Lingua

Unha lingua é un sistema de signos lingüísticos incluíndo tamén sons, acenos e símbolos escritos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade lingüística. Unha definición lingüística da lingua precisa que é un sistema de signos dobremente articulados, é dicir, que a construción do sentido faise a dous niveis de articulación. Atópase primeiramente o das entidades significantes, morfemas, lexemas, monemas, formando os enunciados, e logo o das unidades distintivas de sentido (os fonemas), formando as unidades significantes. Estes dous niveis de articulación determinan os primeiros niveis da descrición lingüística: fonoloxía, morfoloxía e sintaxe. André Martinet precisa que a orde de descrición é de xeito necesario inversa á orde de percepción ou uso da lingua: a descrición comeza polo segundo nivel de articulación (fonemas) para ir cara ao primeiro (a combinatoria das unidades significantes).

Distínguese en xeral a lingua (sistema de signos) e a linguaxe (facultade humana posta en acción por medio de tal sistema). Distínguese de igual xeito, tras Ferdinand de Saussure, a lingua e a palabra (é dicir, o uso efectivo do sistema da lingua polos locutores).

Niveis e rexistros de lingua

Nunha lingua podemos distinguir

  • Variedades diacrónicas ou históricas, condicionadas polo tempo.
  • Variedades diatópicas: variantes da lingua no espazo (falares ou dialectos xeográficos).
  • Variedades diastráticas: variacións na lingua segundo a clase social (dialectos sociais).
  • Variedades diafásicas: variacións segundo a situación comunicativa do falante (tamén variantes funcionais, estilos de lingua ou rexistros). Os factores que determinan as diferenzas lingüísticas entre os rexistros son basicamente os catro factores que podemos diferenciar nunha situación comunicativa: o tema, a canle, a intención, e o nivel de formalidade.

Conflito lingüístico

Denomínase conflito lingüístico á tensión que se produce entre dúas linguas no interior dun territorio por asumir un maior número de funcións sociais e de falantes. Unha situación de conflito non permanece estable por tempo indefinido, senón que tende a resolverse por unha das seguintes vías:

  • A substitución lingüística. Este proceso consiste no abandono da lingua propia da comunidade e a asimilación á lingua dominante. O proceso conta con tres fases: monolingüismo na lingua propia; bilingüismo social, é dicir, uso diglósico da lingua propia e a lingua importada, tendo esta última os usos máis prestixiosos; por último, abandono da lingua propia, asimilándose completamente á lingua importada.
  • Normalización lingüística. Este proceso consiste na recuperación de usos e funcións sociais para unha lingua que está nunha situación de subordinación. Normalizar consiste en definir e aplicar un conxunto de medidas de tipo político, xurídico, social e lingüístico, que teñen como finalidade a restitución da lingua en todos os ámbitos para que teña un desenvolvemento normal como medio de comunicación dentro da súa propia comunidade de falantes.

Existen casos en que se produce unha simple coexistencia entre dous grupos lingüísticos, polo que non se manifesta o conflito. Isto ocorre cando a desigualdade lingüística vai acompañada dunha estrutura social “pechada”.

A lingua constitúe nesta sociedade un elemento de distinción de clase, un “status simbol”, un indicador simbólico da posición social. Deste xeito os falantes da lingua dominante non teñen ningún problema para desenvolver a súa vida sen necesidade de recorrer á lingua dominada, mentres que os falantes da lingua dominada ven restrinxido o seu desenvolvemento social. Desde a perspectiva dos individuos que queren ascender socialmente a resposta a esta situación é a asimilación, ou sexa a perda da propia identidade cultural e lingüística.

Lingua minoritarias

Lingua minoritaria é aquela lingua que conta cun número reducido de falantes nun determinado territorio. Non confundir con lingua minorizada.

Linguas minorizadas

Lingua minorizada é aquela lingua á que se lle negan as condicións para poder desenvolverse con normalidade. Atópase nunha situación de inferioridade ao ver restrinxidos os seus usos públicos (medios de comunicación, administración de Xustiza, vida comercial, publicidade, ensino, burocracia, liturxia etc.) e privados.

Graos de vitalidade

A vitalidade das linguas minorizadas presenta distintos graos:

  • Linguas en proceso de normalización. Son as que estás a recuperar ámbitos sociais de uso. É o caso do francés no Quebec.
  • Linguas en proceso de substitución. Son as que perden progresivamente ámbitos de uso e falantes. Por esta situación pasa o occitano en Francia ou a maioría das linguas aborixes en Australia.
  • Linguas extinguidas. Son as que non teñen uso e que non contan con falantes con competencia lingüística nelas. Neste caso están o dálmata ou o hitita.
  • Pódese contemplar outro tipo de linguas minorizadas. Son as que están vivindo simultaneamente procesos de normalización e substitución, isto é, gañan ámbitos de uso nunca antes desenvolvidos, mais perden falantes e debilítase o seu uso en contextos que lles foron exclusivos. Tal é o caso do galego.

Tipos de linguas minorizadas

Se temos en conta o status atopamos tres tipos de linguas minorizadas ou non normalizadas:

Linguas oficiais, nacionais e internacionais

O termo lingua oficial indica o status de determinada lingua como instrumento de relación entre o estado e os seus cidadáns. O status de oficial non é inamovible, xa que está exposto a flutuacións segundo varíen as circunstancias sociopolíticas.

Lingua nacional é aquela usada e creada por un pobo ao longo da súa historia. Non hai relación unívoca entre as dúas categorías, xa que a lingua oficial non sempre é a nacional (como ocorre co francés no Líbano), e a lingua nacional non sempre é a oficial (o romanche en Suíza).

As necesidades de comunicación entre individuos de linguas nacionais distintas provocaron ao longo do tempo que certas modalidades lingüísticas alcanzasen o estado de linguas internacionais. Son aquelas aprendidas como segundas linguas por un amplo número de persoas que as utilizan ao se dirixiren a falantes doutros territorios lingüísticos. Entre outras, alcanzaron o status de linguas internacionais o latín desde a Antigüidade ata a Idade Media, o francés no século XVIII e o inglés a partir do século XIX. A internacionalidade dunha lingua é en certa maneira independente do volume total demográfico de individuos que a usan como primeira lingua e ten máis que ver co poder político e económico do Estado que a sustenta. Así, a lingua demograficamente máis importante do mundo, o chinés mandarín, ten polo de agora pouco valor como lingua internacional.

Outras modalidades lingüísticas creadas de maneira máis ou menos planificada para serviren de medio de comunicación a persoas de comunidades lingüísticas distintas son:

  • Os sabires. Trátase de falares mixtos formados con elementos procedentes de varias linguas nacionais e utilizados en contextos comuncacionais moi limitados. É o que ocorre coa lingua dos comerciantes nas costas de África oriental, mestura de árabe e francés, ou co portuñol, mestura do portugués e español nas áreas fronteirizas do Brasil.
  • Os pidgin. Trátase de variedades do sabir máis elaboradas, con total coherencia gramatical e usada en calquera contexto comunicacional.
  • Os crioulos. Denominación que recibe un pidgin cando se converte en lingua principal dunha colectividade e incluso soporte dunha cultura escrita. Así ocorreu co crioulo das Antillas (mestura do francés e linguas africanas) e co crioulo de Cabo Verde (cruzamento dos falares nativos co portugués).
  • As linguas artificiais. Creacións de laboratorio realizadas por lingüistas como propostas de lingua universal para substituír as linguas nacionais. Entres as múltiples linguas artificiais aparecidas desde o século XIX destaca, pola difusión alcanzada, o esperanto.

Véxase tamén

Outros artigos

Gran Enciclopèdia Catalana

A Gran Enciclopèdia Catalana (GEC) é unha enciclopedia xeral escrita en lingua catalá. Recolle alfabeticamente toda clase de entradas históricas, xeográficas, culturais etc. de todo o mundo, vistas, cando se presta, cunha óptica catalá, e moi especialmente novas semellantes do ámbito catalán. Tamén contén un amplo dicionario de léxico común que foi revisado na primeira edición da obra por Ramon Aramon i Serra. Posteriormente, saíron diversas edicións e volumes de apéndice e tamén posúe unha versión dixital. No ano 1991 foi galardoada co Premio Creu de Sant Jordi.

Grande Enciclopedia Rusa

A Grande Enciclopedia Rusa (GER) (en ruso: Большая российская энциклопедия, Bolshaya rossiyskaya entsiklopediya) é unha enciclopedia rusa universal, publicada en 35 volumes dende o ano 2004. Foi lanzada baixo o impulso da Real Academia Rusa das Ciencias, despois de que o Presidente Vladimir Putin asinase o decreto №1156 no ano 2002. Segundo o editor da enciclopedia, Sergei Leonidovich Kravets, a edición completa estará dispoñible no ano 2016.O editor xefe da enciclopedia é Yury Osipov, o presidente da Academia. O equipo de traballo conta con outros 80 membros da Academia, incluíndo os Premios Nobel Zhores Alferov e Vitali Ginzburg.O primeiro volume introdutorio, estreado no 2004, estivo dedicado a Rusia.

Lingua alemá

O alemán (Deutsch, en alemán) é unha lingua indoeuropea pertencente ao grupo das linguas xermánicas occidentais. É tamén a lingua que máis falantes nativos ten na Unión Europea. É a lingua máis falada e a lingua (co-) oficial de Alemaña, Austria, Suíza, Tirol do Sur (Italia), a comunidade xermánica de Bélxica e Liechtenstein. É tamén unha das tres linguas oficiais de Luxemburgo. As linguas máis semellantes ó alemán son outros membros da póla de linguas xermánicas occidentais: o afrikaans, o neerlandés, o inglés, o frisón, o baixo alemán, o luxemburgués e o yiddish. O alemán é a segunda lingua xermánica máis falada, despois do inglés.

Unha das meirandes linguas do mundo, o alemán é a primeira lingua de arredor de 95 millóns de persoas en todo o mundo e a lingua nativa máis falada da Unión Europea. O alemán tamén é a cuarta lingua máis estendida (excluíndo o inglés) nos Estados Unidos de América (despois do castelán, o francés e a lingua de sinais americana) e a terceira da Unión Europea (despois do inglés e o francés; como segunda lingua), a segunda lingua máis común no eido científico así como a cuarta máis empregada nas páxinas web (despois do inglés, do ruso e do xaponés). Os países de fala alemá están clasificados no quinto posto en termos de publicacións anuais de libros, cunha décima parte de tódolos libros (incluíndo libros electrónicos) do mundo sendo publicados en lingua alemá.A maioría do vocabulario do alemán deriva da antiga póla xermánica da familia lingüística indoeuropea. Unha parte das palabras alemás derivan do latín e do grego, e só unhas poucas proveñen do francés e do inglés. Conta con diferentes variantes estandarizadas (de Alemaña, de Austria e Suíza), e é unha lingua pluricéntrica. Ó igual que o inglés, o alemán salienta polo seu amplo espectro dialectal, con moitas variantes existentes en Europa e tamén noutras partes do mundo. Por mor a limitada intelixibilidade entre certas variedades e o alemán estándar, así como pola falta dunha diferenza científica e sen disputa entre "dialecto" e "lingua", algunhas variedades ou grupos dialectais do alemán (véxase baixo alemán ou plautdietsch) son coñecidas alternativamente como "linguas" e "dialectos".

Lingua castelá

O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.

Lingua catalá

O catalán é unha lingua románica falada polo pobo catalán nalgúns territorios de España, Francia e Italia, así como tamén en Andorra, feito que propicia a denominación destes territorios como Países Cataláns, dada a súa unidade lingüística e cultural. Cómpre sinalar por outra banda que na Comunidade Valenciana o catalán recibe o nome de valenciano.

É lingua oficial de Andorra, cooficial en Cataluña, País Valenciano e as Illas Baleares xunto ó castelán, e carece de oficialidade na Franxa de Aragón, na Cataluña do Norte (Francia), na cidade sarda de L'Alguer e na zona de El Carche (Murcia). É a lingua habitual duns 4,4 millóns de persoas; ademais, son capaces de falalo uns 7,7 millóns e é comprendido por preto de 10,5 millóns de persoas.

Lingua finesa

O finés é, xunto co estoniano e o húngaro, unha das principais linguas discordantes dentro do monótono panorama indoeuropeo do vello continente. Emparentada fortemente co estoniano e distribuída fundamentalmente en Finlandia, a súa norma estándar baséase principalmente nas variantes xeográficas meridionais, pois antigamente tomábase como referencia a lingua da capital daquela, Turku. Con fortes contactos e influencias do sueco, o rexurdimento da lingua é recente e deuse a raíz da publicación do Kalevala.

Lingua francesa

O francés (français) é a terceira das linguas románicas en número de falantes, despois do castelán e do portugués. En 1999, o francés era a 11a lingua máis falada no mundo, con uns 77 millóns de falantes como lingua materna (chamados francófonos) e uns 128 millóns no total, incluíndo os que a usan como segunda lingua.É unha lingua administrativa ou oficial en moitas comunidades e organizacións (como a Unión Europea, ONU, Unión Postal Universal, Unión Africana etc). Antes da Segunda Guerra Mundial o francés era considerado a lingua internacional por excelencia, particularmente na diplomacia, e unha lingua franca no comercio, navegación e transporte.

Lingua galega

O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén un certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.

A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.

Lingua grega

A lingua grega (en grego moderno: ελληνικά, elliniká, ou ελληνική γλώσσα, ellinikí glóssa, "lingua grega") é a lingua materna de 12 millóns de falantes, dos cales 11 millóns viven en Grecia onde é lingua oficial, como en Chipre. Tamén se fala en comunidades illadas de Albania, Turquía e Italia. É lingua oficial na Unión Europea. É a lingua viva con historia documentada máis longa, con 34 séculos de fontes escritas. O seu sistema de escrita foi o alfabeto grego durante a meirande parte da súa historia; outros sistemas como o Lineal B e o silabario chipriota, foron usados anteriormente. O alfabeto xurdiu a partir do alfabeto fenicio e foi a base do latino, do cirílico, do armenio, do copto, do gótico e moitos outros sistemas de escrita.

Lingua grega antiga

O grego antigo (ἡ Ἑλληνικὴ γλῶττα hē Hellēnikḕ glō̃tta) é unha das linguas indoeuropeas, chegada a Grecia entre os séculos XXV e XVII antes da nosa era. Posteriormente deu pé ao grego moderno.

Lingua inglesa

A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés. O inglés é a lingua oficial ou unha das linguas oficiais de case 60 estados soberanos. É a lingua máis falada no Reino Unido, nos Estados Unidos, no Canadá, en Australia, Irlanda e Nova Zelandia e está moi estendida nalgunhas áreas do Caribe, África e sur de Asia. É a terceira lingua nativa máis falada do mundo, despois do mandarín e do castelán. É tamén a segunda lingua máis aprendida e lingua oficial da Nacións Unidas, da Unión Europea, e de moitas outras organizacións mundiais e rexionais. É a lingua xermánica máis falada, representando polo menos o 70% dos falantes desta póla da familia indoeuropea.

O inglés desenvolveuse ó longo de máis de 1 400 anos. As formas máis antigas do inglés, unha serie de dialectos anglofrisios, chegaron a Gran Bretaña polos colonos anglosaxóns no século V, son chamadas inglés antigo. O inglés medio desenvolveuse no século XI coa conquista normanda de Inglaterra, nun período no que a lingua foi influída polo francés. O inglés moderno comezou a finais do século XV coa introdución da imprenta en Londres, a Biblia do Rei Xacobe e o comezo da Gran mudanza vocálica. A través da influencia mundial do Imperio Británico, o inglés moderno espallouse por todo o globo dende o século XVII até a metade do século XX. A través dos diversos medios impresos e electrónicos, así como o xurdimento dos Estados Unidos como superpotencia mundial, o inglés converteuse na lingua principal das relacións internacionais e a lingua franca en moitas rexións e en contextos profesionais como a ciencia, a navegación e a lei.O inglés moderno ten pouca flexión en comparanza con outras linguas, e susténtase moito en verbos auxiliares e na orde de palabras para a expresión de tempos complexos, aspectos e modo, así como de construcións pasivas, interrogativas e algunhas negacións. Malia as notables variacións dos acentos e dialectos do inglés empregados en diferentes rexións e países – en termos de fonética e fonoloxía, e ás veces en vocabulario, gramática e deletreo – os falantes de inglés en todo o mundo son quen de comunicarse cos outros con relativa facilidade.

Lingua italiana

O italiano ou lingua italiana é unha lingua pertencente ao grupo das linguas romances, da familia das linguas indoeuropeas. Existe un gran número de dialectos neorromances. O italiano é a lingua oficial de Italia, de San Marino, de Suíza e da Cidade do Vaticano. Tamén se fala a distintos niveis en Somalia, Libia, Mónaco, Malta, a illa de Córsega e Albania.

Lingua latina

O latín é unha lingua indoeuropea morta que foi utilizada polos antigos romanos. Mantívose como lingua litúrxica da relixión católica, e aínda é oficial no Vaticano, factores polos que era aprendida polos cregos e falada nos seminarios. Por extensión, o adxectivo latino, latina emprégase para designar ás persoas que proceden de países con linguas neolatinas (que proceden do latín) ou que falan estas linguas. En termos xerais, úsase en Europa para designar ós habitantes meridionais e nos EUA e España para designar ós habitantes de procedencia iberoamericana.

Lingua portuguesa

O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Sudamérica, Goa na India e Macao na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.

Hoxe en día é unha das linguas do mundo máis faladas, na sexta posición en canto a falantes como primeira lingua (uns 250 millóns). É a lingua con maior número [Cómpre referencia] de falantes en Sudamérica (más de 200 millóns), así como unha importante lingua franca en África.

O portugués é lingua oficial de nove países - Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, San Tomé e Príncipe e Timor Leste, sendo cooficial co español e francés en Guinea Ecuatorial, co chinés na rexión Especial Administrativa Chinesa de Macao, e co tetum en Timor Leste.

O galego e o portugués eran a mesma lingua, o galego-portugués, até como mínimo os séculos XII-XIII, cando se iniciou un proceso de afastamento debido, entre outras razóns, a que en Portugal adquiriu o carácter de lingua estatal e que Galiza se incorporou á Coroa de Castela, que posteriormente chegaría a formar España, sen se establecer por tanto como lingua oficial en Galiza, e desaparecendo como lingua literaria durante tres séculos (XVI, XVII e XVIII). O esplendor literario medieval do galaico-portugués foi descoñecido, nos dous lados da fronteira, ata a década de 1920. Hoxe en día o galego e o portugués considéranse oficialmente como dúas linguas distintas, aínda que existen posicións diferentes, incluíndo un movemento social chamado reintegracionismo, que afirma que o galego e o portugués son simplemente dúas variantes da mesma lingua.

Lingua rusa

O ruso (antigamente coñecido como gran ruso, para diferenciala do ucraíno ou "pequeno ruso") é a lingua eslava con máis falantes. Forma co ucraíno e o bielorruso o grupo das linguas eslavas do leste. A variedade do dialecto ruso medio falada na área de Moscova é a base da forma estándar da lingua. Hai minorías rusófonas significativas en tódolos estados que fixeron parte da antiga Unión Soviética e mantén aínda un certo status como lingua de cultura. O número total de falantes podería estar ó redor dos 300 millóns de persoas.

Lingua xaponesa

O xaponés é a lingua falada no Xapón e noutros lugares do mundo onde existen inmigrantes xaponeses e os seus descendentes, como por exemplo o Brasil. O nome xaponés para a lingua é Nihongo 日本語.

O xaponés ten tradicionalmente tres formas de escrita: hiragana, katakana, e kanji, e ademais actualmente utilizase o rōmaji. O rōmaji refírese ao uso do alfabeto latino (para transliteracións). Xa a escrita común xaponesa mestura os tres outros sistemas: o katakana e o hiragana son silabarios, e o kanji é unha adaptación dos logogramas da escrita chinesa.

É unha lingua aglutinante e caracterízase por un sistema complexo de construcións honoríficas, que reflicten a natureza xerárquica da sociedade xaponesa, con formas verbais e vocabularios particulares que varían de acordo co status relativo entre interlocutores. O repertorio de fonemas da lingua xaponesa é relativamente pequeno, e ten diferenciación léxica baseada nun sistema de entoación.

A lingua xaponesa sufriu influencia importante da lingua chinesa por un mínimo de 1.500 anos. Moito do vocabulario importouse da lingua chinesa ou foi creado baseándose en modelos chineses.

Lingua árabe

O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.

O termo "árabe" pode referirse tanto ó árabe literario, que non é falado como lingua materna por ningún árabe, como ó árabe moderno estándar, ou ás diferentes variedades do árabe, xeralmente chamadas "árabe coloquial". Os árabes consideran o árabe literario a lingua estándar, e adoitan ver o resto como simples dialectos.

O árabe literario refírese tanto á lingua utilizada polos medios de comunicación do Magreb e os do Oriente Medio, como á lingua, máis arcarca, do Corán. O árabe coloquial, pola súa banda, refírese ós diferentes dialectos falados polos habitantes das zonas arriba referidas de forma habitual. En moitas ocasións, son diferentes entre os distintos lugares de tal forma que o falante dun concreto dialecto do árabe pode non comprender outro dialecto. Xeralmente, estes dialectos non son linguas literarias, pero nalgúns hai algunhas pequenas mostras de literatura.

A situación sociolingüística actual do árabe é un claro exemplo de diglosia (o uso normal de dúas diferentes variedades da mesma lingua, dependendo da situación na que a persoa se atope). Todo árabe culto adoita falar tanto o seu dialecto local como o árabe estándar, que aprendeu na escola. Este último adoita ser utilizado en situacións de comunicación con falantes doutros dialectos arábigos (por exemplo, un marroquí a falar cun sirio).

Xa que o árabe escrito de hoxe en día é substancialmente diferente do árabe dos tempos do Corán, é normal (nos países occidentais) referirse a esta última coma árabe clásico e á lingua actual dos medios de comunicación como árabe moderno estándar. Os árabes, pola contra, utilizan o termo Fuṣḥa para referirse a ámbalas dúas, poñendo énfase no seu grande parecido.

Ás veces, é difícil traducir conceptos islámicos, e outros relacionados coa cultura árabe, sen utilizar a terminoloxía árabe. o Corán está expresado en árabe e, tradicionalmente, os musulmáns sosteñen que é imposible traducilo a ninguna lingua dunha forma que todo o seu significado se manteña. De feito, ata hai pouco tempo, moitas escolas de pensamento afirmaron que non se debería traducir de ningunha forma.

O galego posúe gran cantidade de palabras derivadas do árabe: azucre, laranxa, limón, álxebra, alcol, cénit etc.

Lingua éuscara

O idioma éuscaro ou vasco (euskara en lingua vasca) é a lingua tradicional dos vascos, falada hoxe no País Vasco e norte de Navarra en España, e no Departamento de Pireneos Atlánticos en Francia, constitúe unha lingua illada arrodeada por linguas de orixe indoeuropea.

O éuscaro é unha lingua aglutinante. Algúns lingüistas considérano unha lingua illada e moi antiga, probablemente oriúnda da lingua dos primeiros pobos que migraron para a Europa. Outros, a través de comparacións, veno emparentado a linguas ata hoxe faladas no Cáucaso. De calquera forma, é unha lingua falada ou comprendida por polo menos 800.000 persoas, e que xa era falada moito antes de que os romanos introducisen o latín na Península Ibérica.

Por non ter linguas parentes coñecidas, o vasco é claramente diferente das outras linguas europeas, particularmente daquelas (que son a gran maioría) que teñen relacións de parentesco entre si no interior da familia indoeuropea. Por mor diso, creáronse sobre o éuscaro un gran número de ideas sen base lingüística, tales como o vasco é a lingua máis complexa do mundo; tódolos verbos son pasivos; e moitas outras falsidades. En realidade, o éuscaro é unha lingua coma outra calquera. A súa estrutura sentencial é practicamente idéntica á do turco ou do xaponés. A súa morfoloxía é, esa si, bastante pouco común en Europa, mais fóra de Europa poden atoparse sistemas morfolóxicos semellantes ao do vasco en centenas doutras linguas.

Hoxe, o vasco está presente en nomes de empresas, institucións, actores políticos e sociais, así como etiquetas e sinais, na zona delimitada polo País Vasco e Navarra e Iparralde.

Real Academia Galega

A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. O seu presidente é Víctor Freixanes, elixido o 28 de marzo de 2017 logo da renuncia de Xesús Alonso Montero tras catro anos no cargo. O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.