alemá

O alemán (Deutsch, en alemán) é unha lingua indoeuropea pertencente ao grupo das linguas xermánicas occidentais. É tamén a lingua que máis falantes nativos ten na Unión Europea. É a lingua máis falada e a lingua (co-) oficial de Alemaña, Austria, Suíza, Tirol do Sur (Italia), a comunidade xermánica de Bélxica e Liechtenstein. É tamén unha das tres linguas oficiais de Luxemburgo. As linguas máis semellantes ó alemán son outros membros da póla de linguas xermánicas occidentais: o afrikaans, o neerlandés, o inglés, o frisón, o baixo alemán, o luxemburgués e o yiddish. O alemán é a segunda lingua xermánica máis falada, despois do inglés.

Unha das meirandes linguas do mundo, o alemán é a primeira lingua de arredor de 95 millóns de persoas en todo o mundo e a lingua nativa máis falada da Unión Europea. O alemán tamén é a cuarta lingua máis estendida (excluíndo o inglés) nos Estados Unidos de América (despois do castelán, o francés e a lingua de sinais americana) e a terceira da Unión Europea (despois do inglés e o francés; como segunda lingua), a segunda lingua máis común no eido científico así como a cuarta máis empregada nas páxinas web (despois do inglés, do ruso e do xaponés). Os países de fala alemá están clasificados no quinto posto en termos de publicacións anuais de libros, cunha décima parte de tódolos libros (incluíndo libros electrónicos) do mundo sendo publicados en lingua alemá.A maioría do vocabulario do alemán deriva da antiga póla xermánica da familia lingüística indoeuropea. Unha parte das palabras alemás derivan do latín e do grego, e só unhas poucas proveñen do francés e do inglés. Conta con diferentes variantes estandarizadas (de Alemaña, de Austria e Suíza), e é unha lingua pluricéntrica. Ó igual que o inglés, o alemán salienta polo seu amplo espectro dialectal, con moitas variantes existentes en Europa e tamén noutras partes do mundo. Por mor a limitada intelixibilidade entre certas variedades e o alemán estándar, así como pola falta dunha diferenza científica e sen disputa entre "dialecto" e "lingua", algunhas variedades ou grupos dialectais do alemán (véxase baixo alemán ou plautdietsch) son coñecidas alternativamente como "linguas" e "dialectos".

Lingua castelá

O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.

Lingua chinesa

O chinés (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).

Arredor dun quinto da poboación mundial, por riba de 1.000 millóns, falan algunha forma de chinés como lingua materna.

De acordo cos novos informes de marzo de 2007, un 86% da xente na República Popular da China fala unha variante do chinés. O mesmo informe indica que o 53%, 700 millóns, poden comunicarse eficazmente en mandarín estándar (normalmente chamado "mandarín"), superando a calquera outra lingua do mundo.

Trátase dunha lingua tonal, isto é, na que un mesmo conxunto de fonemas ten distinto significado en función do ton no que se emite. O chinés escríbese con caracteres que nalgún caso son ideogramas pero máis comunmente representan pronuncias e composicións. Unha persoa escolarizada coñece uns 1.000 caracteres e unha culta uns 5.000. A escritura chinesa é a base das escrituras tradicionais coreana e xaponesa. O xaponés actual utiliza uns 2.000 kanji, caracteres chineses co mesmo significado pero distinta pronuncia.

Lingua minangkabau

A lingua minangkabau (autónimo: Baso Minang(kabau); indonesio: Bahasa Minangkabau) é unha lingua austronesia falada polo pobo Minangkabau de Sumatra Occidental, a parte occidental de Riau, Jambi e Bengkulu. Tamén é falada en varias cidades de Indonesia por migrantes minangkabau. Tamén é unha lingua franca ó longo da rexión costeira occidental da provincia de Sumatra Setentrional, e mesmo é empregada en partes de Aceh, onde é chamada Aneuk Jamee. Por outra banda, é falada nalgunhas partes de Malaisia, especialmente en Negeri Sembilan.

Debido ás grandes semellanzas entre a lingua minangkabau e o malaio, existe controversia sobre da relación entre ambas. Algúns consideran o minangkabau como un dialecto do malaio, mentres que outros consíderana como unha lingua de seu.

Lingua norueguesa

O noruegués é unha lingua escandinava e oficial na Noruega. É falada por 5 millóns de persoas en Noruega.

Existen, por lei, dúas formas oficiais de noruegués escrito, o bokmål ("lingua de libro") e o nynorsk ("noruegués novo").

Non hai un estándar oficial para o noruegués falado, aínda que o sociolecto das clases media e alta de Noruega Oriental, no cal está baseado fundamentalmente o noruegués bokmål, é a forma que se ensina aos estudantes estranxeiros.

Desde o século XVI ata o século XIX, os danés foi a lingua estándar de escritura en Noruega; como resultado, o desenvolvemento do noruegués escrito moderno foi obxecto dunha forte controversia relacionada co nacionalismo, co discurso rural fronte urbano. Historicamente, o bokmål é a forma norueguesizada do danés, mentres que o nynorsk é a forma baseada nos dialectos noruegueses e representa a oposición purista ao danés. Houbo unha política oficial, xa abandonada, de fusionar ambos nun estándar común chamado samnorsk, dándose unha serie de reformas e de variedades de ambos o bokmål e o nynorsk. A forma non oficial riksmål está considerada como máis conservadora do que o bokmål, e a tamén non oficial høgnorsk máis conservadora que o nynorsk.

Os noruegueses edúcanse en ambos o bokmål e o nynorsk. No 2005 un 86.3% afirmaba usar principalmente bokmål como a forma de escritura, un 5.5% bokmål e nynorsk, e un 7.5% basicamente nynorsk. Dun xeito aproximado, pódese dicir que o bokmål e riksmål danse mais nas áreas urbanas e suburbanas, fronte ao nynorsk nas rurais, particularlmente na parte occidental de Noruega.

A corporación norueguesa de radiodifusión (NRK) emite tanto en bokmål como en nynorsk, e todas as axencias do goberno deben permitir ambos. O bokmål úsase nun 92% de todas as publicacións.

Como exemplo, móstranse algunhas frases onde se aprecian as diferenzas entre bokmål, nynorsk:, riksmål e høgnorsk:

B/R: Jeg kommer fra Norge.(exactamente igual que en danés)

N: Eg kjem frå Noreg.

G: Veño de Noruega.

B/R: Hva heter han?

N/H: Kva heiter han?

G: Como se chama?

B/R: Dette er en hest.

N/H: Dette er ein hest.

G: Ese é un cabalo.

B: Regnbuen har mange farger.

R: Regnbuen har mange farver.

N: Regnbogen har mange fargar.

H: Regnbogen hev mange fargar.

G: O arco da vella ten moitas cores.

Lingua shona

A lingua shona ou chiShona é a máis falada das linguas bantú, falada polo pobo shona de Cimbabue. O termo tamén se pode empregar para identificar ós pobos que falan algunha das variedades do shona central: zezuru, karanga, manyika e korekore. Baseándose nun artigo de 1931 de Clement Doke, o shona estándar desenvolveuse a partir das diferentes variedades do shona central. Xa que a capital atópase na rexión Zezuru, esta variedade fíxose dominante na lingua estándar.

O shona é unha das linguas oficiais de Cimbabue. Outros países con falantes shona son Botswana, Mozambique e Zambia por mor da chegada de refuxiados provocados pola crise económica de Cimbabue.

Lingua tibetana

A lingua tibetana (ལྷ་སའི་སྐད་) é a lingua estándar máis falada das linguas tibéticas. Está baseada na fala de Lhasa, un dialecto Ü-Tsang (tibetano central). Por esta razón, a lingua tibetana é a miúdo chamado tibetano de Lhasa. O tibetano é unha lingua oficial da Rexión Autónoma do Tíbet da República Popular da China. A lingua escrita está baseada no tibetano clásico e é altamente conservadora.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Mandarín

O mandarín (北方話, 北方话, běifāng huà , "fala do norte") como termo xeral refírese ao conxunto de dialectos chineses mutuamente intelixíbeis que se fala no norte, centro e suroeste da China continental.

Non hai que confundilo coa outra acepción de mandarín, non obxecto deste artigo, a do mandarín estándar ou padrón (普通話 / 普通话, pǔtōnghuà, "lingua común", tamén chamada 漢語 / 汉语, hànyǔ, "lingua dos Hàn" , o cal se refire á lingua oficial da República Popular de China desde 1956, a lingua oficial de Taiwán(Formosa), e unha das catro linguas oficiais de Singapur.

O mandarín escríbese por medio de sinogramas, que son susceptíbeis de ser transcritos en caracteres románicos, na actualidade o máis frecuentemente en pinyin (como na maioría dos artigos da Wikipedia), mais tamén en bopomofo.

O mandarín (a miúdo chamado simplemente chinés) é a lingua máis falada do mundo (debido á elevada poboación da China). Porén, aínda cando hoxe é ensinado a todos os chineses, os máis vellos non falan todos o mandarín senón outras linguas chinesas, como o cantonés, ou distintas como o tibetano ou o mongol. O mandarín, que os dirixentes comunistas designaron como a lingua vehicular da súa nación enteira (de aí o termo pǔtōnghuà, «lingua común»), era primitivamente o idioma das comunidades chinesas do norte do país. Mesmo posuíndo unha antiga historia literaria, o mandarín non deriva da lingua clásica literaria e artificial (文言 wényán), abandonada en 1919, logo de ter sido utilizada como lingua escrita oficial e literariamente durante máis de dous mil anos; por contra, foi dunha lingua vernácula falada (白話 báihuà, «lingua simple») da que procede o mandarín. En 1956, foi a variante de Pequín a promovida ao rango de lingua oficial, sendo considerada a miúdo como a variante patrón deste idioma. O mandarín de Pequín posúe, porén, peculiaridades (como a utilización frecuente da retroflexión vocálica marcada por medio do sufixo -er) e dise tamén que os pequineses teñen un «acento». O mandarín dun taiwanés será, porén, moi pouco diferente do dun pequinés.

Fóra da China, hai importantes comunidades chinesas que comparten esta lingua, a cal é ensinada en numerosos colexios e universidades do mundo.

Como as outras linguas chinesas, é unha lingua de tons. Emprega catro tonemas, que cambian o sentido ou significado da palabra, alto e chan, ascendente, lixeiramente descendente logo ascendente (modulado) e descendente.

Os tons son representados na China por tiles sobre das vogais das sílabas da escrita romanizada dita pinyin e, en Taiwan, polas mesmas tiles sobre dos grafemas do bopomofo. Tamén se utiliza o número do ton no final da sílaba cando as dificultades técnicas (teclado etc) impiden colocar ou ler os tiles.

Toupa ibérica

A toupa ibérica (Talpa occidentalis) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae endémica do oeste e centro da Península Ibérica que vive comendo vermes e miñocas baixo terra. A toupeira adóitase atopar en praderías, cultivos regados e terreos de bo solo orgánico. Tamén habita bosques de chopos, freixos e olmos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.