Jazz

O jazz é un estilo musical, nacido entre 1890 e 1910 en Nova Orleáns. A súas raíces remontan á música dos negros e crioulos dos Estados Unidos desde as súas épocas como escravos que datan pouco antes de 1850. As influencias nomean o ragtime, as worksongs músicas cantadas polos negros ao traballaren e o blues, principalmente, non se sabe moi ben como era esta música anterior a 1910, o primeiro músico do que se ten noticia é Buddy Bolden, do que só se conservan unha foto e as opinións dos seus compañeiros, que falan dun virtuoso cun son potente e limpo.

Jazz
Louis Armstrong restored
Orixe musicalblues, folk, marcha, ragtime
Orixe culturalprincipios dos 1910 en Nova Orleáns
Instrumentos típicossaxofón, clarinete, baixo, contrabaixo, frauta, vibráfono, trompeta, piano, guitarra eléctrica, banjo, tuba, voz, trombón, piano Rhodes, batería
Derivadosjump blues, jazz fusion, rhythm and blues, rock and roll, ska, reggae, funk

Etimoloxía

ThatFunnyJasBandFromDixielandCover1916.jpeg
A principios do século XX non había unha forma estandarizada de escribir o termo, como ilustra o título desta canción de 1916.

Aínda que non semella existir un acordo definitivo en canto á orixe e significado exactos do termo "jazz", algúns historiadores sitúan a súa orixe arredor de 1912, e indican que procede da xerga dos xornalistas deportivos da costa oeste dos Estados Unidos, quen utilizaban o termo nos seus comentarios dedicados á Pacific Coast League, unha liga menor de béisbol, para referirse á enerxía e vitalidade dos xogadores do San Francisco Seals. O exemplo máis antigo deste uso do termo, achado polo bibliotecario da Universidade de Nova York George A. Thompson, Jr. en 2003, apareceu en Los Angeles Times o 2 de abril de 1912, nunha referencia ó pitcher de Portland Beavers, Ben Henderson, onde este afirmaba:

A partir de 1913, nunha serie de artigos de E.T. "Scoop" Gleeson para o San Francisco Bulletin, aparece xa o termo jazz de forma máis habitual, aplicado á música. A referencia máis antiga do seu uso musical corresponde ó 3 de marzo de 1913 e nela o termo utilizábase cun sentido negativo. Tres días máis tarde, o 6 de marzo, Gleeson usou o termo de forma máis exhaustiva cando, ó describir o tipo de música executada por unha orquestra do exército, sinalou que os seus integrantes ensaiaban a ritmo de ragtime e jazz[2].

Porén, non foi ata 1915, en Chicago, que o termo comezou a usarse completamente para definir un tipo de música. Para finais de 1916 e principios de 1917 o uso do termo estaba xa bastante estendido. A primeira vez que se utilizou a palabra jazz en Nova Orleáns (tamén escrita jas ou jass nos comezos) foi no Times-Picayune o 14 de novembro de 1916, un feito que foi descuberto polo lexicógrafo Benjamin Zimmer en 2009[3].

Non obstante, moitos estudosos cren que o termo ten unha raíz fanti (África occidental) e se refire ó acto sexual[4].

Historia

Nacemento

A música que se tocaba polas rúas e nos locais de Nova Orleáns era festiva e desenfadada, tocada principalmente por músicos negros e crioulos. A maioría eran marchas e a instrumentación era a propia deste estilo: a tuba levaba o ritmo, e a corneta, clarinete e trombón tecían as melodías. Cando tocaban nun local, uníaselles piano, banjo e axiña un novo instrumento, criado especialmente para a nova música: a batería (que aquí durante moitos anos se chamou jazz band). O característico deste estilo que continúa até hoxe (co nome de Dixieland ou New Orleans) era a improvisación colectiva: a corneta toca unha melodía adornada por riba polo clarinete e complementada polos contracantos do trombón, todo sobre unha rítmica sólida e sincopada de batería, tuba ou contrabaixo, piano e banjo ou guitarra, a escritura non conta para nada, é unha arte puramente auditiva, a súa liberdade creadora vai máis alá da do compositor clásico, dúas versións distintas dun tema son dúas obras distintas; cando existe a composición e a escritura son elementos auxiliares da música jazz xa que a súa forma final depende da adaptación do músico ao lugar e ao momento onde ten lugar a actuación. Esta música foi gañando popularidade e foise estendendo cara ao Norte por Saint Louis e Chicago (di a lenda que o feche dos bordeis de Storyville en 1917 foi a causa desta emigración). É neste momento cando a nova música se comeza a se chamar jass, polo que parece utilizando un termo común no século XIX para referirse ao intercambio sexual. O 26 de febreiro de 1917, a Victor publicou o primeiro disco de jazz gravado pola Original Dixieland Jazz Band: un grupo de brancos liderados polo competente Nick LaRocca pero que non eran nin moito menos un dos baluartes desta música, como os músicos negros e crioulos King Oliver, Freddie Keppard, Kid Ory ou Jelly Roll Morton. Precisamente da banda de King Oliver sairía o home que levaría o jazz a ser o que hoxe coñecemos: Louis Armstrong. Entre 1925 e 1929 este cornetista e despois trompetista transformou a improvisación colectiva no solo, e converteu ao Jazz nun vehículo de expresión individual e autoafirmación, e xunto con Sidney Bechet configurou o Swing.

O swing

Artigo principal: Swing (música).

Os anos 20 foron chamados a "Era do Jazz" [5] e a música foi o epítome dunha época de paro e desesperanza, e o alcol ilegal e o baile que lle servían de válvula de escape. Foi o nacemento das Big Bands, orquestras de baile que tocaban os temas de éxito nun estilo hot e chispeante e que conducirían á "Era do Swing (música)Swing|" onde toda América bailaba ao ritmo de Benny Goodman e Glenn Miller.

O bebop

Artigo principal: Bebop.

Durante a II Guerra Mundial nace o bebop, estilo duro e agresivo que se xestou nos locais de Harlem. Na contrapartida xorde, entón, o cool jazz cunha proposta máis intelectualizada e con énfase nos arranxos. A continuación do bop é o hardbop, máis negro e con influencias do gospel e do rhythm and blues. Todas estas innovacións comportarán unha complicación progresiva desde o punto de vista técnico e, sobre todo, harmónico que afogaba aos solistas, isto levou a algúns músicos, principalmente despois do Kind of Blue de Miles Davis a apostar polo jazz modal, onde o solista xa non segue uns cambios de acorde, senón que ten unha serie de modos que lle deixan máis espazo á improvisación.

Na década de 1960 afundouse no jazz modal e apareceu o funk e sobre todo a vangarda con elementos de composición atonais, polirritmia e moita improvisación, foi unha fase bastante experimentalista do estilo. A aparición do rock como música maioritaria entre a xuventude branca e o soul entre os negros desprazou ao jazz dos gostos populares, fenómeno axudado polo carácter anticomercial do jazz da época. Ao mesmo tempo, a toma de conciencia do pobo negro tivo a súa expresión no free jazz (até o propio termo jazz, considerado derrogatorio, chegou a abandonarse, usándose denominacións como new thing). O entertainer era o novo Tío Tom e os músicos de free mostrábanse cínicos e condescendentes co público.

O jazz fusion

Artigo principal: fusion.

Os 70 foron a época do fusion: a fusión do rock co jazz, liderada máis unha vez por Miles Davis, coa introdución de instrumentos electrónicos (ao comezo piano Fender Rhodes e baixo eléctrico e continuando despois con todo tipo de instrumentos amplificados). Apostouse por un estilo directo e rítmico (incluso bailábel) e pola existencia de bandas relativamente lonxevas no estilo rockeiro como Weather Report e Return to forever.

Fronte ao triunfo da vangarda e a fusión nos setenta, ambos os estilos moi afastados do jazz tradicional, nos oitenta apareceron os Young Lions coma Wynton Marsalis ou Roy Hargrove que propoñían un retorno ao jazz acústico e mainstream.

Grandes nomes do Jazz

Monforte de Lemos
Concerto de Mr. Dixie Jazz Band en Monforte de Lemos

Notas

  1. Charters, Samuel (2008). A trumpet around the corner: the story of New Orleans jazz (en inglés). University Press of Mississippi. p. 117. ISBN 9781578068982.
  2. Tirro 2007, p. 109
  3. Zimmer, Benjamin (8/6/2009). ""Jazz": A Tale of Three Cities". Word Routes (en inglés). The Visual Thesaurus. Consultado o 22 de setembro de 2015.
  4. O'Meally, Robert G., ed. (1998). The Jazz Cadence of American Culture (en inglés). Columbia University Press. p. 21. ISBN 0-231-10448-0.
  5. Francis Scott Fitzgerald, Tales of the Jazz Age (1922)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Tirro, Frank (2007). The history of jazz (en inglés). TEIA. ISBN 8495601125.

Outros artigos

1937

1937 foi Ano Santo Xacobeo.

Atlantic Records

Atlantic Records é un selo discográfico estadounidense coñecido sobre todo polas súas gravacións de rhythm and blues, rock and roll e jazz. Durante moito tempo foi un dos selos independentes máis importante dos Estados Unidos, e na actualidade opera como subsidiaria de Warner Music Group (á cal pertence na súa totalidade), que fusionou a Atlantic Records e a Elektra Records nun grupo chamado Atlantic Records Group no ano 2004. Craig Kallman é o actual presidente de Atlantic Records, e Ahmet Ertegün traballou como "presidente fundador" ata a súa morte o 14 de decembro de 2006, aos 83 anos.

Blues

O Blues é un estilo musical vocal e instrumental que evoluiu dos espirituais, cánticos e cancións de traballo afroamericanos e ten a súa raíz estilística na África Occidental. O “blues” foi a maior influencia da música popular occidental e americana, con expresión no ragtime, jazz, nas big bands, rhythm and blues rock and roll e na música country, como tamén na música pop convencional e ata na música clásica moderna.

As primeiras formas de blues apareceron nos fins do século XIX e principios do século XX no delta do Mississippi, nos estados do sur dos EUA. Usaban instrumentos simples como guitarra acústica, piano e harmónica (blues harp).

A escala de blues é atopada frecuentemente noutras formas musicais diferentes, en músicas como “Blues in the night”” de Harold Arlen, baladas de blues como “Since I fell for you” e “Please send me someone to love” e ata en traballos orquestrais como Rhapsody in Blue e “Concerto in F” de George Gershwin. De feito a escala do blues está omnipresente na música popular dos nosos días.

Frecuentemente o blues toma a forma dunha narrativa solta, moitas veces co cantor recitando as súas desgrazas. Moitos dos blues antigos conteñen letras coraxosas e realistas, contrastando coa maior parte da música que era escrita nesa época. Un exemplo é Down in the alley de Memphis Minnie, que fala dunha prostituta.

Nos fins do século XIX e principios do XX, W. C. Handy levou os blues para alén da liña, tornándoo respectábel, e mesmo ben recibido. Este músico, compositor e orquestrador foi a chave para a popularidade do blues, coñecido como “Father of the blues” (O pai do blues). Handy foi o primeiro a transcribir e a orquestrar o blues case como unha sinfonía. Extremadamente prolífico en toda a súa longa vida, o grande éxito de Handy foi “St. Louis Blues”.

Bandas de Jazz gravan por veces música de blues. Cara 1920 os blues tornaranse nun elemento destacado da música popular norteamericana. Co desenvolvemento da industria discográfica, houbo un crecemento da popularidade de cantores e guitarristas de country-blues como Blind Lemon Jefferson, Bling Blake, Son House, Robert Johnson, Charley Patton e Mississippi John Hurt, unha chea de músicos que influenciaron o blues, e máis tarde moitos dos músicos rock. Os discos destes artistas foron coñecidos como “race records” (discos raciais), debido a se destinaren case exclusivamente a audiencias afroamericanas. Tamén había cantoras de blues, e moi populares, destacando, Mamie Smith, Gertrude “Ma” Rainey, Bessie Smith e Victoría Spivey.

En 1940 e 1950, apareceu o blues eléctrico, moi popular en cidades como Chicago e Detroit, e os mellores exemplos son artistas como Howlin’ Wolf, Muddy Waters e John Lee Hooker. O blues eléctrico sería eventualmente o “pai” do rock and roll.

O blues continuou forte nas décadas seguintes. A música do American civil rights movement, Black pride movement e do Free speech movement nos Estados Unidos fixo rexurdir o interese polas raíces da música americana en xeral e na anterior influencia da música afroamericana en particular. Músicos como Eric Clapton, Janis Joplin e Jimi Hendrix, influenciados tanto polos primeiros bluesmen como polos máis recentes, levaron o blues a unha audiencia cada vez máis nova. A través destes músicos e doutros, anteriores e posteriores, o blues influenciou definitivamente no desenvolvemento do rock and roll.

Así como mestres do blues como John Lee Hooker, B.B. King e Muddy Waters continuaron a tocar para audiencias entusiastas inspirando a novos artista a mergullarse no blues tradicional, tales como Taj Mahal (músico). A música de Mahal foi preeminente no filme Sounder, nomeado para os Óscares de Hollywood en 1972, protagonizado por Cicely Tyson e Paul Winfield; a acción se desenvolvía na Louisiana dos anos 30, e foi moi importante no revivir do interese na vella escola do blues acústico. Oito anos despois, o filme Os Blues Brothers foi tamén moi importante para axudar ao coñecemento do blues urbano do século XX por parte das xeracións máis novas.

Desde aí, o blues continuou a medrar tanto na súa forma tradicional como en novas direccións a través de músicos como Taj Mahal, Robert Cray, Bonnie Raitt, Keb’ Mo’ e outros.

Intérpretes de blues aparecen en practicamente todos os estilos musicais.

O blues aparece nos lugares máis sorprendentes. O tema da serie televisiva Batman era blues así como o primeiro éxito de Fabian, “Turn me loose”. Do mesmo xeito, moitos clásicos do jazz tal como “Now’s the time" de Charlie Parker, tamén usou o blues instrumental. A primeira grande estrela da Country music, Jimmie Rodgers, era tamén un intérprete de blues.

Clarinete

O clarinete é un instrumento musical da familia do vento-madeira. O seu nome vén da adición do sufixo -ete (que significa pequeno) á palabra italiana clarino (que é un tipo de trompeta de rexistro alto), xa que os primeiros clarinetes tiñan un son estridente similar ao deste tipo de trompetas. O seu diámetro é similar en toda a súa lonxitude (dise del que é aproximadamente cilíndrico) e usa unha soa cana: lingüeta sinxela. No mundo do jazz, nalgunhas ocasións, foi nomeado como "licorice stick" (pau de regalicia).

Este instrumento comprende unha gran familia con diversos compoñentes diferenciados entre si polo seu tamaño e polo seu ton. É a familia máis grande dentro do grupo dos instrumentos de vento-madeira, con máis dunha ducia de compoñentes, que van desde o infrecuente BBB ♭ octo-contrabaixo ao soprano A ♭ (clarinete piccolo). De todos eles, moitos son moi raros ou xa están en desuso, como por exemplo o BBB ♭ octo-contrabaixo, do que soamente existe un, e a música que se compón para clarinete case se reduce aos tipos máis comúns (E ♭, B ♭, A e BB ♭). Por asiduidade, a palabra clarinete fai referencia ao modelo máis común, o de B ♭, o clarinete soprano.

Á persoa que toca o clarinete chámaselle clarinetista. Johann Christoph Denner inventou o clarinete a mediados do século XVIII na Alemaña, mediante a adicción dunha chave de rexistro ao antigo chalumeau. A partir deste momento seguiu evolucionando, coa incorporación de máis chaves e outras melloras, para facilitar a interpretación e a capacidade virtuosística do instrumento. A día de hoxe, o clarinete úsase en grupos de jazz, na interpretación clásica, na música de cámara e como instrumento solista.

Epic Records

Epic Records é un selo discográfico estadounidense, propiedade do grupo Sony Music Entertainment, que opera ao amparo do Columbia/Epic Label Group. A pesar de que inicialmente concebíuse como un selo de jazz, dende entón expandíuse abarcando varios xéneros.

Funk

O funk é un estilo musical afroamericano. Naceu nos 60 con intérpretes coma James Brown, Sly and the Family Stone e The Meters, e emerxeu coma xénero a finais desa década. O funk caracterízase por ter ritmos bailables moi sincopados que enfatizan o primeiro tempo de cada compás, liñas de baixo prominentes, unha guitarra rítmica moi distintiva cun son afiado, voces ó estilo da música soul, seccións de vento poderosas e orientadas ó ritmo, unha grande énfase na percusión, incluíndo adoito diversos tambores ademais da batería, e influencias africanas e do jazz. O funky é, xunto co rock e o hip-hop unha das máis grandes influencias da música moderna.

O funk foi a principal influencia no desenvolvemento da música disco e, máis tarde, do hip-hop.

J-pop

A música pop xaponesa, en ocasións chamada co anglicismo J-Pop (ジェイポップ) ou japanese pop refírese á música pop xaponesa moderna, e é aquela que se basea principalmente nas influencias occidentais modernas máis ca nas influencias musicais tradicionais xaponesas. Ten as súas raíces máis profundas no Jazz, música que se fixo moi popular no comezo da Era Showa.

Mambo

O mambo abrangue un xénero musical e mais o baile que o acompaña. É orixinario de África e foi desenvolvido en Cuba, onde deveu un dos estilos musicais latinoamericanos máis populares a mediados do século XX.

Báilase en tríos seguindo un ritmo sincopado, mestura de música africana, hispanoamericana e jazz. Caracterízase por presentar un tempo de silencio en cada compás, que se representa cunha pausa no movemento dos bailaríns a fin de acentuar o síncope (desprazamento do acento rítmico do tempo forte ao tempo débil do compás).

Música pop

A música pop (apócope de popular) é un xénero de música popular que tivo a súa orixe a finais dos anos 1950 coma un derivado do rock and roll, en combinación con outros xéneros musicais que estaban de moda nese momento. A música pop, á marxe da instrumentación e tecnoloxía aplicada para a súa creación, conserva a estrutura formal "verso - retrouso - verso", executada dun modo sinxelo, melódico, apegadizo, e normalmente asimilable para o gran público. As súas grandes diferenzas con outros estilos están nas voces melódicas e claras en primeiro plano e percusións lineais e repetidas.

Historicamente, a expresión "música pop" non era entendida como un xénero musical con características musicais concretas. Era, directamente, o contrario á música de culto, á música clásica. Baixo esta definición entraban estilos como o rock, o funky, o folk ou ata o jazz. O pop era entendido como ese gran grupo de músicas para a xente de escasa cultura musical. Co tempo, o pop foi gañándose a súa acepción como estilo musical independente, liberándose, ademais, do sentido pexorativo e negativo ao que se vinculaba.

O pop, nome que procede de música popular, é o xénero musical máis estendido entre a cultura xuvenil de principios do século XXI. Dende a aparición dos Beatles este xénero desenvolveuse nos máis diversos camiños.

Malia ser un estilo absolutamente híbrido (pop-rock, noise-pop, britpop, electropop...), as clasificacións máis coñecidas e aceptadas son: Pop indie Vs. Pop comercial, e Pop electrónico Vs. Pop Tradicional. A magnífica proliferación do pop fai imposible que estas clasificacións representen divisións puras.

Música rock

Rock ou música rock é un xénero musical popular que se desenvolveu durante e despois da década de 1950. As súas raíces atópanse no rock and roll e máis no rockabilly que emerxeu e se definiu nos Estados Unidos de América ao final dos anos corenta e inicio dos cincuenta. Evolucionou a partir do blues, da música country e do rhythm and blues, entre outras influencias musicais que mesmo inclúen o folk, o jazz e a música clásica. Todas estas influencias combinadas nunha estrutura musical bailábel e de composición sinxela.

Os sons do rock adoitan xirar sobre a guitarra eléctrica ou acústica, e ten unha forte sección rítmica formada polo baixo, a batería, e instrumentos de teclado coma órgano, piano ou, dende os anos 70, os sintetizadores. Xunto coa guitarra ou os teclados, ás veces tamén son usados como instrumentos solistas o saxofón ou a harmónica cun estilo blues.

A finais dos 60 e principios dos 70 desenvolvéronse diferentes estilos dentro do rock. Cando foi mesturado coa música folk apareceu o folk rock, uníuse ao blues para crear o blues-rock e co jazz na jazz-rock fussion. Nos anos 70 o rock incorporou influencias do soul, o funk e a música latina. Tamén nesa época desenvolvéronse numerosos subxéneros, coma o soft rock, glam rock, heavy metal, hard rock, rock progresivo e punk rock. Os subxéneros que xurdiron nos anos 80 inclúen o New Wave, o hardcore punk e o rock alternativo. Nos anos 90 apareceron o grunge, o britpop, o indie rock e o nu metal.

Premios Grammy

Os premios Grammy foron creados pola Recording Academy, unha asociación de estadounidenses profesionalmente relacionados coa industria da música, para recoñecer logros extraordinarios na industria da gravación.

Ray Barretto

Raymond Barretto Pagán, nado en Nova York o 29 de abril de 1929 e finado en Nova Jersey o 17 de febreiro de 2006, coñecido como Ray Barretto, foi un percusionista estadounidense e un dos máis destacados compositores e intérpretes de jazz latino. De orixe portorriqueña, as súas congas puidéronse escoitar en centos de discos, tanto de jazz coma de música latina.

Rhythm and blues

O rhythm and blues (R&B ou RnB) é un termo musical introducido en Estados Unidos en 1949 por Jerry Wexler da revista Billboard, e foi designado como unha mestura de jazz, gospel e blues. Substituíu ao termo coñecido como "música negra", considerado ofensivo, así como á categoría de Billboard "Harlem Hit Parade" en xuño de 1949, e principalmente era usado para identificar o estilo musical que máis tarde evoluiría no rock and roll.

Rock progresivo

O rock progresivo (tamén coñecido como prog rock ou prog) é un subxénero do rock que naceu a finais dos anos 60 e tivo o seu máximo esplendor na década dos 70, aínda que hoxe en día continúa sendo un xénero moi popular. É comunmente asociado ao rock sinfónico e ao art rock, aínda que o termo rock progresivo actualmente abarca un espectro de música moito maior que eses dous xéneros.

O rock progresivo acostuma combinar elementos do jazz, da música clásica, do folk e das músicas do mundo con formatos típicos do rock, a miúdo rexeitando determinadas normas do xénero, e usando porén estruturas musicais e ideas relativamente raras. As partes instrumentais adoitan a ser comúns, mentres que as cancións con letra tenden a ser conceptuais, abstractas ou baseadas na fantasía.

O xénero desenvolveuse a finais dos anos 60 a partir do rock psicodélico, como parte dunha ampla tendencia na música rock desa época de inspirarse en cada vez máis diversas influencias. O termo foi inicialmente aplicado á música de bandas como Pink Floyd, King Crimson, Yes, Genesis, Jethro Tull, Soft Machine e Emerson, Lake & Palmer, acadando a súa máxima popularidade a mediados dos anos 70.

Tito Puente

Ernest Anthony Puente Jr., coñecido como Tito Puente, nado en Nova York o 20 de abril de 1923 e finado na mesma cidade o 31 de maio de 2000, foi un músico portorriqueño de salsa e jazz latino, cunha enorme influencia en ambos xéneros.

Utah Jazz

Utah Jazz é un equipo da National Basketball Association (NBA) da cidade de Salt Lake City, Utah. Actualmente compiten na División Noroeste da Conferencia Oeste, xogando os seus partidos como local no EnergySolutions Arena (antigo Delta Center). A franquía dos Jazz foi fundada en 1974 en Nova Orleans, onde o equipo obtivo o seu actual nome, xa que a capital de Luisiana é coñecida como o berce dese xénero musical. Antes de mudarse a Salt Lake City en 1979, xogaron como os New Orleans Jazz cinco tempadas.

Os Jazz foron un dos equipos con menos éxito da liga nos seus primeiros anos, non conseguindo clasificarse nos playoffs até dez anos despois da súa fundación (1984). Con todo, dende ese ano non faltaron á cita até a tempada 2004. A partir de finais dos anos oitenta, John Stockton e Karl Malone convertéronse nos xogadores franquía do equipo, formando un dos mellores dúos da historia da NBA. Dirixidos polo adestrador Jerry Sloan foron un dos equipos máis importantes dos anos noventa, chegando ás finais de 1997 e 1998 onde perderon fronte os Chicago Bulls de Michael Jordan.

Trala marcha de Stockton e Malone en 2003, os Jazz non se clasificaron na fase final durante tres anos, até a chegada do base Deron Williams que liderou ao equipo até a tempada 2010-11. Despois desa campaña retirouse o adestrador Jerry Sloan e os Jazz comezaron unha profunda reestruturación, incluída a marcha do equipo de Williams. En ano 2012, os Jazz son o único equipo das catro grandes ligas deportivas norteamericanas (MLB, NFL, NBA e NHL) con sede no estado da colmea.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.