Lamprea

A lamprea (Petromyzon marinus), tamén chamada lamprera e chupona, é un peixe ágnato (sen mandíbula), de forma alongada, serpentiforme e cilíndrica. Pertence a un grupo evolutivamente moi primitivo e caracterízase pola forma da súa boca en forma de ventosa. Distínguese tamén polos sete buratos branquiais a ámbolos lados do corpo e pola pel moi viscosa, sen escamas.

O seu esqueleto é cartilaxinoso. É parasito doutros peixes e, por veces, tamén de mamíferos mariños. O seu ciclo vital é anadromo, é dicir: nace nos ríos, medra no mar e regresa ó río para reproducirse, momento no que se captura para o seu consumo.

Gastronomicamente, é un peixe comestible moi apreciado por moitos. Considérase peixe azul (de alto contido graxo).

Existe unha especie similar, a lamprea de río (Lampetra fluviatilis), que tamén madura no mar. Distínguese polo seu menor tamaño corporal e o da ventosa bucal.

Lamprea
Lampreas nun peixe

Lampreas nun peixe

Petromyzon marinus2

Estado de conservación
Risco baixo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Superclase: Agnatha
Clase: Hyperoartia (Petromyzontida)
Orde: Petromyzontiformes
Familia: Petromyzontidae
Xénero: Petromyzon
Linnaeus, 1758
Especie: P. marinus
Nome binomial
Petromyzon marinus
Linnaeus, 1758
Petromyzon marinus.003 - Aquarium Finisterrae
Boca de lamprea no Aquarium Finisterrae, A Coruña.

Taxonomía

Dentro dos peixes, as lampreas clasifícanse dentro da superclase –ou infrafilo- Agnatha (sen mandíbulas), en oposición ós Gnathostomata (mandibulados). Tódalas especies coñecidas pertencen á clase Petromyzontida ou Cephalaspidomorphi, orde Petromyzontiformes e familia Petromyzontidae.

Descrición

Lamprey
Debuxo esquemático dunha lamprea: 1.- Narina. 2.- Boca. 3.- Ollo. 4.- Aberturas branquiais. 5.- Tronco, corpo. 6.- Cloaca. 7.- Rabo. 8.- Aleta caudal. 9.- Aleta dorsal posterior. 10.- Aleta dorsal anterior.

A lamprea ten un corpo longo de sección circular, serpentiforme, que lembra a unha anguía. Pode alcanzar unha lonxitude de 100–120 cm aínda que o normal é que sexa de 50–60 cm. O peso non adoita supera-los 2–3 kg. A cor é variable aínda que o habitual é que teña o dorso amarelento a pardo verdoso, con manchas claras e escuras irregularmente repartidas. O ventre é de cor clara pero na época de madurez sexual, nos machos presenta cor morada. Carece de escamas.

Posúe dúas aletas dorsais, longas e separadas. A anterior é maior cá posterior e esta contacta coa aleta caudal que é enteira e non lobulada, como é a habitual nos outros peixes.

A boca é ínfera e en forma de ventosa ou funil. Aberta, mostra un elevado número de pequenos dentes córneos dobrados cara dentro. Sérvelles para fixarse a outros peixes e zugárlle-lo sangue, do que se alimenta.

A ámbolos lados do tronco, tralos ollos, mostra sete orificios branquiais. Posúe uns ollos rudimentarios, que se atopan por debaixo da pel, e que carecen de músculos oculares propios.

Anatomía

As lampreas posúen un esqueleto cartilaxinoso, pero con algunhas rexións calcificadas. O crnio, de placas cartilaxinosas, forma unha verdadeira caixa cranial na que se aloxa o cerebro. A columna vertebral está basicamente formada polo notocordio, con pequenos reforzos cartilaxinosos representados polos arcos dorsais.

Na zona frontal, as lampreas posúen unha única narina ou abertura naso-hipofisaria que cumpre as funcións de órgano do olfacto e á que accede un tubo cego que inclúe a hipófise ou glándula pituitaria. No resto dos vertebrados superiores, a narina é sempre dobre.

A ventosa que forma a boca funciona como tal grazas a un complexo mecanismo a modo dunha bomba de succión, que inclúe un pistón, o velum, e unha depresión na cavidade bucal, o hydrosinus. Serve tanto para alimentarse como de elemento de suxeición.

Alimentación

Lamprey
Dous exemplares parasitando unha troita de cultivo. Unha delas está fixada no interior das galadas.

Como xa dixemos, as lampreas son parasitas doutros peixes e, esporadicamente, de mamíferos mariños. A súa alimentación é hematófaga, sobre peixes enfermos ou sans, nos que se fixa e fai unha erosión na pel cos seus dentes, para comezar a zugarlle o sangue, outros líquidos biolóxicos e mesmo a carne. Verte sobre a ferida unha substancia anticoagulante que impide que calle o sangue da súa presa. Ocasionalmente tamén se alimenta de prea. O período de alimentación hematófaga pode durar entre un[1] e dous anos[2] e pode iniciarse no río antes da migración ao mar[3][4].

Hábitat e distribución

As lampreas, tanto a lamprea de mar como a de río, son peixes anadromos: nacen no río, maduran no mar e volven ó río a reproducirse e morrer.

A desova prodúcese na primavera, nos cursos medios e altos dos ríos, con augas correntes e ben osixenadas, sobre fondos duros e lisos, onde a lamprea escava un gran foxo, deposita os ovos e cóbreos con pedriñas que transporta coa ventosa da boca. Ó cabo de 10-20 días nacen as larvas, que se denominan ammocoetes, e que carecen de ventosa bucal, alimentándose de detritos e pequenas partículas orgánicas en suspensión que aspira cara a cámara branquial e quedan pegados ó mucus da farinxe. Ó cabo dunha fase larval de 4-5 anos (ata sete anos), xa cuns 10–20 cm de lonxitude, sofren unha metamorfose e convértense en adultos.

Os adultos descenden cara o mar ata o momento en que alcanzan a madurez sexual, ó cabo de 1-2 anos. No mar viven a profundidades de 200 a 500 m e medran ata un tamaño de 80–100 cm de lonxitude (con máximos de 120 cm), comezando entón, entre decembro e abril, a viaxe migratoria cara os ríos, para reproducirse e desovar. Para fecundala, o macho fíxase á femia coa ventosa e enlíase ó redor dela, á vez que a femia se suxeita a unha pedra do fondo. Trala reprodución, morren.

As lampreas están presentes en augas temperadas dos dous hemisferios. Habitan ríos da maior parte de Europa (Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Francia, Italia, Portugal, Gran Bretaña). En España tamén era frecuente pero só se mantén en certa abundancia en Galicia, e é moi escasa nos ríos do País Vasco e Cantabria, así como no Guadalquivir, Guadiana e no Ebro. En Galicia seguen estando presentes no Miño e no Ulla.

Eladio Rodríguez conta no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano que:

En los ríos Ulla, Miño, Tambre, Lérez, Sar, Umia y otros se pescan excelentes lampreas, algunas de una vara de largo. Llevan la preferencia las de Tuy y Padrón; y su sazón desde principios de año hasta fines de Abril, pero en el río Allóns, que atraviesa la comarca de Bergantiños, se pescan muy buenas en Junio y Julio. Las de Padrón eran ya estimadas por los romanos, lo mismo que las de Ponteceso.

Outras lampreas moi cotizadas son as do río Tea, afluente do Miño, as cales se pescan con artes moi antigas que consisten en montar unha estacada no rio e acudir de noite a elas e cravalas coa chamada filga, sempre coa axuda de luces.

Outras especies

Ademais da lamprea de mar común, hai outras 40 especies de lampreas no mundo. Interésanos especialmente a lamprea de río (Lampetra fluviatilis), moi parecida á de mar pero dun tamaño de ata 50 cm. Esta especie, xa non presente en España [1], posúe un mucus tóxico sobre a pel, polo que había que esfolala antes de cociñala.

Tamén existe unha segunda especie de lamprea de río, coñecida como lamprea pequena ou de regato (Lampetra planeri), de menos de 20 cm de lonxitude, e que en España só se atopa no río Olavidea, nos Pireneos navarros [2].

Boca de lamprea, Mondariz-Balneario
Boca de lamprea

A árbore completa de especies da familia Petromyzontidae é a seguinte:

  • Subfamilia Geotriinae
    • Xénero Geotria
      • Lamprea de bolsa, Geotria australis (Gray,1851)
  • Subfamília Mordaciinae
    • Xénero Mordacia
      • Mordacia lapicida (Gray, 1851)
      • Mordacia mordax (Richardson, 1846)
      • Mordacia praecox (Potter, 1968)
  • Subfamília Petromyzontinae
    • Xénero Caspiomyzon
      • Caspiomyzon wagneri (Kessler, 1870)
    • Xénero Eudontomyzon
      • Eudontomyzon danfordi (Regan, 1911)
      • Eudontomyzon hellenicus (Vladykov, Renaud, Kott e Economidis, 1982)
      • Eudontomyzon mariae (Berg, 1931)
      • Eudontomyzon morii (Berg, 1931)
      • Eudontomyzon stankokaramani (Karaman, 1974)
      • Eudontomyzon vladykovi (Oliva e Zanandrea, 1959)
    • Xénero Ichthyomyzon
      • Ichthyomyzon bdellium (Jordan, 1885)
      • Ichthyomyzon castaneus Girard, 1858
      • Ichthyomyzon fossor (Reighard e Cummins, 1916)
      • Ichthyomyzon gagei (Hubbs e Trautman, 1937)
      • Ichthyomyzon greeleyi (Hubbs e Trautman, 1937)
      • Ichthyomyzon unicuspis (Hubbs e Trautman, 1937)
    • Xénero Lampetra
      • Lampetra aepyptera (Abbott, 1860)
      • Lampetra alaskensis (Vladykov e Kott, 1978)
      • Lampetra appendix (DeKay, 1842)
      • Lampetra ayresii (Günther, 1870)
      • Lampetra fluviatilis (Linnaeus, 1758) - lamprea de río
      • Lampetra hubbsi (Vladykov and Kott, 1976)
      • Lampetra lamottei (Lesueur, 1827)
      • Lampetra lanceolata (Kux e Steiner, 1972)
      • Lampetra lethophaga (Hubbs, 1971)
      • Lampetra macrostoma (Beamish, 1982)
      • Lampetra minima (Bond e Kan, 1973)
      • Lampetra planeri (Bloch, 1784) - lamprea pequena de río
      • Lampetra richardsoni (Vladykov e Follett, 1965)
      • Lampetra similis (Vladykov e Kott, 1979)
      • Lampetra tridentata (Richardson, 1836)
    • Xénero Lethenteron
      • Lethenteron camtschaticum (Tilesius, 1811)
      • Lethenteron japonicum (Martens, 1868)
      • Lethenteron kessleri (Anikin, 1905)
      • Lethenteron matsubarai (Vladykov e Kott, 1978)
      • Lethenteron reissneri (Dybowski, 1869)
      • Lethenteron zanandreai (Vladykov, 1955)
    • Xénero Petromyzon
      • Petromyzon marinus (Linnaeus, 1758) - lamprea de mar
    • Xénero Tetrapleurodon
      • Tetrapleurodon geminis (Alvarez, 1964)
      • Tetrapleurodon spadiceus (Bean, 1887)

A esta relación cómpre engadi-las seguintes especies extinguidas:

  • Mesomyzon mengae
  • Hardistiella montanensis
  • Mayomyzon pieckoensis
  • Priscomyzon riniensis

Pesca

Tacuinum Sanitatis-fishing lamprey
Pesca da lamprea na Idade Media (Ilustración do Tacuinum Sanitatis, século XV).

A pesca da lamprea é pesca de río porque é aí onde se captura. Para facelo constrúense as chamadas pesqueiras ou pescos, típicas do río Miño, formadas por uns muros que canalizan a corrente cara un punto estreito onde se colocan as nasas lampreeiras, arte de pesca que tamén se emprega para pescar anguías, sábalos, salmóns e outros peixes de río.

Outros nomes desta nasa lampreeira son: abarga, biturón, boitirón, boitrón, buitrón, lampreeira, litrón, nasoura, pesqueira e varga. Tamén se chama lampreeira e pesqueira ó lugar ou sitial onde abundan as lampreas, normalmente construídas nas proximidades de muíños e aceas.

Estas nasas estaban feitas cunha manga externa, máis ou menos longa, que se mantén aberta mediante varios aros de madeira, e outra manga interna, de forma cónica, pechada. O conxunto fíxase ó fondo do río cuns paus que manteñen en pé a arte. Cébase con miñocas ou pan, e hai quen aconsella poñer tamén cascas de ovos, porque disque atraen mellor os peixes.

A pesca está permitida entre os meses de xaneiro e abril.

Nalgúns países, as larvas ammocoetes utilizáronse como isco para a pesca.

Estado

A especie está en claro declive en Galicia, en España e no resto do mundo, porque os factores que comprometen a súa supervivencia (construción de encoros, extracción de áridos, contaminación fluvial e sobrepesca) son comúns.

A nivel nacional, está catalogada como vulnerable; en perigo de extinción en Extremadura, vulnerable en Asturias e de interese especial en Navarra. En Galicia non dispón de ningunha catalogación especial. A nivel europeo, está incluída no anexo II da Directiva 92/43/CE de Hábitats e no anexo III da Convención de Berna 82/72. Consta como non avaliado na Lista Vermella da UICN.

Gastronomía

Lampreia (lamprey)
Arroz de lamprea, prato típico de Portugal.

O consumo da lamprea vén de vello e xa se cita na gastronomía da antiga Roma. Moi apreciada en Galicia, cómese normalmente á bordolesa, é dicir, cocida no seu propio sangue (con adición de diversos ingredientes), pero tamén en empanada, salgada ou afumada, con leña de carballo (con esta lamprea afumada pode elaborarse un friame moi cotizado). Tamén é moi apreciada en Portugal, onde a forma típica de comela é cocida con arroz ou asada ó espeto.

A mellor época para comela é entre xaneiro e abril. Chegado este mes xa se reproduciron e están fracas e debilitadas. Como coincide coa chegada do cuco a Galicia, dise neste momento que está cucada.

A lamprea é peixe azul, rico en graxa. A porcentaxe en proteínas é moderada, pero son de alto valor biolóxico. É relativamente rica en vitaminas A e D, como outros peixes graxos, así como en B1 e B2.

É coñecida a lenda de que os romanos, que apreciaban moito este peixe, criaban as lampreas en foxos nos que as alimentaban cos escravos que lles botaban para que lles zugasen o sangue. Cómpre dicir que isto só é un mito gastronómico máis e que sería imposible tal cousa.

Festas gastronómicas

Escudo de Arbo
A sona da lamprea de Arbo faina merecente de figurar no escudo da vila.
  • A máis coñecida é a festa da Lamprea de Arbo, declarada de Interese Turístico Nacional e que se celebra dende 1961 o último ou antepenúltimo domingo de abril, pero coñecemos outros lugares que tamén celebran festas gastronómicas de exaltación da lamprea, cociñada directamente ou en empanada:
  • Pontecesures: Festa da Lamprea. Celébrase desde 1995, o último domingo de abril.
  • Arbo: Festa da Lamprea Seca. Celébrase desde 1995 o primeiro domingo de xullo.
  • Padrón: Festa da Empanada de Lamprea. Celébrase desde 1993, coincidindo co sábado santo.
  • Pontevea, Teo: Festa de Exaltación da Lamprea do Ulla. Celébrase o 1º domingo de maio.

A lamprea na cultura popular

Sinonimia

  • En Galicia: chupona, lambepedras, lampreia, peixe dos sete buratos.

Xa dixemos que a lamprea se suxeita ás pedras coa súa ventosa bucal. Este feito explica determinados nomes comúns como os de lambepedras (en Galicia), o de suga-pedras (en Portugal) ou o de stone-sucker (en Inglaterra).

Tamén o nome científico de Petromyzon significa chupador de pedras. Antigamente clasificábase como da orde dos ciclóstomos, pola súa boca redonda.

Corominas propón a etimoloxía do latín tardío naupreda, alterado posteriormente en lampreda, por probable influencia de lambere, lamber.

Refraneiro

  • A anguía, en empanada, e a lamprea, escabechada.
  • Non comas lamprea, que non é sana e ten a boca fea.
  • En abril para min, en maio para o lacaio, en san Xoán para o can.

Fraseoloxía

  • Ser unha lamprea: ser un larpeiro, quizais por influencia de lamber.

Vocabulario derivado

Lamprea é tamén nome que designa unha vara ou verga, así como un atado de palla mesturada con barro co que se facían as paredes de pallabarro. Derivadas da primeira acepción, existen as palabras lampreada, lampreazo e lampriazo, que designan o golpe dado cunha vara ou directamente coa man; en Asturias: llampriazo. Aníbal Otero recolleu en Piquín lampramazo, lamprameazo e lampriazo co significado de corte nunha man ou na cara como consecuencia dunha caída.

Lamprea é tamén un dos nomes que recolleu Sarmiento das cunchas de orella de mar ou peneira (Halliotis tuberculata), por similitude cos buratos lineais que posúe este molusco.

Finalmente, lampreeiro é voz que designa a quen pesca e vende lampreas, como era de esperar, pero tamén se aplica ó tunante, mentireiro (Pintos).

Galería de imaxes

Lamprea á bordelesa. Galicia (Spain)

Lamprea á bordalesa

Notas

  1. Silva, S., Servia, M.J., Vieira-Lanero, R., Barca, S. & Cobo, F. (2013). Life cycle of the sea lamprey Petromyzon marinus: duration of and growth in the marine life stage. Aquatic Biology 18: 59–62. doi: 10.3354/ab00488.
  2. Halliday R. G. (1991) Marine distribution of the sea lamprey (Petromyzon marinus) in the northwest Atlantic. Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences 48:832−842.
  3. Silva, S., Servia, M. J., Vieira-Lanero, R. & Cobo, F. (2013). Downstream migration and hematophagous feeding of newly metamorphosed sea lampreys (Petromyzon marinus Linnaeus, 1758). Hydrobiologia 700: 277–286. Doi: 10.1007/s10750-012-1237-3
  4. Silva, S., Servia, M. J., Vieira-Lanero, R., Nachón, D. J. & Cobo, F. (2013). Haematophagous feeding of newly metamorphosed European sea lampreys Petromyzon marinus on strictly freshwater species. Journal of Fish Biology. doi:10.1111/jfb.12100

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Prados Tizón, J. e Rodón Lluís, J. 2009. Biografía de la lamprea. Gijón, Ediciones Trea (en castelán).

Ligazóns externas

  • Fish base: A Global Information System on Fishes (en inglés) [3]
  • Fauna europea: Petromyzontiformes (en inglés) [4]
Arbo

Arbo é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca da Paradanta. Segundo o INE en 2015 tiña 2846 habitantes (4121 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arbés» ou «arbense».

Cabeiras, Arbo

San Sebastián de Cabeiras é unha parroquia que se localiza no leste do concello de Arbo. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 285 habitantes (152 homes e 133 mulleres) distribuídos en 15 entidades de poboación, o que supón unha gran diminución en relación ao ano 2004 cando tiña 553 habitantes.

A economía da parroquia susténtase no sector primario, como a viticultura (adega Pazo Pondal) ou a pesca da lamprea.

O monte Chan do Padrón, lindando co concello das Neves, e o punto de maior altitude. En Cabeiras abundan os lugares de sendeirismo con mais de 10 rutas incluso para ciclismo. O 24 de febreiro celébrase o san Brais, o 24 de xullo O Carme, e o 1 de agosto san Fins no monte do mesmo nome.

Na praza da aldea hai un busto en homenaxe a Juan Alonso Rodríguez.

Caldas de Reis

Caldas de Reis é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo o IGE no ano 2015 tiña 9.834 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é caldense.

Caneiro (pesca)

Os caneiros, pesqueiras ou pescos son unha especie de dique ou presa construída en diagonal no curso dun río, dende onde se pesca ou coa que se desvía a auga para poder pescar.

É unha construción tradicional ligada á hidráulica, ás veces complexa, aproveitando un lugar natural, xeralmente un vao ou un rochedo, de xeito que o conxunto se habilita para a pesca principalmente de lamprea, pero tamén de salmón, zamborca e outras especias piscícolas.

Das pesqueiras fálase xa en documentos do século XII aínda que, probablemente, moitas delas se remontan á época romana. Manuel Caamaño Suárez foi dos primeiros que estudou, entre outras construción tradicionais, os caneiros en Galicia.

Dicíase que a produtividade dun pesco era boa cando se apañaban arredor mil lampreas ao ano.[Cómpre referencia]Atopámolos en toda a xeografía galega, especialmente no río Miño con cadansúa variante; por exemplo os pescos do Ulla en Herbón son un pouco distintos dos do Miño. En 1908 había en só 25 quilómetros do baixo Miño unhas 700 pesqueiras. A pesca nos caneiros e pesqueiras adoitábase facer en grupo.

Ensembl genome database project

Ensembl genome database project (Proxecto de base de datos de xenomas Ensembl) é un proxecto científico conxunto entre o Instituto Europeo de Bioinformática e o Wellcome Trust Sanger Institute, que foi lanzado en 1999 en resposta á inminente terminación do Proxecto Xenoma Humano. Ensembl pretende proporcionar un recurso centralizado para xenetistas, biólogos moleculares e outros investigadores que estudan os xenomas da especie humana e doutros vertebrados e organismos modelo. Ensembl é un dos varios buscadores xenómicos ben coñecidos para a obtención de información xenómica.

Bases de datos e buscadores similares encóntranse no NCBI e na Universidade de California, Santa Cruz (UCSC).

Festa gastronómica

Unha festa gastronómica é un evento celebrado co gallo de exaltar un determinado produto ou grupo de produtos alimenticios. Algunhas delas están declaradas Festas de interese turístico de Galicia ou de Interese turístico nacional.

As festas gastronómicas foron fomentadas co réxime franquista tras pasaren os efectos de racionamento da guerra civil española, e mesmo se declararon algunhas de interese turístico nacional (a festa do pemento da Arnoia ou a festa do polbo do Carballiño). A Xunta de Galicia seguiu con esta política e popularizáronse festas coma a festa do cocido de Lalín.

Galería de imaxes de Galicia

Galería de imaxes de Galicia.

Hiperoartios

Os hiperoartios (Hyperoartia) son unha clase de ágnatos ou peixes sen mandíbulas, coñecidos vulgarmente co nome de lampreas.

Son moi primitivos, semellantes externamente ás anguías, aínda que moi afastados filoxeneticamente con elas, con corpo, cilíndrico, sen escamas e moi esvaradío.

A pesar de compartiren moitas características cos peixes, taxonomicamente non se inclúen neste grupo, senón que forman un grupo independente. Xunto aos mixinos forman o grupo parafilético dos ciclóstomos.

Kokemäki

Kokemäki (en sueco Kumo) é unha cidade de Finlandia, situada no oeste do país, na rexión de Satakunta.

A cidade tiña unha poboación de 7.433 habitantes en 2017, e a súa superficie é de 531,27 km², dos cales 50,04 km² son auga. A densidade de poboación da cidade é de 15,45 hab./km².

O Kokemäenjoki, un río de 121 km, transcorre dende o lago Liekovesi, en Pirkanmaa, atravesando Kokemäki e desemboca no Golfo de Botnia en Pori. Kokemäenjoki foi coñecida durante moito tempo como unha importante canle, moi coñecida polo seu salmón, peixe branco e lamprea.

Lampetra

Lampetra é un xénero pertencente á subfamilia Petromyzontinae, pertencente á familia Petromyzontidae.

Lampetra planeri

Lampetra planeri é unha especie de peixe ágnato (sen mandíbulas) da orde Petromyzontiformes, unha das poucas especies actuais da súa clase; é máis pequena que a lamprea de río común.

Lamprea de río

A lamprea de río (Lampetra fluviatilis) é unha especie de peixe ágnato (sen mandíbulas) da orde Petromyzontiformes, unha das poucas especies actuais da súa clase Hyperoartia. Duns 30–40 cm de longo, posúe unha boca en forma circular capaz de suxeitarse con ela ás súas presas, comportándose como predador/parasito das mesmas.

Vive en augas pouco profundas. Ten un ciclo de reprodución similar ao salmón, xa que nace nos ríos e logo vai ao mar, e cando chega o momento de procrear diríxese de novo ao río.

L. fluviatilis, posúe sete orificios branquiais, característica dos ágnatos; posúe unha aleta dorsal primaria, unha aleta dorsal secundaria e unha aleta caudal.

Peixes

Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu. Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.

Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.

Penacova, Portugal

Penacova é unha vila portuguesa no distrito de Coímbra, rexión Centro e subrexión do Baixo Mondego, co cerca de 3.200 habitantes.

É sede dun municipio que abarca unha superficie de 216,73 km², e ten unha poboación de 15.251 habitantes (2011),O municipio está subdividido en 8 freguesías:

Carvalho

Figueira de Lorvão

Friúmes e Paradela da Cortiça

Oliveira do Mondego e Travanca do Mondego

Lorvão

Penacova

São Pedro de Alva e São Paio do Mondego

Sazes do Lorvão

O municipio está limitado ao norte polos municipios de Mortágua e Santa Comba Dão (Distrito de Viseu), ao leste por Tábua, ao sueste por Arganil, ao sur por Vila Nova de Poiares, ao oeste por Coímbra e ao noroeste por Mealhada (Distrito de Aveiro).

O concello conta con tres localidades con estatuto de vila: Penacova, Lorvão e São Pedro de Alva.

Penacova pertence ao bispado e distrito administrativo de Coímbra.

Os habitantes de Penacova denomínanse penacovenses.

O 17 de xullo, día do nacemento do Presidente da República António José de Almeida, é a festa local de Penacova. E a súa padroa é Nosa Señora da Asunción.

Penacova tamén é coñecida como a capital da lamprea.

Pontecesures

Pontecesures é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas. Segundo datos do IGE en 2015 tiña 3062 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «cesurés».

Tomiño

Tomiño é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2016 era de 13 548 habitantes (6813 homes e 6735 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é tomiñés/tomiñesa.

Ventosa (zooloxía)

A ventosa é un órgano de certos animais acuáticos ou endoparasitos doutros animais. Nalgúns casos, as ventosas son utilizadas apenas para a fixación do animal a un substrato, como nas rémoras, mentres que noutros son unha adaptación da boca e serven non soamente para a fixación, senón tamén para succión dos fluídos do interior do corpo do hospedeiro, como no caso da lamprea ou da samesuga.

Un caso ben coñecido de endoparasito que usa ventosas localizadas na cabeza para se fixar ás paredes do tubo dixestivo do hospedeiro é a tenia.Aínda máis coñecidas son as dos cefalópodos, especialmente dos polbos e as luras, nos que as ventosas son órganos musculosos de forma circular constituídas por tecido muscular do mesmo tipo que o do resto do corpo (polo que tamén son comestíbeis). Situadas na superficie dos brazos ou raxos, funcionan á perfección como unha ventosa das que se utilizan, por exemplo, para desatascarmos os vertedoiros, é dicir, ao exerceren presión sobre outra superficie, énchese de baleiro a ventosa, expulsando a auga cara ao exterior, o que permite adherirse fortemente ao polbo ou á lura (ou a calquera outro cefalópodo que as utilice).Estas ventosas teñen unha función dupla: non só axudan ao animal na locomoción, como no caso dos polbos e outros moluscos bentónicos, que usan os tentáculos para desprazarse, senón que serven tamén para asegurar as súas presas.

Ágnatos

Os ágnatos (Agnatha, do grego ἀ- a- e γνάϑος gnáthos, mandíbula, literalmente: "sen mandíbulas") son un grupo parafilético de vertebrados acuáticos que, xunto cos condrictios e os osteíctios, conforman o grupo parafilético coñecido popularmente como peixes. Na clasificación tradicional lineana considérase como unha superclase.

Son os vertebrados máis primitivos, caracterizados por careceren de mandíbulas, pola respiración branquial depedente da farinxe e pola persistencia da notocorda ou corda dorsal nos adultos.

Tradicionalmente os ágnatos dividíanse nas clases dos ostracodermos (Ostracoderma), isto é «os de pel dura», todos fósiles, e a dos ciclóstomos (Cyclostomi), é dicir, «os de boca circular», con formas actualmente viventes, moi simplificadas, e numerosas fósiles.

Debido a isto, adóitase identificar ágnatos con ciclóstomos.

Actualmente os ágnatos comprenden pouco máis de 100 especies actuais e gran número de formas fósiles.

As especies actuais habitan en augas temperadas de ambos os hemisferios e nas tropicais máis frías.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.