Ladrillo

Un ladrillo é unha peza cerámica, xeralmente ortoédrica, obtida por moldeo, secado e cocedura a altas temperaturas dunha pasta arxilosa, as dimensións da cal adoitan roldar 24 x 11,5 x 6 cm. Emprégase en albanelaría para a execución de fábricas de ladrillo, xa sexa muros, tabiques etc. Estímase que os primeiros ladrillos foron creados arredor do -6000 a. C.

Maler der Grabkammer des Rechmirê 002
Fabricación de ladrillos no antigo Exipto.

Características

As caras son cada un dos planos que definen o paralelepípedo xeométrico que contén o ladrillo. Son a táboa, o canto e a testa ou testeira. As arestas son as rectas comúns a dúas caras, de maior a menor: soga, tizón e groso.

Tipos

Muro de ladrillos
Muro de ladrillos.

Hai tres tipos de ladrillos cerámicos:

  • Macizo. Ladrillo totalmente macizo ou con trados na táboa de volume non superior ao 10% e menores, cada un, de 2'5 cm².
  • Oco ou furado. Cos trados en canto ou testeira e menores a 16 cm².
  • Furado. Ladrillo con máis de tres trados na táboa, de volume superior ao 10% e cada un deles menores de 16 cm².

Clases

  • Visto, para destinar a fábricas sen revestimento
  • Non visto, é o ladrillo común, empregado normalmente para logo revestir.

Fabricación

Briqueterie de la Bretêche - filière
ladrillo macizo saíndo da extrusora.
Brickworks in Hainan - cement vessel, maker, stacker 01
Fábrica chinesa de ladrillos.

As fábricas de ladrillos están situadas en lugares con abundante materia prima xa que o transporte encarece moito o produto. Pola mesma razón as empresas teñen as fábricas preto dos centros de consumo non resultando rendible a exportación.

A arxila obtense en canteiras a ceo aberto. Este material non se emprega sacado directamente da canteira. Algunhas fábricas chegan a ter ata un ano o arxila amoreada baixo cuberta. A arxila bótase en grandes moegas de onde pasa por cintas transportadoras ao muíño. Grandes rodas metálicas esnaquizan o material e mestúrano con outros tipos de arxila para mellorar a cocción (nalgúns tipos de ladrillos decorativos engádense colorantes), acadar maior estabilidade dimensional da mestura, evitar fisuras nos ladrillos cocidos etc.

Do muíño pasa o material a amorearse para ser de novo botado noutra moega que o achegará ata a maquinaria de extrusión. Un parafuso sen fin comprime a mestura para deixar a masa compacta e sen aire, se ten calquera burbulla de aire o ladrillo rachará ao cocer. A arxila así comprimida pasa por un molde cas formas que terá o ladrillo. A mestura sae da extrusora compacta en longas tiras. É un ladrillo continuo que é cortado á medida que terá o ladrillo final. Da máquina de corte pasa a outra zona onde é amoreado. Segundo o tipo de fábrica os ladrillos entran no secadoiro en bandexas (se teñen moita humidade) ou xa amoreados en forma de palé se teñen a suficiente consistencia para formar xa o palé.

Cando os ladrillos saen do secadoiro, o tempo de secado depende da humidade da mestura, son amoreados sobre vagonetas que se moven sobre vías de ferrocarril. Neste amoreado xa están postos como palés. Nun forno sen fin cócense sobre as vagonetas. Van entrando no forno segundo o nivel de cocción e a velocidade do proceso. Ao final saen os ladrillos xa cocidos e pasan á zona de empaquetado para a venda. Alí segundo o proceso que empregue a fábrica cóbrense con plástico termoretráctil ou con cintas de flexe[1].

O ladrillo na construción de Galicia

O ladrillo non forma en xeral parte da construción vernácula galega, xa que a abundancia de pedra e madeira en todo o territorio fixo innecesario o seu uso e a súa fabricación.

Popularízase o uso do ladrillo macizo a principios do século XX. Emprégase en divisións, cubrimentos, chemineas, fornos e incluso na construción do sobrado das novas casas, nunca á vista.

Xa a partir dos anos 60 comeza a usarse o ladrillo oco en todo tipo de construcións: hórreos, muros, cerramentos, divisións, edificios etc.

Hoxe practicamente o cerramento de todas as novas construcións faise en ladrillo, e algunhas veces con bloques de formigón. O ladrillo cara a vista aparece na fachada dalgúns edificios nas cidades e vilas, como decoración interior ou na construción de fornos e lareiras.

Galería de imaxes

Ladrillos ocos

Ladrillos ocos (ladrillo de 8 cm e de 15 cm).

Ladrillo perforado

Ladrillo perforado (semi macizo).

Notas

  1. Proceso de fabricación de ladrillos. Cerámica Campo

Véxase tamén

Arco de medio punto

O arco de medio punto ou arco de volta perfecta en arquitectura, é un tipo de arco que no intradorso ten a forma dun semicírculo. É o elemento principal da arquitectura abovedada, formando as de canón. Antigamente adoitaba estar conformado por doelas de pedra, adobe ou ladrillo, hoxe pode fabricarse en formigón.

Arte bizantina

A arte bizantina é a arte producida no Imperio bizantino desde o século V ata a caída de Constantinopla en 1453, tamén se emprega para referirse á arte de estados contemporáneos a el que compartían formas culturais comúns sen ser parte do imperio como Macedonia, Bulgaria, Serbia ou Rusia e mesmo certos aspectos da arte da República de Venecia.

A impronta romana, o gusto polo luxo, a suntuosidade e a proporción herdados da cultura grega deu lugar a unha arte imperial-relixiosa presidida pola idea do dogmático e por unha concepción xerarquizante e simbólica da arte na que as formas e as técnicas respondían a unhas normas fixas, segundo un preciso e inmutable contido teolóxico, no que Deus e o emperador quedaban no mesmo rango no nivel representativo.

Os templos bizantinos tiñan planta centralizada cunha gran cúpula central como un trasunto arquitectónico da bóveda celeste, conservando en xeral a organización da basílica paleocristiá. O iconostasio separaba o presbiterio das naves, constituíndo un lugar específico para as imaxes. Usualmente utilizaba como material de construción o ladrillo, como os romanos, pero acentuando a súa función decorativa, empregando frecuentemente o arco de medio punto e as cubertas abovedadas.

Os edificios no interior amosaban unha decoración suntuosa a base de mosaicos, esmaltes, ourivaría, teas e un longo etcétera. Exteriormente predominaba a verticalidade e conxugación de rectas e curvas.

A escultura bizantina renovou as formas e os motivos decorativos. Pictograficamente a forma de Cristo seguiu o modelo sirio de melena longa e barba partida, representado frecuentemente como Pantocrátor. A Virxe tiña unha tipoloxía máis variada con formas como a kiriotissa, hodigitria, theotokos, galactotrofusa e glycofilusa entre as máis frecuentes.

Asiria

Asiria foi un país da antigüidade situado no suroeste asiático na antiga Mesopotamia, no val do río Tigris cuxos límites foron: ó norte das montañas de Armenia, ó sur Caldea (Babilonia), ó leste a Media e ó oeste Mesopotamia.

A cidade máis importante achábase ás beiras do Tigris, ó lado do templo da súa principal divindade Assur; a cidade tamén se chamaba Assur ou El-Assur e o país tomou o mesmo nome denominándose Asiria. Outras cidades importantes foron Nínive, Harran, Nimrud, Dur-Sarrukîn (actualmente chamada Khorsabad). A civilización asiria é moi antiga. Así o confirman os achados arqueolóxicos que apareceron entre as dunas de Nimrud e Khorsabad.

Baroña, Porto do Son

San Pedro de Baroña é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Porto do Son. Segundo o INE en 2018 tiña 674 habitantes (327 homes e 347 mulleres), distribuídos en 13 entidades de poboación.

Bellesguard

A torre Bellesguard (bela vista en catalán), tamén coñecida como Casa Figueres, é unha casa modernista proxectada por Antoni Gaudí e construída entre 1900 e 1909 aos pés da montaña do Tibidabo, na rúa do mesmo nome, en Barcelona. A casa é de propiedade privada e non se pode visitar.

Gaudí estivo axudado polos seus colaboradores Domènec Sugrañes, que fixo os bancos de azulexos da porta de entrada, o arrimo da escaleira e a casa do porteiro; e Joan Rubió, que construíu o viaduto de desvío do camiño á leira.

Bóveda (arquitectura)

Unha bóveda é unha obra de mampostería ou fábrica de forma curva, que serve para cubrir o espazo comprendido entre dous muros ou unha serie de piares enliñados.

É unha estrutura moi apropiada para cubrir espazos arquitectónicos amplos con pezas pequenas. A súa xeometría pode ser de simple ou dobre curvatura. Nas edificacións modernas, tamén se aplica o termo a estruturas de cubertas curvadas nas que o espesura é mínima, chamadas tamén cascas.

Tanto nas antigas bóvedas como nas modernas a solicitación predominante nos seus elementos é a de compresión, asemellándose a un arco, ou, mellor dito, a un conxunto de arcos, que conforman unha superficie.

O material empregado na construción pode ser a pedra, para formar doelas; o ladrillo, para a bóveda á catalá; aceiro, formigón armado etc. As doelas poden ir aparelladas en seco, isto é, sen trabazón, aínda que o habitual é que se unan cun material aglomerante.

Na Historia da Arquitectura as bóvedas, de ladrillo ou pedra, tiveron un papel importante na edificación que perdeu coa xeneralización das técnicas e materiais de construción modernos. Primeiro o aceiro e logo o formigón armado posibilitaron edificacións alinteladas de grandes luces, antes só posibles con bóvedas.

Non obstante, as bóvedas de formigón armado son utilizadas profusamente na enxeñaría civil para construír galerías, túneles, cubertas de grandes luces e, en xeral, todas aquelas obras onde os elementos traballando a flexión resulten desvantaxosos desde un punto de vista técnico e económico.

Casa

Unha casa (do latín casa) é unha construción destinada a vivenda, construída a fin de ser habitada polo seres humanos, polo xeral por unha unidade familiar e/ou por un grupo de persoas vencelladas por vínculos de convivencia. A casa, formada polo teito e as paredes que pechan un recinto, serve para refuxiarse da choiva, o vento, o frío e a calor ou outras inclemencias meteorolóxicas así como de posibles intrusos humanos ou animais. Unha vivenda unifamiliar, que pode ser illada ou apegada a outras casas similares compartindo as paredes medianeiras ou formando fileiras máis ou menos longas nas rúas da maior parte das cidades e pobos. Pode organizarse nunha ou varias plantas: normalmente non superando as tres alturas. Pode tamén dispoñer dun rocho ou un semirocho, e dunha cuberta superior transitable, denominada azotea. Se dispón de terreo suficiente, pode contar tamén con patio e xardín. Algunhas poden ter terraza.

É o lugar no que historicamente se desenvolveron as actividades e relacións específicas da vida social ou familiar, desde o nacemento á morte de moitos dos seus compoñentes. Ademais é o lugar onde almacenar os aparellos e propiedades dos seus habitantes.

O paradigma máis estendido da casa urbana actual, corresponde á tipoloxía de casas apegadas que proliferan nas novas promocións inmobiliarias. Componse de dous ambientes: o de día, coa sala de estar como espazo ou habitación principal a cal, habitualmente fai as funcións de comedor constituíndo unha peza polifuncional chamada comedor-estar, onde se reúnen e fan varias actividades os diferentes membros da familia. O ámbito nocturno, ou de descanso fórmano as diferentes habitacións, a principal é a dos xefes de familia e as outras son as dos fillos, que poden compartir con outros inquilinos da casa como algún avó ou outros parentes ou amigos. Este paradigma ideal que forma a casa urbana de entre 70 a 100 metros cadrados de superficie co comedor-estar, cociña e dúas, tres ou ata catro dormitorios, un baño e outro baño pequeno (chamado lavabo ou aseo) etc., nunha casa apegada ou, con maior frecuencia, nun piso dentro dun edificio plurifamiliar atopámolo na base do urbanismo actual, como un índice estatístico fundamental para a planificación do crecemento urbano.

A casa ou a vivenda familiar é o principal produto e, xa que logo, a base da industria da construción e de todo o sector económico derivado que vai desde as fábricas de materiais de construción ata as axencias inmobiliarias ou as tendas de utensilios.

Pero por encima de todo, a casa é o lugar da vida familiar, consecuentemente, na súa organización espacial e no seu deseño reflicte as formas de vida e de organización social. A casa aglutina o conxunto de significado e significantes máis amplo da vida privada. É neste sentido que moitos autores (ver bibliografía) ven a casa como o resultado histórico dun proceso cultural, o reflexo dunha sociedade determinada, por exemplo, a Uma que ilustra este artigo, é a casa comunal tradicional do pobo mentawai de Indonesia e reflicte un esquema organizativo local propio dunha cultura moi diferente da nosa, a casa xaponesa, o Yurt dos pobos siberianos, o Tippi dos indios das pradeiras dos Estados Unidos etc., reflicten as correspondentes culturas, con matices e diferenzas ata a nivel rexional.

Tamén se denomina casa a algúns edificios destinados a servizos comunitarios, como a Casa consistorial, a casa de beneficencia, a casa de empeños, a casa de maternidade, a casa de socorro; a sedes institucionais principais, como a Casa Branca ou a Casa Rosada, ou ata ás de mala reputación, como as casas de camas, casas de citas etc.

En contraposición á casa, adóitase denominar piso (apartamento ou departamento) á vivenda unifamiliar que forma parte dunha edificación maior, normalmente de varias alturas.

Condutividade térmica

A condutividade térmica é unha propiedade física dos materiais que mide a capacidade de condución de calor. Noutras palabras a condutividade térmica é tamén a capacidade dunha substancia de transferir a movemento cinético das moléculas as moléculas adxacentes ou a outras substancias coas que está en contacto.

A inversa da condutividade térmica é a resistividade térmica, que é a capacidade dos materiais para opoñerse ó paso da calor.

Doela

A doela, en arquitectura e enxeñaría, é un elemento construtivo que conforma un arco e que pode ser de diferentes materiais, como ladrillo ou pedra. Actualmente elabóranse habitualmente en formigón, armado ou pretensado.

Granollers

Granollers é un municipio e cidade española, pertencente á provincia de Barcelona, en Cataluña. É a capital e localidade máis poboada da comarca do Vallès Oriental.

Granollers vive do comercio e das industrias, pero na parte sur do termo, a paraxe de Palou aínda conserva zonas agrícolas.

Hospital de la Santa Creu i Sant Pau

O Hospital de la Santa Creu i Sant Pau (Hospital da Santa Cruz e San Paulo), coñecido habitualmente como Hospital de Sant Pau, é un conxunto modernista situado en Barcelona, proxectado polo arquitecto Lluís Domènech i Montaner. Foi construído entre 1902 e 1930 en dúas fases: a primeira, realizada por el mesmo entre 1902 e 1913, consta de 13 edificios modernistas; a segunda, realizada polo seu fillo Pere Domènech i Roura a partir de 1920, conta con seis edificios máis, dun modernismo moderado, ademais doutras construcións posteriores. Aínda que non se desenvolveu integramente todo o proxecto orixinal, a súa notoriedade foi recoñecida por varios premios e co recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997.

Edificado como centro hospitalario moderno e innovador, logo de cen anos deixou de cumprir esa función e, actualmente, está sendo restaurado para albergar centros vinculados coa secretaría xeral da Unión polo Mediterráneo, situada en Barcelona. As súas funcións hospitalarias foron trasladadas a un novo hospital dentro do mesmo perímetro do recinto en sintonía coas necesidades do século XXI.

Construído cos materiais e a decoración propia dun modernismo con inspiración neogótica, destaca a profusión da cerámica, con funcións profilácticas e decorativas, ladrillo visto e esculturas que incorporan unha ampla iconografía onde se mostra a visión relixiosa e historicista do seu autor.

Pola gran cantidade de edificios, a súa riqueza ornamental e o seu nivel de conservación, o Hospital de Sant Pau é o conxunto máis grande da arquitectura modernista catalá.

Illas Malveiras

As Illas Malveiras son un subarquipélago galego na provincia de Pontevedra que forman parte do arquipélago de Cortegada, e con ela integradas no Parque nacional das Illas Atlánticas. Pertencen ó concello de Vilagarcía de Arousa.

Sitúanse a poñente da Illa de Cortegada e están formadas por dúas pequenas illas (Malveira Grande e Malveira Pequena) e un illote (Illa das Cabras); no seu conxunto suman 5,5 hectáreas de superficie. A meirande está arrodeada de area en toda a súa parte sur e é rochosa na súa parte norte; contén vexetación (especialmente toxos (Ulex europaeus), fentos, figueiras bravas e loureiros) e posúe un par de piñeiros na súa cima. Está coroada por unha vella cruz de pedra e tamén pode verse os restos dunha caseta de ladrillo. A Malveira Pequena é máis baixa e pedregosa que a anterior, e nela só medra o toxo.

Señor San Bartolomeu/ que estás no medio da Ría,/ dunha banda tes Rianxo/ e doutra Vilagarcía .

La Font de la Guatlla

La Font de la Guatlla é un barrio do distrito de Sants-Montjuïc da cidade de Barcelona. É un sector pequeno que se atopa na montaña de Montjuïc, na vertente noroeste, e entre a Gran Via de les Corts Catalanes, no tramo entre a praza de Espanya e a praza de Cerdà.

O conxunto arquitectónico máis singular do barrio é o pequeno grupo de casas baixas con xardín, na parte máis próxima á montaña, que contrastan cos edificios altos do sector máis próximo á Gran Vía. Moitas das súas rúas teñen nome de flor (Dàlia, Lotus, Hortènsia, Begònia, Crisantem), en referencia á súa vocación inicial como cidade xardín.

Outro espazo significativo do barrio é a fábrica Casarramona, ocupada durante moitos anos por cuarteis da policía nacional, e onde actualmente instálase a Fundación CaixaForum. O edificio é representativo da arquitectura industrial obra de ladrillo visto. Foi deseñado polo arquitecto Josep Puig i Cadafalch, que tamén tamén é autor do restaurante da Font del Gat e doutras obras de urbanización no parque da montaña.

Las Ventas

A praza de touros de Las Ventas é a maior praza de touros de España, e a terceira máis grande do mundo logo da praza de Cidade de México e a de Valencia (Venezuela). Está situada en Madrid e é unha das prazas de touros máis importantes do mundo.

Inaugurada o 17 de xuño de 1931 co nome de Las Ventas del Espíritu Santo, por ser o nome da zona naquela época, non entraría en funcionamento de forma definitiva ata 1934.

Foi deseñada polo arquitecto José Espeliú en estilo neomudéxar a ladrillo visto sobre unha estrutura metálica. A decoración, obra de Manuel Muñoz Monasterio, realizouse en base a cerámicas cos escudos de todas as provincias españolas e outros motivos decorativos.

Ten capacidade para uns 25.000 espectadores. O ruedo mide 60 metros de diámetro e o largo da ruela é de 2,2 metros. As súas localidades están distribuídas en 10 tendidos, divididos en tendido, grada e andanada. A temporada de touros comeza en marzo e remata en outubro, destacando os días da Feira de San Isidro, en maio. Des de 1951 atópase nas súas dependencias o Museo Taurino.

Perpiaño

Un perpiaño é unha pedra regular para a construción xeralmente en forma de paralelepípedo (máis longa que ancha e de forma rectangular), coas caras sen tallar, e que forma parte das obras de cantaría.

A diferenza dos cachotes (cachotaría), o perpiaño está labrado por varias das súas caras para darlle a forma rectangular. Por extensión coñécese por perpiaño a parede feita cos bloques regulares ou perpiaños (técnica que se coñece coma cantaría).

Os perpiaños adoitan ter un tamaño e peso que obriga a manipulalos mediante máquinas, a diferenza dos cachotes, que se poñen a man.

Son usados principalmente na construción de edificios como alternativa ao ladrillo. Xeralmente a cara externa é lisa ou pulida, ocasionalmente poden presentar pequenos sucos gravados. Estas marcas coñécense como marcas de canteiro.

É frecuente atopar perpiaños nas construcións da arquitectura clásica grega, romana e nas arquitecturas románica e gótica.

En Galicia atopamos perpiaños en moitas das construcións coidadas e/ou cultas coma pontes, pazos, casas grandes e urbanas, igrexas... Moitas veces estas construcións levan muros de fábrica de cachotaría reservando o perpiaño para esquinais e vans.

Os perpiaños teñen un significado simbólico para os masóns. En francmasonaría, o perpiaño aparece con dous significados: o perpiaño sen traballar é unha alegoría do masón non iniciado antes da súa iluminación; o perpiaño liso representa a pedra vestida como a utilizada polo construtor experimentado, e é unha alegoría do masón que, a través de educación e dilixencia, alcanzou a iluminación e que vive unha vida correcta.

Cómpre non confundir o significado de perpiaño en castelán, que sería en galego forra ou tizón, pedra que atravesa toda a parede dun edificio, e que serve para trabala e reforzala.

Sello, Lalín

Santiago de Sello é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín. Segundo IGE, en 2008 tiña 336 habitantes (171 mulleres e 165 homes), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 363 habitantes.

Limita coas parroquias de Filgueira, Erbo, Bermés, Goiás, Palmou e Santiso. A altitude máxima é de 560 metros. Dista 4 quilómetros da vila de Lalín, capital do concello. O seu código postal é 36517.

Tolosa, Francia

Tolosa (en francés: Toulouse, [tu.luz] (AFI), escoitar; en occitano: Tolosa, [tu'luːzɔ] (AFI)), tamén coñecida como Tolosa de Linguadoc, é unha comuna francesa capital do departamento de Alta Garona, da rexión do Mediodía-Pireneos, capital histórica do Languedoc, e considerada por unha corrente como a capital da Occitania.

É chamada a Cidade Rosa, pola cor que domina nos edificios antigos, feitos de ladrillo. É a capital da industria aeroespacial europea, xa que aquí radican os despachos e fábricas centrais da compañía Airbus.

Ur

Ur (ou Urim) era unha antiga cidade no sur da Mesopotamia, orixinalmente localizada preto da desembocadura dos ríos Éufrates e Tigris no Golfo Pérsico e preto de Eridu. Crese que é o berce da primeira civilización da Historia: en Ur durante o V milenio a. C. xa se coñecía a roda e é esta antiga cidade sumeria un dos primeiros lugares do planeta no que se atopan escrituras completas.

O lugar está marcado polas ruínas dun ziqqurat, que se conservou bastante ben, e polo montículo (tell) de entullos . O cigurat é un templo de Nanna e ten dous niveis construídos con ladrillo: no nivel inferior os ladrillos están unidos con betume, no nivel superior están unidos con morteiro.

Segundo a tradición bíblica é o lugar de nacemento de Abraham.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.