Lingüística

A lingüística é o estudo científico[1][2] tanto da estrutura das linguas naturais[3][4] como do coñecemento que os falantes posúen delas.

O eido da lingüística pode dividirse, na práctica, en termos de tres dicotomías: lingüística sincrónica versus lingüística diacrónica, lingüística teórica versus lingüística aplicada, microlingüística versus macrolingüística. Unha descrición sincrónica dunha lingua describe a lingua tal e como é nun determinado intre; unha descrición diacrónica ocúpase do desenvolvemento histórico desa lingua e dos cambios estruturais que tiveron lugar nela. Aínda que nos seus inicios científicos da lingüística do século XIX interesouse ante todo no cambio lingüístico e a evolución das linguas ao longo do tempo, o enfoque moderno céntrase en explicar como funcionan as linguas nun punto dado no tempo e como os falantes son capaces de entendelas e procesalas mentalmente.

O obxectivo da lingüística teórica é a construción dunha teoría xeral da estrutura da lingua ou dun sistema teórico xeneral para a descrición das linguas; o obxectivo da lingüística aplicada é a aplicación dos descubrimentos e técnicas do estudo científico da lingua a unha variedade de tarefas básicas como a elaboración de métodos mellorados de ensino de idiomas.

Os termos microlingüística e macrolingüística aínda non están ben establecidos. O primeiro refírese a un máis estreito e o segundo a un máis amplo punto de vista no eido da lingüística. Dende o punto de vista microlingüístico, as linguas deben analizarse por proveito propio e sen referencia á súa función social, nin ao xeito no que son adquiridas polos cativos, nin aos mecanismos psicolóxicos que subxacen á produción e á recepción do fala, nin á función estética ou comunicativa da linguaxe etc. En contraste, a macrolinguística abrangue todos estes aspectos da lingua. Varias áreas da macrolingüística tiveron un recoñecemento terminolóxico por exemplo a psicolingüística, a sociolingüística, a lingüística antropolóxica, a dialectoloxía, a lingüística matemática, a lingüística computacional e maila estilística.

Palabras relacionadas

Languages world map-transparent background
Mapa das linguas do mundo.

As chamadas partes da oración (sintaxe): adverbio, verbo, substantivo, adxectivo, preposición, conxunción , interxección e locucións (adverbiais, preposicionais e conxuntivas); núcleo, modificador, adxacente, xustaposición, aposición, posposición, preposición, coordinación, subordinación; palabra, verba, locución, frase, sintagma, oración, enunciado, sentenza, secuencia;

Tamén en morfoloxía: diminutivo, aumentativo; analoxía; tempo, modo, aspecto, voz, xénero, número, caso, grao;

Ademais en léxico e semántica: onomástica, toponimia, topónimo, antroponimia, antropónimo, xentilicio, etimoloxía, étimo; polisemia, homonimia, sinonimia, cohiponimia, hiponimia, hiperonimia (homónimo, sinónimo, cohipónimo, hipónimo, hiperónimo)

Lingüistas e escolas lingüísticas

Noam Chomsky, 2004
Noam Chomsky, lingüista estadounidense, iniciador da gramática xenerativa, paradigma dominante na lingüística moderna na segunda metade do século XX.

En Europa houbo un desenvolvemento paralelo da lingüística estrutural, influenciada moi fortemente por Ferdinand de Saussure, (1857 -1913), un estudoso suízo cuxas aulas de lingüística xeral, publicadas postumamente polos seus alumnos, deron a dirección da análise lingüística europea da década de 1920 en diante; ese enfoque foi amplamente adoptado noutros campos baixo o termo "estruturalismo" ou análise estruturalista. Ferdinand de Saussure tamén é considerado o fundador da semioloxía.

Durante a Segunda Guerra Mundial, Leonard Bloomfield e varios dos seus alumnos e colegas desenvolveron material de ensino para unha variedade de linguas cuxo coñecemento era necesario para o esforzo de guerra. Este traballo levou ao aumento da prominencia do campo da lingüística, que se tornou unha disciplina recoñecida na maioría das universidades americanas soamente despois da guerra.

Noam Chomsky desenvolveu o seu modelo formal de linguaxe, coñecida como gramática transformacional, baixo a influencia do seu profesor Zellig Harris, quen foi fortemente influenciado por Bloomfield. O modelo de Chomsky foi recoñecidamente dominante desde a década de 1960 ata a de 1980 e goza aínda de elevada consideración nalgúns círculos de lingüistas. Steven Pinker tense ocupado de clarificar e simplificar as ideas de Chomsky con moito máis significancia para o estudo da linguaxe en xeral.

Da década de 1980 en diante, os enfoques pragmáticos, funcionais e cognitivos veñen gañando terreo nos Estados Unidos e en Europa. Unhas poucas figuras importantes nese movemento son Michael Halliday, cuxa gramática sistémica-funcional é moi estudada no Reino Unido, Canadá, Australia, China e Xapón; Dell Hymes, que desenvolveu o enfoque pragmático "A Etnografía do Falar"; George Lakoff, Len Talmy, e Ronald Langacker, que foron os pioneiros da lingüística cognitiva; Charles Fillmore e Adele Goldberg, que están asociados coa gramática da construción; e entre os lingüistas que desenvolven varios tipos da chamada gramática funcional están Simon Dik, Talmy Givon e Robert Van Valin, Jr.

Outros importantes ou notables lingüistas e semióticos son:

  • Charles Sanders Peirce (1939-1914) - considerado un dos fundadores da semiótica moderna e do pragmatismo norte-americano. Filósofo, Biólogo, Matemático.
  • Sir William Jones (1746-1794) - xuíz inglés que formulou a hipótese do indo-europeo - orixe común entre varias linguas europeas e o sánscrito.
  • Jakob Grimm (1785-1863) - filólogo e folclorista (un dos "Irmáns Grimm") e que propuxo a Lei de Grimm, a primeira descrición dunha transformación fonética sistemática dentro dunha lingua.
  • Franz Bopp (1791-1867) - importante traballo comparativo coas linguas indo-europeas.
  • Franz Boas (1858-1942) - antropólogo cultural que destacou nitidamente a análise lingüística. As modernas técnicas de traballo de campo en lingüística derivan do seu traballo.
  • Leonard Bloomfield (1887-1949) - fundador da lingüística estrutural norte-americana.
  • Edward Sapir (1884-1939) - alumno de Franz Boas, formulador, xuntamente con B.Whorf, da Hipótese Sapir-Whorf.
  • Roman Jakobson (1896-1982) - fundador do Círculo de Praga de lingüística teórica.
  • Benjamin Lee Whorf (1897-1941) - alumno de E.Sapir, con quen formulou a Hipótese Sapir-Whorf.
  • Samuel Ichiye Hayakawa (1906-1992) - educador e senador dos Estados Unidos cuxo libro de 1938 "Language in Thought and Action" (Lingua en Pensamento e Acción) foi amplamente lido.
  • Charles F. Hockett (1914-2000) - importante teórico lingüístico, alumno de Leonard Bloomfield, e que desenvolveu moitas ideas de estruturalismo americano. Ideou a chamada caixa de Hockett para representar os constituíntes inmediatos dunha frase.
  • Joseph H. Greenberg (1914-2001) - mestre da arte e da ciencia da clasificación xenética da linguaxe; tamén fixo importantes contribucións á tipoloxía lingüística.
  • Kenneth L. Pike (1912-2000) - lingüista e antropólogo e criador da teoría da tagmémicas.
  • Sydney M. Lamb (1929- ) - teórico lingüístico cuxa gramática estratificacional é unha alternativa significante á teoría da gramática transformacional de Noam Chomsky.
  • Umberto Eco (1932- ) - Autor e semiótico italiano moi coñecido pola súa novela "O nome da rosa" e polo ensaio "O Péndulo de Foucault".

Transformacionalismo ou xerativismo e Noam Chomsky

Gramática Transformacional é un amplo termo usado para describir gramáticas, case exclusivamente aquelas que se refiren a linguas naturais que foron desenvolvidas na tradición chomskiana

Lingüística cognitiva e Langacker

A perspectiva cognitiva xorde recentemente na década da década de 1980 como resposta ao descontento dalgúns xerativistas que defendían a necesidade dunha semántica que tivese presente o individuo e as súas habilidades cognitivas.

Análise crítica do discurso e Fairclough

Subdisciplinas da lingüística e da Gramática

Inicialmente, o estudo da linguas centrábase filoloxía propiamente dita (o estudo dos textos antigos, actual paleografía) na gramática (parte do trivium), especialmente coa grega e latina como referencia, cuxas partes eran especialmente as dúas ou tres primeiras desta lista, que co tempo se foi transformando ampliando :

Co coñecemento da relación entre as linguas (que xurdiu da comparación entre o latín e as linguas romances e o aumento do prestixio destas), xurdiron:

E co tempo algúns autores comezaron a incluír a fonoloxía (que estuda os fonemas de cada lingua) e a fonética (o estudo da capacidade de pronunciación do ser humano) -as dúas herdeiras de oratoria e prosodia- ou a semántica (que estuda o significado), e coa perspectiva dalgunhas das escolas mencionadas (o estruturalismo entre as máis significativas) naceron a pragmática.

A evolución doutras ciencias sociais ou médicas colaborou a atopar campos comúns de estudo. En realidade xa había debates ou aplicacións dende moi antigo pero sen que tivesen un nome de seu, por exemplo a Tradutoloxía e a Paleoantropolingüística (que busca as orixes da linguaxe), pero foi durante o século XX no que a lingüística coñeceu un incremento importante da súa actividade e transcendencia, e implementáronse novos aspectos nos que a lingüística podía axudar a entender outros campos do coñecemento e do ser humano: moitas destas subseccións agrúpanse na chamada lingüística aplicada e poderíanse apuntar as seguintes disciplinas:

Notas

  1. Fromkin, Victoria; Bruce Hayes; Susan Curtiss, Anna Szabolcsi, Tim Stowell, Donca Steriade (2000). Blackwell, ed. Linguistics: An Introduction to Linguistic Theory. Oxford. p. 3. ISBN 0-631-19711-7.
  2. Martinet, André (1960). Faber, ed. Elements of General Linguistics. Tr. Elisabeth Palmer (Studies in General Linguistics, vol. i.). London. p. 15.
  3. Halliday, Michael A. K.; Jonathan Webster (2006). Continuum International Publishing Group, ed. On Language and Linguistics. p. vii. ISBN 0-8264-8824-2.
  4. Greenberg, Joseph (1948). "Linguistics and ethnology". Southwestern Journal of Anthropology 4: 140–47.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Aitchison, Jean (1999). Linguistics: An Introduction. Hodder & Stoughton. (en inglés)
  • Aronoff, Mark & Janie Rees-Miller (Eds.) (2003) The Handbook of Linguistics, Blackwell Publishers. (ISBN 1-4051-0252-7) (en inglés)
  • Bloomfield, Leonard (1933,1984) Language, University of Chicago Press. (ISBN 0-226-06067-5) (en inglés)
  • Chomsky, Noam (1965) Aspects of the Theory of Syntax; Syntactic Structures; On Language (en inglés)
  • Comrie, Bernard (1989) Language Universals and Linguistic Typology, University of Chicago Press. (ISBN 978-0-226-11433-0) (en inglés)

Outros artigos

Ligazóns externas

A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNLG) é unha organización galega que loita pola galeguización da vida pública e a normalización da lingua galega, procurando manter unha independencia que permita a conxunción de esforzos de colaboradores homoxéneos.

Dieter Kremer

Dieter Kremer, nado en Waldbröl o 26 de novembro de 1942, é un romanista e lingüista alemán. Membro correspondente da Real Academia Galega dende 2002.

Epíteto

Epíteto (do grego: ἐπίθετ-ος, ον epítheton: acrecentado, posto ao lado) é un substantivo, adxectivo ou expresión que se asocia a un nome para cualificalo. Pode ser aplicado a persoas, divindades, obxectos ou, na taxonomía, para designar a especie dun vexetal ou animal.

Ethnologue

The Ethnologue: Languages of the World (O etnólogo: linguas do mundo) é unha publicación impresa e virtual de SIL International (antes coñecida como o Summer Institute of Linguistics, "Instituto Lingüístico de Verán"), unha organización cristiá de servizos lingüísticos que estuda as linguas menos coñecidas, basicamente para prover servizos misioneiros aos seus falantes. Posúe estatísticas de 6.809 idiomas (edición do ano 2000, 6.912 na súa web en febreiro do 2007), incluíndo o número de falantes, a súa localización, dialectos, afiliación lingüística, dispoñibilidade de textos bíblicos etc. Actualmente é un dos inventarios máis completos das linguas existentes, xunto ao Linguasphere Register .

Etimoloxía

A etimoloxía é o estudo científico sobre a orixe da estrutura léxica dunha lingua, tanto das palabras como da súa fraseoloxía. A etimoloxía dunha palabra en concreto é dita orixe, chamada neste caso étimo.

Familia de linguas

A maioría das linguas coñecidas pertencen ás chamadas familias de linguas. En sentido estrito, unha familia de linguas é unha unidade filoxenética, é dicir, tódolos seus membros derivan dun devanceiro común (protolingua ou lingua nai).

Glottolog

Glottolog é un proxecto da base de datos bibliográfica das linguas do mundo, en particular, das menos coñecidas. Creado polo Instituto Max Planck de Leipzig, Alemaña, é un intento de acadar unha fonte bibliográfica completa para as linguas do mundo (95% da diversidade lingüística do mundo) e para achegar unha forte base empírica para as definicións de linguas e as clasificacións da linguaxe. Está composto dun catálogo de linguas e familias de linguas do mundo chamado "Languoid" e a súa bibliografía " Langdoc ". Asígnase un identificador único e estable, o Glottocode, a todas as familias, linguas e dialectos, chamado "langoids ", que se identifican. Estes son organizadas a través dunha clasificación xenealóxica (a árbore Glottolog), que está baseada nas máis recentes investigacións dispoñibles. Ofrece acceso a máis de 180 000 referencias de traballos descritivos, tales como gramáticas, dicionarios, listaxes de palabras e textos.,

Gramática

Este artigo trata da gramática como disciplina lingüística. Para saber máis sobre a gramática da lingua galega, véxase Gramática da lingua galega

A gramática é a disciplina lingüística que estuda a organización e o funcionamento dunha lingua dada. Tamén se lle chama gramática ao conxunto de regras que gobernan o uso dunha lingua determinada, polo que se di que cada lingua ten a súa propia gramática.

A gramática subdivídese en fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica e pragmática. A gramática tradicional só estudaba a morfoloxía e a sintaxe.

ISO 639

A norma ISO 639 (Codes for the representation of names of languages) é unha norma técnica da ISO especificando códigos para o nome de idiomas. É aplicada en áreas como lingüística, lexicografía, terminoloxía e bibliografía. Na internet, por exemplo, é usada para indicar a lingua en que se encontra un documento HTML ou parte do mesmo.

Lingua

Unha lingua é un sistema de signos lingüísticos incluíndo tamén sons, acenos e símbolos escritos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade lingüística. Unha definición lingüística da lingua precisa que é un sistema de signos dobremente articulados, é dicir, que a construción do sentido faise a dous niveis de articulación. Atópase primeiramente o das entidades significantes, morfemas, lexemas, monemas, formando os enunciados, e logo o das unidades distintivas de sentido (os fonemas), formando as unidades significantes. Estes dous niveis de articulación determinan os primeiros niveis da descrición lingüística: fonoloxía, morfoloxía e sintaxe. André Martinet precisa que a orde de descrición é de xeito necesario inversa á orde de percepción ou uso da lingua: a descrición comeza polo segundo nivel de articulación (fonemas) para ir cara ao primeiro (a combinatoria das unidades significantes).

Distínguese en xeral a lingua (sistema de signos) e a linguaxe (facultade humana posta en acción por medio de tal sistema). Distínguese de igual xeito, tras Ferdinand de Saussure, a lingua e a palabra (é dicir, o uso efectivo do sistema da lingua polos locutores).

Lingua galega

O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén un certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.

A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.

Lingua xaponesa

O xaponés é a lingua falada no Xapón e noutros lugares do mundo onde existen inmigrantes xaponeses e os seus descendentes, como por exemplo o Brasil. O nome xaponés para a lingua é Nihongo 日本語.

O xaponés ten tradicionalmente tres formas de escrita: hiragana, katakana, e kanji, e ademais actualmente utilizase o rōmaji. O rōmaji refírese ao uso do alfabeto latino (para transliteracións). Xa a escrita común xaponesa mestura os tres outros sistemas: o katakana e o hiragana son silabarios, e o kanji é unha adaptación dos logogramas da escrita chinesa.

É unha lingua aglutinante e caracterízase por un sistema complexo de construcións honoríficas, que reflicten a natureza xerárquica da sociedade xaponesa, con formas verbais e vocabularios particulares que varían de acordo co status relativo entre interlocutores. O repertorio de fonemas da lingua xaponesa é relativamente pequeno, e ten diferenciación léxica baseada nun sistema de entoación.

A lingua xaponesa sufriu influencia importante da lingua chinesa por un mínimo de 1.500 anos. Moito do vocabulario importouse da lingua chinesa ou foi creado baseándose en modelos chineses.

Linguas indoeuropeas

En lingüística, desígnase por linguas indoeuropeas a unha familia de linguas que teñen unha orixe común, o protoindoeuropeo, que se falou alá polo 5000 a.C. (moito antes da invención da escrita) nun territorio próximo ao mar Negro. Agrupan preto dun milleiro de linguas faladas hoxe en día por tres mil millóns de individuos en todos os continentes.

O indoeuropeo é unha familia lingüística ampla que engloba a maior parte das linguas europeas antigas e actuais. Ten este nome porque a rexión xeográfica na que se teñen desenvolvido estas linguas esténdese desde a Europa ata a India setentrional. Son preto de 450 linguas, faladas actualmente por 3.000 millóns de persoas en todo o mundo. Este termo, orixinalmente lingüístico, aplícase tamén á cultura da que se cre que parten todas estas linguas, e que se localiza na rexión do mar Negro arredor do V milenio a.C.

A existencia desta familia lingüística propúxose a finais do século XVIII. William Jones, un xuíz británico na India, observou as semellanzas consistentes que se daban entre o sánscrito, o grego, o persa e o latín. Estimouse que estas afinidades só se podían deber a unha orixe común. Á lingua da que derivaban chamóuselle primeiro indoxermánico, durante un tempo indoario e finalmente indoeuropeo, conforme se ampliaba o número de linguas que mostraban esas semellanzas sistemáticas. Cando a arqueoloxía sacou á luz textos escritos en linguas anteriormente descoñecidas, como as anatolias e as tocarias, probouse que tamén compartían este parentesco común.

As linguas indoeuropeas son xeralmente clasificadas en grandes grupos pero unha das distincións máis importantes concirne á oposición entre as linguas satem no leste (grupos baltoeslavo, indoiranio e armenio) e as linguas centum no oeste (grupos grego, itálico, céltico e xermánico), en razón do diferente tratamento dos sons velares en preindoeuropeo. Á parte están os grupos anatolio, tocario e albanés. Esta división entre centum e satem é a clásica dentro da gramática histórica, aínda que hoxe a tendencia é a non tela en conta.

Pseudónimo

Un pseudónimo (do grego "seudonemos", falso nome; de "seudos", mentira, falsedad e "onoma", nome ) é un nome que alguén escolle para substituír o seu propio. É moi común entre escritores, e mais tamén entre outros artistas.

Ramón Lorenzo

Ramón Lorenzo Vázquez, nado en Eirapedriña (Ames) o 16 de setembro de 1935, é un estudoso da lingua galega e da prosa medieval, catedrático de Lingüística e Literatura galegas na Universidade de Santiago de Compostela dende 1981 e membro da RAG desde 1999.

Semántica

A Semántica é a subdisciplina da lingüística que se encarga de estudar o significado. A súa última revolución foi a da lingüística cognitiva, pois o estruturalismo de Ferdinand de Saussure (que descubriu a súa estrutura na lingua co construto das articulacións lingüísticas), non lle proporcionou demasiado desenvolvemento e o transformacionalismo de Noam Chomsky non lle deu demasiada importancia.

Entre os seus temas de estudo principais están os casos de sinonimia, homonimia, polisemia e campos semánticos. Co desenvolvemento multidisciplinar da lingüística cognitiva por parte de Ronald Langacker na década de 1980, reabríronse temas de traballo coma a metáfora, a metonimia e a categorización. Tamén está moi asociada á lexicoloxía (e polo tanto coa lexicografía), sobre todo mediante a estrutura chamada campo léxico.

Toponimia

Para a política de toponimia de Wikipedia, véxase Wikipedia:Toponimia.Toponimia é a división da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, a súa orixe e evolución; é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para referírmonos ao conxunto dos nomes dos lugares dun territorio concreto. A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.

Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña é unha institución pública que ten como finalidade esencial a xeración, xestión e difusión de cultura e de coñecemento científico, tecnolóxico e profesional a través do desenvolvemento da investigación e da docencia. Foi creada en 1989 coa lei de ordenación do sistema universitario de Galicia. Encóntrase estruturada territorialmente en Campus da Coruña (A Maestranza, Riazor, Elviña, A Zapateira, Bastiagueiro, Oleiros e Oza) e de Ferrol (Esteiro e Serantes).

A Universidade da Coruña posúe titulacións únicas en Galicia e no norte de España como Arquitectura, Arquitectura Técnica, Enxeñería Técnica en Deseño Industrial, Enxeñería Naval e Oceánica ou Socioloxía.

Ángel Amor Ruibal

Ángel María José Amor Ruibal, nado en Porráns (Barro) o 11 de marzo de 1869 e finado en Santiago o 4 de novembro de 1930, foi un destacado pensador galego.

Malia as múltiplas preocupacións e unha precaria saúde, logrou unha extensa produción apoiada na súa enorme erudición novecentista que abranguía a lingüística, a historia, a canonística teórica e práctica, a teoloxía e sobre todo a filosofía. Posuidor dunha prodixiosa memoria, a súa tenacidade superou a dificultade que existía no afastamento de Santiago respecto dos centros culturais e do ambiente cultural en xeral, sobre todo para a xente que o rodeaba.

Campos de estudo das ciencias
Ciencias naturais
Ciencias sociais
Ciencias aplicadas

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.