Lasca

Unha lasca, en sentido amplo, é calquera produto da talla intencionada realizada polo ser humano nunha rocha, que se desprende da masa pétrea (que, en sentido xeral, se denomina núcleo lítico, pero que pode ser un bloque de pedra, un coio ou un utensilio en proceso), e que adquire forma de estela afiada. A labra pode realizarse golpeando directamente cun percusor (de pedra, de hasta, de madeira ou, ata, de metal), ou golpeando indirectamente cun cicel (que, tamén pode ser de hasta ou de metal), ou ao someter a peza-núcleo a unha forte presión cunha puga ou compresor. As lascas teñen formas e tamaños moi diversos, desde os microscópicos, ata os que superan os 30 centímetros; pero, en xeral, comparten unha serie de caracteres comúns que permiten recoñecelas.

Doutra banda, as lascas poden ser un obxectivo buscado polo tallador ou, pola contra o refugallo resultante de fabricar unha peza nuclear (por exemplo, un biface). Así mesmo, as lascas poden ser útiles de seu, sen modificación ningunha, en bruto (pois teñen, xeralmente, un gume natural moi agudo e efectivo), ou poden recibir unha transformación ata converterse nun utensilio concreto (unha raedeira ou unha raspadeira, por exemplo), entón fálase do retoque das lascas. É dicir, a miúdo, as lascas son soportes para fabricar unha enorme variedade de utensilios.

Lasca de Sílex
Elementos fundamentais dunha lasca

Traballo da lasca

Como materia prima para a lasca elíxense rochas duras criptocristalinas de rotura concoide. Isto é, rochas cunha estrutura amorfa, pero homoxénea, o que permite que durante a talla se produzan ondas vibratorias que se transmiten de igual modo en todas direccións. A talla orixina diferentes tipos de ondas, pero as máis importantes son as lonxitudinais (a onda de choque e a onda de fractura). Estas ondas adoitan seguir unha pauta moi común, deixando, ao se propagaren, unhas marcas características na zona de esgazadura que conforman as arestas extremadamente afiadas da propia lasca, que son a razón de se fabricar desde a Prehistoria máis remota.

O «concoide» é a parte máis notoria da cara inferior (ou ventral) da lasca, que é a superficie ao longo da cal se produce a fractura que separa a lasca do núcleo. O punto de impacto, unha pequena superficie case circular na que o percusor entra en contacto coa rocha, é a orixe desde o que se desenvolve un tronco de cono ou cono de percusión, que se vai cambando ata adquirir unha forma similar á cuncha dun molusco bivalvo, de aí o nome de concoide. Despois, a curva da cara inferior suavízase ata case desaparecer. Pola contra, no núcleo queda o sinal da lasca, o chamado negativo de lascado (ou, simplemente, lascado), que ten a mesma morfoloxía pero inversa: un contraconcoide máis ou menos pronunciado e, a continuación, unha superficie sutilmente cóncava.

Dado que as rochas raramente carecen de impurezas ou fisuras, a onda de fractura adoita sufrir alteracións que permiten estudar mellor a talla ao xeito prehistórico. Así, aparecen diversos sinais moi útiles no estudo dos artefactos prehistóricos labrados. En liñas xerais os elementos máis comúns son:

  • As ondas de fractura: son interferencias que afectan á rotura da rocha, e que fan oscilar a fronte da fenda, formando aneis ou ondas, parecidas ás que fai un croio ao caer á auga (só que normalmente non son circulares, senón parabólicas, e, ademais concéntricas). Estas ondulacións adoitan indicar a orixe do golpe co que foi extraída a lasca, no caso de que non se conserve o concoide ou o punto de impacto, polo que son moi útiles.
  • As lancetas radiais son, en troques, estigmas en forma de óso provocados por pequenas impurezas. A partir delas xorden, como zonas de sombra moi alargada, unhas marcas lineais que sinalan o lugar de onde vén a onda de choque e cara a onde se expande. As lancetas son particularmente abundantes aos lados do cono de percusión (marcando moi ben o punto de impacto), e nos bordos afiados da lasca (de modo que podemos recoñecer se esta ten as arestas mellor ou peor conservadas).
  • Microlascados trapezoidais: cando a onda de fractura alcanza o límite da rocha, adoitan saltar estelas microscópicas sucesivas (microlascas), que deixan a súa marca no núcleo (en forma de trapecios encadeados), no nervio do negativo do lascado. Nunha peza tallada (non soamente un núcleo), con varios negativos, os microlascados, xunto coas lancetas, indican cal dos lascados é anterior e cal é posterior. Isto é esencial para reconstruír os xestos do artesán que labrou a peza.
  • A estela parasita: xustamente no concoide, non sempre, pero a miúdo, aparece unha pequena lasquiña adherida ou, se esta saltou, o seu negativo. Non existe unha explicación clara para este fenómeno, pero, ao parecer, podería ser o resultado do reflexo da onda de choque que forma unha onda de fractura secundaria.

Estrutura

Considérase que unha lasca completa ten tres caras:

  • A cara inferior ou ventral, que é a superficie de esgazadura da lasca ao desprenderse do núcleo e que conserva o punto de impacto, o concoide e os demais elementos relacionados. Esta cara pode orientar aos expertos na talla da pedra sobre o método co que se extraeu a lasca e o tipo de percusor ou ferramenta que se empregou para este labor.
  • A cara superior ou dorsal, que é a porción de face de lascado do núcleo que se extrae coa lasca. Nesta parte quedan restos da superficie visible do soporte orixinal, é dicir restos da cortiza natural da materia prima (representada por medio dun fino e disperso punteado nos debuxos) ou, negativos de lascas extraídas previamente. Estes sinais, negativos de lascado incompletos, informan de certas características do núcleo, e sepáranse entre si polos chamados nervios.
  • O talón é o anaco de núcleo que entrou en contacto co percusor, desprendéndose xunto coa lasca. O talón, entre outras cousas, achega información sobre se houbo ou non preparación previa da zona do núcleo que ía recibir o impacto, por iso, distínguense diferentes tipos:
    • Talón cortical: formado pola cortiza natural da rocha que compón o núcleo.
    • Talón liso: formado por un negativo de lascado (incompleto, pois na súa maior parte quedará no núcleo).
    • Talón diedro: formado por dous negativos de lascado previos.
    • Talón facetado: formado por tres ou máis negativos de lascado. Un talón facetado indica que o núcleo recibiu unha preparación especial, por medio de numerosos golpes previos, que dan forma á plataforma de percusión no núcleo. É dicir, un talón facetado indica maior sofisticación que o resto de tipos de talón.
    • Talón lineal: é o que está formado por unha superficie tan estreita e alargada que se parece a unha aresta afiada.
    • Talón puntiforme: o que está formado unicamente polo punto de impacto, sendo apenas visible.

Clases

As lascas pódense clasificar segundo a súa morfoloxía, François Bordes diferenza as lascas das follas a través da proporción entre o longo e o largo, así se a lonxitude da peza, medida segundo o seu eixo técnico, é o dobre ou máis ao seu largo é unha folla, caso contrario é unha lasca. Leroi Gourhan, quizais por mor da súa maior inclinación pola cultura magdaleniana, é máis esixente, propondo os seguintes «módulos de talla» para as lascas:

  • Lascas moi largas: aquelas nas que o largo supera á lonxitude
  • Lascas comúns: a que teñen a lonxitude lixeiramente superior ao seu largo, aproximadamente un terzo
  • Lascas laminares: as que teñen a lonxitude o dobre que a largo
  • Follas: as que teñen unha lonxitude como mínimo o triplo do seu largo

Desde o punto de vista da tecnoloxía lítica sepáranse as lascas denominadas vulgares (aquelas nas que se descoñece a súa posición na cadea operativa pero que poden ser utensilios funcionais), as lascas características (as que si teñen un lugar coñecido dentro da cadea operativa) e os refugallos e accidentes de talla; algúns son tamén refugallos característicos, polo que son coidadosamente clasificados. Ademais, estarían os materiais residuais da talla sen máis, comunmente, lascas excesivamente pequenas, estelas ou anacos sen forma concreta (ás veces coñecidos coa palabra francesa débris). Con todo hai que ter en conta que calquera lasca ordinaria é un útil potencial.

Clactoniense

O Clactoniense é unha facies industrial do Paleolítico inferior descrita por Henri Breuil en 1932 a partir de materiais do lugar epónimo de Clacton-on-Sea (Essex, Inglaterra).

Aínda que é contemporáneo do Acheuliano e comparte os seus mesmos trazos tecnolóxicos, carece de bifaces. Caracterízase, máis ben, por un procedemento de extracción de lascas que a miúdo recibe ese mesmo apelativo (técnica clactoniense) e que consiste en obter pezas de gran tamaño golpeando con grandes percusores, en xeneral pasivos (percusor dormente). As lascas así obtidas distínguense polo talón groso, case sempre liso ou cortical, e coun contraconcoide moi prominente. Esta facies parecía estenderse por toda a Europa atlántica.

Samuel H. Warren, revisando as ideas de Breuil, matiza que non se trata propiamente dunha industria só con lascas, senón que posúe varios tipos de útiles nucleares, fundamentalmente, cantos tallados, elaborados sobre bloques angulosos de sílex. Ademais, máis da metade das lascas que puido estudar do sitio arqueolóxico de Clacton non extraeran seguindo o proceso descrito por Breuil. Técnica que, por outra parte dase en outras culturas da Idade da Pedra.

No sitio arqueolóxico de Swanscombe (tamén en Inglaterra) atopáronse lascas de tipo clactoniense en sedimentos moi antigos, datados na glaciación Mindel ou, incluso no interglaciar anterior (quizais fai uns 600 000 anos). Nos socalcos do río Somme (arredores de París, Francia) industrias deste tipo asociáronse a restos de fauna (Elephas antiquus e Elephas meridionalis), ás miemas cotas que o Abbevillense (é dicir, comezos do Acheuliano). Ó evolucionar, no interglaciar Mindel-Riss, o Clactoniense diversifica os seus útiles, polo que comenza a falarse dunha etapa diferente, o Evenosiense; o cal, á súa vez, dará lugar ás chamadas Industrias tipo Curson. O Evenosiense, que tamén carece de bifaces, xa posúe útiles como os raspadores e truncaduras —virtualmente idénticos ós do Paleolítico superior—, ademais de cantos tallados, poliedros, marcas e denticulados.

Porén, Clactoniense, máis que unha cultura ou unha facies, podería tratarse dunha técnica de talla que é usada indistintamente para a extracción de lascas ou para o retoque das mesmas con percusor duro. Este retoque soe ter como obxecto obter unha profunda escotadura ou fenda no fío, por medio dun único lascado moi penetrante e marcado: Muesca clactoniense. Entendéndoo así, o clactoniense existe dentro do Acheuliano (quizais como variante, ó longo de todo o seu desenvolvemento) e, incluso, durante etapas posteriores.

Ducado de Asti

O Ducado de Asti foi un dos ducados instituídos polos longobardos en Italia. Son poucas as informacións sobre as súas vicisitudes internas, e é incerta mesmo a data da institución do ducado, que se remonta probabelmente xa ao momento da ocupación longobarda da cidade (569).

Asti pertencía aos dominios longobardos "lígures", en particular á rexión de Neustria (ou sexa á parte occidental da Langobardia Maior). Aínda no século XII, Pietro de Montecassino, falando de san Brunone Solaro que en 1107 foi abade da abadía de Montecassino, chámao "lígur de Asti".

Emanuel Lasker

Emanuel Lasker, nado en Berlinchen, Brandeburgo (Alemaña, actualmente Barlinek, en Polonia) o 24 de decembro de 1868 e finado en Nova York o 11 de xaneiro de 1941, foi un xadrecista, matemático e filósofo alemán. Foi campión do mundo de 1894 a 1921. Está considerado o segundo campión mundial deste deporte.

Evolución tecnolóxica

Evolución tecnolóxica é o nome dunha teoría dos estudos de ciencia, tecnoloxía e sociedade (CTS) para describir o desenvolvo histórico da tecnoloxía, desenvolvido polo filósofo checo Radovan Richta.O concepto é confluente co de revolución tecnolóxica, posto que só durante os períodos de maior aceleración nas innovacións márcase entre ambos conceptos a diferenza de ritmo, de violencia e de transcendencia que existe entre os conceptos xenéricos de evolución e revolución. Durante a maior parte da historia da humanidade, o ritmo desas innovacións foi lento e imperceptible.

Co nome de revolución tecnolóxica ou revolución científico-técnica adoita referirse concretamente ás transformacións técnicas, económicas e sociais da terceira revolución industrial dende a segunda metade do século XX, aínda que tamén adoitase empregar para referirse ás dúas primeiras grandes transformacións que mereceron o nome de revolución económica: a Revolución Neolítica e a Revolución Industrial dos séculos XVIII e XIX.

Grecia antiga

Chámase Grecia antiga ao período da historia de Grecia que durou uns mil anos e rematou coa chegada do cristianismo. Considérase como o alicerce da civilización occidental. A cultura grega exerceu unha poderosa influencia sobre o Imperio Romano, que levou consigo unha versión propia a moitas partes de Europa.

A civilización dos antigos gregos tivo unha influencia enorme sobre a lingua, política, sistemas educativos, filosofía, ciencia e as artes, dando lugar ao Renacemento da Europa Occidental e rexurdiu de novo durante varios movementos "neoclásicos" durante os séculos VIII e XIX en Europa e en América.

Grecia antiga é o termo utilizado para describir os territorios de lingua grega na antigüidade clásica. Refírese non só á península xeográfica da Grecia actual senón tamén ás culturas helénicas ocupadas polos gregos desde antigo: Chipre e as Illas Exeas, o mar Exeo, a costa da Anatolia (coñecida por eles como Xonia), Sicilia e o sur de Italia (coñecidas como Magna Grecia) e as colonias gregas dispersas polas costas da Cólquida, Iliria, Tracia, Exipto, Cirenaica, o sur da Galia, o leste e nordeste da Península Ibérica e a Táurica.

Idade de Pedra

A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.

Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e por tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais pre-humana.

A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.

Lasca Levallois

Unha lasca Levallois é unha lasca obtida pola técnica Levallois, caracterízase por unha morfoloxía moi coidada, a lasca é simétrica, case sempre máis longa que larga, oval, rectangular ou, como nas puntas, triangular. O seu perfil non é moi groso pero o seu concoide adoita ser moi marcado. Na súa cara superior ou dorsal posúe restos, de cando menos, tres negativos de lascado centrípetos, resultado da preparación previa do núcleo lítico. Existen algunhas variantes, non recoñecidas por todos os investigadores, como as lascas Levallois de segunda e terceira orde que se obteñen dos chamados núcleos Levallois reiterativos centrípetos, que na súa cara superior non só amosan cicatrices propias da preparación do núcleo, senón que teñen un ou varios negativos de lascado máis grandes como resultado de extraer outras lascas Levallois anteriores.

Lescar

Lescar é un concello francés de 10.342 habitantes (2006), situado no departamento dos Pireneos Atlánticos, na rexión de Aquitania. É unha das etapas na Vía Tolosana, ramal do Camiño de Santiago. Os seus habitantes, en francés reciben o xentilicio de lescariens.

Lista de réptiles de Galicia

A seguinte é unha lista dos réptiles atopados en Galicia. Esta baseada na información recollida dos traballos feitos pola Asociación Herpetológica Española, a información obtida na Lista Vermella da IUCN e polos expertos en herpetoloxía Javier Andrada, Pedro Galán e Gustavo Fernández.

Esta clase contén arredor de 8.300 especies vivas das cales unhas 30 foron atopadas con maior ou menor abundancia no territorio galego.

A taxonomía da fauna herpetolóxica está sometida a bastantes cambios debido ás novas achegas de información científica, polo que precisa de revisións periódicas para poder engadir os novos datos obtidos.

Na lista engádense, cando existen, os correspondentes nomes comúns das especies da nosa fauna de réptiles, procurando sempre citar a referencia oportuna.

Lámina lítica

Unha lámina lítica é un produto de lascado alongado caracterizado por tres atributos básicos. En primeiro lugar debe ter os bordos paralelos ou subparalelos e con ambos os dous eixes tipolóxicos (o técnico e o morfolóxico) en perfecta correspondencia. En segundo lugar, a lámina debe ser moi alongada, o módulo de alongamento dunha lámina lítica establécese segundo a relación lonxitude/largura da peza de acordo ao eixe técnico, xeralmente acéptase un mínimo de dous a un. Xa que o módulo de alongamento é un convencionalismo, existen variantes entre os tipólogos para a definición das láminas líticas. Este atributo tamén depende da época prehistórica ou nivel técnico dunha cultura. Así, para o Paleolítico Inferior e Medio, François Bordes propuxo que a lonxitude debe ser como mínimo o dobre da largura. Para o Paleolítico Superior e épocas posteriores, nas que a tecnoloxía lítica mellora considerablemente, póñense uns límites máis esixentes, por exemplo, para André Leroi-Gourhan unha «lasca laminar» (longa pero que non chega á consideración de lámina), ten o dobre de lonxitude que de largura; mentres que unha lámina tería, como mínimo a lonxitude o triplo que a largura e unha lámina alongada tería un lonxitude catro veces superior. Por outra banda, o tamaño, en sentido xeral, separa as láminas das laminiñas, aínda que esta ten límites igualmente convencionais e variables (desde menos de tres a menos dun centímetro, segundo autores), xustifícase porque as laminiñas son un trazo característico das industrias microliticas de láminas, é dicir, «microlaminares». En terceiro lugar, resulta esencial, ademais, que estas sexan predeterminadas antes da extracción. É dicir, para obter unha folla dun núcleo é necesaria unha preparación concreta destinada a dirixir a fractura pétrea de modo que o produto obtido teña unhas dimensións e unha forma determinada. Isto fai que as láminas, malia ter os mesmos elementos básicos dunha lasca (talón, concoide, cara inferior...), posúa uns estigmas moi característicos na súa cara superior que delatan a preparación especial do núcleo e, do mesmo xeito, os núcleos para láminas sexan o produto duns procedementos moi concretos, os métodos de extracción laminar:

A extracción laminar comezou no Paleolítico Inferior, aínda que se desenvolve máis eficazmente no Paleolítico Medio, dentro dunha das variantes da técnica Levallois, chamada «para láminas». No Paleolítico Superior a extracción de láminas estandarízase ata o punto de estar en presenza de industrias caracterizadas pola presenza deste tipo particular de produtos de lascado, polo que o especialista francés Georges Laplace fala de «Complexos Leptolíticos» (de leptos, λεπτός ή όν, en grego, fino, delgado...). Pero é durante o Calcolítico cando a extracción de láminas adquire o seu cumio, cunha serie de innovacións tecnolóxicas tan especializadas que requirían un artesán cunha formación específica, ferramentas propias, así como fontes de fornecemento de materias primas e mercados de venda dos seus produtos.

As láminas usáronse tal como saían do artesán como coitelos, ou transformábanse en diversos utensilios, ben por medio do retoque (raedeiras, burís, puntas, puñais, coitelos de dorso etc.), ou rompéndoas por medio da técnica do microburil para fabricar microlitos ou dentes de fouce. As láminas son máis difíciles de fabricar cás lascas, o que implica investir máis enerxía, con todo, a cambio ofrecen numerosas vantaxes, por exemplo a súa forma alongada adáptase mellor ao collela coa man e é máis fácil engadirlle un mango. Tamén, permite aproveitar mellor a masa do núcleo do que proceden.

Núcleo lítico

Un núcleo lítico é unha masa de rocha homoxénea que se tallou co obxecto de extraer lascas para o seu uso posterior. Así, pois, o propósito principal dun núcleo é proporcionar soportes a unha variedade indeterminada de utensilios líticos. A medida que se traballan os núcleos líticos, isto é extraéndoselle lascas, van facéndose máis pequenos ata que son abandonados por non ser necesarios ou por esgotarse. Os núcleos abandonados ou esgotados convértense en refugallos característicos que adoitan aparecer en maior ou menor abundancia nos sitios prehistóricos.

Os núcleos líticos teñen diferentes formas, e clasificacións dependendo en primeiro lugar, do sistema tipolóxico (é dicir, do punto de vista do investigador), en segudo lugar, da técnica (Levallois, laminar...) ou técnica de talla (percusión directa, percusión indirecta, presión...) que se empregue para a extracción, e, en terceiro lugar, do produto obtido (basicamente lascas, puntas ou follas líticas).

Desde o punto de vista da técnoloxía lítica, todos os núcleos posúen unha ou varias zonas de explotación que, basicamente se dividen nos seguintes elementos:

Un plano de percusión (ás veces denominado tamén «plataforma de percusión») ou varios: é dicir, a zona que recibe os golpes ou que sofre a presión precisa para que a rocha esgace e poidan extraerse os produtos desexados. Os planos de percusión poden ser de diversos tipos, aínda que basicamente se diferencian os planos de percusión corticais, debidos a unha talla monofacial, dos non corticais, propios dunha talla bifacial e, dentro destes, aqueles que se prepararon coidadosamente por medio de pequenos lascados, para que a extracción sexa máis precisa (planos de percusión preparados). Cando se extrae unha lasca, unha parte do plano de percusión vaise con ela, é o que denominamos talón da lasca, o cal pode ser cortical, se o plano de percusión tamén o é; tamén pode ser liso, ou diedro, cando é unha extracción por talla bifacial, ou, para rematar, facetado, cando se prepara o plano de percusión.

Unha cara principal de extracción, que é a parte do núcleo da que se extraen as lascas ou follas. As caras de extracción dun núcleo tamén poden ser varias, sobre todo nos núcleos de talla bifacial, aínda que a tendencia é a ter un maior control sobre a explotación do núcleo, é a reducilas o máximo posible. Caracterízanse por conservaren os negativos das lascas xa extraídas, cicatrices de anteriores extraccións ou da preparación do núcleo e que, cando unha lasca esgaza do núcleo, convértese na súa cara superior ou dorsal. A estrutura e ordenación dos negativos de lascados previos nunha lasca ou na cara de extracción dun núcleo achegan valiosa información sobre os sistemas de talla lítica.Desde o punto de vista dos métodos e técnicas empregados na explotación dun núcleo lítico, hai dous factores básicos que permiten discriminar unha ampla variedade dentro desta gran categoría de obxectos tallados:

A posición da extracción: é un aspecto básico na talla, non só dos núcleos, senón tamén de calquera obxecto lítico tallado. A posición pode ser monofacial, cando afecta a unha soa cara do núcleo; bifacial, cando afecta a dúas caras, sempre que as extraccións se apoien en negativos de lascados previos; e polifacial, cando estamos ante unha extracción máis complexa que configura tres ou máis caras no núcleo.

A dirección de percusión na que, dun modo simplificado, podemos distinguir tres posibilidades: os núcleos de talla desordenada, nos que non é posible establecer unha dirección de percusión dominante (e que é propia de núcleos arcaicos, é dicir, de períodos antigos da Prehistoria, pero tamén de núcleos esgotados ou voltos a aproveitar, xa que logo non é, necesariamente, un indicador cronolóxico ou do nivel técnico dunha cultura). Os núcleos de talla centrípeta, nos que os impactos do percusor van desde os bordos cara ao seu centro, acabando por formar unha silueta discoide na peza; este tipo de núcleos adoita ser de tipo bifacial e son moi característicos do Achelense e do Musteriense, aínda que se poden dar en calquera período da historia do ser humano (son un indicador cronolóxico, ata certo punto, relativo e pouco fiable). Os núcleos de yalla paralela, isto é, un plano de percusión polariza as extraccións que se van facendo dun modo paralelo, os produtos así obtidos son lascas alargadas ou follas.

O Valadouro

O Valadouro é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca da Mariña Central. Segundo o IGE a súa poboación no 2014 era de 2.069 habitantes (2.233 no 2006, 2.268 no 2005, 2.305 no 2004, 2.328 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «valadourés».

Osga común

A osga común, ladra, ou lasca, (Tarentola mauritanica) é un pequeno réptil da familia dos xecónidos, que vive en gran parte dos países mediterráneos.

En Galicia só se localiza nas comarcas de Verín e de Valdeorras.Porén, no resto da península Ibérica é común, excepto na cornixa cantábrica, sendo denominada salamanquesa en Castela, dragó/dragonet nos Países Cataláns e osga-moura ou osga-comum en Portugal.

Punta Levallois

A Punta Levallois é unha punta lítica e un tipo específico de lasca Levallois, recoñécese, en primeiro lugar, pola súa morfoloxía triangular, coidada e bastante regular ou simétrica, co vértice puntiagudo sempre oposto ao talón, é dicir, situado na zona distal da lasca. Esta morfoloxía non é arbitraria, pois foi preconcibida e ideada mediante unha preparación especial do núcleo (incluída dentro do concepto máis amplo denominado técnica Levallois); este tipo de preparación coñécese como predeterminación da peza antes da súa extracción. O segundo atributo que as distingue é o nervio que parte do ápice distal desenvolvéndose cara á zona proximal, sen que necesariamente teña que chegar a ela. Só cando existe ese nervio a peza pode considerarse unha Punta Levallois. Os estudos da tecnoloxía prehistórica, demostran que hai varios modos de obter ese nervio, François Bordes experimentou un que cunha soa preparación previa, permite obter dúas puntas sucesivas que el chama «de primeira orde» e «de segunda orde»; Jacques Tixier ofrece outras alternativas nas que non necesariamente se obteñen varias puntas sucesivas. Debido á necesaria e complexa preparación que teñen este tipo de pezas, as puntas Levallois considéranse útiles de seu, sen ser preciso que se observe nelas retoque ou pegadas de uso, con todo existe a posibilidade de que aparezan retocadas, como ocorre coas denominadas puntas de El-Emireh e de Soyons.

Punta lítica

Unha punta lítica é un instrumento tallado en pedra (case sempre sobre lasca ou [folla lítica]) con forma alongada, cun ápice terminal moi afiado máis ou menos paralelo ao seu eixo de simetría. A forma de obter unha punta lítica é moi variada. A súa función é case sempre servir como extremidade dunha lanza, frecha, xavelina ou outra arma de caza ou combate, aínda que hai casos nos que se puido determinar que se utilizaron a xeito de coitelo.

Os principais xeitos de obter unha punta lítica son:

Punta obtida directamente do soporte coa forma triangular xa definida, sen necesidade de retoques; para o que se require unha preparación previa do núcleo que permita predeterminar a morfoloxía do produto grazas a un nervio central que conduce a fractura, por exemplo, a Punta Levallois.

Punta constituída pola converxencia en ángulo agudo dun bordo con retoque esgrevio con outro bordo natural da lasca ou da folla soporte. O bordo abatido pode ser rectilíneo, como ocorre coas Puntas Gravette, ou curvo, como é o caso da Punta de Chatelperrón. Esta forma de obtencvión de puntas tamén é habitual nos microlitos, como a australiana Punta de Adelaida.

Punta constituída pola converxencia aguda de dous bordos retocados mono ou bifacialmente. Dependendo das cualidades do retoque hai infindade de variantes. Por exemplo, as Puntas musterienses teñen un retoque escamoso, mentres que as Puntas solutrenses teñen un retoque plano e cubrinte.Pola súa forma as puntas líticas clasifícanse en:

Puntas triangulares, son as máis simples e as máis comúns, quizais pola lóxica da súa morfoloxía. As primeiras son as chamadas Puntas musterienses que, malia o seu nome, aparecen xa no Paleolítico Inferior, aínda que son máis típicas do Paleolítico Medio. Parecida cronoloxía teñen as Puntas Levallois, aínda que a súa fabricación é conceptualmente moi diferente. As puntas triangulares persisten ao longo da Prehistoria, atopando exemplares de morfoloxía triangular, máis longa (Puntas da Gravette) ou máis curta (Puntas de El-Emireh e Puntas Azilienses, estas xa epipaleolíticas).

Puntas de amosega lateral, como as do solutrense mediterráneo, as Puntas Kostienki do Paleolítico Superior centroeuropeo ou as Puntas de sandía do Paleoamericano. No Epipaleolítico europeo hai unha punta microlítica de amosega lateral chamada Punta Hamburguense.

Puntas foliáceas bifaciales, como as follas de loureiro solutrenses, as puntas szeletenses do Paleolítico Medio serodio de Europa central, tamén no paleoindio de América do Norte, a punta de Ágata Basin.

Puntas de base cóncava, destacando moitos dos modelos de puntas de proxectil do paleoamericano: Punta de Cumberland, Punta de Midland, Punta de Plainview... e entre todas elas as puntas de Clovis e Folsom. En Europa están as Puntas de Markina-Gora, con forma triangular obtida con retoque cubrinte e base cóncava. No Epipaleolítico do Próximo Oriente salienta a Punta de Bou Saada, e no norte de África a de Aïoun Berriche e, en Europa a Punta de Tardenois.

Puntas pedunculadas, hai ducias de variantes dependendo do tipo de retoque, a presenza ou non de aletas laterais, o tamaño e mesmo da morfoloxía do pedúnculo. Entre as máis antigas están as puntas Levallois pedunculadas do aterense africano. No Paleolítico Superior aparecen pezas pedunculadas como a Punta de La Font-Robert dp Gravetense, ou as Puntas pedunculadas bifaciais do Solutrense español ou a Punta de Teyjat do Magdaleniense e, xa na transición co Epipaleolítico, a Punta de Ahrensburg. Coa aparición do arco e as frechas durante o Mesolítico, aparecen numerosas puntas con algún tipo de lingüeta que podería entrar na consideración de pedúnculo para frechas (a Punta de Biblos no Próximo Oriente, a Punta de Ounan no norte de África, a Punta de Corgnac ou a de Lingby en Europa...).

San Cibrao das Viñas

San Cibrao das Viñas é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca de Ourense. Segundo o IGE en 2015 tiña 5.036 habitantes (3.840 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cibrense».

Técnica Levallois

A técnica Levallois é un procedemento complexo de lascado que, por medio dunha preparación especial da cara superior do núcleo (e, opcionalmente, da súa periferia e a súa plataforma de percusión) consegue preconcibir ou predeterminar, total ou parcialmente, a forma e o tamaño da lasca, antes de ser extraída. Deste xeito, a talla lítica segue uns pasos concretos que levan a uns resultados formais moi específicos. Empregouse na Prehistoria, en especial no Paleolítico Medio.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.