Karl Marx

Karl Heinrich Marx (pronunciado: [kaːɐ̯l ˈhaɪnʀɪç ˈmaːɐ̯ks]), nado en Tréveris o 5 de maio de 1818 e falecido en Londres o 14 de marzo de 1883, foi un filósofo, economista, politicólogo, sociólogo, xornalista e socialista revolucionario prusiano. Procedente dunha familia de clase media, estudou economía política e a filosofía hegeliana. Como adulto, Marx volveuse apátrida e pasou a maior parte da súa vida en Londres onde continuou a desenvolver o seu pensamento en colaboración co alemán Friedrich Engels e publicou varias obras, a máis coñecida sendo o panfleto de 1848 O manifesto comunista. O seu traballo dende entón influíu a historia intelectual, económica e política subseguinte.

As teorías de Marx sobre a sociedade, a economía e a política —colectivamente coñecidas como marxismo— sosteñen que as sociedades humanas se desenvolven a través da loita de clases; no capitalismo, esta maniféstase no conflito entre a clase dominante (coñecida como burguesía) que controla os medios de produción e a clase obreira (coñecida como proletariado) que activa eses medios de produción vendendo a súa forza de traballo por un salario.[1] Empregando un enfoque crítico denominado materialismo histórico, Marx prediciu que, ao igual que os sistemas socioeconómicos anteriores, o capitalismo producía tensións internas que o conducirían á súa autodestrución e á substitución por un novo sistema: o socialismo. Para Marx, a loita de clases baixo o capitalismo, debido en parte á súa inestabilidade e a súa natureza propensa á crise, podería acabar no desenvolvemento da conciencia de clase por parte da clase obreira, conducindo á súa conquista do poder político e finalmente o establecemento dunha sociedade sen clases e comunista constituída por unha asociación libre de produtores.[2] Marx loitou activamente pola súa introdución, argumentando que a clase obreira debería levar a cabo unha acción revolucionaria organizada para derrocar o capitalismo e traer consigo a emancipación socioeconómica.[3]

Marx foi descrito como unha das figuras máis influentes da historia humana e o seu traballo foi tanto gabado coma criticado.[4] A súa obra sobre economía estableceu a base para a meirande parte do coñecemento actual sobre a forza de traballo e a súa relación co capital, e o pensamento económico posterior.[5][6][7] Moitos intelectuais, sindicatos obreiros, artistas e partidos políticos mundiais foron influenciados polo traballo de Marx, con moitas ideas modificadas ou adaptadas. Marx é tipicamente citada como un dos principais arquitectos da ciencia social moderna.

Karl Marx
Karl Marx 001
Nome completoKarl Heinrich Marx
AlcumeGlückskind
Nacemento5 de maio de 1818
 Tréveris
Falecemento14 de marzo de 1883
 Londres
Causadoença pulmonar
Soterradocemiterio de Highgate
NacionalidadeReino de Prusia
EtniaAsquenací e Pobo alemán
Relixiónateísmo
Alma máterUniversidade de Bonn, Universidade de Jena, Universidade Humboldt de Berlín e Gimnasium Real Frederick William III
Ocupacióneconomista, xornalista, historiador, filósofo, sociólogo, revolucionario, poeta e político
PaiHeinrich Marx
NaiJuana Pabala Heinrich
CónxuxeJenny von Westphalen
FillosEleanor Marx, Jenny Longuet, Laura Marx, Edgar Marx e Frederick Demuth
IrmánsEmilie Conradi, Louise Juta, Mauritz David Marx e Sophia Marx
Coñecido/a porManuscritos de economía e filosofía, Das Kapital, A Ideologia Alemã e Manifesto do Partido Comunista
InfluenciasAristóteles, Epicuro, Lucrecio, Robert Owen, Charles Fourier, Henri de Saint-Simon, Immanuel Kant, Georg Wilhelm Friedrich Hegel, Ludwig Feuerbach, David Ricardo, François Babeuf, Sismondi, Adam Smith
Karl Marx Signature

Biografía

Marx naceu en Tréveris (Prusia, agora Alemaña), no seo dunha familia de ascendencia xudía-asquenací, seu pai era un avogado convertido ao protestantismo dous anos antes do nacemento de Karl. Cursou estudos de dereito na Universidade de Bonn. Alí, comezaron cedo as súas inquedanzas sociais, e facendo as súas primeiras colaboracións, na Rheinische Zeitung (Gaceta Renana), publicación da que chegará a ser redactor xefe pero a revista foi suspendida polas autoridades e Marx emigrou a Francia, en París coñece a Friedrich Engels, con quen nacería unha grande amizade, e que sería até os seus últimos días o seu eterno colaborador.

Os seus artigos publicados en Francia provocan a súa expulsión deste país en 1845, polo que se ve obrigado ao exilio, establecéndose en Bruxelas, renunciou á súa nacionalidade para non ser perseguido polo goberno prusiano, aínda que tampouco adoptou outra nacionalidade, intensificou o contacto cos obreiros alemáns emigrados e ingresou na Liga dos Comunistas quen lle encargou a realización dun programa con ocasión dun congreso celebrado en Londres en 1847, ese programa é o Manifesto comunista publicado en 1848. Tralo período revolucionario de 1848, trasládase a Colonia, onde organiza un novo diario, Neue Rheinische Zeitung (Nova Gaceta Renana). Esta nova publicación, que ven á luz nun marco de forte actividade obreira organizada, acada un éxito rotundo. E é precisamente por esta capacidade axitadora polo que é prohibida polo goberno renano.

En 1849 Marx pasou a vivir a Londres e alí residiu o resto da súa vida cos escasos recursos económicos que lle reportaban os artigos para periódicos e a axuda dos amigos, neste período é precisamente cando Marx dedica o seu tempo á escritura da que sería a súa obra máis influente, O capital, que elabora nas salas de lectura do Museo Británico. O primeiro volume de O capital non verá a luz ate 1867, tras dezaoito anos de traballo. Ademais, mentres traballa nesta obra, Marx colaborou na organización da Primeira Internacional, participando activamente nas discusións e na confrontación no seo da mesma entre comunistas e anarquistas. Trala experiencia da Comuna de París de 1871, Marx se retira da política activa e se dedica á escritura de ideoloxía, destacando como análise da praxe revolucionaria a súa obra A guerra civil en Francia. Finou o 14 de marzo de 1883 en Londres.

Pensamento

KarlMarxenberlin
Estatua de Karl Marx na Karl-Marx-Allee, Berlín

Marx é testemuña da primeira gran crise do capitalismo (década dos anos 30 do século XIX) e do período revolucionario de 1848. Estas dúas vivencias serven como pretexto para a análise teórica inserida na súa obra, na que desenvolve unha teoría económica capaz de achegar explicacións ás mesmas, pero á vez de interpelar as clases populares a participar nela activamente para producir un cambio revolucionario. Unha teoría revolucionaria que, se ben parte da análise da situación do seu tempo, non se circunscribe a este, senón que, mediante as teorías do materialismo histórico e dialéctico serve para analizar, interpretar e incidir nas condicións socioeconómicas de cada momento histórico.

Para Marx, a determinación da magnitude do valor dunha mercadoría é a cantidade de traballo requirido socialmente para producila. Esta é a coñecida teoría do valor traballo. Así, criticando a teoría de David Ricardo do valor-traballo, deduce que o salario é o valor da mercadoría "forza de traballo", e como todo valor, determínase polo tempo de traballo necesario para a produción e reprodución da mesma, neste caso para a produción e reprodución da mercadoría "forza de traballo". Isto é, o valor dos medios de vida necesarios para asegurar a subsistencia do traballador. Por outra parte, o capitalista comprador da "forza de traballo" consome dita mercadoría no proceso de produción onde o traballador rende durante un tempo (xornada laboral) que excede a cantidade de tempo necesaria para a súa reprodución como obreiro (salario): é dicir, o valor da "forza de traballo" e a súa valorización no proceso de traballo son factores distintos, cuxa diferenza determina a magnitude da plusvalía (exemplo de Marx en O capital 1: "para alimentar e manter en pé a forza de traballo durante vinte e catro horas faga falta media xornada de traballo, non quere dicir, nin moito menos, que o obreiro non poida traballar durante unha xornada enteira").

Esta plusvalía é apropiada polo capitalista e dela procede a ganancia. Esta apropiación constitúe a base fundamental do modo de produción capitalista e a súa vez estas condicións materiais determinan a superestrutura, é dicir, as formas e contidos da conciencia expresadas na arte, a política, a relixión e tamén o dereito. Esta contradición fundamental (produción colectiva contra apropiación individual) baixo o réxime de produción capitalista, reviste a forma da lei xeral da acumulación capitalista, que consiste en que canto maior é a riqueza social, é dicir, o capital en funcionamento, tanto maior é a magnitude absoluta do proletariado e a capacidade produtiva do mesmo, e polo tanto, tanto maior é o exército de reserva, polo tanto a medida que crece a acumulación de capital crece a acumulación de miseria, e algúns dos seus fenómenos son a diminución da taxa de beneficios á vez que a concentración do capital en moi poucas mans. Así, a contradición principal do capitalismo segundo Marx é o antagonismo de clases entre a clase capitalista e a clase proletaria.

A necesidade da revolución implícita en tales contradicións está determinada polas tensións que se derivan do feito de que as forzas produtivas sorpasan e se ven limitadas polas relacións de produción. Para o capitalismo tal revolución consiste na "expropiación dos expropiadores" e movemento final da dialéctica da propiedade privada e a súa abolición, que no pensamento de Marx se concreta nun horizonte político concreto: o socialismo, antesala a súa vez do comunismo. O materialismo dialéctico, é dicir, a dialéctica do modo en que o home produce os seus medios de vida, da que se deriva a súa alienación, constitúe para Marx a historia humana (para Marx "a historia humana é a historia da súa alienación e da abolición de dita alienación"), historia que a cada momento só pode ser entendida segundo os seus diferentes modos de produción, e a loita de clases inherente, por exemplo, escravista, feudal, capitalista e comunista. A teoría do materialismo dialéctico, básica para unha análise marxista das determinadas condicións ao estudo, pon en evidencia a característica antidogmática do marxismo. O método dialéctico, polo que o marxismo pode estar en constante actualización, formula a necesariedade dunha síntese en calquera relación dialéctica entre unha tese e unha antítese. Esta lei é aplicábel á historia mediante o materialismo histórico. Así, da confrontación dialéctica entre burguesía e a antiga poderosa nobreza, xurdiu unha síntese: a sociedade capitalista. Polo tanto, mediante a relación dialéctica entre burguesía e proletariado faise necesaria como síntese a sociedade comunista.

Influencias

O pensamento de Marx amosa influencias de moitos pensadores, incluíndo pero non limitado por:

O punto de vista de Marx sobre a historia, o cal foi chamado materialismo histórico (de xeito controvertido adaptado como a filosofía do materialismo dialéctico por Engels e Lenin), amosa sen dúbida a influencia da afirmación de Hegel de que un debería ver a realidade (e a historia) dialecticamente.[10] No entanto, Hegel pensou en termos idealistas, poñendo as ideas por diante, mentres que Marx buscou reescribir a dialéctica en termos materialistas, defendendo a primacía da meteria sobre a idea.[10] Mentres Hegel viu o espírito como o condutor da historia, Marx viu isto como unha mistificación innecesaria que escurecía a realidade da humanidade e as súas accións físicas que daban forma ao mundo. Escribiu que o hegelianismo ergueu o movemento da realidad na súa cabeza e que un precisaba colocalo sobre os seus pés.[10] A pesar de non lle gustar os termos místicos Marx empregou unha lingua escura en varios dos seus traballos. En Das Kapital el refírese ao capital como a «nigromancia que arrodea os produtos do labor».

Inda que se inspirou nos socialistas franceses e o pensamento sociolóxico,[11] Marx criticou os socialistas utópicos argumentando que as súas comunidades socialistas de pequena escala estarían limitidas á marxinación e á pobreza, e só un cambio a grande escala no sistema económico pode traer o verdadeiro cambio.[14]

A outra contribución importante á revisión de Marx sobre o hegelianismo vén do libro de Engels Die Lage der arbeitenden Klasse in England, que fixo que Marx concibise a dialéctica histórica en termos de loita de clases e vise a clase traballadora moderna como a forza máis progresiva para a revolución.

Marx cría que podía estudar a historia e a sociedade cientificamente e discernir tendencias da historia e os resultantes conflitos sociais. Algúns seguidores de Marx concluíron, polo tanto, que unha revolución comunista ocorrería inevitablemente. Porén, Marx afirmou na famosa undécima das súas Thesen über Feuerbach (Teses sobre Feuerbach) que «os filósofos só interpretaron o mundo de distintos xeitos; o asunto, con todo, é cambialo», e el dedicouse a tentar cambiar o mundo.

Influencia do seu pensamento

As obras de Marx influíron a un bo número de teóricos e políticos, e serviu de base teórica para grandes movementos sociais, sindicais e en xeral de masas. É salientábel a interpretación que realizaron países do chamado "socialismo real": URSS, Albania, China, Cuba... Por outra, a que realizou historicamente a socialdemocracia, nos seus orixes contraria á táctica revolucionaria e partidaria de avanzar cara o socialismo a través de progresivas reformas parlamentarias, derivando aos poucos ate aceptar a economía de mercado). Así mesmo, o marxismo, como tese antidoutrinal e antidogmática por excelencia, en constante movemento e que emprega métodos de análise como método formador de teorías, serve para o estudo de determinadas ciencias (historia, arte, antropoloxía etc.).

Notas

  1. Marx, K. e Engels, F. (1848).The Communist Manifesto.
  2. Karl Marx: Critique of the Gotha Program.
  3. Calhoun 2002, pp. 23-24.
  4. "Marx the millennium's 'greatest thinker'". BBC News World Online. 1 de outubro de 1999. Consultado o 23 de novembro de 2010.
  5. Roberto Mangabeira Unger. Free Trade Reimagined: The World Division of Labor and the Method of Economics. Princeton: Princeton University Press, 2007.
  6. John Hicks, "Capital Controversies: Ancient and Modern." The American Economic Review 64.2 (maio de 1974) p. 307: "The greatest economists, Smith or Marx or Keynes, have changed the course of history...".
  7. "Karl Marx to John Maynard Keynes: Ten of the greatest economists by Vince Cable"Daily Mail. 16 de xullo de 2007. Consultado o 7 de decembro de 2012.
  8. Plutarco, biografía de Licurgo.
  9. Xenofonte, sociedade espartana.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Calhoun 2002, pp. 120-23.
  11. 11,0 11,1 Howard J. Sherman (1995). Reinventing marxism. JHU Press. p. 5. ISBN 978-0-8018-5077-6. Consultado o 7 de marzo de 2011.
  12. Howard J. Sherman (1995). Reinventing marxism. JHU Press. p. 5. ISBN 978-0-8018-5077-6. Consultado o 7 de marzo de 2011.
  13. Peter Beilharz (1992). Labour's Utopias: Bolshevism, Fabianism and Social Democracy. CUP Archive. p. 4. ISBN 978-0-415-09680-5. Consultado o 7 de marzo de 2011.
  14. 14,0 14,1 Barry Stewart Clark (1998). Political economy: a comparative approach. ABC-CLIO. pp. 57–59. ISBN 978-0-275-96370-5. Consultado o 7 de marzo 2011.
  15. Eaglelton, Terry Why Marx Was Right Yale University Press, 2011, p. 158.
  16. Seigel, Jerrold Marx's Fate Princeton University Press, 1978, pp. 112-19.

Véxase tamén

Outros artigos

14 de marzo

O 14 de marzo é o 73º día do ano do calendario gregoriano e o 74º nos anos bisestos. Quedan 292 días para rematar o ano.

5 de maio

O 5 de maio é o 125º día do ano do calendario gregoriano e o 126º nos anos bisestos. Quedan 240 días para finalizar o ano.

Comunismo

O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado.O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa. O ideario comunista converteuse a comezos do século XIX nun complexo proxecto económico industrial grazas ás diferentes correntes do chamado socialismo utópico, do anarcocomunismo e as ramas obreiras do comunismo cristián. O actualmente máis coñecido destes movementos foi o que adoptou a escola do denominado socialismo científico dos pensadores alemáns Karl Marx e Friedrich Engels, baixo a cal sería rebautizado como Liga dos Comunistas. Pola influencia da súa obra, o movemento comunista adoptou unha interpretación revolucionaria da historia e a forma de partido político, converténdose logo nunha organización internacional unificada baixo a doutrina marxista.

Segundo o marxismo, a historia é entendida como un permanente conflito polo excedente material, cuxo inicio se debe á aparición da propiedade. As diferentes formas de propiedade poñen fin ao comunismo primitivo e estratifican á sociedade en clases de acordo ás súas relacións de produción. As diferentes relacións de produción que vinculan aos homes e mulleres requiren da explotación, e estas relacións xeran co tempo as condicións para ser substituídas por outras formas de explotación superiores, nunha secuencia revolucionaria de modos de produción. En cada un destes modos desenvólvese unha loita de clases interna entre os diferentes tipos de traballadores e explotadores que os integran, e que se resolve co xurdimento de novas clases dominantes. Con todo, a sociedade capitalista xera unha serie crecente de crises internas e cíclicas que só poden ser resoltas polos seus traballadores asalariados nunha revolución proletaria, que require á súa vez da construción do comunismo. Para chegar a este fin debe organizarse un partido comunista que conquiste o poder político liderando unha fase de transición na que o Estado funcione como unha ditadura do proletariado. Este período termina cando desaparecen as clases sociais, o cal leva a que o Estado, de acordo á súa concepción como ferramenta de dominación dunha clase sobre a outra, deba extinguirse. A esta transición séguenlle inmediatamente dous períodos no desenvolvemento do comunismo: unha primeira fase e unha fase superior. Existen discrepancias cruciais entre as diferentes correntes do marxismo sobre cal debería ser a natureza de cada unha destas tres fases.

Ditadura do proletariado

A ditadura do proletariado é un termo empregado polos postulado polo marxismo para referirse ó estado de transición revolucionaria entre o capitalismo e a sociedade comunista. O termo non se refire a unha concentración de poder nun ditador, senón a unha situación na que o proletariado ten o poder e substitúe o sistema político controlado pola burguesía (ditadura da burguesía). Esta etapa de transición é denominada tamén por moitos marxistas como socialismo.

Economía marxista

A economía marxista é a escola de pensamento económico inspirada na obra de Karl Marx. Malia que existe unha gran variedade de autores de diferentes correntes que utilizan en maior ou en menor medida as categorías económicas elaboradas por Marx na súa obra principal O Capital como forza de traballo, plusvalía, explotación ou exército industrial de reserva entre outras, a escola marxista propiamente dita estaría integrada por aqueles autores que se caracterizan por unha análise crítica do capitalismo como modo de produción e suscitan a necesidade da

superación deste.

Friedrich Engels

Friedrich Engels, nado en Barmen (Prusia) o 28 de novembro de 1820 e finado en Londres o 5 de agosto de 1895, foi un economista e pensador alemán, principal colaborador e coautor da maioría das obras de Karl Marx, xunto co que desenvolveu a teoría comunista.

La Guineueta

La Guineueta é un barrio do distrito de Nou Barris da cidade de Barcelona. O barrio limita cos de Canyelles, Verdum, Porta, El Turó de la Peira e Torre Baró. Situado nunha das zonas máis céntricas do distrito, aglutina dous grandes polígonos de vivendas.

Na parte norte do barrio atópase o polígono da Guineueta, constituído por edificios de catro plantas con pisos pequenos pero ben distribuídos. Un dos principais atractivos deste sector son os espazos axardinados existentes entre os bloques, que se realizaron durante os anos noventa e que converten o barrio nunha auténtica cidade xardín. Pero, quizais, o espazo estrela deste sector é o Parque da Guineueta, unha gran zona verde con configuración de parque clásico que achega unha nota de natura e frescura ao distrito.

Na parte sur do barrio atópanse os polígonos de vivendas de Barcinova e Calinova, construídos durante a década de 1960. Ambos grupos de vivendas atópanse separados polo paseo Valldaura, que coa súa remodelación realizada no ano 1998 converteuse nun eixo unificador das zonas norte e sur do barrio grazas ás súas amplas beirarrúas, os pavimentos de calidade, os espazos axardinados e a iluminación de deseño orixinal.

Todo o conxunto atópase rodeado polo moderno Parque Central de Nou Barris, un gran proxecto urbanístico que se está levando a cabo en dúas fases e que, un golpe finalizado, estenderase ata a praza Karl Marx constituíndo o segundo parque máis grande da cidade.

Liga dos Comunistas

A Liga dos Comunistas ou Liga Comunista foi unha organización revolucionaria nada en Londres no ano 1847. Formado despois dun congreso da Liga dos Xustos, organización de obreiros alemáns desterrados que se formou en París en 1836, dirixida por Wilhem Weitling, a cal mudou de nome despois do congreso. En 1847 Marx entrou na organización e deseguida produciuse un desencontro con Weitling.

En 1847 faráse público o seu programa, escrito por Karl Marx e Friedrich Engels, baixo o nome de Manifesto do Partido Comunista.

Loita de clases

A loita de clases é unha teoría clasista proveniente do marxismo que tenta explicar a existencia de conflitos sociais como o resultado dun suposto conflito central ou antagonismo inherente entre os intereses de diferentes clases sociais. O concepto foi introducido na vida política moderna polo influente sociólogo alemán de tendencias conservadoras Lorenz von Stein, para quen se deriva da división da sociedade producida pola aparición de clases, o que ocasiona que os individuos busquen acceder ao poder político co fin de favorecer os seus intereses tanto sociais coma económicos e políticos. Na súa visión, esa loita de clases dá orixe aos movementos sociais.

Segundo Karl Marx a loita entre as clases sociais é o motor da historia. É dicir, que o conflito entre clases sociais foi a base sobre a que se produciron os feitos que dan forma ás sociedades. Esta loita dáse entre dúas clases sociais antagónicas características de cada modo de produción.

Marxismo

O marxismo é o conxunto de doutrinas políticas e filosóficas derivadas da obra de Karl Marx, filósofo, economista, xornalista e revolucionario do século XIX e do seu amigo Friedrich Engels. Marx e Engels baseáronse na filosofía de Friedrich Hegel e de Feuerbach, ambos alemáns, a economía política de Adam Smith, a economía ricardiana e o socialismo francés do século XIX para desenvolver unha crítica da sociedade que é tanto científica como revolucionaria. Esta crítica alcanzou a súa expresión máis sistemática na súa obra máis importante, O capital: crítica da economía política.

Porén, o marxismo traspasou as ideas dos seus precursores, tornándose unha corrente política-teórica que abrangue unha ampla gama de pensadores e militantes, non sempre coincidentes e asumindo posicións teóricas e políticas ás veces antagónicas.

O marxismo aséntase sobre 3 grandes eixes: a análise do pasado, a crítica do presente e o proxecto de futuro.[Cómpre referencia]

Materialismo histórico

No marxismo e no estudo da historia, o termo materialismo histórico (ou o que o mesmo Karl Marx chama a concepción materialista da historia) é un marco teórico para explicar desenvolvementos e cambios na historia humana a partir de factores prácticos, tecnolóxicos ou materiais, en especial o modo de produción e as limitacións que este impón ao resto de aspectos organizativos (aspecto económico, xurídico, ideolóxico, político, cultural etc.). Para o materialismo histórico son os cambios tecnolóxicos e do modo de produción os factores principais de cambio social, xurídico e político, e é nos factores materiais dese tipo onde deben buscarse as causas últimas dos cambios.

Primeira Internacional

A Asociación Internacional de Traballadores, máis coñecida historicamente como Primeira Internacional, foi a primeira organización internacional dos traballadores. Fundada en Londres en 1864 logo dalgunhas xuntanzas o ano anterior entre obreiros franceses e organizacións sindicais británicas, agrupou inicialmente os sindicalistas ingleses, anarquistas, socialistas franceses e italianos republicanos.

Os seus fins eran a organización política do proletariado en Europa e o resto do mundo para estender internacionalmente a loita contra o capitalismo xa que, como este tiña carácter mundial, a revolución que pretendese destruílo tamén tiña que ter ese carácter, así coma un foro para examinar problemas en común e propoñer liñas de acción. Colaboraron nela Karl Marx e Friedrich Engels. A AIT financiou folgas en toda Europa que provocaron o pánico e obsesión en diferentes gobernos europeos pensando que tiña un poder maior do que tiña en realidade, sobre todo despois dos sucesos da Comuna de París en 1871. Houbo tensións grandes entre Marx, sobre todo seguido polos obreiros industriais, e Mikhail Bakunin, que atraía sobre todo a xornaleiros do campo; diferenciábanse nos métodos para acadar a meta final: os marxistas eran partidarios de organizarse nun partido para conquistar o Estado e Bakunin era partidario dunha revolución inmediata contra todas as institucións estatais. As diferenzas levaron á escisión entre marxistas e anarquistas, tralo cal os partidarios de Bakunin foron expulsados.

En 1872 a organización trasladouse aos Estados Unidos de América, disolvéndose oficialmente en 1876. En 1889 estableceuse a Segunda Internacional como a sucesora nos seus fins políticos.

Proletariado

O proletariado (do latín proles, liñaxe ou descendencia) é un termo empregado para identificar unha clase social máis baixa.[Cómpre referencia] Un membro de tal clase é chamado un proletario. Orixinalmente identificábase como aquelas persoas que non teñen outra riqueza que os seus fillos. O termo era utilizado inicialmente nun sentido despectivo, ata que Karl Marx o empregou nun sentido positivo para identificar o que el chamou a clase obreira.

Proletarios de todos os países, xuntádevos!

Proletarios de todos os países, xuntádevos! (en alemán: Proletarier aller Länder, vereinigt euch!) é un slogan político creado por Karl Marx e Friedrich Engels ao redactar O manifesto comunista.

Foi o lema da URSS, en ruso: Пролетарии всех стран, соединяйтесь!, que o tiña inscrito no seu escudo.

Século XIX

século XVIII < século XIX > século XX

Enténdese referido á era cristiá. Tempo entre o 1 de xaneiro de 1801 e o 31 de decembro de 1900. Considérase o século da "era moderna".

Conceptos básicos
Aspectos
Variantes
Internacionais
Líderes individuais
Temas relacionados

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.