Landra

A landra ou belota é o froito característico dos carballos, das especies do xénero Quercus (fam. Fagaceae), como son o carballo común e outras árbores semellantes como a aciñeira ou a sobreira.

Acorns in Scotland
Landras dun carballo bravo en Escocia.
Quercus ithaburensis ssp.macrolepis MHNT.BOT.2004.0.80
Quercus macrolepis

Etimoloxía

A orixe da palabra landra é descoñecida, se ben podería ser preindoeuropeo, anterior ás linguas celtas e mais ao latín, xa que en éuscaro landare significa froito. Outra teoría aproxima landra ao latín glans glandis, con caída do g inicial; mesmo a palabra glande está dicionariada como froito do carballo[1]. De onde tamén derivaría o termo francés: gland e o asturiano: llande. A palabra belota, tamén usada en Galicia, ou a variante portuguesa bolota, poderían ser vocábulos de orixe árabe: ballūṭa (aciñeira) ou grega: βαλανωτή, ballanus (glande ou testa do membro viril).

Descrición

A landra é un froito anual, aquenio con forma oval lustroso e de cor verde que se torna parda no outono, entre 2 e 4 cm de longo e 0,8 a 1,8 cm de diámetro. Está cuberta polo cascabullo, un carapucho formado por unha casca dura e unida á árbore pola parte posterior por unha especie de carapucho con escamas ovado triangulares imbricadas e máis ou menos soldadas entre elas. O endocarpo é glabrescente.

A landra pendura dun pedúnculo duns 6 cm de lonxitude. Asociado ao mesmo pedúnculo acostuman aparecer dúas landras terminais. É moi frecuente tamén, atopar unha grande terminal e outra pequena basal, esta última non chega a desenvolverse por completo, polo que non é fértil.

A landra madura entre outubro e novembro.

Árbores en Galicia con landras

Usos

A landra de carballo é consumida por distintos animais bravos como xabaríns, esquíos etc., de aí a importancia ecolóxica do carballo. Tamén se emprega como alimento para os porcos. Tense falado que os pobos castrexos: galaicos e astures empregaban a fariña de landras para facer pan antes da chegada dos romanos, porén é unha hipótese non documentada.

As dúas especies de aciñeiras dan dous tipos distintos de landras: a landra agre (Quercus ilex subsp. ilex) e a landra doce (Quercus ilex subsp. ballota); ambas recóllense para penso dos cochos. Na Estremadura e en Andalucía os cochos pastan pola devesas aproveitando as landras caídas, mentres as cabras frecuentemente aganchan polas árbores buscándoas. Os vacceos e outros pobos do centro da Iberia prerromana obtiñan fariña panificábel delas.

Usos medicinais

As landras secas son adstrinxentes, antisépticas e tónicas. Os humanos só poden tomar cruas certas variedades de landras doces da aciñeira, mentres o resto das variedades poden tomarse torradas á brasa, o que elimina o exceso de taninos. Tamén se elabora un saboroso licor na Estremadura.

Refraneiro

  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • Ano de landras, ano de graxas.

Notas

  1. X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernandes, A. Magariños Negreira e X. Cordal Carús (1926): Vocabulario popular castelán-galego (publicado por entregas en El Pueblo Gallego)
    Leandro Carré Alvarellos (1979): Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán -galego, A Coruña, Moret
Aciñeira

A aciñeira ou carrasca (Quercus ilex) é unha árbore cupulífera do xénero dos carballos, monoica e perennifolia. A aciñeira ten unha lonxevidade de 200 a 500 anos.

As árbores na cultura popular galega

As plantas teñen un significado primordial na cultura galega sendo as árbores e os bosques e as fragas os máximos expoñentes.

Castelao dicía : O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza.O albre é un engado dos ollos, pola súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque nel cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.

Carballo (árbore)

Para atopar máis información ou consultar a especie normalmente chamada "carballo", véxase o artigo Carballo común.

Carballo é a designación común das cerca de seiscentas especies de árbores e arbustos do xénero Quercus da familia Fagaceae. O xénero é nativo do hemisferio norte e inclúe tanto especies caducifolias coma persistentes. Os Querci (carballos) esténdese tanto por zonas de clima atlántico como clima continental ou clima mediterráneo, dende Eurasia até América e medran en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas. En xeral, as especies de folla caduca distribúense máis cara ao norte e as de folla persistente, cara ao sur. Caracterízanse por ser árbores rexas e fortes e polos froitos: as landras.

Cómpre ter en conta que tamén se denominan carballos as especies tropicais doutros xéneros relacionados, principalmente Lithocarpus.

Diferentes especies de carballos son moi frecuentes en toda Galicia, salientando o carballo común (ver lista de especies habituais en Galicia abaixo). De feito os carballos constitúen a formación forestal máis representativa do país: a carballeira.

As carballeiras teñen estado en regresión debido sobre todo á actividade humana e á substitución destes bosques por reforestacións de especies foráneas coma o piñeiro bravo ou o eucalipto; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente nas zonas do interior.

Carballo albariño

O carballo albariño ou carballo albar (Quercus petraea) (sin. Quercus sessiliflora), é un carballo europeo moi semellante ao carballo común (Quercus robur), aínda que é menos robusto que este. Recibe tamén os nomes de albo, carba, carballo branco ou simplemente carballo.

O carballo albariño da Praza do Campo de Quindous, en Cervantes (Lugo), está na lista de árbores senlleiras de Galiza.

Carballo americano

O carballo americano (Quercus rubra), tamén chamado carballo rubio americano (sin. Quercus borealis), é un carballo dos chamados carballos vermellos ou rubios, nativo de América do Norte. Introducido en Europa, plántase en Galicia dende hai uns anos con fins forestais e ornamentais.

Carballo común

Para consultar o xénero Quercus, ver o artigo carballo.

O Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común, carballo veriño, carballo bravo ou simplemente carballo.

O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que pode chegar aos 15-20 metros de altura. O carballo esténdese tanto por zonas de clima atlántico en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas, dende o nivel do mar ata os 1.000 metros de altitude.

É unha árbore robusta, que pode vivir varios séculos e acadar os 40 metros de altura con pólas que comezan xa desde a parte inferior.

Cando a formación é monoespecífica, só de carballos, o bosque é denoninado carballeira. Se se mesturan outras especies de clima atlántico chamámolo fraga. Foi a especie máis abundante e dominante na Europa atlántica e segue a ser predominante no interior de Galicia.

A madeira do carballo é de excelente calidade, foi moi empregada na construción (embarcacións, trabes e estruturas das casas (cubertas, forxados), travesas do camiño de ferro etc.), na fabricación de mobles e toneis. Tamén foi e segue a ser o principal combustíbel das lareiras e cociñas galegas.

O carballo tamén tivo uso ornamental nos lugares públicos de Galicia : parques, feiras, arboredas. Algúns exemplares moi vellos (carballas) acadan dimensións importantes.

É a árbore por excelencia de Galicia. A toponimia galega está chea de referencias a esta árbore (fitotoponimia): Carballal, Carballedo, O Carballiño, A Carballa etc. Aparece tamén en moitos apelidos: Carballo, Carballedo, Carbajal etc.

Ademais a cultura e as lendas galegas artéllanse arredor desta árbore, chea de espiritualidade e pasado sagrado, sempre vencellado á forza (rexo ou forte coma un carballo).

Tamén é a árbore sagrada do País Vasco, de Alemaña e en xeral da cultura celta.[Cómpre referencia]O termo carballo en Galicia acolle outras especies ademais do Quercus robur L., como o carballo branco ou albar (Quercus petraea), o carballo cerquiño (Quercus pyrenaica), en menor medida a aciñeira (Quercus ilex) ou a sobreira (Quercus suber) e máis recentemente o carballo americano (Quercus rubra).

Castelanismos léxicos

Os castelanimos léxicos son aqueles que se deixan sentir no apartado léxico dentro da lingua galega.

Centro Comercial As Cancelas

O Centro Comercial As Cancelas é un recinto de tendas e ocio na cidade de Santiago de Compostela. Foi inaugurado o 15 de novembro de 2012, converténdose no terceiro centro comercial da capital galega, despois de Área Central (1993) e o CC Compostela (1998). O edificio está situado no norte da cidade, na Av. Camiño Francés, a carón da entrada do Camiño de Santiago no núcleo urbano da cidade. Recibe o seu nome por estar construído ó pe do monte das Cancelas.

A superficie comercial total de As Cancelas é de 50.800 metros cadrados, dividida en 3 andares, cun total de 114 locales. No primeiro andar atópase un hipermercado e outros 46 locais de tendas variadas. No segundo andar atópanse principalmente tendas de roupa, calzado e complementos. Pola súa banda, o terceiro andar está enfocado ó ocio e á restauración. No soto hai dous andares de aparcadoiro con capacidade para 2.150 coches.

A construción do recinto foi promovido polas inmobiliarias Carrefour Property España e REALIA ó 50% cada unha, a través da sociedade "As Cancelas Siglo XXI".

Chicken Little

Chicken Little é un filme de animación estadounidense dirixido por Mark Dindal que foi estreado no 2005.

Ezkurra

Ezkurra é un concello da Comunidade Foral de Navarra, situado na Merindad de Pamplona, na comarca de Malerreka, a 58 km de Pamplona. A súa poboación en 2014 foi de 152 habitantes segundo o INE.É o concello navarro con máis porcentaxe de euscaldunas.

Hemicordados

Os hemicordados (Hemichordata, do grego ἡμι- hemi-, "metade" e o latín chordata, pl. de chordatum "cordado", "con corda"; de chorda, "corda", e este do grego χορδή chordē) é un filo de animais vermiformes, mariños, deuteróstomos, considerados como as formas máis primitivas dos cordados aínda que están claramente separados deles por careceren dunha verdadeira notocorda; porén, presentan unha estomocorda, que é unha expansión do tubo dixestivo e, como os cordados, teñen unha farinxe con fendeduras (faringotremas), que usan para filtraren o alimento.

Moitos autores considéranos como un grupo irmán dos equinodermos.

Apareceron no cámbrico e inclúen dúas clases principais, enteropneustos e pterobranquios; unha terceira clase, planctosferoideos, coñécese unicamente a través de larvas dalgunhas especies.Por outra parte, a clase extinta dos graptolitinos (graptólitos) parece que está estreitamente emparentada cos pterobranquios.Na actualidade coñécense unhas 100 especies.Son organismos solitarios que en xeral viven en tobos alimentándose dos sedimentos, pero algunhas especies son filtradores farínxeos. Porén, os pterobranquios son filtradores, coloniais na súa maioría, que viven nunha estrutura tubular de coláxeno chamada coenecium.

Maio na cultura popular galega

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de maio na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Inclúese algún refrán relativo á Ascensión, festividade que se celebra corenta días despois do Domingo de Resurrección. Pode caer no mes de maio ou a principios de xuño.

Tralo inverno e as chuvias de abril, o tempo permite empezar xa cos traballos no campo, que cómpre realizar con premura para a sementeira. Maio é, xa que logo, un mes de moito traballo para o labrego, e de aí as expresións estar amaiado ou andar co maio ó lombo cando un está canso e baldado. Do mesmo xeito maiola significa "preguiza", como maiolán ou maioleiro é un preguiceiro, e maiolarse ou esmaliolarse é caer rendido polo cansazo.

Pero maiola tamén significa "castaña seca", tamén chamada castaña maiola ou, simplemente, maia; o día das maiolas era o nome co que se designaba o 1º de maio, data na que se adoitaba regalar castañas ós veciños e ós pobres do lugar.

Mercedes Queixas

Mercedes Queixas Zas, nada na Coruña o 22 de xullo de 1968, é unha profesora e escritora galega.

Núcula

Núcula (do latín nucula diminutivo de noz nux) ou clusa é un froito seco indehiscente —que non se abre de súpeto ao chegar—. Xeralmente unilocular e monospermo —contén unha única semente—, aínda que tamén pode ser polispermo e se orixinar dun ovario dotado de varios carpelos dos que só madura un, e procedente da división lonxitudinal da folla carpelar dun xineceo sincárpico en dúas ou máis partes. Son clusas os aquenios das labiadas e boraxináceas e tamén a landra (froito de carballos, sobreiras e aciñeiras) ou a abelá (froito da abeleira).Porén tamén se chama núcula ou nuculanio a unha drupa pluricarpelar con epicarpo e mesocarpo carnosos, zumarentos, coriáceos ou, incluso, fibrosos e co endocarpo lígneo e endurecido, cunha ou máis sementes. Segundo esta interpretación de nuculanio, os tipos de froito pomo (mazá) ou a noz da nogueira inclúense no tipo núcula. Os froitos dos xéneros Rhamnus (sanguiños) e Cornus (sangomiños) son exemplos de nuculanios.

Núcula tamén é cada óso miúdo do nuculanio e sinónimo anticuado de oogonio nas carofíceas.

O figo (Ficus carica) é un sicono cuxas carabuñas, semellantes a sementes, son en realidade cada unha delas unha núcula.

O carballo na cultura popular galega

O carballo é a árbore símbolo de Galicia, e tamén a máis sagrada de todas, o mesmo que ocorre noutras culturas atlánticas e celtas. Arredor de toda Europa occidental o carballo considérase árbore sagrada: é a árbore por excelencia de Inglaterra, de Alemaña e do País Vasco. Ademais, as carballeiras tiñan unha importante función social, nelas reuníase a xente, celebrábanse festas, feiras e magostos. (Ver artigo: carballo (simbolismo).

Símbolo de forza e pureza, de sombra proveitosa, libran de doenzas contaxiosas (por exemplo rañándose contra del para sandar a sarna ou raña) a quen as padece e posúen numerosas propiedades salutíferas; teñen pois a capacidade de sandar os doentes, especialmente aos cativos, aos que se lles fai pasar a través dunha fenda que as carballas vellas, despois de perder a cerna poden ter no tronco, xa que no seu interior agochan as "pedras do raio", xa que os carballos agochan o raio no seu seo. Outra opción é que o doente pase por entre dúas gallas que fagan forquita ou por dúas partes dunha póla que se fende adrede e se ata despois para ver se liga ou non, que será sinal de que cure ou non cure.

Na Bretaña, de xeito semellante á tradición galega dicíase que carballos e aciñeiras tiñan a propiedade de sandar as persoas faltas de saúde que deixaban as roupas penduradas das pólas.

Os carballos, en xeral, curan ademais os meigallos e o arangaño.

Refraneiro galego sobre o porco

A bo porco, boa landra .

A cada porco chégalle o seu San Martiño .

A cada porco lle chega o seu San Martiño .

A quen porcos lle faltan, touzas lle roncan .

A todo porco chégalle o seu San Martiño.

A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.

A tódolos porcos lles chega o seu San Martiño.

Abre o porco, verás o teu corpo.

Abril mata o porco no cobil e maio mátao dun ano .

¡Alegría alegrote, que o rabo do porco está no pote!

Anaco de touciño pide trago de viño .

Ano acabado e porco cebado, son contento e regalo .

Ano de landras, ano de graxas .

Antes de pan viño, antes de viño touciño, e antes touciño que liño.

Antes o pan que o viño e antes o touciño que o viño .

Antes pan que viño, antes viño que touciño, e antes touciño que liño .

Ao lacón e ao touciño, grolos de viño .

As verzas quéroas untadas; as patacas, fariñentas e pra compango do porco, quero costelas salpresas .

Auga de maio, mata o porco dun ano.

Auga en maio mata o porco dun ano .

Ave por ave, o porco, se voase .

Bacoriño no celeiro non quer compañeiro .

Ben boa vida pasa o porco, e máis dorme no cortello .

Bicos de porco non chegan ó ceo.

Cabrito de mes, porco de tres, muller de dezaoito e home de vinte e tres.

Cada porco ten o seu san Martiño .

Caldo sin grasa, pan sin tasa .

Ceba o porco dende agosto se queres que estea gordo .

Ceba o teu porco dende agosto se queres que teña bo lombo.

Ceba o teu porco dende o mes de agosto, se queres que teña bo lombo .

Ceba o teu porco polo agosto se queres ter bo porco .

Coa axuda dos veciños, sóbense os gatos os touciños .

Coas xarapadas de abril, mexa o porco no cubil .

Comer osos da soá, barba untada e barriga vá

Comerás do porco e mudarás de acordo .

Comerciante e porco, despois de morto .

Dálle ó porco do caldeiro, e non do Ribeiro .

Das carnes o carneiro, dos peixes o mero, das aves a perdiz e mellor a "codorniz" e se o porco voara a todos lle ganara.

Dazasete de xaneiro, Santo Antón lacoeiro.

De Lestrobe, nin bo porco nin bo home

De pais porcos, fillos marranos .

De rabo de porco nunca bo virote .

Despois de Santa María, non tóque-lo porco da ría .

Día de santo Tomé, colle o porco polo pé .

Día de santo Tomé ó porco polo pé .

Díxolle o touciño ó viño: ben veñas, amigo .

Do mar, o salmón, e da terra, o lacón .

En abril, a sardiña val pernil .

En abril inda está o porco no cubil .

En abril, mata o porco no cubíl, e en maio, mátao dun ano .

En abril ronca o porco no cubil.

En agosto, o porco pon o entrecosto .

En maio o porco vai ó tallo.

En maio, nin xantar á mesa sin viño nin pote ó lume sin touciño.

En martes, nin porco mates, nin churra botes que pitos saque .

En martes nin te cases nin te embarques nin o teu porquiño mates .

En martes non te cases nin te embarques, nin o teu cocho mates, nin o teu pan cozas, nin a túa tea urdas, nin a túa filla cases, nin dos da túa casa te apartes.

En martes non te cases, nin te embarques, ni o teu porquiño mates .

En xaneiro media arca e medio palleiro e o porco enteiro.

Entrecostos e soás, son honra das mesas e ósos pros cás .

Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil .

Fillo de porco, marrau de seguro.

Home sen fortuna: parto de porca en maio e da muller na seitura.

Hoxe, cabaleiro, e onte porqueiro .

Marzo marzán, pola mañán cara de porco e pola tarde cara de can.

Marzo marzoso, pola mañán cara de porco, polo serán cara de vran .

Muller gobernadeira, domingo de Antroido lava a salgadeira.

Nadal sen porco non veñan moitos.

Namentras capo non asubío .

No abril, mata o porco no cubil, e no maio mátao dun ano .

No mes de Santos sacha a horta e capa o rancho.

No mes dos mortos mata os teus porcos.

No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo caldo cos untos.

No mes morto nin sáche-lo horto nin cápe-lo porco.

No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.

No san Martiño, porco e viño.

No san Xoán deixa o touciño e come pan.

No santo Tomé, agarra o porco polo pé.

Non dá morcilla o que non mata porco.

Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu sanmartín.

Non quero bácoro que ande con chocallo .

Non se fixo o mel pró fuciño do porco .

Non ten entrecosto o que non mata porco .

Ó ano torto, horto; ó torto torto, cabra e horto; e ó torto retorto, cabra, horto e porco .

O boi e o leitón, en xaneiro crían riñón.

O caldo, engrolado, pros porcos é un bo bocado .

O can afeito ó touciño, anque lle pele o fuciño .

Ó chegar o San Martiño, mátase o porco e próbase o viño .

O cocho, no agosto pon o entrecosto .

O día de San Lucas mata o teu porco e barra as túas cubas .

O frío de abril mata o porco no cubil.

O frío de abril mata o porco no seu cubil .

O home e o porco non se conocen ata despois de morto.

Ó lacón e ó touciño, tragos de viño .

O máis ruín porco topa unha boa landra .

Ó matar o porco, praceres e xogos; ó comer as morcillas trouladas e risas; e ó pagar o porco, pesares e choros .

Ó matar os porcos, praceres e xogos; ó comer as morcillas, praceres e risas; e ó pagar os diñeiros, doos choriqueiros.

O neno i o bacoriño, van a onde lle dan un bocadiño .

O pato e o leitón, canto máis axiña vai á cazola, millor

Ó porco dalle de comer se o has de manter .

O porco de maio coa súa nai vai ó tallo.

O porco débelo manter se ti o has de comer .

O porco do mes de maio vai ó tallo.

O porco en agosto pon o entrecosto.

O porco i o sogro quixéraos mortos .

Ó porco i o xenro ábrelle a porta, que xa él virá cedo .

Ó porco manteno, e non lle contes o tempo .

O porco no agosto pon o entrecosto .

O porco que é pró lobo non hai san Antón que o garde .

O porco sarnento revolve o cortello .

O que non mata porco, non da morcilla nin entrecosto .

O que nunca tivo nada, e chega ter un cochiño, anda sempre pola rúa, currí, currí, currichiño.

O que nunca tivo nada, e agora ten un porquiño, anda todo o día, currichí, currichiño.

O que porco nace porco morre.

Ó que porcos lle faltan, touzas lle roncan.

O que queira ter bo entrecosto que cebe no agosto .

O que queira un bo entrecosto que o meta no mes de agosto.

O rico que queira empobrecer, que cebe porcos pra vender.

O sogro e o porco soio son bos despois de mortos.

O touciño fai o caldo .

Ó touciño, mételle tragos de viño .

Onde coidas que hai touciños, hai estacas .

Onde hai touciños non hai corres .

Onde pensas que hai touciños, non hai tornos pra colgalos .

Os aires de abril fan meter o porco no cubil.

Os porcos e os grelos, peores se marelos.

Ós porcos non se lle dá, préstaselle.

Ósos de soán, barba untada e barriga en van.

Pola santa Lucía xa o caldo alumía.

Polo abril ronca o porco no cubil .

Polo san Andrés agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.

Polo san Andrés hai porcos gordos para vender.

Polo san Andrés mata o teu porco coma o tes.

Polo san Andrés mata o teu porco como é.

Polo san Lucas, mata o teu porco e barra as túas cubas .

Polo san Lucas solta os bois, mata os porcos e tapa as cubas .

Polo san Martiño, mata o teu porquiño.

Polo San Martiño mata o teu porquiño e bebe o teu viño .

Polo san Martiño, mete o porco no cortelliño.

Polo San Miguel sabe o touciño a mel .

Polo San Simón proba o viño, i o porco polo San Martiño .

Polo san Tomé colle o porco polo pé .

Polo san Tomé dálle ó porco polo pé.

Polo santo Tomé, dálle polo pé e se non é groso, nunca é.

Por san Andrés, agarra o porco polos pés; e se non o queres matar, déixao pra Navidá .

Por san Andrés, quen non ten porco, mata a muller.

Por San Andrés, toma o porco polo pé

Por san Lucas, alza o boi da suca, mata o porco e tapa a cuba.

Por san Martiño mata o teu porquiño e proba o teu viño.

Por san Pedro, o cocho no medio.

Por san Simón e por san Xudas, mata ó teu porco e atesta as túas cubas.

Por san Simón e san Xudas, mata o teu porco e atesta as túas cubas.

Por Santos, sacha a horta e capa o rancho .

Porca de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.

Porca no maio vale máis nos comenzos que no cabo .

Porco agostado é medio cebado.

Porco de febreiro vai co seu pai ó fumeiro .

Porco de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.

Porco fiado ronca todo o ano .

Porco fiado, inverno e verau malo .

Porco limpo nunca engorda .

Porco que está sen cebar non se debe matar .

Porco que se está cebando, non hai San Antón que poida gardalo .

Porcos e xenros, Dios os acerte.

Pra matar o porco tanto ten o día de santa Lucía como pró outro día.

Pra o porco e a galiña, que pase a Santa Mariña.

Pro ruín porco sempre hai unha boa castaña .

Quen porco nace, porco morre.

Quen soilo ten un porco faino gordo .

San Antón a san Roque meteulle preito porque ó seu porquiño traboullo o cadelo.

San Antonio co seu porco ía por un camiño, i o porco ía decindo: non me comas o touciño.

San Simón proba o viño e o porco san Martiño.

San Xoán come pan e san Andresiño touciño.

San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.

Santa Lucía anda co porco á porfía.

Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.

Santo Tomé, agarra o cocho polo pé.

Se no Samartiño non matas cocho ou año, coa fame levarate o diaño.

Se non matas porco, non terás entrecosto .

Se o deixaran, vendía o porco de san Antón .

Se o porco voara non houbera ave que coel se igualara.

Se queres colle-lo entrecosto, empeza a cebar en agosto.

Se queres graxiña, cébao na santa Mariña.

Se queres ter bo lombo, ceba o porco desde agosto.

Se queres ter un bo porco, cébao no mes de agosto.

Sempre ó porco máis ruín halle tocar unha castaña boa.

Sempre un porco ruín atopou unha belota boa .

Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.

Si comes porco en febreiro, frío polo invernadeiro.

Sol de xaneiro, porco ó bulleiro .

Tallada de touciño quer gulapo de viño .

Tanto dá touciño como soá .

Teña eu porcos anque non teña ollos .

Ti dona i eu dona, ¿quén botará o porco fóra? .

Tres anos hai que me casei, e que porco non matei: este ano, i o pasado i o ano que me casei .

Un porco é unha botica .

Unto de porco e mel das abellas fervidos en viño e ... ¡fóra catarreira!

Veñen os porcos do monte botarnos da nosa corte .

Viño acedo, touciño vello e pan centeo, sosteñen a casa en peso .

Sobreira

A sobreira (Quercus suber L.) é unha árbore da familia do carballo e a aciñeira (as fagáceas, antes cupulíferas, integrada por 450 especies e con case tódolos seus xéneros boreais), espontánea e cultivada no sur de Europa e norte de África e a partir da cal é o único medio de onde se pode extraer a cortiza. Recibe en galego diferentes nomes comúns, entre os máis difundidos están corticeiro e corticeira.

Tapa (recipiente)

Unha tapa, tampa, tapadeira ou cuberta, é unha peza móbil de forma en xeral aplanada con que se cobre calquera recipiente ou caixa, que pode ser independente ou estar articulada polo bordo mediante un gonzo ou bisagra, empregada para pechar ou selar dito recipiente para protexer o seu contido e tamén para evitar que este se derramo.

Nalgúns casos leva un elemento de agarre (unha asa, unha peza para calcar co dedo polgar ou unha forma ornamental (froitas, verduras ou landra).

Encontráronse tapas realizadas en cerámica que se remontan ao 3100 a. C.[Cómpre referencia]

Xamón

O xamón é o nome xenérico do produto obtido das patas traseiras do porco, salgado en cru e curado de forma natural. As dúas variedades principais son o xamón español (xamón ibérico de landra, xamón de Trevélez, xamón serrano etc.) e o prosciutto italiano (de Parma, de San Daniele, de Carpegna, de Modena, toscano, veneto Berico-Euganeo, Val d'Aosta Jambon de Bosses, de Norcia, prosciutto cotto etc.). As primeiras noticias do xamón son do Imperio Romano.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.