Libro de Ester

Ester (hebreo מְגִילַת אֶסְתֵּר, Meguilat Ester, "Rolo —Libro— de Ester") é un dos libros do Antigo Testamento e do Tanakh xudeu.

Narra a historia de Ester, orfa xudía nos tempos de desterro de Babilonia, que conseguiu evitar un masacre nos seus compatriotas. Os xudeus lembran a fazaña de Ester tódolos anos na festa dos Purim.

Esther Megillah Italy 1616

Canonicidade

Tanto xudeus como cristianos consideran canónica a versíón en hebreo do libro. Ademais, católicos e ortodoxos, como relixións cun canon extenso, consideran tamén canónicas as adicións a Ester que atopamos na versión da Biblia dos Setenta, en grego.

As adicións a Ester

Na versión grega do Antigo Testamento, a chamada Biblia dos Setenta, ademais do texto orixinal hebreo hai unha serie de fragmentos en grego. Son adicións que non achegtan gran cousa ao discorrer do relato; máis ben son reflexións ou excursus que o autor da versión grega fai ao fío do relato orixinal. As adicións son:

  • O limiar do libro, que inclúe o soño de Mardoqueo.
  • O contido do decreto contra os xudeus.
  • A oración de Mardoqueo e Ester.
  • A versión ampliada da escena en que Ester se presenta ante Axuero, coa mención da intervención divina.
  • O texto do decreto a favor dos xudeus.
  • A interpretación que fai Mardoqueo do seu soño, relacionándoo cos sucesos que seguiron.

Contido do libro

O Libro de Ester relata como Hamán, ministro do rei Xerxes I, a quen no libro se lle chama Axuero, prepara un decreto que suporá o exterminio dos xudeus que vivan no imperio persa. Cando Mardoqueo, un xudeu que ocupa un importante posto na corte de Axuero, sabe destas intencións, busca desesperadamente unha solución para salvar o seu pobo.

Ao mesmo tempo, o rei Axuero, furioso co desprezo que lle fixo a súa raíña, busca unha nova. Entre as mulleres que lle presentan pon os seus ollos en Ester, sobriña de Mardoqueo, que ao quedar orfa foi criada por el. Mardoqueo aproveita a situación da súa sobriña para facer chegar ata o gran rei as súas peticións:

Ester organiza un convite no que invita a Hamán e Axuero, durante o que lle expón a situación do seu pobo ao rei e deixa en evidencia as intencións do ministro. Axuero atende a petición de Ester, ordena a morte de Hamán e autoriza os xudeus a que se defendan en caso de que alguén tente facerlles dano; incluso lles permite vingarse e cometer asasinatos masivos contra os seus inimigos.

A festa coa que a comunidade xudía de Mesopotamia celebrou a súa salvación será a orixe dos Purim.

Valor histórico

Os expertos dan por pensar que Ester é, simplemente, un conto moralizante ou un relato que lle daba unha orixe “digna” á festa dos Purim, un simple Entroido. Os argumentos poden resumirse nestes dous elementos:

  • As inexactitudes históricas: excepción feita de Axuero, nas crónicas persas non aparecen os nomes de ningún dos outros personaxes, cando si que se coñecen nomes de raíñas e altos cargos da corte persa. Ademais algunhas referencias a feitos históricos que aparecen no libro como propias do tempo de Axuero, en realizade, están separadas por máis dun século.
  • Os decretos do rei, tanto o de exterminio dos xudeus como o que lles autorizaba a vingarse:
    • Os persas eran un pobo tolerante en temas de relixión, respectaban os distintos credos dos pobos que constituían o seu imperio. A mesma Biblia, no Libro de Esdras louvan ao rei Ciro, por permitirlles recuperar a súa terra e o seu templo. Neste contexto non ten sentido un decreto que permitira o exterminio dun pobo por razóns relixiosas.
    • Por razóns parecidas, tampouco ten sentido un decreto que lles daba carta branca aos xudeus para asasinaren ao seu capricho a todos os que consideraran inimigos.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Antigo Testamento

O Antigo Testamento ou as Escrituras Hebreas (tamén chamadas a Biblia Hebrea) é a primeira parte da Biblia cristiá, que explica a historia desde a creación da Terra ata última profecía da vida do mesías, realizada 400 anos antes da era cristiá. Os xudeus, porén, utilizan o nome Tanakh para referírense ao Antigo Testamento, e aínda que contén os mesmos libros que o Antigo Testamento canónico cristián, non coincide na orde nin no nome destes.

A designación "Antigo Testamento" provén do grego ῾Η Παλαιά Διαθήκη, he Palaiá Diathéke, que significa "antigo pacto", en referencia ao antigo pacto de Deus coa humanidade (principalmente co pobo elixido de Israel) por medio do que viría o mesías a salvalos.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Canon bíblico

O canon bíblico (do grego κανών "kanon", "vara" ou "medida", que vén do hebreo קנה "kaneh"), é a lista de libros que se considera que forman parte da Biblia.

O criterio de canonicidade que se utiliza é a calidade de inspirado por Deus que debe ter o libro. É canónico o libro inspirado por Deus e queda fóra o libro, aínda de temática relixiosa coma o Talmud, que non goza desa inspiración.

Libros históricos

Os Libros históricos son unha división do Antigo Testamento propia das Biblias cristiás. Recolle os libros que percorren a historia de Israel dende a chegada a Canaán ata os tempos de Xesús.

O obxectivo dos autores destes libros é, sobre todo, facer unha reflexión teolóxica sobre a presenza de Deus na súa historia.

Manuscritos do Mar Morto

Os manuscritos do Mar Morto ou rolos de Qumrán, chamados así por atoparse en covas situadas en Qumrán, á beira do mar Morto, son unha colección de 972 manuscritos. A maioría datan de entre os anos 250 a. C. e 66 d. C., antes da destrucción do segundo Templo de Xerusalén polos romanos no ano 70 d. C.

Media (Oriente Medio)

Media (en persa antigo Mâda, en lingua kurda Mâd) foi un antigo reino tribal no oeste do actual Irán. A súa capital foi Ecbatana.

Media constitúe un problema para os estudosos que tratan de describir este antigo imperio. As probas de que se dispoñen son pouco fidedignas: consisten nalgúns achados arqueolóxicos, algunhas referencias en textos cuneiformes asirios e babilonios, a inscrición persa de Behistún, as obras "Os nove libros de historia" do historiador grego Heródoto de Halicarnaso e "Pérsica" de Ctesias de Cnido, e un par de capítulos na Biblia. O problema é que os achados arqueolóxicos non están claros, que os textos orientais non ofrecen demasiada información, que os autores gregos non son moi fiábeis, e que parece que algúns libros bíblicos estiveron influenciados por Heródoto.

Pobo xudeu

Os xudeus (en hebreo: יְהוּדִי, Yehuda ; e en yiddish: ייִד, YID ), tamén coñecidos como pobo xudeu son unha nación e un grupo etnorelixioso que descenden dos hebreos e antigos israelitas do próximo oriente. A relixión constitúe un posible aspecto de pertenza ao pobo xudeu así como tamén as tradicións, prácticas culturais, sociais e lingüísticas. E, aínda que poden presentar características comúns, tales como o idioma ou a crenza, os xudeus non constitúen un grupo étnico homoxéneo, por iso a definición precisa de xudeu é controvertida e pode variar dependendo do énfase que se faga na observancia relixiosa ou na identidade secular.Os xudeus sufriron unha longa historia de persecución en diferentes lugares e a súa poboación foi variando ao longo dos séculos. Hoxe en día, a maioría das autoridades estiman que a actual poboación xudía mundial oscila entre os 12 e os 15 millóns, representando ao redor dun 0,2 por cento da poboación mundial. A maioría deles reside en Estados Unidos e Israel. Segundo investigacións levadas a cabo na Universidade Hebrea de Xerusalén, o 96 por cento dos xudeus que residen fóra de Israel tende a concentrarse en dez países, todos hoxe en día, países democráticos.

Purim

Os Purim é unha festa xudía que se celebra o 14 de adar. É unha celebración similar ao Entroido, que se celebra con disfraces, bromas, comida e doces.

A festa conmemora que durante o desterro en Mesopotamia, no tempo de Xerxes I, o pobo xudeu librouse dunha orde de exterminio que preparaban algúns ministros do rei, tal como relata o Libro de Ester.

Tamén é posible que o dito libro nacera como un relato que viña darlle unha xustificación relixiosa a unha festa de pura diversión.

Sainte-Chapelle

A Sainte-Chapelle (Santa Capela en galego ou co nome completo Capela real da Île de la Cité) é unha capela gótica situada na Île de la Cité (Illa da Cidade) no centro de París (Francia), construída no século XIII por Luís IX (San Luís). Foi proxectada en 1241, iniciada en 1246 e concluída moi axiña, sendo consagrada en abril de 1248. Está considerada unha das obras principais do período radiante da arquitectura gótica. Foi construída para acoller as reliquias adquiridas polo rei Luís IX, polo que foi considerada coma un enorme relicario. As paredes foron remprazadas por grandes fiestras que filtran a luz grazas ás vidreiras polícromas.

Século -II

século III adC < século II adC > século I adC

Período que abrangue do 1 de xaneiro do ano -200 ata o 31 de decembro do ano -101 adC (antes da era cristiana).

Xerxes I

Xerxes I (en persa خشایارشاه) (circa -519--465), rei aqueménida de Persia (-486--465), fillo de Darío I e de Atosa, filla de Ciro II o Grande. O seu nome Xerxes é unha transliteración ao grego do seu nome persa trala súa ascensión ao trono, Khshayarsha ou Khsha-yar-shan, que significa "gobernador de heroes". Na Biblia aparece citado como אחשורש (Aḥashverosh ou Ahasuerus transliterado ao grego, Axuero en versión galega).

Libros da Biblia
Divisións maiores
Canon
Máis divisións
Versións e Manuscritos
Véxase tamén

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.