Lingua catalá

O catalán[3] é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural.[4] Cómpre sinalar por outra banda que na Comunidade Valenciana o catalán recibe o nome de valenciano.

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.

Catalán
Català / Valencià
Outros nomes:Valenciano
Falado en: Cataluña Cataluña
Flag of the Valencian Community (2x3).svg País Valenciano
Aragón Franxa de Aragón
Murcia El Carche
Illas Baleares Illas Baleares
Andorra Andorra
Francia Cataluña do Norte
Italia L'Alguer
Total de falantes: 10 047 102[1]
Posición: 75 (Ethnologue 2009)[2]
Familia: Indoeuropeo
 Itálico
  Románico
   Galo-Ibérico
    Occitano-Románico
     Catalán
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Andorra. Cooficial en Cataluña, País Valenciano, Illas Baleares e L'Alguer
Regulado por: Institut d'Estudis Catalans
Acadèmia Valenciana de la Llengua
Códigos de lingua
ISO 639-1: ca
ISO 639-2: cat
ISO 639-3: cat
SIL: CAT
Catalan in Europe

Domini lingüístic català

Historia

Linguistic map Southwestern Europe-en
Mapa cronolóxico que amosa a evolución territorial das linguas do suroeste de Europa entre as que aparece o catalán.

As primeiras testemuñas de catalán escrito son do século IX, aínda que o primeiro documento considerado literario en catalán son as Homilies d'Organyà, do século XIII. Ata os séculos XVI e XVII, cando empeza o retroceso da lingua en favor do castelán, o catalán esténdese e a súa literatura é desenvolvida por autores como Ramon Llull (s.XIII-XIV), Ausiàs March e Joanot Martorell (s.XV).

O uso do catalán foi prohibido no Principado de Cataluña no campo oficial desde o Decreto de Nova Planta (1716), no País Valenciano (1707) e en Mallorca e Eivissa (1715). Na Cataluña Norte estaba prohibido desde 1700. Menorca pasou a soberanía británica en 1713. Estas prohibicións mantivéronse excepto durante a primeira e a segunda república nos territorios cataláns de España e ata a entrada dos diferentes estatutos de autonomía entre 1978 e 1983. Esta oficialidade é compartida co castelán en tódolos territorios.

O catalán foi a lingua habitual en parte do Reino de Murcia e na cidade de Cagliari, en Sardeña, ata o século XVIII. Durante o século XIX houbo importantes colonias de catalanofalantes en Florida e Alxeria, co dialecto extinto coñecido como patuet.

Características

As seguintes características son algunhas das mutacións do latín que se foron facendo durante a consolidación do catalán, aínda que tamén se mostra outras características xerais.

Vocalismo

Características comúns co grupo chamado galorrománico:

  • Caída das vogais átonas finais excepto -A (MURU, FLORE > mur, flor) que a opón ao grupo iberorrománico que conserva a vogal no primeiro caso (muro, pero non en flor/chor) ou italorrománico que o conserva todo (muro, fiore).

Características comúns co occitano:

  • O catalán presenta maior riqueza de ditongos: ([aj] mai -nunca-, [ej] ei -eh interxección-, [aw] cau -cae-, [ew] beu -bebe-, [ow] pou -pozo-, ...)

Características que o opón ao galorrománico:

  • Conservación do son -u- latino (catalán lluna, occitano luna ['lyno], francés lune ['lyn]).

Características que o opón ao occitano (de xeito xenérico):

  • Redución do ditongo AU a O aberto (CAULIS, PAUCU > col -col-, poc -pouco-).

Características do sur de Romania occidental:

  • O grupo -ACT- convértese en -ET (LACTE, FACTU > llet -leite-, fet -feito-)

Consonantismo

Característica da Romania occidental:

  • Sonorización de -P-, -T-, -C- intervocálicos en -b-, -d-, -g- (CAPRA, CATENA, SECURU> cabra, cadena, segur)

Características comúns co conxunto chamado galorrománico:

  • Mantemento dos grupos iniciais PL, CL, FL- (PLICARE, CLAVE, FLORE> plegar, clau, flor). Esta característica opón o catalán ás linguas iberorrománicas (en castelán llegar, en galego/portugués chegar)
  • Como no francés e no occitano, prodúcese unha sonorización de fonemas xordos finais cando o primeiro fonema da seguinte palabra é unha vogal ou é unha consoante sonora. Estas sonorizacións afectan aos fonemas [s], [t], [p], [ʃ], [k] e [tʃ] converténdose en [z], [d], [b], [ʒ], [g] e [dʒ]. Exemplos (en pronunciación valenciá): "els homes" (os homes) [els] e [ɔmes] -> [el'zɔmes]; "peix bo" (peixe bo) [pejʃ] e [bɔ] -> [pejʒ'bɔ]; "blat bord" (trigo silvestre) [blat] e [boɾ(t)] -> [blad'boɾ(t)].

Características comúns co occitano (lenguadociano máis precisamente)

  • Caída de -N intervocálico convertido en final no léxico (PANE, VINU> pa -pan-, vi -viño-). A diferenza do lenguadociano, o plural conserva este [n] (ex: pans, vins) excepto nalgunhas falas setentrionais.
  • Enxordecemento das consoantes finais: verd [t], àrab [p]...

Características específicas:

A característica máis peculiar do catalán é o seguinte que case non se atopa en ningunha outra variedade da Romania:

  • -D- intervocálico convertido a final pasa a -u (PEDE, CREDIT > peu -pé-, (ell) creu -cre-)
  • -C e, i, final > -u (CRUCEM > creu -cruz-)
  • As terminacións -TIS na flexión verbal (2a persoa do plural) derivaron a -u (Exemplo: mirades. MIRATIS > *miratz > *mirau > mirau/mireu.

Outras características, tamén orixinais, teñen unha extensión superior ás linguas románicas.

  • Redución dos grupos consonánticos -MB-, -ND-> -m-, -n- (CAMBA, CUMBA, MANDAR, BINDA> cama -ant. cama, perna-, coma -coma-, manar -mandar-, bena -venda-), característica compartida co occitano gascón e o lenguadociano meridional.
  • Palatalización do L- inicial (LUNA, LEGE> lluna -lúa-, llei -lei-). Esta característica atópase no foixeño (occitano) e na zona astur-leonesa.
  • Palatalización do grupo -NN- (ANNUS > any -ano-, CANNA> canya -cana-), característica compartida co castelán.
  • Palatalización de -is- procedente de -X-, SC- (COXA, PISCE> cuixa -coxa-, peix -peixe-)
  • Mantemento de africadas protorrománicas de J, G e, i (JACTARE, GELARE> gitar -deitar-, gelar -xear-)
  • Presenza de xeminadas: setmana [mm], cotna [nn], espatlla [ʎʎ] (ou espatla [ll]), intel·ligent [ll]. Estas só son comúns ao occitano e ás variedades itálicas.

Morfoloxía

  • Unha parte do catalán (Baleares, Costa xerundense) conservou o artigo chamado "salat" (< latín IPSE), probablemente anterior á forma derivada de ILLE. Esta forma de artigo só se conservou de xeito dominante no sardo e está en perigo, se non desapareceu, nalgunhas áreas da Provenza e de Sicilia.
  • Os artigos máis usuais (e normativos) son el, la, els, lles (agora ben, en falas occidentais, no norte de Castelló e no alguerés perduran aínda as formas masculinas lo, los).
  • Contrariamente ás variedades iberorrománicas, o catalán practica certas elisións. Algunhas se escriben, como o home > l'home, e outras son orais: "quinze anys" [kin'zaɲs]
  • O feminino plural fórmase con "-es" (casa > cases)
  • Existe a formación do pretérito mediante perífrases cunha conxugación especial do presente do verbo "anar" -ir-.

Léxico

O léxico básico catalán parece demostrar máis afinidades co grupo galorrománico que co iberorrománico. Estas similitudes son máis claras co occitano.

  • FENESTRA > finestra (oc. fenèstra/finèstra, fr. fenêtre, it. finestra) e VENTU- > ventana (esp.), JANUELLA > janela (port.)
  • MANDUCARE > menjar (oc. manjar, fr. manger, it. mangiare) e COMEDERE > comer (esp., gl., port.)
  • MATUTINU- > matí (oc. matin, fr. matin/matinée, it. mattino/mattina) e HORA MANEANA > mañana (esp.), amanhã (port.)
  • PARABOLARE > parlar (oc. parlar, fr. parler, it. parlare) e FABULARE > hablar (esp.), falar (gl. e port.)
  • TABULA > taula (oc. taula, fr. table, it. tavola) e MENSA > mesa (esp., gl. e port.).

Sistema de escritura

O seu alfabeto, derivado do latino, consta de 26 letras. O sistema de escritura tamén presenta certas características particulares. O catalán presenta unha característica única, a escritura do -l- xeminada: -l·l- (como en intel·ligent -intelixente-). A outra característica é o -ny- [ɲ] (equivalente ao "ñ") que só se atopa de xeito xeral no húngaro. Tamén cabe comentar a grafía -ig [tʃ] representada en poucas palabras (como faig -fago-, maig -maio-, mig -medio-, puig -monte-, raig -raio-, roig -vermello-, vaig -vou-, veig -vexo-) ou o "t consoante" para a representación de consoantes dobres con: tm, tn, tl, tll, ou africación: tg i tj (setmana, cotna, atles, bitllet, jutge, platja).

Gramática

Os substantivos e adxectivos cataláns declínanse en xénero e número. Os substantivos pertencen ao xénero masculino, cos indefinidos un/uns, ou feminino, coas formas una/unes. Igual que os determinantes, os adxectivos deben concordar en xénero e número co substantivo que acompañan. Por exemplo, o sintagma el gat petit (o gato pequeno) pode flexionarse da seguinte maneira:

Singular Plural
Masculino el gat petit els gats petits
Feminino la gata petita les gates petites

No caso dos substantivos que poden ir en masculino ou feminino, o feminino fórmase habitualmente engadindo o sufixo -a á forma masculina; por exemplo, gat/gata ou nen/nena. Con todo, tamén hai numerosos subtantivos que presentan unha forma diferente para o masculino e feminino (home/dona, bou/vaca), que forman o feminino de forma especial (emperador/emperadriu, metge/metgessa) ou que teñen a mesma forma para o masculino e o feminino (estudiant, portaveu). Nalguns poucos casos especiais, un substantivo pode cambiar de xénero se cambia de número. Por exemplo, l'art paleocristià e les belles arts.

Variedades dialectais

Do mesmo xeito que as demais linguas románicas da Península, o catalán é notable pola súa uniformidade e as variantes dialectais non son demasiado diverxentes nin comprometen a comprensión mutua. A división dialectal usada actualmente é a que Manuel Milá e Fontanals propuxo xa no ano 1861: o bloque dialectal oriental (que inclúe os dialectos central, insulares e de Francia) e o bloque dialectal occidental (que inclúe o valenciano e o noroccidental). Pero ata entre estes grandes grupos a diferenza é pequena, e as discrepancias afectan máis ben á fonética (as vogais non acentuadas), que xa que logo non se reflicten na escritura, e a pequenas variantes morfolóxicas e léxicas.

Os bloques dialectais non se poden delimitar con exactitude porque entre un e outro sempre hai unha faixa de transición, máis ou menos ampla (excepto nos insulares, obviamente). Ademais, ningún bloque é totalmente uniforme: calquera dos que hai pódense dividir en varios dialectos. Aténdose a iso, a lingua catalá pódese dividir en dous bloques dialectais e en subdialectos:

BLOQUE OCCIDENTAL

  • Catalán noroccidental
  • Valenciano de transición ou Tortosino
    • Dialecto de transición entre o valenciano e o catalán noroccidental, falado no Maestrazgo, comarcas catalás do Ebro e na comarca de Matarraña.
  • Valenciano
    • Castellonense (do sur da prov. de Castelló)
    • Apitxat, ou valenciano central
    • Meridional
    • Alacantino
Variedades dialectais do catalán

BLOQUE ORIENTAL

Estándares do catalán

Existen dous estándares principais para a lingua catalá, o regulado polo Institut d'Estudis Catalans, o estándar xeral, tendo como centro a ortografía establecida por Pompeu Fabra coas características do catalán central máis a proximado ao de Barcelona, non influenciado polo castelán, e o regulado pola Acadèmia Valenciana de la Llengua, estándar de ámbito restrinxido, centrado na estandarización do valenciano tomando como basee as Normas de Castelló, ou sexa, a ortografía de Pompeu Fabra pero máis adaptada á pronuncia do catalán occidental e ás características dos dialectos valencianos.

O estándar do IEC, a parte de ter como base as características do catalán central, toma tamén características doutros dialectos considerándoos como estándar. Aínda así, a diferenza máis notable de ambos os estándares é a acentuación de moitas "e" tónicas, por exemplo: francès ou anglès (IEC) - francés ou anglés (AVL), cafè (IEC) - café (AVL), conèixer (IEC) - conéixer, comprèn (IEC) - comprén (AVL) (inglés, francés, café, coñecer, comprende). Iso é debido á diferente pronuncia dalgunhas "e" tónicas, en ambos os bloques do catalán (no bloque oriental pronúncianse e aberto [ɛ] e ao occidental pronúncianse pechado [e]). A pesar disto, o estándar da AVL mantén o acento aberto "è", sen pronunciarse aberto no bloque occidental, nalgunhas palabras como son: què, València, èter, sèsam, sèrie e època.

Tamén hai outras diverxencias como o uso de tl nalgunhas palabras pola AVL no canto de tll como en ametla/ametlla (améndoa), espatla/espatlla (costas) ou butla/butlla (bula), o uso dos determinantes demostrativos elididos (este, eixe) do mesmo xeito que os reforzados (aquest, aqueix) ou o uso de moitas formas verbais comúns no valenciano, e moitas delas estendidas polo bloque occidental, como as formas do subxuntivo ou a escritura dos incoativos tanto con -ix- como con -eix- ou o uso preferente do morfema -e da 1a persoa singular do presente de indicativo na 1a conxugación (-ar), xa que as outras conxugacións o morfema é -ø: "jo compre", "jo tem", "jo dorm".

Nas Illas Baleares úsase o estándar do IEC adaptado ao marco dialectal pola sección filológica da Universidade das Illas Baleares, o órgano consultivo do Goberno balear. Deste xeito, por exemplo, o IEC indica que tanto é correcto escribir "cantam" como "cantem" (cantamos) e a Universidade determina que a forma preferente nas Illas ten que ser "cantam" ata nos ámbitos formais. Outra característica do estándar balear és a escritura da 1a persoa do singular do presente de indicativo, onde non hai desinencia: "jo cant" (eu canto), "jo tem" (eu temo), "jo dorm" (eu durmo).

No Alguer, o IEC adaptou o estándar ao variedade algueresa. Neste estándar pódese atopar, entre outras características, o artigo lo de uso xeral, posesivos especiais la mia, lo sou/la sua, lo tou/la tua etc., uso da -v- ao pretérito imperfecto en todas as conxugacións: cantava (cantaba), creixiva (crecía), llegiva (lía); uso de moitas palabras de carácter arcaico de uso moi corrente no alguerés: manco por menys (menos), calqui u por algú (alguén), qual/quala por quin/quina (cal) etc. e adaptacións dos pronombres clíticos.

Desenvolvemento histórico

Como en todas as linguas romances, o cambio do latín vulgar ao catalán foi gradual e non é posible determinar en que momento comeza. Segundo Coromines, os trocos máis radicais deberon producirse nos séculos VII e VIII, pero é difícil sabelo con precisión porque os textos escribíanse exclusivamente nun latín artificioso, alleo á lingua de uso. Xa no século IX e sobre todo nos séculos X e XI, aparecen palabras e ata frases enteiras intercaladas en algo que xa se pode denominar catalán. Desde 1150 hai xa numerosos documentos escritos e cara a finais do século XII aparece o primeiro texto literario coñecido, as Homilies d'Organyà, un fragmento dunha colección de sermóns.

O catalán xorde a ambos os dous lados dos Pireneos (condados do Rosellón, Empúries, Besalú, a Cerdanya, Urgell, Pallars e Ribagorça) e estendeuse cara ao sur durante a Reconquista en varias fases: Barcelona e Tarragona, Lleida e Tortosa, o antigo Reino de Valencia, as Illas Baleares e Alguer.

Falantes no mundo

Territorios onde a lingua ten status oficial
Territorio Enténdena Saben falala
Cataluña 6 502 880 5 698 400
País Valenciano 3 448 368 2 407 951
Illas Baleares 852.780 706.065
Andorra 62.013 57.395
Alguer 34.525 26.000
Total 10 900 566 8 895 811
Territorios onde a lingua non ten status oficial
Territorio Enténdena Saben falala
Cataluña do Norte 256.583 145.777
Franxa de Aragón 50.406 49.398
El Carche Sen datos Sen datos
Resto do mundo 350.000 350.000
Total 656.989 545.175
Total
Territorio Enténdena Saben falala
Países Cataláns 11 207 555 9 090 986
Resto do mundo 350.000 350.000
Total 11 557 555 9 440 986

Breve vocabulario

  • Ola: "Hola"
  • Bo día: "Bon dia"
  • Bo serán: "Bona tarda" ou "Bona vesprada"
  • Boa noite: "Bona nit"
  • Hoxe: "Avui" ou "Hui" en valenciano
  • Adeus: "Adéu"
  • Deica logo: "Fins després"
  • Por favor: "Si us plau" ou "Per favor"
  • Perdón: "Perdó"
  • Grazas: "Mercès" ou "Gràcies"
  • De nada: "De res"
  • Si: "Sí"
  • Non: "No"
  • Non entendo: "No ho entenc"
  • Non fumar: "No fumeu"
  • Gato: "Gat" ou "Moix" en balear
  • Can: "Gos" ou "Ca" en balear
  • Rúa: "Carrer"
  • Festa: "Festa"
  • Parabéns: "Felicitats"
  • Nai: "Mare"
  • Pai: "Pare"

Notas

  1. Informe CAT. 50 dades sobre la llengua catalana, informe de abril de 2016 elaborado por Plataforma per la Llengua (en catalán) (páx. 5)
  2. ethnologue.com (ed.). "Catalan-Valencian-Balear. Ethnologue 2009 - Report for language". Ethnologue - Languages of the World. Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2014. Consultado o 23 de setembro de 2014.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para catalán.
  4. Els Països Catalans en Enciclopèdia.cat (en catalán)

Véxase tamén

Outros artigos

.cat

O dominio .cat é un dominio de internet de primeiro nivel xenérico que forma parte do sistema de dominios de internet patrocinados (sponsored TLD en inglés) para a lingua catalá e a súa cultura. Foi aprobado oficialmente o 15 de setembro do 2005 pola ICANN. Está xestionado pola Fundación puntCat.

O dominio .cat é o primeiro que se concede a unha comunidade lingüística. Os criterios para que un sitio web teña o dominio .cat son que estean en catalán ou que estea relacionada coa cultura catalá. A ICANN prohibiu expresamente que se utilice o dominio .cat para páxinas de gatos (cat en inglés), a non ser que estean en catalán ou teña que ver coa cultura catalá.

Avui

Avui é un diario catalán de información xeral fundado en 1976 e publicado en Barcelona. Está considerado un rotativo de signo catalanista, e foi o primeiro en ser editado en lingua catalá logo da ditadura franquista. Tamén foi o primeiro diario electrónico do ámbito lingüístico catalán e do conxunto da Península Ibérica.[Cómpre referencia] Está en internet dende o primeiro de abril de 1995.

Cataluña do Norte

A Cataluña do Norte ou Cataluña Norte (en catalán: Catalunya Nord; en francés: Catalogne Nord) é a zona do sur de Francia histórica e culturalmente catalá e separada do resto de Cataluña en virtude do tratado dos Pireneos (o 7 de novembro de 1659). O inventor do termo Cataluña do Norte foi Alfons Mias nos anos 1930.

O 10 de decembro do 2007 o Consello Xeral dos Pireneos Orientais aprobou a oficialidade do catalán, xunto co francés.

Diari Ara

Ara (en galego "agora") é un xornal de información xeral escrito en lingua catalá que se edita en Barcelona para Cataluña, Illas Baleares e Andorra. A súa directora é Esther Vera .

El Periódico de Catalunya

El Periódico de Catalunya, ou máis simplemente El Periódico, é un diario de información xeral de pago, e distribución matinal, editado en Barcelona (España) en dobre versión, en catalán e en castelán. Ten a súa redacción nun edificio da rúa Consell de Cent, en pleno distrito do Eixample, e conta con correspondentes propios nas principais cidades de todo o mundo.

Pertence ao Grupo Zeta e ideoloxicamente está considerado catalanista non nacionalista e progresista. Formalmente caracterízase polo gran tratamento gráfico e a impresión de todas as súas páxinas en cor. No ano 2006 El Periódico ten un prezo de 1 euro de luns a sábado, e de 2 euros os domingos, día en que inclúe a revista "Dominical" e os suplementos "Airbag" e "Cuaderno del Domingo".

Segundo datos certificados pola Oficina de Xustificación da Difusión (OXD) e referidos ao período de xaneiro a decembro de 2010, a media de tirada de El Periódico de Catalunya foi de 168.911 exemplares e a media de difusión de 133.055. Na súa edición dixital os usuarios creceron un 40'5% nun ano 2011-2012 rexistrando un dos maiores incrementos da prensa dixital en España.

Franxa de Aragón

A Franxa de Aragón, Oriental ou de Poñente (Franja d'Aragó ou Franja de Ponent en catalán; Francha Oriental en aragonés; La Franja en castelán) é a zona do leste de Aragón, limítrofe con Cataluña, formada polos concellos de fala catalá.

Gran Enciclopèdia Catalana

A Gran Enciclopèdia Catalana (GEC) é unha enciclopedia xeral escrita en lingua catalá. Recolle alfabeticamente toda clase de entradas históricas, xeográficas, culturais etc. de todo o mundo, vistas, cando se presta, cunha óptica catalá, e moi especialmente novas semellantes do ámbito catalán. Tamén contén un amplo dicionario de léxico común que foi revisado na primeira edición da obra por Ramon Aramon i Serra. Posteriormente, saíron diversas edicións e volumes de apéndice e tamén posúe unha versión dixital. No ano 1991 foi galardoada co Premio Creu de Sant Jordi.

Institut d'Estudis Catalans

O Institut d'Estudis Catalans (en galego, Instituto de Estudos Cataláns, IEC) é unha institución cultural de Cataluña, privada, fundada por iniciativa de Enric Prat de la Riba, mediante uns acordos coa Deputación de Barcelona o 18 de xuño de 1907 e o 14 de febreiro de 1911, da cal Prat de la Riba era presidente.

Jaime Balmes

Jaime Balmes, nado en Vic o 28 de agosto de 1810 e finado ibídem o 9 de xullo de 1848, foi un filósofo, teólogo, apoloxista, sociólogo e tratadista político catalán.

L'Alguer

L'Alguer (en italiano: Alghero; en catalán: l'Alguer; en sardo: S'Alighera) é unha cidade italiana da provincia de Sassari, na illa de Sardeña, de lingua tradicional catalá. Residen na comuna 39.372 habitantes.

La Vanguardia

La Vanguardia, coñecido como La Vanguardia Española entre 1939 e 1978, é un diario matinal de información xeral editado en Barcelona para toda España. É publicado en dúas edicións paralelas: castelán e catalán.

Manuel Vázquez Montalbán

Manuel Vázquez Montalbán, nado en Barcelona o 27 de xullo de 1939 e finado en Bangkok (Tailandia) o 18 de outubro de 2003, foi un xornalista, novelista, poeta, ensaísta, crítico e gastrónomo catalán. Escribiu tanto en lingua catalá como castelá.

Mar adentro

Mar adentro é un filme español biográfico-dramático de 2004 coescrita e dirixida por Alejandro Amenábar e protagonizada por Javier Bardem, Belén Rueda e Lola Dueñas. Rodado en Galicia, está baseado na historia real de Ramón Sampedro, un escritor e ex-mariñeiro que quedou tetrapléxico logo dun accidente ocorrido durante a súa xuventude e permanece prostrado nunha cama durante case 30 anos, situación pola que desexa morrer mediante a aplicación da eutanasia. O film relata a loita de Sampedro para lograr que a lei recoñeza o seu dereito a morrer.

Resultou gañadora do Oscar ó mellor filme en lingua non inglesa 2004, entre outros numerosos premios.

Organyà

Organyà é un concello da provincia de Lleida, en Cataluña. Pertence á comarca do Alt Urgell e tiña en 2014 unha poboación de 841 habitantes.

En 1904 atopouse na reitoría da vila unha das prosas máis antigas escritas en lingua catalá, as Homilies d'Organyà. Trátase de seis sermóns con comentarios de varios evanxeos e epístolas. Datan de finais do século XII ou principios do século XIII.

Países Cataláns

Os Países Cataláns (Països Catalans en catalán) son os territorios nos que a lingua autóctona é o catalán, ou ben os territorios que forman parte dunha unidade xeohistórica, cultural e lingüística de predominio catalán. Son tamén os territorios onde viviron ou viven os falantes de catalán.En termos xerais, os Países Cataláns abranguen a zona oriental da península Ibérica, entre os Pireneos, até a Lagoa de Leucate e a serra das Corbières, polo norte, e o río Segura polo sur, o arquipélago das Baleares (que inclúe o das Pitiusas) e illas adxacentes (como as Columbretes e a illa de Nova Tabarca|Tabarca), a Franxa Oriental (no leste de Aragón), a comarca do Carxe (na Rexión de Murcia) e a cidade de L'Alguer (na illa de Sardeña), onde un 30% da poboación fala catalán.Os Países Cataláns teñen unha superficie conxunta de 70 520 quilómetros cadrados e unha poboación de 14,4 millóns de habitantes.

Ramon Llull

Ramon Llull (en latín Raimundus ou Raymundus Lullus), nado en Palma en 1235 e finado en 1315, foi un escritor, teólogo e filósofo mallorquín. Considérase o primeiro grande escritor en catalán, ademais tamén escribiu en árabe e latín.

Renaixença

A Renaixença foi un movemento rexurdimento cultural e literario catalán que atinxe o período comprendido entre comezos de do século XIX e 1890. O seu nome nace da vontade de facer renacer o catalán como lingua de literatura e de cultura, despois de séculos de diglosia co respecto ao castelán.

Considérase, tradicionalmente, o poema La pátria (1833) de Bonaventura Carles Aribau como o comezo deste movemento e a restauración dos Jocs Florals, a imitación dos occitanos, en 1859 foi un factor importante na difusión do movemento.

O romanticismo europeo coa súa defensa da identidade nacional dos pobos baseada na historia e nos sentimentos, constitúe unha xermolo decisivo na aparición do movemento, e na súa orientación na valorización do pasado medieval catalán e na recuperación da cultura popular e tradicional, depositaria da pureza do catalán, que para a Renaixença convértese no símbolo da identidade nacional.

A Renaixença non só se limitou a Cataluña, aínda que con menor intensidade espallouse por todos os territorios de lingua catalá. En Valencia a Renaixença entrou a través da revista El Mole. Nas Baleares van ser sobre todo mallorquinos que fixeran estudos en Barcelona os que a introducen.

Autores destacados deste movemento foron Joan Maragall e Jacint Verdaguer en poesía, Àngel Guimerá en teatro e Narcís Oller e Martí Genís i Aguilar en narrativa.

Salvador Espriu

Salvador Espriu i Castelló, nado en Santa Coloma de Farners o 10 de xullo de 1913 e finado en Barcelona o 22 de febreiro de 1985, foi un poeta, dramaturgo e novelista catalán.

Valenciano

O valenciano (valencià) é a denominación histórica, tradicional e estatutaria usada no País Valenciano e de xeito extraoficial na comarca murciana do Carche para referirse á mesma lingua que se denomina catalán en Cataluña, as Illas Baleares, a Franxa de Aragón, Andorra, a Cataluña Norte e a cidade sarda de L'Alguer. Constitúe, por outra banda, unha entidade lingüística propia, denominada moitas veces xa desde a Idade Media lingua valenciana, sen prexuízo de constituír unha das principais variantes dialectais do idioma catalán, canda o catalán central e o catalán balear.

O País Valenciano conta coa Academia Valenciana da Lingua (AVL) como entidade oficial encargada de elaborar a normativa lingüística da lingua dende a propia modalidade valenciana, canda o Institut d'Estudis Catalans (IEC). Este órgano foi creado pola Generalitat Valenciana en 1998 co consenso maioritario das Cortes Valencianas.

O valenciano, dialectoloxicamente falando, non se pode considerar un dialecto encadrado no marco político-administrativo do País Valenciano. O feito de que os dialectos da lingua catalá formen un continuum lingüístico fai que moitos dos trazos valencianos cheguen alén das Terras do Ebro catalás e aragonesas catalá-parlantes, así e todo, chegando ao Baix Camp e ao Baix Cinca, pódense incluír as falas desta zona dentro do valenciano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.