Leuconostoc

Leuconostoc[1] é un xénero de bacterias grampositivas, clasificado na familia Leuconostocaceae. Son xeralmente cocos ovoides que a miúdo forman cadeas, son inmóbiles e non forman esporas. Os Leuconostoc spp. son intrinsecamente resistentes á vancomicina e son catalase negativos (o cal serve para distinguilos dos estafilococos). Todas as especies deste xénero son heterofermentativas e poden sintetizar dextrano a partir de sacarosa. Son bacterias quimioorganoheterótrofas e anaerobias facultativas, que non poden facer a respiración celular, polo que dependen da fermentación de azucres a ácido láctico,etanol ou acetato e C02. Xeralmente forman limos.

Causan o cheiro orixinado cando se forma masa fermentada iniciadora. Algunhas especies poden causar infeccións en humanos.[2] Como son unha causa pouco común de doenzas en humanos, os kits comerciais de identificación estándar normalmente non serven para identificar estes organismos.[3]

O xénero Leuconostoc é, xunto con outras bacterias do ácido láctico como Pediococcus e Lactobacillus, responsable de fermentacións alimentarias como a do repolo, para facer chucrut. Tamén forma parte das colonias simbióticas de microbios que interveñen na fermentación do quefir, unha bebida láctea fermentada.[4] Neste proceso os azucres que se encontran no repolo fresco son transformados en ácido láctico, o que lle dá ao chucrut o seu sabor acedo e a súas cualidades de duración.

Leuconostoc
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
División: Firmicutes
Clase: Bacilli
Orde: Lactobacillales
Familia: Leuconostocaceae
Xénero: Leuconostoc
van Tieghem 1878
Especies

L. carnosum
L. citreum
L. durionis
L. fallax
L. ficulneum
L. fructosum
L. garlicum
L. gasicomitatum
L. gelidum
L. inhae
L. kimchii
L. lactis
L. mesenteroides
L. pseudoficulneum
L. pseudomesenteroides

Notas

  1. Björkroth, J., and W. Holzapfel. 2006. Genera Leuconostoc, Oenococcus and Weissella, p.267 -319. In M. Dworkin (ed.), The prokaryotes: a handbook on the biology of bacteria: Firmicutes, Cyanobacteria, vol. 4, 3rd ed. Springer-Verlag, New York, NY. [1]
  2. Vagiakou-Voudris E, Mylona-Petropoulou D, Kalogeropoulou E, Chantzis A, Chini S, Tsiodra P, Malamou-Lada E (2002). "Scand J Infect Dis". Scandinavian journal of infectious diseases 34 (10): 766–7. PMID 12477331. doi:10.1080/00365540260348572.
  3. Kulwichit W, Nilgate S, Chatsuwan T; et al. (2007). "Accuracies of Leuconostoc phenotypic identification: a comparison of API systems and conventional phenotypic assays". BMC Infectious Diseases 7: 69. PMC 1947989. PMID 17605772. doi:10.1186/1471-2334-7-69.
  4. Farnworth, Edward R (4 April 2005). "Kefir-a complex probiotic" (PDF). Food Science and Technology Bulletin: Functional Foods 2 (1): 1–17. doi:10.1616/1476-2137.13938. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de maio de 2014. Consultado o 20 December 2014.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Dextrano

O dextrano é un polisacárido complexo ramificado formado por unidades de glicosa constituído por cadeas de variada lonxitude (de 3 a 2000 quilodaltons) de orixe bacteriana. Ten usos terapéuticos como anticoagulante (antitrombótico), para reducir a viscosidade do sangue, e no tratamento da anemia.

A cadea principal consta de glicosas unidas por enlace O-glicosídico α-1,6, e as ramas únense á cadea principal por enlaces α-1,3 nos puntos de ramificación (no producido por Leuconostoc mesenteroides). É soluble en auga. A súa rotación óptica específica vai de +195 a +201 a 25 °C.

O dextrano é sintetizado a partir da sacarosa por certas bacterias do ácido láctico, como Leuconostoc mesenteroides e Streptococcus mutans. A placa dental é rica en dextranos. Tamén forman dextranos as bacterias do ácido láctico Lactobacillus brevis, que, xunto con lévedos, forman os gránulos (tibicos) da auga de quefir, bebida fermentada con efectos supostamente beneficiosos para a saúde.

Os dextranos foron descubertos por Louis Pasteur como un produto microbiolóxico que atopou no viño.

Firmicutes

As Firmicutes (do latín: firmus cutis, "pel forte", referido aquí a "parede celular forte") son un filo def bacterias, a maioría das cales teñen unha estrutura da parede celular grampositiva. Porén, unhas poucas, como Megasphaera, Pectinatus, Selenomonas e Zymophilus, teñen unha pseudomembrana externa porosa que fai que presenten unha tinguidura gramnegativa.

En anteriores clasificacións recibiron o nome de Firmacutes, que despois se cambiou a Firmicutes cunha diminución na súa composición. Os científicos antes clasificaban en Firmicutes todas as bacterias grampositivas, pero recentemente defínenas como o grupo central de formas relacionadas chamado o grupo de baixo contido G+C, en contraste coas Actinobacteria. Pódense incluír aquí as Molicutes (micoplasmas, sen parede), que noutras clasificacións se clasifican como Tenericutes.

As Firmicutes teñen células arredondadas (chamadas cocos) ou bacilares. Moitas Firmicutes producen endósporas, que son resistentes á desecación e poden sobrevivir en condicións estremas. Atópanse en diversos ambientes, e o grupo inclúe algúns notables patóxenos. As da familia das heliobacterias, producen enerxía por medio da fotosíntese. Firmicutes son uns dos microorganismos importantes que fan que se pique o viño, cervexa ou sidra.

Flora vaxinal

A flora vaxinal, tamén chamada microbiota vaxinal, é o conxunto de microorganismos (principalmente bacterias) que colonizan a vaxina. Foi descuberta polo xinecólogo alemán Albert Döderlein en 1892. A cantidade e tipo de bacterias presentes ten importancia na saúde global da muller. As principais bacterias colonizadoras da vaxina nunha muller con boa saúde son os do xénero Lactobacillus, como a especie L. crispatus, e o ácido láctico que producen (algunhas especies producen peróxido de hidróxeno ou antibióticos), en combinación cos fluídos segregados durante a excitación sexual, son en grande medida responsables do cheiro característico da área vaxinal.

As alteracións da flora vaxinal normal ou a transmisión de microorganismos infecciosos, poden facer que estes proliferen na vaxina, orixinando infeccións. Entre as diversas bacterias que poden proliferar anormalmente está Gardnerella vaginalis, que pode causar vaxinose bacteriana. Na vaxina tamén poden vivir fungos, como os lévedos do xénero Candida, que en certas situacións poden orixinar infeccións, especialmente as producidas por Candida albicans. Entre os protozoos que poden proliferar na vaxina como resultado dunha transmisión por vía sexual, hai que salientar a Trichomonas vaginalis, axente da trocomoníase.

Glicosa-6-fosfato deshidroxenase

A glicosa-6-fosfato deshidroxenase (G6PD ou G6PDH) (EC 1.1.1.49) é un encima citosólico que cataliza a seguinte reacción química na que se produce NADP+:

D-glicosa 6-fosfato + NADP+ 6-fosfo-D-glicono-1,5-lactona + NADPH + H+

Este encima participa na ruta da pentosa fosfato, unha ruta metabólica que fornece enerxía reducida ás células (como os eritrocitos) ao manter o nivel do coencima fosfato do dinucleótido de nicotinamida e adenina (NADPH). O NADPH, á súa vez, mantén o nivel de glutatión nesas células, o que, por exemplo, axuda a protexer os eritrocitos dos danos oxidativos causados por moléculas como o peróxido de hidróxeno. De grande importancia cuantitativa é a produción de NADPH polos tecidos implicados na biosíntese de ácidos graxos ou isoprenoides, como os do fígado, glándulas mamarias, tecido adiposo e glándulas adrenais. A G6PD reduce o NADP+ a NADPH á vez que oxida a glicosa 6-fosfato.

Clinicamente, unha an deficiencia xenética de G6PD ligada ao cromosoma X predispón as persoas á anemia hemolítica non inmune.

Lactobacillales

Lactobacillales é unha orde de bacterias grampositivas que comprende as bacterias do ácido láctico. Encóntranse no solo, auga, plantas e animais. Utilízanse na produción de alimentos fermentados, como iogur, queixo, manteiga, quefir etc., nos que orixinan a formación de ácido láctico a partir de azucres. Tamén son responsables da fermentación maloláctica na produción do viño, e fermentan os repolos para facer sucrut. Hai tamén especies patóxenas como Streptococcus pneumoniae ou Enterococcus faecalis.

Lactobacillus

Lactobacillus, tamén chamado bacilo de Döderlein, é un xénero de bacterias grampositivas anaerobias facultativas ou microsaerófilas con forma de bacilo. Forman o grupo principal das bacterias do ácido láctico, chamadas así porque a maioría dos seus membros converten por fermentación o disacárido lactosa e outros azucres en ácido láctico. Nos humanos están presentes na vaxina, formando parte da flora vaxinal, e no tracto gastrointestinal, onde forman unha pequena porción da flora intestinal. Son bacterias benignas, pero foron asociadas coa carie dental, aínda que isto é discutido. Moitas especies son importantes na descomposición da materia vexetal. A produción de ácido láctico fai que o seu ambiente se faga ácido, o que inhibe o crecemento de moitos outros microorganismos, incluíndo moitas bacterias nocivas. Utilízanse na produción de alimentos, como produtos lácteos. Secuenciouse o xenoma de varios membros do xénero.

Leuconostocáceas

As leuconostocáceas (Leuconostocaceae) son unha familia de bacterias grampositivas, situadas dentro da orde das Lactobacillales. Os xéneros representativos son: Fructobacillus, Leuconostoc, Oenococcus, e Weissella. As bacterias que pertencen a estes xéneros non forman esporas, teñen forma redonda (cocos) ou alongada, e son anaeróbicos, anaeróbicos facultativos ou aerotolerantes. Xeralmente viven en hábitats ricos en nutrientes, como produtos vexetais, leite, carne e bebidas fermentadas. O principal produto do seu metabolismo heterofermentativo de carbohidratos característico é o ácido láctico. A filoxenia da familia Leuconostocaceae foi recentemente reavaliada.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.