Lagoa de Antela

A lagoa de Antela era unha lagoa, desecada nos anos 1950, que estaba situada na comarca da Limia, no centro da provincia de Ourense. Abranguía terreos situados nos concellos de Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Coordenadas: 42°4′37.4″N 7°46′02.8″O / 42.077056, -7.767444

Canledalagoa
Canle da lagoa de Antela no 2006.

Características

Lagoa de Antela-Carta Xeométrica de Galicia-Domingo Fontán
Representación da lagoa na Carta xeométrica de Galicia (1845).

A lagoa de Antela era unha das zonas húmidas de maior extensión da Península Ibérica, situábase a 615 metros de altitude, con 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que dependendo da época do ano, variaban estas dimensións, así como a súa profundidade. Tiña de profundidade media 0,60 metros e nalgúns “pozos” chegaba ata os 3 metros.

A depresión da Limia tivo a súa orixe durante o Terciario como consecuencia de amplos xogos de bloques. Uns ascenderon, dando lugar a diversas serras, como as de Queixa ou San Mamede, outras afundíronse e deron lugar a un conxunto de depresións tectónicas, como as de Maceda, A Limia ou Monterrei, que bordean polo oeste, suroeste e sur, respectivamente, as citadas serras.

Ao longo do Terciario, produto dunhas condicións climáticas tropicais, formáronse numerosas áreas lacustres, entre elas a que formaba a lagoa de Antela, nas que, durante o Cuaternario, se foran amoreando sedimentos. A práctica totalidade das lagoas colmatáronse, a excepción da lagoa de Antela, que se conservou até a actualidade.

Sobre ela contábanse infinidade de lendas, entre as máis fermosas está a da cidade de Antioquía, asolagada como castigo por idolatrar o galo; e a dos mosquitos, que eran o rei Artur e os seus soldados, enmeigados naquela veiga.

Os primeiros sinais de poboación destas terras son dos poboados lacustres (palafitas) da lagoa de Antela, que foron estudados polo investigador Conde-Valvís na década de 1950. Este autor fala dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56 e 36 habitacións respectivamente, coñecidas popularmente como "cortellos", que demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estes poboados estarían situados no espazo que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles fronte a Zadagós e Cardeita).

Innumerábeis foron os intentos de desaugamento e aproveitamento das súas terras para o labradío até o seu definitivo desecamento a partir do comezo das obras no ano 1958. Os romanos tentárono coa construción dun emisario principal e unha tupida rede de pequenas canalizacións, o seu emisario principal que ía dende Vilar de Barrio até Ponte Liñares, medía 26 quilómetros de longo e 17 metros de ancho aproximadamente. A moderna canle seguiu o mesmo trazado.

Lagoa de Antela, 2014. PNOA cedido por © Instituto Geográfico Nacional
Vista aérea da lagoa en 2014.

Da súa riqueza biolóxica que destacaban as miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano.

No que foi no seu día o sur da lagoa instaláronse, a partir de 1972, varias empresas dedicadas á extracción de area, que é moi apreciada para a construción.

Neste momento téntase recuperar aquela riqueza biolóxica mediante a recuperación das charcas das areeiras abandonadas.

Co gallo dos cincuenta anos do comezo das obras de desaugamento da lagoa de Antela (1958-2008), o Concello de Sandiás puxo en funcionamento a Casa da Lagoa (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela). Neste centro preténdese dar a coñecer dunha forma didáctica a historia da lagoa de Antela, a través dun percorrido que abrangue dende a formación da antiga lagoa de Antela, o seu desecamento, ata a actualidade coa recuperación medioambiental das antigas areeiras.

Usos

Nos séculos XVIII e XIX as samesugas da Lagoa de Antela eran unha fonte de ingresos para a Limia.[1]

Proceso de desecamento

Lagoa de Antela no Mapa do bispado de Ourense de Cornide (1763)
A lagoa no mapa do bispado de Ourense de 1763 realizado por Joseph Cornide.

Hai varios precedentes na historia de intentos de desecamento da Lagoa. No primeiro terzo do século segundo, o emperador romano Hadriano mandou construír unha canle para canaliza-las augas da lagoa, pero co tempo, a natureza devolveu a auga ó seu contorno orixinal. A idea foi retomada en 1765 pola Academia de Agricultura de Galicia[2]. Os restantes intentos ó longo dos séculos XIX e XX, fracasaron igualmente.

Malia os precedentes que se deron na historia, por medio dun Decreto do ano 1956 do goberno de Franco iniciouse o desecamento da Lagoa de Antela e a posterior concentración parcelaria, aducindo para tales feitos, o saneamento do terreo e o seu aproveitamento para usos agrícolas.

Os primeiros traballos de canalización comenzaron no ano 1958. En contra das razóns esgrimidas pola Administración Pública hai os seguintes argumentos:

Canto ós abrochos de paludismo e febres tifoides (motivo fundamental para o saneamento da lagoa), soamente houbo algún caso illado no sur da comarca, tendo a súa orixe en fontes ou ríos non próximos á lagoa, sen poder nunca demostrar a súa vinculación coa mesma. A verdadeira causa da alta mortalidade da zona era o abandono sanitario por parte da Administración Pública, pois na zona non había médicos e debían vir desde lonxe a cabalo[Cómpre referencia].

En contra do aproveitamento agrícola hai opinións de técnicos que valoran negativamente tal feito, que deixou a terra seca e sen a humidade necesaria para a fertilidade da mesma.

Notas

  1. Eiré López, Afonso (29 de outubro de 2018). "Nin patacas nin trigo, samesugas da Limia". A Nosa Terra. Consultado o 30 de outubro de 2018.
  2. "O primeiro intento de desecamento da lagoa de Antela pola Academia de Agricultura do Reino de Galicia (1765)", post no blog No corazón da Antela, 26 de abril de 2010.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Antela

Antela pódese referir a:

Antela, antropónimo galego feminino de orixe galaica/latino.O topónimo Antela ("anta pequena") pode referirse a:

Antela, lugar da parroquia de Tortoreos, no concello das Neves;

Antela, lugar da parroquia de Ribadetea, no concello de Ponteareas;

Lagoa de Antela, na comarca da Limia.

Antioquía (lenda)

En Galicia dáselle o nome de Antioquía a unha cidade lendaria que o rei Antíoco fundou onda Xinzo de Limia. Esta cidade foi castigada por Deus polos seus pecados e quedou asolagada baixo a lagoa de Antela e só pode verse nas mañás do día de San Xoán, cando asoma sobre as augas a punta da torre.

Boado, Xinzo de Limia

San Pedro de Boado é unha das 22 parroquias do concello ourensán de Xinzo de Limia na comarca da Limia, atópase a corenta quilómetros aproximadamente da provincia de Ourense. Segundo datos do IGE do 2009 ten 143 habitantes, 72 homes e 71 mulleres.

Cardeita, Sandiás, Sandiás

Cardeita é un núcleo de poboación da parroquia de Sandiás, pertencente ó concello de Sandiás. Segundo o IGE en 2010 tiña 83 habitantes (38 homes e 45 mulleres), o que supón unha diminución respecto do ano 1999 cando tiña 112 habitantes.

Cóntase que os veciños de Cardeita foron quen de atopar nas terras asolagadas da lagoa de Antela unha trabe, un pote vello, un pozo con escaleiras e non sei si outras cousas procedentes da cidade de Antioquía á que Deus castigou por non socorrerlle cando veu a Galicia.

Centro Ecuestre de Antela

O Centro Ecuestre de Antela abrangue unha serie de instalacións, dependentes da Deputación Provincial de Ourense, situadas no concello de Sandiás, no antigo predio da lagoa de Antela.

Centro de Interpretación da Lagoa de Antela

O Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, dependente do Concello de Sandiás, máis coñecido como A Casa da Lagoa, é un centro de estudo da lagoa de Antela, situado no centro da vila de Sandiás, nunha antiga casa labrega rehabilitada, no que era a antiga marxe noroeste da lagoa de Antela.

Comarca da Limia

A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia. A cal pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

Os concellos que se inscriben nesta depresión son: Xinzo de Limia, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Trasmiras e un pequeno sector de Os Blancos, xa fóra da depresión, o mesmo cós concellos de Calvos de Randín e Baltar, xa na serra do Larouco. No nordeste, o concello de Vilar de Barrio, xa comeza a situarse na depresión de Maceda, así como nas serras centrais ourensás.

A comarca ocupa unha extensión de 801,9 km² e tiña unha poboación de 21.964 habitantes no 2014 (IGE), cunha densidade de poboación de 27.39 habitantes por quilómetro cadrado. Arredor do 40% desta poboación concéntrase no concello de Xinzo de Limia. Esta comarca está a experimentar un forte proceso de despoboamento, sobre todo nos concellos situados nas zonas montañosas como o de Baltar e o de Calvos de Randín.

O cultivo de cereais e a pataca, produto con denominación de orixe, predominan na maior parte das terras de labradío. A maior superficie dedicada ó cultivo da pataca por produtores a título principal dáse, con moita diferenza, nos concellos de Xinzo de Limia e no de Sandiás.

A Limia é a comarca agrícola extensiva máis importante de Galicia, con 350 familias vivindo exclusivamente da agricultura e outras 500 dedicadas a ela como unha segunda actividade. No relativo ós cultivos, colléitanse unhas 16.000 Has de cereais, cun 55% de trigo; seméntanse unhas 4000 Has de pataca, a maior parte para consumo en fresco, sostendo a única indicación de pataca protexida de Europa. Estes cultivos manteñen un sector de servizos directos (fertilizantes, sementes, fitosanitarios, cereais, talleres) moi desenvolto.

Nos diferentes concellos atopámonos cun maior ou menor aproveitamento gandeiro, avícola e cunícola, destacando os complexos da cooperativa Coren nos concellos de Sarreaus e Porqueira. Esta comarca conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos.

A actividade industrial máis destacada está relacionada co sector da construción, (serradoiros de madeira, canteiras, areeiras etc.).

A vila de Xinzo de Limia actúa como centro comercial de toda a comarca, concentrando asemade a maioría das actividades industriais e de servizos.

Francisco Javier Mugartegui Parga

Francisco Javier Mugártegui Parga foi un empresario e político galego.

Galería de imaxes de lagos e lagoas de Galicia

Galería de imaxes de lagos e lagoas de Galicia.

Lagoa

Unha lagoa é unha masa de auga depositada nunha depresión ou vagoada do terreo de tamaño inferior a un lago.

En Galicia existiu ata o seu desecamento a partir do ano 1958 unha das lagoas de auga doce máis grandes da Península Ibérica: a lagoa de Antela.

Mór

Mór é o primeiro e único álbum de estudo da banda galaico-portuguesa de rock A Banda de Poi, publicado o 23 de novembro de 2005.

No disco critícanse os abusos do poder. Ilustran a portada do disco coa "Pedra Alta", a que se supón que fora o menhir máis alto da Europa e que presidía a desaparecida Lagoa de Antela.

Palafita

As palafitas son vivendas apoiadas en piares ou simples estacas, xeralmente construídas sobre corpos de augas tranquilas como lagos, lagoas, e como é o caso nalgunhas zonas de Chile á beira do mar.

A palabra deriva do italiano palafitta. No 2002 un importante descubrimento na desembocadura do río Sarno revelou que na zona portuaria de Pompeia había palafitas asentadas sobre un sistema de canles, que tamén suxeren unha certa similitude con Venecia.

No caso galego os poboados lacustres máis coñecidos son os da lagoa de Antela que foron estudados polo investigador Conde-Valvís nos anos 50, pouco antes do desecamento da lagoa. Conde-Valvís fálanos dos achados de tres poboados palafíticos de 58, 56, e 36 habitacións respectivamente cada un, coñecidas popularmente como "cortellos", que nos demostran a gran concentración de habitantes nesta zona. Estes poboados estarían situados no espazo que abrangue dende Sandiás ata Cortegada (dous deles fronte a Zadagós e Cardeita).

Rairiz de Veiga

Rairiz de Veiga é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Limia. Segundo o padrón municipal, en 2014 tiña 1.456 habitantes (1.767 en 2003).

Reserva da biosfera Área de Allariz

A Área de Allariz e unha reserva da biosfera declarada o 25 de xuño do ano 2005 e que abrangue os concellos de Allariz (bisbarra de Allariz-Maceda), A Bola (Terra de Celanova), Vilar de Santos e Rairiz de Veiga (A Limia), todos eles pertencentes na provincia de Ourense. A reserva ten unha superficie de 21.482 hectáreas e nela vive unha poboación de menos de 10.000 persoas.

Sandiás

Sandiás é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o IGE en 2015 tiña 1.307 habitantes (1.584 en 2004, 1.618 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «sandiao».

Sandiás, Sandiás

Santo Estevo de Sandiás é unha parroquia do concello ourensán de Sandiás, situado na comarca da Limia. En 2011, segundo o IGE, tiña 488 habitantes (215 homes e 273 mulleres).

Nesta parroquia sitúase a capitalidade municipal onde se concentran os servizos administrativos (Concello, Xulgado de Paz), dotacionais (biblioteca municipal, colexio, Punto de Atención Infantil) e asistenciais (Centro de Saúde, farmacia). Conta tamén cun albergue de peregrinos dotado de 24 prazas.

Trasmiras

Trasmiras é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Limia. Segundo o padrón municipal, en 2014 tiña 1.456 habitantes (1.828 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é trasmirao .

Veiga de Ponteliñares

A Veiga de Ponteliñares é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe as veigas das chairas do curso alto do río Limia, ao sur da noutrora presente lagoa de Antela. Esta área de conservación ourensá ocupa 160 ha. dos concellos da Limia de Porqueira e Rairiz de Veiga.Este espazo natural forma parte da zona de especial protección para as aves (ZEPA) da Limia e esta incluída en territorio de concellos da reserva da biosfera da Área de Allariz.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.