Liberté, égalité, fraternité

Liberté, égalité, fraternité (Liberdade, igualdade, fraternidade en francés) é o lema da república francesa, foi o lema da Revolución Francesa e é tamén a divisa da Francmasonería. O slogan sobreviviu á revolución, converténdose no berro dos activistas, tanto militantes como non-violentos, a favor da democracia e do derrocamento de gobernos opresores e tiránicos de todo tipo. O lema aparece citado nas constitucións francesas de 1946 e 1958 (en ambas as dúas atópase no título primeiro - Da soberanía, artigo 2).

Liberte-egalite-fraternite-tympanum-church-saint-pancrace-aups-var
Tímpano dunha igrexa de Aups (Var) co lema da República, pendurado en 1905 para sinalar que é propiedade estatal.

Orixinalmente a divisa era Liberté, égalité, fraternité, ou a mort! (¡Liberdade, igualdade, fraternidade ou a morte!).

Durante a ocupación alemá de Francia durante a II Guerra Mundial o lema foi substituído na zona do Goberno de Vichy pola frase Travail, famille, patrie (Traballo, familia, patria) para evitar posibles interpretacións subversivas.

Véxase tamén

Outros artigos

Outros símbolos nacionais franceses

Ligazóns externas

Bandeira de Francia

A bandeira de Francia (en francés: drapeau tricolore, drapeau bleu-blanc-rouge, drapeau français e, na linguaxe militar, les couleurs) data da Revolución francesa e consta de tres franxas verticais de igual tamaño de cor azul e vermello nos extremos, as cores do escudo e a bandeira de París, e branco na franxa central, a cor da monarquía.

O deseño atribúese ao Marqués de La Fayette e inicialmente as cores atopábanse en orde inversa, até que o 27 de pluvioso do ano II (15 de febreiro de 1794 segundo o calendario republicano francés), durante a Primeira República, foi adoptada como bandeira nacional co deseño actual. Trala restauración borbónica, a bandeira tricolor foi substituída por un pavillón totalmente branco. En 1830 Luís Filipe ascendeu ao trono designando a bandeira tricolor como bandeira nacional, e así foi dende entón.

Cultura francesa

Francia é un país de moi rica e diversa cultura que influíu positivamente de gran xeito en Europa e o mundo enteiro. Os seus valores de liberdade, igualdade e fraternidad e a súa Declaración dos dereitos do home e do cidadán, son herdanzas que a humanidade enteira recolle.

Francia fixo destacadísimas contribucións á humanidade nos campos das ciencias, as letras, as artes e todos os saberes.

Caracterizada polo savoir vivre, ten valiosas tradicións, entre elas a exquisita gastronomía, na que destacan os seus queixos e viños; tamén, a alta costura, e a súa tradición de excelencia en todos os campos.

A cultura de Francia é un factor presente no desenvolvemento da cultura de países relativamente novos, como Canadá e os Estados Unidos.

Emblema de Francia

O emblema da República francesa ten a súa orixe na Revolución de 1789. Como ocorre noutros países, o emblema emprégase como un dos símbolos do Estado, pero non foi obxecto dunha regulación legal específica. Aparece en documentos oficiais, en uniformes policiais, na fachada de moitos edificios públicos (sexan estatais ou municipais), nos pasaportes ou en moedas e medallas acuñadas pola República francesa, por citar algúns exemplos. O seu deseño incorpora elementos recollidos da tradición greco-latina, como as fasces e as ramas de carballo e loureiro.

As fasces teñen a súa orixe nas cerimonias da Roma Antiga: os maxistrados, ditadores, cónsules e emperadores ían precedidos duns lictores. Estes levaban un feixe de varas (fasces en latín) que simbolizaban o poder do Estado e a autoridade dos seus maxistrados. Este símbolo foi incorporado durante a Revolución francesa para representar o poder e a autoridade da república.

A rama de carballo representa a permanencia e a forza da Nación, mentres que o loureiro representa a gloria da Patria e aos heroes que a defenderon.

As iniciais "RF" significan "République Française" (República Francesa).

Francia

Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).

O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas Británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km). O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega, no Mediterráneo occidental, e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, que limita con Brasil (673 km), a maior fronteira do país cos seus países veciños, Suriname (510 km), e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño (que limita coas Antillas Neerlandesas) e de Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Son territorios de Francia deshabitados o atol de Illa Clipperton, no Pacífico Oriental, e as denominadas Terras Austrais e Antárticas Francesas.

Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é de tipo capitalista cunha intervención estatal non desprezable dende o fin da Segunda Guerra Mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais.Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN.

Francia é un país cunha elevada difusión internacional da súa cultura. Dende o século XV, participando nas exploracións marítimas, e a continuación como potencia colonial, a súa cultura e civilización atópase difundida por países de todo o mundo agrupados na organización da Francofonía. O idioma francés é unha das linguas con maior influencia, tradicionalmente empregada como lingua da diplomacia e relacións internacionais, que xunto con outras 77 linguas rexionais, conforma o patrimonio lingüístico de Francia. Francia é membro da Unión Latina.

Francia foi formada polas artes e a filosofía. Berce da Ilustración, influíu nas revolucións americanas, despois a Revolución francesa deu o arranque e o exemplo democrático no mundo enteiro, desenvolvendo valores de liberdade, de igualdade, de fraternidade e, dende 1905, de laicismo.

Historia de Europa

A historia de Europa refírese ao conxunto de sucesos relativos ás poboacións do continente europeo, desde que foi habitado polos primeiros seres humanos até a actualidade.

O Homo sapiens, segundo algunhas teorías, apareceu hai uns 130 000 anos en África. Porén, tamén algúns destes humanos puideron chegar desde Asia e o Oriente Medio a Europa, onde se asentaron entre 40 000 e 25 000 a.C. (Paleolítico superior).A Antigüidade clásica estivo dominada polo influxo da civilización grecolatina sobre o resto de Europa. A fragmentación política de Europa e os sucesivos intentos forzados de unificación sumiron o continente en numerosos conflitos e guerras durante a Idade Media, como a guerra dos Cen Anos (que, a pesar do nome, durou máis dun século).

A Idade Moderna marca para Europa o inicio de procesos que moito despois darían lugar á globalización, e foi o tempo no que os conflitos bélicos se fixeron cada vez máis desastrosos, como na chamada guerra dos Trinta Anos. Os progresos económicos e o desenvolvemento científico-tecnolóxico aceleráronse en desmedro dos doutros continentes e, de maneira moito máis notoria, durante a Idade Contemporánea, producindo tensións por competencias que desencadearon máis guerras (como as guerras napoleónicas e as guerras mundiais).

Hoxe en día os procesos tendentes á unificación procúranse pacificamente, como no caso da formación da Unión Europea.

La Marseillaise

La Marseillaise (A Marsellesa literalmente en francés) é o himno nacional de Francia, oficialmente dende o 14 de xullo de 1795.

Foi prohibido durante o Imperio e a Restauración. Volveu ser o himno nacional a partir da III República. Sendo novamente prohibido entre 1940-1945. O seu canto era considerado como un elemento de resistencia á ocupación alemá e ao goberno colaboracionista de Vichy.

Maguncia

Maguncia ou Mainz (en alemán: Mainz) é a capital do Estado federado alemán (Land) de Renania-Palatinado. É unha cidade do suroeste de Alemaña, á beira do río Rin, onde desemboca o río Meno. É un porto fluvial destacado. Nela inventou a imprenta Johannes Gutenberg. Hoxe, Mainz volveu ser un centro dos medios de difusión, xa que alberga a sede da ZDF, a segunda canle da televisión alemá.

Aínda que foi gravemente destruída durante a segunda guerra mundial, a cidade conserva unha parte importante da cidade vella, na que destacan as construcións realizadas en pedra de cor vermella (areísca, principalmente).

Mainz ten universidade desde 1477, chamada Johannes Gutenberg, situada cerca do centro da cidade. O seu antigo campus non só comprende aulas e salas de conferencias, senón tamén vivendas, bares e restaurantes que constitúen un barrio independente.

Con 196.950 habitantes (en 31 de marzo de 2006), é a terceira cidade máis grande da Rexión Rin-Meno.

O seu equipo de fútbol FSV Mainz 05 xoga na primeira división (Bundesliga).

Marianne

Marianne (pronunciado [maʁjan]) é unha figura alegórica, personificación nacional da República Francesa desde a Revolución Francesa, que representa a liberdade e a razón.Marianne amósase en moitos contextos en Francia e ocupa os lugares de honra en institiucións como os concellos ou os tribunais de xustiza. Forma parte dos motivos representados no Triunfo da República, unha escultura de bronce que se ve desde a Place de la Nation, en París, e tamén aparece representada, xunto con outra estatua, na Place de la République, da capital francesa. Do mesmo xeito, o seu perfil utilízase no logotipo oficial do Goberno francés, é reprodúcese tamén nas moedas de francesas con valores en euro (e nas do anterior sistema do Franco), e nos selos de correos de Francia.Marianne é un dos símbolos máis salientables da República Francesa e úsase adoito con carácter oficial na maioría de documentos administrativos. Como icona nacional e símbolo republicano, Marianne representa a oposición á monarquía (que ten como equivalente en Xoana de Arco) e o triunfo da liberdade e da democracia sobre calquera xeito de opresión. Outros símbolos nacionais de Francia son a bandeira tricolor, o lema nacional Liberté, Égalité, Fraternité, "A Marsellesa" como himno nacional, o escudo, e o Gran Selo de Francia.

Napoleón (moeda)

Coñécese co nome de napoléon a serie de moedas francesas con valores de 5 francos en prata, e de 20 e 40 francos en ouro cuñadas entre 1802 e 1815 a nome de Napoleón I. Esta serie compleméntase con emisións en ouro posteriores ao longo dos séculos XIX e XX baixo Luís XVIII, Carlos X, Luís Filipe, Napoleón III e os períodos republicanos, con valores de 5, 10, 50 e 100 francos, seguindo parámetros métricos proporcionais aos da serie inicial.Esta serie toma o nome do busto do emperador nos seus anversos, deseñado por Jean Pierre Droz e presentado, inicialmente, nunha proposta para a moeda de 5 francos de prata.

Nova Caledonia

Nova Caledonia (en francés: Nouvelle-Calédonie), é un país de ultramar en Oceanía que forma parte da República Francesa, e xa que logo da Unión Europea (UE).

O territorio, situado no suroeste do Océano Pacífico, está composto dunha illa principal e varias illas máis pequenas ao seu redor. A capital é Noumea.

Polinesia Francesa

A Polinesia Francesa é unha Colectividade de Ultramar Francesa (Collectivité d'outre-mer) localizada ao sur do Océano Pacífico. Componse de varios grupos de illas polinesias, Tahití, nas Illas da Sociedade, é a máis famosa e poboada. A capital, Papeete, localízase nesta illa.

Quinta República Francesa

A Quinta República é a quinta e actual constitución republicana de Francia, presentada o 4 de outubro de 1958. A Quinta República xurdiu tralo colapso da Cuarta República, en substitución do anterior goberno parlamentario cun sistema presidencialista. É o terceiro sistema político máis duradeiro da historia de Francia, tras o Antigo Réxime e a Terceira República.

Republicanismo

O Republicanismo é a ideoloxía para gobernar unha nación como unha república. Sempre se apoia na súa oposición á monarquía, aristocracia, oligarquía e ditadura. Por extensión, refírese a un sistema político que protexe a liberdade e especialmente fundaméntase no Dereito, na lei, que non pode ignorarse polo propio goberno. Escribiuse moito sobre que tipos de valores e comportamentos deben ter os cidadáns dunha república para o seu desenvolvemento e éxito; adóitase facer énfase xeralmente na participación cidadá, valores cívicos e a súa oposición á corrupción.

Pode falarse de maior democratización dun país cando se establece unha monarquía constitucional (como os estados do Reino Unido, Canadá ou Xapón), ou parlamentaria (España) pero en ningún destes casos pode falarse de República.

República Piemontesa

A República Piemontesa (en italiano Repubblica Piemontese) foi unha República irmá, Estado satélite da Primeira República Francesa, que tivo unha breve duración, entre 1798 e 1799, no territorio do Piemonte durante o réxime militar imposto pola República francesa.

Non debe confundirse coa República de Alba (coñecida ás veces como República Piemontesa), nin coa República Subalpina, dúas Repúblicas irmás nacidas naqueles anos no Piemonte.

Revolucións de 1848

As revolucións de 1848, coñecidas noutros países como A Primavera dos Pobos ou o Ano das Revolucións, foron unha onda de manifestacións populares que se xeneralizaron en varias rexións de Europa no primeiro semestre do devandito ano. Caracterízanse maioritariamente pola súa brevidade e rápida expansión. Ao contrario que as ondas revolucionarias de 1820 e 1830, esta nova onda tivo gran repercusión en estados como Francia, Austria, Alemaña, Italia, Hungría e entre os diversos pobos da Europa central.

Simone Veil

Simone Veil, anteriormente Simone Jacob, nada en Niza o 13 de xullo de 1927 e finada en París o 30 de xuño de 2017, foi unha política e maxistrada francesa.

Nacida no seo dunha familia xudía orixinaria de Lorena, foi deportada a Auschwitz cando tiña 16 anos, durante a Shoá, na que perdeu o seu pai, a súa nai e o seu irmán. Supervivente canda as súas irmás Madeleine e Denise, que tamén foran deportadas, casou en 1946 con Antoine Veil. Tras cursar os estudos de dereito e ciencia política entrou na maxistratura como alta funcionaria.

Foi nomeada ministra de saúde en 1974 polo presidente Valéry Giscard d'Estaing, quen lle encargou a tarefa de lograr a aprobación da lei que despenalizaría o acceso das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo. Esta lei foi logo coñecida como a lei Veil. A raíz disto foi recoñecida como unha icona da loita contra a discriminación das mulleres en Francia.Foi a primeira muller en ocupar a presidencia do Parlamento Europeo en 1979, na primeira elección deste por sufraxio universal directo, posto que desempeñou ata 1982. É comunmente considerada unha das promotoras da reconciliación franco-alemá e da construción europea.

De 1993 a 1995 foi ministra de Asuntos Sociais, Saúde e Urbanismo e número dous no goberno de Édouard Balladur. Despois formou parte do Conseil constitutionnel de 1998 a 2007, antes de ser elixida membro da Academia francesa en 2008.

Consonte a decisión tomada polo presidente Emmanuel Macron, os restos de Simone Veil e do seu esposo foron depositados no Panteón de París o primeiro de xullo de 2018.

Terceira República Francesa

A Terceira República Francesa (en francés: La Troisième Republique) foi un estado que estivo vixente en Francia entre 1870 e 1940. Refírese aos gobernos que rexeron Francia desde o fin do Segundo Imperio Francés ata o establecemento da Francia de Vichy. Foi unha democracia parlamentaria, que empezou o 3 de setembro de 1870 ao ser apresado Napoleón III trala batalla de Sedán. O seu maior logro foi sobrevivir a Primeira Guerra Mundial, pero non soubo repeler a invasión Nazi.

A Terceira República xorde debido ao baleiro no poder creado tras ser derrotado Napoleón III, rematando así o Segundo Imperio Francés tras 18 anos de existencia.

Terra Adelia

Terra Adelia (francés: Terre Adélie) é un territorio reclamado no continente da Antártida. Esténdese desde unha zona costeira ao longo do Gran Océano do Sur terra adentro ata o Polo Sur. Francia administrao como un dos cinco distritos das Terras Austrais e Antárticas Francesas desde 1955 e aplica as regras do Tratado Antártico desde 1961. O artigo 4 trata das reclamacións territoriais e, aínda que non se renuncia nin diminúe as reclamacións preexistentes de soberanía, tampouco prexudica a posición das Partes Contratantes no seu recoñecemento ou non recoñecemento da soberanía territorial. Francia ten unha estación permanente en Terra Adelia desde o 9 de abril de 1950. A actual Base Dumont d'Urville ten unha poboación de inverno ao redor de 33 habitantes, pero chega a preto de 78 durante o verán da Antártida.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.