Licor café

O licor café (ás veces licor de café[1]) é un licor a base de café, azucre e augardente, que pode ser consumido só ou como ingrediente de sobremesas ou cócteles. Apareceu en Xamaica no século XVII. Moi popular en Galicia, especialmente no sur, faise a partir da augardente de bagazo.

Pode tomarse con xeo, ou quente cunha nube de nata. Existen numerosas variedades, aromatizadas con moitos outros ingredientes, como a vainilla.

Crema de orujo y licor café
Gotiños con crema de augardente e licor café.

O licor café en Galicia

É unha das bebidas espirituosas máis populares en Galicia, amparada pola denominación de orixe local protexida dentro da Denominación xeográfica de Augardentes e licores tradicionais de Galicia[2]. Sóese tomar despois dos xantares coma dixestivo, o mesmo que a augardente branca, a augardente de herbas ou a crema de augardente. Moitas veces faise caseiro, porén para poder facer uso da denominación Licor café de Galicia, as empresas deberán inscribirse nos rexistros do Consello Regulador.

Trátase dun licor obtido a partir de augardente e alcol etílico de orixe agrícola, mediante maceración e/ou destilación do alcol en presenza de café torrado natural.

Presentación

Cómpre servir a augardente ben fría, entre 8 e 10 °C e para a envellecida entre 15 e 18 °C, sendo as copas en forma de lira ou tulipa as máis axeitada.

Cócteles que utilizan o licor de café

  • Ami corse (con Get 27 e Chartreuse)
  • Black jack (con whisky e triple sec)
  • Ruso negro (con vodka)
  • Baby Guinness (con crema de whisky)
  • Dizzy dame (con brandy ou cognac, leite e kirsch)
  • Ruso branco (con vodka e leite)
  • Siciliano (con brandy ou cognac, limoncello e café)

Notas

  1. Dicionario de alimentación e restauración
  2. http://www.gastronomiadegalicia.com/v_portal/informacion/informacionver.asp?cod=2053&te=651&idage=3084&vap=0

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Augardente

A augardente (composta por auga, do latín aqua, -ae e ardente, do participio latino do verbo ardere) é o nome co que se designa un espectro de bebidas alcólicas destiladas, de entre 40 e 45 graos, que poden ser bebidas, xa sexa puras, engadidas con outras bebidas, aromatizadas ou mesturadas. Obtéñense por destilación do bagazo ou de determinados cereais, froitas ou sementes, como centeo, cebada, bagas de xenebreiro, cereixas, uvas, cana de azucre e o anís, entre outras. O nome deriva do latín aqua ardens, termo co que se chamaba ao alcol obtido por destilación.

Augardente de herbas

A augardente de herbas, é unha bebida de alta graduación (aínda que menor cá da augardente branca), típica de Galiza, e tamén Cantabria e León, que se obtén a partir da destilación do bagazo (residuo da uva despois de espremela e tirarlle o mosto) xunto con herbas aromáticas , obtendo un licor dun ton intenso amarelo averdado característico.

Ten denominación de orixe local amparada na Denominación Xeográfica Augardente de Galicia no que tamén aparece a augardente branca, o licor café e o licor de herbas. Segundo a devandita denominación, o seu contido en azucres debe ser inferior a 100 g/L. As herbas empregadas na súa elaboración adoitan ser menta, macela, herba luísa, romeu, ourego, tomiño, coandro, flor de laranxeira, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela.

Bica

A bica é un biscoito doce típico de elaboración artesanal de gran difusión en Galicia. É utilizada nos almorzos ou como acompañante á hora do café. Pola súa textura esponxosa é ideal acompañada de queixos graxos e de curta maduración (como pode ser o queixo de tetilla). Tamén é habitual tomalo acompañado con licor café .

A bica que se fai en Ourense, máis en concreto nos concellos de Avión e Beariz, así como en toda a zona do Ribeiro non é unha bica doce. Faise con fariña de millo e é parecida a unha empanada. Cócese debaixo dun testo cuberto de brasas e parece máis unha empanada ca un pan. Pódese encher coma as empanadas, aínda que non é normal facelo. Na provincia de Pontevedra, polo menos nos concellos de Arbo e Crecente, faise tamén este tipo de bica, aínda que pódese cocer enriba dunha pedra da lareira ou encol da cociña de ferro. A cor da bica é amarela, e ten bastante codia, pois semella ser unha tortilla de patacas (redonda e esmagada). Sabe moi ben co caldo.

Caso do metílico

A denominación popular caso do metílico designa un abrocho de intoxicación alimentaria acaecida en Galicia e nas illas Canarias durante a primavera de 1963, por consumo de bebidas alcohólicas elaboradas a partir de alcohol metílico, co resultado de 51 falecidos e 9 persoas cegas, aínda que se estima que a cifra real de mortos puido contarse por milleiros. Polas obvias similitudes, o caso metílico foi cualificado posteriormente como a colza do franquismo.

As primeiras mortes coñecidas acaeceron entre mariñeiros do concello de Haría, pequena localidade do norte de Lanzarote. Alí foi descuberta a causa da intoxicación pola farmacéutica asturiana -natural de Villaviciosa- Mª Elisa Álvarez Obaya, figura clave neste drama. Pouco tempo despois observouse un incremento anómalo da mortalidade na comarca do Carballiño, Ourense, que só se relacionou con aquelas cando a noticia dos mariñeiros mortos se publicou na prensa galega.

A venda do alcohol fraudulento e tóxico foi coutada polas autoridades nun prazo relativamente breve, pero a distribución que se fixera antes de coñecerse a toxicidade deste explica que se fosen producindo novas mortes ata maio de 1963.

En decembro de 1967 tivo lugar o xuízo contra os 11 procesados, que resultaron con penas de cadea comprendidas entre 1 e 20 anos e indemnizacións que alcanzaban case os 20 millóns de pesetas. Ningún dos condenados cumpriu máis de 6 anos de cárcere e, ó declarárense insolventes, ningunha vítima ou familiar recibiu ningunha cantidade como indemnización.

Crema de augardente

A crema de augardente é un licor espeso, semellante á crema irlandesa (ou crema de whisky), feito cunha lenta maceración de augardente branca, crema de leite, azucre e algúns aromas (vainilla, canela, café etc).

É un licor espirituoso moi típico en Galiza, que se popularizou moito nos últimos anos, e onde se adoita tomar a xeito de gotiños tralos xantares coma dixestivo.

Denominación de Orixe Monterrei

A Denominación de Orixe Monterrei é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza.

Esténdese polo val do río Támega, ocupando algo menos de 500 hectáreas dos concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín; outras 13.000 tamén están dedicadas a viñedos, mais fora da denominación de orixe. As 24 adegas e 380 viticultores producen dous millóns de litros anuais de viño cualificado.Uva branca: verdello, dona branca, verdello louro

Uva tinta: mencía, bastardo, araúxa

Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é unha das cinco cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. O viño que produce a zona coñécese internacionalmente como ribeiro.

Denominación de Orixe Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas é unha das cinco zonas con denominación de orixe para os seus viños existentes en Galiza. Creouse en 1980, e foi recoñecida como Denominación de Orixe en 1988.

Denominacións de Orixe de Galicia

As denominacións de orixe de Galicia abranguen diversos produtos representativos da gastronomía de Galicia, clasificados como denominación de orixe protexida. Na actualidade existen 27 produtos galegos con este distintivo, que van dende os queixos aos mexillóns, pasando polos viños os licores, a carne, o pan e ata os grelos.

Faba de Lourenzá

A faba de Lourenzá é unha variedade de feixón con Indicación Xeográfica Protexida da zona de Lourenzá.

Gastronomía de Galicia

A gastronomía de Galicia ten unha gran tradición e variedade, sendo un dos aspectos de maior importancia na cultura e sociedade galegas.

Está moi establecida a celebración de grandes comidas, ben en familia, ben en eventos, actos ou encontros. En Galiza teñen lugar gran número de festas gastronómicas, a maioría delas no verán. Un dos seus maiores estudosos foi o escritor Álvaro Cunqueiro.

Os petiscos, a diferenza doutros lugares, son consistentes e non se reducen a unhas simples olivas ou patacas; adoitan ser gratuítos ou de moi baixo prezo, sobre todo na provincia de Lugo, onde a súa gratuidade, ao ser acompañados por un viño ou unha cervexa, é unha tradición convertida xa nun reclamo turístico. Ademais dos petiscos, tamén son frecuentes as tapas.

Indicación Xeográfica Protexida

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) é un nome empregado para designar un produto agrícola, alimenticio ou doutro tipo, que posúe unha orixe xeográfica determinada e cuxa calidade ou reputación débese ao devandito lugar de orixe. Habitualmente, consiste no nome da localidade, rexión ou país de orixe de tales produtos.

Debido a que as calidades do produto proveñen do medio xeográfico no que se elaboran, a indicación xeográfica supón un viorto entre o produto e o lugar de orixe.

Licor

O licor é unha bebida alcólica doce, xelmente mesturada con froitas, herbas, condimentos, flores, sementes, raíces, cascas de árbores ou cremas. O termo vén do latín liquifacere, liquefacer, disolver, en referencia ás mesturas que se empregan na fabricación da bebida. Os licores non acostuman a ser envellecidos por moito tempo, aínda que poden quedar algún tempo descansando até que adquiran o sabor ideal. A descrición máis común de licor é a dunha bebida doce, de alto contido alcólico. Servido en pequenas copas, é ideal durante ou despois da sobremesa, aínda que pode tomarse só, ou poden servirse durante un cóctel.

Licor de guindas

O licor de guindas é un licor tradicional galego. Elaborado de xeito artesanal nas casas, é o pricipal licor caseiro do norte de Galicia, mentres que o licor café ten máis tradición no sur. Adoita tomarse na sobremesa de xantares especiais.

Co nome de ginjinha é tamén un dos sinais de identidade da capital portuguesa. Foi un galego, Francisco Espiñeira, quen levou a Lisboa o licor de guindas, fundando en 1840 a primeira marca comercial de ginjinha, Espinheira, que continúa producíndose hoxe en día pola quinta xeración de descendentes de Francisco Espiñeira.

Pemento de Arnoia

O pemento de Arnoia é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria do concello ourensán da Arnoia e cultivada principalmente ao longo da comarca do Ribeiro. Unha cooperativa comezou a comercializalos no ano 1969, e aproveitando a concentración da oferta, celébrase dende entón a festa do pemento da Arnoia, declarada de interese turístico, a primeiro fin de semana (de xoves a domingo) do mes de agosto.

Pemento do Couto

O pemento do Couto é unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria da comarca coruñesa de Ferrolterra. Toman o seu nome do mosteiro do Couto (Narón), lugar onde os monxes comezaron a selección e cultivo destes pementos.O derradeiro domingo do mes xullo, celébrase no concello de Narón a Festa do Pemento do Couto.

Rolla

A rolla procede da cortiza da sobreira e úsase para selar recipientes. A rolla coa que se pechan as botellas pode ser de tres tipos:

maciza: todo o material da rolla está formado por unha soa peza de cortiza;

de aglomerado ou triturado: a rolla tén forma cilíndrica pero está conformada de anacos diferenciables de tamaño visible pegados entre si;

de virutado ou de febra: o material é uniforme en cor e textura áspera e está composto de pequenas astelas case indiferenciables;Existen tamén unha rollas artificiais de imitación, confeccionadas de escuma industrial e rodeados dunha capa plástica brillante cun debuxo copiando ás auténticas. Hai outras rollas mixtas reutilizables que se utilizan domesticamente para pechar sempre o mesmo tipo de bebida: constan dunha parte de cortiza con cabeza cónica ou redondeada para facilitar a entrada na boca da botella e cun disco plástico de maior diámetro no outro extremo para que non esvare ó interior do recipiente e para coller a rolla máis comodamente. Os líquidos que pecha poden ser: viño, cava, champaña, licor café e outros licores, normalmente de baixa gradación.

Torta de Santiago

A torta de Santiago (nome oficial "Tarta de Santiago") é unha sobremesa tradicional e Indicación Xeográfica Protexida da cociña galega (orixinaria da capital, Santiago de Compostela) que pode atoparse en case todo o territorio español. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa e os ovos.

Xastré

O xastré é unha bebida alcólica ou licor que se elabora nos concellos da comarca de Verín. Destaca sobre todo a exaltación deste produto durante o concorrido entroido do concello de Laza, na mesma comarca, durante a Festa Gastronómica da Cachucha, Bica Blanca, Xastré e Licor Café de Laza.[Cómpre referencia]

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.