Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala[1]. foi unha organización nacionalista galega activa entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.

Carnet das Irmandades da Fala de 1917
Carné das Irmandades da Fala de 1917, asinado por Villar Ponte.
Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional 1916.pdf
Primeira edición de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional

Orixe

“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. ¿Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?”
Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916), por Antón Villar Ponte[2].

Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, realizou un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega en 1915. O 5 de xaneiro de 1916 Antón Villar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego e en marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.

A proposta foi ben acollida por diferentes sectores ideolóxicos, aínda que serían dúas as tendencias principais, a de orixe tradicionalista de Antón Losada Diéguez e a liberal demócrata.

Historia

O 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro.

Discurso de Porteiro Garea ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago no ano 1917, Nós 1932.pdf
Discurso de Porteiro Garea ó fundarse a Irmandade da Fala en Santiago no ano 1917.

Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais, comezando pola de Santiago de Compostela, o 28 de maio dese mesmo ano de 1916, presidida por Luís Porteiro Garea[3], e seguida polas de Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense ou Vilalba. En 1917 nacen as irmandades en Ferrol, Melide, Vigo, Mondoñedo e Baralla, e en 1918 as da Estrada, Vilagarcía, Betanzos, Ortigueira, Muxía e Lugo[4]. Nos seguintes anos seguen creándose outras até un total de 28; e a maioría delas elaboraban Boletíns[5]. Nestas agrupacións locais foron integrándose persoeiros como Aurelio Ribalta, Manuel Banet Fontenla, Ramón Cabanillas ou Xoán Vicente Viqueira. Na agrupación de Ourense integráronse ao pouco persoeiros como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Co tempo, tamén se fundaron agrupacións na emigración, entre elas en Madrid, na Habana e en Buenos Aires.

O 26 de abril de 1916 celebrou o primeiro acto público, en conmemoración dos fusilamentos de Carral. As primeiras accións das Irmandades estaban dirixidas á promoción da cultura e da lingua galegas, coa convocatoria de cursos de galego, recitais, xogos florais, exposicións etc., pero pronto comezaron a manifestarse tamén iniciativas de carácter máis político, como amosa o feito de presentaren en 1918 dous candidatos ás eleccións: Porteiro Garea por Celanova e Losada Diéguez pola Estrada, con negativos resultados en ámbolos dous casos[6]. Manuel Lugrís Freire redactou o que foi himno orixinario das Irmandades:

a ialma da nosa terra;
a redención de Galicia
nos seus acentos latexa.

Pobo que o seu verbo esquece
é traidor á natureza;
como irmáns todos falemos

A Nosa Terra, 1916
A Nosa Terra foi voceiro das Irmandades entre 1916-1932
Vilar Ponte, acto de homenaxe a Pondal no centenario 1835-1935 do seu nacemento, RAG
A. Villar Ponte foi un intelectual sobranceiro na historia contemporánea galega.

O 14 de novembro nace o órgano oficial das Irmandades, A Nosa Terra, dirixida por Villar Ponte e escrita integramente en galego, que naceu xa con 2.000 subscritores. En febreiro de 1917, Lois Porteiro Garea deu un mitin no Casino Republicano da Coruña, que supuxo o paso á actividade política do movemento, salto que tería fulminantes consecuencias, como o abandono dos elementos que só estaban interesados nun rexionalismo cultural e a perda de apoio da prensa da Restauración. A Nosa Terra deixouse de imprimir no obradoiro de La Voz de Galicia e este xornal converteríase no seu principal adversario. En novembro de 1917, unha delegación galeguista, encabezada por Porteiro, Ribalta e Peña Novo foi convidada a Barcelona para a Semana Galeguista que organizaba a Lliga Regionalista de Cambó. En setembro de 1917 colaborou coa Lliga para concorrer ás eleccións parlamentarias de febreiro de 1918, presentando candidaturas na Coruña (Antón Valcárcel) e en Celanova (Luís Porteiro), aínda que non foron elixidos.

No ano 1918, o xornal madrileño El Debate organizou na Coruña unha Semana Rexionalista, na que participaron as Irmandades e na que quedaron patentes as súas diferenzas respecto doutros movementos rexionalistas galegos, ao declararse nacionalistas, federalistas e progresistas. Galicia é defendida coma unha nación, é dicir, un país con raza, lingua, territorio, historia, institucións e cultura propias.

A I Asemblea Nazonalista celebrouse en Lugo entre o 17 e 18 de novembro de 1918 e contou coa asistencia de 16 agrupacións locais representadas por unhas 60 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Desta Asemblea saíu o "Manifesto Nazonalista que supuxo a superación definitiva do rexionalismo e que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a guerra civil. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.

Vicente Risco
Risco foi un activo membro das Irmandades.

Nas eleccións a Cortes celebradas en 1919 non presentaron candidaturas e mesmo recomendaban a abstención, aínda que a agrupación da Coruña defendeu logo a tese de participar nas municipais de setembro dese mesmo ano. Ante esta discrepancia, convocouse a II Asemblea Nacionalista en Santiago de Compostela (novembro de 1919), asemblea na que se definiron as dúas opcións políticas cada vez máis diverxentes, representadas polas Irmandades da Coruña, por unha banda, dirixidas por Peña Novo, e polos nacionalistas como Risco, Villar Ponte, Castelao e outros.

Nesta II asemblea decidiuse conmemorar o Día de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte.

En 1920 Vicente Risco publicou o ensaio Teoría do nacionalismo galego, verdadeiro ideario das Irmandades. Nesta obra postúlanse os trazos diferenciais históricos, xeográficos e culturais que lle dan a Galicia o status de nación[8].

A III Asemblea realizouse en Vigo no mes de abril de 1921.

Na IV Asemblea Nacionalista, celebrada en Monforte do 18 ao 20 de febreiro de 1922, as Irmandades esgazaron: a Irmandade da Coruña e algunhas pequenas da comarca mantiveron as formulacións orixinais, mentres que o resto das agrupacións constituíronse na Irmandade Nazonalista Galega, dirixida por Vicente Risco e que propugnaba a creación dun partido de corte nacionalista desde o que participar nun estado federalista e conseguir a autonomía pero mantendo o abstencionismo electoral limitándose á propaganda e organización ata que se consolidase, por situarse fóra do sistema os seus detractores acusárono de culturalista e apoliticista [9].

Pola súa banda, a Irmandade da Coruña, dirixida por Alfredo Somoza e Ánxel Casal, seguiu a editar A Nosa Terra durante a ditadura de Primo de Rivera. En 1923 convocaron a V Asemblea Nacionalista, que mantén a liña promulgada en 1918 e elixe a Peña Novo como primeiro Conselleiro.

A fracción representada por Risco aceptou entrar en concellos e deputacións durante a ditadura de Primo de Rivera en 1924, conseguindo o nomeamento de Villar Ponte, Losada Diéguez e o propio Risco.

No seo das Irmandades xorden o Grupo Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923), que continuarán a tarefa de difusión e reivindicación do idioma, así como o estudo e a investigación da realidade galega. Deste xeito escríbense as primeiras obras de ensaio en lingua galega, centradas no estudo e divulgación da historia e da cultura galegas: xeografía, etnografía, historia, filosofía etc. A creación de editoriais, revistas e xornais propician tamén un notábel incremento da actividade literaria.

Fundacion partido galeguista
Coa fundación do Partido Galeguista (1931), disólvense as Irmandades da Fala.

Entre 1929 e 1930 produciuse a reorganización das Irmandades. Villar Ponte abandona as posicións de Risco e reintégrase na Irmandade coruñesa e, xunto a Casares Quiroga, constitúe a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), desde a que asistirá á proclamación da II República e ás eleccións das Cortes Constituíntes (xuño de 1931); simultaneamente, outras agrupacións locais adoptan diferentes nomes. O 27 de abril de 1930, o grupo ourensán de Risco celebra a VI Asemblea Nacionalista, na Coruña, coa presenza das distintas tendencias das Irmandades, e acordan crear un Partido Autonomista Republicano Agrario, que nin sequera chegou a nacer.

Por fin, rexorden algunhas agrupacións locais (entre elas a de Pontevedra, dirixida por Castelao), e convócase a VII Asemblea Nacionalista, celebrada en Pontevedra en decembro de 1931. Nesta asemblea acordouse a creación dun partido político que aglutinase o galeguismo, constituíndose deste xeito o Partido Galeguista e a disolución das Irmandades.

A Irmandade da Coruña non se disolveu como tal, senón que modificou o seu estatuto para constituírse en Delegación do PG e mantivo a súa vida até 1936, aínda que moitos dos seus membros fundadores (Alfredo Somoza, Federico Zamora ou Arturo Taracido) non militaron xa nela senón que seguiron na ORGA-FRG. Victor Casas deixou a ORGA en novembro de 1931, Suárez Picallo non entrou no PG até 1933 e Antón Villar Ponte até marzo de 1934.

Afiliación

Placa en homenaxe ás Irmandades da Fala na Coruña
Placa no lugar onde foi fundada a primeira das irmandades, na Coruña.

A fins de 1916 as 6 irmandades locais contaban con 200 afiliados. No verán de 1918 formouse a Sección Feminina constituída por 200 mulleres e que tivo como conselleira primeira a Micaela Chao substituída en decembro por Xosefa Vázquez.[10] En novembro de 1918 xa eran 13 irmandades e 700 afiliados, a máis importante a da Coruña con arredor de 350 afiliados. En 1919 permanecían 500 afiliados e en 1924 só quedaban 200. Despois da ditadura de Primo de Rivera produciuse o renacer das Irmandades, que chegaron a 16 agrupacións e 700 afiliados en 1929, sendo xa 46 en 1931.

A maior parte dos membros das irmandades estaba constituída por intelectuais e profesionais liberais.

Ideoloxía e programa político e económico

Vocabulario Castellano-Gallego das Irmandades da Fala (1933)
Vocabulario castellano gallego, editado en 1933.

A composición ideolóxica dos homes que compuxeron nun principio as IF era ben variada, nela cabían desde republicanos como Antón Villar Ponte e demócratas radicais como Lois Porteiro, e o primeiro Xaime Quintanilla, rexionalistas liberais como Uxío Carré Aldao, rexionalistas tradicionalistas como Salvador Cabeza de León, Juan Barcia Caballero, Felipe Gil Casares, xaimistas como Antonio Valcárcel López e social-católicos como Luís Peña Novo. Van ser os sectores máis liberais e progresistas os que doten ás IF dun claro contido nacionalista fronte ó rexionalismo dos sectores máis conservadores que acabarán marchando ou sen alcanzar relevancia dentro das Irmandades, coa excepción de Antón Losada Diéguez.

No congreso celebrado en novembro de 1918 na cidade de Lugo, as Irmandades marcaron o seu programa político:

  1. Obxectivos prioritarios:
    1. Autonomía integral para Galicia.
    2. Autonomía municipal.
    3. Ingreso de Galicia na Liga das Nacións.
    4. Busca dunhas bases para facer posible un federalismo con Portugal.
  2. Obxectivos para Galicia:
    1. O poder lexislativo encomendábase a un Parlamento galego, elixido directamente polo pobo.
    2. O poder xudicial estaría sempre desenvolvido por cidadáns galegos.
    3. Réxime tributario propio, sen intervención do poder central.
    4. Cooficialidade do castelán e do galego.
    5. Igualdade de dereitos da muller.
    6. Supresión das Deputacións Provinciais.
    7. Lexislación social nas competencias que se estimasen non exclusivas do Estado.
    8. Toda a potestade docente.
    9. Administración (non construción) dos ferrocarrís.
    10. Fixación da cota de forzas que se estimasen precisas para manter a orde no país.
    11. Control da política económica, non excluídos os bancos.
    12. Substantividade do dereito foral galego.
    13. Recuperación por parte dos pobos dos montes comunais.
    14. Soberanía estética de Galicia, que conservase nas construcións o estilo digno e propio de cada marco xeográfico.

Notas

  1. Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
  2. Villar Ponte, Antón, Nacionalismo gallego, nuestra afirmación regional, A Coruña, Voz de Galicia, 1916; o texto tirouse de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, 2003, A Coruña, páx. 142
  3. Fernández del Riego, F.: Historia da literatura. Editorial Galaxia, 1984, px. 123. ISBN 84-7154-462-8.
  4. López Bernárdez, Carlos. As Irmandades da Fala, o soño dun teatro galego en Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa; tirado de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, A Coruña, 2003, páx. 133
  5. Cal, Rosa (1998) "Origen de la prensa nacionalista gallega: Apuntes divulgativos" Arquivado 11 de novembro de 2009 en Wayback Machine. (en castelán).
  6. Piñeiro, R.: "Importancia decisiva da Xeración Nós", en Grial nº 59 (xaneiro, febreiro, marzo de 1978), p. 11.
  7. Campos Villar, Xabier: "A evolución ideolóxica de Manuel Lugrís Freire Arquivado 03 de abril de 2010 en Wayback Machine.", en Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 2007. p. 45-53.
  8. VV.AA., Lingua e literatura II bacharelato, Rodeira, A Coruña, 2003, páx. 154,
  9. Justo G. Beramendi e Xosé Manoel Núñez Seixas (1996) O nacionalismo galego, Vigo: A Nosa Terra, páx. 132-133.
  10. Ínsua, Emilio; Martínez, Xurxo (2018). Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. Vigo: Xerais. p. 191. ISBN 978-84-9121-304-8.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

A Nosa Terra (1916)

A Nosa Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido Galeguista (1932-1936). Editouse integramente en galego e foi fundamental para o espallamento do ideal galeguista, así como para o achegamento a outras nacións. Publicáronse en total 422 números.

Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.Na súa traxectoria política foi un dos fundadores da ORGA (1929) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, se ben non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.

Eladio Oviedo Arce

Eladio Oviedo Arce, nado en Noia o 20 de marzo de 1864 e finado na mesma vila o 19 de xaneiro de 1918, foi un sacerdote e escritor galego.

Florencio Vaamonde

Florencio Vaamonde Lores, nado en Ouces (Bergondo) o 2 de abril de 1860 e finado na Coruña o 20 de outubro de 1925, foi un historiador e escritor galego. O seu irmán César foi un destacado historiador.

Gonzalo López Abente

Gonzalo Francisco López Abente, nado en Muxía o 24 de marzo de 1878 e finado na mesma vila o 23 de xullo de 1963, foi un escritor en lingua galega que cultivou o xornalismo, a narrativa, o teatro e a poesía, baseando na Costa da Morte boa parte da súa obra. Dirixiu a Irmandade da Fala de Muxía. En 1971 foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Juan Barcia Caballero

Juan Barcia Caballero, nado en Santiago de Compostela en 1852 e finado na mesma cidade o 10 de outubro de 1926, foi un médico e escritor galego.

Leandro Carré Alvarellos

Leandro Carré Alvarellos, nado na Coruña o 30 de agosto de 1888 e finado na mesma cidade o 14 de febreiro de 1976, foi un escritor galego..

Luís Amado Carballo

Luís Gustavo Amado Carballo, nado en Pontevedra o 2 de maio de 1901. e finado na mesma cidade o 3 de setembro de 1927, foi un escritor galego en lingua galega, cofundador da revista Alborada e pai do hilozoísmo ou animismo. Moi relixioso, interesado pola teosofía, militou como galeguista e pertenceu ás Irmandades da Fala. Foi, xunto con Manuel Antonio, un dos poetas máis destacados do seu tempo, pertencentes ambos a xeración de 1922 (ou de 1925). Morreu prematuramente por causa dunha tuberculose. No ano 1982 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Luís Porteiro Garea

Luís Porteiro Garea, nado en Lugo o 16 de novembro de 1889 e finado en Frades o 27 de outubro 1918, foi un avogado e político galego, fundador das Irmandades da Fala.

Manuel Banet

Manuel Banet Fontenla, nado na Coruña o 30 de marzo de 1871 e finado na mesma cidade o 30 de setembro de 1962, foi un avogado e escritor galego.

Manuel Lugrís Freire

Manuel Lugrís Freire, nado en Sada o 11 de febreiro de 1863 e finado na Coruña o 15 de febreiro de 1940, foi un poeta, ensaísta e dramaturgo galeguista, un dos principais animadores da política e da cultura galegas de principios do século XX. Fundou o primeiro periódico americano redactado en lingua galega. Foi director ou cofundador da Escola Rexional de Declamación, da Real Academia Galega, do sindicato Solidaridad Gallega, das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista e membro do Seminario de Estudos Galegos. Foi pai do pintor Urbano Lugrís González. En 2006 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Organización Republicana Gallega Autónoma

A Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) foi un partido político galego, de carácter republicano e autonomista que se fundou no outono de 1929 na Coruña coa participación das Irmandades da Fala locais e o Casino Republicano dirixido por Santiago Casares Quiroga, quen se converteu no seu principal dirixente a pesar de seren maioritarios os galeguistas nun primeiro momento, o que explica que no seu primeiro manifesto a ORGA reclamara unha república federal e que cando o sector galeguista quedou en minoría a ORGA defenda o autonomismo, inda que mornamente.

Roberto Blanco Torres

Roberto Blanco Torres, nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en San Fiz de Galez, Entrimo, o 3 de outubro de 1936, foi un xornalista e poeta galego. Deu os primeiros pasos na poesía da man das vangardas artísticas. A súa obra poética é cualificada polos críticos como dunha grande beleza e intensidade expresiva. Outra das facetas deste home de letras é a de xornalista. O seu traballo nos medios impresos foi moi extenso e variado. A sinatura de Roberto Blanco Torres nas columnas de opinión caracterizou practicamente unha época xornalística.

Ademais de ser colaborador asiduo da prensa galega dirixiu varios xornais. As súas columnas desprenden o talante combativo que caracteriza toda a súa obra. Dende Cuntis, a súa vila natal, emigrou a Cuba. Comprometido co seu tempo, evolucionou politicamente dende o agrarismo ata o galeguismo. Á súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.

Rodrigo Sanz

Rodrigo Sanz López, nado en Ferrol o 29 de decembro de 1872 e finado en Santiago de Compostela o 26 de agosto de 1939, foi un político e investigador galego.

Salvador Cabeza de León

Salvador Cabeza de León, nado en Betanzos o 4 de febreiro de 1864 e finado en Santiago de Compostela o 20 de maio de 1934, foi un destacado galeguista, profesor e político galego.

Victoriano Taibo

Victoriano Taibo García, nado en Santiago de Compostela o 22 de abril de 1885 e finado en Vigo o 13 de marzo de 1966, foi un mestre, poeta e narrador galego, discípulo literario de Ramón Cabanillas, galeguista, de esquerdas, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega.

Xaime Quintanilla Martínez

Xaime Quintanilla Martínez, nado na Coruña o 13 de xuño de 1898 e finado en Ferrol o 18 de agosto de 1936, foi un médico cirurxián, político socialista, xornalista, dramaturgo e escritor galego. Foi o pai do tamén alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla Ulla.

Xosé Ramón Fernández-Oxea

Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey ou Xan Fouciño, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria. Colaborou con publicacións como O Tio Marcos d'a Portela, La Zarpa, Nós, A Nosa Terra, Lar, Opinión Gallega, Eufonía, La Temporada en Mondariz, Faro de Vigo, La Noche, Vieiros, Boletín de la Real Academia Gallega, Cuadernos de Estudios Gallegos, El Museo de Pontevedra e Chan. Foi membro das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. En 1986 foi galardoado coa Medalla Castelao.

Xoán Vicente Viqueira

Xoán Vicente Viqueira Cortón, nado en Madrid o 22 de outubro de 1886 e finado na Lagoa, Bergondo, o 29 de agosto de 1924, foi un filósofo, psicólogo e pedagogo galego, conferenciante con sona de excelente orador, alumno da Institución Libre de Enseñanza, tradutor de autores europeos ao castelán, membro das Irmandades da Fala e participante nas asembleas nacionalistas. O nacionalismo galego de Viqueira era democrático, republicano, federal, socialista e laico, en contraposición co galeguismo conservador e católico de Vicente Risco. No ano 1974 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Partidos políticos
Sindicatos
Organizacións armadas
Asociacións xuvenís e de estudantes
Movementos sociais

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.