Lingua chinesa

O chinés[3] (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano[4]. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).

Arredor dun quinto da poboación mundial, por riba de 1.000 millóns, falan algunha forma de chinés como lingua materna. De acordo cos novos informes de marzo de 2007, un 86% da xente na República Popular da China fala unha variante do chinés.[5] O mesmo informe indica que o 53%, 700 millóns, poden comunicarse eficazmente en mandarín estándar (normalmente chamado "mandarín"), superando a calquera outra lingua do mundo.

Trátase dunha lingua tonal, isto é, na que un mesmo conxunto de fonemas ten distinto significado en función do ton no que se emite. O chinés escríbese con caracteres que nalgún caso son ideogramas pero máis comunmente representan pronuncias e composicións. Unha persoa escolarizada coñece uns 1.000 caracteres e unha culta uns 5.000. A escritura chinesa é a base das escrituras tradicionais coreana e xaponesa. O xaponés actual utiliza uns 2.000 kanji, caracteres chineses co mesmo significado pero distinta pronuncia.

New-Map-Sinophone World
Lenda:      Países que teñen o chinés como lingua nativa ou administrativa      Países con máis de 5 000 000 de falantes de chinés      Países con máis de 1 000 000 de falantes de chinés      Países con máis de 500 000 falantes de chinés      Países con máis de 100 000 falantes de chinés      Principais comunidades de falantes de chinés

Historia

Artigo principal: Historia da lingua chinesa.

A historia da lingua remóntase até hai uns 3 000 anos, época da que datan os primeiros documentos escritos en chinés. A lingua evolucionou dende unha hipotética protolingua sino-tibetana que ao longo do tempo deu lugar a diferentes variedades locais que son mutuamente inintelixíbeis. Por mor disto, os diversos gobernos centrais da China tentaron de xeito repetido impulsar un estándar unificado.[6]

Orixes

A meirande parte dos lingüistas clasifica as variedades do chinés como parte da familia de linguas sino-tibetanas xunto coa lingua birmana, as linguas tibetanas e outras faladas no Himalaia.[6] Aínda que a relación entre estas linguas xa foi evidenciada a comezos do século XIX, a reconstrución da orixinaria lingua sino-tibetana está moito menos desenvolvida que no caso do indoeuropeo ou o austroasiático. Entre as principais dificultades destaca a enorme diversidade de linguas, a falta de flexión en moitas delas e os efectos do contacto entre linguas. Ademais, moitas das linguas con menos falantes fálanse en zonas montañosas de difícil acceso.[7] Sen unha reconstrución fiábel da protolingua sino-tibetana, a estrutura principal da familia aínda segue sen estar clara.[7]

Chinés antigo e medio

Os exemplos máis antigos que se conservan de chinés son inscricións en ósos oraculares do ano -1250, coincidindo coa época da dinastía Shang.[8] O chinés antigo foi a lingua da época da dinastía Zhou do Oeste (entre -1046 e -771), e consérvase nas inscricións chinesas en bronce, en Shijing, tamén en partes de Shujing e I Ching.[9]

Diversos estudosos tentaron reconstruír a fonoloxía do chinés antigo comparando as variedades máis modernas de chinés coa rima de Shijing e cos elementos fonéticos que se atopan na meirande parte dos caracteres chineses.[6]

A pesar de que moitos dos detalles quedan aínda por esclarecer, sábese que o chinés antigo difire do chinés medio na ausencia de consoantes obstruentes retroflexas e palatais, mais si amosa grupos consonánticos iniciais, así como nasais e líquidas xordas.[9] As reconstrucións máis recentes tamén describen o chinés antigo como unha lingua atonal con grupos consonánticos ao final da sílaba, que evolucionou cara unha lingua con distinción tonal no chinés medio.[9] Tamén se puideron identificar diversos afixos derivativos, pero a lingua non era flexiva, polo que indicaba as relacións gramaticais empregando partículas gramaticais ou alterando a orde sintáctica.[8]

O chinés medio foi a lingua empregada durante e época das Dinastías do Norte e do Sur e coas dinastías Sui, Tang e Song (entre os séculos VI e X). Pódense distinguir dúas etapas do chinés medio. A etapa máis temperá está reflectida no dicionario de rima Qieyun (do ano 601), mentres que a segunda etapa atópase recollida nas táboas de rima Yunjing, feitas por antigos filólogos chineses como guía para interpretar o sistem de Qieyun.[9]

Estes traballos definen as categorías fonolóxicas, mais non se sabe con certeza os sons que representan.[10] Os lingüistas identificaron algúns sons comparando as categorías con pronuncias das variedades modernas de chinés e préstamos do chinés noutras linguas, como o xaponés, o vietnamita e o coreano.[6] O sistema resultante é moi complexo e cun número moi grande de consoantes e vogais, mais seguramente non se distinguían todas elas nun só dialecto, senón que representaba un diasistema que recollía os estándares do norte e o sur no século VI para poder ler os clásicos.[6]

Auxe dos dialectos do norte

Despois da caída da dinastía Song e durante o reinado das dinastías do norte Jin e Yuan, desenvolveuse unha nova fala (hoxe coñecida como mandarín antigo) baseada nos dialectos da Chaira do Norte da China arredor da capital.[6] O Zhongyuan Yinyun (1324) foi un dicionario que codificou as convencións de ritmo do novo verso sanqu nesta lingua.[6] Xunto co posterior Menggu Ziyun, este dicionario amosa que a lingua compartía numerosas características que se atopan nos dialectos de mandarín modernos.[6]

Até mediados do século XX, a meirande parte da poboación do sur da China só falaba a súa lingua local. Por este motivo, durante a época da Dinastía Ming e da Dinastía Qing, os oficiais tiñan que encargarse da administración do imperio usando unha lingua común baseada nos dialectos do mandarín, coñecida como Guānhuà (官話, literalmente "lingua dos oficiais").[6] Durante este tempo, esta lingua foi usada como koiné e estaba baseada nos dialectos falados na zona de Nanjing, pero non se correspondía cun dialecto único e concreto.[11] Cara a metade do século XIX, o dialecto de Pequín converteuse no dominante e foi esencial para calquera tipo de negocio nos tribunais imperiais.[11]

Na década de 1930 adoptouse o chinés estándar como lingua nacional baixo o nome de Guóyǔ (国语/國語 "lingua nacional"). Despois de diversas disputas polas propostas das variedades do norte e do sur, finalmente a Comisión Nacional pola Unificación da Lingua impuxo o dialecto de Pequín en 1932. Trala fundación da República Popular da China en 1949, o estándar pasou a ser chamado pǔtōnghuà (普通话/普通話 "fala común").[10] A lingua nacional é hoxe en día usada na educación, os medios de comunicación e nas situacións formais tanto na China como en Taiwán.[6] En Hong Kong e Macau, por mor da súa historia lingüística e colonial, a lingua da educación, os medios, as situacións formais e a vida diaria segue a ser o cantonés, aínda que a lingua estándar é moi influente e ensínase nas escolas.[12]

Variedades

O sinoloxista Jerry Norman estimou que existen centos de variedades inintelixíbeis de chinés.[13] Esas variedades forman un continuo dialectal cuxas diferenzas medran a medida que aumenta a distancia entre elas.[6] Xeralmente, as áreas montañosas do sur da China amosan unha diversidade lingüística meirande que na chaira do norte da China. Nalgunhas zonas do sur, o dialecto principal dunha cidade só é comprensíbel para os seus veciños máis próximos. Por exemplo, a cidade de Wuzhou atópase a 190 km río arriba de Guangzhou, pero a variedade de cantonés falada alí é máis semellante á de Guangzhou que á de Taishan, a 95 km ao suroeste de Guangzhou. En zonas da provincia de Fujian, as falas dos condados veciños ou mesmo vilas poden ser inintelixíbeis entre elas.[6]

Até finais do século XX, os emigrantes chineses ao sur de Asia e América do Norte procedían das áreas costeiras do sur do país, onde se fala min, hakka e cantonés.[6] A maioría dos inmigrantes chineses de América do Norte falan o dialecto de Taishan.[10]

Clasificación

Map of sinitic languages cropped-en
As distintas linguas chinesas da China e Taiwán.

Número de falantes nativos (incluíndo todos os países):[14]

Circle frame.svg

     Mandarín: 847,8 millóns (70.9%)     Wu: 77,2 millóns (6.5%)     Min: 71,8 millóns (6.0%)     Yue: 60 millóns (5.0%)     Jin: 45 millóns (3.8%)     Xiang: 36,0 millóns (3.0%)     Hakka: 30,1 millóns (2.5%)     Gan: 20,6 millóns (1.7%)     Huizhou: 4,6 millóns (0.4%)     Pinghua: 2 millóns (0.2%)


As variedades locais de chinés adóitanse clasificar en sete grupos dialectais de acordo coa diferente evolución dende o chinés medio:[6][15]

  • Mandarín, incluíndo o chinés estándar, o mandarín de Sichuan e a lingua dungan, falada en Asia Central.
  • Wu, incluíndo o dialecto de Shanghai.
  • Gan.
  • Xiang
  • Min, incluíndo o fuzhou, o hokkien, a lingua taiwanesa e o teochew.
  • Hakka
  • Yue, incluíndo o cantonés e o dialecto de Taishan.

A clasificación do lingüista Li Rong, que foi empregada no Language Atlas of China (1987), distingue outros tres grupos máis:[15][16]

  • Jin, anteriormente incluído no mandarín.
  • Huizhou, anteriormente incluído no Wu.
  • Pinghua, anteriormente incluído no Yue.

Algunhas variedades quedan aínda sen clasificar, entre as que se atopan o dialecto de Danzhou (falado en Danzhou na illa de Hainan), o Waxianghua (falado no oeste de Hunan) e o Shaozhou Tuhua (falado no norte de Guangdong).[15]

Chinés estándar e diglosia

O Putonghua ou Guoyu, máis coñecido como mandarín, é a lingua estándar oficial empregada na República Popular da China, Taiwán e Singapur (onde se coñece co nome de "Huayu" ou simplemente chinés). Está baseada no dialecto de Pequín, que é o dialecto de mandarín falado en Pequín. Os gobernos destes países pretenden que os falantes de tódalas variedades de chinés empreguen o mandarín como unha lingua común de comunicación, e por iso é empregado nos medios de comunicación, como lingua vehicular das escolas e nas axencias dos gobernos.

Na China continental e Taiwán a diglosia e frecuente. Por exemplo, ademais de falar mandarín, un residente de Shanghai tamén adoita ser quen de falar no dialecto de Shanghai da lingua wu; e se medrou noutro lugar mesmo podería falar o dialecto particular daquel lugar. Unha persoa de Guangzhou adoita poder falar cantonés e tamén mandarín. En Taiwán, a maioría da poboación fala taiwanés, hakka ou unha lingua austronesia ademais de mandarín.[17] En Taiwán é habitual que a xente mesture pronunciacións, frases e palabras do mandarín coas doutras linguas da illa. Esta mestura considéranse algo normal en contextos informais ou familiares.[18]

Escrita

Artigo principal: Escrita chinesa.

A relación entre o chinés falado e o escrito é bastante complexa. As variedades do chinés foron evolucionando ao longo do tempo, mentres que a escrita cambiou moi pouco. A literatura chinesa clásica comezou no Período das Primaveras e Outonos, aínda que os exemplos máis antigos que se conservan de chinés son inscricións en ósos oraculares do ano -1250, coincidindo coa época da dinastía Shang.[8]

A ortografía chinesa baséase en caracteres ou hanzi, que se escriben en bloques rectangulares imaxinarios. Tradicionalmente escribíanse en columnas verticais que se debían ler de arriba a abaixo e de esquerda a dereita. Os caracteres chineses son morfemas independentes dos cambios fonéticos. Por exemplo, o carácter ("un") lese en chinés estándar, jat1 en cantonés e chi̍t/it en hokkien. O vocabulario das principais variantes chinesas é moi diverxente e tamén existen "caracteres dialectais" que se empregan nas diversas variantes en situacións coloquiais de chinés escrito. Por exemplo, os caracteres 冇 e 係 do cantonés e a lingua hakka son considerados arcaicos e non se usan na escrita do chinés estándar.

O cantonés coloquial escrito fíxose moi popular nos chats da Internet e na mensaxería instantánea entre os falantes de cantonés de Hong Kong. O seu emprego está considerado moi informal e non se utiliza en contextos máis formais.

Na provincia de Hunan, as mulleres de certas áreas escriben a súa lingua local mediante un silabario derivado dos caracteres chineses chamado Nüshu.

A lingua dungan, ás veces considerada un dialecto do mandarín, escríbese co alfabeto cirílico e no pasado escribíase co alfabeto árabe. O pobo dungan é de relixión musulmá e vive principalmente en Casaquistán, Kirguizistán e Rusia.

Caracteres chineses

XingshuLantingxv
Lantingji Xu de Wang Xizhi, escrito nun estilo de semicursiva.

Cada un dos caracteres chineses representa unha palabra monosilábica ou un morfema. No ano 100, o famoso estudoso da dinastía Han Xu Shen clasificou os caracteres en seis categorías: pictogramas, ideogramas, ideogramas compostos, préstamos fonéticos, compostos fonéticos e caracteres derivativos. Deles só un 4% foi categorizado como pictogramas, incluíndo algún dos caracteres máis simples, como rén 人 (humano), 日 (sol), shān 山 (montaña, outeiro), shuǐ 水 (auga). Entre un 80% e un 90% foron clasificados como compostos fonéticos, como chōng 沖 (verquer), combinando o compoñente fonético zhōng 中 (medio) co radical semántico 氵(auga). Case todos os caracteres creados dende entón son deste tipo. O dicionario de Kangxi do século XVIII recoñecía 214 radicais diferentes.

Os caracteres modernos desenvolvéronse a partir da escrita kaishu. Existen varios estilos de escrita na caligrafía chinesa, entre os que se inclúen a escrita de selo, a escrita en cursiva e a escrita clerical. Os artistas de caligrafía poden empregar os caracteres tradicionais ou os simplificados, mais adóitanse usar os primeiros para a arte tradicional.

Existen dous sistemas de uso para os caracteres chineses. O primeiro é o sistema tradicional, que aínda se usa en Hong Kong, Taiwán, Macau e as comunidades chinesas no estranxeiro, agás Singapur e Malaisia. Tomou forma a partir dos caracteres estandarizados que datan da derradeira dinastía Han. O segundo é unha simplificación da escrita chinesa que se introduciu na República Popular da China en 1954 para facilitar a alfabetización masiva da poboación.

Singapur, que posúe unha considerábel comunidade chinesa, é o único e primeiro país estranxeiro que adoptou de forma oficial a simplificación dos caracteres. En Malaisia tamén é o sistema máis empregado de facto entre as xeracións máis novas.

Un lector chinés cunha boa educación pode recoñecer entre 4 000 e 6 000 caracteres, mentres que se requiren uns 3 000 para poder ler e entender os xornais. O goberno chinés define a alfabetización dos seus traballadores co coñecemento de 2 000 caracteres, aínda que esta só é unha alfabetización funcional. Un dicionario completo, como o dicionario de Kangxi, contén arredor de 40 000 caracteres, incluíndo caracteres arcaicos e raros, dos que menos dunha cuarta parte son de uso común hoxe en día.

Homófonos

O chinés estándar ten menos de 1 700 sílabas diferentes pero uns 4 000 caracteres escritos de uso común, polo que moitos deles son homófonos. Por exemplo, tódolos seguintes caracteres (non necesariamente palabras) pronúncianse : 鸡/雞 galiña, 机/機 máquina, 基 básico, 击/擊 golpear, 饥/饑 fame e 积/積 acumular. Na oralidade, o significado da sílaba está determinado polo contexto. Os falantes poden clarificar que caracteres están a empregar ofrecendo palabras ou frases a modo de exemplo: 名字叫嘉英,嘉陵江的嘉,英國的英 Míngzi jiào Jiāyīng, Jiālíng Jiāng de jiā, Yīngguó de yīng – "O meu nome é Jiāyīng, 'Jia' como o 'río Jialing' e 'ying' como en 'Inglaterra'."

As variedades meridionais como o cantonés ou o hakka preservaron máis rimas de sílabas e tamén teñen máis tons. Algúns dos exemplos anteriores do mandarín teñen unha pronuncia distintan en cantonés (romanizado usando o jyutping): gai1, gei1, gei1, gik1, gei1 e zik1 respectivamente.

Fonoloxía

A estrutura fonolóxica da cada sílaba consiste nun núcleo vocálico (que pode ser monotongo, ditongo ou mesmo tritongo en certas variedades), precedido por unha marxe (unha consoante, ou unha consoante cunha semivogal; a ausencia de marxe tamén é posíbel), e seguido (de xeito opcional) por unha marxe de pechazón cunha consoante. Tódalas sílabas posúen ton. Hai algúns casos nos que a vogal non ten función de núcleo. Un exemplo témolo no cantonés, onde as consoantes nasais /m/ e /ŋ/ poden constituír por si soas unha sílaba.

En calquera das variedades do chinés as sílabas adoitan ser abertas (polo que non teñen marxe de pechazón), pero as sílabas con peche só poden rematar en /m/, /n/, /ŋ/, /p/, /ɻ /, /t/, /k/ ou /ʔ/. A maioría das variedades admiten ese peche de sílaba, mentres que outras como o mandarín estándar está limitado a /n/, /ŋ/ e /ɻ /.

O número de sons en cada unha das linguas difire, pero compartiron unha tendencia á redución de sons dende o chinés medio. Os dialectos do mandarín experimentaron unha redución moi forte de sons, polo que amosan moitas máis palabras multisilábicas que calquera das outras variedades. O número total de sílabas nalgunhas variedades é de máis de mil incluíndo os diferentes tons. Se se descartan os tons, as combinacións de sílabas redúcense moito (só entre 398 e 418).

Tons

Tódalas variedades do chinés empregan tons para distinguir as palabras.[6] Algúns dialectos do norte da China teñen só tres tons, mentres que os dialectos do sur chegan a ter entre seis e dez tons. O dialecto de Shanghai é unha excepción xa que o seu rexistro de tons reduciuse a un sistema de dous acentos tonais semellantes aos que se usan no xaponés moderno.

Un exemplo moi común para ilustrar o sistema de tons no chinés é o da pronuncia da sílaba ma cos catro tons diferentes do chinés estándar (ademais do neutro). Os tons tamén están exemplificados nas seguintes cinco palabras chinesas.

Exemplos de tons do mandarín estándar
Hanzi Pinyin Variación do ton Significado
/ Ton alto "nai"
Ton alto ascendente "cánabo"
/ Ton baixo descendente-ascendente "cabalo"
/ Ton alto descendente "reprender"
/ ma Ton neutro partícula interrogativa

O cantonés estándar, pola súa banda, ten seis tons en sílabas abertas e tres en sílabas que rematan con pausas:[19]

Exemplos de tons do cantonés estándar
Hanzi Jyutping Variación do ton Significado
/ si1 Ton alto descendente "poema"
si2 Ton alto ascendente "historia"
si3 Ton medio "asasinar"
/ si4 Ton baixo descendente "tempo"
si5 Ton baixo ascendente "mercado"
si6 Ton baixo "si"
sik1 Ton alto (pausa) "cor"
sik3 Ton medio (pausa) "espiña"
sik6 Ton baixo (pausa) "comer"

Notas

  1. "Chinese: A macrolanguage of China". ethnologue.com. Consultado o 5 de decembro de 2015.
  2. "china-language.gov.cn". Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2015. Consultado o 5 de decembro de 2015.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chinés.
  4. *David Crystal, The Cambridge Encyclopedia of Language (Cambridge: Cambridge University Press, 1987) , p. 312. “A falta de intelixibilidade mutua das variantes é o principal fundamento para referirse a elas como linguas separadas.”
    • Charles N. Li, Sandra A. Thompson. Mandarin Chinese: A Functional Reference Grammar (1989), p 2. “A familia de linguas chinesas clasifícase xeneticamente como unha rama independente da familia de linguas sino-tibetana.”
    • Jerry Norman. Chinese (1988), p.1. “Os dialectos modernos do chinés son en realidade máis ben unha familia de linguas.
  5. http://big5.xinhuanet.com/gate/big5/news.xinhuanet.com/edu/2004-12/27/content_2383853.htm
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 6,13 6,14 Norman, Jerry (1988). Chinese. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 183–185. ISBN 978-0-521-29653-3.
  7. 7,0 7,1 Handel, Zev (2008). "What is Sino-Tibetan? Snapshot of a Field and a Language Family in Flux". Language and Linguistics Compass 2 (3). pp. 422–436.
  8. 8,0 8,1 8,2 Schuessler, Axel (2007). ABC Etymological Dictionary of Old Chinese. Honolulu: University of Hawaii Press. p. 1. ISBN 978-0-8248-2975-9.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Baxter, William H. (1992). A Handbook of Old Chinese Phonology. Berlín: Mouton de Gruyter. pp. 2–3. ISBN 978-3-11-012324-1.
  10. 10,0 10,1 10,2 Ramsey, S., Robert (1987). The Languages of China. Princeton University Press. ISBN 978-0-691-01468-5.
  11. 11,0 11,1 Coblin, W. South (2000). "A brief history of Mandarin", Journal of the American Oriental Society. pp. 537–552.
  12. Zhang, Bennan; Yang, Robin R. (2004). Putonghua education and language policy in postcolonial Hong Kong, en Language policy in the People's Republic of China: Theory and practice since 1949. pp. 143–161. ISBN 978-1-4020-8038-8.
  13. Norman, Jerry (2003). "The Chinese dialects: phonology", en Thurgood, Graham; LaPolla, Randy J., The Sino-Tibetan languages. pp. 72–83. ISBN 978-0-7007-1129-1.
  14. Lewis, Simons e Fennig. "Ethnologue: Languages of the World". Consultado o 6 de decembro de 2015.
  15. 15,0 15,1 15,2 Kurpaska, Maria (2010). Chinese Language(s): A Look Through the Prism of "The Great Dictionary of Modern Chinese Dialects". Walter de Gruyter. pp. 53–55. ISBN 978-3-11-021914-2.
  16. Wurm; et al. (1987). Language Atlas of China. Longman. ISBN 978-962-359-085-3.
  17. Klöter, Henning (2004). "Language Policy in the KMT and DPP eras". China Perspectives 56. Consultado o 11 de decembro de 2015.
  18. Kuo, Yun-Hsuan. "New dialect formation : the case of Taiwanese Mandarin". Consultado o 11 de decembro de 2015.
  19. Matthews, Stephen; Yip, Virginia (1994). Cantonese: A Comprehensive Grammar. Routledge. pp. 20–22.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

En español

En inglés

Chinés clásico

O chinés clásico, tamén chamado chinés literario é a lingua da literatura clásica dende das primaveras e outonos até o fin da dinastía Han, unha forma escrita do chinés antigo. O chinés clásico é un estilo tradicional de escrita chinesa que evolucionou dende a lingua clásica, diferenciándoo das formas modernas de chinés. O chinés literario foi empregado en practicamente tódalos escritos formais da China até comezos do século XX, e tamén, durante varios períodos, no Xapón, en Corea e en Vietnam. Entre os falantes chineses, o chinés clásico foi substituído pola escrita vernácula chinesa, un estilo de escrita que é semellante ó mandarín falado.

O chinés literario é coñecido como kanbun (漢文) en xaponés, hanmun en coreano e cổ văn (古文) ou văn ngôn (文言) en vietnamita.

Circuíto Internacional de Xangai

O Circuíto Internacional de Xangai (Lingua chinesa simplificada 上海国际赛车场 tradicional 上海國際賽車場) é un autódromo situado en Xangai, China construídos nos anos 2000 para albergar o Gran Premio de China de Fórmula 1. Localizado nas proximidades de Xangai, en China, albergou o primeiro Gran Premio de China o 26 de setembro de 2004.

Neste circuíto terminou o campionato de Fórmula 1 de 2005.

Tamén é unha cita para a tempada de MotoGP desde o ano 2005

Escrita chinesa

A escrita chinesa é un sistema de escrita vello de case 4000 anos. É un sistema logográfico que emprega un número de signos moi grande, chamados caracteres, que representan palabras ou morfemas individuais. Este sistema servíu como forza unificadora durante a historia da China pois é independente das realizacións orais. Desde a épocda dinastía Quin en diante utilizouse unha lingua escrita padrón (nun principio chinés clásico e logo chinés vernáculo) como intermediario entre os diferentes dialectos chineses.

O número de caracteres chineses contidos no dicionario Kangxi é de aproximadamente 47.035, aínda que un gran número deles sexa usado moi raramente, moitos produto da acumulación ao longo da historia. Os estudos emprendidos en China mostran que para unha completa alfabetización se require un coñecemento de entre 3.000 e 4.000 caracteres.

Gao Xingjian

Gao Xingjian, nado en Ganzhou, China, o 4 de xaneiro de 1940, é un escritor en chinés. Nado en China, na actualidade reside en Francia e é cidadán francés. No ano 2000 obtivo o Premio Nobel de Literatura.

É dramaturgo e novelista. A súa obra máis importante é a novela A Montaña da alma.

Han

Han (汉族 ou 漢族) é a etnia maioritaria na China e o maior grupo étnico do mundo. Os Han constitúen o 91% da poboación da China e o 19% da poboación humana. Os Han son coñecidos en Occidente como a etnia chinesa. O seu nome deriva da dinastía Han e proceden orixinariamente da rexión dor río Amarelo, no norte da China, aínda que dende hai milenios estenderon o seu territorio cara ao sur. Durante o século XX tamén aumentou de forma significativa a presenza de chineses han nas rexións máis occidentais da China: Tíbet e Xinjiang.

O termo han procede do nome da dinastía Han. Así mesmo, unha das denominacións máis habituais da lingua chinesa na República Popular da China é "lingua dos han" (漢語 / 汉语, hànyǔ)

Aínda que ás veces se fala de "etnia chinesa", han é o termo correcto utilizado na República Popular da China para diferenciar á etnia maioritaria, que se expresa nos diversos dialectos do chinés, doutros grupos étnicos, con linguas e culturas diferentes, que existen na China, como os tibetanos, os mongois e os uigures, entre outros.

En total, o Goberno da República Popular da China recoñece 55 grupos étnicos, ademais dos han, no territorio do país.

Kung fu (termo)

Kung fu' (en chinés: 功夫) é un termo chinés que se refire a calquera práctica de estudo, de aprendizaxe, ou ao desempeño que esixe paciencia, enerxía e tempo para ser feito. No Occidente, o termo é usado na maioría das veces para se referir ás artes marciais da China, porén este uso é construción recente da segunda metade do século XX, principalmente. Crese que orixe deste cambio semántico pode ser atribuída ao coñecemento precario das linguas chinesas ou má tradución feita nas lendas das películas ou dobraxe.

Lingua wu

A lingua wu (caracteres chineses: 吳語 , nguphin: ngu niu) é un grupo de variedades lingüísticas semellantes e historicamente relacionadas da lingua chinesa, principalmente falada na provincia de Zhejiang, na cidade de Shanghai, e na provincia de Jiangsu.Os principais dialectos do wu son o dialecto de Shanghai, o de Suzhou, o de Wuxi, o de Wenzhou, o de Ningbo, o de Hangzhou, o de Shaoxing, o de Jinhua e o de Yongkang. Falantes de lingu wu, como Chiang Kai-shek, Lu Xun e Cai Yuanpei, ocuparon posicións de grande importancia nas modernas cultura e política chinesa. O wu tamén foi usado na Ópera de Shaoxing, que é a segunda máis popular despois da Ópera de Pequín, alén das actuacións do popular comediante Zhou Libo. O wu é falado en gran número de comunidades da diáspora chinesa, con importantes centros de inmigración orixinarios de Qingtian e Wenzhou.

Lingua xaponesa

O xaponés é a lingua falada no Xapón e noutros lugares do mundo onde existen inmigrantes xaponeses e os seus descendentes, como por exemplo o Brasil. O nome xaponés para a lingua é Nihongo 日本語.

O xaponés ten tradicionalmente tres formas de escrita: hiragana, katakana, e kanji, e ademais actualmente utilizase o rōmaji. O rōmaji refírese ao uso do alfabeto latino (para transliteracións). Xa a escrita común xaponesa mestura os tres outros sistemas: o katakana e o hiragana son silabarios, e o kanji é unha adaptación dos logogramas da escrita chinesa.

É unha lingua aglutinante e caracterízase por un sistema complexo de construcións honoríficas, que reflicten a natureza xerárquica da sociedade xaponesa, con formas verbais e vocabularios particulares que varían de acordo co status relativo entre interlocutores. O repertorio de fonemas da lingua xaponesa é relativamente pequeno, e ten diferenciación léxica baseada nun sistema de entoación.

A lingua xaponesa sufriu influencia importante da lingua chinesa por un mínimo de 1.500 anos. Moito do vocabulario importouse da lingua chinesa ou foi creado baseándose en modelos chineses.

Linguas min

As linguas min (閩語/闽语: Mìng ngṳ̄) son un grupo de linguas variedades do chinés faladas por máis de 70 millóns de persoas no sueste da provincia chinesa de Fujian, así como polo migrantes da provincia de Guangdong (arredor de Chaozhou-Swatou, ou a áreas de Chaoshan, na península de Leizhou e en parte de Zhongshan), Hainan, os tres condados do sur de Zhejiang, no arquipélago de Zhoushan, algunhas vilas de Liyang, Jiangyin na provincia de Jiangsu, e en Taiwán. O nome deriva do río Min de Fujian. As variedades min non son mutuamente intelixibles con outras variedades de chinés.

Lu Xun

Zhou Shuren, nado en Shaoxing (provincia de Zhejiang) o 25 de setembro de 1881 e finado en Shanghai o 19 de outubro de 1936, foi un escritor chinés, máis coñecido co pseudónimo de Lu Xun. Está considerado o fundador da literatura chinesa moderna debido á súa innovación temática –narrativa de contido realista e social– e ao uso do chinés vernáculo (白 话, baihua, literalmente "lingua transparente") en substitución da lingua clásica literaria (文 言,wenyan, "lingua da cultura").

A súa obra exerceu grande influencia no Movemento do Catro de Maio e fai parte do panteón literario da República Popular da China, malia que nunca chegou a ser membro do Partido Comunista Chinés. Formou parte da Liga de Escritores de Esquerdas, fundada en 1930, na que se propugnaba a idea de que a literatura tiña que servir aos intereses da revolución. El mesmo renunciou á literatura como creación porque entendía que arte e política son incompatíbeis, e tras escribir varias escolmas de relatos e o libro de poemas en prosa "Yecao" (Mala herba), dedicouse exclusivamente ao ensaio político.

Mandarín

O mandarín (北方話, 北方话, běifāng huà , "fala do norte") como termo xeral refírese ao conxunto de dialectos chineses mutuamente intelixíbeis que se fala no norte, centro e suroeste da China continental.

Non hai que confundilo coa outra acepción de mandarín, non obxecto deste artigo, a do mandarín estándar ou padrón (普通話 / 普通话, pǔtōnghuà, "lingua común", tamén chamada 漢語 / 汉语, hànyǔ, "lingua dos Hàn" , o cal se refire á lingua oficial da República Popular de China desde 1956, a lingua oficial de Taiwán(Formosa), e unha das catro linguas oficiais de Singapur.

O mandarín escríbese por medio de sinogramas, que son susceptíbeis de ser transcritos en caracteres románicos, na actualidade o máis frecuentemente en pinyin (como na maioría dos artigos da Wikipedia), mais tamén en bopomofo.

O mandarín (a miúdo chamado simplemente chinés) é a lingua máis falada do mundo (debido á elevada poboación da China). Porén, aínda cando hoxe é ensinado a todos os chineses, os máis vellos non falan todos o mandarín senón outras linguas chinesas, como o cantonés, ou distintas como o tibetano ou o mongol. O mandarín, que os dirixentes comunistas designaron como a lingua vehicular da súa nación enteira (de aí o termo pǔtōnghuà, «lingua común»), era primitivamente o idioma das comunidades chinesas do norte do país. Mesmo posuíndo unha antiga historia literaria, o mandarín non deriva da lingua clásica literaria e artificial (文言 wényán), abandonada en 1919, logo de ter sido utilizada como lingua escrita oficial e literariamente durante máis de dous mil anos; por contra, foi dunha lingua vernácula falada (白話 báihuà, «lingua simple») da que procede o mandarín. En 1956, foi a variante de Pequín a promovida ao rango de lingua oficial, sendo considerada a miúdo como a variante patrón deste idioma. O mandarín de Pequín posúe, porén, peculiaridades (como a utilización frecuente da retroflexión vocálica marcada por medio do sufixo -er) e dise tamén que os pequineses teñen un «acento». O mandarín dun taiwanés será, porén, moi pouco diferente do dun pequinés.

Fóra da China, hai importantes comunidades chinesas que comparten esta lingua, a cal é ensinada en numerosos colexios e universidades do mundo.

Como as outras linguas chinesas, é unha lingua de tons. Emprega catro tonemas, que cambian o sentido ou significado da palabra, alto e chan, ascendente, lixeiramente descendente logo ascendente (modulado) e descendente.

Os tons son representados na China por tiles sobre das vogais das sílabas da escrita romanizada dita pinyin e, en Taiwan, polas mesmas tiles sobre dos grafemas do bopomofo. Tamén se utiliza o número do ton no final da sílaba cando as dificultades técnicas (teclado etc) impiden colocar ou ler os tiles.

Mandarín estándar

O mandarín padrón ou estándar é a lingua oficial da República Popular da China, de Taiwán, de Malaisia e de Singapur. A lingua chinesa escrita oficial desde o inicio do século XX, o chinés vernacular, é próxima mais non completamente idéntica ao mandarín padrón.

Mo Yan

Guan Moye (en chinés tradicional 管謨業, en chinés simplificado 管谟业, en pidgin Guǎn Móyè), nado en Gaomi (Shandong) o 17 de febreiro de 1955, é un escritor chinés, máis coñecido co pseudónimo de Mo Yan (en chinés tradicional 莫言, en pidgin Mò Yán), que significa "Non fales". Foi galardoado co Premio Nobel de Literatura en 2012.

Acadou sona en occidente especialmente pola adaptación cinematográfica que o director Zhang Yimou fixo dunha das súas novelas, co título de Hang gao Liang ("Sorgo vermello").

Pinyin

O pinyin (拼音, pīnyīn) ou hanyu pinyin (caracteres simplificados: 汉语拼音; pinyin: hànyǔ pīnyīn) significa literalmente notación fonética da lingua chinesa é un sistema de transcrición mediante o alfabeto latino (romanización) dos caracteres chineses segundo a pronuncia estándar do putonghua ou chinés unificado estándar, oficial na República Popular Chinesa. Posiblemente resulte máis difícil para os occidentais que a máis común Wade-Giles, pero dada a súa oficialidade en China, é cada vez máis utilizada.

O Hanyu Pinyin aprobouse en 1958 e adoptouse en 1979 polo goberno da República Popular da China. Substituíu a sistemas anteriores de romanización, tales como o Wade-Giles (1859), que se modificou en 1892, e o Pinyin do Sistema Postal, e tamén substituíu o Zhuyin como o método de instrución fonética chinesa na China Continental. O Hanyu Pinyin adoptouse en 1979 pola Organización Internacional de Estandarización (ISO) como a romanización estándar do chinés moderno (ISO-7098:1991). Foi tamén aceptado polo goberno de Singapur, pola Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, así como tamén por outros organismos internacionais. Tornouse igualmente útil para a dixitación de textos da lingua chinesa nos computadores.

Qinghai

Qinghai (en chinés: 青海; pinyin: Qīnghǎi; Wade–Giles: Ch'ing-Hai) é unha provincia interior da República Popular da China, situada entre o centro e o oeste do país. O seu nome provén do lago Qinghai, o máis extenso do país, con 4.635 km², cuxo nome significa mar azul en lingua chinesa.

Trátase dunha das provincias chinesas cunha menor densidade de poboación, pois cunha extensión 1'4 veces superior á de España, nela viven pouco máis de 5 millóns de persoas, a maioría na capital Xining ou nos seus arredores. Esta baixa poboación da provincia explícase polo clima extremo, con invernos moi fríos e veráns moi quentes, xa que xeográficamente a provincia é unha prolongación natural da meseta do Tibet.

En Qinghai nacen tres dos ríos máis caudalosos e longos do planeta: os ríos Mekong, Yangtzé e Huang He. Tamén é o lugar de nacemento de Tenzin Gyatso, o actual Dalai Lama, que recibiu en 1989 o Premio Nobel da Paz.

República Popular da China

A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín. Esta, exerce xurisdición sobre vinte e dúas provincias, cinco rexións autónomas, catro municipalidades directamente controladas (Pequín, Tianjin, Shanghai e Chongqing) e dúas rexións administrativas especiais practicamente autónomas, Hong Kong e Macau. A República Popular da China reclama Taiwán como a súa provincia número viente e tres, aínda que na práctica a illa é independente, xa que se atopa administrada polo réxime da República da China dende a fin da guerra civil de 1949.

Cunha superficie aproximada de 9,6 millóns de quilómetros cadrados, a China é o segundo país máis grande en relación á súa superficie terrestre e o terceiro ou cuarto máis grande pola súa superficie total. A paisaxe da China é vasta e diversa. Os áridos norte e noroeste, nas proximidades de Mongolia e Asia Central, están ocupados por estepas forestais e os desertos do Gobi e Taklamakan. O sur, lindando coa rexión do Sueste asiático, é máis húmido e está ocupado por bosques subtropicais. A zona máis occidental é accidentada e moi elevada, coas cordilleiras do Himalaias, Karakoram, Pamir e Tian Shan facendo de fronteira natural entre a China e Asia Central e do Sur. A nivel fluvial destacan os ríos Yangtzé e Amarelo, o terceiro e o sexto máis longos do mundo. Ambos nacen na meseta do Tíbet, e flúen cara á densamente poboada costa leste. A liña costeira da China ao longo do Océano Pacífico é de 14.500 quilómetros e está limitada polos mares de Bohai, Amarelo, Oriental e o Meridional.

A antiga civilización chinesa, unha das máis antigas do mundo, floreceu na fértil conca do río Amarelo. Durante miles de anos o seu sistema político baseouse en monarquías hereditarias, coñecidas como dinastías, sendo a primeira a semimitolóxica dinastía Xia (aprox. 2.000 a.C.). Dende o ano 221 a.C., cando a dinastía Qin conquistou varios estados para formar un grande Imperio chinés, o país expandiuse, fracturouse e reformouse en varias ocasións. A última dinastía foi derrocada no ano 1911 coa chegada da República da China. En 1945, a República conquistou Taiwán ao Imperio do Xapón trala fin da Segunda Guerra Mundial. Nos anos 1946 a 1949 o Partido Comunista derrotou ao nacionalista Kuomintang na China continental e estableceu en Pequín a República Popular da China o 1 de outubro de 1949, mentres que o Kuomintang trasladou o goberno da República da China a Taipei. A xurisdición da República da China limítase agora a Taiwán e varias illas próximas, incluíndo Penghu, Kinmen e Matsu.

A lingua chinesa é a lingua máis falada no mundo: arredor dun quinto da poboación mundial fala algunha forma de chinés como lingua nai. A lingua chinesa, na forma de chinés mandarín, é a lingua oficial da República Popular da China, así como de Taiwan. É ademais unha das linguas oficiais de Singapur e mais unha das seis linguas oficiais das Nacións Unidas.

A China ten fronteiras con 14 países: Afganistán, Bután, Myanmar, India, Casaquistán, Quirguisia, Laos, Mongolia, Nepal, Corea do Norte, Paquistán, Rusia, Taxiquistán e Vietnam. As cidades máis importantes son Pequín, Shanghai, e Hong Kong. Desde a súa fundación en 1949, a RPCh está gobernada polo Partido Comunista Chinés. Aínda que oficialmente segue a ser un estado comunista, a súa economía vén sendo liberalizada desde hai tres décadas.

Simplificación da escritura chinesa

A simplificación dos caracteres chineses é o proceso de reforma da escritura chinesa que tivo lugar na segunda metade do século XX, cando o goberno da República Popular China promoveu a adopción dun sistema de caracteres simplificados (簡體字 xiǎntǐzì), que substituíu aos caracteres tradicionais na China continental. Outras comunidades chinesas, en particular as de Taiwán, Hong Kong e Macao, continúan utilizando os caracteres tradicionais (繁體字 fántǐzì ou 正體字 zhèngtǐzì). A estas dúas formas alternativas de escribir o chinés chámanselles chinés simplificado e chinés tradicional respectivamente.

Por simplicidade, neste artigo os termos en chinés aparecen soamente en caracteres tradicionais, seguidos da transcrición hànyǔ pīnyīn.

Tu Fu

Du Fu (chinés: 杜甫, pinyin: Dù Fǔ), tamén coñecido como Dù Shàolíng (杜少陵) ou Dù Gōngbù (杜工部), nado en Gongyi no ano 712 e finado en Tanzhou en 770, foi un destacado poeta chinés durante a época da dinastía Tang. O seu nome de cortesía era Zǐ Měi (子美).

Wade-Giles

Wade-Giles, ás veces abreviado como Wade, é un sistema de romanización (notación fonética e transliteración) para o idioma chinés baseado na fonética do mandarín. Comezou a desenvolverse a partir dun sistema ideado por Thomas Wade a mediados do século XIX, e consolidouse co dicionario chinés-inglés de Herbert Giles. Foi o sistema de transliteración máis importante no mundo anglófono durante a maior parte do século XX.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.