Libro dos mortos

Este artigo é sobre o Libro dos mortos exipcio. Para o Libro dos mortos tibetano, ver o artigo Bardo Thodol.

O libro dos mortos é un título convencional que designa unha recompilación de fórmulas máxico-funerarias dos antigos exipcios. Os exipcios coñecíannas como O libro da saída á luz e o título moderno foi inventado polo exiptólogo Karl Richard Lepsius cando publicou unha selección en 1842.

Egypt bookofthedead
Libro dos mortos do escriba Nebqed, arredor de 1300 a.C.

Características

Non se trataba dun "libro" como os actuais: o texto gravouse inicialmente no exterior do sarcófago e, a partir da XXVIII Dinastía (século XVI a.C.), en vendas e papiros que se colocaban entre as pernas da momia para que as tivese a man. Os primeiros escribíronse en xeróglifos; desde a XXI Dinastía fóronno en hierático e posteriormente en demótico. O Libro dos mortos acompañábase frecuentemente doutros textos, incluído o hypocephalus ("baixo a cabeza"), que era unha versión reducida do texto completo.

O Libro dos mortos era unha colección de encantamentos, feitizos, contrasinais e outras fórmulas máxicas para uso do finado no alén. Pretendían guiar ao morto através das probas que atoparía e garantir unha pasaxe sen incertezas. Os textos describen moitos dos elementos básicos da mitoloxía exipcia e considerábanse imprescindíbeis para gozar da vida eterna.

Os temas céntranse no mito de Osiris, señor do alén, no xuízo do defunto (psicostasia) e na existencia após a morte. O Libro dos mortos ilustrábase con imaxes que mostraban os personaxes e probas coas que se atoparía o defunto. A máis importante era o momento en que se pesaba a alma contra Ma'at (a "verdade"), que levaba a cabo Anubis; o deus Thoth levantaba acta do resultado e o monstro Ammit agardaba, disposto a comerlle o corazón se non superaba a proba.

As versións máis antigas datan do século XVI a.C., durante a XVIII Dinastía. Incorporaban en parte dúas coleccións anteriores de literatura relixiosa coñecidas como os Textos dos cadaleitos (arredor do ano 2000) e os Textos das pirámides (entre o 2600 e o 2300), que foron sendo substituídos polo Libro dos mortos. O texto máis completo é o Papiro de Turín, de época tolemaica, que está subdividido en 165 fórmulas ou "capítulos".

No ano 1888, o doutor E. Wallis Budge, daquela axente de compras do Museo Británico, prestou atención a algúns rumores sobre un achado arqueolóxico espectacular no Alto Exipto, e así atopou, nunha tumba da Dinastía XVIII, cerca de Luxor, "o maior rolo de papiro que vira nunca, suxeito cunha ancha banda de papiro, e en perfecto estado de conservación". Era unha copia do Libro dos Mortos, escrito en torno ó ano 1500 a. C. por Ani, escriba real de Tebas, Supervisor dos Graneiros dos Señores de Ábidos, e Escriba das Ofrendas dos Señores de Tebas.

O texto en si particularizábase para cada finado, de xeito que non hai dúas copias iguais. Hai, porén, catro grupos:

  • A versión heliopolitana, editada polos sacerdotes do colexio de Annu e utilizada entre as V e a XI Dinastía e nos muros das tumbas até finais do século III;
  • A versión tebana, que contiña só xeróglifos e se utilizou entre a XX e a XXVIII Dinastía;
  • Unha versión en xeróglifos e hierático, moi próxima da versión tebana, sen orde fixa de caracteres e utilizada fundamentalmente durante a XX Dinastía.
  • A versión saíta, que ten unha orde estrita e se empregou após a XVI Dinastía.

Véxase tamén

Outros artigos

Arte da antigüidade

A arte antiga ou arte da antigüidade é a arte da Idade Antiga. A historia da arte antiga é a división da historia da arte que se centra no seu estudo e interpretación formal, técnica, estrutural, e ideolóxica (iconográfica, iconolóxica) e na súa explicación histórica; aínda que a arqueoloxía é a ciencia histórica cuxo obxecto é a cultura material da que as obras de arte son a manifestación máis valiosa, e é a encargada do seu descubrimento e análise contextual.

A súa delimitación cronolóxica vai dende o comezo da Historia (aproximadamente o IV milenio no Próximo Oriente e Exipto) ata a caída do Imperio Romano de Occidente (século V). A extensión xeográfica do desenvolvemento das primeiras civilizacións —definidas pola aparición da escritura e o poder político e relixioso— impón onde poden localizarse (civilizacións mediterráneas, da India, do Extremo Oriente, da América precolombiana e do resto de Europa e de África) e cando pode falarse en cada unha dun período histórico (Historia) ou dun período prehistórico (Prehistoria), que determinaría que a súa produción artística fose obxecto da historia da arte prehistórica; aínda que realmente a metodoloxía para o seu estudo é en gran parte común, hai unha diferenza fundamental, e é a posibilidade de empregar as fontes escritas para os períodos históricos. Este recurso é insubstituíble, posto que non só permite a identificación no seu caso dos autores ou patrocinadores da obra artística e reconstruír o contexto no que se produciu, senón que posibilita a interpretación da Arte na súa relación coa produción intelectual noutros ámbitos do pensamento, sobre todo a relixión e a filosofía. Deste xeito pódese efectuar unha lectura da arte que a entenda a través da visión do mundo (Weltanschauung) ou ideoloxía dominante en épocas e lugares tan afastados a nós como as civilizacións da Idade Antiga, e do que a Arte é a plasmación material e visual.

Ao contrario que a civilización occidental, as civilizacións africanas, extremo-orientais e americanas non experimentaron a marcada descontinuidade que a arte occidental presenta entre a arte antiga e a arte medieval; co que este último concepto non adoita aplicarse a estas civilizacións.

Tamén existe un concepto comercial e coleccionista da arte antiga, entendido como antigüidades; é dicir, como o termo empregado para englobar todo tipo de obxectos artísticos que non se consideran Arte moderna, pertenzan á Idade Antiga ou a períodos posteriores (arte medieval, arte da Idade Moderna e ata boa parte da arte contemporánea se esta non se entende só como o máis actual senón como todo a arte da Idade Contemporánea —dende mediados do século XVIII).

(Á dereita, Torso do Belvedere, obra de Apolonio de Atenas do século I).

Eduardo Moreiras

Eduardo Moreiras Collazo, nado en Quiroga o 3 de xaneiro de 1914 e falecido en Vigo o 28 de abril de 1991, foi un escritor galego.

Enxoval funerario

Un enxoval funerario, en arqueoloxía e antropoloxía, refírese ós obxectos colocados co corpo dos mortos na súa tumba, xa sexa mediante inhumación ou cremación.

Suxiren a crenza nalgunha forma de vida despois da morte, xa que polo xeral, son bens persoais, provisións para achandar o camiño do defunto na outra vida ou ben, son ofrendas ós deuses. O enxoval funerario é un tipo de ofrenda votiva. A maioría dos enxovais funerarios recuperados polos arqueólogos son obxectos inorgánicos, tales como cerámica e utensilios de pedra e metal, pero existen probas de que tamén se colocaron obxectos orgánicos que se deterioraron dende que se colocaron nas tumbas.

Horus

Horus "o elevado", deus celeste e deus curador na mitoloxía exipcia. Consideróuselle iniciador da civilización exipcia.

Nome exipcio: Hor. Nome grego: Horos. Deidade grega: Apolo Febo. Nome latino: Horus.

Jean-François Champollion

Jean-François Champollion, coñecido como Champollion o mozo, nado en Figeac (departamento de Lot) o 23 de decembro de 1790 e finado en París o 4 de marzo de 1832, foi un exiptólogo francés, considerado o pai da exiptoloxía por conseguir descifrar os xeroglíficos. Dicía de si mesmo: «Son adicto a Exipto, Exipto éo todo para min».

KV62

A tumba KV62, situada no Val dos Reis (Exipto), é a única tumba real exipcia atopada intacta, e a mellor conservada. Nela depositouse o corpo de Tutankhamón, faraón da décimo oitava dinastía. Foi descuberta en 1922 por Howard Carter baixo os restos das vivendas dos traballadores da época ramésida, o que a salvou dos saqueos dese período. Como dato curioso, Carter conseguiu fotografar algunhas ofrendas florais que se desintegraron ao tocalas.

A tumba consta de catro salas e estaba chea de obxectos, pero en desorde. Debido ao seu estado e ao método meticuloso de estudo de Carter, tardouse oito anos en baleirala e trasladar ao Museo Exipcio do Cairo todo o atopado, máis de 5.000 pezas, a máis coñecida a máscara mortuoria de ouro.

Dise a miúdo que a tumba de Tutankhamón nunca foi violada, pero isto non é exacto. De feito foino polo menos dúas veces non moito despois do enterro: hai evidencias de que nas portas seladas practicouse unha abertura nas esquinas superiores, que foi precintada de novo máis adiante. Estimouse que o 60% das xoias depositadas na chamada "Tesourería" foron roubadas, e que os funcionarios da necrópole embalaron as que se salvaron de forma precipitada. De feito, equivocáronse ao rotulalas, segundo as inscricións que deixaron nas caixas. As portas exteriores das capelas, que incluían os cadaleitos xerarquizados do rei, deixáronse abertas e sen selar.

Parece ser que, tras un dos roubos, algúns artigos da KV62 depositáronse na KV54.

Mantodeos

Os mantodeos (Mantodea) son unha orde de insectos que comprende unhas 2.400 especies clasificadas nuns 430 xéneros e 15 familias, chamadas comunmente barbantesas, barbatesas, parraguesas, carballesas e galbanas. A maior das familias é a dos mántidos (Mantidae), e a especie máis coñecida é Mantis religiosa. As barbantesas están distribuídas por todo o mundo en hábitats temperados e tropicais. Teñen cabezas triangulares con ollos que sobresaen e pescozos flexibles. Os seus corpos alongados poden ter ás ou non, pero todos os mantodeos teñen un par de patas anterior modificado e agrandado, adaptado para capturar e agarrar presas; a súa postura ergueita, permanecendo estática e cos antebrazos dianteiros dobrados, fai que pareza que están en postura de rezar.

Os parentes máis próximos dos mantodeos son as térmites e cascudas (Blattodea), e todos están incluídos na superorde Dictyoptera. Os mantodeos son ás veces confundidos cos insectos pau (Phasmatodea), ou con outros insectos alongados como certos saltóns (Orthoptera) ou mesmo con outros insectos con patas dianteiras raptoras como os neurópteros Mantispidae. Os mantodeos son principalmente predadores de emboscada, mais existen unhas poucas especies que viven no chan que perseguen activamente as súas presas. Normalmente viven un ano. Nos climas máis fríos, os adultos poñen ovos en outono e despois morren. Os ovos están protexidos por duras cápsulas e eclosionan en primavera. As femias practican ás veces o canibalismo sexual, comendo as súas parellas despois da copulación.

Algunhas das primeiras civilizaciós consideraban que as barbantesas tiñan poderes sobrenaturais, como se pensaba na Antiga Grecia, Antigo Exipto e Asiria. Un tropo cultural popular en debuxos humorísticos representa a barbantesa como unha muller fatal. As barbantesas están entre os insectos que con máis frecuencia se teñen como mascotas.

Materiais de escrita

Ao longo da historia empregáronse distintos materiais de escrita.

Pirámide (construción)

Unha pirámide (do grego "πυραμίς" – pyrámis a través do latín pyrămis, -ĭdis) é unha estrutura na que as superficies exteriores son triangulares e converxen nun punto. A base dunha piramide pode formar calquera forma poligonal con máis de tres lados, o que significa que unha pirámide ten polo menos tres superficies triangulares. A pirámide cadrada, cunha base cadrada e catro superficies exteriores triangulares é a versión máis común.

Un deseño piramidal, coa meirande parte do peso preto do chan, e co piramidión no cumio implica un menor empuxe do material superior cara abaixo: esta distribución do peso permitiu ás primeiras civilizacións crear estruturas monumentais estables.

Durante miles de anos, as maiores estruturas do mundo foron pirámides: primeiro a Pirámide Vermella na Necrópole de Dashur e logo a Gran Pirámide de Queops, as dúas en Exipto, sendo a última a única das sete marabillas do mundo antigo que aínda está en pé. A pirámide de Khufu foi construída por completo con pedra calcaria, e é considerada unha obra-prima da arquitectura. Contén arredor de 1,3 millóns de bloques que pesan entre 2,5 e 15 toneladas e está construída sobre unha base cadrada de arredor de 230 m de lado, cubrindo unha superficie de máis de 50.000 m². As súas catro caras están orientadas cara aos catro puntos cardinais de xeito moi preciso e ten un ángulo de 52º. A altura orixinal da pirámide era de 146,5 m, pero hoxe é de só 137 m; a falta deses 9 m débese ao roubo da cuberta de pedra calcaria de gran calidade para construír casas e mesquitas no Cairo. É aínda a pirámide máis alta. A maior pirámide do mundo xamais construída, por volume, é a Gran Pirámide de Cholula, no estado mexicano de Puebla. Esta pirámide aínda está a ser escavada.

As primeiras pirámides (chamadas «clásicas»), que xa representan completamente paredes lisas, están datadas cara ao 2500 a. C., coma a pirámide de Meidum, que se atopa medio derrubada. Así, as pirámides que se poden considerar de referencia son as das dinastías III-VI (2650 - 2345 a. C.). Máis tarde, na época dos césares romanos, comezaron a construírse tumbas xigantescas e algunhas delas, como a chamada Pirámide de Cestio, están claramente inspiradas nos modelos existentes no Exipto dos tolemeos. Neste amplo espectro de construcións piramidais tamén hai exemplos máis actuais, construídos en pleno século XX, coma a Transamerica Pyramid de San Francisco (1972) ou a do Museo do Louvre (1980).

Premio da Crítica de poesía galega

O Premio da Crítica de poesía galega é un premio literario de España que, desde 1976, concede a Asociación Española de Críticos Literarios dentro da convocatoria anual do Premio da Crítica, e onde se valora o que se considera o mellor poemario escrito en galego, publicado no ano anterior.

Psicostasia

A psicostasia, ou kerostasia, é un episodio contemplado por algunhas mitoloxías, no que, supostamente, tras a morte dun individuo a súa alma será sometida a exame pola divindade para decidir sobre o seu destino ultraterreo.

Resurrección

A resurrección é un dogma común a todas as confesións e igrexas cristiás. Foi recollido no credo de Nicea, e figura no denominado credo dos apóstolos. As máis antigas tradicións cristiás dan testemuño desta crenza.

Ten dúas vertentes:

A resurrección de Xesús de Nazaret ao terceiro día da súa morte e sepultura.

A resurrección da carne da que se beneficiarán todos e cada un dos homes.

Textos das Pirámides

Os Textos das Pirámides son un repertorio de esconxuros, encantamentos e súplicas, gravados nas pasaxes, antecámaras e cámaras sepulcrais nas pirámides do Imperio Antigo co propósito de axudar ao faraón na Duat e asegurar a súa resurrección e a vida eterna. Son unha recompilación de textos, sen orde aparente, de crenzas relixiosas e cosmolóxicas moi antigas, que deberon empregarse durante a cerimonia funeraria. Algúns textos xa aparecen en estelas e mastabas das dúas primeiras dinastías.

Os textos xa debían existir en papiros polo menos nos tempos de Unis, o último faraón da dinastía V, e desde aquí copiáronse aos muros e teitos da súa pirámide, denominada polos exipcios: "Perfectos son os lugares de Unis". Por tanto, a súa pirámide é o primeiro lugar no que se escribiron os Textos das Pirámides nun soporte duradeiro, polo menos que se conservou. Os textos están compostos por 228 declaracións. Posteriormente converteuse en práctica habitual inscribilos no interior das pirámides dos faraóns do Imperio Antigo, chegando a 759 esconxuros (compilados por Raymond O. Faulkner).

Val das Raíñas

O Val das Raíñas (Biban el-Harim ou Biban es-Sultanat en árabe) é unha necrópole próxima a Tebas, en Exipto, reservada ás raíñas do final do Imperio Novo e outros membros da familia real, especialmente príncipes ramésidas.

O Val das Raíñas está situado na marxe esquerda do Nilo e penetra na cadea occidental, ou líbica, uns 1500 m. ao suroeste do Val dos Reis. Na antigüidade coñecíase como Ta-Set-Neferu, "o lugar dos Fillos do Faraón". Téñense identificado unhas 80 tumbas, entre elas cando menos as de catro fillos de Ramsés III, pero calcúlase que existirá o dobre.

O val sitúase preto do Val dos Reis e, igual que este, pretendíase que a súa localización fose secreta co obxecto de evitar que os ladróns de tumbas accedesen aos tesouros cos que se enterraban. Comezouse en tempos de Ramsés I e con anterioridade as esposas enterrábanse normalmente cos seus esposos.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.