Libro

Un libro é unha obra manuscrita, impresa ou virtual, que consta dunha serie de follas que conteñen texto ou imaxes composto por, polo menos, 48 páxinas (sen contar as capas - segundo a Unesco). Un libro pode ser, por exemplo, unha novela, un ensaio ou un libro fotográfico.

A palabra libro procede do latín liber, que significa cortiza.[1]

Old book bindings
Libros na Biblioteca do Merton College, Oxford.

Historia

Primeiros libros

Estrangela
Manuscrito en pergameo.

As orixes do libro hai que buscalas nas civilizacións mesopotámicas (táboas de arxila) e na civilización exipcia (rolo de papiro). En Roma empregáronse con frecuencia as taboíñas enceradas que, unidas unhas a outras, formaban un libro, aínda que desde o século III a.C. e ata o século V d.C. foi moi frecuente a forma de rolo tamén en Roma. Tamén desde o século I a.C. comezou a empregarse en Roma unha nova forma: o codex, no que as follas de papiro se superpoñen e cosen polo bordo, de xeito parecido ás ligazóns nas taboíñas enceradas, pero con maior cantidade de follas, podendo pasalas con facilidade. A fraxilidade do papiro, que facía que os bordes se rompesen, solucionouse coa introdución do pergameo, máis axeitado que o papiro para recibir a escritura polas dúas caras.

Pódese dicir que as variacións na forma do libro foron considerables, como o foron os materiais de escrita, ata chegar á forma códice, na que hoxe o coñecemos. O primeiro libro impreso foi creado polos chineses no ano 868 d.C.

Idade Media

Na Alta Idade Media os códices son un produto da economía autosuficiente dos mosteiros. Estes exemplares eran copiados a man polos escribáns dos mosteiros no chamado scriptorium. Nesta época, só nas universidades, nos mosteiros, igrexas e casas dalgúns nobres podían atoparse libros.

A medida que avanza a Idade Media, xunto ó libro cuxo valor se centra no texto, medra os que son apreciados pola súa presentación (calidade da materia escritoria, caligrafía coidada e ilustracións). O luxo característico dos códices de finais da Idade Media céntrase principalmente nos Libros de Horas feitos para os reis e os membros da alta nobreza, e dos que pode servir de exemplo o Libro de Horas de Fernando I (1055) conservado na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago.[2]

Coa aparición das universidades créase un novo mercado para os libros e convértese así nun instrumento de difusión das novas ideas.

A partir do século X comeza a usarse o papel na elaboración dos libros, aínda que xa fora inventado polos chineses antes da era cristiá. En España foi introducido polos árabes, e aínda que as primeiras novas da existencia de fábricas son do século XIII (Xátiva), é probable que no século X se fabricase en Córdoba e Toledo. Atópanse manuscritos en papel a partir do século XIII, e o uso xeneralizouse no século XV.

O papel facíase con trapos de algodón machucado reducido a pasta e secado nun bastidor. En España substituíuse o algodón por liño e trapos de lenzo, porque non abondaba o algodón, resultando este último de maior resistencia..

A aparición da imprenta

Os antecedentes da imprenta hai que buscalos nos gravados xilográficos, que comezaron a usarse en Europa para gravar naipes, estampas etc. cara 1400, aínda que xa eran coñecidos en China 300 anos a.C. A impresión en madeira máis antiga que se coñece en China e que se asemella a un libro é do ano 868 d.C., pero sábese que o método foi empregado antes. En Europa, cara 1430, prodúcense os primeiros libros xilográficos empregando a mesma técnica antes usada nos naipes, estampas etc

Johannes Gutenberg deu resposta á demanda de libros grazas á imprenta de tipos móbiles. Aínda que ningún texto leva o seu nome, atribúeselle a impresión da famosa Biblia de 42 liñas (1456).

O invento, unha vez máis, fora probado polos chinos xa no século XI, usando tipos soltos de barro cocido e máis tarde de metal.

Os primeiros libros impresos ata o 1 de xaneiro de 1501 denomínanse incunables.

Desde 1483 constátase a existencia de impresores en Santiago, onde farían encargos de textos litúrxicos para o Cabido. Tamén neste século houbo imprenta en Monterrei.

De especial importancia para o desenvolvemento da imprenta foi a Reforma luterana, que supuxo unha expansión do libro como nunca ata ese momento se coñecera.

O libro nos séculos XIX e XX

No século XIX o maquinismo derivado da revolución industrial aumentou a produción de libros e abaratou os seus costos. O primeiro invento foi a máquina de papel (1798), que permitía fabricar papel de forma continua. Desde mediados do XIX, ante a suba dos prezos dos trapos, iniciouse a busca dunha nova materia de fabricación, probándose a palla, o esparto etc. A pasta de madeira para a fabricación de papel fíxose pulverizando os troncos (pasta mecánica) ou disolvendo químicamente astelas (pasta química). Nas décadas de 1860 e 1870 xeneralizouse en Europa a pasta mecánica, e na de 1880 a pasta química.

O maquinismo afectou tamén á imprenta e polo tanto ó libro. A primeira prensa mecánica que deu resultado foi a ideada polos alemáns Koening e Brauer que funcionaba a vapor e substituíu a primitiva prensa de Gutenberg.

No século XX continua a mecanización do libro e prodúcese un paulatino desprazamento da mecánica pola electrónica. Aumenta o número de títulos e de exemplares en cada tirada, como consecuencia do aumento de lectores. Xorden tamén novas formas de comercialización (libros de peto, clubs do libro etc.). Ó desenvolvemento das redes de telecomunicacións desde os anos 90, fai aparecer un novo sistema de venda: a venda virtual.

O libro electrónico

Internet supuxo unha revolución e constituíu un importante medio de difusión para os libros, os chamados libros electrónicos.

Estrutura

Dependendo do tipo de libro, da editorial e do autor, a súa estrutura varía, pero normalmente segue un esquema parecido:

  • Tapa, ou pasta, cada unha das pezas que forman a encadernación do libro.
  • Portada (co nome do autor, título, ilustración etc.)
  • Páxinas co título, autor, número e ano de edición ou dedicatorias.
  • Índice (tamén pode ir ao final)
  • Prólogo, proemio ou introdución
  • Contido do libro
  • Epílogo
  • Notas da edición

Produción

Normalmente, un libro é impreso en grandes follas de papel, onde se aloxan 8 páxinas a cada lado. Cada unha destas grandes follas é dobrada ata ser convertida en 16 páxinas. Estas páxinas son ordenadas e cosidas polo lombo. A este lombo pégaselle unha malla de tea para asegurar as partes. Finalmente as páxinas son cortadas por tres lados cunha guillotina e o lombo pegado a unha tapa de cartón. Toda esta tarefa realízase en serie.

As imprentas máis modernas poden imprimir 16, 32 e ata 64 páxinas por cara de grandes follas. Moitas veces o texto da obra non alcanza a cubrir as últimas páxinas, o que provoca que algúns libros teñan páxinas baleiras ao final do mesmo, aínda que moitas veces son cubertas con propaganda da editorial sobre textos do mesmo autor ou outros do seu persoal. Segundo un estudo realizado en 2010, nese ano publicáronse 130 000 000 libros.[3]

Datos

O libro máis vendido do mundo é a Biblia, e o segundo é o Libro Guinness dos Récords.

Celebracións

Ourense, praza Alameda 01-01
Feira do libro de Ourense (2009)

O 23 de abril, en conmemoración do pasamento de Miguel de Cervantes Saavedra, celébrase o Día do Libro (tamén coñecido como Día Internacional do Libro ou Día Mundial do libro).

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Notas

  1. "Book". Dictionary.com. Consultado o 6 de novembro de 2011.
  2. Bernhard Bischoff. Latin Palaeography, pp. 42–43.
  3. "Books of the world, stand up and be counted! All 129,864,880 of you.". Inside Google Books. August 5, 2010. After we exclude serials, we can finally count all the books in the world. There are 129,864,880 of them. At least until Sunday.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Dahl, Svend. Historia del libro. Madrid: Alianza, 1982. (Alianza Universidad; 336) ISBN 84-206-2336-9
  • Dictionarium bibliothecarii practicum: ad usum internationalem in XXII linguis = The librarian's practical dictionary: in 22 languages = Wörterbuch des Bibliothekars: in 22 Sprachen. Herausg. von Dr. Zoltán Pipics. 7. Auflage. München: Dokumentation, 1977. ISBN 3-7940-4110-0
  • Martínez de Sousa, José. Diccionario de edición, tipografía y artes gráficas.Gijón: Trea, 2001. (Biblioteconomía y administración cultural; 46) ISBN 84-95178-96-6
  • Bohigas, Pere. Resum d'història del llibre. Barcelona: Barcino, 1933. (Col·lecció popular Barcino; 90)

Outros artigos

Ligazóns externas

Ab urbe condita

Este artigo trata sobre a expresión latina, para o libro de Tito Livio véxase: Ab urbe condita libri.

Ab urbe condita (normalmente abreviado AUC ou a.u.c.) é unha expresión latina que significa 'dende a fundación da cidade'. Refírese principalmente a numeración dos anos dende a fundación de Roma.

Segundo esa numeración o ano actual (2019) é o ano 2772.

Antigo Testamento

O Antigo Testamento ou as Escrituras Hebreas (tamén chamadas a Biblia Hebrea) é a primeira parte da Biblia cristiá, que explica a historia desde a creación da Terra ata última profecía da vida do mesías, realizada 400 anos antes da era cristiá. Os xudeus, porén, utilizan o nome Tanakh para referírense ao Antigo Testamento, e aínda que contén os mesmos libros que o Antigo Testamento canónico cristián, non coincide na orde nin no nome destes.

A designación "Antigo Testamento" provén do grego ῾Η Παλαιά Διαθήκη, he Palaiá Diathéke, que significa "antigo pacto", en referencia ao antigo pacto de Deus coa humanidade (principalmente co pobo elixido de Israel) por medio do que viría o mesías a salvalos.

Antón Fraguas

Antón Fraguas Fraguas, ou Antonio Fraguas Fraguas, nado en Insuela, na parroquia de Loureiro (Cotobade), o 28 de decembro de 1905 e falecido en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, foi un destacado historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. En 1923 fundou, xunto con outros compañeiros, a Sociedade da Lingua, que tiña como principais obxectivos a defensa da lingua e a elaboración dun dicionario. Foi membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de ensino secundario depurado polo franquismo. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Real Academia Galega, foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galicia. Dedicouse ó estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, o Premio Otero Pedrayo, o Premio das Artes e das Letras de Galicia e o Premio San Martiño de normalización lingüística. O 7 de xullo de 2018 a Real Academia Galega, decidiu, en sesión plenaria, que Fraguas sería o escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas do ano 2019, coincidindo co vixésimo aniversario do seu pasamento.

Autor

O termo autor pode ter diferentes definicións:

O que realiza un determinado acto. O causante de algo: O autor do crime está no cárcere.

Quen realiza unha obra artística, literaria ou científica: Premiaron ó autor deste libro.

En narratoloxía, por autor enténdese autor implícito.

O suxeito activo dun delito, ben por acción, ben por omisión.

A parte demandante nun xuízo.

Biblia

A Biblia é o libro que o cristianismo trata como inspirado directamente por Deus. A palabra vén do grego (lingua en que foi escrito o Novo Testamento) «τα βιβλία» tà biblía, ou sexa, os libros. O plural xustifícase, xa que a Biblia non é un libro soamente, senón unha biblioteca composta de 66 libros, sendo 39 pertencentes ao Antigo Testamento e 27 ao Novo Testamento.

Biblioteca Nacional da República Arxentina

A Biblioteca Nacional da República Arxentina (en castelán: Biblioteca Nacional de la República Argentina) é a biblioteca máis importante da Arxentina. Creada en 1810 no Cabido de Buenos Aires, no presente atópase no barrio porteño de Recoleta.

Camilo José Cela

Camilo José Cela Trulock, nado en Iria Flavia o 11 de maio de 1916 e finado en Madrid o 17 de xaneiro de 2002, foi un escritor galego de sona. Escribiu en castelán algunhas das obras canónicas da literatura de posguerra como La colmena, Mazurca para dos muertos ou La familia de Pascual Duarte. Recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1989.

Carl von Linné

Carl Linnaeus , (en sueco: Carl Nilsson Linnæus, latinizado como Carolus Linnaeus, tamén coñecido logo do seu ennobrecemento como Carl von Linné), nado o 23 de maio de 1707 en Råshult, na antiga provincia de Småland, Suecia, e finado o 10 de xaneiro de 1778 en Uppsala, foi un científico, médico, botánico e zoólogo sueco que estableceu os fundamentos para o esquema moderno da nomenclatura binomial. É recoñecido como «o pai da taxonomía moderna» e fundador da bioxeografía vexetal. Linné introduciu o concepto de «economía natural» para argumentar como os organismos, creados por "Deus", se organizan entre si e contribúen ao perfecto funcionamento da natureza; e o cal foi das primeiras nocións da ecoloxía.Linné realizou unha gran parte dos seus estudos superiores na Universidade de Uppsala e cara a 1730 empezou a dar conferencias de botánica. Viviu no estranxeiro entre 1735 e 1738, onde estudou e publicou unha primeira edición da súa Systema Naturae nos Países Baixos. De volta a Suecia converteuse en profesor de medicina e de botánica en Uppsala. Durante a década de 1740, realizou varias expedicións a través de Suecia para recoller e clasificar plantas e animais. Durante as décadas de 1750 e 1760, continuou recollendo e clasificando animais, plantas e minerais, publicando varios volumes sobre o tema.

No momento da súa morte era recoñecido como un dos científicos máis importantes en toda Europa. O filósofo suízo Jean-Jacques Rousseau envioulle a mensaxe: "Dígalle que non coñezo un home máis grande na Terra". O escritor alemán Goethe escribiu: "Coa excepción de Shakespeare e Spinoza, non coñezo ninguén, entre os que xa non viven, que me influíse máis intensamente". O autor sueco Strindberg escribiu: "Linné era en realidade un poeta que se converteu en naturalista". Entre outros cumpridos, Linné foi chamado "Princeps Botanicorum" ("Príncipe de Botánicos"), "O Plinio do Norte" e "O Segundo Adán". Así mesmo, é considerado heroe nacional de Suecia.En 1959, Linné foi designado lectotipo de Homo sapiens, cousa que significa que segundo as regras de nomenclatura, Homo sapiens foi definido de xeito válido como a especie de animal á cal pertencía Linné.

En botánica, a abreviación de autor usada para indicar a Linné como autoridade para os nomes de especies é L.

Ciencia ficción

A ciencia ficción (do inglés science fiction) é un xénero literario e cinematográfico baseado nos efectos de hipotéticos avances científicos e tecnolóxicos, presentes ou futuros, sobre a sociedade ou os individuos. Algúns autores consideran preferible a expresión ficción científica por consideraren que, como norma xeral, se debe buscar a adaptación das denominacións importadas ás pautas ortográficas, ortofónicas e morfosintácticas do galego.

A expresión science fiction utilizouna por primeira vez en 1851 un escritor inglés chamado William Wilson no seu libro A Little Earnest Book upon a Great Old Subject, pero o termo non se xeneralizou coa súa acepción actual ata que Hugo Gernsback o incorporou en 1926 á portada da revista estadounidense de narrativa especulativa Amazing Stories (logo de facer un intento previo co termo scientifiction, que non chegou a callar). Ata esa data as narracións que hoxe día non dubidamos en cualificar de ficción científica recibían diversos nomes: viaxes fantásticas, relatos de mundos perdidos, utopías, novelas científicas.

As fronteiras do xénero son difíciles de definir, e as liñas que delimitan os subxéneros son a miúdo fluídas. (en Strong Opinions, Vladimir Nabokov argüiu medio en broma que se fósemos rigorosos coas nosas definicións, A tempestade de Shakespeare debería considerarse ficción científica.)

Clasificación científica

Clasificación científica ou clasificación biolóxica é a maneira en que os biólogos agrupan e categorizan especies extinguidas ou actuais de organismos. A clasificación moderna ten as súas raíces no sistema de Carl von Linné, que agrupou as especies de acordo con características físicas compartidas. Estas agrupacións foron revisadas dende a época de Linneo para mellorar a consistencia co principio de descendencia común de Charles Darwin. A sistemática molecular, que utiliza a análise do ADN xenómico, levou a moitas revisións recentes e é probable que o continúe facendo. A clasificación científica pertence á ciencia da taxonomía ou bioloxía sistemática.

Edicións do Cumio

Edicións do Cumio foi unha empresa editorial e selo discográfico galego, activa entre 1988 e 2017. Fundada no ano 1988 en Vigo, estivo dirixida primeiramente por Carlos Blanco Yáñez e logo por Antón Mascato García. Foi adquirida polo grupo distribucións Arnoia, e as súas instalacións foron levadas á Ramalleira (Vilaboa). En 2011 as oficinas foron levadas ao Polígono da Reigosa, en Ponte Caldelas.

ISBN

ISBN é a abreviatura do número internacional para a catalogación de libros (International Standard Book Number), código de 10 ou 13 díxitos que identifica biunivocamente calquera libro editado legalmente no mundo.

Libro aberto

Libro aberto é un programa literario emitido na TVG. A súa primeira emisión tivo lugar o 26 de setembro de 2006.

Manolo Romón é o presentador do espazo, que nos seus case dous anos de emisión ten recibido a moitas das principais figuras do mundo das letras galegas, como é o caso de Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Darío Xohán Cabana, Paco Martín, Carlos G. Reigosa, Manuel Lourenzo, Xurxo Souto ou Agustín Fernández Paz entre outros.

Dirixido por Luís Rei Núñez, Libro aberto conta cun equipo de colaboradores especializados en distintas áreas: Armando Requeixo (literatura insólita), Ramón Nicolás (andel de novidades), Xesús Fraga (letras inglesas), Miguel Anxo Fernández (libros de cine), Susana Cendán (libros de arte) e Mercedes Queixas (historia das nosas letras).

Libro de familia

Libro de familia é unha serie de televisión emitida pola TVG entre 2005 e 2013 producida por El Correo Gallego.

A serie transcorre en Santalla, unha típica vila do interior galego durante os anos 1960, e está protagonizada por tres familias de diferente extracción social.

Nas tempadas 2005-06 e 2006-07 foi o espazo máis visto da TVG, seguido dalgúns clásicos galegos como O show dos Tonechos ou o veterano Luar. Na tempada 2007-08 repetiu este honor a pesar dunha leve perda de audiencia, pero quedando por enriba da revelación da tempada: Padre Casares, que promediou un 22,6% de share e 246.000 espectadores. Foi na tempada tempada 2008-09, despois de 3 anos ao fronte, cando perdeu o liderado en favor da mencionada Padre Casares.

Maio

Maio é o quinto mes do ano no calendario gregoriano e ten 31 días. O seu nome atribúese á deusa romana Maia ou á deusa romana Bona Dea, cuxo festival se celebraba neste mes.

Matemáticas

Matemáticas ou matemática (do grego μαθηματικός, mathematikós, 'o que aprende', que á súa vez deriva de μάθημα, máthēma, 'coñecemento', 'estudo', 'aprendizaxe') é o estudo abstracto de cuestións que abranguen os conceptos de cantidade, estrutura, espazo, cambio, e outras propiedades; se ben non hai unha definición xeralmente aceptada. Os matemáticos buscan patróns e formulan novas conxecturas das que tratan de establecer a súa verdade ou falsidade mediante unha demostración matemática. Cando as estruturas matemáticas son bos modelos de fenómenos reais, o razoamento matemático pode axudar a comprender e facer predicións sobre a natureza.

Por medio da abstracción e do razoamento lóxico, as matemáticas desenvólvense a partir da acción de contar, o cálculo, a medida, e o estudo sistemático das formas e os movementos dos obxectos físicos. A práctica das matemáticas ven sendo unha actividade humana polo menos desde que existen documentos escritos. A resolución dos problemas matemáticos pode levar séculos de investigación continuada. O razoamento rigoroso aparece por primeira vez na matemática grega, especialmente nos Elementos de Euclides. Desde os traballos pioneiros a finais do século XIX de Giuseppe Peano (1858–1932), David Hilbert (1862–1943) e outros acerca dos sistemas axiomáticos, fíxose habitual ver a investigación matemática como a busca da verdade mediante a dedución rigorosa a partir de axiomas e definicións elixidos axeitadamente. As matemáticas desenvolvéronse dun xeito relativamente lento ata o Renacemento, momento no que as innovacións matemáticas interactúan cos novos descubrimentos científicos para dar lugar a un rápido incremento do número de achados matemáticos que continúa no presente.

Sobre as matemáticas Galileo Galilei (1564–1642) dixo:

Carl Friedrich Gauss (1777–1855) referíase ás matemáticas coma "a raíña das ciencias". Benjamin Peirce (1809–1880) chamaba ás matemáticas "a ciencia que obtén conclusións necesarias". David Hilbert opinaba que "de ningunha maneira estamos a falar aquí de arbitrariedades. As matemáticas non son como un xogo no que as tarefas están determinadas por regras arbitrariamente estipuladas. Pola contra, é un sistema conceptual cunha necesidade interna de que só poida ser así e de ningún outro modo.". Albert Einstein (1879–1955) afirmou que "canto máis se refiren á realidade, as leis das matemáticas máis lonxe están da exactitude; e canto máis se achegan á exactitude, máis se afastan da realidade". A matemática francesa Claire Voisin sinala que "hai un pulo creativo nas matemáticas, é todo acerca do movemento que intenta manifestarse".

As matemáticas son unha ferramenta esencial en moitos campos do saber, incluídas as ciencias naturais, a enxeñería, a medicina e as ciencias sociais. A matemática aplicada, a rama das matemáticas á que lle concirnen as aplicacións dos coñecementos matemáticos a outros campos, inspírase e fai uso dos novos descubrimentos matemáticos, os cales conducen ao desenvolvemento de novas disciplinas matemáticas, coma a estatística e a teoría de xogos. Os matemáticos tamén se implican na matemática pura sen teren en mente ningunha aplicación práctica, só polo pracer de facer matemáticas. Porén non hai unha liña clara de separación entre a matemática pura e a aplicada e con frecuencia descóbrense aplicacións prácticas a aquilo que comezou sendo matemática pura.

Parroquia civil

A parroquia é unha división administrativa ou censual que existe en numerosos países e que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas. As parroquias de Galicia están recoñecidas como entidades colectivas de poboación inferiores ao concello.

Dependendo do país (especialmente do seu tamaño) varía a relevancia administrativa:

Andorra: son as subdivisións principais do Estado, ver Andorra#Organización político-administrativa.

Antiga e Barbuda: son as subdivisións principais do Estado, ver Antiga e Barbuda#Organización político-administrativa.

Australia (parish): son divisións catastrais en Queensland, Nova Gales do Sur, Vitoria e Tasmania, ver divisións catastrais de Australia.

Barbados: son as subdivisións principais do Estado, ver Barbados#Organización político-administrativa.

Canadá (parish):

Novo Brunswick (parish): son divisións censuais, ver Parroquias de Novo Brunswick.

Quebec (municipalité de paroisse): son concellos rurais, ver Municipios Quebec#Rexións administrativas.

Dominica: son as subdivisións principais do Estado, ver Dominica#Organización político-administrativa.

España:

Asturias: unha forma tradicional de organización administrativa, relixiosa e agraria dos concellos, ver Asturias#Organización territorial.

Galicia: entidade local inferior ao concello, ver Parroquias de Galicia.

Ecuador: subdivisión dos concellos, ver Ecuador#Subdivisións.

Estonia (vallad): son os concellos rurais, ver Estonia#Divisións administrativas e Condados de Estonia

Estados Unidos (parish):

Luisiana: equivalente ao condado dos outros estados, ver Luisiana#Subdivisións

Irlanda (parish): son subdivisións dos condados que só se usan en contadas ocasións (como venda de terras), ver Irlanda#Divisións administrativas e Condados de Irlanda.

Granada: son as subdivisións principais do Estado, ver Granada, Caribe#Organización político-administrativa.

Portugal (freguesias): son subdivisións dos concellos, ver Freguesía.

Reino Unido

Escocia: son divisións censuais sen ningún tipo de entidade nin comunitaria nin política. Véxase tamén Escocia#Divisións administrativas e Subdivisións de Escocia.

Inglaterra (parish): son unidades de goberno local inferiores, ver Inglaterra#Subdivisións e Gobernos locais e Condados de Inglaterra.

Saint Kitts e Nevis: son as subdivisións principais do Estado, ver Saint Kitts e Nevis#Subdivisións.

San Vicente e as Granadinas: son as subdivisións principais do Estado, ver subdivisións de San Vicente e as Granadinas.

Suecia (socken): son as subdivisións dos concellos, ver Suecia#Subdivisións administrativas e Condados de Suecia.

Venezuela: subdivisións dos concellos, ver Venezuela#Entidades Federais de Venezuela.

Xamaica: son as subdivisións administrativas principais do Estado, ver Subdivisións de Xamaica.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.