Lingua acadia

A lingua acadia[1] (akkadû, 𒅎𒀝𒂵𒌈 ak.kADû)[2] é unha lingua semítica que foi falada do cuarto ao primeiro milenio antes da nosa era. Dívídese en dous dialectos : o babilonio, ao sur da Mesopotamia (ver Babilonia) e o asirio, ao norte (ver Asiria).

Acadio designa igualmente o habitante do país de Akkad.

Acadio
akkadû
Falado en: Asiria e Babilonia
Rexións: Mesopotamia
Total de falantes:
Familia: Semítico
 Semítico oriental
  Acadio
Escrita: Cuneiforme sumero-acadio
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Inicialmente Acadia (Mesopotamia central); lingua franca do Oriente Medio e Exipto no fin da Idade de Bronce e comezo da Idade de Ferro.
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: akk
ISO 639-3: akk

Dialectoloxía

Mesopotamia
ÉufratesTigris
Cidades / Imperios
Sumeria: UrukUrEridu
KishLagashNippur
Imperio Acadio: Agadé
BabiloniaIsínLarsaSusa
Asiria: Asur – Nínive
Nuzi – Nimrud
Imperio BabilónicoCaldea
ElamAmorreos
MitanniCasitas
Cronoloxía
Reis sumerios
Reis de Asiria
Reis de Babilonia
Lingua
Escritura cuneiforme
Lingua sumeria – Acadio
Elamita
Mitoloxía
Gilgamesh – Marduk

O acadio, lingua vernácula

Cuneiform script
Escritura acadia.

O acadio foi a lingua vernácula dos pobos semitas de Mesopotamia polo menos desde o III milenio. A súa área de difusión inclúe a Baixa Mesopotamia, a Susiana e a Mesopotamia central, onde se fala o que se chama tradicionalmente o «babilonio» (posto que se falaba no reino babilonio do II milenio, mesmo se está presente noutros reinos durante os períodos precedentes), mentres que máis ao norte se fala a segunda grande variedade do acadio, o «asirio» (testemuñado polas fontes que veñen de Asiria). Estas dúas formas do acadio están aínda próximas e coñecen evolucións paralelas (ver máis abaixo). Na rexión do Éufrates Medio, outra lingua, o eblaíta (da cidade de Ebla), da que non se sabe se é do tipo semítico oriental ou occidental: está testemuñada desde a metade do III milenio. É, pois, probábel que o acadio non fose nunca a súa lingua vernácula, posto que esta rexión estaba dominada daquela por pobos que falaban linguas semíticas occidentais (amorritas, arameos).

Dado que estas linguas só se coñecen polos documentos escritos, é imposíbel saber con certeza que lingua se falaba, e as opinións dos especialistas diverxen por veces a propósito desta cuestión.

Acadio antigo

O acadio antigo é a lingua dos textos do período das dinastías arcaicas, e sobre todo do Imperio de Akkad. Os textos máis antigos en lingua acadia atopáronse en Abu Salabikh, Nippur ou Kish, e datan do século –XXVI, mentres que a inmensa maioría dos textos escritos o son en sumerio. No período do Imperio d’Akkad, o acadio convértese na lingua oficial deste reino, e adquire entón unha grande importancia no plano internacional, volvéndose a lingua diplomática das poboacións semitas, que son predominantes desde o país de Akkad ata Siria do Norte. Tras a caída deste imperio, apréciase un retorno ao emprego do sumerio coa Terceira dinastía de Ur. Cando esta última cae a finais do século -XX, o acadio convértese na lingua escrita dominante, mentres que o sumerio sen dúbida xa non se falaba.

Asirio e babilonio

No século –XX prodúcese a diverxencia entre os dous dialectos: asirio e babilonio.

Ver lingua asiria, lingua babilonia.

O acadio, lingua internacional

Na época amorrita (primeira metade do II milenio), o acadio definitivamente suplantou o sumerio ao nivel de lingua internacional, tras da caída da Terceira dinastía de Ur. O acadio diplomático segue sempre a forma que se falaba no sur de Mesopotamia, o babilonio, pola posición dominante desta rexión no plano cultural (a emerxencia do acadio literario faise en paralelo). No segundo milenio, o acadio escríbese por todo Oriente Próximo, da Anatolia ao Irán occidental, en Exipto, e mesmo no Golfo Pérsico: converteuse na lingua vehicular desta rexión do mundo. Só perde esta posición na primeira metade do I milenio, en mans do arameo. Durante todo este período que constitúe o seu apoxeo, o acadio fálase por todas partes, e o seu emprego non se limita aos intercambios internacionais, senón que en moitos lugares se aplica tamén nos escritos literarios, xurídicos, comerciais etc. É o fenómeno do acadio periférico.

O acadio periférico

Mari

O reino de Mari do principio do século -XVIII, para o que temos unha morea de arquivos considerábel, está poboado sen dúbida por xente que ten como lingua vehicular o amorrita. O acadio, con todo, non deixa de ser a lingua da administración de Mari. Daquela era case idéntico ao paleobabilonio. Comporta certas especificidades fonéticas propias dos dialectos de Alta Mesopotamia (frecuencia do son -e-), e tamén hábitos gramaticais particulares.

Alalakh

Alalakh (Tell Açana) proporcionou dous importantes lotes de arquivos cuneiformes:

  • O primeiro, atopado no seu nivel arqueolóxico VII, data da época amorrita (século -XVIII). Está, xa que logo, escrito en paleobabilonio.
  • O segundo lote, atopado no nivel IV, remóntase ao século –XV, e é, polo tanto, do babilonio medio.

A lingua destes dous lotes presenta particularidades locais, sobre todo a do segundo nivel, que presenta algunhas coincidencias co asirio, pero tamén co hurrita.

Hattusa

O sitio arqueolóxico de Boğazköi, a antiga Hattusa, capital dos Hititas, proporcionou numerosos textos en lingua acadia, tanto textos literarios como relixiosos ou diplomáticos (tratados, correspondencia internacional etc.). A adopción do acadio pola chancelaría de Hattusa faise desde o principio do reino, a finais do século -XVI, cando Hattusilis I estende o poder hitita en dirección de Siria. Pero o acadio xa era coñecido en Anatolia con anterioridade, desde o tempo dos emporios comerciais asirios en Capadocia (século -XIX), baixo a forma paleoasiria.

Nuzi

Os arquivos de Nuzi, que datan do século -XIV, están redactados en acadio, mentres que a cidade está poboada maioritariamente por persoas de lingua hurrita. Esta lingua é do babilonio medio, pero os máis os escribas non manexaban ben este idioma, cometendo numerosas faltas, e empregando palabras, expresións ou xiros hurritas.

El Amarna

Os arquivos cuneiformes atopados no sitio exipcio de El Amarna (a antiga Akhetaton), están na súa maioría redactados en acadio, de tipo babilonio estándar. Unha trintena dos textos atopados son de tipo literario, mentres que os 350 restantes constitúe a correspondencia dos reis exipcios da metade do século -XIV (Amenhotep III, Akhenaton, Tutankhamon). Polas súas distintas proveniencias, presentan as características propias do seu país de orixe (Hatti, Mitanni, Babilonia). O caso máis interesante para a lingüística é o das cartas chamadas «cananeas», escritas polos reinos vasalos de Exipto situados no Levante (Tiro, Biblos, Gaza). A lingua destas cartas presenta numerosos trazos propios das linguas semíticas occidentais faladas nestes países, as linguas «cananeas». Por isto parécense aos textos acadios atopados en Ugarit.

Ugarit

Os arquivos acadios de Ugarit (séculos -XIV --XIII) conteñen sobre todo textos diplomáticos, así como algunhas cartas. Os textos que tiñan que ver cos asuntos internos deste reino estaban redactados esencialmente en lingua ugarítica, nun alfabeto chamado tamén ugarítico. A lingua acadia escrita en Ugarit, de tipo babilonio medio, estaba influída pola lingua ugarítica, da que toma prestado vocabulario, así como certos xiros.

O acadio literario

O paleobabilonio literario

Na época paleobabilonia (ou amorrita), o acadio é a lingua na que se conciben as grandes obras literarias, relixiosas, científicas, en substitución do sumerio. Utilízase para as inscricións reais, os textos mitolóxicos, os himnos, as pregarias, os encantamentos etc. Esta forma do acadio presenta aspectos particulares, especialmente numerosos trazos arcaizantes, que intentan darlle un aspecto venerábel. O acadio literario ten certas orixinalidades desde o punto de vista fonolóxico: menos contraccións e harmonías vocálicas, caída da vogal final das preposicións ina, ana e eli, que se volven proclíticas, o estado construto do nome ten un final en -u no singular e no feminino plural etc. Empréganse tamén certos xiros máis comunmente que no acadio corrente, como locativo ou o terminativo, e a sintaxe é máis relaxada (o verbo non está sempre ao final da frase).

O «babilonio estándar»

O babilonio estándar é elaborado nos círculos letrados da Babilonia casita, na segunda metade do II milenio. Esta lingua sitúase na liñaxe directa do paleobabilonio literario, tanto en canto aos asuntos dos escritos que se fan nesta lingua como ao nivel das particularidades desta. Se ben retoma numerosos trazos do paleobabilonio literario, o babilonio estándar está influído polas formas vernáculas contemporáneas do acadio. A mimación desaparece daquela, o š tras unha dental (d, t, ṭ) convértese en l etc. Do punto de vista da morfoloxía, os casos nominais están menos marcados (confusión entre o nominativo e o acusativo), o ventivo é moi corrente, sen ter función precisa, os pronomes enclíticos -šu e -ša confúndense a miúdo, retómanse as formas do estado construto do paleobabilonio literario etc. O babilonio estándar non só é empregado en Babilonia (sendo a súa forma estándar a que toma no Enuma Elish), senón tamén en Asiria, estando escritas as inscricións reais neoasirias nesta forma do acadio, e non en asirio (malia a presenza de algúns «asirianismos»).

Principios da lingua acadia

Parentesco lingüístico

Situación entre as linguas semíticas

O acadio é a lingua semítica máis antiga que coñecemos. Presenta as principais características desta lingua: raíces consonánticas predominantemente trilíteras, conxugación, vocabulario de base. O acadio conserva algúns trazos arcaicos, especialmente os diferentes casos nominais. Entre as linguas semíticas, esta lingua constitúe a rama chamada oriental, con eventualmente o eblaíta.

Préstamos do sumerio

Desde a época máis antiga na que nos é coñecida, a lingua acadia sufriu unha forte influencia de parte do sumerio, lingua coa que os seus falantes conviven moito. Tomaron moitos dos trazos dela: verbo en final de frase, predilección polas frases nominais. Numerosas palabras acadias veñen derivadas do sumerio. Xeralmente, recoñécense polo feito de que a súa consoante final, que precede a desinencia casual, aparece redobrada despois do paso ao acadio. Por exemplo DUB.SAR, o escriba, vólvese tupšarru(m). Igualmente É.GAL, literalmente gran casa, é dicir, o palacio, dá ekallu(m). Esta herdanza que vén dunha lingua profundamente diferente das linguas semíticas constitúe a principal orixinalidade do acadio en relación coas outras linguas deste grupo. Isto ten como consecuencia que é imposíbel a clasificación por raíces nos dicionarios de acadio, como se fai nos das outras linguas semíticas.

Cómpre igualmente sinalar que o acadio influíu á súa vez no sumerio, polo menos no vocabulario.

Fonética

A base fonética do acadio é menos variada que a da maiorías das linguas semíticas. No nivel das semiconsoantes, só o aleph (’) fica presente ao longo de todo o período de documentación en acadio, en estado residual, e integra o ’aïn (ˁ), o iode, o ġaïn, o h e o ḥ. O w desaparece progresivamente tras a metade do II milenio. O h do acadio é unha consoante dura, como o jota español, por veces escrito ḫ ou transcrito kh. Non hai h glotal. Esta lingua ten as enfáticas de k (q), t (ţ) e s (ṣ), e unha sibilante, š. As vogais presentes son o a, o u , o i e o e, e poden ser alongadas de dúas maneiras (ā, ū, ī, ē e â, û, î, ê).

Hai certas regras fonéticas particulares en acadio. A máis importante é a caída da vogal final da segunda sílaba nunha serie de dúas sílabas abertas breves: *parisū (pa-ri-sū) > parsū.

Morfoloxía

As raíces

Como todas as linguas semíticas, as palabras, adxectivos e verbos acadios están formados na súa base por raíces consonánticas, na súa inmensa maioría trilíteras. Represéntanse coas consoantes que as constitúen: PRS, ŠPR, NDN etc. Existen algunhas raíces, chamadas febles, que contan cunha ou dúas semiconsoantes (aleph, waw ou iode), ou ben unha vogal longa na súa raíz: ’LK, (W)BL, KūN etc.

Como dixemos antes, o principio das raíces é limitado en acadio polos numerosos préstamos do sumerio efectuados por esta lingua.

En acadio, a raíz que serve de paradigma, sobre todo para os verbos, é PRS, que significa «cortar», «decidir».

Nomes

O acadio ten só dous xéneros: o masculino e o feminino, distinguidos polo morfema –(a)t- engadido á raíz, como na maioría das linguas semíticas e afro-asiáticas. Coexisten tres números: singular, plural e dual (pouco usado). Existen tres casos diferentes: nominativo, marcado por unha terminación en –u(m), o acusativo –a(m) e o xenitivo (que ten tamén un valor de dativo) –i(m). En plural, estes dous últimos só forman un caso, chamado oblicuo.

Os nomes teñen tamén un estado construto, que consiste xeralmente na caída da desinencia casual, e que serve para introducir un xenitivo directo (mentres que o xenitivo indirecto se introduce coa preposición ša) : šar mati(m) = šarru(m) ša mati(m) = «o rei do país».

Adxectivos

Colócanse xeralmente tras a palabra ou grupo de palabras aos que determinan. Compórtanse como substantivos, e teñen o mesmo xénero, número e caso co que cualifican. Con todo, a declinación do adxectivo difire da do substantivo no masculino plural (-ūtum, -ūtim).

Verbos

O acadio só distingue en principio o aspecto dos verbos (perfectivo ou imperfectivo), e non o tempo (pasado, presente, futuro). Distínguese así o estado de realización dunha acción, dependendo se xa rematou (perfectivo) ou se está a producirse ou que aínda non tivo lugar (imperfectivo). O perfectivo corresponde, pois, ao pretérito perfecto composto do español, ao pluscuamperfecto do galego e ao futuro anterior do español (respectivamente perfectivo do pasado, do presente e do futuro), mentres que o imperfectivo corresponde ao presente de indicativo, ao pretérito perfecto e ao futuro simple (imperfectivos do pasado, do presente, e do futuro) do galego.

As outras formas verbais habituais son o imperativo, o perfectivo/perfecto (que indica unha acción consecutiva a outra), o precativo/cohortativo (que indica un desexo), o estativo (acción que dura, estado permanente). As formas do infinitivo e participio son substantivos formados sobre a raíz verbal.

A persoa está marcada cun prefixo, e por veces un sufixo:

  • 1ª sg.: a-.
  • 2ª m. sg.: ta-.
  • 2ª f. sg.: ta-(V)-ī.
  • 3ª m. sg.: i-.
  • 3ª f. sg.: ta-.
  • 1ª pl.: ni-.
  • 2ª pl.: ta-(V)-ā.
  • 3ª m. pl.: i-(V)-ū.
  • 3ª f. pl.: i-(V)-ā.

velaquí unha táboa coa conxugación básica; as formas conxugadas están na terceira persoa masculina singular:

  • perfectivo: iPRuS
  • imperfectivo: iPaRRaS
  • perfecto: iPtaRaS
  • imperativo: PuRuS
  • estativo: PaRiS
  • precativo: liPRuS
  • infinitivo: PaRāS-u(m)
  • participio: PaRīS-u(m)

Como as outras linguas semíticas, o verbo acadio conxúgase segundo tres sistemas:

  • o sistema G (Grundstamm), ou sistema I, conxugación de base.
  • o sistema D (Doppelungstamm), ou sistema II, un enfático e un factitivo; está marcado cunha reduplicación da segunda consoante da raíz, e prefixos cunha vogal u: perfectivo uPaRRiS.
  • o sistema Š, ou sistema III, que é un causativo; engádese un infixo constituído por un -š- tras o prefixo persoal, que están compostos dunha vogal u: perfectivo ušaPRis.
  • o sistema N ou sistema IV, o pasivo do sistema G/I; engádese un infixo -n- tras o prefixo persoal, que desaparece a miúdo foneticamente: perfectivo *inPaRuS>iPPaRuS.
Akkfr parasum paradigme simple
Paradigma do verbo parāsum (decidir, dividir); as marcas de persoa están en azul, os infixos en verde e as vogais temáticas (aquí, a no imperfectivo, u no perfectivo) en vermello.

Hai igualmente tres «subsistemas». O primeiro (G) é o subsistema básico, o segundo (Gt) ten un aspecto enfático ou partitivo, mentres que o terceiro (Gtn) marca un aspecto repetitivo («facer sen cesar»).

Pronomes

Distínguense dous tipos de pronomes persoais: independentes e dependentes (ou enclíticos). Declínanse como os nomes segundo tres casos.

Sintaxe

A diferenza das outras linguas semíticas, que teñen unha sintaxe en SVO, o acadio ten unha sintaxe en SOV, a causa da influencia do sumerio. Dentro do obxecto, o complemento directo (acusativo) precede ao complemento indirecto (dativo/xenitivo). As proposicións subordinadas están xeralmente introducidas por un pronome (a miúdo ša = «quen», «que»), e o seu verbo remátase cun prefixo específico, -u en babilonio, -ni en asirio.

Notas

  1. García-Miguel, José M. (2000). "Linguas do mundo e tipoloxía lingüística". En F. Ramallo; G. Rei-Doval; X.P. Rodríguez Yáñez. Manual de Ciencias da Linguaxe (PDF). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. pp. 173–220. ISBN 84-8302-588-4.
  2. John Huehnergard & Christopher Woods, "Akkadian and Eblaite," The Cambridge Encyclopedia of the World's Ancient Languages. Ed. Roger D. Woodard (2004, Cambridge) Pages 218-280

Véxase tamén

Bibliografía

Gramáticas

  • W. von Soden, Grundiss der Akkadischen Grammatik, 1995 (en alemán).
  • J. Huehnergard, A Grammar of Akkadian, 2000 (corrección dos exercicios nun fascículo separado) (en inglés).

Dicionarios

  • Black Jeremy, George Andrew, Postgate Nicholas, "A concise dictionary of Akkadian", Wiesbaden : O. Harrassowitz, 2000. Dicionario de peto, abreviación usual: CDA (en inglés).
  • Brinkman… [et al.] John A. editorial board, "The Assyrian Dictionary of the Oriental Institute of the University of Chicago", Chicago Ill. : Oriental Institute, Glückstadt : J.J. Augustin, 1956->. Malia os seus case 20 volumes, este dicionario non está aínda rematado, abreviación usual: CAD (Chicago Assyrian Dictionary) (en inglés).
  • Soden, Wolfram von, "Akkadisches Handwörterbuch", Nachlasses von Bruno Meissner, (1868-1947), Wiesbaden : O. Harrassowitz, 1965-1981. Dicionario composto por tres voluminosos libros, abreviación usual: AHw (en alemán)

Manuais de aprendizaxe

  • F. Malbran-Labat, Manuel de langue akkadienne, 2003 (en francés).
  • D. Bodi, Petite grammaire de l'akkadien à l'usage des débutants, 2001 (en francés).

Listas de signos

  • F. Malbran-Labat, R. Labat, Manuel d'épigraphie akkadienne (Signes, Syllabaires, Idéogrammes), Librairie Orientaliste Paul Geuthner, Paris (en francés).
  • R. Borger, Assyrisch-babylonische Zeichenliste, Collection: Alter Orient und Altes Testament Bd. 33 e 33A, Kevelaer : Butzon und Bercker; Neukirchen-Vluyn: Neukirchener Verl., 1981. (en inglés).

Ligazóns externas

Linguas semíticas
Ugarítico † | Fenicio † | Púnico † | Hebreo | Amonita † |
Moabita † | Edomita † | Arameo | Acadio † | Babilonio † | Asirio † | Árabe | Sudarábiga | Etiópico
Abraham

Abraham é o patriarca do xudaísmo, recoñecido polo cristianismo e un profeta moi importante do islam. A historia da súa vida é relatada no libro do Xénese e no Corán, pero non hai ningunha evidencia histórica da súa existencia. As datas tradicionais da súa biografía sitúanse entre o 2166 a.C. e 1991 a.C. Segundo a tradición xudía, naceu no ano 1948 da Creación, equivalente ao ano 1812 a.C.

O seu nome orixinal era Abram (en hebreo אַבְרָם Avram), e era descendente do fillo de Noé, Sem. Aínda que a súa muller era estéril, Deus prometeulle que da súa descendencia fariase unha gran nación, razón pola que cambiou o seu nome por "Abraham", que significa pai de multitudes. O truncado sacrificio de Isaac é unha das escenas máis representadas da súa vida nas artes, que é un dos pasaxes bíblicos máis coñecidos.

Na Xénese, o libro do Antigo Testamento que rexistra a vida de Abraham, presenta o seu papel como un individuo que debe cumprir un pacto monoteísta establecido entre el e Deus (Xehová o cal tamén foi transliterado como "Yehowah" ou "Yahweh"). O Corán presenta historias sobre Abraham e os seus descendentes que son similares ás que hai na Biblia.

Acadia (homónimos)

Acadia pode referirse a:

Acadia en América do Norte;

Acadia, en Mesopotamia;

a lingua acadia;

Acadia, unha das 64 parroquias do estado de Louisiana (EUA).

Acadio

Acadio pode facer referencia a:

Os habitantes da cidade de Acad.

O imperio acadio.

A lingua acadia.

Alfabeto ugarítico

O alfabeto ugarítico é un tipo de alfabeto testemuñado na cidade de Ugarit entre os séculos –XIV e o inicio do –XII.

Armenia

Armenia (en armenio: Հայաստան, Hayastan), oficialmente República de Armenia (en armenio: Հայաստանի Հանրապետություն, Hayastani Hanrapetut’yun), é un estado montañoso sen litoral localizado na rexión eurasiática de Transcaucasia. Localizado no cruzamento de camiños entre Europa oriental e Asia occidental, está rodeado por Turquía ao leste, Xeorxia ao norte, Acerbaixán e a república independente de facto de Nagorno-Karabakh ao leste, e Irán e o enclave acerbaixaní de Nakhichevan ao sur. A súa capital e cidade máis poboada é Iereván.

Armenia é unha nación-estado unitaria, pluripartidista e democrática cunha rica e antiga herdanza cultural. Urartu foi estabelecido o -860 e no século -VI foi substituído pola Satrapía de Armenia. O Reino de Armenia alcanzou ó seu máximo apoxeo baixo Tigranes II o Grande no século -I e converteuse no primeiro estado do mundo en adoptar o cristianismo como relixión oficial a finais do século III e comezos do IV. A data oficial da adopción é o ano 301. O antigo reino de Armenia foi dividido entre os bizantinos e o Imperio Sasánida arredor do século V. Baixo a dinastía Bagratuni, a Armenia bagrátida foi restaurada no século IX. Por mor das loitas contra os bizantinos, o reino caeu no ano 1045 e Armenia foi invandida polo Imperio Selxúcida. Un principado armenio e posteriormente o reino armenio de Cilicia asentáronse na costa do mar Mediterráneo entre os séculos XI e XIV.

Entre os século XVI e XIX, as patrias armenias tradicionais composta por Armenia Oriental e Armenia Occidental caeron baixo o goberno dos imperios Otomán e Iraniano. No século XIX, Armenia Oriental foi conquistada polo Imperio Ruso, mentres que a maioría das terras tradicionais armenias occidentais permaneceron baixo control otomán. Durante a primeira guerra mundial, os armenios que vivían no Imperio Otomán foron sistematicamente exterminados durante o xenocidio armenio. En 1918, despois da Revolución Rusa, tódolos países non rusos declararon a súa independencia despois de que o Imperio Ruso deixase de existir, o que levou ao estabelecemento da Primeira República de Armenia. En 1920, o estado foi incorporado á República Socialista Soviética Federativa Transcaucásica, e en 1922 converteuse en membro fundador da Unión Soviética. En 1936, o estado Transcaucásico foi disolto, transformando os seus estado constituíntes, incluíndo a República Socialista Soviética de Armenia, en repúblicas da Unión. A moderna República de Armenia converteuse en estado independente en 1991 durante a disolución da Unión Soviética.

A moderna República de Armenia recoñece á Igrexa Apostólica Armenia, a Igrexa nacional máis antiga do mundo, como a principal relixión do país. Os armenios posúen ademais o seu propio alfabeto, inventado por Mesrop Mashtots no ano 405 d.C.

É ademais membro da Unión Económica Euroasiática, as Nacións Unidas, o Consello de Europa e a Organización do Tratado da Seguridad Colectiva. Armenia apoia a independente de facto República de Artsakh, que foi proclamada en 1991.

Asia

Asia ( pronunciación ) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez. Tamén ó oeste limita co mar Exeo (Asia Menor), cordilleira do Cáucaso, mar Caspio, río Ural e os montes Urais. Ademais do territorio continental, tamén ten territorios insulares: as Kuriles, Sakhalin, as illas xaponesas, a illa de Formosa (Taiwán), as Filipinas, as Illas de Sonda, Sri Lanka e milleiros de illas menores. Cobre o 8,6% da superficie da Terra, o 29,4% sen contar os mares e nel habita máis do 60% da poboación mundial, uns 4.000 millóns de persoas.

Na división convencional de continentes, de orixe europea, Asia e Europa aparecen como dúas entidades diferentes por razóns culturais e históricas, mais en termos xeográficos, forman realmente un único continente, Eurasia. Tamén África está unida a Eurasia polo istmo de Suez polo que tamén se pode considerar Europa, Asia e África como un único supercontinente, Eurafrasia.

Dado o seu tamaño e diversidade, o concepto de Asia - un nome que se remonta á antigüidade clásica - en realidade pode ter máis que ver coa xeografía humana que coa xeografía física. Asia varía considerablemente entre e dentro das súas rexións con respecto aos grupos étnicos, as culturas, os ambientes, a economía, os lazos históricos e os sistemas de goberno.

Cartas de Amarna

As taboíñas de Amarna son catro centenares de taboíñas con inscricións cuneiformes, coñecidas tamén como as cartas de Amarna, que forman a correspondencia diplomática do tempo do faraón Akhenatón.

O 1887 unha muller da rexión de Tell al-Amarna atopou as primeiras cen taboíñas, nun lugar da rexión. Estaban gravadas con inscricións cuneiformes e contiñan a correspondencia diplomática internacional do faraón. En total atopáronse 382 taboíñas, que se revelaron como un instrumento de primeira liña para o estudo do século XIV. Flinders Petrie atopou o edificio no cal se atoparan as taboíñas e engadiu algunhas máis (22) ás atopadas inicialmente ata chegar ás 382. A maioría estaban escritas en lingua acadia, e algunhas (poucas) noutras linguas (asirio, hurrita, hitita). Das 382, 350 son cartas e 32 son outros textos (mitos, poemas épicos, léxicos...). 203 atópanse en Berlín no Vorderasiatisches Museum; 49 ou 50 están no Museo Arqueolóxico do Cairo; 95 están no Museo Británico; 22 están no Ashmolean Museum de Oxford (as atopadas por Petrie); 7 están no Museo do Louvre; 9 están en coleccións privadas; e 2 no Museo Metropolitano de Nova York. Unhas 40 cartas proveñen de estados cos que Exipto tiña unha relación de igual a igual (Babilonia, Asiria, Mittani, Arzawa, Alashiya ou Alashia e Hatti; o resto son dos príncipes vasalos en Siria e Palestina.

Código de Hammurabi

O código de Hammurabi, creado ao redor de 1700 a.C., é un dos mais antigos conxuntos de leis xamais encontrados, e un dos exemplos mellor preservados deste tipo de documento da antiga Mesopotamia.

Daniel (profeta)

Daniel (en hebreo: דָּנִיּאֵל; en árabe: دانيال) é o profeta, autor e protagonista principal do Libro de Daniel, que se acha incluído tanto no Tanak como na Biblia.No libro de Ezequiel noméase certo Daniel como unha persoa de excepcional sabedoría e rectitud (Ez. 14: 14, 20 e 28: 3). Tamén aparecen mencionados outras dúas personaxes co mesmo nome, a saber: Daniel, fillo de David (1 Cr 3:1 e 2 Sam 3:3) e Daniel fillo de Itamar, de familia sacerdotal, un dos exiliados que retornaron con Esdras en 458 a.C. (Esd 8:2).

Enuma Elish

O Enuma Elish é un poema babilónico que relata a creación do mundo. Consta de sete taboíñas que conteñen cada unha delas entre 115 e 170 liñas de escrita cuneiforme en lingua acadia escritas cara ao 1.200 a. C. Foron achadas entre as ruínas da biblioteca do rei Asurbanipal en Nínive (669 a. C. - 627 a. C.).

Epopea de Gilgamesh

A Epopea de Gilgamesh, tamén coñecida como o Poema de Gilgamesh, é unha narración de orixe sumeria, na Mesopotamia, considerada como a narración escrita máis antiga da historia. Elaborouse mediante a escrita cuneiforme en táboas de arxila, o que favoreceu a súa conservación. A versión máis completa que se conserva consta de doce táboas, das cales once foron escritas cara a primeira metade do II milenio a. C. e a última, que constitúe unha narración independente das demais, cara á fin do I milenio a. C.

Lingua asiria

O asirio é unha lingua semítica, que forma unha rama lingüística do acadio, falado e escrito na Asiria antiga, coñecida por un importante corpus de inscricións monumentais e taboíñas cuneiformes. As diferenzas entre o asirio e a rama babilonia do acadio son sobre todo sensíbeis na fonética.

Lingua babilonia

O babilonio é a denominación pola que se designa un dialecto do acadio, falado en Babilonia a partir do principio do II milenio a.n.e., e que foi durante moito tempo a lingua literaria e diplomática par excelencia do Oriente Próximo.

Lingua eblaíta

O eblaíta é unha lingua extinta, talvez do grupo oriental das linguas semíticas, que se falaba no III milenio AdC na antiga cidade de Ebla, na actual Siria. Está considerada como a máis antiga lingua semítica con rexistro escrito.

A lingua, estreitamente vencellada coa lingua acadia, coñécese pola existencia dunhas 17.000 tabelas en escrita cuneiforme, que foron atopadas entre o 1974 e 1976 nas ruínas da cidade de Ebla (Tell Mardikh). As tabelas foron traducidas inicialmente por Giovanni Pettinato.

Literatura sumeria

A literatura sumeria é a literatura máis antiga do mundo.

Os sumerios idearon o primeiro sistema de escritura, comezando con logogramas cuneiformes, que evolucionaron a un sistema de escritura silábico.

A lingua sumeria mantívose en uso oficial e literario nos Imperios Acadio e Babilonio, ata despois de que a lingua falada desaparecese da poboación; a alfabetización estaba estendida, e os textos sumerios que copiaban os estudantes exerceu posteriormente unha influencia na literatura babilónica.

A literatura sumeria non chegou ata nós directamente, senón que debeu de ser redescuberta a través da arqueoloxía. No entanto, os acadios e babilonios recibiron un gran aporte da herdanza literaria sumeria, cuxas tradicións contribuíron a estender por Oriente Medio, influíndo en gran medida a literatura que xurdiría en dita rexión, incluíndo a Biblia.

Pisa

Pisa ([ˈpiːsa]) é un concello ("comuna") da rexión de Toscana e mais é a capital da provincia homónima de Italia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.