Lingua checa

O checo[1] é unha das linguas eslavas do oeste de Europa, xunto co polaco, eslovaco e o sorabo. Falado por un total duns 12 millóns de persoas, principalmente na República Checa (nas dúas provincias da Bohemia e Moravia e na parte meridional da Silesia) por cerca de 9,5 millóns de persoas. Hai tamén comunidades illadas nos países veciños: en Austria hai unha comunidade de 20.000 falantes en Viena[2], en Romanía hai seis lugares onde o checo é a lingua propia como resultado dunha inimigración no século XIX, en 2002 eran case 4000[3], na Voivodina o checo é oficial no concello de Bela Crkva[4], onde se sitúa a pequena aldea de Češko Selo, na cal a maioría dos seus 46 habitantes son de lingua checa. Existen importantes minorías formadas por inmigrantes en Alemaña, Estados Unidos, Eslovaquia e outros países.

O checo utiliza o alfabeto latino con sinais diacríticas para a súa escrita. A fonoloxía do checo pode ser difícil para falantes doutras linguas. Por exemplo, algunhas palabras non parecen ter vogais: ztvrdl (endurecido), scvrkl (afondado), blb (bobo), vlk (lobo), e smrt (morte). Hai un exemplo popular disto na frase "strč prst skrz krk" que significa "meter un dedo na túa gorxa".

As linguas checa e eslovaca son mutuamente intelixíbeis e próximas na escrita, mais difiren fonética e gramaticalmente. A maioría dos adultos eslovacos e checos son capaces de comprenderse mutuamente sen dificultade, tendo estado en contacto coas dúas linguas por medio da radio e da televisión nacionais, ata a partición de Checoslovaquia no 1993. Aqueles que non viviron esta situación, en particular os máis novos, poden experimentar dificultades de comprensión.

Checo
'čeština'
Falado en: Rep. Checa, Austria, Bulgaria, Canadá, Israel, Polonia, Eslovaquia, Ucraína, Estados Unidos
Rexións: Europa Central
Total de falantes: 12 millóns
Posición: 73
Familia: Indoeuropea
 Eslava
  Eslava occidental
   Checo-eslovaca
    Checo
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Flag of the Czech Republic.svg República Checa
Flag of Europe.svg Unión Europea
Regulado por: Instituto da Lingua Checa
Códigos de lingua
ISO 639-1: cs
ISO 639-2: cce (B)ces (T)
ISO 639-3: ces
SIL: CES
Idioma checo

Historia

Os primeiros escritos datan do século X, xeralmente en forma de palabras soltas e insercións en textos latinos, tal como moitas outras linguas europeas tamén fixeron as súas primeiras aparicións.

Mais as principais características do checo datan do século XIII ou un pouco antes, se ben que a súa forma moderna débese moito a certas mudanzas lentas que ocorreron nos séculos XIV e XV. A linguaxe escrita baseouse na variedade do checo falada no principal centro cultural da nación, Praga (onde se fundou a universidade en 1348). O texto literario máis antigo é un himno de catro estrofas incluído nun códice latino da segunda metade do século XIII que di así:

(Z)louo do zveta ztworene / v bozstui zhowano / iez pro Euino zresšinie / na zuet pozlano

Que traducido sería:

Antes da creación do mundo, o verbo / estaba oculto na Divindade / (e) a causa do pecado de Eva / enviouse ao mundo

A supresión da cultura checa, asociada á Contrarreforma, durou ata o século XVIII cando se restabeleceu o contacto con fontes occidentais e emerxeu un renacemento romántico, período que culminou coa revolución de 1848. Desde o século XIX ata o inicio da 2ª Guerra Mundial, o checo foi o vehículo dunha rica e extensa literatura de todos os xeneros, especialmente poesía e novela.

A lingua normativa baséase na codificación de Josef Dobrovsky, feita no século XIX e modelada sobre o checo do século XVI. O checo normativo é, entón, unha creación semiartificial arcaica en moitos aspectos e bastante evolucionada noutros, o que xera unha tensión entre a lingua literaria moderna e o checo falado, usualmente coñecido como checo común.

Dialectos

Os dialectos checos divídense en dous grandes grupos:

  • Grupo da Bohemia, onde se inclúen os dialectos non moi peculiares da zona que marxea a Bohemia Central.
  • Variedade de dialectos, englobados pola súa vez en subgrupos (haná, valašsko, slovácko) na rexión da Moravia. O slovácko está ligado ao eslovaco por algunhas características, en canto o do sur de Silesia comparte partes co polonés.

O dialecto que se coñece como checo común é o que se fala na Bohemia Central, sobre todo en Praga.

Escrita

Utilízase o alfabeto latino con sinais diacríticos. A ortografía racionalizouse primeiro por Jan Hus no século XIV, e despois polos monxes checos no século XVI para facer a súa tradución da Biblia.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para checo.
  2. "Euromosaic". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2009. Consultado o 31 de outubro de 2009.
  3. http://www.perenn.com/czech-and-slovak-minorities-romania The Czech and Slovak minorities in Romania
  4. Secretaría Provincial de Minorías Nacionais da Voivodina

Véxase tamén

Ligazóns Externas

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.
Božena Němcová

Božena Němcová, nada en Viena o 4 de febreiro de 1820 e finada en Praga o 21 de xaneiro de 1862, foi unha escritora checa, fundadora da prosa moderna en lingua checa, representando o tránsito do romanticismo ó realismo.

Ernst Mach

Ernst Waldfried Josef Wenzel Mach, nado en Brno o 18 de febreiro de 1838, e finado en Vaterstetten o 19 de febreiro de 1916, foi un físico e filósofo austríaco.

De 1864 a 1867 foi profesor de matemáticas en Graz. Despois (1867-1895) ensinou física na Universidade de Praga, cando se opuxo á introdución da lingua checa como lingua oficial na mesma universidade, aliñándose entre os partidarios da dominación alemá na rexión. De 1895 a 1901 foi o titular da cadeira de historia e teoría da ciencia indutiva na Universidade de Viena. En 1901, tras abandonar o ensino, foi nomeado membro da Cámara dos Pares polo emperador da Austria.

As súas obras filosóficas e científicas exerceron profunda influencia no pensamento do século XX. Os seus primeiros libros conteñen os fundamentos dunha nova teoría filosófica, o empirocriticismo. Defendeu unha concepción positivista: ningunha proposición das ciencias naturais é admisíbel se non for posíbel verificala empiricamente.

František Palacký

František Palacký, nado en Hodslavice (Moravia) o 14 de xuño de 1798 e finado en Praga o 26 de maio de 1876, foi un historiador e político checo.

Jan Neruda

Jan Neruda, nado en Praga o 9 de xullo de 1834 e finado na mesma cidade o 22 de agosto de 1891, foi un escritor checo.

Jaroslav Hašek

Jaroslav Hašek ['jarɔzlaf 'ɦaʃɛk], nado en Praga o 30 de abril de 1883 e finado en Lipnice nad Sázavou o 3 de xaneiro de 1923, foi un escritor e xornalista checo, coñecido principalmente pola súa novela Osudy dobrého vojáka Švejka za světové války (As aventuras do bo soldado Švejk, publicada por entregas entre 1920 e 1923), unha sátira antimilitarista ambientada na Primeira Guerra Mundial. Esta obra está considerada a obra mestra da narrativa en lingua checa.

Jaroslav Seifert

Jaroslav Seifert, nado en Praga o 23 de setembro de 1901 e finado o 10 de xaneiro de 1986, foi un poeta e xornalista checo. Recibiu o Premio Nobel de Literatura no 1984 por unha produción poética que, dotada de gran frescura, sensualidade e variada imaxinación, subministra unha imaxe liberada do espírito indomable e a versatilidade do home.

Jiří Wolker

Jiří Wolker, nado o 29 de marzo de 1900 e finado o 3 de xaneiro 1924, foi un poeta, dramaturgo e xornalista checo, un dos fundadores do Partido Comunista de Checoslovaquia en 1921.

Ján Kollár

Ján Kollár nado en Mošovce o 29 de xullo de 1793 e finado en Viena o 24 de xaneiro de 1852, foi un escritor e poeta eslovaco do Romanticismo, arqueólogo, científico e político. Foi un dos primeiros ideólogos do paneslavismo.

Karel Sabina

Karel Sabina, nado en Praga o 29 de decembro de 1813 e finado o 7 de novembro de 1877, foi un escritor, publicista, crítico literario checo que utilizou tamén os alcumes de Arian Želinský, Leo Blass e moitos outros. De ideoloxía radical demócrata.

Karel Čapek

Karel Čapek [ˈkarɛl ˈʧapɛk], nado en Malé Svatoňovice (Bohemia, Imperio Austrohúngaro) o 9 de xaneiro de 1890 e finado en Praga o 25 de decembro de 1938, foi un escritor en lingua checa. É coñecido por ser o creador do concepto de robot, que apareceu por vez primeira na súa obra de teatro R.U.R (1920). Como homenaxe, moitos lectores adoitan deixar robots en miniatura na súa tumba no cemiterio de Praga.

Marie Majerová

Marie Majerová, nada en Úvaly o 1 de febreiro de 1882 e finada en Praga o 16 de xaneiro de 1967, foi unha escritora e xornalista checoslovaca, proclamada artista nacional en 1947.

Milan Kundera

Milan Kundera, nado en Brno o 1 de abril de 1929, é un escritor checo en lingua checa e francesa.

Orixinario da antiga Checoslovaquia obtivo a nacionalidade francesa en 1981. A súa obra de máis sona é probablemente Nesnesitelná lehkost bytí ("A insoportable levidade do ser"), publicada en 1984. Recibiu o premio Médicis étranger en 1973 pola novela Život je jinde, o "Premio de Xerusalén" en 1985, o "Premio Aujourd'hui" en 1993 polo ensaio Les testaments trahis e o Gran Premio de Literatura da Academia francesa no ano 2001 polo conxunto da súa obra.

Once (filme)

Once é un filme irlandés dirixido por John Carney que foi estreado no 2007. Está protagonizado por Glen Hansard e Markéta Irglová que interpretan a dous músicos que se coñecen en Dublín, Irlanda. Hansard e Irglová xa tiñan colaborado xuntos como músicos no grupo Swell Season, e eles compuxeron e interpretaron as cancións orixinais do filme.

Once estivo varios anos en desenvolvemento no Irish Film Board e tivo un orzamento de €112 000. Foi un éxito comercial, acadando importantes recadacións nos Estados Unidos. Recibiu premios como o premio Spirit ó mellor filme estranxeiro no ano 2007. A canción de Hansard e Irglová "Falling Slowly" gañou o Oscar á mellor canción orixinal, e a banda sonora conseguiu un nomeamento ós Premios Grammy.

Ostře sledované vlaky

Ostře sledované vlaky é un filme checoslovaco de 1966 dirixido por Jiří Menzel, un dos máis coñecidos na Nova Vaga do cinema checoslovaco.

Baseado nunha novela homónima de Bohumil Hrabal, narra a historia dun mozo que traballa nunha estación ferroviaria na Checoslovaquia ocupada por Alemaña durante a segunda guerra mundial. Foi producido polos Barrandov Studios de Praga.

Pobo checo

Os checos (en checo: Češi, masculino singular: Čech, feminino singular: Češka) son un grupo étnico eslavo nativa da República Checa, en Europa Central. O checos comparten uns devanceiros, unha cultura, unha historia e unha lingua comúns, a lingua checa.

Os checos étnicos tamén foron chamados bohemios até o século XX, facendo referencia ás terras de Bohemia, que á súa vez debe o seu nome á tribo celta da Idade de Ferro dos boios. Durante o Período das Migracións, a tribo eslava occidental dos bohemios asentouse na área "asimilando as poboacións celtas e xermánicas", un formou un principado no século IX, que formou parte de Moravia, primeiro na forma do Ducado de Bohemia e despois como Reino de Bohemia, os predecesores da moderna república.

A diáspora checa está presente en numerosos países como os Estados Unidos de América, o Canadá, Israel, Austria, Alemaña, Eslovaquia, Suíza, Italia, o Reino Unido, Australia, Arxentina e o Brasil.

Pobo moravo

Os moravos (en checo: Moravané ou coloquialmente Moraváci) son un grupo etnográfico eslavo occidental que habita na rexión de Moravia, na República Checa, e que falan os dialectos moravos da lingua checa. Xunto cos silesianos da República Checa, forman parte da poboación que non se identifican etnicamente como checos. No 2011, o 4,9% da poboación do país declarouse de identidade morava. Existen pequenas poboacións que se declaran etnicamente moravos na veciña Eslovaquia.

República Checa

A República Checa (en checo: Česká republika), tamén coñecida como Chequia (en checo: Česko) é un país de centro de Europa, limitado ao norte por Polonia, ao leste por Eslovaquia, ao sur por Austria e ao noroeste por Alemaña. Xunto con Polonia, Eslovaquia e Hungría, integra o Grupo Visegrád. Está formada polas rexións históricas de Bohemia, Moravia e Silesia. Bohemia, ocupa a parte occidental do país, está rodeada de montes baixos e forma unha cunca regada polos ríos Labe (Elba) e Vltava (Moldava). Moravia, ocupa parte oriental, está regada polo río Morava. Silesia, situada ao norte de Moravia, fai fronteira con Polonia.

O Estado Checo, ou as terras da Coroa de Bohemia, como era coñecido até 1918, formouse a finais do século IX. Despois da Batalla de Mohács en 1526, o Reino de Bohemia foi integrado na monarquía dos Habsburgo xunto con Austria e Hungría. A república independente de Checoslovaquia formouse en 1918, tralo colapso do Imperio Austrohúngaro trala Primeira Guerra Mundial. Despois de que no Pacto de Múnic (asinado pola Alemaña nazi, Francia, Reino Unido e Italia) se estabelecese unilateralmente a incorporación de Checoslovaquia á Alemaña, e por gratitude pola consecuente liberación da maior parte da República polo Exército Vermello, o Partido Comunista obtivo maioría relativa (38 %) nas eleccións de 1946.

Dous anos despois, en 1948, Checoslovaquia converteríase nunha ditadura por mor dun golpe de estado. En 1968 a crecente insatisfacción culminou cunha tentativa de reformar o réxime. Os acontecementos, coñecidos como a Primavera de Praga de 1968, terminou coa invasión por parte dos exércitos dos países do Pacto de Varsovia (coa excepción de Romanía); as tropas permaneceron no país até a Revolución de Veludo de 1989 cando o réxime se derrubou. O 1 de xaneiro de 1993, Checoslovaquia dividiuse pacificamente en dous estados, a República Checa e Eslovaquia. O 1 de maio de 2004 pasou a formar parte da Unión Europea.

Hoxe a República Checa é unha democracia representativa pluripartidista. O presidente Václav Klaus é o actual xefe de Estado, sendo Petr Nečas o Primeiro Ministro e Xefe de Goberno. O Parlamento ten dúas cámaras: a Cámara de Deputados e o Senado. Dende a súa creación a República Checa fixo reformas económicas como as privatizacións rápidas. O crecemento do seu Produto Interior Bruto (PIB) situouse en torno ao 6 % até o estalido da recente crise económica mundial. O país foi o primeiro membro da antiga COMECON en acadar o status de país desenvolvido segundo o Banco Mundial. O seu Índice de Desenvolvemento Humano (2010) sitúa a Chequia como unha nación cun "desenvolvemento humano moi alto".

Strč prst skrz krk

Strč prst skrz krk ( escoitar) é unha coñecida oración da lingua checa. É un trabalinguas que significa insire o dedo pola gorxa. Caracterízase pola súa total ausencia de vogais.

A súa pronuncia segundo o Alfabeto Fonético Internacional sería: [ˈstr̩ʧ ˈpr̩st ˈskr̩s ˈkr̩k]. Na República Checa, é posible mercar camisolas coa frase. É ademais o subtítulo do xornal suízo La Distinction.

Václav Havel

Václav Havel, pronunciado ['va:ʦlaf 'ɦavɛl], nado en Praga o 5 de outubro de 1936 e finado o 18 de decembro de 2011 na mesma cidade, foi un escritor, dramaturgo e político checo. Foi o último presidente de Checoslovaquia e o primeiro presidente da República Checa.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.