Latitude

Latitude é un termo usado na xeografía e cartografía. No globo terrestre, é o ángulo que establece, co plano do ecuador terrestre, un raio que vaia dun determinado observador ou lugar ao centro da Terra. Na Liña do Ecuador a latitude é de 0º, no polo Norte é 90º (indicado 90º N) e no polo Sur é -90º (indicado 90ºS). Así, as latitudes positivas, 'por riba' do ecuador, corresponden ó hemisferio norte (chamado tamén hemisferio boreal), e as negativas, 'por baixo' do ecuador, ó hemisferio sur (ou austral).

Latitude lines
Deseño da Terra amosando as latitudes en graos.

A latitude e o clima

A latitude é medida en graos, e corresponde ó ángulo formado pola liña que une calquera punto situado sobre un paralelo e o centro da Terra co plano do ecuador. Así pois, calquera punto dun paralelo ten a mesma latitude.

Os paralelos son liñas imaxinarias que cortan a Terra en franxas horizontais paralelas á liña do Ecuador. Os paralelos máis coñecidos son o Trópico de Capricornio, Trópico de Cáncer, Círculo Polar Ártico, Círculo Polar Antártico, e a propia Liña do Ecuador.

O que determina o lugar da Terra por onde pasan esas liñas é a medida do ángulo de incidencia dos raios de Sol na superficie. Así, cando o raio de Sol incide na superficie da Terra co seu maior ángulo de inclinación teremos a marca dun trópico. O nome do trópico vén dado pola constelación que estea detrás do Sol nesa época (Cáncer ou Capricornio).

O raio de Sol son enerxía en forma luminosa. Así, un raio que incida en ángulo recto (90 graos) terá unha área de incidencia pequena, ou sexa, a dispersión desa enerxía no chan estará máis concentrada. Cando un raio de Sol incide na superficie da Terra nun ángulo menor (aproximadamente 23 graos, que é a mesma medida dos Trópicos), terá unha área de incidencia moito maior para distribuír a súa enerxía, e por este motivo transfire menos calor por centímetro cadrado de chan.

Desta forma, no Ecuador, onde o raio de sol chega ó chan máis concentrado, o clima é máis quente. Nos trópicos, onde o raio de Sol chega ao chan máis espallado, o clima é menos quente. Nos polos, onde o raio de Sol chega moito máis espallado, o clima é moito menos quente. Así e todo, os puntos máis fríos da superficie terrestre non son os polos, senón a estación científica sobre o Lago Vostok, na Antártida, e a aldea de Oymyakon, en Siberia (á latitude de 63º 15').

Véxase tamén

Outros artigos

Auckland

Auckland (en maorí: Tāmaki-makau-rau) é a área metropolita máis grande de Nova Zelandia e o maior núcleo de poboación do sur do Pacífico. Aínda que Wellington é a capital de Nova Zelandia, Auckland é a cidade máis importante, poboada e a capital económica do país.

A 37 graos de latitude sur, na illa Norte, a cidade de Auckland está situada sobre un estreito istmo que separa dous portos naturais: o porto de Manukau, aberto ao Mar de Tasmania, ao oeste e o de Waitemata, que se abre ao golfo de Hauraki do océano Pacífico, ao leste. A área metropolitana de Auckland esténdese aproximadamente entre Bombay Hills ao sur e a península de Whangaparaoa ao norte.

Biodiversidade

Biodiversidade (neoloxismo do inglés Biodiversity, á súa vez do grego βιο-, vida, e do latín diversĭtas, -ātis, variedade), ou diversidade biolóxica, é o termo polo que se fai referencia á riqueza de seres vivos dun hábitat ou dun ecosistema, ou a todo o conxunto de seres vivos da Terra. A biodiversidade refírese tanto á riqueza en diversidade de especies, á súa diversidade intraespecífica, como á de grupos taxonómicos, á de grupos morfolóxicos e á de grupos funcionais. Así, o concepto abrangue as diferenzas de composición das individuos de especies (diferenzas xenéticas) e de especies de hábitats ata a variedade taxonómica e funcional das especies dun ecosistema.

Os patróns de biodiversidade dos hábitats e ecosistemas son resultado de procesos que van de mecanismos a curta escala, como a migración ou nacementos, a escalas de miles de millóns de anos, como os procesos especiación e evolución. O termo popularizouse logo da Conferencia Internacional do Río de Xaneiro de 1992 na que numerosos estados asinaron a Convención sobre a diversidade biolóxica.

Non se sabe con certeza o número total de diferentes especies existentes no planeta: a súa riqueza de especies. Estímase que podería haber máis de 30 millóns de especies, aínda que só se ben só se clasificaron algo máis de 2 millóns. Unha estimación de 2011 a cuantificouna en 8,74 millóns de especies, cunha marxe de erro de 1 millón [1].

A biodiversidade ten patróns bioxeográficos e temporais: a riqueza de especies varía segundo a latitude e os ecosistemas analizados e segundo os estadios das sucesións. Estímase que hábitats con maior diversidade son os bosques tropicais, os arrecifes de coral e as zonas de afloramento costeiro.

Clima

O clima comprende os diversos fenómenos que ocorren na atmosfera dun planeta. Na Terra, fenómenos comúns son vento, tempestade, chuvia e neve, os cales ocorren particularmente na troposfera, a parte máis baixa da atmosfera. O clima é guiado pola enerxía do Sol, posto que os factores clave son temperatura, humidade, presión atmosférica, nubosidade, velocidade do vento e nivel das mareas.

A definición polo glosario IPCC é:

Clima, nun sentido estrito é xeralmente definido como tempo meteorolóxico medio, ou máis precisamente, como a descrición estatística de cantidades relevantes e mudanzas do tempo meteorolóxico nun período de tempo, que vai de meses a millóns de anos. O período clásico é de 30 anos, definido pola Organización Mundial de Meteoroloxía (OMM). Esas cantidades son xeralmente variacións de superficie como temperatura, precipitación e vento. O clima nun sentido máis amplo é o estado, incluíndo as descricións estatísticas, do sistema meteorolóxico. Glossary Intergovernmental Panel on Climate ChangeOs límites exactos do que é o clima e o que é tempo non son ben definidos e dependen da aplicación dos termos. Por exemplo, nalgúns sensos un fenómeno como El Niño podería ser considerado clima; noutros, como o tempo meteorolóxico.

Clima continental

O clima continental é un clima rigoroso no cal as diferenzas de temperaturas entre inverno e verán, día e a noite, son enormes. Os veráns son quentes e os invernos moi fríos con xeadas acotío (por atinxir temperaturas baixo 0 °C) e chuvias escasas. Estas características prodúcense por localizarse no interior dos continentes ou por rexións illadas por cadeas montañas que impiden a influencia marítima.

Aínda que por clima continental entendemos aquel que con características específicas, se dá en territorios de latitude media, outros climas poden presentar influencia da continentalidade (escaso atemperamento das temperaturas por influencia do mar); así nas zonas interiores ecuatoriais de Brasil e o centro de África o clima tropical está continentalizado, pois son as maiores amplitudes térmicas diarias. Os desertos extensos como o Sáhara tamén poderían presentar un "clima con influencia continental" onde o mar non atempera. Agora ben, estritamente falando é "clima continental" unicamente o que se acha na zona de latitude media do planeta.

Coordenadas xeográficas

O Sistema de Coordenadas Xeográficas expresa todas as posicións sobre a Terra usando dúas das tres coordenadas dun sistema de coordenadas esféricas que está aliñado co eixo de rotación da Terra. Este define dous ángulos medidos desde o centro da Terra:

A latitude mide o ángulo entre calquera punto e o ecuador. As liñas de latitude chámanse paralelos e son círculos paralelos ao ecuador na superficie da Terra.

A lonxitude mide o ángulo ao longo do ecuador desde calquera punto da Terra. Acéptase que Greenwich en Londres é a lonxitude 0 na maioría das sociedades modernas. As liñas de lonxitude son círculos máximos que pasan polos polos e chámanse meridianos.O ecuador é un elemento importante deste sistema de coordenadas; representa o cero dos ángulos de latitude e o punto medio entre os polos. É o plano fundamental do sistema de coordenadas xeográficas.

Declinación (astronomía)

A declinación ou latitude celeste é a coordenada da esfera celeste, equivalente á latitude sobre a Terra. Míde a distancia angular dun astro respecto ó ecuador celeste e vale entre 0º e ±90º. É positiva se vai cara ao Polo Norte, e negativa na dirección do Polo Sur celeste. A declinación xunto coa ascensión recta son as dúas coordenadas por medio das cales se determina e coñece a posición dun astro no ceo. Unha vez obtida a declinación, o valor obtido será a declinación aparente e se se desexa coñecer a declinación real é preciso ter en conta as correccións debidas á paralaxe e aberración anual, á precesión e á nutación. Ademais, se o astro pertence ao Sistema Solar haberá que ter en consideración o valor da paralaxe diúrna. Represéntase por Dec ou δ.

Ecuador

Ecuador (en quechua: Ikwayur; en shuar: Ekuatur), oficialmente República del Ecuador, é un país de América do Sur, limitado ó norte por Colombia, ó leste e sur por Perú e ó oeste polo Océano Pacífico. Alén do territorio continental, Ecuador posúe tamén as illas Galápagos, sendo o territorio continental máis próximo daquelas illas.

Ecuador é un país multiétnico, con gran riqueza cultural, natural e arqueolóxica; situado en plena liña ecuatorial, a latitude cero. Ten 256.370 quilómetros cadrados de superficie, o que evidencia que é o estado máis miúdo dos países andinos, mais aínda así conta cunha gran biodiversidade.

A súa capital é San Francisco de Quito, sede dos principais entes estatais e do Goberno Nacional e a súa maior cidade é Santiago de Guayaquil, peirao marítimo principal e importante centro económico. Divídese en 24 provincias, distribuídas en catro rexións naturais: Amazonía, Costa, Sierra, e Región Insular. En Ecuador existen 55 volcáns, 14 en estado activo, 14 volcáns inactivos e 42 pasivos, sendo o volcán máis alto o Chimborazo, con 6.310 msnm. É o estado coa máis alta concentración de ríos por milla cadrada no mundo. É tamén o principal exportador de plátano a nivel mundial e un dos principais exportadores de flores, camaróns e cacao.

Ecuador terrestre

O ecuador é un plano imaxinario que divide á Terra en dúas, de xeito perpendicular ó eixe de xiro dela, e equidistante do Polo Norte e do Polo Sur. A súa expresión xeográfica é unha liña imaxinaria que pasa, entre outros países, por Ecuador (ao que dá nome), Brasil e Guinea Ecuatorial.

A Liña do Ecuador é unha liña xeográfica imaxinaria que está situada a igual distancia dos polos, dividindo a Terra á metade, no punto onde a superficie do planeta, aproximadamente esférica, é perpendicular ó eixo de rotación. A liña do Ecuador divide a superficie terrestre en Hemisferio norte ou Setentrional, e Hemisferio sur ou Meridional.

A súa latitude (distancia en graos dun lugar calquera ata a liña do Ecuador) é por definición o grao cero. A Liña do Ecuador mide uns 40.070 km.

GeoNames

GeoNames é unha base de datos xeográfica libre e accesible a través de Internet baixo unha licenza Creative Commons Atribución 3.0.

Illas Shetland

As illas Shetland son un grupo de illas do océano Atlántico setentrional situadas entres as illas Feroe, ao suroeste de Noruega e Gran Bretaña. Lixeiramente por enriba dos 60ºN de latitude, representan o extremo setentrional do Mar do Norte. Administrativamente constiúen un dos 32 condados de Escocia.

As illas teñen un total de 1469 km², cunha poboación duns 22.000 habitantes, dos cales uns 7.000 viven en Lerwick, a capital.

O clima é húmido e fresco (aínda que suavizado pola influencia da corrente do Golfo). Lerwick acumula 1.140 mm en 181 días de precipitación ao ano. As temperaturas, moi constantes ao longo do ano (debido á latitude) son de 7 °C de media, con 12 °C en xullo e agosto e 3 °C en xaneiro e febreiro.

Indiana

Indiana é un dos estados dos Estados Unidos de América, situada no Medio Oeste.

Lonxitude (cartografía)

O termo lonxitude úsase en xeografía e cartografía para indicar, no globo terrestre, a distancia medida en graos de calquera punto da superficie terrestre ata ao Meridiano de Greenwich.

Mar Arábigo

O Mar Arábigo tamén chamado Mar de Arabia forma parte do Océano Índico, entre a Península Arábiga e a India.

A máxima anchura do Mar Arábigo é de aproximadamente 2.400 km, e a súa máxima profundidade é de 4652 metros, preto da Península Arábiga, aproximadamente á mesma latitude que o extremo sur da India. O río Indo é o único río de grande envergadura que flúe cara a este mar.

No noroeste, estréitase para formar o Golfo de Omán que se conecta co Golfo Pérsico no estreito de Ormuz.

Teñen costa sobre o Már Arábigo a India, Irán, Omán, Paquistán, Iemen, os Emiratos Árabes Unidos, Somalia e as Illas Maldivas.

Entre as súas principais cidades costeiras están Bombai na India e Karachi en Paquistán.

Mar de Aral

O mar de Aral é un mar interior da Asia Central, situado entre os 53° e os 56° de latitude norte e entre os 58° e os 62° de lonxitude leste. Está situado entre Casaquistán ao norte e Uzbekistán ao sur, é un grande lago de auga doce que estivo considerada como a cuarta extensión de auga doce da Terra.

Na actualidade está en grave degradación ao ser desviada durante décadas a auga dos dous ríos tributarios, Amur Daria e Sir Daria, con fins agrícolas, o que provocou que perdera unha grande parte da súa superficie e maior aínda do seu volume de auga.

En 1960 cubría 68 000 km², sendo o 4º maior lago do mundo. En 2000, a súa superficie xa estaba dividida en dúas partes. A separación entre o Pequeno mar ao norte e o Grande mar ao sur data de 1989. A evolución actual predí a desaparición total do segundo por volta de 2025.

Minneapolis, Minnesota

Minneapolis é a maior cidade de Minnesota e o centro do Condado de Hennepin. Linda con Saint Paul, a capital e segunda maior cidade do estado. Xuntas forman o centro da área metropolitana das Cidades Xemelgas, a décimo quinta maior aglomeración urbana do país, cuns tres millóns de residentes. No censo de 2000, a cidade tiña unha poboación total de 382.618 habitantes, o que a convertía na cuadraxesimoséptima maior cidade dos Estados Unidos.

A cidade atópase na parte suroeste do estado e esténdese ao longo do río Mississippi. Tamén hai 24 lagos na cidade. Este feito levou a Charles Hoag, o primeiro mestre de escola de Minneapolis, a suxerir un nome derivado de minne, a palabra dakota para auga, e polis, a palabra grega para cidade. Outros nomes considerados no seu tempo foron Brooklyn e Albion. A cidade é coñecida tamén como a "Cidade de Lagos", unha expresión que aparece en moitos vehículos e propiedades municipais. O centro xeográfico da cidade está xusto nos 45 graos de latitude norte. Hai unha pedra na parte norte do Parque Wirth que ten unha placa que marca o lugar exacto por onde pasa o paralelo.

Océano Pacífico

O océano Pacífico é a maior masa marítima do globo, situada entre América, ao leste, Asia e Australia, ao oeste, e a Antártida, ao sur. Con 180 millóns de km², o Pacífico cobre case un terzo da superficie do planeta e corresponde a case a metade da superficie e do volume do océano. Ten 707,5 km de fosas, e o 87,8% da súa área presenta profundidades superiores a 3.000 m; é o océano con maior profundidade media (-4.282 m) e onde se localizan as maiores fosas submarinas (foxa das Marianas, con -10,912 m).

Paralelo

Denomínase paralelo ao círculo formado pola intersección da esfera terrestre cun plano imaxinario perpendicular ao eixo de rotación da Terra.

Sobre os paralelos, e a partir do meridiano orixe (Greenwich), medimos a lonxitude (arco de circunferencia expresado en graos sexaxesimais); esta poderá ser leste ou oeste, en función do senso de medida da mesma.

Existen cinco paralelos que determinan unha posición concreta da órbita terrestre no seu desprazamento ao redor do Sol e que por iso reciben un nome particular:

Círculo Polar Ártico (66,5° N)

Trópico de Cáncer (23,27° N)

Ecuador (0° latitude)

Trópico de Capricornio (23,27° S)

Círculo Polar Antártico (66,5° S)A Terra fica dividida así en cinco zonas:

Unha zona tórrida comprendida entre os trópicos e que o ecuador divide en dous: norte e sur.

Dúas zonas temperadas comprendidas entre os trópicos e os círculos polares.

Dúas zonas glaciares comprendidas entre os círculos polares e as polares.A zona tórrida coincide coa máxima e mínima declinación do Sol, atinxindo grandes alturas e culminando no cénit (altura máxima no ceo) dúas veces ao ano. Os raios solares inciden case perpendicularmente nesta zona e é por iso que é a máis calorosa. Nas zonas temperadas os raios inciden máis oblicuamente e o Sol nunca culmina no cénit, por iso son menos calorosas que a anterior. Nas zonas glaciares os raios inciden moi oblicuamente, quentando moi pouco. Nestas zonas os días e as noites teñen unha duración maior a medida que aumenta a latitude. Nos polos as noites e os días teñen unha duración de seis meses.

Saba

Este artigo trata sobre un lugar, para a peza de roupa véxase Saba (téxtil).

Saba é unha pequena illa (13 km²) que constitúe un municipio especial dos Países Baixos, localizada na latitude 63°13' oeste e lonxitude 17°38' norte, a uns 250 km. ao sueste de Porto Rico. A capital rexional é The Bottom.

Este territorio forma parte dos países e territorios de ultramar da Unión Europea.

Sistema de coordenadas

En xeometría, un sistema de coordenadas é un sistema que utiliza un ou máis números ou coordenadas, para determinar de forma única a posición dun punto ou doutro elemento xeométrico. É un conxunto de valores que permiten definir univocamente a posición de calquera punto nun espazo n-dimensional respecto a un punto de referencia chamado orixe de coordenadas. O uso dun sistema de coordenadas permite que determinados problemas en xeometría se traduzan en problemas numéricos e á inversa. Esta é a base da xeometría analítica.

O conxunto de eixos, puntos ou planos que conflúen na orixe, e a partir dos cales se calculan as coordenadas, constitúen o que se denomina sistema de referencia.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.