Invernadoiro

Un invernadoiro é unha construción acristalada na cal se cultivan plantas, a maior temperatura ca no exterior. Aproveita o efecto producido pola radiación solar que, ó atravesar un vidro, quenta os obxectos que hai detrás; estes, á súa vez, emiten radiación cunha lonxitude de onda maior cá da (radiación infravermella) solar que ten dificultade para saír a través dos cristais. Por outro lado os peches do recinto, paredes e fiestras, encerran o aire quente impedindo a súa saída e intercambio por aire máis frío do exterior.

Kew gardens greenhouse
Vista panorámica do interior dun invernadoiro nos Kew Gardens, Londres

Características

En ausencia dun recubrimento por cristais a calor absorbida eliminaríase por correntes convectivas e pola emisión de radiación infravermella de lonxitude de onda superior á visible. A presenza dos cristais impide o transporte da calor acumulada cara ó exterior por convección mentres que apenas obstrúe a saída de radiación infravermella. O efecto neto é o de acumulación da calor e aumento de temperaturas do recinto.

Contrariamente á crenza popular, a radiación infravermella escapa en gran medida a través dos cristais. O efecto de aumento de temperatura é debido case exclusivamente ó confinamento do aire quente que producen as paredes e teitos do invernadoiro. En contraposición, o mal chamado efecto invernadoiro meteorolóxico está ocasionado pola maior opacidade da atmosfera á radiación infravermella.

Ocorre que as perdas de calor por transmisión a través dun vidro son moi grandes (o vidro ten un factor de transmisión K = 6,4 W/m2K, aínda maior se está en posición inclinada respecto á vertical). O resultado é que, a maior temperatura, menor será o efecto de retención da calor, é dicir que ó aumentar a temperatura aumentarán as perdas diminuíndo o rendemento do sistema.

Este efecto pode aproveitarse para aumentar doadamente a temperatura das habitacións en inverno, pero debe evitarse en verán.

Un exemplo deste efecto é o aumento de temperatura que toma o interior dos coches cando están ó sol. Basta unha chapa metálica (os espazos habituais dos estacionamentos, sen ningún tipo de illamento térmico) que dea sombra, impedindo o paso do sol polo vidro, para que non se quente tanto.

Dende antigo aproveitouse este efecto na construción, non só en xardinería. As fiestras das casas en países fríos son máis grandes cás dos cálidos para que a espesura do muro non produza sombra. Os miradoiros acristalados son outro medio de axudar ó quentamento dos locais.

Na xardinería antiga española, os invernadoiros coñecíanse como estufas frías.

Véxase tamén

Bibliografía

  • The physics of atmospheres, J. Houghton, Cambridge University Press, 2002, ISBN 0-521-80456-6, presenta unha explicación clara do efecto invernadoiro en invernadoiros e na atmosfera terrestre.
Aeroxerador

Un aeroxerador é un dispositivo cun xerador destinado a converter enerxía eólica en enerxía eléctrica. Este tipo de xerador tense popularizado rapidamente debido ao feito de que ao ser a enerxía eólica un tipo de enerxía renovábel, apenas produce custos de produción como tampouco non produce contaminación nin contribue ao efecto invernadoiro. No entanto, a cantidade de enerxía producida por este medio é aínda unha mínima parte (arredor do 1% do consumo mundial) da que se consome nos países desenvolvidos. Galiza é unha das zonas mais avanzadas en produción de enerxía eólica, cun 12%, lonxe do 18% de Dinamarca, aínda que proporcionalmente máis, ben por riba da media da UE.

Os aeroxeradores tamén se coñecen popularmente co nome de virandelos.

Cambio climático

Chámaselle cambio climático á variación global do clima da Terra. Tales cambios prodúcense a moi diversas escalas de tempo e sobre tódolos parámetros climáticos: temperatura, precipitacións, nubosidade etcétera. Son debidos a causas naturais e, nos últimos séculos, tamén á acción do home na biosfera.

O termo moitas veces úsase de xeito reducionista para facer referencia tan só ós cambios climáticos que suceden no presente, como sinónimo de quecemento global. O UNFCC (United Nations Framework Convention on Climate Change) usa o termo cambio climático só para referirse ó cambio por causas humanas. Ó producido por causas naturais denomínao variabilidade climática. Nalgúns casos, para referirse ó cambio de orixe humana úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico.

O día 12 de decembro de 2009 celebrouse o Día de acción global contra o cambio climático.

Comarca do Salnés

A comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa á cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. Con poucas palabras, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense. Fontes históricas apuntan á existencia de conflitos relacionados coas salinas localizadas en diferentes puntos da comarca, concretamente nas freguesías de Nogueira, Vilalonga, Noalla e Dena, actualmente pertencentes aos concellos de Meis, Sanxenxo e Meaño.

Contaminación atmosférica

A contaminación atmosférica fai referencia á alteración da atmosfera pola adición de gases, ou partículas sólidas ou líquidas en suspensión en proporciones distintas ás naturais.

O nome de contaminación atmosférica aplícase polo xeral ás alteracións que teñen efectos prexudiciais sobre a saúde dos seres vivos e os elementos materiais, e non a outras alteracións inocuas. Os principais mecanismos de contaminación atmosférica son os procesos industriais que implican combustión, tanto en industrias como en automóbiles e calefaccións residenciais, que xeran dióxido e monóxido de carbono, óxidos de nitróxeno e xofre, entre outros contaminantes. Igualmente, algunhas industrias emiten gases nocivos nos seus procesos produtivos, como cloro ou hidrocarburos sen queimar.

A contaminación atmosférica pode ter carácter local, cando os efectos ligados ao foco acontecen nas inmediacións do mesmo, ou planetario, cando, polas características do contaminante, se ve afectado o equilibrio xeral do planeta e zonas afastadas ás que conteñen os focos emisores.

Deforestación

A deforestación é o proceso de desaparición de masas forestais (bosques), fundamentalmente causada pola actividade humana. A deforestación está directamente causada pola acción do ser humano sobre a natureza, principalmente debido ós cortes de árbores, tanto as realizadas pola industria madeireira, como aquelas que pretenden a obtención de solo para cultivos agrícolas.

Nos países máis desenvolvidos, prodúcense outras agresións como a chuvia ácida que comprometen a supervivencia dos bosques, situación que se pretende controlar mediante a esixencia de requisitos de calidade para os combustibles, como a limitación do contido de xofre.

Nos países menos desenvolvidos, as masas boscosas redúcense ano tras ano, mentres que nos países industrializados estanse recuperando debido ás presións sociais, reconverténdose os bosques en atractivos turísticos e lugares de esparexemento.

Así a todo, debe terse en conta que as plantacións de reforestación non substitúen en ningún caso o bosque, xa que este é un ecosistema que tarda décadas e nalgúns casos séculos en formarse, constituíndo o bio-sistema óptimo de aproveitamento da luz solar. En cambio, a reforestación no mellor dos casos é un conxunto de árbores situadas segundo unha separación fixada artificialmente, entre as cales xorde unha vexetación herbácea ou arbustiva que non acostuma darse no bosque. E no peor dos casos, plántanse árbores non autóctonas que en ocasións danan o substrato, como ocorre en moitas plantacións de piñeiro, abeto ou eucalipto.

Unha consecuencia da deforestación é a desaparición de sumidoiros de dióxido de carbono, reducíndose a capacidade do medio de absorber as inxentes cantidades deste gas causante do efecto invernadoiro, e agravando o problema do quentamento global.

Como medida de contención, diversos organismos internacionais propoñen a reforestación, medida parcialmente aceptada polos movementos ecoloxistas, ó entender estes que na repoboación debe considerarse non só a eliminación do dióxido de carbono, senón ademais, a biodiversidade da zona a repoboar.

Dióxido de carbono

O dióxido de carbono (antes anhídrido carbónico) é un composto químico constituído por dous átomos de osíxeno e un átomo de carbono. A representación química é CO2. O dióxido de carbono foi descuberto polo escocés Joseph Black en 1754.

Efecto invernadoiro

Denomínase efecto invernadoiro á absorción, por parte da atmosfera, de emisións infravermellas impedindo que escapen ó espazo exterior aumentando polo tanto as temperaturas medias do planeta.

O efecto invernadoiro evita que a calor do Sol deixe a atmosfera e volva ó espazo. Isto quenta a superficie da terra co cal se produce o efecto de invernadoiro. Existe unha certa cantidade de gases de efecto de invernadoiro na atmosfera necesaria para quentar a terra. Actividades como a queima de combustible fósil emiten gases (especialmente, dióxido de carbono, CO2) que actúan impedindo que escape a calor. Moitos científicos consideran que como consecuencia se está producindo o quentamento global. Outros gases que contribúen ó problema inclúen os clorofluorocarburos (CFC), o metano, os óxidos nitrosos e o ozono.

Enerxía eólica

A enerxía eólica é a enerxía que se obtén do vento. Esta fonte de enerxía vén sendo aproveitada dende a antigüidade por diversos medios, en particular muíños en terra e velas no mar. A verba eólico vén do latín Aeolicus, pertencente ou relativo a Eolo, deus dos ventos na mitoloxía grega.

Nos derradeiros anos do século XX Galicia pasou a ser un lugar cun parque eólico (de muíños para producir enerxía eléctrica) de gran tamaño relativo.

Na actualidade, a enerxía eólica é utilizada principalmente para producir enerxía eléctrica mediante aeroxeradores. A finais de 2007, a capacidade mundial dos xeradores eólicos foi de 94.1 xigavatios. Mentres a eólica xera arredor do 1% do consumo de electricidade mundial, representa arredor do 19% da produción eléctrica en Dinamarca, 9% en España e Portugal, e un 6% en Alemaña e Irlanda (datos do 2007).

É un recurso abundante, renovábel, limpo e axuda a minguar as emisións de gases de efecto invernadoiro ao substituír termoeléctricas a base de combustibles fósiles, o que a converte nun tipo de enerxía verde. O seu principal inconveniente é a súa intermitencia.

Estación de Atocha

A Estación de Atocha (ou do Mediodía), situada no barrio de Atocha de Madrid, é o maior complexo ferroviario de España.

É a primeira estación ferroviaria de España en traxectos nacionais, e a segunda en traxectos internacionais, só superada por Barcelona-Sants. Non constitúe unha estación única, senón que por mor da reforma integral á que foi sometida entre 1985 e 1992 divídese en tres:

Madrid-Puerta de Atocha

Madrid-Atocha Cercanías

Atocha Renfe, estación de metro da liña 1.Estes dous últimos elementos á súa vez están integrados nun intercambiador de transportes que conecta con outras liñas de autobuses urbanos e interurbanos. Deste xeito constitituye un nodo fundamental na rede de transporte da cidade de Madrid, da área metropolitana e da rede ferroviaria de España en definitiva ao ser punto de intercambio entre rede de Metro, autobuses urbanos e interurbanos, taxis, trens de proximidades, de Media Distancia, de Longa Distancia e de Alta Velocidade. Ademais nela conflúen tres anchos distintos de vía: o ancho ibérico en Madrid-Atocha Cercanías; o ancho madrileño de 1.445mm en Atocha Renfe e, o ancho internacional ou UIC en Madrid-Puerta de Atocha. Isto débese a que o Goberno de España decidiu que as liñas AVE faríanse neste ancho para adaptar definitivamente a rede española, illada tradicionalmente de Europa.

Inaugurada no século XIX, a estación é un dos lugares máis castizos de Madrid, sempre chea de multitude como a que despedía aos soldados que partían á Guerra de África, escenario de obras como as de Galdós, pero sobre todo escenario do acontecemento clave na historia española que foron os atentados islamitas do 11-M en 2004 e a súa intensa resposta popular.

Da estación en xeral é característica a xustaposición da modernidade das súas constantes ampliacións e o estilo decimonónico da súa fachada ou o seu atrio, agora convertido nun húmido invernadoiro para facer cómoda a espera do viaxeiro. Este xardín tropical cuberto de 4.000 m² está poboado por máis de 500 especies, entre elas plantas carnívoras, acuáticas, peixes de cores e os seus famosos galápagos.

Nos seus arredores atópanse o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. o museo Etnológico, o observatorio Astronómico, o Goberno Militar e a Basílica da nosa Señora de Atocha.

Gas de efecto invernadoiro

Os denominados gases de efecto invernadoiro ou gases invernadoiro, responsables do efecto descrito son:

Vapor de auga (H2O)

Dióxido de carbono (CO2)

Metano (CH4)

Óxidos de nitróxeno (NOx)

Ozono (O3), e

Clorofluorocarburos (artificiais).Se ben todos eles (salvo os CFC) son naturais, en tanto que xa existían na atmosfera antes da aparición do home, desde a Revolución Industrial e debido principalmente ó uso intensivo dos combustibles fósiles nas actividades industriais e o transporte, producíronse sensibles incrementos nas cantidades de óxidos de nitróxeno e dióxido de carbono emitidas á atmosfera, co agravante de que outros problemas como a deforestación limitaron a capacidade rexenerativa da atmosfera para eliminar o CO2 (principal responsable do efecto invernadoiro).

Jean-Baptiste Joseph Fourier

Jean-Baptiste-Joseph Fourier, nado o 21 de marzo de 1768 en Auxerre, finado o 16 de maio de 1830 en París, foi un matemático e físico francés coñecido polos seus traballos sobre a descomposición de funcións periódicas en series trigonométricas converxentes chamadas Series de Fourier, método co cal conseguiu resolver a ecuación da calor. A transformada de Fourier recibe o nome na súa honra. Foi o primeiro en dar unha explicación científica ao efecto invernadoiro nun tratado. Dedicóuselle un asteroide que leva o seu nome, descuberto en 1992.

Metano

O metano é un composto de carbono e hidróxeno, de fórmula CH4. É un hidrocarburo, o primeiro membro da serie dos alcanos. É máis lixeiro que o aire, incoloro, inodoro e inflamable. Encóntrase no gas natural (entre un 75% e un 90%), no gas grisú das minas de carbón, nos procesos das refinerías de petróleo, e como produto da descomposición da materia nos pantanos. É un dos principais compoñentes da atmosfera dos planetas Saturno, Urano e Neptuno.

Pode obterse mediante a hidroxenación de carbono ou dióxido de carbono, pola acción da auga con carburo de aluminio ou tamén ó quentar etanoato de sodio cun álcali.

É apreciado como combustible e para producir cloruro de hidróxeno, amoníaco, etino (acetileno) e formaldehido.

Océano Ártico

O océano Ártico, tamén coñecido como océano Glacial Ártico, é a menor das cinco grandes divisións oceánicas do planeta Terra.

Está situado no hemisferio norte, na súa gran maioría na rexión polar ártica. A Organización Hidrográfica Internacional recoñece o Ártico como un océano, se ben é chamado por parte da oceanografía mar Ártico Mediterráneo ou simplemente mar Ártico, clasificándoo como un dos mares mediterráneos do océano Atlántico. Por outro lado, o océano Ártico pode ser visto como o lobo norte do océano Mundial.

Case completamente envolvida por Eurasia e por América do Norte, o océano Ártico está parcialmente cuberto por xeo durante todo o ano: case por completo no inverno, se ben no comezo do século XXI a superficie cuberta por xeo é de só entre 1/3 e 1/2 a finais do verán. A temperatura e a salinidade do océano Ártico varían segundo esta cobertura de xeo se derrete e conxela; a media de salinidade é a máis baixa en comparación cos cinco grandes océanos, debido á baixa evaporación, ao fluxo pesado de auga doce de ríos e correntes, e a conexión limitada con augas oceánicas de salinidade máis elevada. No verán o nivel do xeo diminúe nun 50 %. O National Snow and Ice Data Center (NSIDC) usa datos de satélite para fornecer un rexistro diario da cobertura de xeo do Ártico e a taxa de fusión, en comparación cun período medio dos últimos anos.

Premià de Dalt

Premià de Dalt é un municipio de Cataluña, España, pertencente á provincia de Barcelona, na comarca do Maresme. A localidade está situada a uns 20 km de Barcelona.

Protocolo de Quioto

O Protocolo de Quioto sobre o cambio climático é un convenio sobre cambio climático, auspiciado pola ONU dentro da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC) e asinado en 2002 pola Unión Europea, que ten como obxectivo que os países industrializados reduzan as súas emisións de CO2 nun 8% por debaixo do volume de 1990, xa que os que están en vías de desenvolvemento non teñen ningunha restrición, como é o caso de China, India, Brasil, por citar os máis contaminantes. O seu nome formal é Kyoto Protocol To the United Nations Framework Convention on Climate Change.

Quecemento global

O quecemento global é un incremento no tempo da temperatura media da atmosfera terrestre e dos océanos. A teoría do quecemento global postula que a temperatura se elevou desde finais do século XIX debido á actividade humana, principalmente polas emisións de dióxido de carbono que incrementaron o efecto invernadoiro. A teoría predí, ademais, que as temperaturas continuarán subindo no futuro se continúan as emisións de gases de efecto invernadoiro.

A denominación "quecemento global" xeralmente implica a actividade humana. Unha denominación máis neutral, cambio climático, utilízase normalmente para designar calquera cambio no clima, sen entrar en discusións sobre a súa causa. En cambio para indicar a existencia de influencia humana, ás veces emprégase o termo cambio climático antropoxénico.

Frecuentemente a discusión céntrase na temperatura, pero o quecemento global ou calquera tipo de cambio climático implican cambios noutras variables: as precipitacións globais e os seus patróns, a cobertura de nubes e todos os demais elementos do noso sistema atmosférico veranse afectados pola diminución da emisión de radiación infravermella cara ó espazo, debido ós cambios nas concentracións de gases de efecto invernadoiro no ambiente.

O corpo multigobernamental e científico encargado da súa análise global é o IPCC (siglas en inglés do Inter-Governmental Panel on Climate Change, o Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático). Unha das súas liñas de acción máis visibles é o Protocolo de Quioto, que promove unha redución de emisións contaminantes (principalmente gases de invernadoiro) por parte dos países industrializados.

A finais da década de 2010 o quecemento global ten xerado diversos movementos de petición de acción, como a folga escolar polo clima, a máis de ter impulsado a partidos ecoloxistas en diversas eleccións, nun movemento de alcance global.

Venus

Venus é o segundo planeta contando desde o Sol e ten algunhas características peculiares. Ten unha rotación retrógrada (a máis de lenta); é dicir, o Sol sae polo oeste. A súa atmosfera chega a ser extremadamente densa nas capas interiores, o que lle produce, xunto coa súa composición, un efecto invernadoiro moi forte, que mantén a súa superficie a uns 500 ºC. A súa atmosfera está constituída case exclusivamente por gas carbónico (dióxido de carbono, CO2).

Ó estar máis cerca do Sol que a Terra, Venus presenta fases tal como o fai a Lúa, se ben non chega a producirse nada máis que unha parte das que corresponden ó noso satélite, pois non pode poñerse de xeito máis afastado do Sol que o que está a Terra. Estas fases foron primeiro observadas por Galileo e foron utilizadas por el como un indicio de que os planetas xiran arredor do Sol.

É, a maior parte do tempo (despois da Lúa), o corpo celeste máis brillante no ceo ó anoitecer (ou pouco antes de anoitecer). O feito de que Venus só apareza neses momentos ten que ver co feito de estar máis cerca do Sol que a Terra, chegando a tomar unha altura máxima en relación ó Sol de menos de 45º.

Xardineiro

Chámase xardineiro á persoa que ten por ocupación o coidado e mantemento dos xardíns.

Entre as ocupacións dos xardineiros atópanse a conservación de sementes ou bulbos dentro do sementeiro; o cultivo de flores e plantas ata que teñan a idade suficiente para ser transplantadas etc. Estas primeiras actividades adoitan realizarse baixo cuberto, no invernadoiro, pero tamén poden realizarse en terreos habilitados no exterior.

Os xardineiros tamén se ocupan da preparación e o tratamento da terra na que deben ser colocadas, da poda, os enxertos, a retirada de flores e plantas mortas e a súa substitución por outras, a mestura e preparación de insecticidas e outros produtos para o tratamento de pragas ou fertilizante do xardín. No xardín, plantan as flores e outras plantas segundo o programa establecido atendendo a criterios estéticos. Ademais, preparan os terróns ou a herba artificial que deba ser colocada.Para o seu traballo axúdanse de diferentes ferramentas e maquinaria eléctrica tales como:

angazos, utilizados para preparar o terreo

pas, utilizadas para retirar a terra

eixadas, de diferentes tamaños, serven para remexer a terra

vasoira de xardineiro, úsase para retirar os desperdicios xerados no traballo

cortacéspede, máquina que corta o céspede e almacénao nun recipiente

mochilas con tratamentos

Xardín Botánico de Missouri

O Xardín Botánico de Missouri é un xardín botánico situado en St. Louis, Missouri. Coñécese informalmente como Shaw's Garden polo seu fundador, o filántropo Henry Shaw.

Outras linguas

This page is based on a Wikipedia article written by authors (here).
Text is available under the CC BY-SA 3.0 license; additional terms may apply.
Images, videos and audio are available under their respective licenses.