Lagosta (crustáceo)

A lagosta común (Palinurus elephas, Fabricius 1787) é un crustáceo macruro (de abdome ben desenvolvido), un dos mariscos máis valorados, tanto en Galicia como no resto do Estado. Tamén se denomina lagosta europea ou lagosta vermella.

Lagosta
Palinurus elephas
Monaco.Musée océanographique089

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Familia: Palinuridae
Xénero: Palinurus
Especie: P. elephas
Nome binomial
Palinurus elephas
(Fabricius, 1787)
Sinonimia

Palinurus vulgaris Latreille, 1803

Descrición

Kuniyoshi Utagawa, Lobster
Debuxo do pintor xaponés Kuniyoshi Utagawa.

Corpo robusto, dividido entre cefalotórax (pereión) e abdome (pleón), ámbolos dous cubertos por un exoesqueleto de natureza calcárea (casca), de forma máis ou menos cilíndrica, dotado de numerosos saíntes de tamaños desiguais dispostos en liñas lonxitudinais (ós que lle debe o seu nome inglés: Spiny lobster). A casca está dividida por sucos lonxitudinais e transversais, aspecto característico da familia Palinuridae.

Os adultos son de cor castaña ou violácea. No abdome presenta manchas amarelas simétricas.

Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecemos a lagosta no prato, cociñada, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

O rostro está formado por un pequeño saínte con dúas espiñas laterais, diverxentes e prominentes (como cornos), sobre os ollos, pedunculados e globosos.

O primeiro par de antenas son pequenas (anténulas), curtas e bifurcadas ó final. O segundo par de antenas está moi desenvolvido, chegando a ser máis longas có corpo do animal, e consta dunha base ou pedúnculo curto e espiñoso e un látego formado por incontables artellos. As antenas teñen unha función esencialmente táctil.

Cola de lagosta cocida.

O abdome é grande e arqueado. De aí a súa vella clasificación como macruro, en contraposixión ós braquiuros, como a centola, de abdome pequeño e recollido baixo o cefalotórax.

Posúe seis segmentos (pleuras) móbiles. Cada segmento posúe un par de a modo de pequenas patas (pleópodos) que, nesta especie, non son útiles para a natación. A súa función é copuladora e ovíxena: as femias suxeitan a posta de ovos contra o abdome con estes pleópodos.

O último segmento abdominal está transformado nunha aleta caudal membranosa. Está constituída por unha placa central (telson, redondeado ou truncado) e catro uropodios.

Posúe cinco pares de patas locomotoras (pereiópodos), coma tódolos crustáceos decápodos, rematados nunha uña forte, excepto o primeiro par, máis curto e ancho e rematado nunha pequena pinza. Nas femias, o último par de patas tamén remata en pinza (carácter que serve para diferencia-los exemplares dun e doutro sexo). Ovos vermellos.

Mide entre 25 e 35 cm e pesa ó redor de 1 kg, aínda que pode chegar ós 50 cm e pesos de 4–7 kg. A madurez sexual alcánzase ós 4-5 anos, cuns 20 cm de lonxitude. No Mediterráneo son xa maduras ós 3 anos, cuns 10 cm.

As lagostas son unisexuais (cos sexos separados). O desenvolvemento é moi lento, chegando ós 15-20 anos. Como tódolos invertebrados dotados de exoesqueleto, muda e cambia de casca periodicamente. A lagosta presenta numerosas mudas anuais, que van a menos coa idade (10 veces no primeiro ano, 1-2 veces ó ano cando vellos).

Hábitat

É unha especie demersal, que vive nos fondos rochosos onde poida agocharse en covas e gretas, a profundidades de 20 a 70 metros, se ben no inverno desprázase a profundidades de 250 m ou máis.

Presente no atlántico oriental, desde a altura de Irlanda ou o sur de Noruega ata as Azores e Mauritania. Tamén é moi abundante no Mediterráneo.

A alimentación é omnívora, principalmente carnívora, a base de moluscos, outros crustáceos, equinodermos, algas etc.

Pesca

En Galicia cada vez é máis escasa, pola sobrepesca á que é sometida. Boa parte da lagosta que se comercializa procede do Reino Unido.

Péscase con nasas especiais (nasas lagosteiras), pero ás veces vén enliada noutras artes de pesca.

O talle mínimo permitido para a lagosta capturada en augas galegas é de 25 cm.

A lagosta no mercado e na cociña

Normalmente, comercialízase a partir de cetarias, nas que se estabula trala captura ata o momento da súa venda.

A presentación habitual é fresca, viva. Recoñécese sen dificultade: o abdome debe de estar curvado cara dentro e, cando a collemos na man adoita batelo con forza. Ademais, mostra reaccións reflexas nos ollos, antenas e patas ó contacto.

Tamén pode atoparse conxelada, pero neste caso se trata de lagostas foráneas.

Existe no mercado un sucedáneo de forma e sabor semellante ás colas de lagosta, baixo o nome de “colas de mar”. Trátase dun preparado elaborado a base de surimi (músculo de peixe picado e texturizado).

Consómese cocida en salpicón ou con distintas salsas, e tamén á prancha.

Festa da lagosta

Celébrase na Guarda, o último domingo de xuño.

Sinonimia histórica

  • Palinurus vulgaris Latreille 1804
  • Palinurus quadricornis Fabricius 1798
  • Astacus elephas Fabricius 1787

Denominación noutras linguas

  • castelán, asturiano: langosta
  • vasco: Otarrain
  • catalá: llagosta
  • valenciano: llangosta
  • francés: langouste, langouste rouge
  • inglés: Spiny lobster, Common Spiny lobster
  • portugués: lagosta
  • italiano: aragosta
  • alemán, danés: languste
  • grego: astakos
  • holandés: langoesten

Especies semellantes

No comercio pódense atopa-las seguintes especies semellantes:

  • lagosta moura ou mauritánica, tamén chamada lagosta rosada ou lagosta diamante, procedente das costas africanas (Palinurus mauritanicus), máis grande e ancha cá nosa.
  • lagosta verde ou real, tamén chamada lagosta portuguesa (Panulirus regius), de menor tamaño cá nosa.

Non parece razoable confundi-la lagosta co lumbrigante (Homarus gammarus), pero ás veces podemos atopar textos que describen este último baixo a denominación de lagosta (ou lagosta americana).

A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Heparina

A heparina (do grego ηπαρ, hepar, fígado), é un polisacárido sulfatado do grupo dos glicosaminoglicanos, que se utiliza como anticoagulante. Ten a maior densidade de carga negativa de todas as biomoléculas coñecidas. Tamén se usa en diversos aparellos médicos e de laboratorio para formar unha superficie anticoagulante interna, tales como tubos de ensaio e máquinas de hemodiálise.

Aínda que o seu uso médico principal é como anticoagulante, o seu verdadeiro papel fisiolóxico no corpo non está claro, porque a misión da anticoagulación no sangue lévana a cabo fundamentalmente os proteoglicanos con heparán sulfato (e non a heparina) derivados das células do endotelio vascular. A heparina almacénase normalmente nos gránulos secretorios dos mastocitos, e é liberada nos vasos sanguíneos nos sitios onde hai danos tisulares. Suxeriuse que, en vez da anticoagulación, a misión principal da heparina no organismo podería ser a defensa dos tecidos danados contra a invasión de bacterias e materiais estraños. Ademais, a heparina é unha substancia conservada evolutivamente en moitos taxons de animais, incluídos algúns invertebrados que non teñen sistemas de coagulación sanguínea comparables.

Serotonina

A serotonina ou 5-hidroxitriptamina (5-HT) é un neurotransmisor monoamina derivado bioquimicamente do aminoácido triptófano, que se encontra principalmente no tracto gastrointestinal, plaquetas, e no sistema nervioso central dos animais, humanos incluídos, pero tamén noutros seres vivos (insectos, fungos, plantas, amebas). É coñecido popularmente que contribúe a producir sensacións de benestar e felicidade, pero ten múltiples funcións.Aproximadamente o 90% da serotonina total do corpo humano está localizada nas células enterocromafíns do intestino, onde se utiliza para regular os movementos intestinais. O resto da serotonina sintetízana as neuronas serotoninérxicas do sistema nervioso central, onde exerce varias funcións, entre as que están: regulación do estado de ánimo, apetito, e sono. A serotonina tamén ten algunhas funcións cognitivas, como intervir nos procesos da memoria e a aprendizaxe. A modulación da serotonina nas sinapses pénsase que é o principal efecto exercido por varias clases de fármacos antidepresivos.

A serotonina segregada polas células enterocromafíns finalmente fíltrase entre os tecidos e chega ao sangue. Alí, é captada activamente polas plaquetas, que a almacenan. Cando as plaquetas se unen a un coágulo, liberan a serotonina, que serve como vasoconstritor e axuda a regular a hemostase e a coagulación sanguínea. A serotonina tamén é un factor de crecemento para algúns tipos de células, o cal lle dá un papel na curación de feridas.

A serotonina metabolízase principalmente orixinando 5-HIAA, fundamentalmente no fígado. O seu metabolismo implica primeiro a oxidación pola monoamino oxidase (MAO) ao seu correspondente aldehido, e despois a oxidación pola aldehido deshidroxenase a 5-HIAA, o

derivado indol acético. Este último é despois excretado polos riles. Un tipo de tumor chamado carcinoide, ás veces segrega grandes cantidades de serotonina ao sangue, o que causa varias formas de síndrome carcinoide con diarrea, e problemas cardíacos. Debido ao efecto promotor do crecemento da serotonina sobre os miocitos cardíacos, as persoas con carcinoide secretor de serotonina poden sufrir danos no funcionamento da válvula tricúspide do corazón, causados pola proliferación de miocitos na válvula.

Ademais de nos animais, a serotonina atópase nos fungos e plantas. A presenza da serotonina nos velenos de insectos e espiñas de plantas causa a dor que estes producen, que é un efecto secundario da inxección de serotonina. A serotonina producida polas amebas patóxenas, e os seus efectos sobre o intestino causa diarrea. A súa ampla presenza en moitas sementes e froitas pode servir para estimular o tracto dixestivo para expulsar as sementes.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.